Archive for Novembro, 2015

Nov 30 2015

Xosé Neira Vilas, unha ponte entre poetas cubanos de Holguín e poetas da Costa da Morte

Marpormedio01
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

En decembro de 1988 e en plena efervescencia da actividade do Batallón Literario da Costa da Morte, este colectivo publicou co patrocinio do Concello de Corcubión, polo interese persoal de quen era naquela altura o seu alcalde, o nacionalista Rafael Mouzo Lago, o volume colectivo mar por medio, unha escolma poética de autores da cidade cubana de Holguín e de membros do citado Batallón Literario da Costa da Morte.

O proxecto callara uns meses antes nunha viaxe solidaria argallada polo rexedor e que levou a unha pequena representación do Batallón a realizaren, xunto a outros autores, artistas e músicos de Galicia, unha serie de actos culturais na illa caribeña. Aquela media ducia de poetas do Batallón contactaron con autores da Asociación Hermanos Saíz de Holguín e do encontro naceu a idea de crear un volume colectivo con textos das dúas beiras do Atlántico, un labor que coordinarían Modesto Fraga e Rafa Villar, pola banda galega, e George Riverón, pola parte cubana.

Non houbo dúbida ningunha á hora de escollar ao escritor Xosé Neira Vilas para realizar o prólogo da publicación pola confluencia na súa persoa e na súa obra dunha forte relación galego-cubana. E Neira Vilas, xa na súa terra nativa de Gres e aínda soerguendo o que ía ser a súa Fundación, acolleu con entusiasmo a proposta e escribiu Un abrazo poético (Limiar), primeiro texto que se reproduce ao final desta anotación. E non só iso, despois cando o libro xa foi unha realidade, na súa serie semanal intitulada Crónicas galegas de América, publicada no xornal compostelán El Correo Gallego, dedicoulle o artigo «Poesía das dúas ribeiras», segundo dos textos reproducidos.

O volume mar por medio, con ilustración de portada do cubano Alex Calvo, foi presentado o sábado 2 de xaneiro de 1999 no Auditorio municipal Capela do Pilar, en Corcubión, e consta de trinta e seis poemas, en edición bilingüe (trece de cada beira do atlántico) introducidos polo Limiar de Xosé Neira Vilas, quen non puido estar nesa xornada. A maquetación e o deseño foron da autoría do poeta Eduardo Estévez, que malia non ser membro do Batallón colaborou en moitas das actividade do grupo. No acto de presentación participaron o alcalde da localidade, Rafael Mouzo Lago, así como cinco representantes do Batallón Literario da Costa da Morte: o seu presidente na altura, Alexandre Nerium; o coordinador literario da obra, Rafa Villar, así como Modesto Fraga, María Lado e Suso Bahamonde.

Antecedidos sempre por unha brevísima biobibliografía na obra aparecen primeiro as e os trece poetas da Asociación Hermanos Saíz, afin á UNEAC (Unión Nacional de Escritores/as e Artistas Cubanos): Ronel González Sánchez; George Riverón Pupo; José Luis Serrano; Belkis Méndez Rodríguez; Gabriel Pérez Rodríguez; Elena Guarch Rodríguez; Ernesto Almaguer Alberteris; Maribel Feliú Gómez; Yunior Felipe Figueroa; Roberto Frutos Rojas; Michael Hernández Miranda; José Poveda Cruz e Senén Orlando Pupo. E deseguida en orde alfabética as e os trece poetas do Batallón Literario da Costa da Morte: Marilar Aleixandre; Suso Bahamonde; David Creus; Estevo Creus; Modesto Fraga Moure; Mónica Góñez; María Lado, Tomás B. Lijó Marcote; Abel Mendes Bujeiro; Alexandre Nerium; Xavier Rodrigues Fidalgo; Miro Villar e Rafa Villar.

O Batallón Literario da Costa da Morte e o Concello de Corcubión acordaron destinar toda a recadación da venda do libro aos damnificados en Centroamérica. E a publicación péchase co seguinte colofón: «A impresión deste libro en decembro de 1998 coincide co vintenove aniversario da fundación da sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba, na Habana, e co sexto aniversario do nacemento da cátedra de galego da Universidade da Habana. Nas tres iniciativas estivo presente o prologuista deste libro D. Xosé Neira Vilas, a quen lle damos beizóns».

Marpormedio02
Marpormedio03
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

(Texto I)

UN ABRAZO POÉTICO (Limiar)

Galicia e Cuba. Dous pobos irmáns. Dous corazóns que latexan ó unísono por enriba do mar. A emigración masiva de galegos á Illa comezou pouco despois de que Carlos Manuel de Céspedes, aquel 10 de outubro de 1868, iniciara na Demajagua a loita independentista. A riada seguiu ata os trinta deste século. Foron seis longas décadas de achegamento, de fusión, de simbiose cultural.

