Nov 10 2015

Responso galego ô “Serpent”, de Antón Zapata García

Published by at 14:34 under Efemérides,Historia,Poesía

Programa-Homenaxe-Serpent-2015

Hoxe conmemórase o 125 aniversario do naufraxio do Serpent con actos diversos, porén máis unha vez continúa a ser esquecido o primeiro e máis interesante texto que se escribiu sobre a traxedia marítima da autoría do poeta laxense Antón Zapata García e que máis unha vez reproduzo nesta bitácora.

Trátase dunha magnífica elexía intitulada Responso galego ô “Serpent”, que foi publicada por vez primeira no xornal Galicia, da Federación de Sociedades Gallegas, nº 433, Bos Aires, 15 de setembro de 1935. O texto poético aparece debaixo dunha fotografía co seguinte pé: «Antigo e novo CIMITERIO DOS INGRESES no lugar da Costa Brava chamado “Boi de Camariñas”. No fondo, â dereita, óllase a praia chamada c-ô agoirento nome de “AREA 13”. No mentado cimiterio fican enterrados 400 e pico de gardas-mariños e mariñeiros do Barco-Escola “Serpent”, da armada ingresa, afogados todos n-unha terríbel nuite d-inverno. Alí ficóu a fror e gala dos futuros lobos de mar. Triste destiño dos humáns e da soberba dos grandes…».

Na primeira parte lembra o naufraxio e o feito de que unha escuadra de guerra inglesa saudaba con vinte e un canonazos para lembrar as súas mortes sempre no día de Defuntos, na segunda critica o feito de que xa non aparece nunca unha escuadra inglesa para realizar esa lembranza, e remata sinalando que foron acollidos polos galegos.

Velaquí o poema:

RESPONSO GALEGO Ô “SERPENT”

I

Dende que foi a pique, con nuite borraxenta,
no BOI de CAMARIÑAS, o Barco-Escola ingrés,
no Día de Difuntos, a escoadra medoñenta
de guerra, saüdaba os mortos que alí tên…

Con vint-ún cañonazos, ceibados dende abordo,
â rexa Costa Brava facía tremecer,
o mesmo como cando o Norde, c-ô balbordo
do mar, brúa e rebrúa na Costa do Laxés:

Saúdo d-honoranza ôs catrocentos mozos
que a morte pol-a proa levaban sin-a vêr,
e as poutas das rompentes trocaron en destrozos
co-a saña louquecida d-un tigre bengalés.

II

¡Pasaron muitos anos!: A escoadra n-aparece
pra relembrar os mortos do tráxico “SERPENT”:
¡Os probes afogados non teñen quen lles rece,
pois súas nais morreron!: ¡Nadia lles prega ren!…

Quezáis en ningún libro o laureirado bardo,
—o gran Rudyard Kipling, o anglo-bombayés—,
non se relembre nunca d-éles, no San Medardo,
coma relembra as grorias do podeirío ingrés.

Quezáis, pol-os Arquivos do Gran Almirantazgo
d-Albión, o pô recruba teu nome, ¡ouh, “SERPENT”!
eisí como tampouco as verbas: —¡“Eiquí xazgo”!—
riscáronse nas pedras do BOI camariñés.

Mais, ¡el-o non importa!: Vos fóstedes, mariños,
baixo a gadoupa fera do vento Noroés,
o mesmo que a niñada de probes paxariños
n-unha gayola endébel: ¡O casco do “SERPENT”!

Por eso, non hai culpa: ¡N-hai homes sin reparos!
Non valen os cadrantes: ¡Naides a culpa tên!:
Non alumaba a estrela do Norde, nin os faros!:
¡Deus quixo que morrérades no Santo Mar d-Alem!…

Das gandras irlandesas, no haberés suidade;
tampouco haberés mágoa, das gandras do Morvern:
¡O mesmo dá Galiza, pr-ôs celtas de verdade,
que aquélas nobres terras do noso antergo Celt!

Na terra dos galegos na propia terra estades,
mariños compatrianos de O’Connell e Parnell:
C-ôs nosos afogados, ¡ingreses!, vos chorades,
no Mar dos Silenzosos, as dôres de Gaél.

Da “BARCA” na romaxe —coma no San Patricio
das vosas verdes terras, ouzando ôs “highlanders”—,
os brandos sons da gaita galega, un epinicio,
cantando encol das ondas, vosoutros ouzarés.

(III)

Durmide, fillos d’Anglo: Ficades c-ôs galegos
e acougo vosos corpos por sempre haberán têr:
Das boas nais galegas han rubir os pregos,
pra que, eisimade, as almas acóuguense tamén.

IV

Na Costa Brava dormen os fillos d-Inglaterra,
os mozos que unha nuite marcháronse pr-ô Alem,
que aluman, câl ciriales, os faros de FISTERRA
e do VILAN, fraternos, vertendo seus ronsels…

Tan sô, de nuite, síntense —dende o VILAN de FORA
deica â “Area 13”—, o canto de REQUIEN,
e o triste DE PROFUNDIS do ÁRTABRO mar que chora
diante do cimiterio dos mortos do “SERPENT”!…

(III)* Na poema publicado non aparece esta numeración que o poeta anotou na versión que lle enviou a Filgueira Valverde para o seu proxecto fanado de Antoloxía consultada da poesía galega.

Comentarios desactivados en Responso galego ô “Serpent”, de Antón Zapata García

Comments are closed at this time.