Set 07 2015

Unha obrigada lembranza do amigo grovense Luís Rei Ñúñez

LuísRei01
LuísRei02
(Fotografías da autoría de Xosé Carlos Rodríguez, 6 de xuño de 2015 en Cambados. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Esta bitácora coñeceu un prolongado silencio en agosto por motivos persoais e neses días, en concreto o 10 de agosto, sucedeu o pasamento do meu caro amigo grovense Luís Rei Ñúñez, bibliotecario e Técnico de Cultura do Concello de Cambados, ao quen non puiden acompañar o día do seu soterramento, razón que xustifica esta pequena e emocionada lembranza.

Nesta ligazón da canle youtube pódese ollar un video sobre o acto de despedida organizado pola veciñanza de Ogrobe e da contorna, que foi presentado pola profesora Carme Hermida e no que se leron poemas de Ramón Cabanillas (autor do que Luís Rei Núñez escribiu unha monumental e erudita biografía Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, de obrigada lectura), versos aos que puxeron voz cidadáns que non coñezo, mais tamén o académico Francisco Fernández Rei ou o poeta Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Canda eles tamén o poeta Emilio Xosé Ínsua, un dos mellores amigos e camarada de Luís Rei Núñez en Anova – Irmandade Nacionalista quen le un texto da súa propia autoría. De Emilio Xosé Ínsua son tamén esta necrolóxica publicada na súa bitácora A ínsua do Ínsua, na que tamén podemos atopar unha longa e documentada anotación intitulada «Na entrega a Luís Rei da entrega do XII Premio Ramón Cabanillas en Cambados 16.5.2015». E nesta outra ligazón pódese ler a derradeira entrevista que lle fixeron, unha conaversa coa xornalista Rosa Estévez ao fío do devandito recoñecemento público.

Non hai moito puiden conversar persoalmente con Luís, máis alá dos correos electrónicos, primeiro aló por maio na actividade de formación permanente do profesorado Roteiro literario a Ría de Arousa na literatura. Viaxe ao Salnés de Valle-inclán e Cabanillas, no que era un dos relatores. Precisamente a moita información que nos deu aconsellou aos organizadores, nomeadamente ao amigo Xosé Carlos Rodríguez, a artellar outra nova xornada de formación permanente do profesorado En Cambados con Cabanillas, que se celebrou o día 6 de xuño de 2015 e con só dous relatores, o académico Francisco Fernández Rei e o propio Luís. Moito aprendemos e gozamos coas súas palabras e aínda houbo tempo para falarmos de intereses propios na literatura.

Ata daquela as nosas anteriores comunicacións epistolares viñeran a conto do seu apoio económico á iniciativa do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que coordinei xunto a Francisco «Chisco» Fernández Naval, editado por Toxosoutos, en coedición coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, e publicada grazas ao crowdfunding ou microfinanciamento colaborativo de moitas persoas, como xa se contou aquí.

E antes diso intercambiaramos varios correos electrónicos ao fío dunha das investigacións que lle ocupaban nos últimos tempos, unha biografía do líder agrarista Basilio Álvarez, que se cadra non puido rematar.

Sempre lembrarei con afecto ao amigo grovense Luís Rei Ñúñez pola súa enorme erudición e pola súa amenidade á hora de contar o moito que sabía e tampouco nunca hei esquecer a súa xenerosidade á hora de partillar datos biobliográficos ou historiográficos. Aínda lembro cando andaba eu a investigar sobre o poeta muxián Gonzalo López Abente como me agasallou coa edición facsimilar dos xornais cambadeses El Umia (1907) e El Cometa (1910), que me foron de utilidade. Todo iso e moito máis fará que teña sempre na memoria a súa amizade.

Que a terra che sexa leve, caro Luís!

(Fotografías da autoría de Xosé Carlos Rodríguez, 6 de xuño de 2015 en Cambados. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
LuísRei03
LuísRei04

Comentarios desactivados en Unha obrigada lembranza do amigo grovense Luís Rei Ñúñez

Comments are closed at this time.