A Cuba chegou o noso exemplo de laboriosidade, a vontade de asociación solidaria, os previsores hánitos económicos das nosas xentes, e chegaron artes de pesca e de labranza, comidas, xeitos de convivencia. Por alá andan apelidos galegos, e voces da nosa lingua que foron entrando na fala cotiá. E de Cuba viñeron símbolos como o noso Himno e a nosa bandeira, veu a Academia Galega, viñeron decenas de escolas, fontes públicas, arranxo de camiños, cemiterios civís, e os recursos para desempeñar leiras, redimir foros e erguer novas casas. Viñeron ditos, refráns, décimas, e rumbas, danzóns e habaneiras.

Tamén houbo e hai unha simbiose literaria. Poetas dende José Martí ata os nosos días, e narradores como Carpentier, téñense referido a Galicia de xeito entrañable. E da nosa parte aparecen os temas cubanos na poesía de Armada Teixeiro, Ramón Cabanillas e Roberto Blanco Torres, por citar só algúns.

Por todo esto e por moito máis, que toca ó fondal do sangue, ó íntimo dos sentimentos, e por xestos colectivos como o dos cubanos que viñeron loitar pola nosa dignidade dende a trincheira republicana durante a guerra civil do trinteseis, ou o dos galegos mambises que tomaron parte na contenda independentista de Cuba, resulta significativo un poemario no que cantan a dúo poetas das dúas beiras do Atlántico.

Trátase, en ambos casos, de poetas xoves, de voces novas. Hai trece cubanos (dez homes e tres mulleres) e outros trece galegos (tamén dez homes e tres mulleres). Os galegos, na súa totalidade, son membros do Batallón Literario da Costa da Morte, a vizosa organización que tan bos froitos vén dando, e os cubanos naceron case todos no nordeste da Illa (Holguín, Cacocum…) e os maís deles son membros da Asociación Hermanos Saíz.

É, pois, unha antoloxía ben proporcionada en canto á cantidade de autores e de poemas, as súas idades e o feito de que en ambos casos pertencen a organizacións literarias. Máis alá deso, é sabido que se expresan en idiomas diferentes, viven en sociedades moi distintas e teñen o ancho océano entre eles, o mar por medio.

E volvo ó dito: todo conflúe na arte da palabra non só porque a palabra é universal senón tamén porque se trata de que uns e outros son voceiros de dous pobos irmanados pola historia, pola cultura e polo sangue.

Hai aquí, do comezo ó fin, poesía da mellor factura. Poesía verdadeira e non renques de signos en xogo de gato por lebre como soen verse por aí adiante con demasiada frecuencia. Estamos ante uns poemas nos que hai fondura e beleza, que van do cotián ó trascendente, ó cósmico. Poesía Limpa, cálida, agurgullante. En canto ós temas e ós autores un por un, o lector dirá.

Noraboa pola irmandade galego-cubana que esta presencia ratifica. E noraboa ós poetas dunha e doutra orela do ancho mar.

Xosé Neira Vilas

Gres, outubro de 1998

(Este texto foi recollido na obra Con Anisia Miranda na Costa da Morte. Embora, 2014)

Marpormedio05
Marpormedio06

(Texto II)

Crónicas galegas de América. Por Xosé Neira Vilas

«Poesía das dúas ribeiras»

Dúas ribeiras do Atlántico: a galega da Costa da Morte e a cubana de Holguín, no nordeste da Illa. Poetas dunha e da outra uniron as súas voces nun poemario tutulado “Mar por medio”, que acaba de ver a luz gracias ó xeneroso apoio do Concello de Corcubión e do seu alcalde, Rafael Moizo (sic por Mouzo), militante da solidariedade.

Tiven noticia deste fermoso proxecto hai uns meses. Fun a Fisterra con Anisia. Alí, Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel e eu falamos de Casto M. Insua (galeguista emigrado en Bos Aires) e doutros temas da emigración. E atopámonos con Rafa e Miro Villar, Modesto Fraga e outros membros deste dinámico batallón literario que naquelas terras fai da poesía un modo de vida (Unamuno dicía que quen non vive poeticamente é un parvo).

Trátase de poetas novos. Hai trece cubanos e outros tantos galegos. E en cada grupo, tres son mulleres. Aparece unha breve ficha de cada autor. Os poemas galegos levan ó pé a correspondente traducción ó castelán, e os cubanos ó galego.

