Archive for Outubro, 2016

Out 28 2016

«Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro», un poema de Antón Zapata

valleinclan-castelao-1912
(Caricatura de Valle-Inclán por Castelao, datada en 1912. Esta e moitas outras figuran recollidas no artigo «A icona Valle-Inclán» publicado no sitio web do Consello da Cultura Galega)

Este ano de 2016 é dobremente importante na biografía do dramaturgo, poeta e novelista, membro da española Xeración do 98, Ramón María del Valle-Inclán. De primeiras porque hoxe mesmo conmemórase o 150 aniversario do seu nacemento en Vilanova de Arousa o 28 de outubro de 1866 e tamén a principios deste ano foi o seu 80 cabodano pois faleceu en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936.

O poeta Antón Zapata dedicoulle un singular poema, pois é o único «sonetillo» de versos trisílabos da literatura galega, que titulou «Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro» e que apareceu no xornal Correo de Galicia (Bos Aires, nº 1325, 14 de xuño de 1931). Publicouse precedido dunha caricatura sen asinar de Valle-Inclán. Unha copia mecanografada do poema foille enviada a Filgueira Valverde para a súa fanada Escolma consultada de poesía galega de 1936. Nela o título é «Valinclán» e despois da rúbrica engade «1931».

No tocante ao contido sorprende o ton sarcástico de Antón Zapata, pois Valle-Inclán relacionouse cos galeguistas:

«Se falarmos da relaçom que Valle-Inclán mantivo com o galeguismo devemos constatar, por um lado, que a crítica tem sobradamente documentados os estreitos laços de amizade e admiraçom mútuas que Valle-Inclán mantivo com figuras míticas deste movimento, como Manuel Martínez Murguía (pai do regionalismo galego e amigo da família do escritor, quem havia de prologar o seu primeiro livro, Femeninas), Alfredo Brañas (máximo representante do galeguismo tradicionalista e profesor do Valle-Inclán estudante de Direito em Compostela) ou Daniel Rodríguez Castelao (fundador do Partido Galeguista em 1931, quem colaborou com Valle-Inclán em várias ocasions)». Cfr. Mascato Rey, Rosario (2005). «Valle-Inclán e a Galiza: um estado da questom». Actas do Ciclo de Conversas sobre Literatura Galega, que decorreu entre 15 de Abril e 4 de Maio de 2005, na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa.

Deseguida reproduzo o poema de Antón Zapata García que se pode ler tamén na miña tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, en acceso libre nesta páxina de poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). O traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador. Velaquí:

DON RAMÓN DEL VALLE INCLÁN Y MONTENEGRO

Ramón
do Val,
nasón
barbal,

sen don
n-é tal
nin dual
brasón;

mais tên
un ben
sin par:

ó lêr,
facer
chorar!…

Comentarios desactivados en «Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro», un poema de Antón Zapata

Out 27 2016

Unha lectura da Escolanía de melros, de Faustino Rey Romero

escolaniademelros faustinoreyromero

Tal día coma hoxe naceu en 1921 en Isorna (Rianxo) o poeta Faustino Rey Romero, finado en Buenos Aires o 20 de decembro de 1971. O pasado ano X. Ricardo Losada publicou unha biografía novelada do crego e poeta antifranquista co título Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Xerais, 2015) que recomendamos vivamente.

Na súa lembranza recupero unha lectura do seu sonetario Escolanía de melros que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra. Velaquí a miña achega.

Escolanía de melros. FAUSTINO REY ROMERO

Os vinte sonetos incluídos baixo o título de Escolanía de melros publicáronse de forma conxunta por vez primeira en 1959, en Gráficas Bolfer do Porriño, con cuberta do artista pontevedrés Agustín Portela Paz.

Once anos máis tarde, en 1970, os textos coñecen unha segunda edición que aparece en Bos Aires no prelo das Edicións Nós, desta volta arrequentados cun prólogo intitulado “Os melros do padre Rey Romero” da autoría do poeta Francisco Luís Bernárdez, ao que segue unha breve biobibliografía. Unha nota no final do libro advirte que a publicación foi posible pola “contribución patriótica do Centro Axuntamento de Rianxo de Buenos Aires” e pola xenerosidade de vintesete galegos emigrados que se relacionan nominalmente, entre os que figura Eliseo Pulpeiro. Aínda que o volume presenta unha nova cuberta, a cor e en cartoné, na portada interior reproduce o deseño orixinal. No que atinxe aos textos, hai pequenos cambios lingüísticos que non afectan ao seu contido.

A terceira edición deste sonetario, e última polo de hoxe, forma parte do volume Faustino Rey Romero: Obra poética e filosófica [1985], preparado por Carme García e Xesús Santos. Neste repertorio, publicado por iniciativa do seu concello natal (Rianxo), recóllense tódolos seus libros en verso e prosa, tanto en galego coma en castelán, ademais dalgúns poemas esparexidos en publicacións periódicas que non foran recollidos e algún inédito. Os compiladores advirten que parten sempre da última edición en vida do autor (neste caso, a segunda), respectando con absoluta fidelidade os textos orixinais. Sen embargo, na obra en galego actualizan a ortografía, sempre que a medida do verso llo permita, ou modifican a puntuación en casos que o consideran necesario, ademais de sinalaren en nota a rodapé as formas que hoxe son normativas.

Anos antes de aparecer a edición princeps, algúns dos sonetos xa viran a luz nalgunhas publicacións periódicas ou antoloxías, salientando a aparición en Alba, nº16 (1956) de catro textos: “O melro”, “O melro esculpido nun retablo barroco”, “Melro gaiteiro” e “O melro cantando nunha serán de choiva”, aínda que presentados sen epígrafe e baixo o título común que logo había de dar nome ao poemario. Os dous primeiros e outros dous, intitulados “O melro larpeiro” e “O melro morto”, viron a luz na Escolma de Poesía Galega (1955) de Fernández del Riego. Pola súa trascendencia na emigración, tamén é importante sinalar que na revista Lar, de Bos Aires, foron publicados entre 1953 e 1958 os textos “O melro”, “O melro novo” e “O melro que lle cantou a eternidá a san Ero de Armenteira”. Logo de se editar o poemario, o propio Fernández del Riego, González-Alegre ou Alonso Montero, entre outros, escollerían algún dos sonetos para novas antoloxías.

Porén, a pesar deste relativo éxito editorial e malia tratarse, en opinión unánime, da obra máis representativa e lograda da primeira época do autor, esta colectánea de sonetos tivo unha escasa fortuna crítica e a penas suscitou algunhas breves recensións no momento de saíren as respectivas edicións. Neses artigos, que se limitan a dar conta da súa aparición, os xuízos valorativos son entusiastas pero carecen dunha mínima rigorosidade hermenéutica. Haberá que agardar ata o coñecido estudio histórico-literario de Méndez Ferrín [1984] para coñercermos a primeira aproximación realizada desde a imparcialidade, malia transparentar pouca simpatía polo ambiente cultural eclesiástico no que se formou o sacerdote e poeta rianxeiro. Na súa opinión, Escolanía de melros situaría a Rey Romero no clasicismo de posguerra, cun gran nivel de perfección formal na construcción do soneto, que se amosa na súa excelente e variada práctica das distintas acentuacións do hendecasílabo. Do punto de vista temático sinala que nos versos domina a tenrura franciscana.

En efecto, Rey Romero continúa a liña poética iniciada en Doas de vidro (1951) de versificar asuntos da vida cotiá e cousas do común, nomeadamente no que fai referencia a seres da creación, converténdose en cantor da natureza e das súas criaturas máis humildes (lavandeiras, bolboretas, burros, grilos, vagalumes ou sapos). Neste caso, a colección de sonetos está vertebrada polo símbolo do “melro”. De feito, dos vinte textos unicamente tres non inclúen o nome do paxaro no epígrafe: “Chilro”, “Música á deriva” e o poema final intitulado “Brindis”, e estes dous últimos tampouco a inclúen nos versos, aínda que nun se identifica no canto e noutro na súa aparición nunha póla.

Ora ben, non se trata dunha laudatio da ave, realizada con naturalidade e beleza descritiva, senón que o “melro” se identifica coa voz de Deus ou é denominado “anxo de Deus” ou “paxaro cantor do paraíso”, polo que certamente estamos perante unha poesía de veta mística. Nese senso, é evidente a influencia dos coñecidos cantos de Francisco de Asís, así como as moitas alusións aos paxaros que aparecen nos textos evanxélicos. Ademais, a intertextualidade coa Biblia tamén está presente na evocación da escada de Xacob en “O melro que lle cantou a eternidá a san Ero de Armenteira” ou da Xénese en “O primeiro melro que Adán escoitou no paradiso”. Así a todo, non debe pasar desapercibida a angustia existencial que percorre algúns dos poemas e que é climática en “O melro érguenos da anguria” e “O melro alédanos a tristura”, nos que a invocación ao paxaro disfraza as queixas perante Deus pola infelicidade mundana, que só esmorece co canto do melro (a voz de Deus).

