Archive for Setembro, 2015

Set 30 2015

Tres poemas versionados ao alemán e ao serbo-croata

AlemánSerbocroata01
AlemánSerbocroata02
AlemánSerbocroata03
(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

Conmemórase hoxe, 30 de setembro, o Día Internacional da Tradución e xa se contou nesta anotación que a primeira vez que se traduciron poemas meus a varias linguas europeas foi cando recibín o Premio Tívoli-Europa en 1997, por Abecedario da desolación. Tres dos textos deste poemario recolléronse despois na lingua orixinal e acompañados de versións en italiano, portugués, castelán, francés, inglés, alemán, serbo-croata, albanés e ruso no volume Il cammino di Santiago. La giovane poesia d’Europa nel 1997 (1998), ao coidado de Filippo Bettini e Armando Gnisci, cuxa lapela sinala:

«Il cammino di Santiago: il cammino compiuto dai pellegrini, in una pluralità di lingue e di culture, verso il santuario di Santiago di Compostela. Il titolo è allegoria di questa pluralità cui si rivolge la ricognizione condotta dagli autori sulla giovane poesia europea (russa e inglese, greca e tedesca, scozzese e spagnola, francese bosniaca e albanese) con l’obbiettivo di contribuire a vivere l’Europa Unita anche nel campo della parola e dell’arte. Questo libro – atto inaugurale della prima edizione del premio internazionale di poesia Tivoli Europa Giovani – è un omaggio al vincitore, Miro Villar, mirabile poeta in gallego, qui tradotto in nove lingue perché possa esser letto da tutti i cittadini di questo nostro vecchio vitalissimo continente. Un omaggio in cui lo spazio del religioso finis terrae viene a coincidere con la laica ricerca di nuovi cammini in questo tempo d’interazione e di globalità».

Hai agora dous anos, nestoutra anotación reproducín as versións ao albanés, realizada por Blerina Suta, e ao ruso, por Alexej Boukalov.

E hoxe ofrezo os mesmos poemas nas súas versións ao alemán, realizada por Nora Moll, e ao serbo-croata, por Sinan Gudževič. E velaquí os orixinais:

Entre tanto, a tu custodia dejo mis últimos versos.
Aquí están.
Si los guardas,
si los conservas,
podremos comparar su amargura
con la sonrisa de los que escriba mañana cuando vuelva.

León FELIPE

aproveito as palabras por ti desperdiciadas
que recollo e restauro labrando cada verso,
palabras nos lagotos do olvido que vernizo
coa resina das bágoas, entre amor de rescaldos
que fumegan, que abafan e non dan extinguido.
aproveito as medidas limitadas dos versos
que recompoño adrede coa túa exactitude
de ámbitos, sensos novos retornan na beleza
do pronunciado, cerna de aciñeira traballo
e o corpo gaña a forma da evocación sonora.
aproveito as estrofas que nun aire viciado
purifico e intúo rimas e metros doces
para ter un azucre de flores semellante
aos teus ollos, reconto sílabas e agradezo
cada acento perfecto que quere un sonetista.
aproveito inclusive pausas inoportunas
onde o estro dubida na escolla do adxectivo
para amar, despoxado do apetecido aroma
colecciono un caderno de fragancias, odores
de prantas, e aproximo de xeito novo o corpo.
aproveito unha coda nunha estrofa de envío
para deixar no verso final esa esperanza
débil, ese combate co amargor máis profundo,
co verme máis nocivo. reparo o meu sorriso
namentres un fragmento de min nace diverso.

