Set 20 2016

«O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

as-caldeiras-do-castro-1960-muxia
(As Caldeiras nunha foto de finais da década de 1960. Vese un muíño e os restos dun batán aínda enteiros)

Despois dun longo silencio, apráceme reproducir máis unha vez nesta bitácora outro artigo do noso amigo antropólogo Manuel Vilar Álvarez, que continúa a súa serie de colaboracións no diario dixital quepasanacosta baixo o epígrafe «As aberturas».

Desta volta co encabezamento «O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe» e baseándose na actual deteriorización e desfeita da paraxe denominada As caldeiras do río Castro. Deseguida reproducimos este novo texto, do que se pode ler o orixinal nesta ligazón, onde vai acompañado de varias fotografías alén da que reproducimos nesta anotación.

«O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

O pasado 13 de setembro vin neste dixital a fotodesfeita sobre o abandono das Caldeiras do Castro. O lugar do Castro é algo máis que unha bonita paraxe, é unha paisaxe cunha cargada semántica importante, desde o punto de vista da historia como da lendaria, e á que nunca se lle fixo caso desde que as administracións descubriron este lugar. Quixera nestas Aberturas achegarvos a esa riqueza semántica que non se mostra ao visitante. O coñecemento é un dereito de toda sociedade democrática que enriquece á cidadanía e se non coñecemos a carga semántica do territorio non o chegaremos a apreciar e a entender, non será territorio.

A capela

Hai anos (1999) reparouse a capela e inaugurouse con toda pompa. Aproveitei entón ese feito para denunciar as actuacións das administracións, que serven para a foto, pero non para ter máis coñecemento do territorio no que habitamos. Remataba aquel artigo cuns versos de Caballero Bonald que din que “hasta la geografía puede ser despiadada con quien ha desistido de creer en la historia”. Temos que coñecer a historia, non a dos grandes feitos, para que a xeografía non nos engule.

A capela é da segunda metade do século XVII (1660) e foi fundada por un veciño, chamado Xoán de Cantorna, para que un seu neto presbítero non tivese que desprazarse até a parroquia de San Pedro de Coucieiro para dicir misa todos os días. A distancia entre un lugar e o outro anda polos dous quilómetros. A capela ten un retablo en pedra que Eva López Añón sitúa no segundo terzo do século XVIII e eu, sen ser especialista en arte, pregunto por que non é de finais do XVII, de cando se fixo a capela. Tanto no altar, como no fornelo sobre a porta de entrada, non hai imaxe algunha.

A capela, situada nun campiño, agora convertido nunha “área recreativa”, estaba abandonada e en ruínas, pois desde que o neto do Xoán de Cantorna deixou de dicir misa parece que non volveu ter culto. Sen embargo as autoridades locais pensaron que era unha necesidade básica que “os veciños volveran ter misa” e reparárona. No lateral norte un veciño construíra unha especie de garaxe. Á cabeceira faltábanlle polo exterior os perpiaños. Contáronme que os levara alguén para facer un cabazo, como aquí lle chamamos aos hórreos. Seica pensaba levalas todas, pero c o millo podreceulle e pensou que era unha maldición por desfacer a capela, polo que non volveu quitar máis pedras.

Contounos un veciño que “dicían que había dous tesouros: un debaixo do altar e outro debaixo da pía de agua bendita e viñeron uns de Camariñas e cavaron debaixo do altar e da pía, pero non atoparon nada”.

Na miña opinión o que se tiña que ter feito era unha consolidación das ruínas. De nada vale reparar un inmoble e telo pechado quince anos, oculto. Podería buscarse unha forma de facelo máis visible: abrir a porta de cando en vez, facilitar a visión do retablo, dar información.

Sobre esta capeliña, cando era aínda unha ruína, escribiu Manuel Rivas en Costa da Morte Blues. Manuel Rivas di como chegou até aquí vindo pola estrada C-552 e collendo cara a “Transurfe”, é dicir, Trasufre, pero el anotou o nome como está no indicador da estrada á altura de Bustelo. Máis de vinte anos un topónimo deturpado e aínda non se corrixiu o sinal!

Di Rivas: “encontramos unha capeliña abandonada, fermosa peza neste antigo reino da melancolía. Ninguén puido levar o retablo porque é de pedra, a cuberta da ábsida está feita con laxes sobre o que prendeu un loureiro que medra vizoso. O resto da capela está a ceo aberto, as hedras coroan en arco a fachada”. E, máis adiante, di que “alguén fixo con uralita un chamizo adosado para un tractor que parece parado desde hai anos…”.

O santo Eutel

A capela estaba baixo a advocación de Santo Eutel e, como dixemos, nela non hai, ou non había, imaxe algunha. Hai unha imaxe de Santo Eutel nunha casa particular do lugar de Vilarmide. Parece que a herdaron dun clérigo, Francisco Gesto, que andaba con ela pedindo polas casas coa desculpa de que tiña unha reliquia do santo. Ao párroco non lle gustou isto e o asunto chegou a Roma, desautorizando ao clérigo e negando a autenticidade da reliquia.

Santo Eutel seica era avogoso para as mordeduras dos cans con rabia. Cando, hai anos, me ensinaron a imaxe, contáronme que viña xente buscala e que sobre todo “era pos cans enfermos”. “Levaban fariña, levaban sal e toda esa vaina para darlle nove días, agua, pro que lle mordía o can, darlle eso durante nove días”. Co santo bendicían esa fariña, que non dicían bendicir, “chamábanlle saludala, non bendicila”.

