Archive for Febreiro, 2016

Feb 27 2016

«Antón Vilar Ponte», un soneto de Antón Zapata García

AntónVillarPonteporLuísSeoane
(Antón Vilar Ponte, por Luís Seoane. Reproduzo o debuxo que ilustra o artigo «Os derradeiros días de Antón Vilar Ponte (I)», de Emilio X. Ínsua. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Hai 70 anos o poeta laxense Antón Zapata García publicaba o soneto «Antón Vilar Ponte» en A Nosa Terra, nº 445, febreiro de 1946, voceiro da Irmandade Galega de Bos Aires. A intencionalidade da orixe deste texto debería explicarse porque no mes de marzo íase facer o décimo aniversario do pasamento do galeguista, finado n’A Coruña en marzo de 1936 e que fora director do anterior Boletín decenal A Nosa Terra, que levaba o significativo subtítulo de “Idearium das Irmandades da Fala en Galicia e nas colonias galegas d’América e Portugal” e que fora interrompido polo franquismo, o que obrigou a retomar a cabeceira no exilio bonaerense por volta de 1942.

Cómpre lembrar que xa moito antes, en xaneiro de 1927, Antón Zapata García é un dos máis de sesenta galegos na Arxentina que contribúen, por iniciativa do secretario xeral da Federación de Sociedades Gallegas, Pedro Campos Couceiro, a pagar unha multa de cincocentas pesetas que unha resolución do Directorio militar de Primo de Rivera impuxera a Antón Villar Ponte por un artigo que este publicara na Habana criticando o réxime que usurpaba o poder democrático en España. Ademais do noso poeta, tamén figuran entre os doantes Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Julio Sigüenza, Ramiro Isla Couto e moitos outros. Sobre este asunto xa escribín nesta anotación: «No 70 aniversario dunha multa a Antón Villar Ponte e da solidariedade dos emigrados».

Tal e como explicamos polo miúdo no volume intitulado Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009), o poeta laxense emigrado desde moi novo na Arxentina amosou o seu compromiso radical coa loita republicana e galeguista, por iso non é de estrañar que escribe este panexírico en lembranza de Antón Villar Ponte, no que despois de glosar as cualidades do dirixente federal e galeguista, fai alusión á traizón no primeiro dos tercetos:

ANTÓN VILAR PONTE

FOI un rexo fidalgo sin máis armas que a pruma
pra brandel-a no dreito de unha Patria irredenta,
¡unha Patria que loita pra integrarse na suma
dos seus bens, ¡seus bens propios!, sin tutora oprobenta!

N-os máis cultos xornaes, sin trocanza noxenta,
acotío escribía co-a palabra que encuma:
pol-o ben de GALIZA, un decir que aquerenta,
¡contra o mal dos protervos, un ORZÁN feito escuma!

Eisí foi xalonando seu vivir aquel ceibe
que xamáis maxinara que a traizón máis aleive,
n-unha “Terra de Pas”, se cebase algún día…;

mais o nobre poeta sempre vío unha Aurora
sobre a “Terra Irredenta”, sobre a “Terra que Chora”:
¡Nosa Terra que pronto chorará de alegría!

(Especial para “A NOSA TERRA”)

Comentarios desactivados en «Antón Vilar Ponte», un soneto de Antón Zapata García

Feb 26 2016

Adeus a David Mackenzie, da Universidade de Cork, correspondente da RAG



(Arturo Casas, David MacKenzie, Martín Veiga e Clodio González Pérez falan de Escribir na multitude. A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

As dúas imaxes superiores, que fixen con dispositivo móbil, lembran a derradeira vez que puiden falar co profesor David Mackenzie, da Universidade de Cork, correspondente da RAG. Aconteceu o 30 de outubro de 2014, na presentación na Libraría Couceiro da obra de Escribir na multitude. A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos, da autoría do meu caro amigo e poeta noiés Martín Veiga, quen durante moitos anos foi lector de galego na Universidade de Cork, onde aínda hoxe dispensa aulas de español. Nese lanzamento estivo acompañado polos profesores Arturo Casas, da USC, e David MacKenzie, así como Clodio González Pérez en representación de Toxosoutos, editora do volume.

Hoxe que se nos fai para sempre David MacKenzie, e aínda que o tratei ben pouco, teño que salientar a súa bonhomía, a súa xenerosidade e a súa entrega á causa da nosa lingua, que falaba con absoluta corrección, e da nosa literatura galega, que coñecía máis que moitas e moitos filólogos de aquí.

Vén á miña memoria cando o coñecín persoalmente, aínda que xa sabía da súa persoa e do seu bo facer. Foi por volta de 2002 na celebración daquelas magníficas xornadas de estudo sobre a obra de Antón Avilés de Taramancos nas que participei, xunto a outros especialistas, organizadas na cidade irlandesa de Cork, na súa University College, polo profesor David Mackenzie e o poeta noiés Martín Veiga, daquela lector de galego e que foi o meu compañeiro de aulas en Filoloxía.

