Archive for Xaneiro, 2017

Xan 31 2017

Presentación do libro A relixión do mar, de Xosé Iglesias, o xoves 2 de febreiro ás 20:00h. na Libraría Pedreira

Recibo na caixa do correo electrónico este convite para o lanzamento ou presentación da obra A relixión do mar, o novo libro de Xosé Iglesias, que vai ter lugar o vindeiro xoves 2 de febreiro ás oito da noite na compostelá Libraría Pedreira.

Do noso amigo Xosé Iglesias (Cee, 1974), mariñeiro e poeta ou poeta e mariñeiro, xa se falou aquí ou acolá, lembrando que mantén unha ben interesante e suxestiva canle propia de comunicación poética e do saber da súa arriscada profesión no mar a través de videos en youtube.

A relixión do mar gañou o IX premio de poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoranos. Dese libro reproduzo o poema «Costa da Morte», un dos textos que ten a Costa da Morte na súa cerna, que se pode escoitar recitado coa súa propia voz neste video, ao que segue o texto facilitado polo propio autor, a quen llo agradecemos e a quen parabenizamos polo premio e pola publicación. Medre o Mar!

(Adicado o profesor José Baña Heim , autor do libro
Costa de la muerte
Historia y anecdotario de sus naufragios)

Costa da morte

Camiña  o  vento  na  pedra
Nas  árbores descarrilan as  sombras
do semblante
Emerxe o alento místico da borrasca
O fío  que  cose  os retais da dor
O  martelo  calafatea as  feridas da noite
Nos  cons están  os  coitelos
As  voces dos afogados
As  unllas  que  desgarran a mexilla
As  baleas chaman os  capitáns
No monte os bois
alumean o camiño do faro
O paso  invisibel da  santa   compaña
Un carpinteiro  de  ribeira
constrúe un barco
Embarroa  as  cadernas
con unto de temporais
Un mariñeiro  encarna  as  nasas
coa fame dos  fillos
E dálle  avante¡¡¡
Nos  peiraos os  lobos escriben
a  historia de  cada   embarcación
Todo é luz todo  é noite
Todo  é  calma  todo  é inferno
As  situacións  dos  navíos
confúndese na xerfa.
Os  crebeiros érguense cedo
para atopar  restos do naufraxio
Cabo Fisterra, Vilán
Traba, Sisargas
Un home espido constrúe
un museo no argazo
Chove por  riba  dos bois
Levan  nos cornos
os lóstregos da infamia
Dous rapaces famentos
ollan o  horizonte

Comentarios desactivados en Presentación do libro A relixión do mar, de Xosé Iglesias, o xoves 2 de febreiro ás 20:00h. na Libraría Pedreira

Xan 31 2017

Un artigo de Luís Lamela lembra a celebración do 1º de maio de 1936 en Cee e Corcubión

Published by under Historia



(Fotografías do Arquivo de Luís Lamela)

Moito aprendemos grazas ao labor de investigación histórica e de divulgación que realiza a miúdo o meu caro amigo Luís Lamela. Desta volta escribiu unha magnífica evocación sobre a memoria histórica das organizacións sindicais na II República no artigo intitulado «Reivindicaciones sindicales en Cee y en Corcubión», publicado na súa sección «Galicia oscura, Finisterre vivo» que adoita dar a coñecer na edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia.

Hónrame reproducir nesta bitácora o seu artigo, que se pode ler en papel ou tamén nesta ligazón, ao tempo que parabenizamos máis unha vez ao seu autor. Velaquí un texto de referencia para todos nós:

Reivindicaciones sindicales en Cee y en Corcubión

El 1 de mayo de 1936, las centrales de los dos pueblos organizaron una marcha conjunta, la primera

Luís Lamela

31/01/2017

No existe duda de que la historia explica cómo hemos llegado al lugar donde nos encontramos actualmente. Y, como estas citas de Galicia oscura, Finisterre vivo se convirtieron en un lugar de encuentro con la memoria local y con la historia de A Costa da Morte, quizás sea oportuno ofrecer hoy un poco de historia sindical a la que muy pocos prestaron la debida atención. La lucha que los sindicatos y el comité de empresa está desarrollando para evitar la venta de las centrales hidroeléctricas de Ferroatlántica, podría hacer interesante conocerla.

