Archive for Agosto, 2016

Ago 31 2016

Unha lectura de Lonxe no centenario de Lorenzo Varela

Lonxe-LorenzoVarela
LorenzoVarela

Ao meu entender está a pasar bastante desapercibido o centenario do nacemento do poeta Lorenzo Varela, nado na Habana o 10 de agosto de 1916 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1978. Na súa lembranza recupero unha lectura do seu poemario máis sobranceiro, intitulado Lonxe (Bos Aires: Edicións Botella al mar, 1954) que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.

Naquela altura traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último volume a ficha sobre Lonxe é da miña autoría e inclúe unha compilación de como acolleu o libro a crítica contemporánea e a súa recepción. Por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor do texto de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.

Lonxe, LORENZO VARELA

Lorenzo Varela é un poeta de obra moi breve. Publicou o seu primeiro libro en galego en 1944, intitulado Catro poemas para catro grabados, un volume moi coidado, con ilustracións de Luís Seoane, no que incide nos nosos mitos con elementos históricos e lendarios. Terá que transcorrer toda unha década para se confirmar como o primeiro gran poeta da posguerra no exilio, cando o 25 de xuño de 1954 sae do prelo Lonxe, publicado por Ediciones Botella al Mar, unha empresa editorial de Bos Aires, creada e dirixida por Seoane e Cuadrado, cos que Varela contactara en 1941 no círculo de exiliados galegos. De feito, neste fermoso libro, baixo a dirección gráfica do propio Seoane e de Manuel López, conflúen as mans destes tres grandes artistas do desterro, pois os versos de Lorenzo Varela veñen acompañados polos gravados en madeira de Seoane e por unha presentación en prosa poética de Arturo Cuadrado. Na primeira páxina aparece a seguinte dedicatoria “A Maruxa e Luís Seoane, fiestras: si se olla pra fora, o mundo, si pra dentro, Galiza”. Desta primeira edición fixéronse catrocentos exemplares, unha tirada cativa que reflicte o problema de audiencia que ten o escritor galego no exilio. En calquera caso, como lembra Alonso Montero (1994), naquela época era totalmente imposible publicar en Santiago, Madrid, Bilbao ou Barcelona, un volume con poemas como o titulado “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados” ou aquel no que se chora a morte do guerrilleiro Manuel Ponte. Aínda no exilio bonaerense, anos antes, o Seoane director ou asesor das edicións do Centro Galego constata que nesa institución non é publicable, pois a súa dirección dificilmente admitiría libros que fosen un pouco máis alá có Libro dos amigos de Otero Pedrayo.

A obra de Lorenzo Varela unicamente se verá recuperada de maneira póstuma. Lonxe non se reedita ata 1979, dentro dun volume que recolle a súa obra lírica e que se chama Poesía, de Ediciós do Castro, con breve limiar de Rafael Dieste, e que contén ademais os libros Catro poemas para catro grabados, Torres de amor e Homenaje a Picasso, estes dous últimos en castelán. Na derradeira páxina do volume indícase que se fixo unha tirada de dous mil exemplares ao coidado de Carmen e Rafael Dieste. A edición máis recente está incluída en Poesía galega, edición de X. Carlos López Bernárdez (Xerais, 1990), que reune tódolos poemas en galego do autor, divididos en tres apartados, engadindo textos de interese dispersos por varias publicacións.

No momento da súa publicación será novamente Luís Seoane quen escriba unha recensión na revista Galicia Emigrante, no nº4, de setembro de 1954. O poemario foi glosado en novembro por Fernández del Riego na súa habitual colaboración en La Noche e por Domingo García-Sabell tamén en Galicia Emigrante, nº7, de decembro do mesmo ano. Finalmente, a escritora brasileira Lidia Besouchet louva o libro nun diario de Rio de Janeiro e a recensión é reproducida outra vez na revista dirixida por Seoane, no nº31 de outubro-novembro de 1957. Así pois, na época o seu eco foi escaso, agás no reducido círculo intelectual do exilio. Con todo, os poemas “Lonxe”, “O galo”, “Os bois” e “Lugo” deste libro e outros catro figuran na Escolma de Poesía Galega (1955) de Fernández del Riego. Sobre este aspecto, sinala Méndez Ferrín (1984) que a obra poética galega de Lorenzo Varela é de indubidable interese, aínda que o limitado das tiradas e a ínfima difusión dos seus libros no interior de Galicia foron feitos que actuaron negativamente no coñecemento e na influencia da mesma. De feito, Alonso Montero (1981) engade que a finais de 1978 os libros do poeta eran en Galicia pezas de bibliófilo.

Lonxe recolle unicamente dez poemas, que son o groso da súa producción poética galega, incluíndo textos dos que xa adiantara algunha mostra na revista Galicia Emigrante. O libro enmárcase de cheo na corrente socialrealista e supón a recuperación da temática civil que ficara interrompida desde Ramón Cabanillas. Na introdución a este libro de poemas Arturo Cuadrado di que a poesía de Varela é como un himno ou un volcán, cunha consistencia que arrinca moitas veces da lectura simbólica que traspasa o exercicio poético para facer poesía cívica, social ou patriótica. Para Ferrín, frecuenta con asiduidade a temática de historia nacional e revolucionaria con varios poemas ás guerrillas galegas dos anos corenta, referencias á revolución irmandiña ou a celebración do pobo galego traballador fronte aos seus opresores. A súa poesía política mostra un pasado armado e revoltado que fica como exemplo mítico, gardando distancia respecto da de Celso Emilio Ferreiro, máis centrado na protesta polo presente franquista. Lorenzo Varela é un poeta histórico-lexendario, como Seoane e, no aspecto temático, hai unha evidente conexión co Fardel de exiliado, aínda que Varela é un poeta de maiores rexistros estilísticos que Seoane, máis escaso en recursos poéticos.

En Lonxe maniféstanse dúas liñas temáticas fundamentais e complementarias. Unha primeira que é continuación da compoñente mitificadora do seu primeiro libro, só que agora os heroes que aparecen están moito máis próximos no tempo, pertencen a un pasado recente, son os guerrilleiros galegos dos anos corenta. Lorenzo Varela presenta a épica da loita antifascista e canta, mitificando a morte nunha acción armada, en 1947, do guerrilleiro Manuel Ponte, xefe da IV Agrupación de Guerrilleiros de Galicia, que adquirira sona meses antes por lle enviar unha carta ao embaixador inglés denunciando a represión franquista e o beneplácito dos gobernos europeos. Tamén idealiza con afecto e admiración os mortos que axudaron á guerrilla como Manuela Sánchez, muller dunha aldea de Cesures que morreu por defender a unha partida de guerrilleiros. Outras veces atopamos a pegada da Guerra Civil, tan intensamente vivida polo escritor como na elexía que lle dedica aos “Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados”, debuxando unha xeración movida pola utopía e pola esperanza. O eu poético soña desde a agonía do desterro co día en que a liberdade e a prosperidade volvan á terra. Por iso, este libro non era publicable naquelas datas nesta beira do oceáno. Tampouco escapa á temática mítica de signo celtista, presente na nosa literatura desde Pondal, no XIX, onde o mito emerxe do pasado histórico-lendario, coma no poema “Dolmen”, onde a mámoa une o pasado co presente, simbolizando a intemporalidade e permanencia da identidade, o esencial do ser nacional galego.

