Archive for Maio, 2016

Mai 30 2016

«Insomnio (II)», un diálogo coa poesía de Antonio Gamoneda

Published by under Poesía

Antonio Gamoneda

Teño dito moitas que son devoto da poesía de Antonio Gamoneda, a quen cheguei hai ben anos por escoitarlle falar moito e ben deste poeta a Xosé Luís Méndez Ferrín. E hoxe que o ovetense, xa case leonés, Antonio Gamoneda chega aos 85 anos recupero un poema do libro As crebas (Espiral Maior, 2011), merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral». Trátase do poema 31, intitulado «Insomnio (II)», que se inspira nuns versos do poema 56 do excelente e, para min, inesquecible Libro del Frío (1992). Velaquí o diálogo poético:

31

Insomnio (II)

Alguien ha entrado en la memoria blanca, en la inmovilidad del corazón.

«56», Libro del frío (1992), ANTONIO GAMONEDA

E na memoria branca entra alguén con sixilo, escorregando amodo pola inmobilidade do corazón en lascas; acéndese un farol e foxen os morcegos co teu sangue nos dentes.

Espertas na suor dun novo pesadelo na noite sen ruído de lúa impertinente e corren as formigas na cova dos teus ollos.

Outra volta o insomnio, preguntas sen resposta.

Notas un peso enorme nos ombros, son as horas, sentas nunha cadeira da cociña, os dedos que premen obsesivos as pálpebras e a dor afrouxa a violencia.

Son ásperas as sombras.

Outro día alborece mentres chegan do mar os primeiros cerqueiros con coros de gaivotas.

Respiras ben profundo, cómpre saír á vida.

Comentarios desactivados en «Insomnio (II)», un diálogo coa poesía de Antonio Gamoneda

Mai 27 2016

Artigo en QPC (V): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María» (III)

MuxíaAntoloxía1995b
MuxíaAntoloxía1995b
ManuelMariaAulas
(As dúas primeiras fotografías son de Manuel Vilar Álvarez e a terceira de Carmen López, cedida por Alexandre Nerium. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Deseguida reproduzo a nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro. Desta volta é a terceira e última parte dese longo artigo que intitulei «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (III)» e que tamén xa se pode ler nesta ligazón.

«A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María» (III)

En maio de 1995 quen isto asina partillou por primeira vez un acto público con Manuel María, malia termos coincidido xa algunhas veces con anterioridade e moitas máis con posterioridade, mesmo fóra do noso País nas Xornadas das Letras Galegas en Lisboa (que organizara en 1998 o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades). Foi en Muxía para presentarmos a miña edición literaria dunha Antoloxía Poética (Espiral Maior, 1995) de Gonzalo López Abente, que nacera por iniciativa do antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez e que se publicou nun convenio entre a editorial Espiral Maior, que dirixe aínda hoxe o poeta Miguel-Anxo Fernán Vello, e a alcaldía do concello de Muxía, daquela en mans do nacionalista Bautista Pose Paz. Os organizadores do acto combinamos en que era a persoa idónea para nos acompañar, pois o poeta chairego sempre tivo moito aprezo pola poesía de Gonzalo López Abente.

A edición comarcal de Carballo do xornal coruñés La Voz de Galicia, do mércores, 10 de maio de 1995, publicou unha información a toda páxina que incluía unha crónica do escritor Xan Xosé Fernández Carrera, co título «Recordo para un poeta esquecido», á que pertencen os seguintes parágrafos nos que se salienta a intervención de Manuel María.

Nunha tarde apacible na que o pobo transmitía tranquilidade, o pasado día 6 de maio, foi unha xornada importante no acontecer cultural de Muxía. O seu fillo máis ilustre, o poeta Gonzalo López Abente, recibiu un sinxelo, cariñoso e merecido homenaxe con motivo da presentación da súa Antoloxía Poética. Pero tanto esta sinxeleza, como a falla dunha divulgación informativa, non fixeron disminuír a relevancia do acto. Enxalzado, tanto pola presencia de poetas ilustres da nosa literatura actual como Manuel María, Miguel Anxo Fernán Vello ou Miro Villar, como pola importancia da publicación que se presentaba, que nos ofrece a posibilidade de achegarnos á obra do que foi un dos principais representantes da poesía da época das Irmandades, xunto con Ramón Cabanillas, Noriega Varela ou Victoriano Taibo.

O libro, como indica o seu título, representa unha selección da obra poética do poeta muxián, feita con rigor e minuciosidade por un poeta xove, pero gran coñecedor da obra de López Abente e da súa terra, como é o ceense Miro Villar.

Manuel María, que a pesares de ser de terra adentro coñece ben a obra do poeta muxián, despois de facer un percorrido histórico da súa época, dixo que López Abente tiña as características propias dos escritores da súa xeneración: escribir en galego, simpatizar coas ideas nacionalistas, viaxar por Europa e ter presente o entorno da súa obra. Segundo el, a igual que Manuel Antonio, podíaselle aplicar o calificativo de poeta do mar; pola grande presencia que este elemento ten na súa obra. Ademais, a súa vida estivo sempre marcada pola desaparición da súa dona ó ano de casar, como consecuencia dun parto.
(…)

Finalmente, cómpre salientar outros tres acontecementos de relevo que levaron a Manuel María a visitar a Costa da Morte. Os dous primeiros como celebración e o último como compromiso.