Poco después de proclamarse la Segunda República española, en 1931, se constituyeron en Corcubión y Cee dos sociedades Obreras de Oficios Varios, la de la villa de San Marcos afecta a la CNT y la segunda a la UGT socialista. Poco tiempo después, y obedeciendo la orden de la Federación Regional Obrera, los sindicalistas y obreros corcubioneses declararon una huelga intentando cerrar comercios y prohibiendo que las lecheras repartiesen leche.

Los huelguistas pertenecían a los sectores de la pesca, marineros y estibadores del muelle y también algunos labriegos poco acostumbrados a la unión sindical y a la lucha obrera. La sociedad corcubionesa recibió el paro con cierto sarcasmo, argumentando que la mayor parte del año ya estaban en huelga forzosa por falta de trabajo los unos, y por los frecuentes temporales que impedían salir a faenar, a los otros.

No obstante, según fueron pasando los meses y los años tanto los sindicalistas de uno y otro pueblo fueron ganando el respeto de sus contemporáneos, negociando con los patronos mejoras que a todos beneficiaron.

En los primeros meses de 1936 el corcubionés Luis Prados se hizo cargo de la presidencia de la Sociedad Obrera de Oficios Varios, La Igualdad, y este sindicato, para celebrar el 1º de mayo decidió festejarlo conjuntamente con los sindicalistas de Cee.

Y, así, a las 16 horas del citado día partió una concentración de obreros de Corcubión camino de la villa de A Xunqueira, recogiendo a los ugetistas ceenses y retornando todos juntos a Corcubión, pacíficamente, y con dos filas de servicio de orden, con el fin de exponer ante el consistorio de la villa de San Marcos sus reivindicaciones conjuntas.

De esta manifestación nos queda el testimonio del corcubionés y sindicalista Pedro Abelleira Freire, Pedro de Costa, que envió una fotografía (la de la imagen) a un amigo que residía en la Argentina, Manuel Lorenzo Rivera O Caloio, escribiendo al reverso de la misma: «Ten en conta que foi a primeira que neste pobo cheo de miseria, falto de traballo, e morto de fame se fixo con este contexto. Por esta verás que dous pobos que sempre se odiaron hoxe se abrazan fraternalmente». Todo un hito sindical para la comarca de Nemancos, la actual de Fisterra.

Otra, y multitudinaria

En el mes de julio siguiente, y antes del levantamiento militar franquista, los sindicalistas de Corcubión participaron en otra multitudinaria manifestación que juntó también a obreros de Cee, Ameixenda, Ezaro, O Pindo… encabezadas por las autoridades civiles locales y rematando la concentración frente a la casa del consistorio.

Allí, compartiendo objetivos comunes y razones muy serias para la alarma social, procedieron a la lectura de varios telegramas enviados al Gobierno de la nación, hablando en el acto, además del alcalde Francisco Cerviño Sabater, los sindicalistas José María Ferrío, Clemente Blanco Clemente de Élida, Manuel Rodríguez y Benedicto Lago.

Pesimistas, pero incapaces de renunciar a la esperanza y queriendo evitar incrementar la precariedad y la pobreza de los propios obreros y sus familias, así como la falta de horizontes para ellos y sus hijos, pidieron poder seguir beneficiando carbón inglés en lugar del asturiano que quería imponer el Gobierno, al considerar que supondría la huida de buques extranjeros hacia puertos portugueses y la ruina del carboneo en la ría.

Y, en esta lucha, pacífica, fueron apoyados tanto políticamente como con presencia de una campaña mediática por el diputado nacional, Pepe Miñones, de Unión Republicana.

No obstante, fue la sublevación militar-franquista quien puso definitivamente la puntilla al carboneo en la ría y se llevó todo por delante, convirtiendo a los sindicalistas, por la defensa de sus derechos laborales y de la democracia republicana, en revolucionarios a los que perseguir y a muchos exterminar físicamente, contando después una historia de buenos y malos, contradictoria con lo que supimos después.