Un aspecto salientable dos textos é a súa estructura dialóxica, xa que na maioría o falante lírico invoca a un ti (o melro) e nun caso a un vós (os melros), utilizando a segunda persoa singular ou plural. Unicamente en cinco dos sonetos aparece o paxaro apelado en terceira persoa, nun deles tan só nos cuartetos, introducindo a segunda persoa nos tercetos.

No aspecto formal, o libro inscríbese de cheo dentro da corrente clasicista de posguerra, aparecida en escritores de gran formación cultural e humanística que reelaboran motivos da tradición clásica occidental, como Aquilino Iglesia Alvariño. Esta liña poética achégase a aquel “garcilasismo” da poesía española de posguerra, caracterizado por unha tendencia evasiva nos temas, os recursos neopopularistas e o predominio do soneto. Rey Romero demostra neste libro a súa formación clásica a través do dominio da medida e do verso, feito que o converte nun excelente versificador. Utiliza sempre o esquema clásico de catorce versos hendecasílabos, con rima consonante, agás no soneto branco “O melro alédanos a tristura”. A maioría presenta dous cuartetos de rimas abrazadas, fronte a media ducia en sirventesios, que se completan con dous tercetos, nos que predomina a rima CCDEED. Polo xeral, fai uso de hendecasílabos heroicos, enfáticos e melódicos, aínda que tamén hai algún exemplo doutros modelos.

De menor entidade é o seu repertorio retórico, con escasas e sinxelas metáforas que soan a reiterados lugares comúns, moitos epítetos, profusión do símil e algunha figura etimolóxica. Polo demais, temos aliteracións, suaves encabalgamentos, continuos hipérbatos e algún quiasmo, características habituais nos sonetos. Así mesmo, salientan os recursos repetitivos, quer anafóricos, quer estruturas paralelísticas, bimembres ou trimembres. Neste senso é paradigmático o soneto “O melro érguenos da anguria”. Con todo, o recurso estilístico máis eficaz é a abundancia de preguntas retóricas que, aínda que parezan dirixidas ao melro, serven ao poeta para interrogarse a si propio e falar con Deus.

Por último, a lingua reflite o estado do galego na súa época, con abondos vulgarismos, hipergaleguismos e castelanismos, sen excesiva ornamentación léxica e coa presencia de trazos dialectais.

BIBLIOGRAFÍA

Cfr. FR, MF

García, C., e Santos, X., Faustino Rey Romero: Obra poética e filosófica, Rianxo, Concello de Rianxo, 1985.

Piñeiro Ares, J., Semblanza biográfica de Faustino Rey Romero, Pontevedra, Artes Gráficas Pontevedra, 1986.

Comentarios desactivados en Unha lectura da Escolanía de melros, de Faustino Rey Romero

Out 25 2016

Unha lectura da Poesía Galega Completa, de Manuel Leiras Pulpeiro

leiraspulpeiro01
(Escultura de Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo. Imaxe da Galipedia)

Tal día coma hoxe naceu en 1854 en Mondoñedo o poeta Manuel Leiras Pulpeiro, como ben lembran na bitácora «O Almanaque das Irmandades» (en andamento grazas á coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

Na súa lembranza recupero unha lectura da súa Poesía Galega Completa que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.

Naquela altura traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último volume a ficha sobre a obra poética de Manuel Leiras Pulpeiro é da miña autoría e inclúe unha compilación de como acolleu o libro a crítica contemporánea e a súa recepción. Como xa dixen noutras ocasións, por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.

Poesía galega completa, MANUEL LEIRAS PULPEIRO

A produción poética do mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro non tivo na época do escritor excesiva fortuna editorial. De feito, en vida de Leiras a penas se lle publicou unha pequena parte dos moitos versos que, ao parecer, debeu escribir. Concretamente, e non sen esforzo, os seus amigos conseguen que o poeta soamente consinta en dar ao prelo un único volume poético, intitulado Cantares Gallegos (Mondoñedo, Tipografía H. Mancebo, 1911), que, como o seu nome indica, contén cantigas de tipo popular, tan cheas de enxebreza que semellan recollidas da voz do pobo.

Segundo relata Trapero Pardo (1983), non se conserva todo o seu labor poético porque o escritor, non contento co seu traballo, queimou ou rachou moitos orixinais e outros foron esparexidos e non se atopan hoxe. E engade que Antón Villar Ponte se doía de que Leiras Pulpeiro os fixese desaparecer pois, na súa opinión, eran todos de moito mérito. Ademais, hai outras evidencias documentais, recollidas sobre todo nas edicións de Alonso Montero (1983) e Reimunde (1984), de que rachou moitos escritos da súa autoría movido, quizais en parte, polo convencemento de que a súa calidade era cativa, feito que tamén xustificaría a súa renuncia a ingresar na RAG.

Por iso, o resto da súa obra lírica tivo que agardar para ser recuperada aínda ben anos despois da súa morte, acontecida en 1912. Así, agás os cantares anteriormente editados, as composicións que deixara inéditas ou esparexidas en publicacións periódicas xuntáronse no volume Obras completas. Tomo I (Poesías) (A Coruña, “Nós”, Pubricazóns galegas e imprenta, vol. XXXII, 1930), con prólogo de Otero Pedrayo. Esta recompilación, segundo apuntan tódolos datos, foi responsabilidade de Antón Villar Ponte, sen o cal hoxe soamente coñeceriamos un molliño de versos, no dicir de Alonso Montero. No devandito tomo, con erróneos criterios editoriais e unha organización caótica do corpus poético, recóllese a chamada “poesía maior” de Leiras Pulpeiro, formada por 89 textos, 84 poemas e cinco cantares, nos que figura un dos máis fermosos poemas costumistas da nosa literatura, intitulado “O Galo”, que fora premiado nos Xogos Florais convocados no ano 1910, en Vigo, pola sociedade “La Oliva”.

No ano 1970, e da man de Xosé Luís Franco Grande, a Fundación Penzol e a editorial Galaxia deron á luz todo o que naquel momento se puido arrecadar, chamando o conxunto tamén Obra completa, onde se recollen os libros de 1911 e 1930, outros Cantares inéditos, ademais de refráns, frases e adiviñas e o vocabulario enviado á RAG por Leiras, precedidos dun amplo estudio introdutorio. En 1983, coincidindo co ano en que se lle consagrou o Día das Letras Galegas, Xesús Alonso Montero preparou unha nova edición para a editorial Sálvora que se chamou Poesía completa, onde se nos ofrece un número bastante elevado de poemas practicamente descoñecidos e uns cantos versos inéditos, non moitos, xunto a algunhas achegas biográficas. Tamén engade varias traducións e seis poemas en castelán, ademais dunha escolma de xuízos sobre o cidadán e o poeta e unha documentada Bibliografía de e sobre Leiras. Con todo, aínda non se trata dunha edición crítica porque Alonso modifica a grafía dos textos na redacción dos Cantares gallegos, xa que nos demais textos publicados post mortem nin sequera o autor tería responsabilidade editorial, e xustificando que intervén sempre que os cambios non atenten contra á fonía do texto. Finalmente, a última versión, ao coidado de Ramón Reimunde Noreña data de 1984, incluída no catálogo de Sotelo Blanco Edicións co título Poesía Galega Completa. A edición de Reimunde non segue o criterio de alterar os textos orixinais da poesía de Leiras, como fan as anteriores, e respecta os textos primitivos, aínda que rectifica os posibles erros en nota. Neste sentido considera sempre como textos orixinais primitivos os das primeiras edicións, a de 1911 para os Cantares Gallegos, a de 1930 para a “poesía maior” e a de 1970 para os cantares inéditos. Ademais, para Carballo Calero, que asina o Prólogo, esta edición achega importantes novidades con respecto ás anteriores.

Cantares gallegos (1911), único libro que o poeta coñeceu en vida e tamén o único que tivo o seu consentemento para a publicación, foi reeditado por vez primeira na Obra Completa preparada por Franco Grande. Inclúe un total de 244 cantigas ou cántigas, anque é doado ver que nalgún caso varias destas coplas integran un único poema. Delas, unhas poucas xa se reproduciran no Almanaque Gallego de Bos Aires. O propio Franco Grande dá a coñecer 59 cantigas máis no capítulo “Outros cantares” e Xesús Alonso Montero aínda ofrece outras seis no seu apartado “Máis cantares”, con explicación da súa orixe.