En xuño de 2002 acode ao IES Urbano Lugrís de Malpica de Bergantiños pois a comunidade educativa tomara a decisión de propoñer o seu nome para a biblioteca escolar. Non faltaron as referencias á poesía e á pintura do autor e o propio Manuel María estaría acompañado nesa xornada polo fillo, Urbano Lugrís Vadillo, tamén pintor.

Poucas semanas despois, en xullo acode a Fisterra para participar na clausura do curso da Universidade da Coruña «Aulas no Camiño», dirixido polos profesores e poetas Xosé Leira López e Rosa Méndez Fonte, que poñía remate a unha viaxe de 20 alumnos e alumnas cun recital poético celebrado no Faro de Fisterra e no que interviron os citados dous profesores e poetas, os fisterráns XoánAlberte Moure e Alexandre Nerium e o propio Manuel María.

E, por último, a raíz do desastre ambiental provocado pola marea negra do Prestige, Manuel María tamén fai parte dos numerosos intelectuais que se posicionaron abertamente contra a xestión do accidente e publica o artigo «Visións sobre a Costa da Morte» na súa sección semanal «Homes, feitos e palabras» no diario El Correo Gallego (15/12/2002), no que ofrece a súa persoal interpretación deste territorio e deixa entrever a súa pouca consideración cara a este topónimo, por moi pondaliano que sexa, que contrapón ao de «Costa da Vida».

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en contra da marea negra promove en 2003 o volume colectivo Alma de Beiramar, cuxos beneficios foron dar na Plataforma cidadá Nunca Máis, e no que Manuel María participa co poema «Verbas ao mar» (Anexo VI) que leva a seguinte nota a rodapé: Antes da tráxica monstruosidade do “Prestige” e das precedentes. En efecto, aínda que estivo nalgunhas das mobilizacións nacionais, ferido pola enfermidade non escribe un poema inédito senón que permite a reprodución dun texto poético que xa se publicara no libro Mar maior (Vigo: Galaxia, 1963).

Os poetas do extinto Batallón Literario da Costa da Morte (entidade activa entre maio de 1996 e maio de 1999) recoñeceron o seu maxisterio nos seus propios versos. O que fora presidente da entidade, o fisterrán Alexandre Nerium, no seu libro Vogar de couse (A Coruña: Espiral Maior, 2003) publica dous poemas con pegadas do chairego (Anexo VII). No primeiro deles o seu quinteto vai introducido polos versos: Cheguei até Fisterra / fin do mundo / aquí / o tempo inmobilízase / e a vida comeza a súa / inexorábel conta cara atrás. Forman parte do poema «Fisterra», aínda que non se citan pola primeira edición reintegracionista senón pola testamentaria que Manuel María deixou na Obra poética completa II (1981-2000) (A Coruña: Espiral Maior, 2001). E no derradeiro verso do segundo poema de Alexandre Nerium, intitulado «Verbas para un mar escoso», que di textualmente: compendio de orballos de amarga deslembranza, hai un xogo literario coa obra Compendio de orballos e incertezas (Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1991).

Finalmente, outro membro fundador do Batallón Literario da Costa da Morte e autor do seu Manifesto, o ceés Rafa Vilar, lembra a súa memoria tamén noutros dous poemas (Anexo VII). No libro Migracións (A Coruña: Espiral Maior, 2008) co título «poeta Manuel» e na obra de poesía infantil Acuarelas (Vigo: Galaxia, 2009)] no texto intitulado «soños na gaiola» que se abre: soños na gaiola / que un día escacharon na tarde / na voz do poeta que do pobo era.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (V): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María» (III)

Mai 25 2016

Lembranza de Manuel Caamaño Devesa, un case descoñecido poeta da emigración

Dicionario1

Tal día coma hoxe do ano 1928, a revista Céltiga, que se pode consultar nos Fondos documentais do Consello da Cultura Galega, publica unha semblanza biobibliográfica do poeta Manuel Caamaño Devesa, soterrado o domingo 13 de maio dese ano no cemiterio do Cerro (Montevideo), logo de falecer de forma tráxica. Na crónica intitulada «El homenaje de la “Peña Céltiga” al poeta Caamaño» (Céltiga, nº 82, Bos Aires, 25 de maio de 1928) afírmase:

«Cuanto sabemos de su vida, es por intermedio de Zapata García, su íntimo amigo y hermano en espíritu. El mismo Zapata nos ha proporcionado una serie de composiciones —publicadas e inéditas— de Caamaño, en las que si no se ve la labor de un genio, por lo menos resalta la expresión de un temperamento fuerte que a veces —y no pocas, por cierto— alcanza un hondo sentido emocional, tan propio de los poetas que teniendo mucho corazón, buscan en el dolor la cantera de su arte. (…)»

Así pois, Antón Zapata García foi quen deu a coñecer a nova á colonia galega na Arxentina, dado que os unía unha forte amizade por razóns de orixe, xa que aquel tamén nacera na localidade de Laxe, emigrando novo a terras uruguaias. É moi posible que esta nova lutuosa fose coñecida por Zapata durante a viaxe que nese mes de maio realizou, en compaña doutros “céltigos”, a Montevideo. Eduardo Blanco-Amor e Suárez Picallo foran convidados polo Centro Gallego de Montevideo para participaren no Terceiro Curso de Conferencias sobre Problemas Iberoamericanos, que tivo lugar o 27 de maio en Montevideo, e estiveron acompañados por unha delegación dos “céltigos” de Bos Aires, integrada por Manuel Oliveira, Domingo Rial Seijo e o propio Zapata García.