Por último, podríamos convenir que los sindicalistas quizás no fuesen héroes, pero indudablemente tampoco fueron los villanos que pintaron los militares sublevados franquistas y sus cómplices durante el levantamiento militar y la dictadura y los consejos de guerra a los que fueron sometidos. Sin duda, con su muerte les hicieron mártires.

Comentarios desactivados en Un artigo de Luís Lamela lembra a celebración do 1º de maio de 1936 en Cee e Corcubión

Xan 30 2017

«O escintileo do Batallón Literario da Costa da Morte», un artigo de Marilar Aleixandre

Published by under Efemérides,Poesía


(Fotografía de ©Xesús Búa)

A sección «En primeira persoa» da edición comarcal do xornal La Voz de Galicia en Carballo adoita dar acollida a textos nos que diferentes voces do mundo da cultura escriben sobre si propias. Onte, domingo, a escritora Marilar Aleixandre, recén eleita académica numeraria da RAG co fermoso discurso de ingreso «Voces termando da paisaxe galega», asinaba no devandito xornal un texto intitulado «O escintileo do Batallón Literario da Costa da Morte», no que lembra que a súa escrita poética ten moito de débeda coa experiencia que partillamos nos anos finais da década dos noventa, pois precisamente o ano pasado facíase o vinte aniversario do nacemento do BLCM.

A recordación desta experiencia na palabra de Marilar Aleixandre xúntase a outras dúas que xa temos referido nesta bitácora, primeiro a lembranza do poeta e libreiro fisterrán Modesto Fraga, conversa que nestoutra ligazón pódese ler ao completo e a segunda na escrita da poeta María Lado, que tamén nos acompañou na aventura do Batallón Literario da Costa da Morte, ambas e dúas inseridas en cadansúa entrevista no dixital Noticieiro Galego, en faladoiro co escritor e profesor estradense Carlos Loureiro.

Deseguida reproducimos ao completo a interesante reflexión de Marilar Aleixandre:

O escintileo do Batallón Literario da Costa da Morte

«Cando fun chamada a formar parte do Batallón, tiven a certeza de ser unha escritora da Costa da Morte»

MARILAR ALEIXANDRE

29/01/2017

Hai quen di que existe a Costa da Morte e quen pensa que é produto da nosa imaxinación. Hai tamén quen cre as escritoras e escritores da Costa da Morte sermos un conxunto diferente, singular. Nesta idea o Batallón Literario da Costa da Morte, de vida escintilante entre 1996 e 1999, tivo un papel crucial.

Para min son cuestións de importancia xa que debín empeñarme en seducir unha lingua que non era a miña lingua nai, un país que non era o de nacemento. Claro que o nacemento é debido ao azar e, se eu escollín ser galega, é debido ao non menos cego amor. Mais unha cousa é como nos sentimos e outra como nos ven os demais. Cando fun chamada a formar parte do Batallón, tiven a certeza de ser unha escritora da Costa da Morte.

O 29 de xuño de 1996, atendendo á convocatoria realizada por Rafa e Miro Villar, xuntabámonos en Cee unha vintena de escritoras e escritores, entre eles María Lado, Estevo Creus, Xabier R. Fidalgo, Concha Blanco, Mónica Góñez, Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Paco Souto, María Canosa, Suso Bahamonde, Xandra Tedín, Abel Méndes, Xaime Trillo ou Tomás Lijó. A meirande parte eran xente moi nova -a excepción eramos Concha e mais eu- e poetas. Nalgúns casos, como os irmáns Miro e Rafa Villar, posuían libros publicados e premiados desde comezos dos anos 90. Contaban, así mesmo, cunha traxectoria de activismo cultural a prol da lingua e a literatura galegas, fose en asociacións como Arre Sentelha!, de Vimianzo, Blas Espín, da Ponte do Porto e Un Medio, de Cee, fose en proxectos editoriais como Edicións do Dragón, que publicou fermosísimos cartafoles de poesía.