Uns meses despois saíu o volume Raiceiras e vento. A obra poética de Antón Avilés de Taramancos (Laiovento, 2003), coordinado por Martín Veiga, que alén da súa propia contribución inclúe outras análises literarias que levan a sinatura de Luís Avilés Baquero, María do Cebreiro, Xosé María Álvarez Cáccamo, David Pérez Iglesias e eu mesmo. O volume engade unha escolma de creacións poéticas de Antón Avilés de Taramancos, coa súa traducción ó inglés; e culmina cos textos nos que seis poetas de Irlanda quixeron reflectir a impresión que lles produxo a obra do protagonista das Letras Galegas do 2003. Precisamente, o finado David Mackenzie, responsabilizouse xunto a Martín Veiga das traducións ao inglés.

Que a terra che sexa leve, caro David Mackenzie!

Comentarios desactivados en Adeus a David Mackenzie, da Universidade de Cork, correspondente da RAG

Feb 26 2016

Efeméride: No 130 aniversario do poeta Antón Zapata García

AlmanaquedasIrmandades
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

«O Almanaque das Irmandades», que puxeron en andamento a coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), na súa efeméride de hoxe lembra o poeta que foi obxecto de estudo na miña Tese de Doutoramento e sinala:

«O 26 de febreiro de 1886 nace en Laxe o poeta Antón Zapata García. Moi novo emigra a Arxentina e participa nas actividades da colectividade galega. Colaborou en distintas revistas como “El Eco de Teo”, “Suevia” ou “La Voz de Galicia” e tivo un papel destacado dentro da Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión, chegando a dirixir a súa publicación “Alborada”, e na “Sociedade Nacionalista Pondal”. En maio de 1929 crea a Institución Cultural Gallega, protectora do Seminario de Estudos Galegos».

O traballo académico da miña Tese de Doutoramento de 1600 páxinas, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, pódese ler de balde no repositorio dixital poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas á fronte seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). E tamén estaba dispoñibilizado para quen tiver interese pola propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado que se pode consultar nesta ligazón, e aínda tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder nese buscador.

Deixando á parte a análise da súa obra, as páxinas sobre a súa vida e sobre o seu compromiso moi activo coa causa republicana deron lugar ao volume intitulado Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009).

Nun e noutro traballo recollo os datos sobre o seu nacemento que agora reproduzo:

I.2.1.1. Os anos da infancia e da mocidade en Laxe

Antón Zapata García naceu na parroquia de Santa María da Atalaia da mariñeira vila de Laxe (A Coruña) o día 26 de febrero de 1886, onde foi inscrito co nome de pía de Antonio Laureano, segundo consta na acta de nacemento que se conserva no Rexistro Civil da devandita localidade e da que reproducimos os datos máis significativos:

(…) compareció D. Antonio Zapata Barbeito, natural de Sarandones, término municipal de Abegondo, provincia de La Coruña, mayor de edad, casado, Sargento de Carabineros de esta Comandancia de La Coruña, estacionado en esta villa, y habitante en la casa número diez de la Calle del Sol, presentando con obgeto de que se inscriba en el Registro Civil, un niño, y al efecto como padre declara.
Que dicho niño nació en la casa del declarante á las tres de la tarde del día veinte y seis del corriente mes.
Que es hijo legítimo del referido declarante y de su muger, Dª María Josefa García Moreira, natural de la villa y término municipal de Camariñas en dicha provincia, mayor de edad, dedicada á las ocupaciones propias de su sexo y domiciliada en el de su marido.
Que es nieto por linea paterna de Domingo Zapata Conte y María Barbeito Fariña, naturales de la citada Sarandones, propietarios difuntos y domiciliados que estuvieron en ella, y por la linea materna de José García Pondal, natural de esta villa y de María Moreira Alvarez, natural de San Mamed de Sarces en este término, mayores de edad, propietarios y domiciliados en Camariñas.
Y que al expresado niño se le han puesto los nombres de Antonio Laureano.

Tan só un día despois, o 27 de febreiro, Antón Zapata recibe o bautismo, segundo consta na partida que figura no Folio 169 do libro 6º de Bautismos da parroquia de Laxe, da que tamén extractamos os datos de maior interese:

En la Iglesia de Santa Maria de la Atalaya de la Villa de Lage a veintisiete de febrero de mil ochocientos ochenta y seis, distrito municipal de Lage, provincia de Coruña, Yo, D. Luis Pose, Coadjutor de la dicha y Santa Maria de Serantes, su anejo, con espresa licencia del actual Párroco de la misma, Bauticé solemnemente, puse los Santos oleos y de nombres ANTONIO LAUREANO a un niño, nacido a las tres de la tarde del dia anterior, hijo legitimo de Antonio Zapata, Sargento de carabineros, natural de Santa Maria de Sarandones, Ayuntamiento de Abegondo y Maria Josefa Garcia, natural de Camariñas. Abuelos paternos Domingo Zapata y Maria Barbeito, difuntos, naturales y vecinos del espresado Sarandones; maternos José Garcia, natural de Lage y Maria Moreira natural y ambos vecinos de Camariñas; fueron padrinos Laureano Carril y Ventura Vidal.

