Archive for Outubro, 2015

Out 29 2015

Recensión a Herdo do canto, de Arcadio López-Casanova en Grial 171 (2006)

Published by under Poesía,Premios,Recensións

ArcadioLópez-Casanova

No día de onte foille concedido o Premio Voz de Liberdade 2015 do PEN Club de Galicia ao poeta Arcadio López-Casanova, en decisión unánime dun xuri conformado polo presidente do PEN, Luís González Tosar, o secretario Armando Requeixo, o secretario técnico Xabier Castro Martínez e os seus membros Fina Casalderrey, Bieito Iglesias, Manuel Guede, Inma López Silva e Luís Menéndez, quen salientaron á súa fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas e o seu permanente compromiso coa liberdade de expresión.

Hai case unha década, en 2006 o PEN Club de Galicia publicou na súa colección Arte de Trobar o seu libro Herdo do canto, co que Arcadio López-Casanova merecera o IV Premio Caixanova de Poesía. Poucos meses despois, asinei unha recensión do mesmo intitulada «Pluralidade de voces» que viu a luz na revista Grial 171, xullo-agosto-setembro, 2006. Velaquí o texto:

PLURALIDADE DE VOCES

HERDO DO CANTO

Arcadio López-Casanova

Arte de Trobar, Pen Clube, 2006, 122 páxinas

Arroupado pola concesión do IV Premio Caixanova de Poesía e no aínda breve, mais xa consolidado, catálogo da colección Arte de Trobar do Pen Clube de Galiza chega a nova entrega poética dun dos autores con máis voz propia da nosa lírica contemporánea, a piques de facer os corenta anos de escrita literaria de termos en conta o ano da súa opera prima (1967). Unha fructífera traxectoria de catro décadas, nas que así a todo e malia combinar a escrita en galego e en castelán Arcadio López-Casanova non se converteu nun autor prolífico en exceso senón sempre gobernado pola contención e pola maduración en cada un dos seus proxectos. A recente aparición na colección Libros da Frouma da editorial Follas Novas do seu último título Dicir unha razón (Varia silva de proverbios, ditados e glosas) só debe entenderse como unha achega singular na que o lugués abala entre a reflexión autopoética e a metapoética, como ben sinala no limiar Armando Requeixo.

Herdo do canto é un volume ben diferente e que se relaciona en esencia coa poesía toda do autor, como explica de maneira detallada e esclarecedora o poeta Román Raña nun magnífico prólogo intitulado “Sobre a poesía de Arcadio López-Casanova: situación e sentido de Herdo do canto”, no que de primeiras nos vai lembrar todo o percurso poético en galego do lugués para logo facer unha análise completa dos versos desta entrega.

O encabezamento escollido non é novidoso, xa que no seu Liturxia do corpo (1983) aparecía como título do poema Limiar, o que denota a intencionalidade de construír un macrotexto poético que sempre caracteriza a obra de Arcadio López-Casanova. Alén diso, a primeira observación que calquera lector atento podería facer ao dobrar a derradeira páxina do libro é a vontade de construción que hai no mesmo, mais iso non vai coller por sorpresa aos que vimos seguindo desde hai anos a súa poética, porque así o testemuña calquera dos seus libros anteriores. Desta volta reitera un esquema de círculo pechado xa ensaiado noutras ocasións, cun poema Pórtico, denominado “Electra”, e un Epílogo, intitulado “Orestes”, que enmarcan as dúas partes do volume “Herdo da terra”, subtitulada Tempo d’O páramo, e “Herdo dun eu”, cadansúa subdivida en dúas. Así, a primeira inclúe as series “Episodios” e “Figuracións”, mentres que a segunda integra a “Fábula e variacións” e a “Canción e prego”.