Inda que algúns creadores son moi novos, case todos teñen premios e obra publicada, e vese nuns e noutros unha rqieuza expresiva, un afán de comunicación e unha vontade anovadora que nos enchen de ledicia e nos confirman que a poesía vive, latexa, faise imprescindible.

Este libro é o punto de partida para outras iniciativas. Con Abel Prieto, actual ministro de Cultura de Cuba, temos falado da posibilidade de editar unha selección de contos breves de autores galegos e cubanos. Algo semellante ó proxecto de ‘Mar por medio’. Os poetas da Costa da Morte e de Holguín adiantáronsenos. ¡Que ben! Para todos eles a nosa máis rotunda noraboa.

Abriron o camiño. Un camiño fraterno, solidario. Por el avanza a perenne e crecente amizade entre dous pobos irmáns.

(El Correo Gallego, 1 de abril de 1999. Publicouse coa reprodución da portada do libro mar por medio. Batallón literario da costa da morte. Poetas cubanos de Holguín. Corcubión: Batallón Literario da Costa da Morte / Concello de Corcubión, 1998).

(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Marpormedio07

Comentarios desactivados en Xosé Neira Vilas, unha ponte entre poetas cubanos de Holguín e poetas da Costa da Morte

Nov 25 2015

No cabodano do mestre Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014)

OlimpioArca
(Retrato de Olimpio Arca, da autoría de Héitor Picallo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Cúmprese o cabodano do escritor, historiador e mestre (nomeado Mestre Exemplar polo Museo de Pontevedra en 1993) Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014), quen nos deixou á idade de 86 anos na súa casa estradense.

Xa relatei nesta anotación como coñecín a Olimpio a finais da década dos noventa debido á amizade que me une desde esa época á súa filla Maka Arca Camba, coa que temos coincidido en moitos sarillos culturais e literarios. E agora fago público este soneto de homenaxe para un volume colectivo que o vai lembrar e que xa está no prelo.

Olimpio Arca Caldas

in memoriam

Escoito a voz do mestre. Canda ela a nobre Dama,
vén limpa e transparente, mineral, sandadora,
desde a vila do Baño, onde naceu noutrora
como lume fulxente de poderosa chama.

Tabeirós éche a Terra que agora se proclama
na lingua que sementa froito espora a espora.
Escoito a voz do mestre. Canda ela nova flora
reverdece, xermolan follas dun libro en rama.

Como na primavera xa os merlos cantaruxan
para daren a nova de que vai fóra inverno,
chama o seu xentil eco nas fiestras da comarca

e entran mil bolboretas, palabras que babuxan
a lentura da terra, fértil no amor fraterno.
Escoito a voz do mestre, do amigo Olimpio Arca.

Comentarios desactivados en No cabodano do mestre Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014)

Nov 24 2015

Apoio da AELG ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee

Published by under Lingua,Manifestos

CeeEuQueroGalego
AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega declara publicamente o seu apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee! e fai un chamamento a usar, apoiar e impulsar a nosa lingua propia, lingua en que se expresaron as e os poetas do noso país, algúns deles fillos desa comarca de Fisterra.

Van alá máis de cento cincuenta anos de afáns para devolver a nosa lingua ao lugar que ocupou e que lle corresponde como ÚNICA LINGUA PROPIA de Galiza, tamén recoñecida como OFICIAL polo Estatuto de Autonomía galego.

Somos quen somos por termos criado esta lingua. É por ela que somos recoñecidos como galegas e galegos e así o queremos seguir sendo. É grazas á lingua oral -base da nosa cultura e raíz do noso sistema literario- que desde a escrita nos é permitido transmitir elementos patrimoniais que, de ficaren restrinxidos á vía oral, fariamos hoxe parte dunha xeración moito máis enmudecida.

Por iso non podemos máis que refugar os argumentos que pretenden impedir a súa necesaria potenciación para inverter a actual tendencia decrecente que nos fai preguntarnos con preocupación polo seu futuro.

Preocúpanos a insensibilidade de quen se estende en citas xurídicas para negar unha realidade evidente, o retroceso social por infravaloración marxinal da lingua galega, tan evidente que até todas as organizacións políticas foron quen de se pór de acordo en favor da nosa lingua nos marcos lingüísticos legais e de referencia. como é a Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. En relación con isto non podemos comprender como eses acordos que se aceptan e asinan non son logo colectivizados polo conxunto das persoas que conforman esas organizacións, para seren defendidos por todos e cada un dos seus representantes públicos en todas as administracións.