A segunda liña temática xira ao redor da palabra “Lonxe” que dá título ao libro, con textos nos que fala do exilio, da nostalxia, da ausencia da Terra, que tamén están presentes en moitos dos escritores do exilio. De feito, como o fixeran Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane, Lorenzo Varela introduce o tema da emigración nos poemas “Lonxe” e “Emigrante”. O primeiro, onde fai unha recreación onírica da paisaxe, ten semellanzas de tema, que non de estilo, con “Moi lonxe”, poema de O soño sulagado, de Celso Emilio. Nas tres partes do “Lonxe” de Varela o desarraigo está vivo desde os versos iniciais, que presentan unha idealización da paisaxe perdida, lembrando a tradición bucólica-pastoril. A composición, construída a base de interrogantes, gaña intensidade ao referirse á morte como única posibilidade de rencontro coa Terra. O segundo poema salientado presenta un emigrante cheo de saudade, pero tamén con pleno coñecemento da súa explotación como traballador, a través dunha imaxe surrealista que agacha a ansia de abandonar un mundo monetarista por outro máis xusto.

Nos outros catro poemas recupera a patria da súa nenez e da súa mocidade. Lidia Besouchet (1957) di que a temática deste libro discorre sobra a dozura que fica atrás, na Galicia perdida, naquela especie de paraíso pechado pola imposición do Tempo. A nostalxia adubíase dunha certa idealización que só a distancia pode outorgar. Así, recrea elementos folclóricos que reforzan a nostalxia como unha leda romería, o canto do galo e os bois que fenden os regos. Para Maceira (1995), no poema “Os bois” incídese na épica popular e na simboloxía patriótica galega, pois a xunta de bois é trasunto da propia colectividade galega que tira para diante. O texto remata en esperanza coutada, fatalismo e incertidume. Finalmente, en “Lugo”, derradeiro poema do libro, hai unha confesión íntima, no intento nostálxico e freudiano de recuperar o paraíso perdido, os lugares ou as sensacións sublimadas a través do tempo. Estamos case no panteísmo total entre o home e a terra, simbiose rota no presente pola imperiosidade do exilio.

Nestes textos, segundo recolle Bernárdez (1990), habería coincidencias temáticas con textos de Rafael Alberti, de Miguel Hernández ou de César Vallejo, e co neopopularismo da xeración do 27 española, dun Lorca e dun Alberti, especialmente en “Romaría” con ritmo de muiñeira e léxico popular, ou nos refráns, constantes anáforas e repeticións de “Lugo”, onde tamén usa grande liberdade. En definitiva, unha poética de compromiso e saudade, unha poesía marcadamente civil, con elementos líricos intimistas e unha elaborada construcción formal, no dicir de Alonso Montero (1981). Poesía política, como a definiu, e así a quería, Luís Seoane.

No aspecto formal, como indican Bernárdez, Ferrín e Maceira, Lorenzo Varela posúe unha poética de seu, que amalgama a musicalidade, a liberdade de construcción e o rigor da coerencia interna en cada poema, practicando adoito unha sorte de verso libre no que se introducen rimas interiores, constantes aliteracións e ritmos moi deliberados de intención popularista. Este hábil manexo do ritmo, que favorece o xogo musical, caracterízase pola presencia constante do paralelismo ou da repetición, chegando, en poemas como “Dolmen”, a reiterar a primeira estrofa ao final, recurso que reforza a coherencia e a unidade do poema. Algo semellante ocorre en “Manuela Sánchez”, unha composición pechada que comeza e remata cunha estrofa sintética onde se recollen as louvanzas diseminadas no interior, nunha perfecta disseminatio-recolectio*, e cunha innovadora construción paralelística. Tamén “Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados” se inicia e se fecha nun movemento circular. No poema intitulado “O galo”, publicado con anterioridade en Galicia Emigrante, fai uso dun paralelismo que lembra ao leixa-pren. Na “Romaria”, os ritmos populares e a ledicia da incitación ao baile, que queren aledar o corazón entristecido, preséntanse engarzados por unha coñecida sentencia popular, a modo de refrán medieval. A disposición da rima e dos acentos é equilibrada, adecuando a forma ao contido. Ademais destaca a reiteración da idea do baile e a proliferación de palatais, fricativas e vibrantes que, nunha análise fonosimbólica, estarían próximas da melodía musical.

Entre as figuras de pensamento da poesía de Varela salientan os apóstrofes e as interrogacións retóricas, as prosopoeas, as antíteses e os símiles. Así, existen certas referencias oníricas de filiación surrealista en poemas como “Lonxe” ou “O galo”, no dicir de Katleen N. March (1984). Igualmente, nas personificacións do texto “Romaría” hai influencia do imaxinismo, que debe ter moito que ver coa obra poética de Aquilino Iglesia Alvariño.

O galego de Lorenzo Varela é un idioma culto e ao mesmo tempo de gusto popular, condicionado por algúns fenomenos propios da escrita do seu tempo como os pseudogaleguismos, exceso diferencialista que aparece en número escaso se se compara con outros escritores do exilio. Tamén incorre nalgúns castelanismos, vulgarismos e dialectalismos.

BIBLIOGRAFÍA
Alonso Montero, X., Escritores: desterrados, namorados, desacougantes, desacougados, Sada, Ediciós do Castro, 1981.
____________________, As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, Vigo, Xerais, 1994.
Besouchet, L., “Longe-Lonxe” en Galicia Emigrante, nº31, Bos Aires, 1957.
López Bernárdez, X.C., “Introducción” a Varela, L., Poesía Galega, Vigo, Xerais, col. “Biblioteca das Letras Galegas”, 1990.
Lorenzana, S., “A poesía galega de Lorenzo Varela”, Faro de Vigo, 3/XII/1978.
Maceira Fernández, X.M., A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural, Vigo, Edicións do Cumio, col. Critério. Estudios de Literatura, 1995.
March, K.N., “Varela, Lorenzo”, GEG, tomo 29, Xixón, Silverio Cañada editor,1984.
Méndez Ferrín, X.L., De Pondal a Novoneyra, Vigo, Xerais, 1984.
Salgado, F., Lorenzo Varela: crónica dunha vida atormentada, Sada, Ediciós do Castro, 1995.
Seoane, L., “Sobre Lonxe de Lorenzo Varela”, en Galicia Emigrante, nº4, Bos Aires, 1954.
Vázquez Cuesta, P., “Literatura gallega” en Díez Borque, J.M., Historia de las literaturas hispánicas no castellanas, Madrid, Taurus, 1980.

Comentarios desactivados en Unha lectura de Lonxe no centenario de Lorenzo Varela

Ago 30 2016

Artigo en QPC (XII): «Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952»

Cee-agosto1952(1)
Cee-agosto1952(2)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para testemuñar a presenza da lingua galega no Programa de Festas de Cee celebradas en agosto de 1952, do que son coñecedor grazas ao bibliotecario José Ramón Rey Senra. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952

Teño nas mans o exemplar do libro «Programa das Festas da Xunqueira de Cee (do 12 ao 16 de agosto de 2016)» que sempre me garda o meu caro amigo José Ramón Rey Senra, Licenciado en Xeografía e Historia e Técnico da Biblioteca Pública Municipal «Francisco Mayán», e sempre é unha delicia ler esa excelente e interesante sección da súa autoría que publica anualmente baixo o título «Historia Anecdótica de Cee a través dos Libros de actas do Pleno».

Desta volta, na súa compilación deste ano recolle unha síntese dos acordos plenarios máis importantes desde o 3 de febreiro de 1952 até o 29 de agosto de 1953. Pois ben, as sempre interesantes anotacións van acompañadas da reprodución dunha páxina do «Programa de Fiestas de La Junquera. Cee, agosto 1952» (segunda das imaxes) que deseguida chamou a miña atención.

Dunha banda por unha lembranza estritamente familiar xa que a Comisión de Festas do devandito ano está presidida polo meu avó materno, José Jesús González García (que finou en 1990 aos 85 anos), e que me sorprendeu, pois non había moito tempo que regresara de Bos Aires, onde estivera emigrado e na altura exercía como «Taxista de alquiler» .