***
Um dia
sem ouvir
a tua voz
é como descobrir
que o mar
morreu.

David MOURÃO-FERREIRA

ando coa voz descalza nos días areeiros
que escorren polos dedos, reinvento no murmurio
que se escoita a liturxia de mares de saliva
que esvaran na pel, sinto como sobe a marea
do livor que conturba cada poro en silencio,
envexo o mar inmenso que desencalla os pasos
que escribín na planicie porque pode bicarte,
o mesmo mar de fóra que arreda os nosos liques
en distinto hemisferio, teño envexa do plancto
porque somos argazo que morre lentamente,
perdo salitre en ollos que se perden no inmenso
sabor dunha amargura tan grande e tan enorme
como aquel horizonte que se deita nos labios
do mar, non digo nada, non posúo palabras
para escribir relatos de náufrago no diario,
agradezo os abrazos e os beixos daquela onda
que cruza inesperada no vento de novembro
pero que sabe a pouco, que destrúe e que nada
máis que augación achega, miro de novo os peixes
escasos que unha rede de nostalxia enreda,
devolvo insatisfeito cada palabra na auga
e como o mariñeiro recoñezo na espera
unha amizade, miro de novo o mar na enchente
desta preamar, sinto como sobe a marea
do livor que conturba cada poro en silencio.
***
Amori impossibili
come
sono effetivamente impossibili le colline.

Andrea ZANZOTTO

nas bandeiras da tarde rebenta a utopía,
en ollos como puños o amor é como berro
de alcohol na ferida, desencaixados rostros
son patria desta dor e no plural das horas
exorcito a fereza da desesperación.
a imposibilidade de amar é o argumento
de todas as palabras que pronuncio, nos himnos
non invoco aos deuses nin a antigos heroes,
só teño nos meus labios o nome dunha deusa
mortal que me arrebata cada paso do tempo.
metáforas potentes encobren o sinxelo
discurso da hemorraxia mentres un sangue doce
e mesto engorda as bocas dos máis incomprendidos
poemas que nas nubes teño escrito para ela,
co lapis dos meus soños e o cuspe da amargura.
deixo atrás un vacío no caixón da memoria,
centos de documentos íntimos esparexo
no cartafol de versos e os amigos dubidan
de min pois fun sincero para os trasnos da imprenta
e hipócrita co aprezo de abrazos transparentes.
nunca quixen amigos para dicirlle amor
e dáballe as palabras aos paxaros, acaso
escoitase pardelas, rulas ou estorniños
pero ela nunca soubo que era este corazón
o culpable das aves de viaxe migratoria.

Tivoli0

Comentarios desactivados en Tres poemas versionados ao alemán e ao serbo-croata

Set 11 2015

As festas da Barca na poesía de Xervasio Paz Lestón

Barca
(Foto tirada do muro do historiador Luís Lamela. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, aldea da parroquia de San Xulián de Moraime no concello de Muxía o 23 de outubro de 1898 e desembarcou en Bos Aires con tan só doce anos, pois alí chegou o primeiro de xaneiro de 1911. Converteuse nun emigrante que non regresou á Terra, de quitado de curtas estadías ao longo da súa vida, e o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977, a súa muller María Sara, cando acode a espertalo pola mañá, descobre que morrera durante o sono.

Porén ese afastamento xeográfico non o foi afectivo e aínda que tamén escribiu moito sobre a festa de San Xulián de Moraime, que exemplifica o respecto que lle merece o culto á imaxe do patrón da súa parroquia, foron as festas da Barca unha das temáticas recorrentes nos versos, dos que me ocupei na miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, publicada por Edicións do Castro en 1998.

O seu agnosticismo non foi impedimento para escribir media ducia de textos coaa festas na honra da Virxe da Barca coma eixo: ««Sábado da Barca» [Alborada, nº 128, xullo a setembro de 1945]; «Domingo da Barca» [Alborada, nº 139, xuño a setembro de 1948. Asinado co pseudónimo Buserán.]; «¡Qué festa a da Barca!», [Alborada, nº 143, agosto a outubro de 1949. Asinado co pseudónimo Bieito de Xallas.] –que relata a participación nunha festa anual da ABC de Corcubión na emigración en Bos Aires de persoas como Maruxa Boga, o actor Tacholas, os Moreiras e outros moitos xoldreiros–; «Nosa Señora da Barca » [Boletín. Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, nº 11, outubro de 1930.]; outro intitulado tamén«Sábado da Barca» [Alborada, ???. Asinado co pseudónimo Gundariño.] e, finalmente outro «Domingo da Barca», un manuscrito no aparece, da man do autor, a data “1956” e que se debeu publicar sen localizarmos onde. A Barca aínda aparecerá citada noutros poemas, o que revela a importancia da súa iconografía para todos os muxiáns.