Poucos máis datos sabemos a día de hoxe do poeta Manuel Caamaño Devesa. O filólogo e investigador Xosé María Rei Lema no seu imprescindible Dicionario de escritoras e escritores da Costa da Morte (2011) escribiu a súa biografía que reproducimos deseguida, ao tempo que lle testemuñamos o agradecemento pola licenza para o divulgar nesta bitácora.

«Manuel Caamaño Devesa (Laxe, 1879 – Montevideo, 1928) é outro dos nosos poetas da emigración, neste caso riopratense. Da súa vida pouco se sabe. Segundo Álvaro de las Casas (Antología de poetas gallegos; 1939), era mariñeiro e pesador de carbón no porto de Bos Aires. Pero debeu compartir residencia entre a capital arxentina e Montevideo, se nos atemos á datación dos poemas. Así sabemos que “Horfa” foi composto en Bos Aires en marzo de 1914, pero foron escritos no Cerro-Montevideo “¡Fisterráns!” en 1918, “Íntema” e “A compra dun faco na feira de Baio” en 1927. Polo tanto poderíase pensar que polo menos nos últimos dez anos da súa vida residiu no Uruguai, a pesar de que mantiña unha importante comunicación co outro lado do río da Prata como o demostra o feito de que publicaba os seus poemas alí.

E falando da súa poesía, Álvaro de las Casas dinos que publicou un pequeno opúsculo de poemas titulado Marisqueiras, do que nada se sabe. Os poemas que coñecemos del son os editados nas distintas revistas e periódicos da colectividade emigrada na Arxentina; algúns deles viron a luz postumamente grazas ao seu amigo e veciño Antón Zapata. Nestes poucos poemas obsérvase que se trata dun poeta de certo valor, coidadoso das artes métricas, da rima e do número de sílabas, tendo composicións tan complicadas coma os sonetos ou as décimas, afastándose da poesía de tipo popular. Entre os temas que aborda destaca o mar, o mundo dos mariñeiros, o seu mundo; mais tamén toca os temas sentimental ou a crítica social.

Obra individual:

Marisqueiras (d.d.)»

O propio Xosé María Rei Lema compilou os poemas da súa autoría que se publicaron nas obras colectivas Namorados da Costa da Morte (Cee: Concello / Asociación Neria, 2001) ou Textos literarios sobre a Costa da Morte (Vimianzo: Semescom, 2011) e a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía na Costa da Morte) (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2009), esta última coordinada polo poeta Modesto Fraga e eu propio.

Dos escasos textos de Manuel Caamaño Devesa que se conservan velaquí vai o poema «A nosa fala», un tríptico de sonetos que mestura a autobiografía e a vindicación do noso idioma.

A NOSA FALA

I

En ti vin o mundo, Galiza querida,
n-un povo pequeno da veira do mar,
onde a fera onda, n-as praias rompida,
parés que remeda teu doce falar.

A fala mimosa, soave e garrida,
tan branda e suidosa para pronuncear,
¿por qué os teus artistas non lle dan cabida
e aprausos na allea van inda buscar?

Benditos seades, Santa Rosalía,
Pondal, Añon, Curros, Labarta e Murguía,
apóstoles todos da fala galega,

-subrime lingoaxe, todo poesía–
vaia hastra vosoutros miña homilde prega:
– Benditos seades, ¡sin vos morrería!…

II

¿Non quixeron matal-a en nós, xa de pequenos,
-cando arrentes sete anos teríamos- na escola,
impóndonos a forza a castelana sóla,
por un mestre galego? ¡Se fora alleo o menos!,

inda lle perdoáramos eu e máis muitos nenos
que nos fixemos homes e temos na cachola
a nosa verba santa e, outa, habemos pola,
sin alcumar as outras, con nobreza, serenos.

E sin tirarlle méretos a lingoa de Cervantes,
falemos ben a nosa, porque debe ser antes
tamén ademitida na escola de Galiza,

e pra muitos “gallegos” – ¡inda os hai vergonzantes! –
que a lingoa nai desprezan, n-eles pido xustiza:
¡a pauliña da bulra, por pillos e inorantes!…

III

¡Ben quixeran matal-a, pro non morre!
Novos apóstes ten que lle dan vida.
¿Non anda n-os papés máis estendida
e n-éles imprentada o mundo corre?

¿Onde queira que vaia, n-hai galegos
dos que medo non ten pra defendel-a,
e, pol-a persuazón, han de impoñel-a
a eses desleigados que están cegos

pra léla nos papés, xordos pra ouvil-a?
O mesmo n-as aldeias que na vila,
farémol-a trunfar, pese a quen pese,

pois bos apóstes ten pra redimil-a
e, por ser cousa nosa, me parece
que temos o deber de preferil-a!

Comentarios desactivados en Lembranza de Manuel Caamaño Devesa, un case descoñecido poeta da emigración

Mai 24 2016

«Esperanza», lectura na homenaxe compostelá a Manuel María o 17 de maio de 2016

Published by under Efemérides,Poesía

HomenaxeMM17-maio-2016
(Na Quintana, coa intérprete de signos e a presentadora Comba Campoy. Premer para agrandar o tamaño)

A entidade MaOs, Innovación Social, S. Coop. Galega vén de recoller no seu sitio web unha crónica da Homenaxe compostelá a Manuel María celebrada na tarde do 17 de maio de 2016, Día das Letras Galegas, organizada pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, e na que tiven a honra de participar (como recolle a fotografía superior) xunto a outras e outros poetas ou narradores/as facendo unha lectura dalgúns dos seus Poemas a Compostela (1952). A miña intervención consistiu na lectura do poema «Esperanza».