Así pois, os Zapata procedían das mariñas betanceiras, da parróquia de Sarandóns (Abegondo), e moi perto do solar dos Marqueses de Figueroa onde se asenta a centenaria torre que deu nome ao marquesado, segundo sinala Torres Regueiro [1990: 22].

O propio poeta fala das orixes nun texto inédito que acompaña a primeira carta que lle escribe a Xosé Filgueira Valverde, quen na altura estaba a preparar unha Escolma da Lírica Galega para o Seminario de Estudos Galegos (SEG), proxecto fanado pola guerra civil, carta que vai acompañada dunha (Auto)Poética, unha reflexión sobre a «Lenguaxe», unha Bibliografía e unha ampla selección dos seus poemas, ademais da seguinte Biografía:

Ascendencia

Bisabós paternos: Manoel Zapata (aragonés) e Dominga Ponte (coruñesa). Formaron o seu fogar na aldea de Sarandóns (Abegondo). Alí morreron.-
Bisabós maternos: Francisco García Losada, de Laxe, e Xoana Pondal Frois, do Couto (Ponteceso). Viviron e morreron en Laxe.-
Abós paternos: Domingo Zapata Ponte, de Sarandóns, e María Barbeito Fariña, de Betanzos. Viviron e morrreron en Sarandóns.-
Abós maternos: Xosé García Pondal, de Laxe, e María Moreira Álvarez, do lugar de Mórdomo, do mesmo ayuntamento. Viviron e morreron en Camariñas.-
Pais: Mari-Pepa García Moreira, de Camariñas, e Antón Zapata Barbeito, de Sarandóns. Viviron e morreron en Laxe.-
Nacimento: Nacín na vila de Laxe o 26 de Febreiro de 1886.-
Residín, ademáis, do lugar nadal, na vila de Camariñas (n-ésta, pouco tempo), deica ôs 16 anos e pico, edade na que vîn pra Bôs Ars (Arxentina), cidá na que resido dende o ano 1903, mes de Setembro.-
Chámame, cada ves máis, a terra nativa, e, singularesmente, Laxe, na câl penso pasar o resto da miña vida, sintindo os latexos da natureza nos seus máis ben queridos fillos: a terra e o mar galegos.-

Tamén a súa obra poética publicada dá conta das súas orixes, como sucede no seu poema Sarandóns, onde ademais menciona que o seu bisavó era aragonés e que viñera a Galicia para casar coa súa bisavoa, vivindo primeiro no Portazgo (Culleredo), logo en San Tirso de Mabegondo (Abegondo) e finalmente en Sarandóns (Abegondo), lugares todos da comarca brigantina. O poeta lembra estes espazos xeográficos por terlle oído a seu pai falar moito deles, pois tamén recoñece que nunca puido visitar estas terras e que espera poder facelo no seu regreso á Terra, situación que, como veremos máis tarde, nunca se produciría.

SARANDÓNS, boa terra,
berce dos meus abós
paternos, n-as Mariñas,
que o Barcés, con amor,
refrexa no seu seo
ao garimoso sôn
que os xungos e espadanas
ceiban cô seu ronzor;
nobre río que leva
—sinxelamente bô—
seus brilantes cristaes
hastr-ô gran corazón
da cibdade da Cruña
pra renderlle os seus dons.

Sarandóns, aldeíña
onde o meu bisabó
fixo niño —deixando
súa rexa Aragón—
c-unha pomba galega
que, sinxel, namoróu,
e de craros pombales
povoaron os dous
o Portazgo e San Tirso,
e máis tí, Sarandóns.

O pai do poeta, Antón Zapata Barbeito, fora transladado a Laxe como sarxento de carabineiros. Casara en tres ocasións [López, 1999: 417], en primeiras nupcias con María Barcia, sen teren descendencia; en segundas con María Josefa García Moreira, que deu á luz seis fillos, tres homes e tres mulleres: Amador, Elena, María, Antonio (o poeta), José e Valentina. Con posterioridade, casaría con María Lema García e terían tres fillos: Manuel, Perfecto e Fernando.

A nai do poeta, María Josefa García Moreira, natural de Camariñas, viña sendo parente do vate Eduardo Pondal, pois era filla de José García Pondal, natural de Laxe, e de María Moreira Álvarez, da parroquia laxense de San Mamede de Sarces. Polo tanto, o noso poeta era neto dun sobriño do vate bergantiñán. De feito, na súa coñecida conferencia «Eduardo Pondal, Sentimento e Libertá da Terra Galega», sinala:

Os que o conoceron na seneitude [A Pondal] —nós, por raís consanguiña, tuvemos esa grande e impagábel sorte—…

Comentarios desactivados en Efeméride: No 130 aniversario do poeta Antón Zapata García

Feb 24 2016

#mobilizaRosalía Os textos da antoloxía Poetas con Rosalía II

RosalíaFragmentoMonumento

E máis atrás no tempo, no ano 2007 fun convidado pola poeta Helena Villar Janeiro, daquela aínda presidenta da Fundación Rosalía de Castro a participar no volume Poetas con Rosalía II, que se rematou de imprentar o 15 de xullo dese ano, no 122 aniversario do pasamento da autora. Neste volume inclúense poemas de Federico García LorcaAvelino Abuín de TembraMarica Campo, o brasileiro Henrique Marques SamynAntía OteroChus PatoVíctor Campio PereiraDaniel SalgadoMarifé Santiago BolañosXosé Vázquez Pintor e a quebequesa Nicole Brossard.