Nas composicións o poeta canta á Virxe da Barca, patroa de Muxía, coma se fose un romeiro máis que acode a ela. Todas elas amosan a devoción mariana enraizada na tradición popular. De feito, canta esta relixiosidade, intimamente unida á tradición, como unha parte fundamental do folclore popular. Agora ben, sempre aproveita os textos para evidenciar a súa actitude. Así, no poema Nosa Señora da Barca fai unha fermosa e detallada descrición dos romeiros que acoden á ermida e dos santos fervores e as ansias místicas que os moven, para logo lembrar nunha estrofa a aqueloutros que chegan ás romaxes de maneira pagá.

Cubertos de polvo dos vellos camiños
arriban a ermida da Virxen da Barca
devotos que veñen cumprindo promesas
que, acaso, fixeron en horas amargas.
(…)
arriban a Ermida coa i-alma alcendida
en santos fervores, en místecas ansias,
i elevan seus rezos con voces pregantes
que voan no tempro con trémulas alas)…

Y ao par dos romeiros que traen acesas
no fondo do peito as místecas lampras,
arriban aqueles que van ás romaxes
buscando o rebumbio das festas paganas.

Sobre o tema da paganía volve insistir novamente no poema Sábado da Barca, outro magnífico texto etnográfico que se abre coa reprodución dunha copla popular e que logo describe as condicións nas que se fai a romaxe nos primeiros anos da posguerra:

Viva sábado da Barca,
sábado da Barca viva,
coma sábado da Barca
non hai outra romeiría.
(Cantar do pobo.)
(…)
Hoxe non locen as roupas
dos tempos de Rosalía (…)
e quizás tampouco traen
as mesmas arelas místicas:
(…)
Tampouco veñen a pé,
camiña que te camiña,
(…)
Buques a vapor, motoras
de cen portos de Galicia
en letras de branca espuma
oracións paganas pintan
sobre o azul cristal das ondas
que se arrandean mainiñas.
(…)
Seus aparellos festeiros
pieita o sopro da brisa
e recolle as relixiosas
oracións de paganía
rezadas pol-os pandeiros
no linguaxe das ferriñas…

O acento antifranquista que xa se intúe no último poema do anterior apartado vaise facer moito máis evidente en Domingo da Barca, que relata a romaxe de 1948. Aquí, o eu poético aínda incide na dualidade existente entre as persoas que celebran a festa relixiosa e a profana, só que agora, xunto a esta apreciación sobre a propia celebración da romaxe, aparece outra idea cimeira que ten a súa cerna na situación de sometemento na que se atopa a Terra baixo a ditadura de Franco. Unha vez máis, aquí temos os versos de máis interese:

Doce de setembro corenta oito,
domingo da Barca.
Pras xentes que creen, festa relixiosa;
pras outras, profana.
Pero para todos, creintes i ateos,
festa renomada,
festa lexendaria.
(…)
Doce de setembro do corenta oito.,
domingo da Barca:
día de amarguras, de tristes recordos;
día de arelanzas
para os desterrados, ateos ou crêntes,
que soñan ver libre sua Terra aldraxada…
(…)
Hai pranto nos ollos;
hai fame nas caras.
¡Agochan os peitos sanguentes rencores
i hai odio nas almas!

Moito máis contundente aínda é noutro texto máis curto que tamén leva o título de Domingo da Barca e que remata con estas dúas estrofas:

Esquécese a fame
i a vil tiranía,
somente se pensa
na gran romeiría.

¡Ai! cómo quixera
chegar a Muxía
un día da Barca…
¡sin a tiranía!

A análise destes poemas suxire aínda moitas interpretacións artísticas, culturais, etnográficas, históricas, literarias.., mais para lle poñer o ramo a esta longa anotación reproduzo ao completo un dos textos referidos. Velaquí:

Nosa Señora da Barca

Cubertos de polvo dos vellos camiños
arriban a ermida da Virxen da Barca
devotos que veñen cumprindo promesas
que, acaso, fixeron en horas amargas.
Molladal-as roupas de azúes pingotas,
que espallan no ár os remos das lanchas,
tamén chegan xentes acesas de fé
que veñen por portos de vilas lonxanas.

