Nov 10 2016

Artigo en QPC (XVI): «O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López»

Published by at 14:22 under Efemérides,Historia,Narrativa,Poesía

Cadeas1Cadeas2

Hoxe, 10 de novembro, é unha data sinalada para a lembranza e con certeza o naufraxio acontecido neste mesmo día en 1890 influíu en que o xornalismo principiase a facer uso do topónimo Costa da Morte. Nese senso veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, co título «O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

serpent

O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López

Hai agora 126 anos, contra as dez e media da noite do10 de novembro de 1890, produciuse o naufraxio do buque acoirazado HMS Serpent na costa brava (como escribía e dicía o poeta muxián Gonzalo López Abente) de Camariñas e aló onde se ergue o denominado Cemiterio dos Ingleses, lugar no que foi soterrada a tripulación por seren protestantes, vaise realizar coma nestes últimos anos unha outra homenaxe cívica.

E máis unha vez tampouco se vai lembrar un texto fundamental da autoría do poeta Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), quen escribiu unha magnífica elexía intitulada Responso galego ô “Serpent”, que foi publicada por vez primeira no xornal Galicia, da Federación de Sociedades Gallegas, nº 433, Bos Aires, 15 de setembro de 1935.

O texto poético aparece debaixo dunha fotografía co seguinte pé: «Antigo e novo CIMITERIO DOS INGRESES no lugar da Costa Brava chamado “Boi de Camariñas”. No fondo, â dereita, óllase a praia chamada c-ô agoirento nome de “AREA 13”. No mentado cimiterio fican enterrados 400 e pico de gardas-mariños e mariñeiros do Barco-Escola “Serpent”, da armada ingresa, afogados todos n-unha terríbel nuite d-inverno. Alí ficóu a fror e gala dos futuros lobos de mar. Triste destiño dos humáns e da soberba dos grandes…».

O poeta de Laxe non precisa ben a cifra das vítimas que foron 172, pois só se salvaron tres dos 175 tripulantes da embarcación. Na primeira parte do longo poema lembra o naufraxio e o feito de que unha escuadra de guerra inglesa saudaba desde o mar con vinte e un canonazos para lembrar as súas mortes sempre no día de Defuntos, na segunda critica o feito de que xa non aparece nunca nesa altura unha escuadra inglesa para realizar esa lembranza, e remata sinalando que foron acollidos polos galegos no Cemiterio dos Ingleses.

De maneira moito máis recente, o narrador Xabier López López (Bergondo, 1974), faise eco do naufraxio do HMS Serpent na súa novela Cadeas, que foi premio Xerais na convocatoria de 2013 e que logo de ser publicada tamén obtivo moitos recoñecementos a maiores da crítica e de lectoras e lectores, como o premio Fervenzas Literarias ao mellor Libro de Narrativa de Adultos. De feito, quen isto asina, non dubida en salientar que foi a mellor novela galega dese ano, sen desmerecemento doutras que tamén me encheron o padal de bo gusto literario. Cadeas é o que adoita denominarse como unha novela de novelas, pois son varias as historias que se cruzan e varias as voces narrativas. Entre todas esas historias tamén aparece o naufraxio do HMS Serpent.

Xabier López facilitounos uns fragmentos da súa novela referidos a este episodio, que moito lle agradecemos e que reproducimos deseguida:

 

De socato foi coma se o seu anfitrión lembrase algo. Sorriu, estricando coa mesma ese bigote tan pasado de moda (a culpa tíñaa un deses prognatismos que a xente intenta disimular como sexa) e marchou cara ao interior do restaurante limpando as mans na camisola. Cando volveu, de alí a tres ou catro minutos, agarraba un deses sobres acolchados cheo de papeis. Polo seu aspecto, manchas de graxa incluídas, debía levar bastante tempo alá onde estivese (un caixón?, acaso compartindo andel coas cebolas e o queixo parmesano?). Recortes de xornal. Ben, non tal. Pódese dicir que ninguén tomara a molestia de usar a tesoira.

–Viu isto, escritor? A muller parou por aquí antes de marchar de volta ao seu país. En canto souben dela, quero dicir, en canto souben que non se trataba dunha turista coma as demais, axiña me dixen que aí había material para vostede…

Lembraba o asunto. Tamén el lía os xornais de cando en cando. Tratábase dunha noticia relacionada cunha sesaxenaria chamada Allison Atkinson, condutora dun bus escolar alá en Cornualles, e, máis en concreto, da crónica do seu periplo na busca do lugar onde estaba soterrado o seu tío avó, un tal Stanley C. Halford, fogueiro no célebre buque HMS Serpent. A reportaxe viña acompañada dunha fotografía da riseira muller mirando o mar –co rostro iluminado polo sol, unha bufanda arredor do pescozo e o branquísimo cabelo despeiteado polo vento– e mais a reprodución dunha vella fotografía amarela que a súa nai gardaba nun caixón da casa e que lle puxera na pista dese cemiterio, nas súas propias palabras, encravado nun lugar “rochoso, ventoso e gris”. Con máis ou menos literatura, todos os xornais daqueles días (do 8 ao 11 de maio de 2011) coincidían en glosar a viaxe da muller (o transbordador de Plymouth deixáraa en Santander e dende alí amañárase para ir collendo autobuses), as 172 vítimas do terrible naufraxio (acontecido o 10 de novembro de 1890) e súa intención de deixar unhas flores en honra do seu parente entre as lápidas do Cemiterio dos Ingleses agora que sabía que era alí onde descansaba polos séculos dos séculos.