Deseguida reproduzo a crónica elaborada por MaOs e o devandito poema de Manuel María.

«O 17 de maio organizamos un paseo-recital e un concerto en homenaxe a Manuel María polo Día das Letras Galegas de 2016 para o Concello de Santiago.

A homenaxe centrouse na relación do autor con Santiago de Compostela a través da súa obra Poemas a Compostela.

O paseo comezou ás 17 h. na Praza do Obradoiro, baixo os soportais do Pazo de Raxoi, cunha presentación da concelleira Branca Novoneyra na cal abordou aqueles aspectos da vida de Manuel María que o relacionan con Compostela. Foi a partir dese momento que diferentes persoas da cultura compostelá e do público recitaron os 14 poemas de Poemas a Compostela, libro escrito polo autor en 1952. A recitación dividiuse en tres espazos relacionados directa ou indirectamente coa obra: a Praza do Obradoiro, a Praza da Quintana e a Praza de San Martiño Pinario. O acto pechouse nesta última praza ás 18h cun breve concerto de García MC baseado en obras de poetas galegos/as, entre as cales se encontraba un poema de Manuel María, “Home”.

O acto guiouno Comba Campoy, e contou coa colaboración especial de Lara Rozados Lorenzo, Manuel Portas, Laureano Araúxo, Olalla Cociña Lozano, Rosalía Fernández Rial, Montse Dopico González e Miro Villar, ademais de con todas as persoas que se achegaron voluntariamente para recitar e pasear».

POEMAS A COMPOSTELAMANUEL MARÍA (1952)

ESPERANZA

Como unha Xerusalem purificada polo lume
óllote, ouh Compostela, docemente
feita lume no sangue do meu povo.
Quixera dicir, na nidia voz das túas campanas,
a túa mensaxe de pomba,
o teu silencio rumoroso de mar,
a túa humildade de fonte,
a túa sombra de terror e misterio,
o teu tremor de estrela no corazón da noite.
Quixera navegar a túa néboa de tempo,
chegar a ti humildemente co corazón na mau
pra darche esta miña vida que en ti vive
cantando a túa melancolía en doce son.
Quero terte lonxana
e falarlle ó teu corazón de cidade
en língoa amiga,
amorosa de fragas, de cervos e de ventos.
Ollo e recoñozo en ti o sangue meu,
a árbore que dá descanso e sombra
a miña tribu vella e melancólica,
batida polos ventos de todo o mundo,
probada pola mau de tódalas desgracias.

A dubidosa paz dos teus pregos mortos
doiche na alma como espiña.
A túa canción de estrelas no vieiro da noite
fálalle a tódolos povos da terra.
As cantigas que firen como espadas
deuchas o vento do Fisterre
pra que aprenderas os camiños sen fin.
O milagre sempre aceso dos teus beizos
faiche eternamente arder
como unha grande rosa vermella o corazón.
¡Ouh Compostela da Quintana dos Mortos
que escoas polas feridas da túa sombra:
dime como e cando naceu a túa dor!
Dime que milagre de rosas fixo florecer
a túa alma de pomba en vento melancólico.
O teu espíritu purísimo de luz e ar
amañeceu en gaita fonda de lembranzas.
¡Compostela das roitas misteriosas
inmortal
na nosa lembranza galega e pequeniña!

Comentarios desactivados en «Esperanza», lectura na homenaxe compostelá a Manuel María o 17 de maio de 2016

Mai 24 2016

Efeméride. «A casa d’o poeta Pondal», o primeiro poema en galego de Antón Zapata García (Suevia, Revista Gallega Regionalista, Bos Aires, nº 7, 24 de maio de 1913)

Zapata1920

A obra poética en galego de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), que estudei na miña Tese de Doutoramento, foi escrita durante case 40 anos dos 67 da vida do poeta. E tal día coma hoxe, publicouse o primeiro poema que localizamos, trátase do soneto «A casa d’o poeta Pondal» (Suevia, Revista Gallega Regionalista, Bos Aires, nº 7, 24 de maio de 1913)

Curiosamente, no envío que realiza para a fanada Escolma da Lírica Galega de Xosé Filgueira Valverde indica en nota a rodapé do soneto «A Rosalía de Castro» (Suevia, Revista Gallega Regionalista, Bos Aires, nº 10, xullo de 1913): «Nótola. O presente soneto foi o primeiro que pubriquei no noso benquerido idioma, pois, do castelán, xa o facía dende o ano 1911». Resulta sorprendente que esqueza a anterior aparición do soneto «A casa d’o poeta Pondal» na mesma publicación e no mes de maio.

A súa derradeira composición será outro soneto intitulado «Trincado» (Mundo Gallego, Revista de Galicia en América, Bos Aires, nº 2, xaneiro de 1952). Endebén non foi o último en ser publicado, antes de falecer, pois aínda aparecerían «O dolor de barlovento» (Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº1184, 30 de xullo de 1952), que era o capítulo VIII do longo poema narrativo «A crus da Rosa», e o soneto «Rosalía de Castro» (Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 1185, 15 de agosto de 1952), mais este texto xa se publicara tamén en xullo de 1913.