Por ambos vieiros, en centos, en miles,
que hai tantos que levan delores na i-alma
e van en romaxe buscando consolo
ao pé da imaxen divina da Santa!

(Mulleres velliñas con fillos n’América,
rapazas de mozos que sirven en Africa,
soldados que volven de estar n-ese inferno,
doente que levan o corpo con lañas:

arriban a Ermida coa i-alma alcendida
en santos fervores, en místecas ansias,
i elevan seus rezos con voces pregantes
que voian no tempro con trémulas alas)…

Y ao par dos romeiros que traen acesas
no fondo do peito as místecas lampras,
arriban aqueles que van ás romaxes
buscando o rebumbio das festas paganas.

Por eso, Muxía rebule esos días
ao son dos pandeiros, tambouros e gaitas:
rechouchan as cunchas, voian cantareas…
i os mozos nas prazas bailan ribeiranas.

Tamén pol-a ría pasean as xentes
en raudas motoras, en gráciles lanchas
que vogan lixeiras coas velas tendidas
crebando o espello polido das ágoas.
…………………………………………………………….
Pasouse setembre do ano que corre,
¡cántos lembrarían a festa da Barca!…
que Dios nos deixe ir pro ano que ven
rezar unha salve na ermida da Santa.

¡Que Dios nos ampare con boa fortuna
i a Virxen Santísima nos sea abogada
pra volver aos lares donde trascorreron
os lonxanos días da feliz infanza.

Comentarios desactivados en As festas da Barca na poesía de Xervasio Paz Lestón

Set 09 2015

Galiza, Nación Leiteira. Eu apoio o sector leiteiro galego

Published by under Manifestos

Gandeiros
GandeirosMazaricos
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Comentarios desactivados en Galiza, Nación Leiteira. Eu apoio o sector leiteiro galego

Set 09 2015

A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, por Emilio Xosé Ínsua

Published by under Narrativa,Recensións

AbenteNarrativaAbente01
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

As persoas que temos devoción pola obra literaria do escritor muxián Gonzalo López Abente, mesmo facendo parte da súa Fundación, acollemos con gozo a celebración de calquera dos seus libros e dos artigos e textos que axuden na súa divulgación. Entre estes últimos orgúllome de reproducir deseguida o artigo «A narrativa mariña de Gonzalo López Abente» que o poeta e profesor Emilio Xosé Ínsua vén de publicar na súa sempre interesante e erudita bitácora denominada A ínsua do Ínsua, no que realiza unha profunda análise da compilación preparada polo profesor muxián Suso Sambade Soneira con ese título A narrativa mariña de Gonzalo López Abente (Biblioteca das Letras Galegas, Xerais, 2012), de cuxa presentación xa se falou aquí mesmo. E velaquí a recensión:

A narrativa mariña de Gonzalo López Abente

Da man da Biblioteca das Letras Galegas (nº 67) de Edicións Xerais, o amigo e profesor Suso Sambade Soneira ofreceunos en datas recentes unha moi oportuna edición conxunta de varias novelas curtas do escritor Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963).

Produto do plan despregado no seu día polas Irmandades da Fala para consolidar o cultivo do xénero narrativo entre nós, estas noveliñas están caracterizadas por uns argumentos virados cara ao enredo sentimental e amoroso (por veces tráxico) e non carecen de episodios de crítica política e sociolóxica en chave galeguista, mais tamén é moi relevante nelas a presenza constante e determinante dos espazos e dos ambientes da beiramar fisterrá galega, o que lles outorga un carácter pioneiro indiscutíbel nese plano.

O noso escritor, que foi fillo dun capitán da mariña mercante e armador que fixo fortuna no comercio con América, residiu a maior parte da súa vida na Muxía natal, paisaxe que ha de aparecer unha e outra vez retratada con arroubo nos seus versos, en poemarios moi relevantes das letras galegas de preguerra como Escumas da ribeiraAlento da razaD’Outono ou Nemancos.

As novelas que aparecen agora recompiladas participan desta devoción do escritor polo mar e polas súas ribeiras humanizadas, escenario das tramas argumentais que desprega.

