Set 14 2016

O poeta Paco Souto a ensinar o seu oficio de percebeiro e a Costa da Morte nun fermoso documentario da televisión austríaca

O último día de agosto apareceunos na caixa do correo electrónico unha mensaxe do amigo poeta Paco Souto, no asunto indicaba «documental de Peter» e acompañando a ligazón a un video na canle de youtube unhas breves palabras: «Este é o docu que fixemos en Agosto pasado. De momento só en alemán. Sintoo. Apertas».

En efecto, trátase dun documentario elaborado e emitido pola canle 2 da televisión pública austríaca (Produktion des ORF), baixo o encabezamento «Universum Wildes Spanien» (Universo da España Salvaxe, coido que pode traducir así), que foi publicado o 18 de agosto na canle de youtube do documentalista Nino Wurm.

Na hora e media de duración deste excelente documentario, que ten unha fotografía fascinante, son moitas as imaxes de Galiza que se proxectan e nelas non podía estar ausente a Costa da Morte. No caso de non terdes paciencia ou tempo dabondo para visionardes todo o documentario, permítome aconsellarvos que o fagades entre o minuto 6:30 e o 14:30, de maneira especial a partir do minuto 11:00 no que aparecen unhas espectaculares imaxes de Paco Souto no seu oficio de percebeiro e explicando o seu labor á cámara, aínda que a tradución ao alemán superposta non nos permite escoitar a súa propia voz.

Tamén a partir do minuto 26:30, sempre aproximadamente, fálase do camiño de Santiago de Compostela na súa prolongación até Fisterra e novamente sairán as imaxes e a voz de Paco Souto, desta volta facendo un «lanse» de cana desde a costa.

Malia algúns tópicos que coido adiviñar no relato, o certo é que o documentario é excelente, aínda que só for pola beleza das imaxes, así que o recomendo vivamente.

Para complementar todo isto recupero un anaco desta anotación do 1 de novembro de 2011:

Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e impresionante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado “A percebeira é unha illa”, que se pode escoitar na súa propia voz (nesa dición sempre magnífica da que tanto aprendemos) na canle youtube e que eu coñecín através do dixital quepasanacosta. Con outra xente, Paco Souto está detrás tamén da bitácora cultural percebedemalpica (hoxe en día inaccesible) e da canle do mesmo nome en youtube. Nestas dúas páxinas tedes gravacións que nos achegan olladas para dignificaren o traballo dos percebeiros.

Velaquí a letra do poema de Paco Souto, pertencente ao seu libro Fado (1998), editado por Letras de Cal e que no portal poesiagalega.org podedes ler completo.

A percebeira é unha illa
A illa ten nome de peixe esquivo
E os homes van
A lanchiña que os leva é de pau de laranxo
A lúa é unha laranxa apodrecida
A lúa debuxa cadaleitos nas furnas
De entre os mortos nascen percebes
Os ollos vagos non ven
Son as mans acoiteladas as que cachean os tetos
A rapa áxil
E logo a lonxa
E a viaxe à Coruña ou Madrid
E o prato na mesa
E o sal na boca
Ese sabor a sal na boca
Como se a morte viñese cada nove ondas

Comentarios desactivados en O poeta Paco Souto a ensinar o seu oficio de percebeiro e a Costa da Morte nun fermoso documentario da televisión austríaca

Comments are closed at this time.