Pola miña banda acheguei dous sonetos de Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) que teñen evidente intertextualidade coa nosa Poeta. No libro levan os títulos “Ecos (II)” e “Saudade (II), que desta volta mudei un pouco. Velaquí:

Bolboretas das poetas

Ana Istarú trouxeches, despois de Iris Zavala,
en flores de palabras, en flores de papel,
que rebentaron antes de acougaren no andel,
debuxando violetas nas paredes da sala.

E María Mariño, dinamitando a fala,
baixou dos taboleiros e abrazou o ronsel
dos versos novos, frescos coma irto caravel
ou delicado encaixe que se garda na tala.

Cos ecos do balbordo descendeu Rosalía
canda Xohana Torres no seu tempo de ría,
e logo Itxaro Borda, Marta Pesarrodona

e outras escritoras, con tal algarabía
que ocuparon os versos da miña poesía
ornando a súa tona de inmerecida sona.

Saudades

Moitos días na ponte do Sarela
vexo partir o río e sei que o Sar
trouxo a voz e a nostalxia do alto mar.
Algúns días eu son, en Compostela,

ese río a querer rachar a trela
que me amarra na pedra e desaugar
reverberando o sol crepuscular
coma se fose o vidro da xanela.

Tamén hai días cálidos, de area
nos pés, nos que contemplo que a marea
devala, regresando. Poderosa

debe ser a chamada que a convoca.
Tamén hai algúns días que me toca
ser marea que volve a ti saudosa.

Miro Villar

Comentarios desactivados en #mobilizaRosalía Os textos da antoloxía Poetas con Rosalía II

Feb 24 2016

#mobilizaRosalía A antoloxía 150 Cantares para Rosalía de Castro en descarga de balde

150Cantares(1)
150Cantares(2)
150Cantares(3)

E tamén hoxe, hai un ano, nesta mesma data de aniversario do natalicio de Rosalía de Castro, viu a luz coordinado polo poeta Suso Díaz un libro colectivo que glosou os seus Cantares Gallegos. O volume converteuse nunha publicación dixital de libre descarga, en formato pdf, que se atopa hospedada na páxina da Fundación Rosalía de Castro. A colectánea está formada por 150 poemas e 151 poetas, 15 ilustracións de 16 artístas plásticos, introducidos por un prefacio de Ramón Nicolás e un limiar de Mercedes Queixas Zas.

Nas imaxes reproduzo a portada da publicación dixital e o meu poema, coa ilustración que o acompaña. E deseguida tamén ofrezo o texto:

A música do badalo de Toba
noites craras de luar,
muíño dos castañares,
campaniñas timbradoras
da igrexiña do lugar…

ROSALÍA DE CASTRO

Já ouvi doze vezes dar a hora
no reloxo da igrexa que hai en Toba,
música de badalo que enche a alcoba
e que estará comigo nesta aurora.

Non entendo o porqué desta demora,
de non saber de ti nin unha nova
mais non hai deste cuarto quen me mova
nin quero espreguizar polo de agora.

Prefiro apodrentar de sede e fame,
só desexo e cobizo un apetito:
ter o teu corpo espido a carón miña.

Retornar de contado ao lento exame
escoitando o tremor máis inaudito,
trabexando con forza cada liña.

Miro Villar

Comentarios desactivados en #mobilizaRosalía A antoloxía 150 Cantares para Rosalía de Castro en descarga de balde

Feb 24 2016

#mobilizaRosalía No libro-cd De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

DiarioCultural24-05-2013
(Imaxe tirada do facebook do Diario Cultural)

Ana Romaní, poeta e directora do programa Diario Cultural da Radio Galega, argallou por volta de 2013 un proxecto para sumármonos á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e colaborarmos co proxecto de emisións poéticas De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Seculo XXI.

O proxecto concretouse na reescrita dos 36 poemas de Cantares Gallegos. As e os poetas tivemos que escoller un dos 36 poemas do libro auroral de Rosalía de Castro (que aínda non estivese a ser versionado) e escribir o noso propio poema, procurando «un diálogo poético que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro».

Hai hoxe un ano, nesta mesma data, na Fundación Rosalía de Castro realizouse a presentación do proxecto de edición da antoloxía sonora e textual De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que asumiu a propia Fundación en colaboración coa Radio Galega.