–Sabe que, escritor? Malia estarmos coma quen di a unha carreira de can de alí, na vida se me ocorreu pór un pé nese lugar. Porque tampouco é que chame moito a atención, non si? Se vai e me di que é unha desas vellas baterías militares que aínda se contan por ducias na costa…
Deulle a razón. O cemiterio –o burial place da vella fotografía- podía ser de todo menos un cemiterio. De feito, dende a estrada, a pé dos toxos, podería pasar por un pequeno castro romanizado –e debidamente cementado– ou, de empeñármonos en ver naqueles muros baixos unha necrópole, un deses pequenos cemiterios construídos ad hoc durante a guerra civil para dar terra aos mortos das tropas mouras. (Falar da súa semellanza cuns baños públicos parecería xa fóra de todo lugar).

–O do Serpent non foi o único naufraxio –ocorréuselle dicir, mentres volvía gardar as follas dos xornais no sobre.–Polo que eu sei, houbo ducias deles.

O Ramiro volveu encherlle a copa.

–Por algo lle chaman a Costa da Morte…

–Seguro que é por iso?

(páxs. 3234)

Ca! Sempre que pensaba naquilo –o primeiro bico, qué expresión tan rematadamente parva– remataba por botar un par de minutos intentando lembrar o nome dese paisaxista inglés que pintou coma ninguén as noites de luar sobre mares, ríos e é de supoñer que lagos, lagoas e outras acumulacións máis ou menos extensas de auga. Tratábase de William Turner, estaba farto de sabelo, aínda que, en honra á verdade, e falando de todo un pouco, o lenzo da súa autoría que máis o impresionara era un que recollía un naufraxio, unha curiosa anticipación (trece, catorce, quince anos?) de A balsa da Medusa, de Gericàult, esa terrible pintura que, en certa maneira, volvera aparecer ao fondo da memoria co relato aquel sobre a descendente do fogueiro do HMS Serpent que lle fixera o Ramiro.

(páx. 152)

Non. Non estaba disposto a falar de nada diso. Non con aqueles dous. Nin de broma. Así foi que para abandonar aquel tema de conversa (na súa cabeza, camiño dunha ebriedade xa non tan sobria, un ameazante e perigoso tremedal) ocorréuselle preguntar por aquela muller da Cornualles (decidiu baixar un chanzo e non chamala “córnica”) da que lle falara o pirata de Ramiro, a que aparecera un bo día pola bisbarra preguntando polo Cemiterio dos Ingleses. Sabían de quen lles falaba? Chegaran a vela?

–Refírese vostede á señora Allison Atkinson?

Ben. Vaites. Non só chegaran a vela (Juan Pedro pareceu recrearse nos tópicos todos sobre a maneira de vestir dos nativos das illas británicas), senón que tiveran ocasión de tomar un te con ela nunha cafetaría da vila. “Cousas do meu consorte”, apuntou Almudena, sinalándoo coa súa copa case intacta. “A boa da señora pasou polo PAC a tarde da súa garda, segundo parece por culpa dunha escordaura de nocello que se fixo saltando por aí polas rochas, e este, como cada vez que atende un estranxeiro, non se molestou en quitarse mérito ningún. Que en urxencias deban atender a todo o mundo non é impedimento para que o afaguen a un todo o que sexa posible”.

Un té, xaora, e a falta de pastas, unha desas galletas envasadas nun saquiño de plástico coas que o dono da cafetería acompañaba os cafés e os cacaos dos almorzos, cinco céntimos máis caros ca nos bares e cafeterías do arredor. Falaran, como non, do seu parente (parecía imposible sentar con ela e non sacar ese tema), o infortunado fogueiro chamado Stanley C. Halford, e tras escoitar dos seus labios unha versión do accidente do HMS Serpent que non distaba demasiado da que máis ou menos daban por boa todos os que algunha vez escoitaran falar do buque, deixáronse sorprender pola predición dun bo ano para o turismo de naufraxios. Nuns meses ían cumprirse cen anos do afundimento do Titanic e dado que non todo o mundo podía permitirse un cruceiro polo Atlántico, os lugares que soubesen tirar proveito do seu pasado náufrago…

–Sabía vostede, por certo, que no Titanic viaxaba tamén un orixinal de Jospeh Conrad? Cando menos é o que se di. Os seus editores agardábano ansiosos en América.

(páxs. 200201)

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XVI): «O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López»

Comments are closed at this time.