Polas referencias que recollen Franco Grande e Alonso Montero da prensa da época, sabemos que tamén se resistiu á publicación deste libro. Así e todo, os cantares ao xeito popular que forman o devandito volume obtiveron moito éxito e mereceron non poucas gabanzas de intelectuais como A. Villar Ponte. Outro testemuño de Eduardo Lence-Santar salienta que o libro recibiu o “unánime aplauso da crítica”, para Manuel Amor Meilán os cantares son “prez e gala da literatura rexional”, mentres que para Álvaro de las Casas, na súa Antología de poetas gallegos, o seu autor é o Francis James galego por excelencia, xa que a sinxelexa é o leiv motiv dos seus breves pero emocionados poemas. Por outro lado, o poeta tanto logrou o seu obxectivo que moitos deles chegaron axiña a se faceren populares e son cantados polo pobo como seus, e tamén foron reproducidos en varias antoloxías e revistas. De feito, varias destas coplas foron incluídas por Fernández del Riego na súa Escolma de Poesía Galega, III.

A nota común é a fidelidade ao cantar popular aínda que, algunha vez, tamén hai cantares incluídos neste libro que son verdadeiramente recollidos do pobo. Para Trapero Pardo, case todos eran da súa invención, integrando un conxunto que, en relación coas coleccións daquela coñecidas, posúen unha gran orixinalidade e unha temática moi variada. Ademais, Leiras Pulpeiro non se limitou só a recoller xiros e modos de dicir do pobo senón que escribiu cantares que se achegan máis á forma das cantigas usadas decote polo pobo que ao xeito literario adoptado polo poeta nas outras composicións da súa obra, aínda que con notables diferencias a respecto dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Como sinalan Alonso Montero ou Franco Grande, Rosalía escribe un poema que glosa o cantar popular no que se inspira, mentres que Leiras, bo coñecedor do cancioneiro do pobo, escribe cantares de métrica e xeito populares pois soubo identificarse totalmente coa expresión do pobo, facendo a súa mesma poesía. Neste sentido será un precursor xa que, entre nós, ninguén cultivara este xénero ou subxénero, que logo continuarán Victoriano Taibo e Francisco Salgado e López-Quiroga. Con todo, trátase dun discurso serodio na literatura peninsular, que tiña sobrados antecedentes nas literaturas portuguesa e española.

Os temas destes cantares son os mesmos dos nosos cantares populares, neles está reflectido o sentir do pobo en todo o que o circunda, transmitindo pequenos retallos da vida rural. Seguindo a temática popular fixo cantigas tristes ou ledas, pícaras ou de acento relixioso, de louvanza ou de desprezo, amorosas ou satíricas, todo o que soubo apreixar nos catro versos ou nunha triada. En todas vese o coñecemento que tiña dos costumes de labregos e vilegos e dos xiros que empregaban na fala coloquial. Reimunde fai unha completa clasificación temática das cantigas da que se deduciría que Leiras tiña preferencia polos temas amorosos, satíricos e picarescos, así como por todo tipo de cantigas populares costumistas. Outras teimas menores son a crítica aos fachendosos e murmuradores, aos cregos e aproveitados, os louvores á Mariña e os maldicires á Montaña, e unha particular alusión ao Mariscal Pardo de Cela. Porén, Alonso Montero sinala que non hai capítulos no libro, nin temáticos nin doutro tipo, porque se pasa dunha cantiga amorosa a unha social, dunha picaresca a unha moral, e así indistintamente. En definitiva, trátase dun libro impersoal porque o autor renuncia á súa voz en nome da voz da colectividade campesiña.

O único tomo publicado das Obras Completas de Leiras anunciadas por “Nós” contén a súa poesía maior, ademais de cinco cantares, sendo moi ben recibido por máis que o libro se caracterice como un fiel continuador das formas do século XIX. Estruturas poemáticas sinxelas, discursividade, recursos tradicionais como a metáfora, o símil ou a alegoría, definen esa carencia de innovación. Tampouco é nova a temática, malia seren moitos os temas que Leiras tratou e dos que resulta unha poesía cun acento ben persoal. Franco Grande e Reimunde, con pequenas diferencias de matiz, clasifican os textos das Obras Completas en cinco grupos temáticos e falan de poesía costumista, patriótica ou cívica, lírica, satírica e de aires populares. Reimunde, ademais, non esquece mencionar as versións ao galego de poemas alleos.

Para Franco Grande é na liña costumista onde loce o seu mellor talento poético polo singular coñecemento que tiña do mundo labrego e da súa fala. Neste capítulo figuran os seus dous poemas máis longos “Unha festa como hai moitas” e “Un galo”, que Coceiro Freijomil titula “Un galo no coto”. Descrición das paisaxes, aventuras eróticas e plasmación do código popular, enchen todas estas páxinas. Nesta faceta, toda a crítica coincide en comparar a Leiras con Noriega Varela para constatar como, sendo os dous mindonienses, o primeiro é o cantor da Mariña e o segundo, en certo modo discípulo seu, o da Montaña. Para Carballo Calero, ambos poetas chegarían, por volta de 1900, a se partillar a temática xeográfica. Nalgunhas composicións breves de carácter lírico, descritivo ou epigramático, escritas en octosílabos, ambos teñen moitas similitudes na temática, na forma e no xeito persoal de tratar os motivos costumistas. A visión enxebre da vida campesiña e a animación da linguaxe, na que abundan as exclamacións, e non digamos o léxico, son os mesmos nos dous poetas. Acentúa a semellanza, o feito de utilizaren o mesmo dialecto. Só que Noriega sempre foi amigo dos cregos a diferencia de Leiras, que reflicte o seu anticlericalismo nos versos.

A temática civil ou patriótica é outra das maioritarias, denunciando a marxinación de Galicia ou a situación dos labregos e enfrontándose ás institucións responsables. Entre estas, destaca a eclesiástica que é atacada cunha rabia semellante, se callar máis amargurada, á dos poemas de Curros. A cerna do seu patriotismo está en redimir ao pobo das servidumes que padece. Noutras ocasións os poemas patrióticos teñen como finalidade a loanza de figuras galegas que considera representativas, como “Na morte de Montes”, “A Pascual Veiga” ou “Diante da cova de Pascual Veiga” e, sobre todo, os que reivindican e continúan a mitificación de Pedro Pardo de Cela, onde asoman actitudes independentistas. Aínda que xa a comenzos do XVI había unha interesante literatura sobre o tema, Benito Vicetto recollera de novo a lenda de Pardo de Cela como bandeira das liberdades no Rexurdimento, dando a esta figura histórica unha interpretación que foi continuada por Leiras Pulpeiro ou polo soneto de Lamas Carvajal e que culmina na traxedia O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte. Tamén, nas cancións da Frouxeira, onde esta vén ser unha metonimia do Mariscal, hai como unha linguaxe alegórica, dirixida aos iniciados que profesan o culto do mártir. Ao lado destas composicións, atopamos outras de tipo moral, na liña do pensamento federalista e incluso do socialismo utópico, que se asemellan en grande medida ás fábulas.

Para Franco Grande, Leiras Pulpeiro é un poeta lírico frustrado, estragando as composicións con versos didácticos. Porén, o resto da crítica cre que non lle falta lirismo, liña na que conseguiría verdadeiros logros, sobre todo nos textos máis breves, nos que abrollan as mancaduras vitais, a tenrura e a saudade. Con todo, o seu lirismo máis puro non deixa de ser costumista. Deixando á parte unha formal cantiga de maldizer contra a montaña, intitulada “¡Non se fai de mouro branco!”, toda a forza satírica de Leiras concéntrase contra a cregaxe, aínda que a crítica tamén polemiza neste aspecto. Segundo Franco Grande foi un cidadán e un poeta anticlerical, pero non descreído pois nos seus poemas é doado atopar elementos e referencias que demostran que era crente. Pola contra, para Reimunde o seu anticlericalismo é teimoso e valente, non atacando directamente á relixión senón satirizando os cregos gordos e apaisanados. Polo demais, os aires populares serán máis evidentes nos cantares aquí inseridos. Naturalmente, estas distintas orientacións temáticas interfírense e combínanse a miúdo. Un último grupo, no que se inclúen tres poemas, son versións ao galego doutros estranxeiros, dos que o máis estimable é “O pino de Formentor” baseado no texto de Miquel Costa i Llobera.