Porén, o aspecto máis salientable do Programa de Festas de 1952 é a presenza de oito coplas en lingua galega, agrupadas de dúas en dúas, para introducir os actos festeiros de cada xornada. Velaquí os textos, anónimos como correspondería á literatura popular, mais que deberon ser escritos pola man dalguén, quizais o meu propio avó materno pois tras o seu pasamento entre os seus papeis apareceron algunhas coplas escritas da súa propia man, aínda que ningunha coincide coas publicadas. Reproduzo os versos ao pé da letra, cos seus castelanismos e as súas grallas ortográficas, mais que configuran un documento excepcional para o ano 1952.

Día 14. VÍSPORAS

As bombas tronan na praya
O resonar as campanas
A xente xa repompea
E bai chegando en manadas.

A nosa vila de Cée
Xa está toda preparada
Pra que a ningún forasteiro
Teña que faltarlles nada.

Día 15. O DÍA DA PATRONA

O quince… o romper o día
Xa se sente moitas risas
Romeiros que van chegando
Ouir as primeiras misas.

Vinde romeiriños vinde
A cumprir o vosa oferta
En visitando a Xunqueira…
Dempois quedades a festa.

Día 17*. O OUTRO DÍA
(*co erro evidente dos tipógrafos)

O outro día, da Patrona
Acuden moitos romeiros
O Glorioso de S. Roque
Tamén ten os teus dereitos.

Oxe po la media noite
E esto e tradicional
Non queda ningen na-casa
Todos van o festival.

Día 16*. ÚLTIMO DÍA
(*co erro evidente dos tipógrafos)

Ay oxe… árdello-eixo
Pra outra sábeo-Dios
Outras festas hasto-ano
No nos farán para nos.

Todo-los homes casados
Bailan ca sua muller
Pra decirlle as nosas festas
Hasto-ano si Dios quer.

Sobrancean algúns textos literarios máis, todos eles en castelán: «¡Hay que darle la derecha!», que asina en Santiago de Cuba, 1952 o emigrante ceés H. De López y López; «Campanas a vuelo» de Alfonso Reneses L. Brea; un texto asinado por «El Párroco de Cée» que inclúe outra copla na nosa lingua:

Todas as parroquias queren
algo mais o seu Patrón
Cée a sua Xunqueiriña
xa non ten comparación.

E aínda temos «El amor al terruño», asinado polo Dr. Francisco Mayán Fernández (De la Real Academia Gallega), foi membro correspondente, historiador de prestixio e que chegaría a ser tamén alcalde en Mondoñedo onde fixou a súa residencia nos seus últimos anos, en alternancia con Lugo, aínda que sempre adoitaba vir a Cee uns días de agosto até que a enfermidade llo impediu. O artigo está datado en «Villablino (León), mayo de 1952».

Finalmente «En un país de ensueño» que asina Baldomero Cores Trasmonte, na altura con 22 anos, que chegaría a ser profesor de socioloxía na Complutense, catedrático da mesma materia na Universidade de Porto Rico e letrado no Parlamento de Galicia, e quen foi tamén o último Cronista Oficial de Cee, alén escritor de obras ben interesantes, nomeadamente as biografías de Luís Porteiro Garea ou Ramón Suárez Picallo. Pouco tempo despois, en 1953 Baldomero Cores botaría andar a efémera revista Nemancos da que unicamente saíron tres números, os dous primeiros no ano citado e o terceiro e derradeiro en 1954.

Este Programa de Festas de 1952 complétase coa publicidade comercial, ben simpática para nós hoxe e consonte co espírito da época aquela que di: «Salon de baile. Se exige una estricta moralidad. Santiago Esmorís», e coa anecdótica presenza do galego nos nomes de dous establecementos muradáns que se anuncian, o bar «Meu» e «Tejidos Rosiña».

Este e moitos outros documentos de interese están ao dispór da cidadanía no Fondo Local que se creou na Biblioteca Pública Municipal «Francisco Mayán», por iniciativa de José Ramón Rey Senra, a quen moito lle agradecemos o seu labor e o seu asesoramento histórico.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XII): «Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952»

Ago 18 2016

«Nocturno do poeta morto», na Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte (2006)

Lorca1

Nesta data de funesta memoria e nalgún lugar aínda a día de hoxe non localizado do barranco entre as vilas de Víznar e Alfacar onde pasearon a moitos, tamén foi asasinado Federico García Lorca polos franquistas. Sobre estes feitos e sobre este macabro lugar escribín hai dez anos un soneto a petición do profesor Xesús Alonso Montero, que foi publicado polo Pen Clube de Galicia e o Foro pola Memoria Republicana de Galicia no volume colectivo Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte (2006). Velaquí aquel texto da miña autoría, no que hai un xogo literario con versos do propio poeta andaluz:

NOCTURNO DO POETA MORTO

Non haberá unha tarde máis lorquiana
pra revivir a dor que se revela,
hoxe chove tamén en Compostela,
no corazón, na pedra da Quintana.

O odio de natureza sobrehumana,
a lúa en sepulcral mudez de cela,
o sangue a debuxar vermella estela
de Víznar a Alfacar, Granada grana.

Eu sei que o teu perfil era tranquilo
na alba morte dun ceo sen reflexo,
herbas de prata o chan cobren e vexo,

silencio sen rubor de crocodilo,
o teu perfil na area aínda intacto
para o noso recordo, o noso tacto.

Lorca2

Comentarios desactivados en «Nocturno do poeta morto», na Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte (2006)

Ago 17 2016

Vinte anos da Homenaxe do Batallón Literario da Costa da Morte aos represaliados de Cee o 17 de agosto de 1996 (Día da Galiza Mártir)

Batallón(agosto1996)
Voz5-08-1995Voz17-08-1996
Voz18-08-1996Voz21-12-1996(1)Voz21-12-1996(2)

Vinte anos despois daquel acto de memoria histórica republicana recupero esta anotación sobre a Homenaxe que lle fixemos o 17 de agosto de 1996Día da Galiza Mártir, dende o Batallón Literario da Costa da Morte aos oito sindicalistas da UGT, de Cee, ao se faceren 60 anos dos seu pasamento, xa que foron fusilados a finais de 1936.
Reproduzo en imaxes algúns textos da prensa comarcal, en concreto a edición bergantiñá do xornal La Voz de Galicia, que foron publicados naquela altura.

O primeiro, intitulado «Cee e Corcubión no ano 1936» é unha breve recensión da miña autoría, publicada o 5 de agosto de 1995 na sección «Terra e Xente», para saudar a fonte documental que un ano despois inspirou a homenaxe organizada polo Batallón Literario da Costa da Morte. Tratábase do libro do noso amigo Luís Lamela GarcíaCrónica de una represión en la Costa da Morte: Cee, Vimianzo, Ponte do Porto, Corcubión, Fisterra, Zas… (da desaparecida Edicións do Castro, 1995), estudo profundo no que colaborei a solicitude do seu autor cun soneto inédito que escribín ad hoc para servir de pórtico ao capítulo onde se narra a represión en Cee, que remataría co asasinato de varios veciños da miña vila.

Como relata de maneira documentada Luís Lamela na súa magnífica investigación, os sindicalistas Norberto Recamán LagoJosé Lago FernándezTeófilo Mejuto LeisPerfecto Trasmonte CostaJesús Chouza FigueiraFlorentino Canosa BarreiroManuel García Castiñeiras e Domingo López Domínguez foron condenados a morte por un tribunal militar.

«La sentencia se cumple a las siete horas del citado 9 de diciembre de 1936 en las inmediaciones de Punta Herminia de A Coruña. El mismo lugar en que pocos días antes cayera inerme el cuerpo de Miñones. Después del trabajo del pelotón, el oficial que lo manda procede a rematarles uno a uno con un tiro de gracia en la parte lateral del cráneo. Las cabezas destrozadas rebotan violentamente contra el suelo por el impacto del proyectil y saltan violentamente como queriendo soltarse del cuerpo. ¡El orden estaba establecido! Los enemigos contentos y la justicia… violada».

