Archive for Xullo, 2015

Xul 23 2015

«A groriosa bandeira», un soneto de Gonzalo López Abente

Bandeira

Este Día da Patria Galega (25 de Xullo) unha manifestación de unidade de acción nacionalista convocada polo Manifesto pola Unidade percorrerá as rúas de Compostela até a histórica Quintana. Confeso que o cartaz deseñado por Pepe Barro para esta convocatoria, que semella a bandeira imperial nipona do sol nacente, non é moito do meu agrado, así que máis unha vez esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo deseñado por Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950).

Canda ela reproduzo novamente o soneto «A groriosa bandeira» de Gonzalo López Abente, que pertence á terceira parte, intitulada «Guerreira» do libro que deixou inédito Bretemada (Alvarellos, 2011), escrito entre 1917 e 1922, e que nós recuperamos, e que tamén se recolle na Poesía Completa de Gonzalo López Abente publicada na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente.

XII

A GRORIOSA BANDEIRA

Entre os altos petoutos da soberba montana,
c’os fiaños de prata que espallan as auroras
e co-as brancas folerpas das neves voadoras,
unha tea impalpabre, cal hábil tecelana,
fabricóu a princesa mais garrida e galana
no calado apouvigo das madrugueiras horas;
e aquela tea foi, nas suas mans creadoras,
inmaculado símbolo da Terra soberana.
Estendéu a brancura d’aquel lenzo grorioso
baixo o doce agarimo do día lumioso,
estreitouno un instante contra o turxente seo,
ergueuno, douno ao vento, e fíxose a bandeira
da Patria, despois que houbo cruzádoa lixeira,
d’unha banda a outra banda, c’un anaco de ceo.

Comentarios desactivados en «A groriosa bandeira», un soneto de Gonzalo López Abente

Xul 22 2015

Enrique Labarta Pose na «Ars dedicandi» do crítico Armando Requeixo

LabartaPose
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

A bitácora Criticalia, do crítico literario e profesor mindoniense Armando Requeixo, posúe entre as súas seccións unha ben interesante denominada «Ars dedicandi», na que de cando en vez vai reproducindo dedicatorias de escritores e escritoras, alternando as sinaturas de autores/as doutrora coas máis contemporáneas.

Na última, publicada hoxe 22 de xullo, recolle a un dos nosos autores aurorais da Costa da Morte. Trátase do baiés Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 22 de xullo de 1863 – Barcelona, 13 de maio de 1925), a quen consagrou a súa Tese de Licenciatura o noso amigo malpicán Xosé Manuel Varela Varela nunha voluminosa Obra completa, de Enrique Labarta Pose (Edinosa, 1995).

Polo seu interese para a nosa tribo, reproduzo a imaxe da dedicatoria e o erudito comentario explicativo que lle engade Armando Requeixo. Velaquí:

Enrique Labarta Pose naceu en Baio, Zas, tal día coma hoxe do ano no que Rosalía publicou Cantares gallegos. Foi, sobre todo, xornalista, e ben activo, amais de poeta de xenio humorístico. Do primeiro dan testemuño as diversas cabeceiras que entre fins dos anos 80 e os 90 do século XIX dirixiu tanto en Santiago coma en Pontevedra. Do segundo son exemplo, á parte doutros opúsculos, principalmente as páxinas de Bálsamo de Fierabrás (1889), a “Colección de versos en gallego y castellano” que lle prologou Alfredo Brañas e que foi imprentada en Madrid pola coñecida Librería de Fernando Fé.

Labarta Pose traballou na Facenda Pública e, como profesional formado no Dereito, mantivo o trato con outros avogados, como o destinatario da súa dedicatoria, Álvaro López Mora, político liberal santiagués, amigo de Montero Ríos, que, daquela, era Director Xeral do Contencioso do Estado e, polo mesmo, persoeiro público de relevo.

Fique, pois, aquí este pequeno recordatorio ao poeta que, en morrendo Curros Enríquez, o chorou con estes versos:

Tristes queixumes, por veigas, congostras e montes escoito;
semellan laios os longos runxidos dos vellos pinares;
Galicia chora, doente, ferida, cuberta de loito
polo cantore das suas ledicias e dos seus pesares.