O diputado por Beiramar (1919), dedicada a Antón Villar Ponte e gañadora dun certame convocado polo xornal A Nosa Terra no ano anterior, alberga un primeiro capítulo en que López Abente se adianta case unha década ao Risco de O porco de pé para ofrecernos un retrato cargado de ironía sobre os comportamentos e compromisos espúreos dos caciques e políticos da Restauración, recibidos na vila con ares de festa maior tan postizos como os seus propios discursos diante da plebe congregada.

Os restantes capítulos despregan unha historia de enredo sentimental, con notas eróticas explícitas que deberon resultar moi atrevidas, imaxinamos, no seu momento. O relato da excursión que celebran os protagonistas por vía marítima ata a fervenza do río Xallas, no Ézaro, cando aínda non fora privatizada nin entubada, é un dos episodios da novela que paga a pena ler con delectación.

O novo xuez (1922), que viu lume coa editora Céltiga que impulsou en Ferrol Xaime Quintanilla, colócanos diante do fanado intento dun maxistrado foráneo con destino nunha vila ribeirana galega, Don Desiderio, de abusar dunha moza palilleira, Mariquiriña, que ten noivo mariñeiro, Ramón. Este fachendoso Don Xoán do caldo á merenda topará finalmente coa tan solidaria como contundente resposta dos compañeiros de travesías do noivo.

Merecen destacarse nesta xeitosa e amena novela algúns episodios en que os homes do mar e os barcos cobran especial protagonismo: a descrición da taberna mariñeira do señor Manuel no capítulo III, a partida do balandro San Fins no capítulo IV, as panxoliñas que os nenos de familias mariñeiras pobres andan a cantar á porta na Noiteboa, no capítulo V ou, por último, o episodio resolutorio da trama, que ten como escenario unha témera furna mariña.

Buserana (1925) fixo parte da colección de narrativa da editora coruñesa Lar, de Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos. Dividida nun prólogo e dez capítulos, céntrase nunha sorprendente historia de amor, coas lendas populares como pano de fondo, e encerra referencias a lugares moi emblemáticos da Costa da Morte: o cabo Vilán co novo faro xa inaugurado, a fervenza das Quebrantes, o santuario da Barca, a propia furna da Buserana… Tamén se fai evocación costumista da festa do San Xián (7 de xaneiro).

Fuxidos (Lar, 1926) é, tal vez, sen renunciar ao seu carácter de novela basicamente sentimental que xira sobre unha relación amorosa adúltera, a máis mariñeira de todas estas novelas de López Abente reunidas por Suso Sambade. O mar xoga un decisivo protagonismo no tráxico final da historia e os oito capítulos de que consta están salferidos de coidadas descricións da paisaxe muxián nun día de temporal, de alusións ás nordestadas, ao mar bravo, aos vaporiños e aos pobres pescos, así como dunha interesantísima recreación de ambiente durante a celebración do Entroido na vila.

Pecha o volume, un pouco á marxe e máis por razóns de oportuno rescate textual que de coherencia ou semellanza ambiental co resto das obras recompiladas, o relato “O escándalo”, que se editou no decenario A Nosa Terra en 1920.

Hai que dar os parabéns a Suso Sambade por esta edición que permite un acceso doado á obra narrativa de López Abente, un dos autores máis emblemáticos do tempo das Irmandades e unha das sinaturas que contribuíron coma poucas nese instante á consolidación da prosa galega.

Comentarios desactivados en A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, por Emilio Xosé Ínsua

Set 08 2015

Poemas (LXXX): «Art, The Timeless Medium» e «Auto-retrato», de Ana Hatherly

AnaHatherly01

Vai aló máis dun mes que tamén nos deixou unha outra autora que estimo, Ana Hatherly (nada no Porto o 8 de maio de 1929 e finada en Lisboa o 5 de agosto de 2015), da que se pode ler unha biografía nesta anotación na bitácora quadrogiz, foi unha artista plástica, poeta, romancista, tradutora, ensaísta, investigadora, realizadora e profesora da Universidade Nova de Lisboa.