O Batallón organizou outros dous encontros, en Corcubión en 1997 e mais en Vimianzo en 1998, mais sobre todo, por entendermos que a poesía debía saír á rúa e ser recitada en voz alta, recitais. Recitabamos en lugares da Costa da Morte moi belos, o Castelo de Vimianzo, a Capela do Pilar en Corcubión, mais nos que, sobre todo en decembro, ía un frío, unha viruxe tremendos. No poema Sublimado corrosivo, de Mudanzas, aludo a estes recitais:

«Desafiamos o frío no máis cru do inverno / recitando poemas / en decembro / acadamos o sublimado inverso / chuspindo as metáforas como fume / transformábanse en pedras de corisco / antes de estrelarse no chan»…

Entre os recitais nos que as refachas de vento -tan desta terra, non en balde perto de Toba hai unha Porta Ventosa – ameazaban con levarnos, e a publicación de Mudanzas en 2007 transcorreron dez anos. Neste tempo, en grande parte debido ao Batallón, eu percorrín o camiño da narrativa á poesía. Pois hai doenzas contaxiosas, e a poesía pode ser unha delas.

Na revista do Batallón, Feros Corvos, publiquei por vez primeira uns poemas, que máis tarde acabaron formando parte de Abecedario de árbores. Xurdida dun grupo de poetas, media ducia do Batallón, Rafa Villar, Estevo Creus, Xabier R. Fidalgo, Modesto Fraga, Paco Souto e eu mesma, parte doutros colectivos como Chus Pato, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Chus Nogueira ou Emilio Ínsua, a editorial Letras de Cal publicou de 1997 a 2002 catorce libros, entre eles os primeiros de poetas tan relevantes como María Lado, Celso Fernández Sanmartín e Carlos Negro. Nas xuntanzas do comité editorial tivemos debates que axudaron a configurar un enfoque sobre a poesía distinto do existente en Galicia até entón, a facer oír a voz das poetas mulleres, un trazo novidoso da poesía dos 90. Por todo isto, eu teño unha grande débeda co Batallón.

Se existe ese territorio que creamos coa imaxinación, esa costa onde a Morte non porta gadaña senón bicheiro, esas lagoas e xunqueiras, illas deshabitadas, montes nus, se non é só producto dun soño, a lingua é o mapa que nos permite transitalo, percorrer demoradamente a súa pel, nunha palabra, seducilo.

Comentarios desactivados en «O escintileo do Batallón Literario da Costa da Morte», un artigo de Marilar Aleixandre

Xan 11 2017

Artigo en QPC (XIX): «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente



(O pino de Corcubion, nunha fotografía publicada en Vida Gallega, 25-07-1924, e noutra imaxe posterior de 1927, recuperada por Jano Lamas)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente, unha árbore senlleira e simbólica. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

«O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente

Ao fío do artigo publicado por Modesto García Quintáns no diario dixital Que pasa na Costa sobre a historia do antigo e desaparecido pino de Corcubión, que delimitaba os lindeiros dos territorios deste concello co veciño de Cee, lembraremos nesta anotación como esta árbore senlleira tamén pasou ao mundo da literatura e da poesía a través dos versos do muxián Gonzalo López Abente, quen aínda hoxe tería familiares da estirpe abentiana na vila corcubionesa.

A relación de López Abente con Corcubión tamén posúe unha vertente literaria. Sabemos que o seu primeiro poema (até hoxe coñecido) apareceu publicado postumamente dentro do libro Decrúa (1966) nun apartado final de «Recobrados», co título «Un velorio nunha aldea», datado en 1899, cando o poeta tiña 21 anos e aínda non estaba plenamente incorporado á escrita monolingüe en galego que o ía caracterizar andando o tempo.

Nesa altura, sobrancea a súa presenza habitual na prensa local e comarcal, nas páxinas dun xornal que tivo unha existencia efémera, El Celta de Corcubión, onde en 1901 xa publica artigos e poemas, aínda en castelán, e tamén nas de El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, xornal vencellado ao Partido Liberal e do que se conservan escasos números, que mesmo chegou a dirixir.