Semanas despois, outro consello de guerra sumarísimo decretou o fusilamento doutro ceense, Vicente Mejuto Leis, que se data no 6 de xuño do 1938.

A pedimento de Luís Lamela escribín un soneto na memoria dos asasinados que figura no pórtico do primeiro capítulo do seu libro sobre a represión na Costa da Morte. Velaquí:

1936

Naquel verán soturno, de sol pálido e tordo,
Cee pobouse de anguria, queimadura que medra
e estraga sentimentos que a represión empedra
deitando sangue quente co seu buligar xordo.

Houbo debilidade, soterrando o recordo,
gravado e lacerado no silencio da pedra,
cos corpos do futuro cubertos só por hedra
de onde naceron luces, palabras no balbordo.

Amouse a terra fértil, húmida daquel sangue,
onírico desexo que en nós vive e rebenta
e soñouse insubmisa, memoria turbulenta
da diáspora antiga que o pretérito abrangue.

Viñeron tempo ermos e tempos de decrúa
e o sangue foi semente da liberdade núa.

A segunda e a terceira imaxes recollen as novas do mesmo xornal nos días previos á homenaxe e a crónica do día seguinte co desenvolvemento da mesma, na que interviron Jafet e Ovidio Mejuto Leis en representación dos familiares dos represaliados, alén dunha lectura poética na que participaron varios poetas do Batallón Literario da Costa da Morte: Alexandre NeriumRafa VilarSerxio IglesiasEstevo CreusModesto Fraga, Frederico Lopes SantallaXavier Rodrigues FidalgoXaime TrilloMoncho Bouzas TobíoXoán Alberte MoureMaría Canosa e eu propio.

E as dúas últimas imaxes reproducen o artigo da miña autoría «Un acordo de Cee no Olvido», que se publicou como «Tribuna aberta», na que criticaba que pasados os meses aínda non se realizara un acto público de homenaxe, malia aprobarse en pleno unha moción nacionalista co voto favorable do único concelleiro do BNG e dos catro concelleiros socialistas que gobernaban a localidade en 1996, co alcalde Manuel Lamela Lestón á fronte, alén da abstención dos concelleiros centristas e independentes e o voto en contra dos cinco concelleiros do PP, moi condicionados por coñecidas familias fascistas da vila.

Meses despois, en setembro de 1997, o goberno socialista inauguraba un fermoso conxunto escultórico da autoría de Álvaro de la Vega, artista lugués afincado en Corcubión, cunha placa de contido neutro «Ós defensores das liberdades e dos dereitos humanos no 61 aniversario. Cee – 1997». O texto escollido ten unha clareza!!!

Created with Nokia Smart Cam

Comentarios desactivados en Vinte anos da Homenaxe do Batallón Literario da Costa da Morte aos represaliados de Cee o 17 de agosto de 1996 (Día da Galiza Mártir)

Ago 17 2016

Os asasinatos de Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño e Xaime Quintanilla na poesía de Xervasio Paz Lestón

XervasioPazLestón

A militancia poética no antifranquismo de Xervasio Paz Lestón (Serantes, Moraime, Muxía, 1898 – Bos Aires, 1977) é doada de constatar nas ducias de textos que teñen esta temática quer como elo central quer como elemento secundario.

Nesta liña, cronoloxicamente, un dos primeiros textos é A Galicia [Alborada, nº 128, xullo a setembro de 1945.] no que atopamos estrofas abondo significativas. Así, o poema inclúe unha descrición do difícil presente que está a atravesar o país, unha chamada á loita perante tan adversa circunstancia histórica, unha dura acusación contra o “caudillo” Francisco Franco, na que mesmo se nega a súa orixe galega e se lle chama bastardo ou besta carniceira.

Finalmente, nos últimos versos recóllese a esperanza de que a liberdade está próxima e lémbrase dos moitos mártires galegos, que simboliza nos nomes de Xaime Quintanilla, Alexandre Bóveda, Camilo Díaz Baliño e Ánxel Casal, todos catro asasinados nos primeiros días do golpe fascista.

A Galicia

Con versos inmortales, por Deuses esculpidos
en mármores e bronces, quixérate alaudar,
Galicia inesquecibre, prisión dos meus sentidos,
verxel paradisíaco de ceo, terra e mar.

Unirme aos mil xoglares cantores da beleza
do teu divino chan cô máis aceso amor;
tuas xeiras do pasado, sublimes de grandeza,
cantar coa branca lira d-un épico cantor.

E ser tamén profeta da gran futuridade
que che anunciou a voz do gran bergantiñán
vibrante inda nos ecos, de rouca maxestade,
dos tumbos medoñentos que baten o Vilán.

Con versos inmortales, por Deuses esculpidos
en mármores e bronces, quixérate alaudar,
Galicia…, pero sóio guerreiros alaridos
me xurden desde a-ialma sedenta de loitar.

Propicias non se amostran as horas que vivimos
pra que os espritos podan a vida embelecer;
as tebras ominosas dos tempos que sufrimos
sô dan a alternativa: ¡loitar ou perecer!…

Este é o presente escuro que os vates proclamaron
preanuncio de un futuro de rutilante luz
pra raza, cuios feitos os orbes asombraron,
¡que non soporta ferros de infame escravitú!

(Que é fruito de tal raza, dixeron do “Caudillo”:
¡sagrílega mentira!, o máiximo traidor
tan sóio pode sere da bastardía fillo,
nacido dos lameiros de turbio deshonor…

Mentira que os seus ollos viran a luz primeira
n-algún fidalgo pazo da vila do Ferrol;
non pode ser galega a besta carniceira
que, sâdica, xogou o mâis infame rol).

Mais xa está preto o día da santa libertade,
algúns chispazos brilan na senda do porvir:
detrás de roxa aurora virá a craridade
que as tebras do presente fará esparexir.

¡I-o sangre xeneroso dos mártires, Galicia,
de Quintanilla, a Bóbeda, de Díaz a Casal,
a Themis lle reclama que a espada da xusticia
se abata sobre a gorxa do fero criminal!

Non pode haber clemencia nin pode haber piedade
pra o indiño criminal con alma de Caín
que, pra afogar a voz da santa libertade,
a patria traicionou perxuro, falso e ruín.

E cando os anos pasen, a sangre dos caídos
será máis venerada que agora o Sant Grial;
ao seu recordo sagro, en cantos nunca ouídos
dirá broncas estrofas outro baril Pondal…

En versos inmortales por Deuses esculpidos
quixérate, Galicia, meu numen alaudar,
si foran tempos estos de cantos repolidos
e non de fera loita, de rexo batallar.

¡Quixera por tal causa que os de hoxe foran duros,
de roca, de diamante, de berro loitador,
que batan nas consencias de fêridos i escuros
culpabres de estas horas de tráxico dolor!

A Alexandre Bóveda, como símbolo do martiroloxio galego, dedícalle outro texto que leva como título 18 de Agosto de 1949 [Alborada, nº 143, agosto a outubro de 1949], data a do 18 que se tomara erradamente polo día no que fora fusilado en Pontevedra o avogado e Secretario de Organización do Partido Galeguista. Hai que dicir no seu favor que foi dez anos despois, en 1959, cando a Conferencia das Irmandades Galegas da Arxentina e do Uruguai, celebrada en Bos Aires, decide instituír o 17 de agosto como Día dos Mártires Galegos para lembrar a data exacta na que fora asasinado Bóveda. No devandito poema lembra as intervencións de Núñez Búa e Antón Alonso Ríos nun dos actos conmemorativos organizados polo exilio galeguista e que adoitaban celebrarse anualmente. As tres primeiras estrofas e a derradeira, do poema que aquí reproducimos, expresan a historia e a reivindicación da memoria.

