Dec 02 2015

Memoria Literaria (XIII): «O fusilamento de Miñones en 1936», un artigo de xullo de 1991

Miñones1936(31-07-1991)

O deputado republicano Pepe Miñones (Corcubión, 1 de maio de 1900 – Campo da Rata, A Coruña. 2 de decembro de 1936) foi asasinado tal día coma hoxe o 2 de decembro de 1936. Pouco ou case nada sabía eu da súa biografía cando escribín o artigo que se reproduce na imaxe «O fusilamento de Miñones en 1936», publicado na sección «Terra e Xente» da edición comarcal de La Voz de Galicia o 31 de xullo de 1991. O texto, na normativa de mínimos da AS-PG ou de concordia que eu usaba naquela altura, saudaba a aparición do libro Pepe Miñones, un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro, 1991), do investigador Luís Lamela García, mais daquela aínda non o lera e sen dúbida despois da súa lectura matizaría algunha das súas conclusións.

Foi o primeiro libro de Luís Lamela García ao que me acheguei e desde esa descuberta son devoto lector das súas imprescindibles investigacións, pois é sen dúbida o mellor coñecedor da represión franquista na comarca da Costa da Morte e non só, porque o ámbito dos seus estudos abrangue outras zonas e a outros persoeiros, sempre leais coa causa republicana. Velaí outros títulos seus que considero indispensables nunha biblioteca no eido da investigación histórica: Inmolados Gallegos. Alexandro Bóveda, Víctor Casas, Telmo Bernárdez, Adrio Barreiro… (1993); Crónica de una represión en la Costa da Morte: Cee, Vimianzo, Ponte do Porto, Corcubión, Fisterra, Zas… (1995); Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998) ou 1936, la ‘Cruzada’ en Compostela. La guerra civil y la represión franquista en los documentos policiales y militares (2005), todos eles na colección “Documentos para a Historia Contemporánea de Galiza” da desaparecida Edicións do Castro do chorado e lembrado Isaac Díaz Pardo.

É de xustiza lembrarmos máis unha vez neste novo aniversario do fusilamento de Pepe Miñones que moitos de nós abrimos os ollos á nosa realidade histórica e á memoria republicana da man sempre xenerosa de Luís Lamela García. Saúde!

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (XIII): «O fusilamento de Miñones en 1936», un artigo de xullo de 1991

Comments are closed at this time.