Anos despois, sendo xa o autor de dous libros éditos, publicou outro poema intitulado «Camiño da Terra» no xornal Nerio, ano II, nº 11. Corcubión, 1/VI/1921. E ao pouco tempo gañou cun longo poema que leva por título «Ara-Solis» un concurso literario na vila, pois así consta no mecanoscrito que nos facilitara no seu día o antropólogo muxián Manuel Vilar, onde sinala de maneira literal: «Primeir premio no Certamen / Literario celebrado en Corcubión / no mes de setembro de 1.921»

Desta época é a primeira versión do poema sobre o pino de Corcubión. Daquela aínda levaba por título «O pino derrubado» e apareceu reproducido en Nós. El Noroeste, A Coruña, 19 de novembro de 1918; en O Tío Marcos da Portela, Parrafeos c’o Pobo Gallego, Ourense, 43, 21 de novembro de 1918; e por último en A Nosa Terra, 73/74, 5 de decembro de 1918.

Con pequenas mudanzas o poeta recobrouno para ser publicado na revista Nemancos, que só tivo tres números e que creou o finado e chorado cronista ceés Baldomero Cores Trasmonte. Desta volta o poeta tamén muda o título por «O pino de Corcubión», Nemancos, Cee, 1, 1953. E nesta publicación afirma que se inspirou nunha crónica do propio Cores Trasmonte, cando a creación do poema viña de décadas atrás.

Finalmente, o texto tamén foi incorporado polo seu curmán Horacio Bermúdez Abente, emigrante na Arxentina, cando compilou textos dispersos do poeta muxián postumamente no volume Decrúa, que levaba por subtítulo Poemas e que apareceu nun selo editorial denominado Edicións Muxía en Buenos Aires e con datación no ano de 1966.

Velaquí a última e definitiva versión do poema «O pino de Corcubión»:

19
O PINO DE CORCUBIÓN

Inspirada nunha crónica
de Cores Trasmonte.

¿Ulo o vedro piñeiro, o Patriarca
das hostes rumorosas
que bulen nas encostas bretemosas
da nativa comarca?

O enfesto centinela,
o inspirado cantor, o bardo vello
que se ollaba no espello
de cristal, nesta orela
da ría meiga, transparente e mansa,
para sempre descansa.

Hoube un machado forte;
¿de quen sería?
hoube un beixo de morte,
¿quén o daría?

¡O vento…! ¡O vento…! din as raparigas
que choran polo amado trovador.
Nunha aperta axuntadas pola dôr
quedan dúas amigas…
—unha soia, galana e quisquilleira
deitada na ribeira—.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XIX): «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente

Xan 10 2017

Os exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez, viaxan para Noia e Pontevedra

Published by under Poesía,Premios

As persoas que seguen esta bitácora ou a miña conta de Twitter @MiroVillar puideron participar no sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros (2002), con fotografías do guardés Manuel Álvarez, en fermosa edición xa descatalogada por Xerais, para así celebrarmos un novo ano 2017 e tamén que este blogue xa chegara até 1136 anotacións ou artigos nesta xanela aberta ao mundo o 28 de xuño de 2011.

Para participar había que lle dar axeitada resposta a esta sinxela pregunta:

Un dos gameleiros ten por alcume Che, que tamén é o nome da súa embarcación. A que se pode deber esta nomeada?

a) Por ser seareiro do Valencia CF.
b) Polo seu uso do pronome átono de dativo ou CI.
c) Por ser un nome de orixe hebrea.
d) Polo pronome relativo italiano.
e) Por Ernesto «Che» Guevara.

E as respostas debían enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.blogaliza.org

nun chío coa palabra-chave ou hashtag #CheGameleiros

ou nunha mensaxe directa dirixida á conta de twitter @MiroVillar

A resposta axeitada era e) Por Ernesto «Che» Guevara.

E non debeu ser doado, contra o que eu pensaba, porque case houbo máis respostas erradas que deron na ferradura que aquelas que bateron no cravo. Moito me agradaría que todas elas recibisen exemplares do libro Gameleiros mais non era posible e foron sorteados dous entre todas as respostas atinadas. Cada exemplar leva a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale e esas dúas persoas foron:

Severiano Pérez Suárez, de Noia, nun comentario na bitácora.

@anxossobrino (Anxos Sobriño Pérez, Pontevedra), a través do Twitter.

Obrigado, moitas grazas a todas as persoas que participaron no sorteo.

E moitos parabéns ás dúas persoas premiadas e a gozardes coa lectura!

Comentarios desactivados en Os exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez, viaxan para Noia e Pontevedra