18 de Agosto de 1949

O día dezaoito de aquel agosto ardente,
cando o trigo nas leiras estaba a seiturar,
caieu o protomártir galego, inxustamente,
coma moitos milleiros desde a montana ao mar…

Por elo é que hoxe en nome do sangre e da xusticia
rendímosvos a todos solene homaxe, irmáns
caídos sobre as terras amadas de Galicia,
pol-a traición inicua dos feros lobicáns.

As frores que arrodean este bronce inmorrente
do gran patriano Bóveda, nas aras do Ourensán,
son a sagrada ofrenda conque a Galicia ausente
se adianta â que ha de honrarvos nos días do mañán.

Duas belidas mozas de enxebre vestidura,
(loura unha, outra mouriña), puxéronas no altar
e da muller gallega puxéron a tensura
que, alá, na nosa terra, non vos pode ofrendar.

Y, en pé, a veira de elas, os rexos mariñeiros
ofréndanos o homaxe da xurdia mocedá
¡qué ha de espallar ben logo por gándaras i outeiros
o retombante berro de ¡patria e libertá!…

Desde este santuario da patria e do civismo
han de ir a conmovernos as voces da Coral,
levando âs vosas tombas nas alas do lirismo
os ecos libertarios dos versos de Pondal.

Y as verbas emotivas de don Manoel Puente,
falando de esa estampa do gran guieiro hirmán
que dí que non son mortos, sinón fértil semente,
os corpos enterrados no noso santo chan.

(Os feitos do futuro dirán que foi verdade:
por cada boca muda mil outras xurdirán
que han de berral-a infamia i a torpe iniquidade
do crimen dos secuaces do indiño ferrolán).

Y as frases lostregantes, despôis, de Núñez y Búa
que evocan vosas vidas, de Bóveda a Casal,
poñendo na lembranza tan grande emoción súa
que a voz ha de crebarse con pranto fraternal.

E, logo, a rexa verba de Antón Alonso Ríos,
falando das conduitas dos bandos a loitar,
lembrarse ha de esos curas “caridosos e píos”
a quenes os leales souperon respetar.

(Dos mesmos que, despôis que Tuy caieu vencida,
nada dixeron contra da furia criminal
das sanguinarias hordas, da tolemia homicida;
¡das hordas bendecidas por máis de un cardenal!…)

Son berros resoantes igual que martelazos
nos peitos anguriados de todol-os hirmáns;
¡as frases asemellan centellas e lostrazos
con atronar de tombos das costas fisterráns!…

Hirmáns: Qué os dezaoitos dos agostos vindeiros,
na Galicia hoxe escrava, na sofrida e leal,
poda honrar vosas tombas o verbo dos guieiros,
¡comprida a profecía dos versos de Pondal!

Comentarios desactivados en Os asasinatos de Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño e Xaime Quintanilla na poesía de Xervasio Paz Lestón

Ago 17 2016

Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]

Guerra-civil-1936-1939-e-literatura-galega
CartasdeAlexandreBóveda(1)
CartasdeAlexandreBóveda(2)

As imaxes reproducen as tres «Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]», cuxos textos foron publicados en VV. AA., Castelao e Bóveda irmáns!!, Vigo: Extras A Nosa Terra 5/6, 1986, páx. 112. As dúas primeiras, tiradas de Xerardo Álvarez Gallego, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, Buenos Aires: Nós, 1972, e foron reproducidas no volume intitulado Guerra civil (1936-1939) e literatura galega: (textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate) / Edición de Xesús Alonso Montero e Miro Villar. — Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Ponencia de Lingua, 1999.

Esta obra, na que traballei arreo, pódese descargar de balde no sitio web do Consello da Cultura Galega, onde vai introducida por esta presentación:

Esta publicación recolle material empregado polos relatores que participaron nas xornadas “Guerra Civil (1936-1939) e literatura galega”, celebradas no Consello da Cultura Galega en 1999 (Do 14 ao 16 de decembro de 1999). Reproduce cartas, poesía e prosa de escritores que desenvolveron o seu traballo no trienio 1936-1939, e outro material de utilidade para analizar a literatura galega naquel tráxico momento histórico.

O presente volume contén textos e documentos que, dun xeito ou doutro, foron tidos en conta polos relatores e comunicantes, o que foi útil para eles e, máis aínda, para os asistentes ás Xornadas. Estes, por outra parte, atoparon neste volume páxinas (non só aquelas que son inéditas) que se propoñen suscitar reflexións ou novos estudios ou encontros futuros.

Engadamos, finalmente, que este volume é o primeiro no xénero: tal é a incuria diante deste tema entre nós.

Velaquí os textos das tres cartas:

CARTAS DE ALEXANDRE BÓVEDA NA MADRUGADA DO FUSILAMENTO [17-VIII-1936]

Madrugada do 17 de Agosto de 1.936

Irmán Pedro Basanta

Pontevedra

Querido Basanta:

C-unha fonda aperta de despedida, que lle prego faga extensiva a Xil e todol’os irmáns, o prego de que non se esqueza dos meus.

Xandro

ás 5 menos 5

Madrugada do 17 de Agosto do 1.936

Choliñas, miña Peque, Vidiña:

Quixen escribirche moito. Mais xa sabes canto poidera decirche.

Perdoame todo, que os peques me lembren sempre; que cumplas todol’os meus encárregos.

Eu, Almiña estaréi sempre en vós como che prometín.

Fallan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío.

Adeus, Vidiña. Vive pra os peques e os vellos, ¡abrazaos, confortaos! Sé Ti, miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos. Lembrareivos sempre, velarei sempre por vos.

Adeus. Contigo, cos peques, cos Vellos todos, estarei sempre na lembranza, na máis grande, a máis fonda, a máis infinda das apertas, o voso

Xandro

P. S. / recei contigo

Madrugada do 1.936 [sic]

Querido Vitín:

Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquer caso foi con desexo do teu ben.

Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.

Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.

Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.

Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de

Alexandre

P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós

-ás 5 e 1/4

Comentarios desactivados en Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]

Ago 15 2016

Artigo en QPC (XI): «Adagio por outono, de Modesto Fraga»

Adagio-14-08-2016(1)
Adagio-14-08-2016(2)
(Fotografías cedidas por © Jorge Parri)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recoller unha versión do texto que proferín no lanzamento do libro de poemas Adagio por outono de Modesto Fraga, onte na Feira do Libro de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Adagio por outono, de Modesto Fraga

A XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados, reafirmou a sólida bagaxe poética de Modesto Fraga (Fisterra, 1974) ao laurear o seu Adagio por outono, que chega dezanove anos despois da súa entrada no noso sistema literario.

Alicerzado en pequenos galardóns anteriores, 1997 foi o ano de graza e bautismo de fogo para o nume poético de Modesto Fraga ao gañar os premios Avelina Valladares e O Grelo, o primeiro pola obra Corpos paisaxe, que inxustamente non foi editada nesa altura, e o segundo con Do amor salgado, que tivo unha edición cativa do punto de vista estético e sen a penas distribución. Porén, o malfado destes inicios editoriais non puxo freo ao ímpeto do poeta fisterrán até conformar a día de hoxe un percorrido de longo alento, como recolle a autoantoloxía publicada en edición de autor Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015 (2015).

Esta apelación ao pasado non é gratuíta, pois o poeta arestora con moito máis oficio e cunha voz máis madura, retorna ao cultivo dos metros clásicos cos que se dera a coñecer, nomeadamente os sonetos. De feito Adagio por outono, que prologa Teresa Seara de maneira fulcral, está conformado por 35 sonetos divididos en tres partes e un intermezzo denominado «Pórtico» de catro poemas en verso libre, mais onde sobrancean hendecasílabos, heptasílabos e pentasílabos.