Coñecín a súa obra no lonxíncuo setembro de 1998, aínda que o libro está datado en outubro, cando o poeta e editor portugués Alberto Augusto Miranda, sempre ben relacionado coas e cos poetas galegos (nomeadamente coas autoras e os autores das xeracións dos oitenta e dos noventa), fixo chegarme como agasallo o libro de Ana Hatherly intitulado A Idade da Escrita, publicado no seu propio selo editorial (Lisboa: Edições Tema, 1998), creada no seo do Departamento Literario da Sociedade Guilherme Cossoul, lugar que visitamos algúns poetas galegos no mes de maio dese ano nunha das actividades das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, que tiveron lugar entre os días 25 e 30 de maio de 1998 na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade Nova de Lisboa e que foron organizadas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades coa colaboración da Sociedade de Instrução Guillerme Cossoul, das que se publicaron Actas.

Até daquela non coñecía eu a obra desta autora malia que xa levaba máis dunha ducia de libros publicados de poesía e tamén de poesía visual, de feito a capa e a contracapa deste poemario está conformada por caligramas da autoría da propia Ana Hatherly.

Ao recuperar a súa lectura nos días deste último agosto inusualmente sombrizo, nun volume que se abre coa dedicatoria do Alberto Augusto Miranda «Com o forte abraço do Alberto», revisito unha serie de poemas que moito me interesou, os máis deles de recendos metaliterarios ou metapoéticos, e dos que hoxe recupero a penas dous textos do seu A Idade da Escrita: «Art, The Timeless Medium» e «Auto-retrato», que me serven para lembrar unha enorme poeta á que non coñecín persoalmente, mais da que me sentín próximo literariamente.

«Art, The Timeless Medium»

O poeta não quer duplicar o mundo
não quer fazer dele uma cópia:

Luta com a palavra
como Jacob lutou com o anjo
mas a escada que ele sobe
conduz a outras alturas
a outras planuras

É assim que o poeta
palavra por palavra
como pedra sobre pedra
constrói o edifício do poema

E a sua mão
robótico instrumento comandado
pela algébrica lógica do sentido oculto
produz
deve produzir
o que o mundo não tem
o que o mundo não diz
o que o mundo não é.

«Auto-retrato»

Este que vês, de cores desprovido,
o meu retrato sem primores é
e dos falsos temores já despido
em sua luz oculta põe a fé.
Do oculto sentido dolorido,
este que vês, lúcido espelho é
e do passado o grito reduzido,
o estrago oculto pela mão da fé.
Oculto nele e nele convertido
do tempo ido excusa o cruel trato,
que o tempo em tudo apaga o sentido;
E do meu sonho transformado em acto,
do engano do mundo já despido,
este que vês, é o meu retrato.

A obra artística de Ana Hatherly tamén se relacionou co cinema como amosa esta excelente curta inspirada na Revolução dos Cravos:

Revolução, by Ana Hatherly, 1975 – full version 5 minutes (16mm, color and sound).

Comentarios desactivados en Poemas (LXXX): «Art, The Timeless Medium» e «Auto-retrato», de Ana Hatherly

Set 07 2015

Trincado, un soneto de Antón Zapata García sobre a devandita embarcación

StaffanMörling
TrincadoenFerrol.FotoMiroM.Cerredelo
(Fotografía de Staffan Mörling na illa de Ons nos anos 60 e fotografía dun Trincado, da autoría de Edelmiro Martínez Cerredelo que acompaña este artigo de Fernando Dopico Blanco)

Radiofusión, a páxina web das Radios Municipais Galegas, publicou este primeiro de setembro unha nova sobre a homenaxe ao antropólogo Staffan Mörling que se vén de celebrar en Fene e onde o profesor sueco falou dunha embarcación denominada Trincado. Axiña veu á miña memoria o soneto que lle dedicou o poeta laxense Antón Zapata García e que se incluíu no seu poemario A Roseira da Soidade (1954).

A seguir reproduzo a nova de Radiofusión:

Fene homenaxea ao profesor sueco Staffan Mörling

A II Festa Mariñeira de Fene rende homenaxe esta fín de semana ao profesor sueco Staffan Mörling, membro fundador da Federación Galega pola Cultura Marítima. Morling é autor do libro As embarcacións tradicionais de Galicia publicado en 1989. Presentando este estudo estivo en Fene no ano 1996, convidado polo concello de Fene ás Xornadas «Apuntes para a historia da ría» que se celebraron no mes de febreiro na Casa da Cultura. Staffan Mörling centrara aquel día a súa intervención nos «Trincados, lanchas e botes, as embarcacións autóctonas das Rías Altas». Segundo recoñecía o investigador sueco afincado en Galicia, desde que lle falaron e lle debuxaron un trincado, a curiosidade de investigador despertouse nel.

