Mar 22 2016

Na memoria de Antón Avilés de Taramancos a lectura do seu poema «Na outra banda do mar»

Published by at 19:33 under Efemérides,Gravacións,Poesía

Nas horas que van do día 22 ao 23 de marzo de 1992 falecía na cidade coruñesa o poeta Antón Avilés de Taramancos e na súa memoria recobro o video elaborado pola AELG na súa primeira serie de gravacións a autoras e autores que tiñamos que ler nun primeiro video obra propia e noutro reivindicar a alguén. Sen o dubidar escollín o poema de Antón Avilés de Taramancos intitulado «Na outra banda do mar» do apartado «O cántico das naves: elexías do mar» do libro As torres no ar (1989). A gravación, que tamén se pode escoitar de viva voz nesta ligazón, realizouse ao final do 2007 na Igrexa de Santo Domingos de Bonaval, aínda que na canle da AELG en youtube foi cargado o 11 de decembro de 2008.

Na outra banda do mar constrúen o navío:
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construír a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.
Que cando no remate ergan a vela, e a enxarcia
tremole vagarosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón.

Antón Avilés de TaramancosAs torres no ar, 1989. Citamos pola versión publicada en Obra poética completa (Espiral maior, col. Opera Omnia, 2003).

Tamén relembro máis unha vez, como xa narrei aquí, a importancia do poeta Antón Avilés de Taramancos na miña obra literaria e como a primeira lectura pública foi ao seu carón. Do 14 ao 17 de xullo do 1988, celebrouse a I Feira do Libro de Cee na Praza da Constitución, coñecida popularmente como “A Alameda”. Pois ben, o primeiro día, xoves 14, ás sete da tarde, tivo lugar a presentación do libro Do Courel a Compostela de Uxío Novoneyra, que foi presentado polo poeta noiés tamén desaparecido Antón Avilés de Taramancos. Ao remate seguiu un recital poético no que participaron os dous autores citados, Xavier SeoaneMiguel-Anxo Fernán Vello e “o grupo de xóvenes poetas ceenses Un Medio”, tal e como se sinala no programa. Por volta do ano 1986 un grupo de sete mozos “letraferidos” (ou amantes da literatura) constituíramos o colectivo de poesía Un Medio e publicamos nos anos seguintes dous cartafoles en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Arturo Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo.

Ao chorado Antón Avilés de Taramancos tamén consagrei varias críticas e estudos literarios:

«Un libro anti V Centenário. Nova crónica das Indias de Antón Avilés de Taramancos», A Nosa Terra, 5 abril de 1990.

«Poesia de oficio. As torres no ar», A Nosa Terra, 7 xuño 1990.

«O herdo dun Poeta. Última fuxida a Harar, Antón Avilés de Taramancos», A Nosa Terra, 18 febreiro 1993.

«Última fuxida a Harar: a palabra do Poeta en herdanza», Dorna. Expresión Poética Galega 29. USC, 2003. pp. 83-92.

«Última fuxida a Harar: a palabra do Poeta en herdanza», en Veiga, Martín, coord., Raiceiras e vento. A obra poética de Antón Avilés de Taramancos. Santiago de Compostela: Laiovento, 2003. pp. 108-19).

Comentarios desactivados en Na memoria de Antón Avilés de Taramancos a lectura do seu poema «Na outra banda do mar»

Comments are closed at this time.