Tanto o primeiro coma o derradeiro texto amosan máis unha vez a querencia de Arcadio López-Casanova polos mitemas da cultura clásica greco-latina, lembremos por acaso aquel fermoso texto no que Edipo dialoga con Antífona no poema que pecha Razón de iniquidad ou as aparicións de Anteo, de Cronos, de Dánae, de Narciso e doutras figuras nos seus libros anteriores. Desta volta Electra e Orestes representan o regreso do exilio e ambos e dous personaxes enmascaran en certa maneira un trasunto do propio autor xa que Argos, a terra do retorno, é Galiza, ou O Páramo natal, e non se pode esquecer a experiencia biográfica persoal que o levou a se autoexiliar do país na xa afastada data de 1968.

Os cinco poemas que conforman a serie “Episodios” son de clara xinea memorialística e están centrados na evocación de diferentes aspectos que vinculan as terras da nenez e da mocidade, O Páramo como paraíso perdido, e as persoas que poboaron ese territorio e os seus afectos. Nestes textos hai dúas características salientables, a recuperación da lingua nas súas orixes, a fala dialectal, e a recuperación dos nomes dos lugares, incluso con exemplos de microtoponimia. Esta andamiaxe serve para axudar a construír versos que falan dos devanceiros que desaparecen, “o bisavó velliño que tantas historias / misteriosas sabía”, a avoa ou o pai, presente nesa magnífica e dolorosa elexía intitulada “Monólogo do pai” que comeza con estes versos emotivos e estremecedores pronunciados en primeira persoa
“Souben que aquela noite / ía morrer. / Agoiraban os cans xunto á cancela da horta, / e os ollos de loito da noite baixaban dende o monte, / aló no alto de Friolfe, / para doer no corazón”.

Mais esta serie non sempre retrata os rostros da dor, xa que tamén están presentes as alegrías do mundo da infancia coas camiñadas de verán até o río en Areas, que logo se han de contrapoñer coa visión novamente tristeira do home que regresa ao lugar e con melancolía recorda as horas que o inexorable río do tempo levou para non voltar. Unha loita desigual na que sempre vence a saudade.

Tres sonetos, nun inhabitual verso eneasílabo, integran as “Figuracións” coas que remata a primeira parte do libro e que reiteran o motivo do tempus fugit.

A segunda ábrese cos nove sonetos, agora en hendecasílabos, de “Fábula e variacións”, todos eles con título de seu, que revelan ben ás claras diferentes enunciacións e perspectivas persoais en relación coa terra. Os encabezamentos son abondo esclarecedores: o enviso, o soidoso, o soñador, o cautivo, o vencido, o exiliado, o doente, o acorado e o desherdado. O multiperspectivismo referido enmascara as diferentes visións da voz poética sobre a Terra, propias dunha traxectoria con evolución persoal.

Por último, a “Canción do desvelado”, que xunta tres brevísimos poemas, onde sobrancea a expresión neotrobadoresca que xa López-Casanova tiña esperimentado noutras ocasións, e o “Final: prego de salvación”, un soneto amoroso en alexandrinos asoantes que renova o tópico medieval da amiga e que xunto aos anteriores sonetos exemplifica a mestría do autor á hora de experimentar rimas e ritmos na construción da máis fermosa das composicións poéticas.

Mención á parte merecen as citacións de Wordsworth, Juan Ramón Jiménez, T. S. Eliot, Vicente Aleixandre e Novoneira, porque en Arcadio López-Casanova nunca son gratuítas nin inocentes e reflicten os diferentes puntos de partida nos que se sitúa a voz poética.

En definitiva, Herdo do canto é un volume de perfecta orquestración e no que non se perciben disonancias, onde o autor non se afasta co culturalismo mais deixa atrás boa parte do hermetismo de anteriores entregas para nos ofrecer un canto máis espido que vai contentar aos moitos seguidores da súa obra e que se vai ensanchar con novas olladas grazas a este libro.