Comentarios desactivados en Enrique Labarta Pose na «Ars dedicandi» do crítico Armando Requeixo

Xul 22 2015

Poemas (LXXVIII): «Sonhando danças, vígil, marcas passo», de Daniel Jonas

Published by under Poesía,Premios

DanielJonasNó

O sonetario , da autoria de Daniel Jonas (Porto, 1973. Mestre em Teoria da Literatura e tradutor), foi distinguido por unanimidade co «Grande prémio de poesia Teixeira de Pascoaes» da Associação Portuguesa de Escritores (APE) e o patrocínio da Câmara Municipal de Amarante (CMA).

A obra foi publicada pola editora Assírio & Alvim em 2014 e os restantes cinco finalistas foron O Fruto da Gramática, de Nuno Júdice (Dom Quixote), Escuro, de Ana Luísa Amaral (Assírio & Alvim), Jóquei, de Matilde Campilho (Tinta da China), Ritornelos, de Joana Emídio Marques (Abysmo) e A Misericórdia dos Mercados, de Luís Filipe Castro Mendes (Assírio & Alvim).

Na acta do xúri pódese ler: «Pelo mérito muito assinalável do seu trabalho poético, que convoca a tradição lírica ocidental para uma recomposição textual lúcida e fortemente irónica, cosmopolita, atenta aos lugares e tempos de um presente recolhido e transfigurado». Porén, o que a min máis me sorprende, moi gratamente, é o feito de teren premiado un libro de sonetos ou sonetario, algo que nesta altura é moi difícil, por non dicir imposible, que aconteza nos certames poéticos que se convocan na literatura galega.

Nunhas breves declaracións ao xornal portugués Público, o poeta Daniel Jonas sinalou que: «Foi uma surpresa porque não sabia sequer que estava nomeado», destacando a curiosidade de os dois livros que escreveu em sonetos ( e Sonótono) serem as suas únicas obras premiadas até agora. «Eram os cavalos em que não apostaria», brinca o autor, admitindo que a escrita em sonetos «é uma área difícil que coloca desafios interessantes mas mais complexos».

Velaquí o quinto soneto de (Assírio & Alvim, 2014):

Sonhando danças, vígil, marcas passo.
Vivendo dormes, vives se adormeces
Na caixinha de música em que esqueces
Como um velho sobre o éter do bagaço.

Oh, em ti rodopias, pobre piasca,
Que sonhas teu compasso visionário,
A falsa valsa, o baile imaginário
Nos clássicos salões da tosca tasca.

E abraços tantos são em que te abraças
Que em sonhos lasso o abraço lhe prolongas;
Em aguardente imerso o capitão
Assim aceita os braços de outras braças.

A vida… Porque nela te delongas?
A vida cabe toda num caixão.

Comentarios desactivados en Poemas (LXXVIII): «Sonhando danças, vígil, marcas passo», de Daniel Jonas

Xul 22 2015

A dereita de Fisterra aborrece a cultura e os libros

FisterraLibros
(Fotos de Darío Gómez para o dixital Que pasa na Costa. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

De sempre as dereitas son sinónimo de aborrecemento pola cultura e polos libros. Nesta bitácora xa se lembrou «A queima de libros na Costa da Morte en 1936» en dous concellos da Costa da Morte: Cee e Corcubión, nun episodio que lembra aqueloutro tamén real e logo ficcionado por Manuel Rivas no seu Os libros arden mal (Xerais, 2006) e que tamén recolle o volume O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza na II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (Laiovento, 2009), da autoría de Francisco Xavier Redondo Abal. Na segunda parte desta obra nárrase coma o golpe de estado de xullo do 1936 contra a legalidade republicana trouxo consigo a represión, no que atinxe aos libros houbo bibliotecas enteiras queimadas, roubadas, incautadas e espoliadas, como sinala o autor, en nome dunha Patria e dunha Relixión que entendían os libros como «material perigoso».

