Nov 17 2016

Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luis Cochón

arredordasirmandades

Desde hai uns días xa anda polas librarías (por máis que de maneira incomprensible aínda non chegase ás mans dos coautores e das coautoras) o volume de autoría colectiva intitulado Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luís Cochón e publicado por Xerais. Nas súas 360 páxinas recóllense trinta textos éditos e inéditos de diferente xorne e que analizan diversos aspectos relacionados coas Irmandades da Fala con motivo do centenario da creación da primeira destas entidades galeguistas na cidade coruñesa en 1916. Porén, o coordinador con bo criterio decidiu enmarcar este período histórico entre o inicio da Primeira Guerra Mundial en 1914 e o nacemento do Partido Galeguista en decembro de 1931, despois de se celebrar a VII Asemblea das Irmandades.

A obra ábrese cun «Prólogo» de X. L. Méndez Ferrín e unhas «Palabras limiares» do propio Luís Cochón, alén de dous textos introdutorios: «Sobre Nicolás Tenorio e La aldea gallega» de Carlos García Martínez e a recensión publicada en Grial, 57 (1977) «El levantamiento gallego de 1846 y el nacimiento del galleguismo, por X. R. Barreiro Fernández» por Álvaro Cunqueiro.

Deseguida o apartado intitulado «Pensamento» recolle estes nove traballos: «Os irmandiños da fala na Galicia Sur (dos Anciles a Castelao)» de José Antonio Durán; «O precedente inmediato das Irmandades da Fala. A revista Estudios Gallegos de Aurelio Ribalta» de Xosé R. Barreiro Fernández; «61 Mestres do galeguismo: Xohán Vicente Viqueira. Vida, personalidade, pensamento» de Luís Veiga do Campo, pseudónimo de Ramón Piñeiro; «Recordo dos Villar Ponte: Antón e Ramón» de Xurxo Martínez González; «Risco, teórico do nacionalismo» de Justo Beramendi; «Lois Peña Novo, o estratego do nacionalismo das Irmandades da Fala» de Xosé González Martínez; «Nós e as Irmandades» de Xosé Ramón Pena; «O ensino no tempo das Irmandades. A “escola galega” como proxecto» de Antón Costa Rico e «Isidro Parga Pondal e a ciencia en galego» de Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

No segundo apartado intitulado «Política» aparecen estes sete textos: «As Irmandades da Fala en Compostela» de Justo Beramendi; «A Irmandade Nacionalista Galega de Vigo e a loita pola simboloxía nacionalista: Manuel Antonio» de Xosé L. Axeitos; «As formas da patria. Castelao e Camilo Díaz na creación do universo simbólico das Irmandades da Fala» de Pepe Barro; «Laudatio de don Manoel Gómez Román» de Isidoro Millán González-Pardo; «Víctor Casas «1900-1936», a enerxía dunha causa viva» de Arturo Casas; «A prensa nacionalista en Galicia (1916-1931)» de Clodio González Pérez e «A prensa nacionalista da Galicia alén mar na etapa das Irmandades (1916-1931)» de Luís Alonso Girgado.

Por último, na terceira parte intitulada «Poesía» os outros dez textos: «Karl Mannheim e Mikhail Bakhtín como fundamentos renovadores da periodoloxía literaria: aplicacións á poesía galega dos anos 1916-1931» de Arturo Casas; «O Cabanillas irmandiño» de Emilio Xosé Ínsua; «A crise de 1916 e Ramón Cabanillas» de Manuel Forcadela; «Cabanillas, a contemplación dun mar con ribeiras, dornas e barcas, e Sálvora na boca da ría» de Francisco Fernández Rei; «Ramón Cabanillas e a lingua» de Antón Santamarina; «Gonzalo López Abente, o “poeta do mar” das Irmandades da Fala» que asino eu propio; «Victoriano Taibo e as Irmandades da Fala» de Armando Requeixo; «Cabanillas / Manuel Antonio. Notas sobre unha oposición dialéctica» de Darío Xohán Cabana; «Maside e Colmeiro» de Rafael Dieste e «A dedicatoria: Os nenos» de Xosé Filgueira Valverde.

A miña achega a este volume colectivo, centrada no poeta muxián Gonzalo López Abente e na súa implicación persoal e literaria no proxecto das Irmandades da Fala, recolle tamén os dous poemas que lle dedicou ao irmandiño Lois Porteiro Garea, cuxa prematura morte conmocionou a todos, e que xa reproducín nesta anterior anotación:

Lois Porteiro Garea en dúas elexías do poeta Gonzalo López Abente

E un outro poema que lle dedica a Ramón Villar Ponte e que reproduzo deseguida:

A LEMBRANZA AMORTALLADA

A Ramón Villar Ponte,
amigo e irmán inesquecido.

Pensaba en tí, meu vello amigo; en tí,
ao pe da nosa Catedral mareira
e frente ao fero gardador da terra,
escumante e baril.

Orvallo de luar, longas aréas,
beixos de estrelas a brilar no mato
do Ártabro sonado;
e a voz fonda e têbrosa do misterio
que te recrama a tí, meu vello amigo.

Duggio enterrado, o Ara-Solis druído
e o vieiro enimático por onde
naus pantasmas innúmeras cruzaron,
e por onde chegaron
os anxos c’unha Virxen mariñeira.

Os druídas acenaban cara tí,
no mesto piñeiral,
pra que en vida fixeses romaria
a este bravo corruncho fisterrán
que ademirar querías.

Polas gándaras de Xallas,
piñeirás de Bergantiños,
bicos das outas montanas
que guindan no mar co río…

A lembranza amortallada
vai no corazón dôrido
pregando a Deus o milagre
do San Andrés de Teixido.

Muxía, Nuiteboa do 1953.

Comentarios desactivados en Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luis Cochón

Comments are closed at this time.