Pero da romaría, que seica había na capela do Castro, xa non queda memoria viva. “Dicía o finado de meu sogro que era un milagro de xente que viña a ela”. O que me contaba isto casara no ano 1933, polo que podía estar falando de finais do século XIX.

O cruceiro

Xunto á capela hai un bo exemplar de cruceiro. Ten gravada a data de 1687. A vara é estriada, agás no inicio, onde hai unha inscrición que agora xa non lemos; o capitel é de estilo xónico. A cruz ten os brazos cun remate en flor e as imaxes do Crucificado e da Virxe.

Ao outro lado do río, xa pertencente á parroquia de Salgueiros (Dumbría) había outro cruceiro, pero nós xa non o lembramos.

Arqueoloxía

O lugar do Castro recibe este nome porque estaba asentado sobre un antigo castro. Pero hai máis restos arqueolóxicos.

Un veciño contoume como se lembraba de cando era neno e se desfixo unha mámoa nunhas leiras, daquela de labradío, e xunto ao río; eran as manuíñas do Agro. Despois ensinoume outras dúas, as mamuíñas da Lagoa, xunto ao camiño e indo xa cara a Vilar de Outeiro e no límite entre as agras e o monte. Hoxe están cubertas de carballos cativos e ocupadas polo porco teixo.

Na croa do castro construíuse unha casa, hoxe en estado ruinoso, pero habitada até os anos 80 do século pasado, xunto coas dependencias propias dunha casa labrega: cabazo, pendellos, cortes e eira. A casa seguramente é a mesma na que habitou Xoán de Cantorna, o que manda facer a capela para a comodidade do seu neto e era un bo exemplo dunha arquitectura popular e histórica. Podía ser un lugar de interese etnográfico se estivera coidada. Unha das pequenas hortas que hai xunto a casa ten o topónimo de “Campo Santo”, topónimo que tamén recollín noutro lugar desta parroquia.

Nas miñas primeiras visitas había ovellas e vacas pastando polo castro, polo que se podía andar por el con comodidade, non medraban os toxos e eran visibles en zonas as murallas, especialmente na zona de maior pendente, que é a que dá cara as Caldeiras. Tamén era visible, nun nivel inferior á croa e á esquerda da vella corredoira pola que se accedía ao medio do lugar, os restos dunha construción. Parte da corredoira foi entullada con terra para facilitar o acceso ao río dos visitantes, borrando así as vellas e profundas marcas dos carros, as rodeiras dos carros dun rodar de séculos.

Aínda hai xente no lugar que pode contar algunha das lendas que había sobre este castro, como que había un túnel polo que os mouros levaban os cabalos a beber ao río por xunto ao muño do Batán (aquí dicimos “muño”, non “muíño” e o lugar dos Muíños non é tal senón “Os Muños”). Ou, “disque dicían que no castro había unha trabe, pero eu non me acordo”. O mesmo informante contounos que “debaixo dunha pedra redonda que hai no Petón [o castro], eu nunca a vin!, dicían que había un tesouro”. Lendas para interpretar un pasado que se nos escapa doutra forma.

A Canle ou Petón da Chouriña

Pero a parte das mámoas e do castro hai outro elemento: a Canle da Chouriña. É este un valo alto que seica delimitaba todo o lugar e empezaba xunto ao río, máis ao norte do lugar, e remataba ao sur, xa cara ás agras de Sorna, onde recibía outro nome, a Canle do Fandiño, nome dunha casa dese lugar. Podemos supoñer que delimitaba a propiedade da que foi unha casa labrega importante. Pero hoxe deste valo só quedan uns metros delimitando o campo no que está a capela, ademais, cando fixeron a área recreativa desmontaron un anaco, deixando ver un fragmento da parede interior. Para dicilo en expresión popular: “botáronlle a pala” e case o destrúen. Tamén lle chaman a Canle dos Franceses, porque “é dos franceses, foi feito polos franceses e polos mouros no tempo dos negros, pois houbo unha guerra e fixeron isto pra defenderse”. O nome dos franceses tamén o recibe unha parte do monte. “Os mouros vivían nas Pedras Rubias (monte que está por riba de Bustelo). Por equí tamén tiñan unhas vivendas, mais eu xa non me acordo onde dixeron que estaban”.

E nas Caldeiras, no pozo que forma a auga na caída, “había un encanto que tiña unha tixeira. Dicían así, para poñerme medo, para que non fose ao sitio”.

Outros elementos

Pero ademais, ao carón do río quedan restos de varios muíños aos que viña moer xente de lonxe cando había seca. Nomeáronme xente que viña da zona de Duio. Hai memoria dun batán e o catastro de Ensenada fala de tres na segunda metade do século XVIII. Pero todo está comido polas hedras.

Por diante da capela pasa un camiño que se divide en dous: á dereita imos cara ás Caldeiras e o vello lugar, á esquerda vai cara a unhas agras e despois cruzaba o río e seguía cara ao sur. Nese outro lado había un cruceiro. O río pasábase por un posados. Era un camiño importante para comunicarse con Cee e Corcubión e coa outrora importante feira de Senande. A prensa da emigración falou da morte, ao cruzar o río, dun concelleiro muxián do lugar de Senande vindo da zona de Cee.

Comentarios desactivados en «O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

Comments are closed at this time.