Pero, sen dúbida, o valor máis constante e indiscutible é a mestría lingüística que se observa na maioría dos seus versos, sempre admirada pola crítica. Franco Grande dedica case cen páxinas no seu estudio a senllos capítulos intitulados “Língua” e “Contido estético do idioma de Leiras Pulpeiro”. O primeiro comeza por dicir que o idioma de Leiras ten a ben gañada sona de ser un dos máis puros que entre nós se teñen usado, e afirma que cantos dunha maneira ou doutra se atoparon algunha vez co seu caudal léxico e co mesto bosque da súa sintaxe, así o veñen proclamando. Recolle opinións de Carballo Calero, Iglesia Alvariño, con algunhas afirmacións gravemente erróneas, Otero Pedrayo e Mayán Fernández. Tamén a edición de Reimunde engade un amplo capítulo sobre “A língua de Leiras” no que tira conclusións como que o poeta mostra unha serie de constantes gráficas, aínda que é vacilante nalgúns aspectos, feito que se explica por tentar transcribir a fala real da súa zona de acordo co estado diacrónico da lingua e coa escrita utilizada polos escritores do seu tempo. Na morfosintaxe presenta unha tendencia dialectal e o descoñecemento do concepto de lingua padrón. Porén, demostra a súa competencia lingüística de perfecto coñecemento da lingua falada na colocación dos pronomes átonos, no uso do infinitivo conxugado ou de expresións e ditos populares enxebres, a penas con alteracións debidas a esixencias métricas ou licencias poéticas. Na semántica é complacente no abuso de variantes dialectais como diferencialismo. Polo demais a súa lingua é transcrición exacta da fala popular mindoniense cos seus defectos e coas súas virtudes, con moitos castelanismos e deformacións vulgares. Os fenómenos dialectais son de grande valor semántico e documental pola riqueza e variedade do seu léxico. Para Reimunde en Leiras hai dúas linguas funcionais con distintos obxectivos, unha chea de lirismo, costumista, bucólica, con adxectivos diminutivos ou con carga positiva, coa que mostra a súa preferencia polas xentes humildes. A outra, satírica, para facer afiadas críticas, como o xeito de ferir aos cregos chamándolles corvos ou limachas. Todo isto converte o seu rexistro na máis valiosa achega lingüística feita por un poeta lugués.

A métrica non encerra un interese moi especial, aínda sendo un magnífico versificador. Nisto é irregular, pois á beira de verdadeiros acertos e mesmo de mestría no dominio do verso, sobre todo cando traballa con metros populares, tamén atopamos casos de versificación frouxa. No libro Cantares Gallegos, que inclúe 244 textos, todos son coplas de catro versos agás sete triadas, onde o verso de arte menor é o que máis predomina. De feito, a cantiga maioritaria, como é frecuente no noso cancioneiro popular, consta de catro versos octosílabos, asonantes os pares e sen rima os impares. Nos “poemas maiores” o romance é a combinación estrofíca máis usual, pois a maioría da súa obra está escrita nesta estrofa ou en romancillos. Tamén utiliza outras estrofas populares como a redondilla, o pareado e a triada, e ocasionalmente algunha outra. A rima máis abundante é a asonante ou parcial, que é a única empregada nos Cantares e nos poemas longos da obra maior, con preferencia polas e-a e a-a, a primeira en case noventa composicións e a segunda nunhas corenta. Pola contra, a rima consonante é escasa, usándoa nuns quince poemas breves dos poemas maiores. A maioría das súas composicións están escritas en octosílabos, medida única nos Cantares, e en raras ocasións emprega o hendecasílabo, dáctilo ou dactílico sobre todo, sen combinalo co heptasílabo. Tamén demostra ter unha certa prelación polo sexasílabo, como no poema “Non o sei”, e usa outros metros en moito menor medida.

Polo que respecta aos recursos literarios, os máis notorios son a diloxía e o símil dentro dun esquema métrico fixo, ademais doutro recurso da poesía popular, aínda non bautizado, no que as estrofas semella que se compoñen de dúas partes, de dous versos cada unha e o mesmo pensamento repítese dúas veces, na primeira nunha forma simbólica e despois de xeito claro. No plano morfosintáctico fai uso da paráfrase e da elipse, pero sobre todo de figuras retóricas por repetición, como a recorrencia, anáfora, epífora, epínome, polípote, reduplicatio ou polisíndeton. No plano semántico, sobrancean as imaxes populares e simples, as metáforas elementais e os eufemismos. En todos eles, sexa cal for a figura retórica empregada, nunca é culta e sempre ten un referente real relativo ao campo e ao mundo rural. Nos poemas maiores abundan máis os tropos e as figuras, imaxes, sinécdoques, metáforas e outros.

Actualmente, a crítica concorda en que as composicións manteñen o engado popular e supoñen un fito, posto que son o primeiro cancioneiro galego de autor culto que ten por modelo o do pobo, sentando precedente na nosa literatura. Porén, hai discrepancias á hora de xulgar a calidade da obra de Leiras Pulpeiro desde o punto de vista estrictamente literario. Así, para Alonso Montero estamos perante un poeta do XIX mesmo cando escribía no XX, e Anxo Tarrío sinala que unha valoración global non pode ser gabanciosa por se tratar dunha poética anacrónica, desfasada e retrógrada. Pola contra, Reimunde cre que Leiras supera a Lamas Carvajal en vigor, e os asombrosos xogos de harmonía fonética e beleza verbal, que logra ás veces en pequenos poemas redondos, non achan parangón nin no propio Lamas nin en Curros Enríquez.

BIBLIOGRAFÍA

Cfr. CC, CF, AT, GEG

Alonso Montero, X., Manuel Leiras Pulpeiro, o cidadán e o poeta. Poesía completa, Santiago de Compostela, Sálvora, 1983.

Carballo Calero, R., “Obra completa de Leiras Pulpeiro” en Sobre lingua e literatura galega, Vigo, Galaxia, 1971.

Franco Grande, X.L., “Estudio crítico. Lengua e poesía de Leiras”, en M. Leiras Pulpeiro, Obra completa, Vigo, Fundación Penzol, Galaxia, 1970.

Otero Pedrayo, R., “Prólogo” a Obras completas, tomo I (Poesías), A Coruña, Editorial Nós, 1930.

Reimunde, R., “Estudo premilinar” a Manuel Leiras Pulpeiro. Poesía galega completa, Barcelona, Sotelo Blanco, 1984.

Tarrío, A., “Limiar” a Departamento de Filoloxía Galega, Escolma de Leiras Pulpeiro, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1983.

Comentarios desactivados en Unha lectura da Poesía Galega Completa, de Manuel Leiras Pulpeiro

Out 24 2016

Artigo en QPC (XV): «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)»

xervasiopazleston01

Onte, 23 de outubro, é unha data para conmemorarmos o natalicio e o pasamento do poeta muxián Xervasio Paz Lestón. Na súa memoria veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, co título «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)

Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, aldea da parroquia de San Xulián de Moraime no concello de Muxía (A Coruña), o 23 de outubro de 1898, e faleceu en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.

A súa obra poética caracterízase, de primeiras, polo seu autobiografismo, xa que en moitos dos textos o eu poético é un trasunto do propio autor que expresa as súas vivencias persoais. Porén, non imos facer referencia a estas pegadas autobiográficas, senón ás dúas liñas temáticas fundamentais: o antifranquismo e a nostalxia da Terra. Así pois, unha poética da saudade e unha poética do compromiso moi próxima á poesía civil de autores como Lorenzo Varela, Luís Seoane ou Alfonso Gayoso Frías. Non se trata dunha afirmación gratuíta, pois existen testemuños claros de que a poesía dos dous últimos estaba entre as lecturas de preferencia de Paz Lestón. De feito, no poema «Agasallo», que é un poema lido na presentación do libro Os fidalgos de Rante de Gayoso Frías, hai unha referencia explícita a Seoane.

Desde os seus primeiros textos Paz Lestón é un poeta civil, de denuncia social, comprometido coa causa dos desfavorecidos. Textos datados en 1924, 1925 ou 1926 denuncian a situación da sociedade española durante a monarquía de Alfonso XIII ou a ditadura do xeneral Primo de Rivera, que é cualificado como Xeneral Morralla, Xeneral Metralla, Azor ou “chulo” xeneral Miguel Primeiro. Para o primeiro caso velaí o poema «D’a España Doente…» e para o segundo os poemas «¡Calade…», «A Unamuno», no que se fai mención do confinamento do intelectual español, «¡Terror Galiñeiro!» ou «España é un Galiñeiro». Todos eles apareceron no Correo de Galicia, periódico dirixido por José R. Lence, que tiña como secretario de redacción a Ramón Suárez Picallo. Aparecía os domingos e era lido con interese pola ampla información que traía da Terra e das actividades societarias na emigración. Lence era un home pouco estimado na colectividade progresista pola liña do seu xornal que sempre abalaba para onde máis lle conviñera. Daquela aínda tiña certo espírito galeguista, xa que promovera, en 1917, conxuntamente co Heraldo de Galicia, a asociación regionalista “A Terra” para defender un “san e ben entendido rexionalismo”. Porén, nunca abdicou das súas ideas monárquicas, aínda que desaprobase a conduta de Alfonso XIII con ocasión da Ditadura primorriverista.