Unha presentación do presidente da Fundación Rosalía de Castro, o tamén poeta Anxo Angueira, e unha introdución dos tamén poetas e xornalistas Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias preludia a escolma. Por orde de aparición no volume están as (re)escritas da autoría de Oriana Méndez, María Lado, Olalla Cociña, María Reimondez, Xabier Cordal, Román Raña, María Xosé Queizán, Xulio L. Valcárcel, Manuel Darriba, Cesáreo Sánchez, Xabier Queipo, Antía Otero, Luís González Tosar, Claudio Rodríguez Fer, Elvira Ribeiro, Helena Villar Janeiro, Celso Fernández Sanmartín, Eva Veiga, Eduardo Estévez, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Dores Tembrás, Miro Villar, Gonzalo Hermo, Marta Dacosta, Susana Aríns, Lino Braxe, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Marga Doval, Marilar Aleixandre, Claudio Pato e Luz Pozo, con separata que inclúe o poema de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Antes, o Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe a poeta Ana Romaní, foi emitindo todos os textos do proxecto De Cantares Hoxe. O da miña autoría que parafrasea o poema «Que ten o mozo?» de Rosalía de Castro (Cantares Gallegos, 27), pódese escoitar nas seguintes ligazóns:

http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-24-05-2013-592826

http://www.crtvg.es/rg/destacados/etiqueta/cantares-gallegos

Tamén está aquí:

https://www.facebook.com/diariocultural

E aquí o programa enteiro:

http://www.crtvg.es/rg/a-carta/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-24-05-2013-592822

Deseguida ofrezo, máis unha vez, o texto do poema de Rosalía de Castro e a miña paráfrase poética.

Que ten o mozo?

I

¿Que ten o mozo?
¡Ai!, ¿que terá?
Ponme agora unha cara de inverno,
despois na fiada, ¡sonrisas de tal!
Quer que baile con el no muíño,
i aló pola vila nin fala quisais.
¿Que ten o mozo?
Pois… ¿que terá?
Unhas veces, canciño de cego,
por onde eu andare seguíndome vai;
nin hai sitio donde eu non atope
un Bras con cirolas i os zocos na man
¡Ai, que mociño!
¡Ai, que rapaz!
Noutro instante, ¡mirá que fachenda!:
atruxos que asombran ó mesmo lugar.
¡¡¡Brr!!!, que parece que pasa soberbo,
mandando nos homes su real maxestá.
Mociño, ¿es tolo?
¡Ai!, ¿si o serás?
Eu non podo entender, meu amore,
que airiños te levan, que airiños te trán,
nin tampouco cal xeito te cadra,
tratándose, mozo, do teu namorar.
¡Ai! ¡Dios me libre
de ti, bon Bras!
Que no meu entender te acomparo
ó mesiño de marzo marzal:
pola mañán, cariña de rosas,
pola tarde, cara de can.
¡Mala xuntanza
facemos! ¡¡Ai!!

II

¿Que di a meiguiña,
que di a traidora?
Corazón que enloitado te crubes
cos negros desprezos que a falsa che dona,
¿por que vives sofrindo por ela?
¿por que, namorado, de pena saloucas?
Si ela é bonita,
ela é traidora.
Di, con mengua de min, que non sabe
que airiños me viran, veleta mal posta…
Que cho digan, rapaza, os teus ollos,
que agora me chaman, dempois me desbotan.
Que anque es bonita,
eres traidora.
Si unhas veces amante che falo,
e si outras renego de ti…, ¡pecadora!
¿cales auguas repousan serenas,
si o vento que as manda rebole antre as ondas?
E ti ben sabes
que es revoltosa.
Son canciño de cego en quererte…:
tal bulra merece quen ama sin conta,
pois cos zocos na man ou sin eles,
ás portas do inferno seguíndote fora.
Tal estou tolo,
tal es graciosa.
¡Que de marzo marzal teño a cara…!
Quisais que así sea, mais ti, miña xoia,
tamén es cal raiola de marzo,
que agora descrube, que agora se entolda.
Iguales semos,
nena fermosa

PARÁFRASE DO POEMA QUE TEN O MOZO?

(Rosalía de Castro: Cantares Gallegos, 27)

Marzo, marzal:
pola mañán, cariña de rosas,
pola tarde, cara de can.

FALA ELA (desde o seu desasosego):

O teu rostro de inverno ora empardece,
ora de primavera xa alborece,
abala entre a fachenda e o amor cego.
Dáme a mesma dozura que che entrego,
non haberá ningún tece e destece
da que cose entre bágoas e entristece.
Ben se entende a nacenza do meu prego.

E FALA EL (desde a súa incomprensión):

Todo en ti ten beleza e fermosura
e anéganme mareas de amargura.
O teu silencio sábeme a traizón,
devezo a túa voz, morno aloumiño,
onda min a acalmar o remuíño.

Miro Villar, abril do 2013

Comentarios desactivados en #mobilizaRosalía No libro-cd De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

Feb 24 2016

#mobilizaRosalia O poema «Cando penso que te fuches…» (ou «Negra sombra») inspirou o conto rimado A pantasma da casa da Matanza

CapaPantasma
PantasmaCasaMatanza01
PantasmaCasaMatanza02
PantasmaCasaMatanza03
(Reprodución da capa e das primeiras páxinas do libro. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño e posibilitar unha mellor lectura)

O conto rimado da miña autoría A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), con magníficas e suxestivas ilustracións de Xosé Cobas, dialoga co poema «Cando penso que te fuches…», adoito coñecido como «Negra sombra», publicado por Rosalía de Castro no seu segundo libro de poemas na nosa lingua intitulado Follas Novas (1880) e está incluído na súa segunda parte «Do íntimo».