MIRO VILLAR

Comentarios desactivados en Recensión a Herdo do canto, de Arcadio López-Casanova en Grial 171 (2006)

Out 28 2015

Lois Porteiro Garea en dúas elexías do poeta Gonzalo López Abente

PorteiroGarea
PorteiroGarea1
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Tal día coma onte, o 27 de outubro de 1918 morría novo, pouco antes de facer trinta anos, en Frades o galeguista Lois Porteiro Garea, un dos fundadores das Irmandades da Fala. O seu pensamento político foi estudado polo noso vello amigo e cronista de Cee, xa finado e lembrado aquí, Baldomero Cores Trasmonte no libro Luís Porteiro Garea (Santiago de Compostela: tresCtres, 2005) e na entrada da Galipedia tamén se recollen ligazóns que permiten a lectura do artigo do noso caro amigo Ernesto Vázquez Souza intitulado «Luís Porteiro Garea, o ideólogo do nacionalismo irmandinho» e o Discurso proferido polo propio galeguista ao se fundar a Irmandade da Fala de Santiago de Compostela en 1917, que publicou Nós en 1932 (a portada na imaxe superior).

O poeta muxián Gonzalo López Abente, de quen compilamos a Poesía completa (Espiral Maior, 2013, en coedición coa Fundación López Abente) dedicoulle dous poemas. O primeiro intitulado O piñeiro derrubado apareceu en en Nós, folla do xornal El Noroeste do 19-VI-1918 e foi recollido polo seu curmán Horacio Bermúdez Abente no libro póstumo Decrúa. Poemas, (Buenos Aires, (Buenos Aires: Edicións Muxía, 1966) en «Recobrados. Cuarta y Última parte» e o segundo, un ano despois, co título Camiño de redención, publicouse en A Nosa Terra, 103, 25 de outubro de 1919. Velaquí ambos e dous textos:

O PIÑEIRO DERRUBADO

A Lois Porteiro, sementador de ideas

Nunha gándara esquiva e medoñenta
só un piñeiro lanzal,
fungando, resistia a carraxenta
labazada do fero vendaval.

Baril i-ergueito cara o ceo sobía,
as polas espallando ao rededor,
das que de cote unha canzón saía
de alento e de valor.

Mais a fouce fatal, raio alcendido,
no tronco do piñeiro baticóu
i-esnaquizado, sobre o chan tendido
para sempre ficóu.

E ao caer, a semente esparramada
aniñouse na gándara longal,
que c’os anos, hachouse trasformada
nun mesto piñeiral.

Un piñeiro caeu, barudo e forte,
un valente morréu,
pero a sua idea vencerá da morte
que unha terra fecunda a recolléu.

(Pubricada en Nós, folla do xornal El Noroeste do 19-VI-1918).

CAMIÑO DE REDENCIÓN

No cabo d’ano da morte de Porteiro

Outono: Frol doente,
descôrida e muchada
que abala tristemente
antre a pálida pompa da enramada;
folla seca que leva
o curisco treidor;
curazón que se creba
c’o alento frío d’un finado amor;
princesa ensonadora
que de cote na torre
do seu castelo chora
o ben que espera i-esperando morre;
mesta brétema escura
que adianta rastroéira,
espallando fríura
nas herbas tremecentes da pradeira.
* * *
¡Outono, triste outono,
fonte embruxada de enfermizo ensono!
Noite: Dona loitosa
en crespóns envolveita,
e sempre na dôrosa
e moura senda de vivir ergueita;
creadora das pantasmas
que van nas estadeas,
asombro con que pasmas
aos veciños sinxelos das aldeas;
negra visión das fondas
conmocións; negra noite,
para espantar ti abondas
o curazón que o teu silencio escoite.
* * *
Pasa unh’ave voándo
i-unha fouce rebrila,
fulgura, lostregando
c’o vivo resprandor d’unha pupila
misteriosa e xigante;
da fatídica sorte
chega o vento agoirante
e o friaxe da morte,
e na noite outonal
refunga aterecido o piñeiral.
* * *
A cibdá nobre e santa
dos soberbos moimentos
que cal airóns levanta
pol-o cristal azul dos firmamentos,
inconsolabre chora
a perda d’outro amado.
¡Compostela, señora,
chorando estamos todos ao teu lado!
—Todol-os bôs patriotas
que en épocas lonxanas
escoitamol-as notas
da vibrante canzón das tuas campanas.
* * *
Noite d’outono, morte,
Compostela dôrida,
e un irmán nobre e forte
cal folla seca sobre o chan sin vida.
Preguemos fervorosos
e ouzámol-os rumores
dos ares queixumosos
que voan remexéndose en tremores;
eles o acento trân
do noso estinto irmán,
que deixóu tras de sí, con loura estela
un camiño de luz pra a nosa arela.