Asemade, pretender xustificar o inxustificábel de todo punto de vista, como é restrinxir a igualdade lingüística apelando á escrita de obra literaria en castelán por parte de Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro resulta intelectualmente deshonesto, pois ignora que esta actuación tivo lugar de forma non libre, precisamente en momentos de non regulación ou, propiamente, prohibición e desamparo da lingua galega, o que implica un maior valor para a súa vontade de escrita e publicación en galego, ademais de seren autores destacados na defensa da normalización lingüística.

En todo caso o que si é obriga das institucións galegas é garantir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística, que protexe o dereito da cidadanía a se dirixir en galego ás distintas administracións, o que, para ser efectivo, precisa de potenciación da lingua entre os traballadores e traballadoras da Administración. Tamén é necesario que as administracións apliquen tres actitudes sociolingüísticas que foron recollidas no seu día no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en 2004, a saber: oferta positiva, oferta informativa e cortesía, e que podemos resumir como actitude favorábel ao emprego da nosa lingua, que será a lingua en que as administracións se dirixirán ao público.

Como escritoras e escritores galegos reclamamos unha potenciación real e efectiva da nosa lingua, accións que redunden nunha ampliación do seu uso, medidas que sirvan para que a nosa lingua sexa a lingua en que fale o futuro, garantía imprescindíbel de supervivencia.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente

Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral

Comentarios desactivados en Apoio da AELG ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee

Nov 24 2015

Ai capitán, o poema de Xosé Mª Díaz Castro na ollada de Xacio Baño

Published by under Cinema,Poesía

A conmemoración do poeta Xosé María Díaz Castro (1914-1990) no Día das Letras Galegas 2014 propiciou a aparición de novos estudos literarios sobre a súa obra ou tamén outras iniciativas creativas con esa referencia. Algunha destas últimas trascendeu o ano do poeta, como sempre debería acontecer, e seguen aínda na actualidade.

Velaí está a proposta artellada desde Acto de primavera, un blogue creado polos críticos e programadores Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande, co obxectivo de defender «as expresións fílmicas máis creativas -as que fixeron e fan avanzar o cinema- e apostar de maneira especial polos novos talentos, nomeadamente en Galicia».

De aí xurdiu o Proxecto Nimbos, que explican así:

«Tradutor políglota (manexaba polo menos doce idiomas) e poeta de corazón, Xosé María Díaz Castro (1914-1990) só quixo publicar en vida un único libro, Nimbos, 32 poemas en galego que foi pulindo durante anos até a súa definitiva aparición en 1961. Foi unha revelación, o descubrimento dun autor imbuído de preocupacións existenciais, afastado das tendencias do seu tempo e estreitamente ligado á natureza, á paisaxe fértil e exuberante da súa infancia e mocidade. Unha obra que abraza o misterio da vida, lírica pura que se presta á súa reinterpretación dende outros ámbitos artísticos.

Díaz Castro foi obxecto en 2014 dunha celebración institucional, o Día das Letras Galegas, unha escusa da que nos valemos no blog Acto de Primavera para formular outro tipo de tributo, máis aberto e libre: o dos creadores e creadoras cinematográficos que quixeron inventar imaxes a partir dos seus versos».

A día de hoxe, o Proxecto Nimbos aínda está en progreso, con moitas pezas realizadas e de obrigada visión. Porén, hoxe quero salientar a excelente curtametraxe de Xacio Baño por estar inspirada nun fermoso poema mariñeiro do guitiricense Xosé María Díaz Castro e que foi rodado preto de cabo Vilán. Coa curtametraxe tamén reproduzo a anotación previa coa que aparece e o poema de Xosé María Díaz Castro no que se inspira.

Publicado o 17 xuño, 2015

Curtametraxe de Xacio Baño para o Proxecto Nimbos, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Segunda versión elaborada na primavera de 2015 a partir de material gravado e editado o ano anterior.

AI CAPITÁN

Chorar, chorar, méntrelo barco rompe
contra o solpor, na noite!

A túa pipa non verán meus ollos
fomegar máis;
a túa risa, para sempre inmenso
abrente na mar.

Lume che din, cinza me queda. Cinza,
capitán!

Sola a sireia do teu barco
toda a eternidá.

Fume nos ollos, aréa fría
nas miñas maus.

I en boca que perdín, a longa pipa
fumando a miña vida, capitán.

Chorar, chorar,
como sempre choraron as mulleres,
ai capitán, con barcos ou sin eles!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.

Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

Comentarios desactivados en Ai capitán, o poema de Xosé Mª Díaz Castro na ollada de Xacio Baño

Nov 20 2015

Na presentación de Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, de Francisco Fernández Rei

CabanillasCambados02
(Fotografía do acto na Libraría Couceiro. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Onte estivemos entre o público que acompañou ao académico e profesor Francisco Fernández Rei no lanzamento da súa obra Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, publicada por Xerais e que foi presentada polo seu Director Editorial Manuel Bragado e polo tamén académico e profesor Antón Santamarina. Na súa bitácora Brétemas, Bragado recolle unha pormenorizada crónica do acto de presentación. Do meu interese persoal neste volume darei conta nunha recensión que virá a luz no próximo número de Grial, Revista Galega de Cultura, da que agora adianto os primeiros parágrafos. Velaquí:

Un poeta fulcral, a súa lingua e o seu territorio

Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa

Francisco Fernández Rei

Vigo: Xerais, 2015, 368 páxinas

Conmemórase o centenario da publicación de Vento mareiro, o segundo libro de Ramón Cabanillas, que de atérmonos ao colofón rematouse de imprentar o 1 de marzo de 1915 n’A Habana. E alén dos actos que lembrarán esta efeméride non se podía celebrar de mellor maneira que con este volume da autoría do académico e filólogo Francisco Fernández Rei, que escolma trinta textos (21 éditos e 9 inéditos) derredor dunha tríade temática: a memoria de Cambados, o lugar natalicio do autor destas páxinas e do poeta; as anotacións sobre a biobibliografía de Cabanillas e a construción da nosa lingua literaria, nomeadamente no que ten a ver co léxico e a fraseoloxía do mundo mariñeiro.

Porén son moitos os fíos comúns que entretecen a urda desta colectánea que chegou ás librarías poucos días despois do pasamento do grovense e técnico cultural en Cambados, Luís Rei Núñez, autor da erudita e imprescindible obra monográfica Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades (Vigo: Galaxia, 2009), unha persoa que no dicir de Fernández Rei foi fundamental á hora de se documentar sobre os tempos pretéritos cambadeses e sobre o seu poeta máis sobranceiro.

Con dispar extensión os trinta textos proveñen case todos de diferentes fíos desenvolvidos a partir do ben interesante discurso co que Fernández Rei se converteu en académico de número na RAG e que se publicou baixo o título Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar da Arousa. Dúas singraduras na construción dun idioma para unha patria.

Escritos entre os anos 1999 e 2014, de quitado de dúas breves pezas de 1977, un deles no mítico semanario galeguista Teima e outro nun volume colectivo que a USC editou na Homenaxe a Cabanillas no centenario do seu nacemento, os textos preséntanse en cinco apartados e indican sempre a data e o lugar da publicación ou o espazo da pronunciación no seu caso. E a única, e ben pequena mácula, é que imos atopar datos e opinións reiterativas en moitas ocasións, por máis que sexa evidente o esforzo porque eses parágrafos tivesen unha redacción diferente. Acaso non podía ser doutro xeito, dada a natureza dos textos e a trabe común que os atravesa.

(…)
CambadosCabanillas01

Comentarios desactivados en Na presentación de Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, de Francisco Fernández Rei

Nov 18 2015

Gonzalo López Abente asinante do «Manifesto da Asembleia Nazonalista de Lugo» (18 de novembro de 1918)

AsembleaNazonalistaLugo01

Tal día coma hoxe, 18 de novembro de 1918, son asinadas as conclusións da I Asemblea Nazonalista de Lugo, que se xuntara desde o día anterior, como sinala o propio limiar do seu Manifesto (a descarga do documento completo en pdf pódese facer no sitio da fundación Galiza Sempre):

«Os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos en asambleia magna tida na cibdá de Lugo nos dias 17 e 18 do mes da data pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rey autonomia integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que coidan testas soluciós ôs problemas que intresan d-un xeito fondonisimo â vida nazonal da Galicia, aprobaron e sosteñen, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, as siguentes conclusiós, que fan públicas pra conocimento e meditazón do pobo Galego, nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a sua y-alma e fan xurdir a súa persoalidade».

O poeta e narrador muxián Gonzalo López Abente é unha das sinaturas que acompaña o documento, e non só como un dos asistentes á Asemblea, senón tamén como membro da mesa Presidencial xunto a Antón Losada Diéguez, Antón Villar Ponte, Lois Peña Novo, Manuel Banet Fontenla, Xaime Quintanilla Martínez, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rofríguez Castelao, Victoriano Taibo, Guillermo Cedrón e Xesús Culebras.