Esta proposta de conto rimado, que no remate tamén reproduce o poema rosaliano, trátase dun texto revisado, como xa se contou aquí, ao se converter nunha edición singular na que sobrancean as ilustracións de Xosé Cobas. Antes tivera unha primeira edición non venal da man da Fundación Rosalía de Castro nun volume colectivo intitulado Quen casa ten de seu, que se rematou de imprimir o 24 de febreiro do 2009, día do 172 aniversario do nacemento da Poeta, cuxas primeiras estrofas reproduzo deseguida:

A PANTASMA DA CASA DA MATANZA

É bo ter unha casa, dixen daquela,
porque é poeta abril
e canda as chuvias, canda as margaridas
chegarán as palabras.

«A casa dos poemas», Nas hedras da clepsidra

HELENA VILLAR JANEIRO

Moito xa se falou de min, malvados
e atravesados foron os comentos;
mais, queiran ou non, andan ben errados.
Estade, meus amigos, ben atentos
e escoitade esta historia ben sentados.

Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
Sonvos como a dozura da almofada.

Coñecín moitos mundos, mais un día
quixen quedar na casa da Matanza,
porque aquí coñecín a Rosalía.
Devezo pola música e a danza
e fascíname o son da poesía.

Co recendo dos figos da figueira
olleina escribir versos nesa fiestra,
aproveitando a luz nesa cadeira.
E lía en alta voz coma unha mestra,
verso a verso, a estrofa toda enteira.

Escoiteina reler os seus Cantares
e os versos repasar de Follas Novas.
Eu corría detrás dos seus andares
na busca de palabras, vía as probas,
collía unhas, deixaba as máis vulgares.

Rosalía aprendeume devagar
os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar,
a esdrúxula restar, pensar bo tema
e nun branco papel todo apuntar.

(…)

Comentarios desactivados en #mobilizaRosalia O poema «Cando penso que te fuches…» (ou «Negra sombra») inspirou o conto rimado A pantasma da casa da Matanza

Feb 23 2016

6 poemas 6, unha homenaxe colectiva á memoria de Federico García Lorca e de Ánxel Casal

6poemas6portada
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Certo desleixo editorial coas autoras e os autores que non puidemos estar nas presentacións até agora realizadas fai que aínda hoxe teña nas mans por vez primeira o volume colectivo 6 poemas 6, unha homenaxe á memoria de Federico García Lorca e de Ánxel Casal (Biblos, 2015), moito despois incluso da súa distribución nas librarías.

6 poemas 6. Homenaxe a García Lorca (Centenario da viaxe a Galicia 1916-2016) descríbese así na lapela: «Esta obra está concibida para conmemorar o centenario da primeira viaxe de Federico García Lorca ao noso país e as felices consecuencias para o seu achegamento á nosa cultura. Tales feitos coinciden co 80 aniversario do seu vil asasinato. (…) Pero este libro é igualmente unha homenaxe ao gran editor galego Ánxel Casal (A Coruña, 17 de decembro de 1895 – Teo, agosto do 36), unido a Lorca non só pola amizade e a edición en Nós de Seis poemas galegos, senón tamén na traxedia do seu vil asasinato».

A xénese da idea e a súa coordinación correspondeu aos poetas Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, quen nos propuxeron a unha serie de poetas glosar os Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Participamos un total de 36 poetas, divididos en seis grupos de seis poetas, de xeito que cada un dos grupos tiña que escribir un poema conxunto (a seis mans ou voces) que estivese inspirado nun dos Seis poemas galegos lorquianos. Alén diso, como contribución persoal, cada poeta tivo que elaborar tamén un poema propio baseado nunha das composicións lorquianas. E finalmente entre os 36 poetas tivemos que elaborar un acróstico para Ánxel Casal.

Daquela, neste volume colectivo reprodúcense os Seis poemas galegos e aparecen 43 poemas novos (36 poemas individuais, 6 colectivos creados en grupos de seis poetas e un acróstico no que participamos todas e todos). A maiores interviron tamén 7 ilustradoras e ilustradores, escollidos por cada un dos seis grupos e a portada da autoría de Xosé Vizoso.

POETAS E ILUSTRADORES/AS:

Madrigal â cibdá de Santiago

1. Helena Villar Janeiro (coordinadora)
2. Marica Campo
3. Francisco X. Fernández Naval
4. F. R. Lavandeira
5. Xesús Rábade Paredes
6. Miro Villar
Nolo Suárez (Ilustración)

Romaxe de nosa Señora da Barca

1. Modesto Fraga Moure (coordinador)
2. Rocío Blanco Formoso
3. Alfredo Ferreiro
4. Alexandre Nerium
5. Emma Pedreira
6. X. H. Rivadulla Corcón
Viki Rivadulla (Ilustración)

Cántiga do neno da tenda

1. Marta Dacosta Alonso (coordinadora)
2. Xosé María Álvarez Cáccamo
3. Ledicia Costas
4. Paco Souto
5. Eva Veiga
6. Rafa Vilar
Alfonso Costa (Ilustración)