Outono de 1919.

 

Comentarios desactivados en Lois Porteiro Garea en dúas elexías do poeta Gonzalo López Abente

Out 26 2015

Unha breve viaxe pola Serra da Estrela e as «aldeias históricas» da Beira Norte

Published by under Arte,Historia,Roteiros

Created with Nokia Smart CamCreated with Nokia Smart Cam
(Cabeça. Fotografías realizadas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

A celebración da hispanidade, de cheiro e raizame franquista, aínda que daquela se chamase «de la Raza», na que se conmemora o xenocidio dos pobos amerindios, foiche unha boa escusa para viaxarmos e tamén mergullármonos tres días na portuguesa Serra da Estrela, malia o adverso tempo metereolóxico desas datas.

Na mañá do sábado 10 fixemos o longo percorrido por estrada (maiormente por autovías que agora son de «portagem») e antes de subirmos cara ás primeiras encostas da Serra da Estrela demoramos a xantar (almoçar), porque lle cadrou, xa que non tiñamos prevista esta paraxe, na vila de Nelas, onde a biblioteca leva o nome do escritor António Lobo Antunes, mais a improvisación aliouse desta volta connosco e estivo ben gorentosa e a un prezo económico a comida que nos serviron no restaurante O Brazão, que eu reguei con vinho do Dão, que é o propio desta zona.

A primeira hora da tarde chegamos á cidade de Seia, onde se atopa o Centro de Interpretação da Serra da Estrela (CISE). Esta vila decepcionou un pouco as nosas expectativas, malia os seus museos do brinquedo, do pão ou da electricidade. Trátase dunha poboación de media montaña que está moi focalizada en recibir turistas e visitantes, mais centrada sobre todo nas persoas que sintan predilección polas actividades relacionadas cos deportes de inverno e polo esquí en particular. Nós optamos por un paseo até a igrexa matriz, situada nun outeiro e con certo interese histórico. E o mellor estivo no propio CISE, onde unha das persoas que alí traballan deunos cumprida e moi útil información para planificar os dous días seguintes, facéndonos sobre un mapa os posibles roteiros e salientando os lugares de maior interese histórico, aínda que a todos non se puido dar chegado.

E aínda demos aproveitado o que restaba da tarde para coller a sinuosa estrada de montaña que leva até a vila histórica de Loriga. O guía falara de facer paradiña no santuario de Nosa Señora do Desterro, que finalmente desbotamos, e aconsellara un pequeno desvío até Cabeça onde nos recomendaba facer un percurso. Así o fixemos, desde esta pequena aldea atopamos dous roteiros ben sinalizados, un até Loriga e outro até Vide, mais houbo que escoller un pequeno roteiro circular que baixa desde a aldea até o río, transcorre á súa beira e cruza un pequeno lugar de casas abandonadas, antes de entrar de novo na aldea pola parte traseira. Foi o que fixemos (imaxes superiores) e abofé que paga a pena.

Antes da noitiña aínda houbo tempo de coller o coche para nos achegar até Loriga, que ten restos da súa época romana e pouco máis que unha paisaxe envolvente. Non houbo tempo para moito máis nesta primeira xornada e chegamos cansos até a localidade de Gouveia onde alugaramos para eses días un cuarto na Casinha do Beco, a través dunha desas plataformas que permiten o aloxamento en casas familiares. Cadrou que estivemos sozinhos e ben atendidos por Ernestina, unha veciña da propietaria que reside en Lisboa e que se encargaba de nos fornecer mesmo o pan para o pequeno almoço, uns boliños de pan branco e inchado que moito non foron do noso agrado, mais iso era o de menos, xa que a casa resultou acolledora e confortable.