Por outra parte, no verán de 1922, Blanco-Amor, nomeado director da sección literaria do xornal, promete levar a estas páxinas a escritores galegos, comenzando polos ourensáns Losada Diéguez, Risco, Euxenio Montes ou Xavier Bóveda, ademais de asinar unha serie de artigos sobre poetas nosos como Noriega, Pondal e Curros. As respectivas actitudes de Lence e de Blanco-Amor serven para explicar o sentido das colaboracións poéticas de Paz Lestón.

Ademais, hai que lembrar que o poeta non fala de oídas pois regresou a Galiza, para visitar os seus pais, entre xullo de 1925 e marzo de 1926, polo que tivo información de primeira man para completar aquelaoutra que se recibía na emigración a través de xornais ou testemuños orais ou escritos. Alén diso, existe unha evidente diferenciación no tocante ao tema patriótico pois temos que distinguir cando fala de Galiza ou de España. Así, nos seus primeiros textos a patria do poeta é España e a penas se menciona a Galiza, mais nos poemas da posterior etapa antifranquista a énfase patriótica está en Galiza, que sempre se enfronta a unha Castela que a marxina ou que a asoballa. Aquí reflítese claramente a deriva de Paz Lestón cara á asunción dos postulados do nacionalismo galego. Non pode ser alleo a isto a proximidade de persoeiros como Castelao, Alonso Ríos, Núñez Búa ou Suárez Picallo.

A saudade da Terra penetra en todos os textos que falan da emigración. Malia non ser un exiliado, a visión da emigración que posúe Paz Lestón é moi semellante á dos desterrados por razóns políticas. Na súa poesía non se percibe nunca unha imaxe idílica do éxodo, pola contra sempre se denuncian as súas causas. Isto ocorre xa nos primeiros textos, velaí a magnífica narración da epopea en «Os Novos Conqueridores», que relata a partida, a viaxe e a derrota da maioría. Esta derrota en referencia individual aparece nos poemas «Andrés do Fontán» e «Andrés», que talvez fagan referencia a unha mesma persoa, ben coñecida polo poeta, e como amarga experiencia autobiográfica en «Alonxamento». Outro testemuño dramático é o que aparece en «O Adiós dos Parias» que reitera máis unha vez as causas, a afouteza coa que se emprende a viaxe e finalmente a constatación de que por cada un que vence, cen perderon a partida. Describe a quen se viron na obriga de abandonaren todo por iren na procura de algo que sempre é incerto. A condena da emigración aínda está presente nun poema publicado en 1960, «Barcos» na que o eu poético se sitúa no cume do monte Cachelmo, nas terras de Muxía, vendo como pasan os barcos que se supoñen cargados de emigrantes. Outra cara da mesma moeda é a dos que sofren na espera, que aparece tamén en poemas como «As Naiciñas» ou en «Noiva de Emigrado» onde as que teñen os corazóns abafados son as mozas dos que emigran. Neste poema, que data de 1935, fálase do monstro da emigración / que hoxe a Galicia devora

A única imaxe en positivo da emigración relaciónase coa actividade das sociedades de emigración, nomeadamente das dúas entidades, a «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía» e a «Asociación Benéfico Cultural del Partido Judicial de Corcubión», máis coñecida como a ABC de Corcubión, nas que Xervasio Paz Lestón tivo responsabilidade. Son moitos os poemas de circunstancias, case sempre asinados con pseudónimos, que falan deste tipo de celebracións, por exemplo «Que festa a da Barca» –que relata a participación nunha festa anual da ABC de Corcubión de persoas como Maruxa Boga, o actor Tacholas, os Moreiras e outros moitos xoldreiros–. Chama a atención que en moitos destes versos exista unha reivindicación da muiñeira de roda, un baile que o poeta considera representativo da súa terra e que levaba camiño de desaparecer como tradición de nós. Outra constante é a referencia ás regueifas ou a regueifeiros concretos como Celestino Sar, chamado o Seixas de Aboi, Pepe Grande de Quintáns ou Benedito de Lourido. Tamén protagonizan o poema «Regueifantes a chorar», unha homenaxe ao primeiro dos antes citados no momento da súa morte, de quen se fai un perfecto retrato. Tamén entran nesta serie os poemas conmemorativos como «¡Un Ano!», no que lembra o primeiro ano da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía ou «Vintecinco anos» e «Nas Bodas de Ouro da A.B.C. de Corcubión», referidos a esta sociedade. Nos primeiros hai versos que resumen perfectamente o papel que debían cumprir estas sociedades da emigración. Ou tamén «Amoroso Fogar» e «Pequeno Piñeiro» nos que fala do Fogar Galego, pois o Hogar Gallego para Ancianos era unha vella reivindicación da emigración como centro de acollida para vellos e enfermos.

Tamén cómpre salientar os poemas escritos nos cabodanos de Pardo de Cela, Castelao, Antón Vilar Ponte, Lamas Carvajal ou Gonzalo López Abente. Moitos deles teñen o carácter de semblanzas, aínda que non sempre foron feitos despois da morte dos homenaxeados, pois o propio Abente é glosado con anterioridade e nesta liña tamén está a «Semblanza» que escribe para o seu amigo, o poeta Xesús Calviño de Castro. Neste aspecto, é curioso observar que na poesía de Paz Lestón comparten protagonismo os grandes persoeiros nomeados con persoas do común, como os regueifeiros ou de moi pouca consideración social, como se o poeta tamén tivese intención de nivelar a sociedade a través dos seus versos. Personaxes descoñecidos como «Xan Castrelos» ou «A Probe Velliña» que vai petando nas portas das casonas de labregos e de ricos, xúntanse cos anónimos labregos que en colectivo serven de inspiración lírica.

Finalmente, merecen unha destacada mención os textos que, dalgunha maneira, se converten en metapoéticos ou en precisas Autopoéticas. Son abondosas as reflexións que Paz Lestón fai na súa obra sobre o acto poético, ata o punto de ser un dos temas principais, pois nos vieiros de ensoño que lle ofrece o carrusel da poesía vai atopar a felicidade, como confesa no poema que así se titula «A felicidade». Porén, achégase á palabra poética con humildade como refliten as primeiras estrofas de «Miña Comarca». Como testemuño do lugar que toda a poesía ocupa e tamén da recepción que tiña na emigración a nosa tradición lírica do Rexurdimento, temos «Lembranza», onde son invocados a rula Rosalía, Curros e Pondal ou «Meus Versos» no que sitúa os devanditos poetas e tamén a Añón como exemplo de estros lostregantes. Esta invocación e esta veneración convértense en durísima carraxe nos expresivos “¡Batede Mais, Poetas!”, publicado nos anos vinte, e “Compride a Misión, Poetas”, publicado en 1934, que se inicia cunha cita de Evaristo Martelo Paumán tirada de A misión dos bardos. A reacción vén provocada no primeiro caso porque se aproxima a hora das reivindicacións e no segundo pola actitude dos nosos bardos nesa altura, xa que considera que andan á moda ao escribiren versos de amores finxidos e cantaren romances de cegos ou madrigais chorosos, esquecendo os seus deberes. Nese senso apela a recuperar o exemplo de Curros Enríquez e a botar man da poesía directa, refugando os versos pulidos, os conceptos alambicados para salóns e os pesares non sentidos. Cualifica como remilgados a estes poetas e fala da necesidade de que se poñan os versos ao servizo dos oprimidos, dos pobos escravos e que combatan a reacción.

Cfr. Villar, Miro. A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e Estudio. Sada: Edicións do Castro, 1998.
xervasiopazleston02

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XV): «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)»

Out 19 2016

A ollada sobre o mar do poeta da montaña Antonio Noriega Varela

Published by under Efemérides,Humor,Poesía

noriegavarela
Fotografía: Arquivo da RAG)

Sebastián Martínez-Risco escribiu un magnífico e memorable limiar para o libro de poemas de Gonzalo López Abente Centileos nas ondas (Vigo: Galaxia, 1958), que asina como Sebastián Risco, para evocar a presenza do mar na literatura galega.

Nesa peza maxistral de erudición literaria recolle unha divertida piada do poeta da montaña Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 19 de outubro de 1869 – Viveiro, 27 de marzo de 1947) e a súa ollada singular sobre o mar. E hoxe na conmemoración do natalicio do poeta mindoniense recuperamos ese fragmento.

