Out 28 2015

Lois Porteiro Garea en dúas elexías do poeta Gonzalo López Abente

Published by at 22:55 under Efemérides,Historia,Lingua,Poesía,Política

PorteiroGarea
PorteiroGarea1
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Tal día coma onte, o 27 de outubro de 1918 morría novo, pouco antes de facer trinta anos, en Frades o galeguista Lois Porteiro Garea, un dos fundadores das Irmandades da Fala. O seu pensamento político foi estudado polo noso vello amigo e cronista de Cee, xa finado e lembrado aquí, Baldomero Cores Trasmonte no libro Luís Porteiro Garea (Santiago de Compostela: tresCtres, 2005) e na entrada da Galipedia tamén se recollen ligazóns que permiten a lectura do artigo do noso caro amigo Ernesto Vázquez Souza intitulado «Luís Porteiro Garea, o ideólogo do nacionalismo irmandinho» e o Discurso proferido polo propio galeguista ao se fundar a Irmandade da Fala de Santiago de Compostela en 1917, que publicou Nós en 1932 (a portada na imaxe superior).

O poeta muxián Gonzalo López Abente, de quen compilamos a Poesía completa (Espiral Maior, 2013, en coedición coa Fundación López Abente) dedicoulle dous poemas. O primeiro intitulado O piñeiro derrubado apareceu en en Nós, folla do xornal El Noroeste do 19-VI-1918 e foi recollido polo seu curmán Horacio Bermúdez Abente no libro póstumo Decrúa. Poemas, (Buenos Aires, (Buenos Aires: Edicións Muxía, 1966) en «Recobrados. Cuarta y Última parte» e o segundo, un ano despois, co título Camiño de redención, publicouse en A Nosa Terra, 103, 25 de outubro de 1919. Velaquí ambos e dous textos:

O PIÑEIRO DERRUBADO

A Lois Porteiro, sementador de ideas

Nunha gándara esquiva e medoñenta
só un piñeiro lanzal,
fungando, resistia a carraxenta
labazada do fero vendaval.

Baril i-ergueito cara o ceo sobía,
as polas espallando ao rededor,
das que de cote unha canzón saía
de alento e de valor.

Mais a fouce fatal, raio alcendido,
no tronco do piñeiro baticóu
i-esnaquizado, sobre o chan tendido
para sempre ficóu.

E ao caer, a semente esparramada
aniñouse na gándara longal,
que c’os anos, hachouse trasformada
nun mesto piñeiral.

Un piñeiro caeu, barudo e forte,
un valente morréu,
pero a sua idea vencerá da morte
que unha terra fecunda a recolléu.

(Pubricada en Nós, folla do xornal El Noroeste do 19-VI-1918).

CAMIÑO DE REDENCIÓN

No cabo d’ano da morte de Porteiro

Outono: Frol doente,
descôrida e muchada
que abala tristemente
antre a pálida pompa da enramada;
folla seca que leva
o curisco treidor;
curazón que se creba
c’o alento frío d’un finado amor;
princesa ensonadora
que de cote na torre
do seu castelo chora
o ben que espera i-esperando morre;
mesta brétema escura
que adianta rastroéira,
espallando fríura
nas herbas tremecentes da pradeira.
* * *
¡Outono, triste outono,
fonte embruxada de enfermizo ensono!
Noite: Dona loitosa
en crespóns envolveita,
e sempre na dôrosa
e moura senda de vivir ergueita;
creadora das pantasmas
que van nas estadeas,
asombro con que pasmas
aos veciños sinxelos das aldeas;
negra visión das fondas
conmocións; negra noite,
para espantar ti abondas
o curazón que o teu silencio escoite.
* * *
Pasa unh’ave voándo
i-unha fouce rebrila,
fulgura, lostregando
c’o vivo resprandor d’unha pupila
misteriosa e xigante;
da fatídica sorte
chega o vento agoirante
e o friaxe da morte,
e na noite outonal
refunga aterecido o piñeiral.
* * *
A cibdá nobre e santa
dos soberbos moimentos
que cal airóns levanta
pol-o cristal azul dos firmamentos,
inconsolabre chora
a perda d’outro amado.
¡Compostela, señora,
chorando estamos todos ao teu lado!
—Todol-os bôs patriotas
que en épocas lonxanas
escoitamol-as notas
da vibrante canzón das tuas campanas.
* * *
Noite d’outono, morte,
Compostela dôrida,
e un irmán nobre e forte
cal folla seca sobre o chan sin vida.
Preguemos fervorosos
e ouzámol-os rumores
dos ares queixumosos
que voan remexéndose en tremores;
eles o acento trân
do noso estinto irmán,
que deixóu tras de sí, con loura estela
un camiño de luz pra a nosa arela.

Outono de 1919.

 

Comentarios desactivados en Lois Porteiro Garea en dúas elexías do poeta Gonzalo López Abente

Comments are closed at this time.