Dec 30 2016

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2017

Published by at 11:41 under Fotografía,Poesía,Tradicións

Estamos a piques de lle poñer o ramo a un ano de entrega a combatermos as incertezas futuras. Na nosa vella Europa medra de xeito alarmante a insolidariedade e a xenofobia semella non ter lindeiros, velaí poñamos por caso o drama das persoas refuxiadas. E tamén medra a espoliación dos recursos naturais do planeta que habitamos.

Pola contra van en devalo as seculares conquistas dos nosos dereitos civís, democráticos e sociais, e na nosa vella nación milenaria continúa o abandono e o despoboamento do rural e a nosa cultura e a nosa lingua sofren agresións, desleixo.

Porén cómpre termos azos para (re)construír no novo ano algo do moito que levamos perdido. Sentidiño!

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2017 que se achega para ti e os teus!

Miro Villar

E unha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña este poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002)

“CHE” (Jesús Adrover González)

No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.

One response so far

One ResponseMoita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2017 to “”

  1. Lois Ródriguez Lombaon 10 Xan 2017 at 22:01

    Moitas grazas Miro. Que teñades un feliz ano 2017, para tí e os teus achegados. aínda que como ben dis as noticias que estamos vendo a diario non son de bos agoiros. Difícil ser feliz habendo tanta xente pasando tantas calamidades, e tanta desfeita planetaria. Por sorte temos as artes e as letras entre elas a poesía que sen dúbida nos axudarán a soportar e loitar contra ese futuro que vemos tan incerto.

    Unha aperta.

    P.D. Grazas por ese fermoso e sentido poema engadido do Che. (Guardés 🙂 )