Entre as importantes conclusións da Asemblea (Na cibdá de Lugo a noite do dazaoito do Sanmartiño do ano de mil novecentos dazaoito) acordan traballar pola oficialización do galego e a organización de España coma un estado federal, nun conclave con ampla representación do galeguismo da época: «A Asambreia que aprobou iste Manifesto asistiron personeiros de todal-as Irmandades; estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturaes; e mandaron sua adhesión cinco federaciós agrarias, once Concellos, mais de 49 Asociaciós e numerosísimas persoalidades de Galicia».

A placa colocada no hotel Méndez Ñúñez de Lugo falsea a realidade, tal e como desmostrou o profesor e investigador Xulio Pardo de Neyra na súa Tese de Doutoramento Evaristo Correa Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo (USC, 2002) e neste artigo publicado no dixital Praza Pública no que sinala: «O lugar elixido, como non podía ser doutra forma –existe un craso erro, que descoñezo a quen debemos, cando se fala do Méndez Núñez como lugar en que se levou a cabo a asemblea— foi o teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre, polo demais o único espazo en que se podía celebrar un acto de semellantes características, pois noutro lugar non collerían os seus asistentes, asistentes como Risco, Cabanillas, Losada, Taibo, Viqueira, Mosteiro ou Castelao».

ManifestoNazonalistaLugo01

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente asinante do «Manifesto da Asembleia Nazonalista de Lugo» (18 de novembro de 1918)

Nov 17 2015

Caneliñas, a baleeira na páxina patrimoniogalego.net e nos meus versos

Caneliñas01
Caneliñas02
(Fotografías tiradas da bitácora A Fraga dos Mouros, do fisterrán Iván Fraga. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Hai máis de dous anos sobre o sitio patrimoniogalego.net escribín esta anotación por mor das súas tres fichas elaboradas sobre a miña parroquia de Toba (Cee), parte fundamental do paraíso propio da infancia. Desta volta regreso a eles para reproducir a súa recente ficha sobre o lugar de Caneliñas (Cee) e a súa factoría baleeira, que cesou a actividade en 1985 coa moratoria internacional sobre a caza das baleas. Aínda lembro ben ollar algunha vez os barcos baleeiros no peirao de Corcubión.

Patrimonio Galego preséntase como «Un proxecto colectivo: inventariar todo o patrimonio cultural galego. O patrimonio é dos cidadáns. Esta web quere facer o patrimonio para os cidadáns. Coñecer que é o que temos e en que estado se atopa». E a día hoxe tan só lles restan 339 fichas para chegar aos 8000 bens catalogados!, polo que reiteramos os nosos parabéns polo seu excelente labor de compilación, estudo e investigación.

Elixio Vieites asina a ficha de Caneliñas, que reproduzo ao completo, aínda que substituín as fotografías que a acompañan polas imaxes do meu ex-alumno e benquerido amigo fisterrán, Iván Fraga, tiradas do seu interesante e coidado blogue A Fraga dos Mouros.

Mais antes diso engado aquí uns versos da miña autoría onde se cita Caneliñas. Pertencen ao meu libro de poemas As crebas (Espiral Maior, 2011).

28

O cárcere

dame tu mano
espera
debo ajustar mi cuerpo
hasta alcanzarte

«Dame tu mano», Saudade (1999), CLARIBEL ALEGRÍA

Máncaste como o Sol de febreiro dá en Gures e sentes o abandono na pel de Caneliñas, un lugar de cetáceos, confín da desmemoria que proe nos sentidos con reverberación.

Pensas de xeito inútil qué axustes no teu corpo son precisos agora no leito das baleas para non percibires arpóns cheos de dúbidas a desangraren lentos os solpores do inverno.

E soñas co panóptico dun cárcere distante, non é Reading, son outras as baladas e o canto fala de liberdade, sutil antimonía, e comungas cos presos os motivos da culpa, todos tan diferentes como as mans que descobres, semellantes ás túas no afán inaprensible.

E velaquí a ficha de Patrimonio Galego:

Baleeira de Cañeliñas

Catalogouno ELIXIOVIEITES o Nov 17, 2015

Tipo de ben: Industria, Porto,

Concello: Cee / Fisterra (comarca)

Parroquia: A Ameixenda (Santiago)

Lugar: Caneliñas

Outra denominación do ben:

Cronoloxía: Século XIX,

Descrición:

A factoría foi promovida pola compañía dos noruegueses Lorentz F. Bruun e Carl F. Herlofson no mes de novembro de 1924. Estes socios xa tiñan montado a “Compañía Ballenera Española, S.A.”, en 1914, e despois do retraso da primeira guerra mundial montaran outra en Getares (Algeciras. Cádiz) no ano 1921.

