Out 05 2016

Poema (XCIII): «En días de inverno, …», de Fran Cortegoso

Published by at 18:56 under Obituarios,Poesía

francortegoso01francortegoso02
francortegoso

Aínda conmocionado, malia non termos trato persoal, pola triste nove da morte temperá do poeta Fran Cortegoso, a quen a enfermidade lle roubou a posibilidade de ollar as páxinas impresas do que vai ser a súa segunda obra poética, Suicidas. Así recolleu a triste nova a libraría e editorial Chan da Pólvora:

«O noso amigo Francisco Cortegoso (Frank Euner) faleceu hoxe na súa casa de Bora (Pontevedra), aos 31 anos, logo de meses de loita contra a enfermidade que o levou.

Nas últimas semanas aínda gardou ánimos para lle poñer o ramo ao libro Suicidas, que finalmente chegou hoxe ás librarías. Anton Lopo, Manolo Martínez e Gonzalo Hermo traballaron arreo para que Fran o puidese ver publicado.

Hoxe é un día de inmensa tristura para as persoas que formamos o equipo da Chan da Pólvora.

Vaian as nosas condolencias e o noso amor para a súa familia, os seus amigos e toda a xente que o quere. — con Frank Euner».

Lembro que o amigo e poeta Eduardo Estévez, coordinador do premio de poesía Pérez Parallé, xa me tiña falado da potencia do seu estro poético e xa o puiden comprobar cando seu publicou o seu libro gañador do XXVI Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, intitulado Memorial e danza, (Espiral Maior, 2014) e que recibín asinado (imaxe superior), como nos chegan todos os libros a quen somos subscritores da colección de poesía Espiral Maior, que dirixe Miguel Anxo Fernán-Vello.

Dos poemas de Fran Cortegoso, a xeito de homenaxe, rescato o texto sen título que abre o libro e que a min persoalmente é o que máis me aprace e que se pode escoitar na súa propia voz no video do lanzamento do libro. E que a terra che sexa leve, camarada da Palabra!

En días de inverno, o ar calmo,
con gratitude ofrece instantes de vida
sentada na soleira que da súa casa para o sur
se estende.
En igual grao presta
unha actitude a falar de como
as súas pernas curtas, grosas e apertadas
en medias de algodón e unhas botas pretas,
se resenten e calma cada noite coas mans
aínda que, a modo da pel que suxeita o lóbulo,
parezan desprovistas de tacto e a inmediata excitación capilar.
E o grao que amosa é desposesión.
Esquece a cor azul desde o fondo da súa ollada.
Só iso parece velar para si, a permanencia.
Continúa cun aceno do rosto
mentres os tres dedos que centran a man dereita
sinalan unha liña de sangue callado
no dorso doutro estremo.
Contra a palma debuxa xestos como un principio de escrita.
Nos finais días da estación.
Mañá vereina no mesmo lugar.
Falarame das mans, das pernas, das súas botas.
Tamén me falará do almorzo e da cea.
Falarame do seu día. Do sol que centra o seu lugar.
Sentada na cadeira co seu tempo
e o sol que vindo do ollo a ocupa
con todo o real que a estrema.

2 responses so far

2 ResponsesPoema (XCIII): «En días de inverno, …», de Fran Cortegoso to “”

  1. Modestoon 06 Out 2016 at 12:33

    Que inxusta é a vida! Tremendo mazazo! Sit tibo terra levis, poeta!

  2. […] Origen: As crebas » Poema (XCIII): «En días de inverno, …», de Fran Cortegoso […]