Noiturnio do adoescente morto

1. Yolanda Castaño (coordinadora)
2. Lucía Aldao
3. Xiana Arias Rego
4. Olalla Cociña
5. Gonzalo Hermo
6. María Lado
Marita Martín Carmona (Ilustración)

Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta

1. Suso Díaz (coordinador)
2. Miguel Ángel Alonso Diz
3. Xoán Carlos Domínguez Alberte
4. Baldo Ramos
5. Lorena Rei
6. Noelia Rodríguez
Irene Silva Xiráldez (Ilustración)

Danza da lúa en Santiago

1. Lucía Novas (coordinadora)
2. Alba Cid
3. Xosé Daniel Costas Currás
4. Rosa Enríquez
5. Míriam Ferradáns
6. Ismael Ramos
Antón Sobral (Ilustración)

Deseguida reproduzo os textos nos que participei, agás o longo acróstico. O noso grupo tiña que procurar inspiración no «Madrigal â cibdá de Santiago», ilustrado polo pintor Nolo Suárez, e coa coordinación de Helena Villar Janeiro compuxemos este «Madrigal de memoria», a razón de dúas estrofas por poeta.

Madrigal de memoria

Verte a cidade
labios no vento,
óllase nas torres, pousa
voces nos altos espellos.

Son badaladas,
luz de metal
ou faros en mar de pedra,
son de son tinguindo o ar.

Reloxo en soidade,
pedra húmida nas laxas,
sono que trae a lúa,
brétema acampanada.

Unha chuvia de palabras,
flores a precipitar,
tenue voz de clavicordio
na conversa musical.

Hoxe chove en Compostela,
na Quintana o corazón
espreme a doce memoria
que fai revivir o amor.

Paixón e beizo de orballo
boca de granada escura
pingas de seme e saraiba
no branco leito da lúa.

Soma trémulo de amor
cálido berce dun laio
ronsel no ventre da chuvia
saudade do teu engado.

Agóchase o silencio
mentres escoan as primeiras voces.
A cidade non dorme os días santos,
esqueceu os desexos.

Nas lousas permanecen os acrónimos
-un rastro inoportuno-
e de nós nada queda
agás as sombras e os debidos versos.

Dentro da túa pedra hai tanta música
que es un himno e un salmo,
Santiago sombra e cinsa,
laios, rezos, campás, silencios, pasos.

Santiago irá contigo onde ti vaias,
amor, que amor perdura
en seo amante, devoción de náufragos
devecidos de erótica tenrura.

Santiago irá contigo: un serán morno
cando a policromía dos ouros no granito
esvara en prata vella polo corpo das torres
alimentando soños.

E o meu poema individual, tamén inspirado na mesma composición lorquiana, quedou desta maneira:

Chove en Compostela

(Variación lorquiana)

Silencio cenobítico na cela,
que nos fala da vida máis arcana
e do amor como crenza sobrehumana.
Entregamos os corpos con cautela.

A noite escura. Chove en Compostela,
no corazón, na pedra da Quintana.
Conmove a bocanoite lorquiana
a revivir o amor, que se revela

bolinando nun mar que rememora
que tal día coma hoxe fun exordio
e ti proposición como arestora

a se precipitar na tarde adversa
coa túa tenue voz de clavicordio,
en chuvia de palabras, en conversa.

Miro Villar

(Ilustración de Nolo Suárez. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
NoloSuárez-Chegando á praza da música de pedra e auga

Comentarios desactivados en 6 poemas 6, unha homenaxe colectiva á memoria de Federico García Lorca e de Ánxel Casal

Feb 22 2016

Poemas (LXXXV): «El Crimen fue en Granada», de Antonio Machado

Baeza001(2-01-2015)
(A fotografía coa fermosa estatua de Antonio Machado en Baeza, da autoría de Antonio Pérez Almahan en 2009, foi tirada o 2 de xaneiro de 2015 por Mar Cabaneiro. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Tal día coma hoxe morreu no exilio o poeta andaluz Antonio Machado (Sevilla, 26 de xullo de 1875 – Colliure, Francia, 22 de febrero de 1939). Materia de estudo nos meus anos de bacharelato na materia de Literatura Española pola súa pertenza á denominada «Generación del 98» e como un dos mellores representantes do modernismo poético. Se callar naqueles anos, por mor dun profesor de infausto recordo para min por moitas razóns que non veñen ao caso, non cheguei a terlle a querencia que provocou en min a súa lectura posterior. Hai ducias de poemas da súa autoría que me tocan a febra, como se adoita dicir, e entre eles está o que escribiu ao se enteirar do asasinato de Federico García Lorca a mans dos franquistas. Velaquí:

«El Crimen fue en Granada»

1. El crimen

Se le vio, caminando entre fusiles,
por una calle larga,
salir al campo frío,
aún con estrellas de la madrugada.
Mataron a Federico
cuando la luz asomaba.
El pelotón de verdugos
no osó mirarle la cara.
Todos cerraron los ojos;
rezaron: ¡ni Dios te salva!
Muerto cayó Federico
—sangre en la frente y plomo en las entrañas—
… Que fue en Granada el crimen
sabed —¡pobre Granada!—, en su Granada.

