Set 02 2016

Poemas para os megálitos (II): «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García

Dombate-Zapata

Co poema de Eduardo Pondal mentado na anterior anotación tamén ten moito que ver o soneto «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), onde novamente aflora o celtismo histórico-lendario e onde se fala dunha estraña compaña, que a xente ve polas noites arredor do monumento megalítico: “baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas, / as celtas virxinaes bailaban a roldanza”.

Malia o evidente diálogo intertextual co poema de Eduardo Pondal, que xa se intitulaba da mesma maneira, desta volta a forma e o contido se afastan completamente e aquí o poeta de Laxe non se limita a imitar os versos do vate pontecesán, senón que se atreve cunha composición inspirada nese texto mais ben diferente.

O soneto publicouse por vez primeira na revista Céltiga, Bos Aires, nº 32, 25 de abril de 1926, precedido dunha fotografía co seguinte pé: «Lage: Dolmen de Dombate», indica «Para “Céltiga”» e reproduce en autógrafo a sinatura A. Zapata García. A revista está dixitalizada e dispoñibilizada para o público no portal do Consello da Cultura Galega, de onde tiramos a imaxe superior.

Posteriormente, unha copia mecanografada con algunhas pequenas variantes lingüísticas foille enviada a Filgueira para a súa Escolma fanada de 1936 (como se detalla en Xosé Filgueira Valverde. Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada. Estudo preliminar de Xesús Alonso Montero e edición de Ana Acuña e Xesús Alonso Montero. Pontevedra: Museo de Pontevedra, 2008). No mecanoscrito o subtítulo foi aparentemente borrado polo autor e despois da rúbrica engade «1926». Ademais, tampouco aparece na versión da revista Céltiga.

Reproducimos o poema na versión que Antón Zapata García incluíu no seu único libro, en edición de autor e imprentado na Coruña polo betanceiro Roel, A roseira da soidade (1954). Pódese ler tamén na miña tese de doutoramento , dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, en acceso libre nesta páxina de poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). O traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador. Velaquí:

O DOLMEN DE DOMBATE

(D-UNHA COSTUME DANZAL CELTA: A ROLDANZA)

AO sôn das graves arpas dos bardos de Briganza,
e darredor do dolmen cinguido de druídas,
baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas,
as celtas virxinaes bailaban a roldanza.

As súas cantareas d-arela, fide e espranza,
voaban pol-a gandra, câl pombas tremecidas;
e, brancas e lanzales, finxían margaridas
brandéndose cô sopro da bris da venturanza.

D-aqueles nobres tempos —¡ouh, dolmen de Dombate!—,
sô tí quedache ergueito, dempóis do fero embate
que os lobicóns de Roma levano ao teu solar;

mais, se de nuite a lúa tece seu albo sayo
cabo de tí, dí a xente que vái pra LAXE ou Bayo,
que vío bultos brancos ao teu redor bailar!

Comentarios desactivados en Poemas para os megálitos (II): «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García

Comments are closed at this time.