Ao día seguinte o tempo metereolóxico foi moito a peor, néboas e chuvia, mais non foi impedimento para facermos unha longa xeira seguindo as indicacións que tiñamos recollido en Seia. Por estradas de alta montaña, mais ben acondicionadas para o tránsito, a nosa primeira estación foi Sabugueiro, que se gaba nun indicador de ser «a aldeia mais alta de Portugal» aínda que non o é, unha localidade que ten como case único interese unha chea de lojas a venderen produtos da Serra da Estrela. Caemos na tentación e alí mercamos uns ben saborosos queixos, mestura de cabra e ovella, e unhas prendas de abrigo.

Continuando a ascensión detivémonos na Lagoa Comprida, un antigo glaciar que hoxe é tamén o encoro máis alto de Portugal. Desafiamos á chuvia e á néboa cun breve percurso pola contorna, mais a visibilidade nesa hora era nula e decidimos continuar a nosa viaxe, que se tornou moito máis complicada ao pechar a borraxeira e ao se tratar de estradas de alta montaña, moi estreitas e con moitas curvas. Con vagar chegamos á capital da Serra, a cidade de Covilhã, mais a persistente chuvia imposibilitou que a coñecesemos algo mellor. Na nosa andaina descubrimos unha taberna perto da cámara municipal e das rúas históricas nas que o día anterior se celebrou un mercado da cherovia e nesa taberna puidemos gustar pratos cociñados con ese tubérculo, descoñecido para nós, de sabor doce, que ten certa semellanza coa cenoura, pois é da súa familia, e que se produce na contorna. Resultou moi ben a mantenza.

Pola tarde achegámonos a outra poboación importante, Belmonte, que agradece un paseo polas súas rúas históricas e polo seu castelo encravado no outeiro, que inclúe un interesante museo histórico con entrada de balde. A vila tamén ten algúns edificios xudaicos e un museo desta relixión que desbotamos, xa que a nosa seguinte estación era outra aldeia histórica, Sortelha, onde hai unha impresionante fortaleza desde a que se divisa todo o Vale de Riba-Côa e que alberga unha pequena poboación no seu interior, aínda que a día de hoxe xa só se habita circunstancialmente por turistas e visitantes. Foi unha das sorpresas máis agradables da nosa andaina e iso que estivemos a piques de a deixar atrás porque tiñamos moito camiño que andar aínda.

De Sortelha seguimos outra estrada de montaña ben acondicionada para regresar a Gouveia atravesando a Serra por outro lugar e a media tarde chegamos até a vila de Manteigas, que medra nas abas, o que fai que calquera camiñada requira superar as inevitables encostas. O máis interesante, e que a chuvia nos fixo desbotar, seica está nas súas caldas e en dous lugares non moi distantes: O Vale glaciário do Zêzere e o Poço do Inferno. A noitiña botábase enriba e aínda había que cruzar a Serra por unha estrada que en moitas das súas curvas se convertía nunha impresionante atalaia sobre a paisaxe arborada, non coma a zona que visitamos o primeiro día, arrasada polos incendios, que tamén son unha praga en Portugal.

E o último día, deixamos Gouveia e tamén fomos deixando atrás o parque natural da Serra da Estrela, mais aínda houbo tampo para visitarmos nese concelho outra aldeia histórica ben bonita, Folgosinho, e xa no concelho de Celorico da Beira, outra moito máis fermosa aínda. de nome Linhares (imaxes inferiores), que percorremos, e esta última tamén conta con oficina de información para visitantes.

Xa de regreso, e fóra do perímetro da Serra da Estrela, aínda escollemos para xantar e camiñar outra aldeia histórica, aínda que moito máis vila, Trancoso, que xa son terras da nosa Dona Urraca, porén o castelo e o seu museo estaban pechados por se tratar da segunda feira. Aínda así, o obxectivo estaba xa cumprido e de volta nas nosas retinas trouxemos unha excelente panorámica da Serra da Estrela e de moitas das aldeias históricas desta contorna, pois outras xa nos eran coñecidas dunha anterior viaxe, lugares que ben merecen outra visita e novas descubertas. Será ou non será?