A baleeira de Caneliñas contaba cun peirao de amarre, construído na banda dereita da abrigada enseada, a onde chegaban os barcos cos cetáceos atados pola cola. De alí eran arrastrados por unha rampla que estaba na ribeira esquerda ata unha chaira de traballo duns cen metros de lonxitude. Neste pegábanselle os primeiros cortes ao animal e despois pasábanse ao edificio principal, onde eran cocidos para a obtención de aceite. Este quedaba almacenado en grandes depósitos ao longo do peirao de onde pasaba aos barcos de transporte por unha mangueiras de trasvase.

A baleeira de Caneliñas tivo o seu apoxeo nos anos 70, e nesa época contaba con máis de cincuenta empregados. As principais especies que pescaban eran baleas brancas, azuis e cachalotes, que pasaban a penas 40 millas do Cabo Fisterra. Foi a última baleeira en funcionar en todo o Estado, pechando en 1985, despois da de Morás, Xove (Lugo) no 1976 e Punta Balea, Cangas do Morrazo (Pontevedra) no 1983

Propiedade: Privada

Uso actual: Sen uso

Código no Catálogo da Xunta:

Categoría do Ben: Dato descoñecido

Elementos mobles:

Tradición oral:

Referencias bibliográficas:

Aguilar, Alex. Chimán. La pesca ballenera moderna en la península Ibérica
ISBN 978-84-475-3763-1. Ano de edición 2013

http://www.publicacions.ub.edu/refs/indices/07941.pdf

http://afragadosmouros.blogspot.com.es/2012/12/a-factoria-de-canelinas-e-os-cazadores.html

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si

Está cuberto de maleza: Non

Está afectado por algunha obra: Non

Estado de conservación: Malo

Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado:

Latitude: 42.914972835
Lonxitude: -9.15562391281
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84

E para ilustrarmos esta anotación, reproduzo a obra Balea – Caneliñas (Acrílico / papel) do artista Carlos Botana, que coñecín a través da bitácora da revista dixital Palavra Comum e que tamén se pode ollar no seu blogue, xunto a moitas outras que teñen a Costa da Morte como inspiración.

(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Balea

Comentarios desactivados en Caneliñas, a baleeira na páxina patrimoniogalego.net e nos meus versos

Nov 17 2015

Carta de ProLingua (Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega) ao Sr. Gómez Besteiro

Published by under Lingua,Manifestos

Prolingua01
Prolingua02

Esta bitácora parabeniza á entidade ProLingua (Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega), que vén de publicar no seu sitio web e difundir a través das redes sociais unha Carta ao Sr. Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PsdeG-PSOE pola súa inacción e o seu silencio perante as actitudes galegófobas dos seus dous concelleiros de Cee (nomeadamente Modesto Rivas, vello tránsfuga do BNG) contra a aprobación en pleno dunha Ordenanza municipal a prol da promoción e do uso da nosa lingua na administración local.

Velaquí o magnífico texto que aplaudimos e divulgamos:

Sr. Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdeG-PSOE:

Desde ProLingua –asociación apartidaria e plural na defensa da lingua galega– queremos manifestarlle a nosa fonda preocupación pola incomprensible actitude dos concelleiros do PSdeG-PSOE do Concello de Cee, que, polo que di a prensa, no pleno do pasado 5 de novembro buscaron a complicidade e axuda dun coñecido grupúsculo de manifesta hostilidade cara ó galego para impedir a aprobación dunha ordenanza municipal que pretendía que Cee se sumase á lista de concellos co galego como lingua prioritaria.

Sorprendeunos negativamente que edís do Partido Socialista non só se aliasen con organizacións galegófobas, senón que mesmo fosen eles os promotores principais dunha denuncia ante o suposto incumprimento da legalidade. É ben sabido que o grupúsculo negacionista ó que facemos referencia aproveita calquera oportunidade para denunciar hipocritamente a suposta “imposición del gallego” e chegou a manchar a palabra normalización, como se significase agresión a quen non ten o galego como lingua habitual, á vez que ergueu o falso concepto deliberdade, que entende como dereito a non falar nunca –e mesmo a ignorar‒ a lingua propia de Galicia.

Ata agora pensabamos que o PSdeG-PSOE mantiña no seu programa a nítida defensa do idioma propio de Galicia, fronte ó ataque que de maneira vergonzosa abandeirou o Sr. Núñez Feijoo nada máis entrar a gobernar, un presidente que pasará á historia por ser o primeiro que lexislou contra a lingua do seu país, obrigado como estaba (e está) a defendela.