Polo tanto, temos noticia de que Antón Zapata García principiou a publicar na nosa lingua pouco antes de facer os vintesete anos, de maneira serodia, e interrompeu esta actividade dez meses antes do seu pasamento, por graves problemas de saúde. Nestas catro décadas de vida creativa chama a atención o predominio do castelán como lingua literaria ata 1926 e, desde este ano, a case absoluta práctica monolingüe, de exceptuarmos oito poemas, un deles «Heroica Stalingrado» composto para concursar con éxito no certame convocado pola Agrupación Democrática del Espectáculo Público, co apoio da Confederación Democrática Argentina, para premiar o mellor himno de homenaxe á resistencia desta cidade perante o avance do exército de Adolf Hitler.

Non é estraño que esta actitude de monolingüismo coincida co seu vencellamento co galeguismo, nomeadamente coa Sociedade d’Arte Pondal (posteriormente Sociedade Nazonalista Pondal), entidade que representaba unha opción ideolóxica arredista, mentres que o seu regreso ao castelán vaise producir durante a guerra civil española e sempre en poemas combativos, aparecidos en xornais que apoiaban con femencia a causa republicana, cando o noso autor xa fora excluído da S. N. Pondal e mantiña un claro e manifesto compromiso antifranquista e de lealdade á IIª República.

Así pois, do punto de vista cronolóxico o primeiro texto é o soneto «A casa d’o poeta Pondal» (Suevia, Revista Gallega Regionalista, Bos Aires, nº 7, 24 de maio de 1913. Axiña reproducido en La Voz de Galicia, Bos Aires, III, nº 19, 15 de marzo de 1914). Como indica o título, describe a casa natal do poeta na Ponteceso e remata nomeando a Pondal coma un “bello cisne”.

Tamén se conserva un mecanoscrito do poema en transcrición feita polo autor, que acompaña Emilia Pondal nunha carta a Eduardo Pondal Abente datada o 10 de setembro de 1913. Aquí varía o título, que é «A casa d’o bardo Pondal», malia termos a certeza de que Emilia adxunta a edición publicada. En Suevia e no mecanoscrito está datado polo autor: «Buenos Aires, Mayo de 1913». Na revista tamén sinala «Especial para SUEVIA», e aparece reproducida a rúbrica manuscrita do poeta, que asina Antonio Zapata Garcia.

No mecanoscrito, con mínimas variantes lingüísticas de raís etimolóxica, engade unha NOTA: «—Son neto d’o seu / curmán Pepe ó coxo, é nacín / n’areosa Lage, como dí vosté». Na marxe esquerda e en vertical pon: «Saénz Peña, 162 Dprto. 6. Buenos Aires», que naquela altura era o seu enderezo particular. É posible que procurase unha resposta de Pondal, mais se esta existiu non se coñece, nin sequera nas exhumacións da correspondencia pondaliana.

Velaquí o soneto na versión na que finalmente foi publicado.

A CASA D’O POETA PONDAL

Onde mais fondo é ó Anllóns sonrente,
N’a marge destra, ollando car’a Corme,
Stá unha casa que parés que dorme
Ao son lançal d’a rápeda corrente.

Car’o Norde é Söan, facendo guiños,
Antr’eucalitos d’oledor ramage,
A branca carreteira vai pr’a Lage
E par’o nobre chan de Bergantiños.

Locen, diante d’a porta, frols de ânxo,
Arbres subrimes d’o Renacimento,
Un grande limoeiro é igual naranxo.

E moi preto d’alí, forte é sombrío,
Asenta Ponte-Ceso ó seu cimento
E un bello cisne soña sobr’o río…

Comentarios desactivados en Efeméride. «A casa d’o poeta Pondal», o primeiro poema en galego de Antón Zapata García (Suevia, Revista Gallega Regionalista, Bos Aires, nº 7, 24 de maio de 1913)

Mai 23 2016

Recensión a Repoboar, de Celso Fernández Sanmartín, en Grial 209

Grial209
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

No último número, 209 (xaneiro, febreiro, marzo do 2016) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai unhas semanas xa anda polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Unha poética singular» para dar conta da obra Repoboar, en edición de autor, do poeta e narrador oral Celso Fernández Sanmartín. Velaquí a devandita recensión ao completo:

Unha poética singular

Repoboar

Celso Fernández Sanmartín

Lalín: Edición de autor, 2015

Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) é un poeta que sempre camiña nas marxes do noso sistema literario e os seus libros adoitan aparecer en edición de autor, pola súa singularidade compositiva que non os fai adecuados á hora de seren integrados nunha colección canónica.

De feito, de toda a súa obra tan só o poemario Propiamente son captivo (1997) chegou a facer parte da colección poética que editou o proxecto cooperativo editorial Letras de Cal, un selo que publicou catorce obras entre 1997 e 2001, das que o título de Celso Fernández Sanmartín e A primeira visión de María Lado foron os lanzamentos inaugurais.

Antes dese título, Celso xa publicara en edición de autor, con formatos diferentes, as obras Divagacións iú (1991), O tigre das cenorias (1994) e (sen título) (1995). Na seguinte década, quizais absorbido polo desenvolvemento da súa carreira como coñecido e valorado contacontos ou narrador oral tan só deu ao prelo tamén en edición de autor, malia que desta volta figure a Imprenta Libraría Alvarellos, o libro Fucsia, talladas, estampados, boca (2001) e dez anos despois a obra que máis se asemella á súa nova entrega e que se titulou Gratas e boas novas (Edición de autor, 2011). Nela, como sucede nesta última entrega, vai mesturar a creación propia e a memoria narrativa atesourada durante o seu traballo durante anos nunha residencia da terceira idade de Lalín, de quen recibiu unha herdanza que nestes anos fixo revivir a través da recreación nos seus espectáculos de narración oral, cativando sempre a un público atento e agradecido coas súas historias.