Staffan Mörling fala do trincado con devoción, polas características que reúne esta lancha destinada á carga de mercadurías.

«…co seu casco concebido á marxe das doutrinas da construcción naval, co único mastil fortemente tumbado sobre a popa e levando a vela cadrada asimétrica, a galega “vela de relinga” no maior tamaño que xamais existiu».

«Os trincados cargaban arenques en salazón en Cariño para levalos á Coruña. Transportaban leña á cidade herculina».

«A orixe física dos trincados dos que temos noticia, era unha pequena zona que comprendía Miño, Pontedeume, Redes, Maniños e Barallobre». Staffan Morling destaca no seu traballo estes últimos portos feneses. Dí que: En Maniños foi onde Ramón Rodríguez construíu o Villa de Cedeira en 1891 e o mestre Jacobo Aguilar Rodríguez fixo en Maniños nada menos que catro trincados entre os anos 1897 e 1903. En Barallobre destaca a Jacobo Fernández como mestre da última construcción dun trincado, o «Higinio» en 1905.

Máis alá da ría de Camariñas , defende Staffan Mörling, non tiveron base os trincados, que el define como unha expresión da cultura mariñeira das Rías Altas. Morling demostra nos seus estudos que esta embarcación ten unhas propiedades veleiras que lle daban plena autonomía para cubrir rutas en mar aberto. Cunhas dimensións que rondaban os 17 metros de eslora por 5 de manga, destacaba pola estreitez do casco e pola vela que para izala precisaba dunha manobra moi especial.

O profesor Staffan Mörling reproducía nesa intervención en Fene no ano 1996, as palabras dun vello patrón de Fisterra sobre o trincado:

«O barco semella unha gaivota polas ondas. Parece que non hai vento e o barco pasa por riba, como voando».

Pola súa banda, o soneto que lle dedicou o poeta laxense Antón Zapata García e que se incluíu no seu poemario A Roseira da Soidade (1954) intitúlase Trincado. Publicouse unha versión con algunha pequena variante lingüística poucos meses antes en Mundo Gallego, Revista de Galicia en América, Bos Aires, nº 2, xaneiro de 1952, onde aparece incluído no tríptico intitulado Frisos Galegos, xunto cos poemas O Final Imorrente [gralla, por O Pinal Inmorrente] e Sachadoras. Ademais, aparece coa seguinte indicación: Do libro “A Roseira da Soidade”, a imprensarse na Cruña no primeiro trimestre corrente. Tamén se publica xunto a un debuxo, sen asinar, duns leñadores e indicando: Especial para MUNDO GALLEGO.

Tamén foi reproducido por por Fernández del Riego, Francisco (1955). Escolma de poesía galega, IV. Os contemporáneos. Vigo. Galaxia. 57. E tamén polo mesmo Fernández del Riego, Francisco (1976). Antoloxía Poesía Galega. Do dezanove aos continuadores. Vigo. Galaxia. 274. O editor moderniza o texto e engade en nota a rodapé: «Os termos náuticos teñen no poema unha espresión ricaz».

Velaquí o magnífico soneto:

TRINCADO

NACHUDO de arrufada, con papos de home gordo,
n-un largo, vai fendendo, a xeito de bigotes,
as ondas que, en salseiros, pol-o courel, abordo,
solagan imbornaes, bancadas, calabrotes…

Ben tesas as estachas nos rexos cadenotes,
o pau renxe coa vela relinga; e do balbordo
que fan os seus costados, que lembran cachalotes,
un branco ronsel deixa, escumosante, xordo…

Eisí vai avantando, n-un firme barlovento,
case ao longal turquesa da galizana ría
—da praia na procura, que agarda o cargamento—;

e cando xa se emproa, e ao vento bate a vela,
âs voces de: «¡Dar fondo!», «¡Desata drisa!», «Arría»,
¡câl de un ditrema iñorme, d’el sae unha gamela!…