Por todo o exposto, temos a ben solicitar de Vde. que desautorice publicamente a lamentable iniciativa destes concelleiros do seu partido para que deixen de poñer máis atrancos dos que xa hai a unhas medidas mínimas para a normalización do uso do noso idioma na vida municipal; medidas que para nada prexudican o status do castelán, e niso foi ben claro o propio alcalde, o independente Ramón Vigo Sambade, quen, salientando a súa condición de castelanfalante, non atopaba problema ningún con esa ordenanza, pois con ela o que se facía era “darlle formalidade” ó que xa se viña facendo na práctica.

Sen outro particular, reciba un atento saúdo

ProLingua, 16 de novembro de 2015.

Comentarios desactivados en Carta de ProLingua (Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega) ao Sr. Gómez Besteiro

Nov 16 2015

Mobilización Queremos Galego na administración local de Cee!

QueremosGalegoCee
(Álex López, responsable da Mesa pola Normalización Lingüística na Costa da Morte, leu o Manifesto. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Reproduzo deseguida a informavión do dixital Que pasa na costa arredor da mobilización Queremos Galego na administración local de Cee!, que tivo lugar ao mediodía de onte, domingo 15 de novembro, ás portas do Concello de Cee e na que deu lectura a este Manifesto, que aínda sen pode asinar aquí no portal de A Mesa pola Normalización Lingüística e que a esta hora suma máis de duascentas sinaturas.

Velaquí a crónica:

Arredor dun centenar de persoas achegáronse nesta mañá do sábado ás portas do Concello de Cee para berrar en alto iso do «Eu quero Galego». As pancartas da Mesa pola Normalización Ligüística, convocante do acto, e dunha mesa redonda na tarde deste luns 16 de novembro, esixiron a aprobación do regulamento municipal que impulsa o uso do galego no Concello de Cee ademais de solicitar a dimisón do concelleiro do PSOE en Cee, Modesto Rivas.

Todo trala polémica suscitada a semana pasada cando o PSOE convencía a PP e Ciudadanos de pedir un informe xurídico sobre a normativa presentada polo alcalde de IxCee.

Foi Álex López, responsable da Mesa na Costa da Morte, o que leu o manifesto de Miro Villar asinado por unha ampla representación social, sindical, comercial e veciñal da zona. Ademais, o presidente da asociación en defensa do galego, Marcos Maceira, chamou a respectar a lingua e a cumprir nos concellos a cativa lexislación lingüística vixente. «O galego precisa protección. Só hai que ver as diferenzas que ten respecto ao español, que conta con perto de medio milleiro de disposicións legais que obrigan ao seu uso», sinalou, «as poucas disposicións normativas coas que conta o galego non se cumpren».

Marcos Maceira insistiu en pedir a dimisión para o concelleiro do PSOE, por «fomentar e defender o odio e o supremacismo lingüístico e de xénero». «O que dixo Modesto Rivas non se pode consentir nunha sociedade democrática, máxime no caso dun representante do pobo», salientou.

Fonte: Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Comentarios desactivados en Mobilización Queremos Galego na administración local de Cee!

Nov 16 2015

Breve galería fotográfica da presentación de Elos de cinza de Xosé Manuel Lobato en Sigüeiro

Elosdecinza13-11-15(1)
Elosdecinza13-11-15(2)
(Fotografías de ©X. Carlos Rodríguez, a quen agradecemos a licenza para as reproducir. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Este último venres 13 de novembro, malia os rigores da catarreira outoniza que deu en afonía, estivemos no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro (Oroso) para realizarmos unha nova presentación da última entrega narrativa do amigo Xosé Manuel Lobato, intitulada Elos de cinza (Ezaro edicións, 2015), nun acto organizado por Luís Rey Villaverde, concelleiro de Cultura e Deporte de Oroso.

Do mesmo xeito que fixeramos en Arteixo, na libraría Á lus do candil, que gobernan o poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez (como se contou aquí), tamén optamos pola entrevista, unha modalidade máis dinámica, na que máis unha vez fixen os labores dun xornalista incómodo que lle realizou un cuestionario de dez preguntas.

Xosé Manuel Lobato non eludiu ningunha das preguntas, aínda que ás veces procurase nas respostas outras matizacións, e revelou ao medio cento de asistentes algúns deses elos nos que se alicerzou o seu relato.

O noso amigo X. Carlos Rodríguez fíxonos chegar unha boa galería de imaxes, das que seleccionei as catro que acompañan a anotación.
Elosdecinza13-11-15(3)Elosdecinza13-11-15(4)

Comentarios desactivados en Breve galería fotográfica da presentación de Elos de cinza de Xosé Manuel Lobato en Sigüeiro

Next »