2. El poeta y la muerte

Se le vio caminar solo con Ella,
sin miedo a su guadaña.
—Ya el sol en torre y torre, los martillos
en yunque— yunque y yunque de las fraguas.
Hablaba Federico,
requebrando a la muerte. Ella escuchaba.
«Porque ayer en mi verso, compañera,
sonaba el golpe de tus secas palmas,
y diste el hielo a mi cantar, y el filo
a mi tragedia de tu hoz de plata,
te cantaré la carne que no tienes,
los ojos que te faltan,
tus cabellos que el viento sacudía,
los rojos labios donde te besaban…
Hoy como ayer, gitana, muerte mía,
qué bien contigo a solas,
por estos aires de Granada, ¡mi Granada!»

3.

Se le vio caminar…
Labrad, amigos,
de piedra y sueño en el Alhambra,
un túmulo al poeta,
sobre una fuente donde llore el agua,
y eternamente diga:
el crimen fue en Granada, ¡en su Granada!

Antonio Machado
AntonioMachado

Comentarios desactivados en Poemas (LXXXV): «El Crimen fue en Granada», de Antonio Machado

Feb 19 2016

Poemas (LXXXIV): «La tranquilidad es un campo de arena», de Eduardo Chirinos

Published by under Obituarios,Poesía

EduardoChirinos

Antonte 17 de febreiro, aínda novo e vítima dun cancro, foise outro poeta que como lector estimo, o peruano Eduardo Chirinos (Lima 1960 – Missoula, Montana, USA, 2016), autor de libros tan importantes como Abecedario del agua (2000), Breve historia de la música (2001), co que obtivo o Premio Casa de América de Poesía, Escrito en Missoula (2003), No tengo ruiseñores en el pelo (2009), Mientras el lobo está (2010), Premio de Poesía Generación del 27, ou Medicinas para quebrantamientos del halcón (2014), que editou Pre-Textos na súa colección «La Cruz del Sur». Alén diso era autor de contos infantís, ensaísta e tradutor, por exemplo de poetas de renome como os americanos Mark Strand e Louise Glück.

Na revista dixital Vallejo&Co pódese ler unha breve antoloxía, da que reproduzo este magnífico poema que remata coa aparición dunhas «crebas», aínda que Eduardo Chirinos non use ningunha definición para elas: maderos rotos, / moscas sobrevolando el cadáver de un hernioso animal varado / por las aguas.

La tranquilidad es un campo de arena

El mar,
las piedras, algunas gaviotas,
gaviotas blancas, grises, de pico anaranjado,
maderos rotos,
moscas sobrevolando el cadáver de un lobo marino
(hermoso animal varado por las aguas) corrientes aguas, puras,
cristalinas
y una toalla húmeda secando nuestros pies

(“La tranquilidad es un campo de arena”, escribí en la inmensa
soledad de estos parajes.
“Moles de arcilla y concha han resistido al furioso embate de las
aguas, al furioso embate de estas mismas aguas
donde ahora me entristezco y canto.”)

¿Y yo qué he de cantar?
El dulce lamentar del s. XVI en un paraje salino
(rocas peladas y no verduras en las eras);
el triste cantar de dos pastores en las playas del sur
(murmullo solitario de las aguas y no silencio de la selva umbrosa),
idénticos espacios para ejercer el oficio
do natura o menester me inclinan.

“Aves y peces han condicionado sus cuerpos para habitar este lugar.
Aves y peces han evolucionado en el curso de los tiempos
para enterrar por siempre
sus huesos en la arena.”

Es así como la muerte anuncia el nacimiento y vuelven, ambas,
al punto de partida,
y las estaciones y los calendarios no son más que piezas
distintas de un mismo tablero y estas aguas son, amor,
las mismas aguas que vienes observando en algún lugar del
mundo
donde jamás habrás de ver lo que yo veo:

El mar,
las piedras, algunas gaviota?
gaviotas blancas, grises, de pico anaranjado,
maderos rotos,
moscas sobrevolando el cadáver de un hernioso animal varado
por las aguas.

(Ou este fermoso fragmento de Medicinas para quebrantamientos del halcón)

El oleaje abandona los restos del día, los
deposita con cuidado al pie de mi cama.
Se trata de una ofrenda, pero no deseo
levantarme. Me aferro a la almohada, a
los charcos de oscuridad que me protegen.
El oleaje insiste, desliza entre las sábanas
su frío y su silencio. Abandono el sueño
a la mitad, enciendo la luz y consulto el
horóscopo. Aries. La luna penetra solitaria
en el espejo, cuídate de la música, déjate
llevar por aquello que lees. Leo un tratado
de ornitología, una floresta de poemas
griegos, el Libro de la caza de las aves.

Eduardo Chirinos

Comentarios desactivados en Poemas (LXXXIV): «La tranquilidad es un campo de arena», de Eduardo Chirinos

Next »