E estes días aínda estou abraiado coas novas publicadas no dixital Que pasa na Costa, «Libros que esmorecen pola deixadez» (publicada o 15 de xullo) e «Os veciños de Fisterra implícanse na restauración dos seus 15.000 libros abandonados» (publicada hoxe), dúas excelentes crónicas que testemuñan a deixación e o abandono no que o anterior goberno do Partido Popular de Fisterra deixou os fondos das súas bibliotecas, nun concello que aínda a día de hoxe carece dunha Biblioteca Pública Municipal digna de posuír tal denominación e que debe ser unha prioridade para o novo bipartito do PSOE e do BNG, mesmo dándolle o nome do editor e escritor republicano Alejandro Campos Ramírez, Alejandro Finisterre, que levou no seu apelido a localidade desde o seu exilio mexicano a toda América Latina e Europa e que chegou a ser membro non numerario ou correspondente da Real Academia Galega (RAG).

Os meus parabéns á veciñanza consciente de Fisterra, polo seu labor a prol do rexurdimento cultural e literario do seu concello e por salvaren os libros da couza ou da barbarie da queima.

queimadelibros

Comentarios desactivados en A dereita de Fisterra aborrece a cultura e os libros

Xul 17 2015

Galería de imaxes en defensa do sector leiteiro

Published by under Manifestos,Política

Foi unha manifestación numerosa, mais pouco combativa na miña opinión. Até o remate, na Quintana, transcorreu moi silenciosa, case semellaba o funeral do sector leiteiro, e sen berrarmos case ningunha das “consignas” acordadas pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo, nas que non se recollía ningunha crítica ao Goberno Galego e á Consellaría do Medio Rural e do Mar, se callar para non molestar aos alcaldes do PP (como Ovidio Rodeiro, de Boqueixón, poñamos por caso) que se sumaron á convocatoria, supoño que co ánimo de a desactivar coa súa presenza.

Velaí os berros acordados que figuraban nunha folla voandeira e que pouco se berraron: “Xa está ben / de tanto roubar / o noso leite / haino que pagar”; “O leite galego / no noso Concello / crea riqueza / crea emprego”; “O sector lácteo / é un tesouro / cómpre defendelo / todas e todos”; / “Señor Feijóo / teno que amañar / o noso leite / estase a tirar”; “Xa está ben / de manipular / a Plataforma / non vai dobrar” e “O noso agro / é para todos / para os máis vellos / para os máis novos”.

Alén da cumprida asistencia, o mellorciño foi escoitar o comunicado final, elaborado polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes (con familia de Cotobade, comentoume o académico Francisco Fernández Rei) quen lembrou a súa infancia no campo e reivindicou solucións para o despoboamento do medio rural.

Para lle dar cabo escoitouse o noso himnno nacional, coutado na metade e cantado por moi pouquiña xente, o que testemuña que o noso pobo non coñece ou non estima os seus sinais de identidade propia.

E eu, despois de saudar ao deputado nacionalista Cosme Pombo (para lembrarmos a súa estadía hai anos en Corcubión), a Manuel Antelo, alcalde nacionalista de Vimianzo, ou a Primitivo Iglesias, alcalde socialista d’A Pastoriza, que é coautor dos Dicionarios Xerais da Lingua, regresei lembrando aqueles memorables versos de Xosé Luís Méndez Ferrín, do seu libro Con pólvora e magnolias (1976):

En Compostela estamos / moitos xa para sempre derrotados.

(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño. As fotografías foron tiradas con dispositivo móbil)
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam

Comentarios desactivados en Galería de imaxes en defensa do sector leiteiro

Xul 17 2015

«Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo!»

Defenderoleite

Este cadriño do sempre xenial Carrabouxo (Xosé Lois González Vázquez) serve a esta bitácora para se xuntar á manifestación nacional que percorrerá esta maña as rúas de Santiago de Compostela (desde o mediodía en Salgueiriños) para esixir solucións aos baixos prezos que están a percibir as explotacións gandeiras polo leite.

Na cabeceira desta manifestación nacional as organizacións convocantes levarán unha faixa sen siglas e coa lenda «Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo!», á que seguirá unha segunda faixa detrás da que irán as e os alcaldes dos concellos con explotacións gandeiras coa lenda «Os alcaldes galegos coa defensa do sector lácteo». Alí andaremos.

Comentarios desactivados en «Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo!»