Comentarios desactivados en Trincado, un soneto de Antón Zapata García sobre a devandita embarcación

Set 07 2015

Unha obrigada lembranza do amigo grovense Luís Rei Ñúñez

LuísRei01
LuísRei02
(Fotografías da autoría de Xosé Carlos Rodríguez, 6 de xuño de 2015 en Cambados. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Esta bitácora coñeceu un prolongado silencio en agosto por motivos persoais e neses días, en concreto o 10 de agosto, sucedeu o pasamento do meu caro amigo grovense Luís Rei Ñúñez, bibliotecario e Técnico de Cultura do Concello de Cambados, ao quen non puiden acompañar o día do seu soterramento, razón que xustifica esta pequena e emocionada lembranza.

Nesta ligazón da canle youtube pódese ollar un video sobre o acto de despedida organizado pola veciñanza de Ogrobe e da contorna, que foi presentado pola profesora Carme Hermida e no que se leron poemas de Ramón Cabanillas (autor do que Luís Rei Núñez escribiu unha monumental e erudita biografía Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, de obrigada lectura), versos aos que puxeron voz cidadáns que non coñezo, mais tamén o académico Francisco Fernández Rei ou o poeta Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Canda eles tamén o poeta Emilio Xosé Ínsua, un dos mellores amigos e camarada de Luís Rei Núñez en Anova – Irmandade Nacionalista quen le un texto da súa propia autoría. De Emilio Xosé Ínsua son tamén esta necrolóxica publicada na súa bitácora A ínsua do Ínsua, na que tamén podemos atopar unha longa e documentada anotación intitulada «Na entrega a Luís Rei da entrega do XII Premio Ramón Cabanillas en Cambados 16.5.2015». E nesta outra ligazón pódese ler a derradeira entrevista que lle fixeron, unha conaversa coa xornalista Rosa Estévez ao fío do devandito recoñecemento público.

Non hai moito puiden conversar persoalmente con Luís, máis alá dos correos electrónicos, primeiro aló por maio na actividade de formación permanente do profesorado Roteiro literario a Ría de Arousa na literatura. Viaxe ao Salnés de Valle-inclán e Cabanillas, no que era un dos relatores. Precisamente a moita información que nos deu aconsellou aos organizadores, nomeadamente ao amigo Xosé Carlos Rodríguez, a artellar outra nova xornada de formación permanente do profesorado En Cambados con Cabanillas, que se celebrou o día 6 de xuño de 2015 e con só dous relatores, o académico Francisco Fernández Rei e o propio Luís. Moito aprendemos e gozamos coas súas palabras e aínda houbo tempo para falarmos de intereses propios na literatura.

Ata daquela as nosas anteriores comunicacións epistolares viñeran a conto do seu apoio económico á iniciativa do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que coordinei xunto a Francisco «Chisco» Fernández Naval, editado por Toxosoutos, en coedición coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, e publicada grazas ao crowdfunding ou microfinanciamento colaborativo de moitas persoas, como xa se contou aquí.

E antes diso intercambiaramos varios correos electrónicos ao fío dunha das investigacións que lle ocupaban nos últimos tempos, unha biografía do líder agrarista Basilio Álvarez, que se cadra non puido rematar.

Sempre lembrarei con afecto ao amigo grovense Luís Rei Ñúñez pola súa enorme erudición e pola súa amenidade á hora de contar o moito que sabía e tampouco nunca hei esquecer a súa xenerosidade á hora de partillar datos biobliográficos ou historiográficos. Aínda lembro cando andaba eu a investigar sobre o poeta muxián Gonzalo López Abente como me agasallou coa edición facsimilar dos xornais cambadeses El Umia (1907) e El Cometa (1910), que me foron de utilidade. Todo iso e moito máis fará que teña sempre na memoria a súa amizade.

Que a terra che sexa leve, caro Luís!

(Fotografías da autoría de Xosé Carlos Rodríguez, 6 de xuño de 2015 en Cambados. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
LuísRei03
LuísRei04

Comentarios desactivados en Unha obrigada lembranza do amigo grovense Luís Rei Ñúñez