Xul 03 2015

Poemas (LXXVII): «Velada poética», de Wislawa Szymborska

Published by at 12:47 under Efemérides,Gravacións,Poesía

wislawa
Veladapoética

Onte fíxome acordar da poeta polaca Wislawa Szymborska (2 xullo 1923, Bnin (agora Kórnik) / 1 Febreiro 2012, Cracovia) esta excelente anotación na bitácora de Agustín Fernández Paz, escrita por mor da conmemoración do seu aniversario. Por certo, os redactores da Galipedia erran na data e falan de que naceu un 2 de marzo.

Ao día desguinte da data do seu falecemento (1 de febreiro do 2012) escribín esta lembranza. E dicía daquela que en moitas das miñas lecturas públicas dos meus versos, prefiro esta denominación a falar de recitais, na década dos noventa adoitaba iniciar calquera lendo un poema da escritora polaca intitulado «Velada poética», que coñecín en español no libro Paisaje con grano de arena (Barcelona: Lumen, 2006)  e que lle mercara á libraría Trazos na Feira do Libro de Cee dese verán, con esa característica dos libros de Lumen de teren as follas aínda sen despegar. Por certo, na actualidade pódese ler ao completo neste pdf. Desde o castelán fixen unha versión galega daquel poema:

VELADA POÉTICA

Ser, ¡ouh, Musa!, boxeador ou non ser nada.
Por nós nunca roxe o público exaltado.
Hai unha ducia de persoas na sala.
Instan a iniciarmos a velada.
A metade está aquí porque fóra chove,
o resto, ¡ouh, Musa!, son parentes.

As mulleres ao desmaio dispostas
irán ver como dous pesos galo se arrincan as cristas.
Só o boxeo ofrece escenas dantescas.
E a ascensión, ¡ouh, Musa!, aos ceos.

Non ser púxil, ser poeta,
vivir condeado a cunqueiros forzados,
a falta de músculos exhibir ao mundo
—¡no mellor dos casos!— futuras lecturas escolares,
¡ouh, Musa!, ¡ouh, Pegaso,
anxo acabalado!

En primeira fila un velliño en trance
soña que a súa muller, que en paz descanse,
resucita e faille un pastel de chocolate.
Con lume, mais lento, ¡que non se queime o pastel!,
comezamos nós, ¡ouh, Musa!, a ler.

Pois ben, hai un testemuño sonoro que está recollido no sitio do Consello da Cultura Galega onde se hospeda o finado e proxecto denominado poesiagalega.org, rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixiu o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballou arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).

No seu Arquivo Sonoro dixitalizaron unha serie de gravacións de voces poéticas que proceden do arquivo persoal do meu irmán Rafa Vilar, quen durante un tempo levaba sempre a súa gravadora ás lecturas ou recitados. Era aló polos últimos anos da década dos noventa.

A miña lectura do poema «Velada poética» (cuxa letra non é exactamente igual á que reproduzo, pois  algunha modificación fixen a posteriori) principia a gravación dunha lectura o 14 de xullo de 1998. Alén de se poder escoitar nesta ligazón, velaquí o arquivo de voz:

mvillar_1998_ruanova
No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada:

«Gravación realizada no pub Rúa Nova de Santiago de Compostela (rúa Nova, 36) o 14 de xullo de 1998. Recital organizado por Letras de Cal e presentado por Eduardo Estévez. Interviron tamén Carlos Negro e Marta Dacosta».

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Rafa Villar

Dixitalización de audio: Reverso CCL

Na miña intervención fago unha lectura comentada de nove sonetos do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), que viña de ser publicado naquela altura, aos que precedeu esa versión do coñecido poema da poeta polaca Wislawa Szymborska, premio Nobel de Literatura en 1996.

Finalmente, quero lembrar máis unha vez, que a editorial Positivas publicou en galego os seus Versos escollidos, aínda que entre esta escolma non figuran moitos dos meus preferidos. Porén, isto non é impedimento para recomendarmos a súa lectura na nosa lingua en tradución de Lucía Caeiro, quen xa adiantara o poema «Un gato no piso baleiro» na revista A Xanela, 25 (Betanzos, primavera do 2008, páxina 12).

Alén diso tamén está traducida ao portugués continental e ao portugués do Brasil e nalgunhas bitácoras na rede podemos atopar algúns poemas soltos. Velaquí:

«A alegría da escrita».

«Possibilidades».

«Os filhos da época» e «Sob uma estrela pequenina».

Comentarios desactivados en Poemas (LXXVII): «Velada poética», de Wislawa Szymborska

Comments are closed at this time.