Xul 16 2015

A Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, nun poema de Antón Zapata

Published by under Efemérides,Poesía

Laxecirca1964
(Laxe, circa 1964)

A Virxe do Carme é a patroa dos mariñeiros e adoita celebrarse o 16 de xullo, porén en moitas localidades costeiras varía a data para unha maior repercusión.

Da súa veneración nas vilas mariñeiras fala o poema «Mariña de inverno» de Antón Zapata García (Laxe, 26 de febreiro de 1886 – Bos Aires, 20 de xuño de 1953) que se publicou no seu único libro A roseira da soidade (1954), aínda que xa aparecera unha primeira versión na revista Alborada, Revista da ABC Partido de Corcubión en Bos Aires (nº 30, xaneiro de 1928) onde se intitula «Mariña D’Inverno» e vai acompañado do debuxo dunha gaivota no mar, sen asinar, e indica despois do título (Pra ALBORADA). Tamén coñecemos unha copia mecanografada que lle foi enviada a Filgueira Valverde para a súa fanada Escolma de poesía consultada, de 1936, e que recuperaron aínda hai pouco os profesores Ana Acuña e Xesús Alonso Montero, co título XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE. Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada, Museo de Pontevedra, 2008).

Na actualidade, a Virxe do Carme celébrase en Laxe o 17 de agosto, cunha procesión marítima pola ría, presidida por unha das tradicións máis populares, “O Simulacro do Naufraxio”, creada en 1962 por iniciativa do mariñeiro Avelino Lema Santos que se inspirou nunha festa de San Juán do Perú.

O poema de Antón Zapata narra unha forte maresía na costa de Laxe, na altura sen os actuais espigóns que abrigan o peirao, e que vai provocar a invocación da Virxe.

MARIÑA DE INVERNO

UNHA forte maresía
canta o «Requiescant in Pace»
â colleita dos tesouros
das traíñas e o palangre.

5 Dormen as lanchas peixeiras
sóbor dos brancos praiales,
semellantes a gaivotas
que de voiar acougasen.

Con olgas i-escorreadas
10 arranxa o mar un bô traxe,
e guinda, pol-os coídos,
febras, lixos e retales.

Tremen os pinos da costa
non sômente coa friaxe,
15 senón pol-a côr das redes
que lles pidiron encasque.

Fuxíndolle â travesía
—do mouro monte ao socaire—,
mantén os fornos acesos
20 un barudo trasatrante,

no que arrabuñan os tombos
e, rosmadores, esnácanse,
posta, no pao trinquete,
branca bandeira arelante…

25 Choran no porto as mulleres,
pregando â Virxe do Carme…;
e, abordo de unha buceta,
seis pescos van arriscarse

pol-os do barco estranxeiro
30 que ollan a morte dediante…
¡os ollos postos na terra
e relembrando aos seus lares!…

A triste seirán xa morre
aterecida e sin sangue,
35 envolta en forte saravia
que comenza a debullarse…

…Todo son berros e choros
por toda a costa de Laxe…
¡A maresía, namentres,
40 canta o «Requiescant in pace»!…

Comentarios desactivados en A Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, nun poema de Antón Zapata

Xul 16 2015

Presentación mañá venres na Casa dos Alonso (A Guarda) da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» adicada aos gameleiros

MostraTradiciónsMariñeiras2015
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Mañá, venres, 17 de xullo de 2015, á tardiña (pois pola mañá andaremos na manifestación en defensa do sector leiteiro en Compostela) estaremos na convocatoria do Concello da Guarda e da Asociación de Redeiras do Baixo Miño-Atalaia na denominada Casa dos Alonso para asistirmos á presentación da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» que este ano vai estar adicada aos gameleiros, unhas xornadas que terán lugar os días 24, 25, 26 de xullo no Porto da Guarda, para divulgar e promocionar con diferentes actividades a vida mariñeira da Guarda.

Como adianto, alén da presentación das xornadas, inaugúrase unha exposición baseada no libro Gameleiros (Xerais, 2002), con fotografías do guardés Manuel Álvarez e poemas da miña autoría. Por esa razón Manuel e mais eu recibimos o convite de Javier Crespo González, concelleiro de Patrimonio, para estar no acto, cabo do alcalde Antonio Lomba e de membros de todas as asociacións colaboradoras nesta edición e unha representación das redeiras da Guarda.