(Linhares. Fotografías realizadas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam

Comentarios desactivados en Unha breve viaxe pola Serra da Estrela e as «aldeias históricas» da Beira Norte

Out 26 2015

«Negra Sombra» de Seica Animacion, premio «Curtas para Rosalía» da AS-PG

Published by under Cinema,Poesía

Negra Sombra from Seica Animacion on Vimeo.

Anda xa pola rede a curtametraxe de animación «Negra Sombra» realizada por Seica Animacion, con dirección e guión de Xoana Santos Álvarez e Estela Suárez Recouso e música de Selene Gómez Jorge, que foi o primeiro premio no certame «Curtas para Rosalía» convocado en maio deste mesmo ano pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), entidade que en breve tamén o dispoñibilizará no seu espazo web xunto a outras pezas premiadas.

Seica Animación preséntase no seu sitio web deste xeito:

«Somos unha produtora de animación que nace no 2014 coa idea de crear produtos audiovisuais non convencionais. Exploramos diversos materiais para darlle vida ás nosas ideas. Buscamos achegar a técnica do STOP MOTION ao público.

Xoana é graduada en belas artes e fixo un mestrado en Ilustración e animación stop motion. Nas nosas obras é a encargada da fotografía e das técnicas artísticas.

Estela é licenciada en filoloxía galega e está estudando pedagoxía. Encárgase da parte de guión e cando traballamos con video educativo ou facemos obradoiros, é a que elabora os contidos educativos que queremos trasmitir».

Persoalmente teño a satisfacción de que coñecín a Estela Suárez Recouso como alumna miña da ESO no IES de Oroso nos meus primeiros anos como profesor de Lingua e Literatura Galega, daquela aínda en expectativa de destino definitivo, e xa daquela as súas redaccións e os seus textos adoitaban ser de alta calidade e interese narrativo. E agora sorprendeume gratamente ollar materializado ese talento nesta creación audiovisual compartida. Os meus parabéns!

Comentarios desactivados en «Negra Sombra» de Seica Animacion, premio «Curtas para Rosalía» da AS-PG

Out 20 2015

Arou na curtametraxe Falaises de la mort, de Ernest Alfter

Unha das miñas bitácoras de referencia e de lectura obrigada vén sendo anoitebranca, do escritor e amigo Francisco «Chisco» Fernández Naval, que colle o seu nome dunha magnífica novela súa A noite branca (Xerais. Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do ano 2012) e que recomendo visitar a miúdo.

Nunha das súas últimas anotacións intitulada «Arou, os cantís da morte» reproduce un impresionante documento cinematográfico, tamén reproducido polo dixital Diario camariñán, tratáse da curtametraxe intitulada Falaises de la mort, do documentalista francés Ernest Alfter, co camerógrafo Juan Ruiz Romero, realizada en 1950, e que está baseada na difícil vida dos pescadores de Arou e das súas mulleres nesa altura. Como subliña Chisco, a curta que lle foi fornecida por Fernando, da confraría ou pósito de Muros, posúe un innegable valor antropolóxico e etnográfico.

Aínda que xa coñecía a curta antes de hoxe, porque fora recuperada (aquí xa se daba conta dela) polo noso amigo o antropólogo muxián Manuel Vilar, serve para unha acordanza biobibliográfica, pois o porto pesqueiro de Arou e as súas xentes xa foron do meu interese desde a mocidade e de feito son nomeados no sexto soneto do caderno «De ti e da paisaxe» da miña opera prima, o poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992).

Aquí deixo novamente aqueles versos que escribín na primavera de 1990, xa van aló máis de 25 anos (que non son nada!!!)

VI

Cemiterio de ingleses, pedras que dan palabra,
dádeme unha resposta que non atopo en nada,
vós que sabedes todo, quero saber da amada
se escolleu precipicios dunha sorte macabra.

Inda que din murmurios do seu louquear de cabra
non é por máis que ela ande quizais ensimesmada
correndo espida en horas temperás da alborada,
acaso hai delito de agardar que o día abra?

Cemiterio de ingleses, vós que todo sabedes,
contade que foi dela, do seu soño arestora,
se cadra non se encontra no propio labirinto.

