Feb 24 2016

#mobilizaRosalía No libro-cd De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

DiarioCultural24-05-2013
(Imaxe tirada do facebook do Diario Cultural)

Ana Romaní, poeta e directora do programa Diario Cultural da Radio Galega, argallou por volta de 2013 un proxecto para sumármonos á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e colaborarmos co proxecto de emisións poéticas De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Seculo XXI.

O proxecto concretouse na reescrita dos 36 poemas de Cantares Gallegos. As e os poetas tivemos que escoller un dos 36 poemas do libro auroral de Rosalía de Castro (que aínda non estivese a ser versionado) e escribir o noso propio poema, procurando «un diálogo poético que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro».

Hai hoxe un ano, nesta mesma data, na Fundación Rosalía de Castro realizouse a presentación do proxecto de edición da antoloxía sonora e textual De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que asumiu a propia Fundación en colaboración coa Radio Galega.

Unha presentación do presidente da Fundación Rosalía de Castro, o tamén poeta Anxo Angueira, e unha introdución dos tamén poetas e xornalistas Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias preludia a escolma. Por orde de aparición no volume están as (re)escritas da autoría de Oriana Méndez, María Lado, Olalla Cociña, María Reimondez, Xabier Cordal, Román Raña, María Xosé Queizán, Xulio L. Valcárcel, Manuel Darriba, Cesáreo Sánchez, Xabier Queipo, Antía Otero, Luís González Tosar, Claudio Rodríguez Fer, Elvira Ribeiro, Helena Villar Janeiro, Celso Fernández Sanmartín, Eva Veiga, Eduardo Estévez, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Dores Tembrás, Miro Villar, Gonzalo Hermo, Marta Dacosta, Susana Aríns, Lino Braxe, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Marga Doval, Marilar Aleixandre, Claudio Pato e Luz Pozo, con separata que inclúe o poema de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Antes, o Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe a poeta Ana Romaní, foi emitindo todos os textos do proxecto De Cantares Hoxe. O da miña autoría que parafrasea o poema «Que ten o mozo?» de Rosalía de Castro (Cantares Gallegos, 27), pódese escoitar nas seguintes ligazóns:

http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-24-05-2013-592826

http://www.crtvg.es/rg/destacados/etiqueta/cantares-gallegos

Tamén está aquí:

https://www.facebook.com/diariocultural

E aquí o programa enteiro:

http://www.crtvg.es/rg/a-carta/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-24-05-2013-592822

Deseguida ofrezo, máis unha vez, o texto do poema de Rosalía de Castro e a miña paráfrase poética.

Que ten o mozo?

I

¿Que ten o mozo?
¡Ai!, ¿que terá?
Ponme agora unha cara de inverno,
despois na fiada, ¡sonrisas de tal!
Quer que baile con el no muíño,
i aló pola vila nin fala quisais.
¿Que ten o mozo?
Pois… ¿que terá?
Unhas veces, canciño de cego,
por onde eu andare seguíndome vai;
nin hai sitio donde eu non atope
un Bras con cirolas i os zocos na man
¡Ai, que mociño!
¡Ai, que rapaz!
Noutro instante, ¡mirá que fachenda!:
atruxos que asombran ó mesmo lugar.
¡¡¡Brr!!!, que parece que pasa soberbo,
mandando nos homes su real maxestá.
Mociño, ¿es tolo?
¡Ai!, ¿si o serás?
Eu non podo entender, meu amore,
que airiños te levan, que airiños te trán,
nin tampouco cal xeito te cadra,
tratándose, mozo, do teu namorar.
¡Ai! ¡Dios me libre
de ti, bon Bras!
Que no meu entender te acomparo
ó mesiño de marzo marzal:
pola mañán, cariña de rosas,
pola tarde, cara de can.
¡Mala xuntanza
facemos! ¡¡Ai!!

II

¿Que di a meiguiña,
que di a traidora?
Corazón que enloitado te crubes
cos negros desprezos que a falsa che dona,
¿por que vives sofrindo por ela?
¿por que, namorado, de pena saloucas?
Si ela é bonita,
ela é traidora.
Di, con mengua de min, que non sabe
que airiños me viran, veleta mal posta…
Que cho digan, rapaza, os teus ollos,
que agora me chaman, dempois me desbotan.
Que anque es bonita,
eres traidora.
Si unhas veces amante che falo,
e si outras renego de ti…, ¡pecadora!
¿cales auguas repousan serenas,
si o vento que as manda rebole antre as ondas?
E ti ben sabes
que es revoltosa.
Son canciño de cego en quererte…:
tal bulra merece quen ama sin conta,
pois cos zocos na man ou sin eles,
ás portas do inferno seguíndote fora.
Tal estou tolo,
tal es graciosa.
¡Que de marzo marzal teño a cara…!
Quisais que así sea, mais ti, miña xoia,
tamén es cal raiola de marzo,
que agora descrube, que agora se entolda.
Iguales semos,
nena fermosa

PARÁFRASE DO POEMA QUE TEN O MOZO?

(Rosalía de Castro: Cantares Gallegos, 27)

Marzo, marzal:
pola mañán, cariña de rosas,
pola tarde, cara de can.

FALA ELA (desde o seu desasosego):

O teu rostro de inverno ora empardece,
ora de primavera xa alborece,
abala entre a fachenda e o amor cego.
Dáme a mesma dozura que che entrego,
non haberá ningún tece e destece
da que cose entre bágoas e entristece.
Ben se entende a nacenza do meu prego.

E FALA EL (desde a súa incomprensión):

Todo en ti ten beleza e fermosura
e anéganme mareas de amargura.
O teu silencio sábeme a traizón,
devezo a túa voz, morno aloumiño,
onda min a acalmar o remuíño.

Miro Villar, abril do 2013

Comentarios desactivados en #mobilizaRosalía No libro-cd De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

Comments are closed at this time.