Non é de estrañar esta escolla porque o libro, que recolle nunha dobre páxina unha reprodución dos músicos no Pórtico da Gloria (século XII) e unha folla de carballo na portada, pretende realizar outra actualización dos principios literarios do Dolce Stil Novo, escola poética toscana da segunda metade do século XIII na que sobrancearon Guido Cavalcanti, Dante Alighieri, e moito despois Francesco Petrarca no seu Canzoniere, quen influíron en moitas épocas e literaturas posteriores.

Entre nós hai un bo número de poetas «dolcestilnovistas», aínda que salienta Darío Xoán Cabana, quen non só publicou varios libros con sonetos ao modo petrarquista, poñamos por caso o fermoso Amor e tempo liso (1987), senón que foi o excelente e premiado tradutor dos autores citados e doutras voces daquela época na Antoloxía do Doce Estilo Novo (Galaxia, 2004).

Unha das trabes dese modo de poetizar é a sublimación do amor e da persoa amada, que vai percorrer aquí toda a primeira parte «Sinfonía do corpo», catorce sonetos que se abren con «Alba de luz», a xeito de epifanía ou descuberta do amor, e que pecha coa dualidade «Ti + Eu: Nós» en reafirmación. E onde os versos espidos e mariñeiros («A nosa historia é un mar que non se acaba / alba e solpor de terras ben remotas») ornaméntanse con referencias artísticas e literarias, a Gioconda ou Mona Lisa de Leonardo da Vinci, a Ítaca de Ulises, Sherezade, o propio Dante e outras voces que se unen ao xogo intertextual con algúns versos da nosa poesía contemporánea, como sucede con Canto custa instalarse no amor!, que deu título a un libro de Xosé Leira López, ou coa súa propia, por exemplo no xeito de titular un dos textos coas coordenadas «8º 10′ 11” LN».

Os catro poemas libres do «Pórtico» transitan outra temática, a literatura de viaxes, e describen diversos espazos italianos, de preferencia os que teñen a ver con imaxes da Renacenza, e tamén portugueses (Coimbra e Lisboa). Entre elas navega tamén un verso d’Os Lusíadas, de Camões ou a obra de Sá de Miranda, ambos e dous extraordinarios sonetistas, así como A tragédia de Inês de Castro de António Ferreira. As diversas intertextualidades acompañan a tópica do carpe diem que se revela con forza: «Mentres todo renace / algo de nós habita no pórtico da vida».

Na terceira parte «Ao modo do Dolce Stil Novo» faise explícita a intencionalidade, que se abre coa cita a Dante, inclúe 14 sonetos en diálogo con outras obras artísticas, históricas e literarias que se sinalan ao pé de cada texto, sen seguiren orde cronolóxica. Nas primeiras o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, a Capela Sistina de Michelangelo, a Venere di Urbino de Tiziano e Mater Gallaecia de Luís Seoane; a nosa historia con referencias a Manuel Murguía, a Benito Vicetto ou á morte do Mariscal Pardo de Cela; na literatura europea a Divina Commedia de Dante e novamente Os Lusíadas de Camões e na nosa desde a primeira cantiga medieval Ora faz host’o Senhor de Navarra de Johan Soárez de Pávia ou Paiva até a Morgana en Esmelle da chorada Begoña Caamaño, mais tamén con Pondal ou con Cunqueiro. Son versos a evidenciaren ese atento lector, desde hai uns anos tamén esperto e experto libreiro, que hai en Modesto Fraga.

«Adagio, ma non troppo» é a última parte, sete sonetos que perseguen no descoñecido tempo futuro da existenxia a confirmación das palabras e dos acenos do amor sublime, con insólitas e singulares lembranzas, a poesía faise máis espida, máis íntima e máis achegada «como aquela canción das nosas vidas / que sabiamos case de memoria, de Pablo Milanés, lembras amor?».

E unha última anotación sobre este Adagio por outono para sinalar outra constante no quefacer do seu autor, aínda que máis atenuada desta volta, a perseveranza na incorporación e recuperación dun ricaz léxico mariñeiro que acompaña a linguaxe do erotismo como gozosa celebración.

MIRO VILLAR
Adagio-por-outono

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XI): «Adagio por outono, de Modesto Fraga»

Ago 13 2016

Xoán Creus Andrade: «Pregón das Festas da Xunqueira 2016»

Published by under Poesía

XoánCreusAndrade
(Fotografía de © Luis Díaz Díaz)

O amigo da infancia e hoxe afamado e premiado arquitecto Xoán Creus Andrade (Cee, 1966), do estudio Creus e Carrasco creado coa súa muller Covadonga, proferiu onte na vila de Cee o «Pregón das Festas da Xunqueira 2016», que reproduciu de maneira íntegra a edición de La Voz de Galicia – Carballo e que do que me fago eco nesta bitácora porque lembra moitos feitos comúns da nosa nenez e da nosa mocidade antes de que os estudos nos levasen a morar en cidades diferentes, Xoán Creus n’A Coruña e eu en Compostela.

Por volta do ano 1986, van xa trinta anos. un grupo de sete mozos “letraferidos” (ou amantes da literatura) constituíramos o colectivo de poesía Un Medio e publicamos nos anos seguintes dous cartafoles en papel satinado que foron deseñados e ilustrados por Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Artur Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo.

Velaquí o Pregón. E para as persoas que non sexan da nosa comarca direi que «coreanos» é como nos chaman aos Cee en Corcubión e «pelados» como lles chamamos nós a eles.

«Pregón das Festas da Xunqueira 2016»

Benvidos á Xunqueira!!

Mulleres, homes, nenos e grandes. Coreanos, pelados, fisterráns, pindexos, pelegríns da montaña, xente toda da Costa da Morte!!

Este é o pregón das Festas da Xunqueira 2016, días de ledicia e confraternidade para familias e veciños. Quen vos ía decir que un arquitecto daría o pregón dunhas festas se aquí non se trata de xeometría, nin de construción (inda que, como sabedes, un dos nosos paisanos foi quen fixo a Torre da Berenguela e vaia dende aquí unha homenaxe). Moitas grazas ao alcalde, á corporación e á comisión de festas pola invitación. Tamén a Pepa, magnífico exemplo das grandes mulleres deste pobo. Tamén a Ramiro, que tanto bregou na rede para que eu dera este pregón algún día. E a toda unha xeración de grandes amigos que, despois dos pregóns de Fran e de Paco, os nosos maiores daquela, tamén se merecían esta celebración. Pois sí, aquí me tedes, como todos vos, un ano máis pasando as festas entre comidas, procesións, orquestras, cochitos, tómbolas e tiovivos. Unha ledicia!

Lembro aqueles anos no que o palco se poñía diante da casa do Frente de Juventudes, nesta fermosa praza, ao lado da casa dos Jallas, vaia unha aperta para eles alá onde estean. Si, bidóns e táboas que construían o escenario para que tocase… A Palma, a nosa grande orquestra, uns músicos que tiveron a habilidade de situarse na raia entre Corcubión e Cee e así tanto picaban na Xunqueira como en San Marcos. Músicos e albaneis!!. Mono de obra e platillos de madeira que tamén servían para recebar. E nós, agochados por baixo do palco a ver si, entre as fendas das táboas pillábamos as incribles perspectivas nas profundidades das minifaldas das gogos.

Lembro o guapos que nos poñían a todos. E a sesión vermú entre as fermosas árbores desta praza. Todas as familias baixando a un espazo que ese día é o centro do mundo. Tamén lembro as escaramuzas identitarias pola noite, o movemento das pandillas, sobre todo entre as xentes do eixo costeiro Muxía-Fisterra-Corcubión-Cee; ou cando viñan uns jevis da Coruña moi perigosos. E nós a bailar Obús e Barón Rojo. Tamén esperando por esas baladas para, como di meu amigo Xurxo Souto soltar aquelo de: Que nena, jastas pista?