Disque pode vir presa no enredo dunhas redes,
mozos de Arou viñeron con pesca en mar de fóra
e trouxeron na enleada botella con precinto.

Comentarios desactivados en Arou na curtametraxe Falaises de la mort, de Ernest Alfter

Out 09 2015

Vida e Obra de Francisco Añón. Antoloxía poética. Edición de Ramón Blanco

Published by under Efemérides,Poesía

FranciscoAñón
(Manuscrito do poeta conservado na Real Academia Galega)

Francisco Añón Paz, un dos máis notables precursores do noso Rexurdimento cultural e Literario, naceu tal día coma hoxe, o 9 de outubro de 1812, na aldea de Boel, concello de Outes ou da Serra, como sempre o coñecemos nós. Recupero o fragmento dunha recensión publicada en Grial, Revista Galega de Cultura, 197 (xaneiro, febreiro, marzo 2013) sobre o volume Vida e Obra de Francisco Añón. Antoloxía poética. Edición de Ramón Blanco.

Ler os nosos clásicos

Italo Calvino no seu imprescindible Por qué leer los clásicos (Tusquets, Marginales, 1993) sinala «Los clásicos son libros que ejercen una influencia particular ya sea cuando se imponen por inolvidables, ya sea cuando se esconden en los pliegues de la memoria mimetizándose con el inconsciente colectivo o individual».

A nosa é unha literatura nova (de quitado da lírica e prosa medievais) na que por clásicos adoitamos entender a creación do século XIX e das primeiras décadas do XX. Nestes parámetros podemos inserir a poesía do outiense Francisco Añón (1812-1878) e do mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912), a quen debemos considerar clásicos, malia certo esquecemento que os reduce a uns parágrafos nos manuais de ensino, por teren un enorme predicamento no público lector da súa época e mesmo influencia nos escritores que lle foron contemporáneos.

A colección Clásicos de Galaxia, artellada con criterio divulgativo en coidados libros de peto, vén de os rescatar seguindo idéntico editorial, unha Introdución sobre a Vida e a Obra dos autores e unha xenerosa Antoloxía dos seus versos.

Aínda que o citado Italo Calvino subliñaba que «la introducción, el aparato crítico, la bibliografía hacen las veces de una cortina de humo para esconder lo que el texto tiene que decir y que sólo puede decir si se lo deja hablar sin intermediarios que pretendan saber mas que el», os limiares de Ramón Blanco no caso de Añón e de Xurxo Martínez González e Armando Requeixo no tocante a Leiras Pulpeiro lonxe de seren “cortinaxe de fume” axudan a contextualizar a obra e ofrecen interesantes propostas de lectura.

A Serra de Outes é patria común de Añón e do filólogo e poeta Ramón Blanco e iso translúcese nunha introdución que principia «Francisco Añón escribía poemas en galego cando case ninguén o facía», facendo fincapé en que sexa recoñecido como un dos precursores do noso Rexurdimento e que nos seus coetáneos obtivese a consideración de Patriarca das Letras Galegas, sen esquecer a súa presenza como personaxe na obra O divino sainete de Curros Enríquez.

Blanco compendia e actualiza con datos novidosos a tese de Fernando Bel Ortega Vida e obra de Francisco Añón (A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1991) e percorre os episodios biográficos máis salientables da viad do poeta, sen esquecer os recoñecementos post-mortem entreos que sobrancea o Día das Letras de 1966 e a declaración de 2012 como Ano de Añón polo seu concello natal para conmemorar o bicentenario do natalicio. Son desvelados os anos de estudo e formación, rematados en Teoloxía e en Xurisprudencia, e a súa participación no provincialismo e nas tertulias literarias e políticas, así como a escrita dos primeiros poemas e as influencias do seu estro (o ilustrado Feijoo ou o luso Camões), esparexidas en xornais, revistas ou folletos, que dificultaron a compilación da súa obra.