(…)

O mar de ROSALÍA é o mar da mágoa, o «leito misterioso e frío» que a chama pra que nil vaia «brandamente a descansar»: a nosa sura do Sar alcontra nas «augas sin fondo» do mar da nosa terra un termo de comparanza coa súa fonda dór, cecáis un acougo pra súa infinda saudade posto que lle fai sentir «unhas ansias mortáis d’apousar n’el». Ten na súa lira o mar un senso de intimazón, un broído ecoante do seu propio sentimento de anguria.

En troques, pra PONDAL, o mar é o «fero Océano», o loitador do «eterno e duro combate», ser podencioso e ardido, imposto de un pulo épico. O mar, coa terra e o ceo, compoñen o grandeiro esceario do seu mundo mitolóxico.

Non é nova, sen dúbida, a conceición do mar como personaxe sañoso e indómito. De antigo usouse comparalo co xenio arrautado das xentes. Dende aquela quadra da nosa poesía popular arcaica:

Miña nai é mui bravía,
fai como as olas do mar

pasando pola sonada comparanza que Paio Gómez Chariño fixo del co Rei Don Alfonso X:

e pode muit’e á tal corazón
que o non pode ren apoderar,

ata chegar ás alusiós que Gil Vicente e Juan del Encina fan a cotío a moza «sanhosa como o mar».

Nos nosos mesmos días, certa serán do vrao vivairense, ouvín de labios do grande poeta da montaña, o ademirábel Noriega Varela, cando na súa esgrevia xuntanza paseiaba eu pola aberta praia de Covas, vendo ir e vir «as irritadas ondas do Cántabro salobre», unhas verbas sentenciosas, nas que sentín latexar a desdenosa indifrenza do seu esprito diante da oufaniosa esquiveza e o brandor fuxidizo das procelosas augas.

Rompendo o balbordar das ondas veciñas, atrevinme, naquil vagar, a demandarlle:

—E vostede, Noriega, ¿por qué non ten cantado o mar?

E o poeta das outas terras cortóu, co seu xeito de comprida cortesía labrega, ista resposta chea, sen dúbida, do seu tácito amor á montaña i á doce homildeza das miudas chorimas:

—Ai, señor! O mar élle mui bravo; non se lle pode cantar.

Comentarios desactivados en A ollada sobre o mar do poeta da montaña Antonio Noriega Varela

Out 15 2016

Unha referencia a Lluís Companys no poema «Castelao…» de Xervasio Paz Lestón

companys01 companys02
(Dúas imaxes históricas de Lluís Compays, en liberdade e no cárcere)

Na madrugada de hoxe sábado hai 76 anos da execución por fusilamento do presidente catalán Lluís Companys no Castelo de Montjuïc, o 15 de outubro de 1940 a mans dos franquistas. O Govern Catalá declararou o ano pasado esta data como «Dia Nacional en memòria de les víctimes de la Guerra Civil i el franquisme».

Lluis Companys (Tarrós, LLeida, 1883; Barcelona, 1940). Fundador de Esquerra Republicana de Catalunya. En 1932 foi elixido presidente do Parlament de Catalunya e, coa morte de Francesc Macià, president da Generalitat. Proclamou o Estat Catalá que o exército sufocou. Foi condenado a 30 anos de cadea e recobra a liberdade coa vitoria da Frente Popular en 1936. Exiliouse a Francia ao entraren os franquistas en Barcelona. Detido e deportado, foi fusilado o 15 de outubro de 1940, no castelo de Montjuïc. O historiador Josep Maria Figueres Artigues é autor da monografía máis completa sobre o seu proceso, unha obra intitulada El consell de guerra a Lluís Companys, president de la Generalitat de Catalunya (Barcelona: Proa, 1997).

Na miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, publicada pola desaparecida Edicións do Castro en 1998, recuperei e exhumei un poema deste autor muxián emigrado de novo á Arxentina que está dedicado á memoria de Castelao e cuxos versos tamén fan referencia ao martiroloxio de Lluís Companys. O poema publicouse na revista Alborada, da ABC de Corcubión, Bos Aires, nº 164, setembro a decembro de 1955, entidade e revista que aínda subsisten. A publicación aparece datada polo autor «7/1/1956». Moitos anos despois foi reproducido en Alonso Montero, Xesús, Coroa poética para Castelao (187 poemas: de 1911 a 1987) (Sada: Ediciós do Castro, 1988). Velaquí o poema completo:

Castelao…

Dende teu pasamento, seis abafantes anos
remacharon os grillos da escravizada Terra.
Anos sin pan e lume, de carces e torturas
de morte ou de cadea!
¡De tremenda agonía baixo o tirán da España,
hoxe, vendida aos gansters das barras i as estrelas!
Aos gansters da Whit-House, que non aos de Chicago,
ao país da bomba “H”, finchados de soberbia.
Son seis anos que viron, da patria, hoxe invadida,
1colmar sua traxedia
có sinistro perigro de sere convertida
nun mortal cimiterio da terra barrallenta.
Mouro presente grego que fixo a toda España
o xugo da Falanxe coas gadoupas noxentas
1do imperialismo yanqui…
¡dos padriños de Hitler que cobizan sua herencia!…
¿Qué papeles xogamos os españoles libres
diante da vil infamia, da repuñante feira?
Coma vellas choronas, os máis guindan salaios
de tímida protesta
contra a “gran democracia”
das suas entretelas,
que nos feirou a todos por uns millóns de dólares
coma si se tratara de un fato de facenda.
Algúns botan cizaña contra os do propio bando,
con censurabre esquezo, con insensata afrenta
pra sagrada memoria dos mártires i os éroes
que caeron na patria por querer ter ideas;
pra sagrada memoria dos que inmortalizastes
nos xeniales diseños das “Estampas de Guerra”.
¡E mentras uns solaian coma vellas choronas
ou da “gran democracia” relamben a cueira,
a boca do Pentágono i a boca da Falanxe,
con soberbo desprezo, gargallan da parveza!
¡Qué falla nos fai hoxe desparecido mestre,
tua corporal presencia!
¡A tua i á de Azaña i a do mártir Companys,
pra libertar Galicia con toda Celtiberia!
¡Non hai quen avencelle nun monllo indestruíbre
a cantos teñen fame de patria sin cadeas…!
Qué falla nos faría
que soase tua verva
pra silenciar as gorxas dos inmundos batracios
que cantan sua victoria nas lamas das cañeiras.
Pra acalantar as gorxas dos que antes che lixaron
con rencorosas babas, cal repuñantes lesmas
na Galicia e no eisilio –que cobizan agora
falsificar tua obra, desfigurar tua herencia.
No chan nobre e fraderno de esta grande Argentina,
libre hoxe de tiranos e de invasións alleas,
relembrando tua morte pedimos pra Galicia
iguales libertades e igual independencia…
Dende a tua morada
das verdades eternas,
que a todos nos inspire teu luminoso numen
nestas sombrisas horas que atura a vella Suevia
para encaular conduitos
i escrarecer concencias!

Comentarios desactivados en Unha referencia a Lluís Companys no poema «Castelao…» de Xervasio Paz Lestón

Out 14 2016

Addio, Darío Fo

dariofo
(Imaxe tirada do blogue Letras in.verso e re.verso)

Onte foise o dramaturgo, actor e director de escena italiano Darío Fo, unha persoa rebelde e crítica co poder, a quen seguimos desde hai ben anos. Débolle ao amigo Artur Trillo Sendón, fundador da compañía Talía teatro, a lectura das primeiras obras, que tempo despois descubrin representadas, entre elas a inesquecible versión do seu mónologo Mistero buffo (Misterio cómico) que realizou Celso Parada con Teatro do Morcego.

En homenaxe a Darío Fo recupero deseguida unha anotación que se publicou nesta bitácora o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, do ano 2013, cando o dramaturgo italiano escribiu a mensaxe oficial. Nela tamén fago lembtanza do meu primeiro achegamento á súa obra, que vivenciei durante moitos ensaios e moitas representacións por diversas localidades galegas.

Hoxe, 27 de marzo, é o Día Mundial do Teatro. A mensaxe oficial deste ano foi escrita por Darío Fo, dramaturgo italiano e Premio Nobel de Literatura en 1997. Autor que é da miña estima desde as afastadas datas de 1989 cando a compañía Talía teatro (Cee), daquela afeccionada ou amadora, puxera en escena Aquí non paga ninguén (Non si paga, non si paga!), na que colaborei nos aspectos técnicos cabo de Víctor, o irmán de Artur Trillo Sendón, co-protagonista como actor na obra e tamén na dirección do espectáculo.

Porén na páxina da organización mundial pódese ler a mensaxe de Darío Fo en ducias de linguas, entre elas catalán, eúscaro, español, português, mais non en galego!!!