A festa é unha das maiores expresións da relación entre as persoas dun pobo, pois mestura valores cidadáns ao través de tódalas súas manifestacións: a institucional, a relixiosa e, por suposto, as relacións sociais. Fixádevos no nome da nosa Señora da Xunqueira, xuncos e eira, eu vexo aí a reivindicación dun lugar da natureza xunto ao nome do noso espazo colectivo máis relevante: a eira. A Xunqueira representa a construción dun lugar común a partir de entender a natureza como unha arquitectura: a catedral de xuncos, o refuxio, o sanatorio natural. A igrexa, a casa.

Unha das cousas que máis me gustan das festas é precisamente ver como os lugares que tanto percorremos a cotío, sen darnos conta, os reivindicamos nestas datas como espazo colectivo. Ano tras ano é o momento no que volvemos a velos cheos de xente, coa pretensión de desfrutalos. E canto teño desfrutado deles cos meus amigos. Como dicía miña nai eu deixábame levar por calquera sempre que houbera falcatruada. Así que eu esforzábame en saber das habilidades dos da miña quinta e aparecía envolto en toda canta falcatruada se facía no pobo. E así fun amigo de todos e lembro con moito cariño moitos recordos deles e dos escenarios por onde nos moviamos. Os nenos saímos á rúa para ir coñecer un territorio que comezaba na casa, pasaba pola rúa e dende aí explorabamos o descoñecido: outras rúas, outros barrios e os espazos intermedios, tan importantes. O centro de Cee tiña unha estrutura moi clara, caendo en pendente entre a estrada e o mar. Rúa de arriba, onde eu estaba, o espazo intermedio dos calexóns e a Praza. Cantas veces, indo á praza, me perdía no espazo intermedio. E cantas máis cando pasaba da praza á ribeira. Moi lonxe quedaban a Armada, as Escavanas ou as Casas baratas.

A percepción do movemento entre os espazos que percorremos é, en realidade, a mesma percepción da vida. Por iso é tan importante manter a calidade e a interconexión entre eles. Se a mín me gusta a arquitectura é porque permite construír iso, non só unha forma ou materialidade, senón a propia historia da xente. Tamén historias negras que non imos sacar nun día de festa. Centos delas, de todo tipo, que tiñan como escenario os lugares de dentro e fóra do pobo. Mesmo no mar. Para min foi un gran descubrimento percorrer os lugares do mar: aqueles que saen á superficie como as Lobeiras ou os Carrumeiros; mais tamén eses lugares afundidos onde viven peixes mesturados con historias de naufraxios. O mar é un territorio ligado á terra, forma parte da mesma cousa, manifestándose coma o monumento vivo máis grande de Galicia: a mallante, a franxa de costa que cambia coa marea. O que eu chamo Espazo Batente. É o noso máis prezado tesouro, o lugar onde se trenza a nosa identidade. Isto non o sabía Sra Draga cando veu recalar na nosa ría. Penso que Sra Draga foi unha firme competidora da Virxe da Xunqueira naquilo da construción dun lugar durante moitos anos. Aquel barco lento que cuspía area tapou a ponte de Globa, a rampa de Eulogio, as escaleiras de baixada á ribeira, o atrio do mar, os hórreos da beira, deixando sen sentido o balcón do único cine que coñezo dende onde se podía pescar. Tamén é verdade que tapou as tripas dos matadoiros, os verquidos incontrolados ou a árbore de lixo baixo o Banco dos Pescadores. Foron as datas do gran cambio, do paso firme de Cee cara unha nova vila con moitas máis vivendas, centro de saúde, mercado, hospital, piscina e centro comercial. Mais tamén con menos patrimonio. Cantas casas bonitas se perderon!. Con menos relación co mar e iso si, coa aparición de moitos espazos aos que non lle sabiamos dar uso. Espazos intermedios que requiren agora atención. Foron tempos de tomar decisións difíciles e, inda que con moitas dúbidas, apostar por un proxecto. Os proxectos son momentos de unión (fermoso nome o de Unión Club Cee), mais cómpre atinar e sobre todo resolver os seus bordes. Coser un espazo construído é un traballo colectivo. Aparecen as actividades de todos os axentes, mesturados con fincas, regos, paredes? intereses.

Quixera pedirvos que, aparte de desfrutar da festa, reflexionedes nas comidas destes días, sobre a unión e o potencial que este pobo ten para facer cousas bonitas. Hai moitas cabezas ciscadas por fóra e moitas máis aquí dentro. Só hai que xuntalos como nunha cadea. Non podemos comportarnos como se xa non se puidese cambiar nada, como se aceptásemos que este pobo non pode mellorar. Hai moitas cousas que están aí e que teñen un gran valor. Non velas é o principal motivo polo que desaparecen. E a miña obriga é recordárvolo. Para construír serve unha lousa de pedra (deixándoa no seu sitio, non como ocorreu co lavadoiro público), o azulexo histórico dunha fachada ou unha galería (non como está a ocorrer e vai ocorrer coas casas da rúa de arriba), unha árbore (como as que perigan na horta de Palmira) ou un muro (como os que marcharon de tantos camiños). Son materiais que herdamos, mais tamén son ideas, pensamentos que tiveron os nosos antepasados. Sen memoria non hai cultura. Non hai vida. Quen esquece as referencias é un ser dixital, coma calquera pokémon que anda por aí. ¿De onde credes que saíu a forza para que se formara todo un Batallón Literario de grandes escritores, ou insignes médicos, actores, historiadores, avogados, biólogos, químicos, mestres e tantos outros profesionais. Máis tamén tantos bos empresarios, construtores, carpinteiros, vendedores de miñocas?. Todos son nomes importantes, mulleres e homes que saíron de aquí, que están aquí ou se achegaron aquí e que dificilmente esquecerán este recuncho. Sempre serán necesarias novas ideas e persoas que busquen a mellora dun pobo poñendo por diante o ben común. Hai moito camiño que facer, moitas cousas que nos quedan por celebrar neste pobo. Moito que investigar e aprender, xunto con todos os veciños da comarca, ¿Que sería de Cee sen Corcubión, sen Fisterra, Muxía ou Dumbría? Unha illa, un cacho de terra solta. Hai que xuntar forzas, preservar e construír coa idea de mellorar o noso pequeno mundo con ideas e feitos do gran mundo. Temos que prepararnos e, como non podía ser doutro xeito, buscar entre os xuncos e celebrar os achádegos cantando aquilo de:

Ven a Cee
Ven a Cee
Os días da Xunqueira

Non cho volvo repetir
Tes moitos motivos para vir

Aquí terás viño
Bo xantar
E moita festa
Viva Cee!!
Viva a Virxe da Xunqueira!!

Xoán Creus Andrade

Comentarios desactivados en Xoán Creus Andrade: «Pregón das Festas da Xunqueira 2016»

Ago 09 2016

Presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga na Feira do Libro de Cee (domingo 14 de agosto, ao mediodía)

FeiraLibroCee2016
Adagio-Cee2016

Onte fíxose público o programa dunha nova Feira do Libro de Cee, a celebrar entre o 11 e o 15 de agosto e que abrirá un pregón do profesor e divulgador baiés Jorge Mira, e que nesta edición recobra os actos de presentación e lanzamento de obras, que nalgunha ocasión deixaron de se facer como eu propio denunciei neste texto.

Pola miña vila de nacenza andarei este vindeiro domingo 14 de agosto, ao mediodía, para presentar Adagio por outono, o novo libro de poemas do fisterrán Modesto Fraga que gañou a XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados.