Alén diso, Blanco trata de botar luz sobre episodios enigmáticos como as súas estadías en Lisboa, onde chegou a ser libreiro, as viaxes por Europa e os seus anos en Madrid e Sevilla. Porén, serán os Xogos Florais da Coruña de 1861 os que o consagran como autor na nosa lingua, co premio ao himno “A Galicia”, publicado no memorable Álbum de la Caridad.

Para Blanco «debeu ser o primeiro poeta galego que escribiu ‘Nova York’ nun verso», pois foi o escritor máis cosmopolia do Rexurdimento, mais de quitado da súa presenza en xornais e revistas ou nas antoloxías poéticas da época houbo que agardar a despois da súa morte para ollar a súa poesía nun libro, coa compilación que realiza Martínez Salazar en 1889. Finalmente, Blanco realiza unha antoloxía dos seus poemas en galego e en castelán, na que non faltan os textos máis (re)coñecidos de Añón.
(…)
Añón

Comentarios desactivados en Vida e Obra de Francisco Añón. Antoloxía poética. Edición de Ramón Blanco

Out 09 2015

Na presentación de Moraime, pequena vila con mar, de X. H. Rivadulla Corcón

Corcón2015
Created with Nokia Smart Cam
(Na primeira imaxe sinatura autógrafa e na segunda o autor asina o meu exemplar de pé, ás portas da taberna. Foto realizada con dispositivo móbil e pouca luz. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Onte á tardiña, na taberna da casa de xantar compostelá María Castaña, acompañamos ao poeta e narrador de estirpe muxiá X. H. Rivadulla Corcón na presentación do seu novo volume de relatos, intitulado Moraime, pequena vila con mar (Positivas, 2015).

Arredor duns viños de uva mencía e duns tapiñas de callos, que nun principio ían ser só para as persoas que lesen algún dos relatos, transcorreu a agradable e diivertida velada que autor e editor argallaron para presentaren o libro. De primeiras saudou á concorrencia o sempre lacónico e agudo Paco Macías e deseguida o propio X. H. Rivadulla Corcón deu lectura a «Moraime», o relato que abre este volume dun cento de contos e logo explicou a súa xénese, o feito de naceren como colaboracións diarias no programa radiofónico «Un día por diante» da Radio Galega. A voz de Corcón leu sempre os relatos nun microespazo que foi emitido entre os anos 2008 e 2009.

A vida dos habitantes dunha ficcional vila mariñeira chamada Moraime é a cerna duns relatos con grande dose de humorismo e de fina retranca que teñen a particularidade de conformaren unha serie, malia poderen ser lidos de xeito illado, e de estaren protagonizados por máis de medio centos de amigas e amigos do propio escritor, nas que hai artistas (Correa Corredoira, Paco Pestana…), moita xente do mundo do teatro e do audiovisual galego (Anabel Gago, Elina Luaces, Manuel Manquiña, Josito Porto…), da música (o tamén literato Xurxo Souto, Pazos de Merexo, Tino Baz…), da nosa literatura (Novoneyra, García-Bodaño, Xavier R. Baixeras, Teresa Moure, Xavier Seoane, María do Cebreiro…), con moita presenza de autoras e autores da Costa da Morte (Modesto Fraga, María Lado, Alexandre Nerium, Paco Souto convertido en taberneiro) mais tamén a crítica literaria Chus Nogueira, o libreiro Antón Pedreira ou o editor Manuel Bragado, que fai as veces dun doutor que sanda aos habitantes da vila, entre moitas outras sorprendentes caracterizacións.

De feito, na presentación algunhas destas persoas que tamén estaban entre o público fixeron unha lectura dalgún dos contos nos que aparecían, como a actriz Mónica Caamaño, os actores Pepe Soto e Pepe Penabade, o libreiro Pedreira ou a traballadora editorial Chelo Carreira, no que promete ser unha norma a seguir en vindeiras presentacións do volume.

O tempo botóusenos enriba e houbo que deixar a taberna na que aínda ecoaban os personaxes fabulados por X. H. Rivadulla Corcón, que agardan a nosa visita coma lectoras e lectores cheos de curiosidade.

Comentarios desactivados en Na presentación de Moraime, pequena vila con mar, de X. H. Rivadulla Corcón