Gameleiros, hoxe descatalogado por Xerais, fora presentado o 19 de setembro de 2003 na Lonxa do Porto da Guarda, nun acto aquí reseñado que contou coa actuación do cantautor e músico guardés Tino Baz e as palabras do director de Edicións XeraisManuel Bragado, así como coa presenza dos gameleiros fotografados por Manuel Álvarez neste volume.

Gameleiros

Comentarios desactivados en Presentación mañá venres na Casa dos Alonso (A Guarda) da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» adicada aos gameleiros

Xul 15 2015

Un percorrido polo «Roteiro Leiras Pulpeiro» en Mondoñedo

Published by under Poesía,Roteiros


Polos camiños de Leiras from DwightFry on Vimeo.
RoteiroLeirasPulpeiro1
RoteiroLeirasPulpeiro2
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Na tarde do pasado sábado fixemos un percorrido por boa parte do interesante e literario «Roteiro Leiras Pulpeiro» en Mondoñedo, un día antes de que se celebrase unha visita guiada polo mesmo na que non puidemos estar. Como o seu nome indica, o roteiro visualiza moitos espazos da vila mindoniense e da súa contorna máis próxima que teñen relación coa biografía do poeta republicano e masón, Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 25 de outubro de 1854 – 9 de novembro de 1912). Un percorrido con moitas posibilidades educativas, como esta experiencia do IES Perdouro de Burela.

Este roteiro literario naceu a raíz dunhas xornadas sobre a obra do escritor organizadas polo Concello de Mondoñedo en novembro de 2012 e foi deseñado e proxectado pola Asociación «Abrindo Camiño» e polo Grupo Literario Leiras Pulpeiro.

O seu itinerario, non moi longo e sen dificultades orográficas (de quitado dun breve traxecto ao pé da estrada) ten dúas trazas, unha urbana e a outra rural, nos que se sitúan máis dunha ducia de paneis descritivos en lugares de interese na biografía ou na obra de Leiras Pulpeiro.

A traza urbana pola aínda fermosa (malia as ducias de casas en ruína) vila mindoniense principia no Centro Cultural da Alcántara, percorre varias das casas onde viviu Leiras Pulpeiro, na rúa que leva o seu nome, transcorre pola Antiga Sociedade de Obreiros (actual Casa da Xuventude), visita a casa natal na Rúa Febreiro, a monumental Praza da Catedral e o Seminario de Santa Catalina antes de deixarmos a vila através da rúa da Ponte e da rúa do Camiño Norte cara ao Barrio de San Lázaro.

A seguir un tramo de asfalto (prescindible) até chegarmos a un carreiro, ben sinalizado, que nos leva a cruzar pola Ponte dos Carabullos até A Fervenza, onde na súa cimeira hai na actualidade unha bullangueira área de lecer. Proseguimos cara ao lugar denominado O Mazo, xa na zona d’A Recadieira, onde poderemos repoñer forzas na súa fonte de augas sulfurosas, que aparece nos versos de Leiras Pulpeiro, como se pode ler no panel descritivo. E decontado unha breve e costenta ascensión até o Castro da Recadieira, sen escavar, mais que deixa contemplar a impresionante Pena do Unto (tamén nos versos de Leiras Pulpeiro)  e descansar nunha paraxe onde malfadadamente as sombras veñen dadas por enormes eucaliptos. Finalmente, desde aquí realízase o regreso até a vila Mondoñedo percorrendo outra volta o Barrio de San Lázaro, para rematar se quixermos no Cemiterio Vello onde unha campa na nosa lingua acolle as cinzas do escritor mindoniense.

Na Oficina de Turismo do Concello de Mondoñedo facilitan un díptico, como o que reproduzo nas imaxes superiores. Tamén podemos consultar en Wikiloc todo o percorrido ou descargar de balde unha audioguía, que nós só atopamos en castelán, madía leva!

A brevidade da camiñada permitará, como nos sucedeu a nós, realizar este percorrido en calquera visita a Mondoñedo que tamén é a vila de Álvaro Cunqueiro (hai un fermoso percorrido urbano e ben sinalizado para realizar), de Antonio Noriega Varela, de Eduardo Lence-Santar ou de Pascual Veiga Iglesias, entre outros autores sobranceiros vencellados a estas terras.

