Xan 11 2017

Artigo en QPC (XIX): «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente

Published by at 19:12 under Fotografía,Historia,Poesía



(O pino de Corcubion, nunha fotografía publicada en Vida Gallega, 25-07-1924, e noutra imaxe posterior de 1927, recuperada por Jano Lamas)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente, unha árbore senlleira e simbólica. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

«O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente

Ao fío do artigo publicado por Modesto García Quintáns no diario dixital Que pasa na Costa sobre a historia do antigo e desaparecido pino de Corcubión, que delimitaba os lindeiros dos territorios deste concello co veciño de Cee, lembraremos nesta anotación como esta árbore senlleira tamén pasou ao mundo da literatura e da poesía a través dos versos do muxián Gonzalo López Abente, quen aínda hoxe tería familiares da estirpe abentiana na vila corcubionesa.

A relación de López Abente con Corcubión tamén posúe unha vertente literaria. Sabemos que o seu primeiro poema (até hoxe coñecido) apareceu publicado postumamente dentro do libro Decrúa (1966) nun apartado final de «Recobrados», co título «Un velorio nunha aldea», datado en 1899, cando o poeta tiña 21 anos e aínda non estaba plenamente incorporado á escrita monolingüe en galego que o ía caracterizar andando o tempo.

Nesa altura, sobrancea a súa presenza habitual na prensa local e comarcal, nas páxinas dun xornal que tivo unha existencia efémera, El Celta de Corcubión, onde en 1901 xa publica artigos e poemas, aínda en castelán, e tamén nas de El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, xornal vencellado ao Partido Liberal e do que se conservan escasos números, que mesmo chegou a dirixir.

Anos despois, sendo xa o autor de dous libros éditos, publicou outro poema intitulado «Camiño da Terra» no xornal Nerio, ano II, nº 11. Corcubión, 1/VI/1921. E ao pouco tempo gañou cun longo poema que leva por título «Ara-Solis» un concurso literario na vila, pois así consta no mecanoscrito que nos facilitara no seu día o antropólogo muxián Manuel Vilar, onde sinala de maneira literal: «Primeir premio no Certamen / Literario celebrado en Corcubión / no mes de setembro de 1.921»

Desta época é a primeira versión do poema sobre o pino de Corcubión. Daquela aínda levaba por título «O pino derrubado» e apareceu reproducido en Nós. El Noroeste, A Coruña, 19 de novembro de 1918; en O Tío Marcos da Portela, Parrafeos c’o Pobo Gallego, Ourense, 43, 21 de novembro de 1918; e por último en A Nosa Terra, 73/74, 5 de decembro de 1918.

Con pequenas mudanzas o poeta recobrouno para ser publicado na revista Nemancos, que só tivo tres números e que creou o finado e chorado cronista ceés Baldomero Cores Trasmonte. Desta volta o poeta tamén muda o título por «O pino de Corcubión», Nemancos, Cee, 1, 1953. E nesta publicación afirma que se inspirou nunha crónica do propio Cores Trasmonte, cando a creación do poema viña de décadas atrás.

Finalmente, o texto tamén foi incorporado polo seu curmán Horacio Bermúdez Abente, emigrante na Arxentina, cando compilou textos dispersos do poeta muxián postumamente no volume Decrúa, que levaba por subtítulo Poemas e que apareceu nun selo editorial denominado Edicións Muxía en Buenos Aires e con datación no ano de 1966.

Velaquí a última e definitiva versión do poema «O pino de Corcubión»:

19
O PINO DE CORCUBIÓN

Inspirada nunha crónica
de Cores Trasmonte.

¿Ulo o vedro piñeiro, o Patriarca
das hostes rumorosas
que bulen nas encostas bretemosas
da nativa comarca?

O enfesto centinela,
o inspirado cantor, o bardo vello
que se ollaba no espello
de cristal, nesta orela
da ría meiga, transparente e mansa,
para sempre descansa.

Hoube un machado forte;
¿de quen sería?
hoube un beixo de morte,
¿quén o daría?

¡O vento…! ¡O vento…! din as raparigas
que choran polo amado trovador.
Nunha aperta axuntadas pola dôr
quedan dúas amigas…
—unha soia, galana e quisquilleira
deitada na ribeira—.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XIX): «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente

Comments are closed at this time.