Do mesmo xeito que en obras anteriores, a difusión de Repoboar (2015) tamén se sitúa nas marxes, pois a tiraxe é reducida e tan só chega a un selecto número de librarías, o que converte este e outros libros seus en pequenas xoias a conservar e de difícil catalogación para calquera biblioteca pública. Como considerarmos Repoboar nun catálogo de obras? Un caderno? Un folleto? Un libro? Quizais o termo máis impreciso sexa este último, mais só polo seu número de páxinas. De feito, o artefacto literario que nos presenta Celso Fernández Sanmartín mesmo carece de lombo onde pegar un rótulo cos datos.

O contido literario de Repoboar preséntase inserido nun sinxelo estoxo plástico transparente e consta de tres pezas en papel de diferentes tamaños e que aparecen en varios encartes. No primeiro, que se debe considerar a portada pois figura o nome do autor Celso Fernández Sanmartín e deseguida # núm. 1, decembro 2015. E antes do título Repoboar a seguinte anotación: Conto en conversa recollido en Lalín o sábado 23 de novembro de 2002 a Ana Acebedo Guerra (Anita de Zobra) 1919. Na súa parte posterior unha fotografía dunha cadeira e ao realizarmos o desencarte un conto de orixe popular sobre a orixe da Terra e que narra un preito entre deus e o demo, con presenza na historia de diversos animais como a ovella, o chasco e o pimpín ou a mula. Da transmisión oral dá conta o seu divertido remate:
E acaba así a historia?
Non sei, que eu era moi rapaza cando a oín.

O tamaño da segunda peza é moito máis grande e leva por título Laica. E engade: Para Manuel Otero López. Decembro, 2015. Trátase dun longo poema narrativo sobre o traballo nas minas de estaño e wolframio, que se completa con tres antigas fotografías. A primeira, na portada, reproduce unha páxina dun libro de familia que certifica o matrimonio celebrado o día «18 de Julio de mil novecientos cuarenta y cinco» entre o estradense Manuel Otero Matalobos e Carmen Bravo García de Arzúa. Onda o texto poético aparecen unha fotografía dunha cuadrilla de quince mineiros que posan diante da cámara coa roupa e cos trebellos nun descanso do seu labor de procura de mineral e aos que acompaña unha cadeliña. E na última imaxe un primeiro plano desta cadela, de nome Laica, e ao fondo os corpos borrosos de dous daqueles mineiros.

A narración poética ten moito de anotación etnográfica: Gastábase máis en festas que se aforraba / o que se sacaba da mina. / Moitos gardaban unha pebida como recordo / a memoria como é pobre e está chea de buratos / precisa de pezas firmes

O terceiro e últimos dos encartes, leva o nome do autor e como título Epílogo. Na cara externa veñen cinco imaxes de naturezas mortas: un anaco de madeira, un fragmento óseo e diversos minerais. O texto poético, a varias voces, presenta un diálogo filosófico existencial, do que son testemuño estes versos: Ata que un non se tropeza / non se lle aplica á pedra intención personal nen conversa / e ás veces un mesmo se enemista coa pedra / e cos significados/ Chamámoslle animismo a darlle voz ás cousas / que nos falan e contestan pola nosa propia inconforme boca

En definitiva, unha nova e inclasificable obra de Celso Fernández Sanmartín, mestura de xéneros e de formatos, que reafirma a perseveranza deste autor no seu singular e asistémico camiño creativo.

Miro Villar

(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Repoboar01
Repoboar02

Comentarios desactivados en Recensión a Repoboar, de Celso Fernández Sanmartín, en Grial 209

Mai 18 2016

Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Abente01

A pedimento de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto «Álbum das Irmandades da Fala» para o Consello da Cultura Galega, elaborei a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que polo de agora aínda non se viu publicou na rede. A día de hoxe tan só viron a luz as anotacións sobre Antón Villar Ponte, Ramón Villar Ponte (as dúas elaboradas por Emilio Xosé Ínsua López), Ramón Fernández Mato (elaborada por Prudencio Viveiro), Roberto Blanco Torres e Asun Sóñora (estas dúas últimas elaboradas por Juan Luis Blanco).

Hoxe, no centenario no nacemento da primeira «Hirmandá de Amigo da Fala» na Coruña, aproveito para adiantar a miña colaboración nese «Álbum das Irmandades da Fala».

GONZALO LÓPEZ ABENTE, O POETA DO MAR

Resumo:

Biobliografía de Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963), coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala.

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa en carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): “… un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”. Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.

Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: “ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893”, e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.

Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.

Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da “Bibrioteca Galeguista” das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.

En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sé da Fundación López Abente, e que di: “Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919”. Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais, uníndose á acta de constitución da “Hirmandá de Amigos da Fala” (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa á bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os “irmáns galeguistas” que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: “O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos «Escumas da Riveira» e «Alento de Raza»” («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).

Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada “Comedia en dous pasos”, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do “Cadro de Declamación” das Irmandades da Fala da Coruña.

Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: “O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio”.

Vicente Risco en 1928 facía este retrato: “É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar”.

Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930) e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, do 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elexido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elexida por aclamación.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando aos seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936.

A sublevación militar contra o goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).

O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe “Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940”. O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.

López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971 a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do malecón, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda “Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971”. Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.

Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011 naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Mai 18 2016

Artigo en QPC (IV): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)»

ManuelMaríaOCouto1993b
ManuelMaríaOCouto1993(2)
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Máis unha vez reproduzo deseguida a nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, a primeira parte dun longo artigo que desta volta intitulei «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)» e que tamén xa se pode ler nesta ligazón.

«A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)

É de estrañar que, malia a manifesta fascinación abentiana da que falamos na anterior entrega, Manuel María non viaxou até a Costa da Morte até o verán de 1980, dezasete anos despois, como confesa no artigo «Viaxe a Fisterra», asinado co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova e publicado no semanario A Nosa Terra, nº 126. 3/X/1980, na sección «Andando a Terra», na que colaborou toda unha década, desde o seu nacemento nos derradeiros días do setenta e sete e até o ano oitente e sete.

Foi unha longa viaxe pola costa, pois Saleta e Manuel viñan de visitar en Noia ao poeta Avilés de Taramancos na súa taberna e pasaron pola Serra de Outes, terra do poeta Francisco Añón, por Muros, Carnota, a fervenza do Ézaro (Dumbría), Cee e Corcubión, antes de chegaren ao solpor fisterrán. A descrición que fai destas terras é breve, mais sorprendente. Velaquí os tres derradeiros parágrafos do artigo:

«Non imos falar do viaxe de Noia a Fisterra. Unicamente decir que en Outes pódese ollar un busto que a Real Academia Gallega lle adicou ó poeta Añón, coa adicatoria en español. Que contempramos ó noso xeito o hórreo de Carnota que, como todo o mundo sabe, é o meirande de Galicia. Que intentamos ollar a desembocadura do Xallas, o río cantado por Pondal. Sabíamos que desembocaba facendo unha breixa ou fervenza, que en castelán lle chaman «catarata». Non poidemos ver nada. O único que se pode ollar é a canle do río, cun fío de auga, que non move nin a un muíño de talas, dos que facíamos cando eramos nenos pra poñer nos regos. En Cee as chimeneas da fábrica de carburos, meten medo.

Fisterra estaba chea de catalás. Lembrámonos da vella ermida de San Guillermo e dos ritos que alí se facín pra fecundar as mulleres que non tiñan familia. E tamén da Ara Solis, das lexiós romanas e de Borrow, que tan curiosas páxinas deixou sobre o lugar. Cousas estas que se poden lér en calqueira guía que se precie. Chamounos moito a atención ver a tódalas mulleres maduras e as vellas vestir de mouro. E as rapazas vestir de branco.

Voltamos a Santiago de Compostela pola estrada de Brens a Santa Comba. Todas estas terras, que non nos cansamos de contemprar, son como a poesía de Pondal. Ou a poesía de Pondal é como estas terras. Non o saberíamos con xusteza e si nos perguntan meteríamos nun apuro grande. Pra un chairego de nación, como este servidor que o é, estas paisaxes, grandiosas, sobrias e pedregosas, teñen un engado especial que ún non sabe esplicar ben».

Porén, a viaxe debeu deixar un pouso ben profundo e dous anos despois Manuel María publica o volume Versos do lume e do vaga-lume (Ourense: Galiza Editora, 1982), con dous poemas inspirados en lugares da Costa da Morte, «Dólmen de Dombate» (páxina 17) e «Fisterra» (páxina 20), alén das referencias ao Cristo de Fisterra e á muxiá Virxe da Barca que aparecen nos versos do poema «O Xistral» (páxina 14).

«Fisterra» recolle sen dúbida o solpor que puido ollar na viaxe referida nun fermoso poema que poetiza a fraxilidade da existencia, un sentimento ben comprensible na contemplación silenciosa da inmensidade oceánica. Cómpre lembrar que até entón Manuel María só visitara o mar como temática nas súas obras Mar maior (1963) e Versos florecidos en louvanza de Foz (1967), localidade á que acudía con asiduidade malia que como sinala nos seus artigos e como lembran moitas das súas amizades adoitaba estar afastado, na beira, e mesmo hai quen o lembra con traxe de verán nos areais focegos. E de resto, a presenza do mar é anecdótica na súa obra, aínda que teña un excelente poema sobre a dorna e algún outro sobre o oficio dos mariñeiros.

Así e todo, a Costa da Morte e os seus principais poetas tampouco podían estar ausentes no texto da súa conferencia A presencia do mar na poesía galega, separata da Revista Internacional de los Estudios Vascos, ano 39, tomo XXXVI, nº 2 (1991). Donostia: Editorial Eusko Ikaskuntza, S.A., xullo-decembro, 1991, pp. 313-338.

Rosalía de Castro e os seus coñecidos versos sobre a romaría da Barca de Muxía, unha ampla escolla de versos pondalianos e, novamente, as referencias a Centileos nas ondas de Gonzalo López Abente integran o corpus que Manuel María utiliza na súa asisada e documentada disertación.