Grazas á redifusión que fixo desde a súa conta de twitter @redenasa soubemos que viña de ser publicada a versión da mensaxe de Darío Fo en galego, realizada pola Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia (do seu director Roberto Pascual talvez?), quen engade unha breve anotación previa para sinalar o esquecemento por parte da nosa administración cultural. Velaquí:

MIT (Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia) ofrécevos, en exclusiva, a Mensaxe do Día Mundial do Teatro de 2013 na nosa lingua galega. Ante a inacción, a parálise, a desidia das nosas institucións públicas, que, ademais de nos atrasar débedas económicas e de estrangular ao sector, non cumpren cos seus mínimos deberes de xestión e divulgación cultural, velaquí unha mensaxe incómoda e ilumin…adora de Darío Fo. Quizais por iso o silencio, o pausado desmantelamento…

Instituto Internacional do Teatro ITI

Organización Mundial para as Artes Escénicas

Día Mundial do Teatro 2013

Mensaxe de Darío Fo

Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país.
Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.

Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.

Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.

Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell’Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.

Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos ‘nenos milaneses’, establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: “Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos.

Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro!

Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables.”

Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación.

Darío Fo

A versión ao português, que se pode ler nesta ligazón en Tradução de Margarida Saraiva, da Escola Superior de Teatro e Cinema, vai acompañada desta sucinta Biografia do autor:

Dario Fo nasceu a 24 de março de 1926. É um cómico italiano, autor, encenador, ator, compositor, e prémio Nobel da Literatura em 1997. O seu trabalho de dramaturgia utiliza os processos cómicos da ancestral Commedia dell’Arte italiana, um estilo teatral popular próximo das classes operárias. O trabalho de Fo carateriza-se pela crítica ao crime organizado, à corrupção na política, aos assassinatos políticos, à doutrina da igreja católica e aos conflitos no Médio Oriente.

A primeira experiencia teatral de Fo foi a sua colaboração nas revistas satíricas de pequenos cabarets e teatros. Com a sua esposa, a atriz Franca Rame, fundam a Companhia Dario Fo-Franca Rame, em 1959, e os seus sketchs humorísticos, no programa televisivo «Canzonissima», rapidamente os levam a criar figuras públicas que se tornarammuito populares. Desenvolvem um teatro de intervenção política, muitas vezes blasfemo e escatológico, mas ancorado na tradição da Commedia dell’Arte mesclada com aquilo a que Fo chama de “esquerdismo não-oficial”.

Em 1968, Fo e Rame fundaram uma outra Companhia, Nuova Scena, com ligação ao Partido Comunista Italiano e em 1970 criaram o Colletivo Teatrale La Commune, e iniciando tournées nas fábricas, nos parques e nas escolas.

Fo escreveu cerca de 70 peças, por vezes em co-autoria com Rame. De entre as peças mais conhecidas, podemos citar: Morte Acidental de um Anarquista, 1974; Não Se Paga, Não Se Paga, 1974. A sua obra como autor é bastante vasta. Fo ficou conhecido por obras como Mistero Buffo, 1973, baseada em peças de mistério medieval mas cujas temáticas são alteradas consoante o público. Dos seus trabalhos, certamente escritos com Rame, destacam-se ainda: Tutta CasaBed and Church, tradução inglesa: Adult Orgasm Escapes from the Zoo, 1978; Clacson, Trombette e Pernacchi, 1981; Female Parts, 1981; Copia Apperta, 1983; L’uomo nudo e l’uomo in frak, 1985; e Il Papa e la Strega, 1989.

Estas peças, em particular Mistero Buffo, foram traduzidas em 30 línguas e, quando produzidas fora de Itália, foram modificadas por refletirem sobre os problemas, políticos e outros locais. Fo encoraja os encenadores e tradutores a modificarem as suas peças como entenderem, desde que ele considere que a adaptação não se afasta da tradição da Commedia dell’Arte e da improvisação.

Na entrega do Prémio Nobel, em 1997, o comité apresentou Fo como um autor “que imita os cómicos da Idade Média flagelando as autoridades e conservando a dignidade dos oprimidos”.

Comentarios desactivados en Addio, Darío Fo

Out 05 2016

Poema (XCIII): «En días de inverno, …», de Fran Cortegoso

Published by under Obituarios,Poesía

francortegoso01francortegoso02
francortegoso

Aínda conmocionado, malia non termos trato persoal, pola triste nove da morte temperá do poeta Fran Cortegoso, a quen a enfermidade lle roubou a posibilidade de ollar as páxinas impresas do que vai ser a súa segunda obra poética, Suicidas. Así recolleu a triste nova a libraría e editorial Chan da Pólvora:

«O noso amigo Francisco Cortegoso (Frank Euner) faleceu hoxe na súa casa de Bora (Pontevedra), aos 31 anos, logo de meses de loita contra a enfermidade que o levou.

Nas últimas semanas aínda gardou ánimos para lle poñer o ramo ao libro Suicidas, que finalmente chegou hoxe ás librarías. Anton Lopo, Manolo Martínez e Gonzalo Hermo traballaron arreo para que Fran o puidese ver publicado.

Hoxe é un día de inmensa tristura para as persoas que formamos o equipo da Chan da Pólvora.

Vaian as nosas condolencias e o noso amor para a súa familia, os seus amigos e toda a xente que o quere. — con Frank Euner».

Lembro que o amigo e poeta Eduardo Estévez, coordinador do premio de poesía Pérez Parallé, xa me tiña falado da potencia do seu estro poético e xa o puiden comprobar cando seu publicou o seu libro gañador do XXVI Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, intitulado Memorial e danza, (Espiral Maior, 2014) e que recibín asinado (imaxe superior), como nos chegan todos os libros a quen somos subscritores da colección de poesía Espiral Maior, que dirixe Miguel Anxo Fernán-Vello.

Dos poemas de Fran Cortegoso, a xeito de homenaxe, rescato o texto sen título que abre o libro e que a min persoalmente é o que máis me aprace e que se pode escoitar na súa propia voz no video do lanzamento do libro. E que a terra che sexa leve, camarada da Palabra!

En días de inverno, o ar calmo,
con gratitude ofrece instantes de vida
sentada na soleira que da súa casa para o sur
se estende.
En igual grao presta
unha actitude a falar de como
as súas pernas curtas, grosas e apertadas
en medias de algodón e unhas botas pretas,
se resenten e calma cada noite coas mans
aínda que, a modo da pel que suxeita o lóbulo,
parezan desprovistas de tacto e a inmediata excitación capilar.
E o grao que amosa é desposesión.
Esquece a cor azul desde o fondo da súa ollada.
Só iso parece velar para si, a permanencia.
Continúa cun aceno do rosto
mentres os tres dedos que centran a man dereita
sinalan unha liña de sangue callado
no dorso doutro estremo.
Contra a palma debuxa xestos como un principio de escrita.
Nos finais días da estación.
Mañá vereina no mesmo lugar.
Falarame das mans, das pernas, das súas botas.
Tamén me falará do almorzo e da cea.
Falarame do seu día. Do sol que centra o seu lugar.
Sentada na cadeira co seu tempo
e o sol que vindo do ollo a ocupa
con todo o real que a estrema.

2 responses so far

Out 03 2016

No oitenta aniversario do asasinato do poeta e xornalista Roberto Blanco Torres

orballodamedianoite02 orballodamedianoite01
O esquecemento case absoluto arrodeaba a persoa e a obra de Roberto Blanco Torres (Cuntis, 1891 – San Fiz de Galez, Entrimo, 1936) cando escribín o artigo reivindicativo intitulado «Un poeta esquecido no centenário do seu nacemento. Roberto Blanco Torres (1891-1936), unha obra poética crebada polo fascismo» (A Nosa Terra, 23-I-1992). Andando o tempo, a Real Academia Galega decidiu, na súa sesión do 3 de xullo de 1998, dedicarlle o Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 1999. E daquela a editorial Xerais encargoume para a súa colección Biblioteca das Letras Galegas o estudo introdutorio e a reedición que preparei do seu único libro de poemas, Orballo da media noite (que editara Ánxel Casal en Nós, Volume XXIX. A Cruña: outono de 1929). O meu traballo xa estaba nas librarías a finais dese 1998, sendo a primeira contribución á longa serie de traballos que se publicaron sobre o escritor. Tanto é así que o volume se esgotou e hoxe só é posible atopar algún en librarías de vello.