Comentarios desactivados en Un percorrido polo «Roteiro Leiras Pulpeiro» en Mondoñedo

Xul 10 2015

A Costa da Morte na obra Semente galega en América de Xosé Neira Vilas

Semente01
Semente02
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Unha versión deste texto publicouse na edición dixital e tamén en papel no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, o 11 de xullo de 2015, con este título: A Costa da Morte na obra «Semente galega en América» de Xosé Neira Vilas. (Premer na cabeceira para acceder á versión dixital)

Onte á tardiña estivemos no lanzamento da última obra de Xosé Neira Vilas, intitulada Semente galega en América (Santiago de Compostela: Bolanda Ediciones, 2015), que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, e cuxa presentación literaria realizaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, alén do director de Edicións Bolanda, Antonio Couto, quen coincidiron á hora de salientar a pulsión memorialística que percorre o volume. Unha completa crónica do acto pódese ler no dixital Noticiero Galego e pódese escoitar ao autor nesta reportaxe da CRTVG.

Moito nos alegrou que Xosé Neira Vilas estivo coma sempre, animado e falangueiro, malia a evidente deteriorización física dunha doenza que o tivo varias semanas ingresado nun hospital compostelán. E incluso fixo chanzas sinalando as moitas obras que aínda lle quedan por escribir. Nesta recollen as semblanzas dun cento de persoas de estirpe galega que deixaron a súa pegada, a súa semente (como di no título) en terras de América, nomeadamente en Arxentina, en Cuba e no Golfo de México, mais tamén no Brasil, Chile, Estados Unidos, Guatemala, Nicaragua, Perú, Perú, Porto Rico, Uruguai ou Venezuela. Unha galería de cen personaxes, algúns colectivos, aínda que se nomean moitos máis, entre os que hai artistas (pintores, músicos, fotógrafos…), científicos (naturalistas, cartógrafos….), escritores (dramaturgos, narradores, poetas, xornalistas…) mestres, precursores e inventores, sindicalistas…, que teñen en común a súa orixe galega, case sempre rural. Non chegan a unha ducia as semblanzas de mulleres, o que testemuña as súas dificultades na promoción social, tamén en terras americanas, e o feito de constituíren unha porcentaxe migratoria moito menor.

A Costa da Morte, malia ser territorio de forte emigración, só está representada por tres persoeiros ou catro de engadirmos un bergantiñán, aínda que noutras semblanzas son citados outros como o avogado corcubionés Xosé Porrúa Valdivieso, que fundou co compostelán Domingo Campío Devesa Naveiro o semanario El avisador galaico, que tivo nove meses de vida en Cuba.

«A andaina de Cristóbal Colón e As tartarugas do Orinoco» narra a historia do Xosé María Mosqueira Manso (Corme 1886 – Caracas, 1968), un exiliado da Guerra Civil, oceanólogo e ictiólogo, que escribiu senllos libros sobre os temas que se enuncian no epígrafe da semblanza.

«Aquel célebre gaucho da escena arxentina era galego» presenta a Enrique Muíño (A Laracha, 1881 – Buenos Aires, 1956) como gran e recoñecido actor de cine e de teatro na cidade porteña.

«O fisterrán que fabricou en Guatemala o xogo que inventara» sintetiza a biografía de Alexandre Campos Ramírez, Alejandro Finisterre, que ncaeu na estación Marconi de Fisterra, onde seu pai era telegrafista. Alén de salientar a súa proxección como inventor do futbolín, tamén se retrata o seu compromiso republicano e o seu inesgotable labor intelectual como escritor e como editor en México, así como o feito de presidir a Fundación León Felipe e de ser albacea dos bens do poeta.

E, finalmente, a derradeira semblanza do volume, «Un médico de Muxía, poeta nacional do Paraguai» que se centra na biobibliografía de Victorino Abente Lago (Muxía, 1846 – Asunción, 1935), na súa breve obra poética en galego e na súa monumental obra en castelán que lle outorgou un lugar de honra na historia da literatura paraguaia.

(Pódese ler premendo na imaxe superior)

One response so far

Next »