O 16 maio de 1993 prodúcese outro dos acontecementos que máis achegou a Manuel María ao territorio da Costa da Morte ao ser escollido como o primeiro poeta en ser homenaxeado pola activa asociación cultural e veciñal O Couto, desta parroquia da Ponteceso. Nesa data descobre a primeira das placas, realizada polo escultor Anxo Cousillas, con nome de escritor que desde aquela e de xeito anual foron colocadas na Casa dos Veciños. Alén do seu discurso e da súa recitación, estivo acompañado por Xosé Agrelo Hermo que dirixiu unha peza teatral da súa autoría e polo cantautor Suso Vaamonde que interpretou varios poemas do disco que en 1978 realizou sobre os Soños na gaiola (1968), aínda que no acto os exemplares do libro pertencían á 8ª edición (Xerais, 1992) pois antes houbo outras noutros selos editoriais.

(continuará)

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (IV): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)»

Mai 16 2016

«Contemplación do solpor en Fisterra». Homenaxe a Manuel María

Published by under Efemérides,Poesía

ManuelMaríaVersosdolume
ManuelMaríaCompendio
ManuelMaríaSonetos
(Portadas dos tres libros de Manuel María citados. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

A pedimento do escritor José Estévez López, compilador dun volume poético de homenaxe a Manuel María que xa está no prelo, en novembro do pasado ano escribín o soneto, até hoxe inédito, «Contemplación do solpor en Fisterra», que cumpría coa obriga de estar inspirado ou motivado por uns versos de Manuel María.

O meu soneto dialoga co poema «Fisterra» do seu libro Versos do lume e o vagalume (1ª ed: Galiza Editora, Ourense, 1982, portada e ilustracións de Joám Guisán Seixas; 2ª ed. testamentaria: Obra poética completa II (1981-2000), Edicións Espiral Maior, col. Ópera Prima, A Coruña, 2001), mais implicitamente tamén se dialoga con outros dous libros da súa autoría: Compendio de orballos e incertezas (1ª ed: Edicións El Correo Gallego, Santiago de Compostela, 1991, ilustracións de Xurxo Fernández) e os Sonetos á casa de Hortas (1ª ed: Edicións Espiral Maior, col. A Illa Verde, nº 29, A Coruña, 1997, limiar do propio Manuel María).

Velaquí ese diálogo poético:

Cheguei a Fisterra, alí onde
o sol desmaiado e silandeiro
morre no mar como unha bágoa.

«Fisterra», Versos do lume e o vagalume.

Obra Poética Completa, II (1981-2000)

Manuel María

CONTEMPLACIÓN DO SOLPOR EN FISTERRA

Chegaches a Fisterra, para ollares nas portas
do mar da costa brava como morre o Solpor.
E foi na decadencia do seu vello esplendor
onde apareceu lonxe, ben lonxe a casa de Hortas.

E a vida, labirinto que se enche de retortas,
transcorreu ben ás présas, ferida no fulgor,
tal vítima indefensa de animal predador
ou auga que un muíño remansa nas comportas.

Chegaches a Fisterra, fin deste mundo noso,
estrema dun camiño de medieval romeiro,
con escura incerteza no fondo do teu ser.

Con ollos no horizonte fermoso e misterioso
no verso interrogaches que hai de verdadeiro
no ceo ou no inferno para Nós comprender.

Comentarios desactivados en «Contemplación do solpor en Fisterra». Homenaxe a Manuel María

Mai 15 2016

Día de premios para a poesía da Costa da Morte: Parabéns, María Lado e Modesto Fraga

Published by under Poesía,Premios

MaríaLado
ModestoFraga01
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

A xornada de onte, 15 de maio, foi memorable para a poesía da Costa da Morte, pois dous membros do extinto Batallón Literario da Costa da Morte, María Lado e Modesto Fraga, recolleron cadanseu galardón ou premio.

A primeira hora da tarde un chío na súa conta de twitter do crítico literario Armando Requeixo facía chegarnos a nova de que se dera a coñecer o fallo do XIX Premio de poesía Concello de Carral e o gañador foi o poeta fisterrán Modesto Fraga coa obra intitulada Devalar sen pel, da que o xurado salientou «que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos». Cando lle escribín unha mensaxe de parabéns ao amigo Modesto Fraga, contestoume que «desta volta se convertera en suxeito feminino para, dese xeito homenaxera a poesía das mulleres. Intertextualidade poética». Devalar sen pel será publicado por Espiral Maior e o seu autor recibirá 2500 euros.

E á tardiña acudín ao Teatro Principal de Santiago de Compostela, que acollía a celebración gozosa da I Gala do Libro Galego, conducida polo crítico teatral e escritor Camilo Franco e organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega dos Editores (AGE) e da Federación de Librarías de Galicia, nunha convocatoria que sumaba a anterior dispersión dos premios que dende hai anos mantiñan por separado cada unha destas entidades.

Nesta I Gala do Libro Galego foron entregados un total de 14 premios, unha escultura de Francisco Pazos, e o derradeiro premio da noite foi para a amiga e poeta ceesa María Lado, na modalidade de poesía co seu oso, mamá, si? (Xerais) e que foi recollido polo editor Manuel Bragado, pois María Lado marchara a fume de carozo para unha actuación do dúo Aldaolado.

Curiosamente falei un bocado con ela á entrada do teatro sobre a súa condición de finalista e sobre a súa próxima maternidade e mesmo fixémonos unha fotografía xunto ao editor e escritor Fran Alonso, sen sabermos nesa altura que o seu marabilloso libro obtivera o galardón.

Moitos parabéns a María Lado e a Modesto Fraga, dos nosos, da Costa da Morte, do Batallón Literario.

Comentarios desactivados en Día de premios para a poesía da Costa da Morte: Parabéns, María Lado e Modesto Fraga

Next »