Non vou adiantar agora o texto que escribín para a ocasión, mais con licenza do seu autor velaquí van dous dos sonetos de Adagio por outono. O primeiro deles figura na primeira parte do poemario, «Sinfonía do corpo» (que consta de 14 sonetos), e o segundo aparece na cuarta e última parte, «Adagio ma non troppo» (7 sonetos).

Tamén a propia Alvarellos Editora dispoñibilizou no seu sitio web un documento (en formato ISSUU) no que se poden ler as primeiras páxinas do libro.

Agardamos a vosa presenza para acompañarmos a Modesto Fraga neste lanzamento da súa nova obra.

TI + EU: NÓS

Aquela luz de outubro clandestina
leva forxada en nós desde as orixes,
buscámola na ausencia das vertixes
a carón dos silencios, na retina.

Eu digo que na ardora adamantina
habita a esencia, a apócema que elixes,
a luz á que has volver sen que te fixes
acesa, ou apagada, que ilumina.

Acesa ou apagada a luz, eu digo
quero volver sentirte, acaso quero
mil noites existir, mil veces sós.

En medio desa luz quero e reitero
ollar contigo o mar, sempre contigo
ser simplemente ti mais eu, ser nós.

 

DA AUSENCIA (E DE NÓS)

Non deixes de soñar por mais que a vida
te leve a algúns lugares sen retorno,
que o teu alento sexa vigoroso
e o tránsito emprendido escuma fértil.

Non permitas que a ausencia, con sixilo
intente seducirte e acaso sexa
a aurora boreal quen te sorprenda
coa humidade de todos os eclipses.

Non deixes de soñar. Nin tan sequera
de devorar a terra cos teus ollos
que son luz e crisálida, caricia

á que nunca me entrego pero adoro;
á que regreso ás veces mentres vivo
na que me perdo sempre que te soño.

De Adagio por outono (Santiago de Compostela: Alvarellos Editora, 2016)

Modesto Fraga
Adagio-por-outono

Comentarios desactivados en Presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga na Feira do Libro de Cee (domingo 14 de agosto, ao mediodía)

Ago 08 2016

Recensión a Masculino singular, de Carlos Negro, en Grial 210

Published by under Poesía,Recensións

MasculinoSingular
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Nese mesmo último número, 210 (abril, maio, xuño do 2016) de Grial, Revista Galega de Cultura, e na mesma sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «Unha refutación do machismo e a súa linguaxe dominante» para saudar o libro de poemas Masculino singular, de Carlos Negro. Velaquí a devandita recensión ao completo:

Unha refutación do machismo e a súa linguaxe dominante

Masculino singular

Carlos Negro

Vigo: Xerais, 2016, 84 páxinas

Masculino singular defínese na lapela da contracapa como «unha refutación do macho alfa que destrúe os afectos e converte o terror en linguaxe dominante» e velaí un resumo ben acaído dos principios éticos que anobelan o fío da última obra poética de Carlos Negro, que seguen unha liña bosquexada con anterioridade en Penúltimas tendencias (Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil de 2014), aínda que arestora trazada con outra lingua poética máis propia da reflexión adulta, o que non invalida outras lecturas posibles.

Nove partes diferentes para un obxectivo común que consiste en revelar unha anovada construción de xénero onde o principio fundamental é a procura dun novo rol para a masculinidade e dunha nova ética que teña sempre en consideración as achegas prácticas e teóricas do feminismo.

Despois de dous paratextos definitorios: a dedicatoria “A Ramón, meu tío, / o primeiro home / a quen vin fregar a louza / coa bata de cadros das avoas” e o espléndido verso de María do Cebreiro “Crucei a única porta que non vía”, abre o libro o longo poema «Código de barras» que ispe a voz poética nunha serie de definicións do que non é e do que se quere ser ou intentar ser, que remata coa que lle dá o título á obra: “O que se cadra SON / un morfema de xénero singular e masculino”.

Na segunda parte «Técnicas de afeitado» tres textos autopoéticos que se escriben na propia (auto)contemplación nos espellos desde a indagación na personalidade creada pola educación recibida e polo contexto sociocultural vivido, para avisar da crueza do espido: “arriscamos a pel / e algo máis / algo que non está na superficie / nin na epiderme / do poema”.

Na terceira un outro único e longo poema «Just for men», construído por interrogacións retóricas que o deixan de ser para procurar respostas a un amplo cuestionario que sirva de autodefinición dunha masculinidade (mal) construída desde parámetros de dominio.

Os cinco poemas de «Pinturas rupestres» e os tres de «Normalización lingüística» botan mal da poesía visual, na liña da poética experimental e reivindicativa de Lois Gil Magariños e da Corporación Semiótica Galega ou de Joan Brossa, que visualizan a obscenidade e a procacidade da linguaxe masculina da publicidade e da prensa con intención de a cuestionar e subverter. Os obxectos poéticos, caligramáticos ás veces, abalan entre a simboloxía fálica, as pintadas nos aseos ou os anuncios luminosos do neon dos negocios do mercado sexual que se critican con acidez desde a ironía e o sarcasmo ou desde a parodia, ao xeito dos antigos epigramas latinos.

Media ducia de poemas configuran «Fráxil & Femíneo & Delicado», con versos que dialogan coa obra de poéticas do feminino como Rosalía de Castro ou Ana Romaní, mais tamén para rebater a autores canónicos como Méndez Ferrín no breve poema «Sen pólvora e cun ramo de magnolias»: “Algúns reclaman a liberdade pró meu pobo. / Eu, en troques, esixo a tenrura pró meu sexo”.

«Puntos de fuga» constitúe a cerna do libro con trece textos, nos que continúa o diálogo intertextual, implícito ou explícito con Lupe Gómez, María Xosé Queizán ou Xohana Torres e non só estas tres, para unha elaboración que insiste no cuestionamento de estereotipos e de roles, e que acadan o seu cumio nos poemas «Toy Story I» e «Toy Story II», ou que se achegan a sexualidades adoito marxinadas como sucede na lembranza da historia real das dúas lesbianas coruñesas que casaron facendo uso do engano en «Marcela & Elisa (A Coruña, 1901)» ou na historia de ficción con alusións ao homoerotismo en «Batman & Robin. Diario íntimo».

Pechan esta sétima parte dous poemas en prosa: «Corrente subterránea» sobre o xurdimento dunha nova delicadeza cívica, paternal e masculina nos pais que recollen crianzas en escolas infantís da periferia urbana e «As outras» sobre as duras condicións de vida das mulleres inmigrantes, que lembra o canto das operarias de Tortillas para os obreiros (1996) de Fran Alonso.

Os catro poemas de «Materia estelar» abordan a cuestión da paternidade desde unha dupla óptica, de ollar unha crianza que nace ao mundo e de aprender da educación recibida da propia nai, trasunto de moitas outras nais nosas, aquelas que devoraban unha cabeza de peixe para lles deixaren a mellor carne aos seus fillos.

E por último o poema «Saída de emerxencia» que procura, agora si, tratar de dar resposta a outra serie de interrogacións retóricas, velaquí a primeira delas: “E que pretendía? / Só mover un milímetro os marcos do poema”.

E ese movemento de marcos procúrase cunha linguaxe descarnada e ás veces descarada, cuxo único risco é a previsible fugacidade, como adoita suceder con case toda poética de intervención. Aínda que neste caso os dominios do masculino non semellan ser tan efémeros como para que os versos de Carlos Negro pasen axiña a facer parte da (pre)historia e así o demostra a malfadada rotundidade dos estudos e dos inquéritos que alertan sobre a pervivencia da violencia machista entre a mocidade.

Malia certo abuso de lugares comúns a día de hoxe, Masculino singular achega o seu grao de area para a asunción de novos modelos nas relacións de xénero. Abofé que si.

Miro Villar

Comentarios desactivados en Recensión a Masculino singular, de Carlos Negro, en Grial 210

Next »