Da súa Introdución aos poemas reproduzo deseguida os parágrafos sobre os seus últimos anos de vida. Velaquí:

En febreiro de 1936 a Frente Popular gana as eleccións, poñendo fin ao “bienio negro” coas dereitas no poder e fórmase o goberno de Azaña. Pouco despois Blanco Torres recibe o nomeamento de xefe do Gabinete de Prensa do Ministerio de Gobernación. Nunha das súas estadías na cidade madrileña participa nun acto de propaganda a prol do Estatuto de Autonomía, celebrado no Teatro Alcázar, no que F. Fernández del Riego –actual presidente da Academia Galega– falou en nome do Partido Galeguista. Sen embargo, aquel “tempo de entusiasmo”, como o definira Dieste, chegaba á súa fin. O 18 de xullo prodúcese o levantamento franquista contra o goberno democrático da República e, ben aconsellado, Roberto Blanco Torres decide retirarse discretamente ao lugar de Amido (A Peroxa), onde descansaba na compaña da súa muller. Non obstante, a represión non se detén e a mediados de setembro é localizado e detido, sendo encarcerado en Ourense. Germán, o seu irmán sacerdote, usa todas as súas influencias para conseguir que o poñan en liberdade. Así é en aparencia, como adoitaba ocorrer naquela época, pois en poñendo os pés extramuros é novamente apreixado polos falanxistas. Inicialmente é levado para o cárcere de Celanova, mais os muros da prisión que cantara Celso Emilio Ferreiro só serán o seu horizonte durante unha noite. Na mañá do día 2 de outubro apareceu o seu corpo baleado nunha gabia da parroquia de San Fiz de Gález (Entrimo), onde está soterrado. Sábese que foi “paseado” unhas horas antes de que a xente do pobo recollese o cadáver, para enterrar a semente, como diría Castelao.

O historiador Marcos Valcárcel, no prólogo á súa (re)edición de O libro dos amigos de Ramón Otero Pedrayo (Vigo: Galaxia, 1997), sinala:

As imaxes da dor e do sufrimento, da barbarie e da crueldade inútil son omnipresentes en toda a obra, pese á prudencia obrigada do momento político. A guerra é sobre todo o fracaso dos soños e das esperanzas doutrora. O escritor está a narrar a destrucción dunha xeración de idealistas: tal é o adxectivo aplicado a Blanco Torres, retratado “no calabozo, xa pertiño da morte, agardando un faiscar xeneroso”, ese faiscar que nunca chegaría para Blanco Torres, nin para Bóveda, nin para Arturo Noguerol, nin para Ánxel Casal, nin para Víctor Casas, entre moitos outros.

En efecto, tan só alguén como Otero Pedrayo podía escribir en tempos aínda ben difíciles unha digna semblanza de Roberto Blanco Torres. Velaquí os últimos parágrafos:

Un idealista inxerido en política, en home de artigo xornaleiro, ten de disfroitar e de sufrir moito cada mañá, a horas dos maitines das redaccións, e nos bohemios. Gardaba os sufrimentos e os desenganos Blanco Torres e soio lucía na conversa e estampaba no papel os trunfos e as espranzas da Doutrina. Os idealistas do xeito do noso amigo non dubidaban da bondade da natureza humana. Blanco Torres no calabozo, pertiño da morte, agardaba un faiscar xeneroso… Os desenganos, o acedo da vida, as baixas paixóns eran, na esperanza de Blanco Torres, os golpes dificultosos, as malas légoas dun camiño seguro enroitado aos cotos serenos, nos vales, e á polis da xustiza e beleza moral conqueridas. […]

Míroo —xa non voltariamos máis a falarmos— unha mañá de podente sol na rúa do Progreso, de Ourense, na hora leda de nós de vidas e proxectos axiña feitos e desfeitos dos autobuses e viaxeiros. Saía para a Peroxa. Tiña a esperanza de dirixir ben logo unha oficina de Prensa.

Foron os seus derradeiros momentos non lonxe dos fondos piñeirais das primeiras terras portuguesas. Teño enxergado despoixa con amor, respecto e lembranza aquil horizonte. Semella —era Roberto un amigo— doloroso da sorpresa dunha alma optimista diante a crueldade dos homes.

Desta maneira, perante a crueldade dos homes, remataba o alento vital de Roberto Blanco Torres, conservando aínda o mesmo espírito que levara a Francisco Luís Bernárdez a escribir nun número de Galicia de 1924: “xamais coñecín a un xornalista de ritmo tan continuo, de hipertensión cívica tan alta e tan constante”. A definición é inmellorable, pois, ademais de todas as publicacións citadas, textos da súa autoría foron reproducidos por Vida Gallega (Vigo, 1909-1938), Suevia “Revista Gallega Regionalista” (Bos Aires, 1913-1916), La Temporada en Mondariz (1888-1931), Hebe (Pontevedra, 1920-1921), Nerio (Corcubión, 1920-1921), Arazúa, “Boletín de la Asociación de la Cultura Gallega” (Montevideo, 1929), Boletín de la Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor (Bos Aires, 1909-1935), Céltiga (Bos Aires, 1924-1932), Revista del Centro Gallego (Montevideo, 1925-1929), La Voz del Agro (Chantada, 1928), Galicia “Revista del Centro Gallego de Montevideo” (1929-1931), Galicia “Revista del Centro Gallego de Buenos Aires” (1926-1998), A Fouce (Bos Aires, 1926-1936), Nuevo Heraldo (A Guarda, 1934-1936), Nós (Ourense, 1920-1935), Galicia Industrial y Comercial (A Coruña, 1926-1936), Heraldo de Galicia (Ourense, 1930-1936), Raza Celta “Órgano del Comité Autonomista Gallego de Montevideo” (1934-1935), ou Cultura Gallega (A Habana, 1936-1940), entre outras.

Comentarios desactivados en No oitenta aniversario do asasinato do poeta e xornalista Roberto Blanco Torres

Out 03 2016

Artigo en QPC (XIV): No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar a primeira das follas poéticas que editou o colectivo de poesía «Un Medio» de Cee en 1986, hai pois trinta anos daquela aventura literaria. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee

Foi por volta do verán do ano 1986 cando un grupo de sete mozos «letraferidos» (ou amantes da literatura), todos da vila de Cee, e por iniciativa de Xosé Cañizo, daquela concelleiro de Cultura, en representación dos nacionalistas, e mestre do colexio público, demos en constituír o colectivo de poesía «Un Medio» e publicamos nos anos seguintes dous cartapacios en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Artur Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo. E malia o seu financiamento económico ser a conta da concellaría de Cultura, que distribuíu de balde as publicacións, o seu patrocinio non ía acompañado do logo, como adoito sucede coas diferentes administracións, sempre desexosas de figurar. Xosé Cañizo, a quen moito lle agradecemos o seu apoio a aqueles mozos destemidos, limitouse a realizar unha breve presentación no lanzamento público.

Nesta anotación lembraremos o primeiro daqueles encartables (as imaxes non lle fan xustiza e non permiten ollar a frescura do formato orixinal). Naquel primeiro número as composicións ían asinadas co nome co que eramos coñecidos na vila e incluíu tres poemas en castelán: «su sombra la sombra de ella (la de siempre)», de Humberto, «labios», de Costa e «viendo mujeres», de X. Creus A.; e catro poemas en galego, dous na normativa do ILG: «subirás á túa árbore», de Arturo e «incógnita», de Estevo, e dous na normativa da AS-PG, ou de mínimos: «habia humidade nas furnas dos meus ollos», de Miro e «busco un armário», de Rafa. Todos os sete poemas estaban caligrafados polo propio Xoán Creus Andrade. Son poemas de primeira hora e talvez algún de nós xa non se recoñeza naqueles versos tan afastados no tempo da mocidade.

Daquela aínda ningún de nós publicara un libro e mesmo aínda estaba lonxe de ser así. Algúns aínda non o fixeron, malia escribir moi ben. Xoán Creus publica libros de arquitectura e moitos proxectos do seu estudio Creus & Carrasco (coa súa muller a arquitecta Covadonga Carrasco) merecen premios, Xosé María Costa escribe artigos e guías sobre micoloxía e Humberto se cadra é o que máis se afastou do mundo literario. No entanto, Artur Trillo centrouse na dramaturxia con Talía Teatro e publicou pezas teatrais e os tres restantes, Estevo Creus, Rafa Villar e mais eu navegamos por territorios literarios e levamos publicados varios títulos poéticos e tamén doutros xéneros.

A experiencia do colectivo poético «Un Medio» finou ao espallármonos en diferentes ocupacións estudantís e laborais. E uns anos despois, en sintonía co colectivo soneirán Arre Sentelha!, había cristalizar o Batallón Literario da Costa da Morte, que no seu mellor momento chegaría a xuntar a máis de trinta escritores e escritoras da zona.

un-medio01un-medio02
un-medio03un-medio04

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XIV): No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee