Archive for Xuño, 2015

Xuñ 29 2015

Xela Arias, Carvalho Calero ou Manuel María no Día das Letras Galegas 2016

CarvalhoCalero
(Diario de Ferrol, 23 de marzo do 2008)

Anoxado aínda coa decisión da Real Academia Galega (RAG) que homenaxeou o franquista Filgueira Valverde no Día das Letras Galegas 2015, recibo con entusiasmo e con interese a nova feita pública pola RAG sobre a terna de candidatos para o Día das Letras Galegas 2016.

Desta volta estaría ben feliz coa designación de calquera das tres persoas que se están a barallar), aínda que a antiga reivindicación do profesor Ricardo Carvalho Calero teña para min máis peso, xa que fixen pública a miña opción sobre a súa obra no texto (ollar imaxe superior) publicado no suplemento cultural Nordesía do Diario de Ferrol o 23 de marzo do 2008. Manteño aínda a mesma opinión e os mesmos argumentos que se poden ler nesa páxina. Non tiven trato persoal co vello profesor, mais nunca esquecerei unha conferencia súa sobre a obra de Rosalía de Castro proferida no Concello de Corcubión en 1985. Daquela eu tiña vinte anos (que lonxe!) e xa tiña inquedanzas literarias, lembro a cadencia da súa voz coma se fose hoxe e aquela tarde saín fascinado coa súa sabedoría e coa súa elocución. Un verdadeiro pracer. Moitos anos despois reivindiquei a súa obra poética no artigo intitulado «Poesía Galega de Ricardo Carvalho Calero», Ferrol Análisis 16, 2001. [ISSN 1576-4540]. 107-174.

Porén, tampouco recibiría de mal grao recoñecer a traxectoria poética e tradutora de Xela Arias (1962-2003). Pouco coincidín con ela na súa efervescencia creadora durante a década dos noventa e non tiñamos trato persoal, aínda que si coñecemento mutuo. Desfrutei, coma moitas e moitos, dos seus versos e tamén das súas traducións de obras fundamentais da literatura universal que ela anosou á nosa lingua de maneira brillante. Coma moitas e moitos tamén fiquei conmocionado polo temperán pasamento, con tan só 41 anos de idade. E coa súa designación a RAG podería incrementar a ben cativa porcentaxe de autoras recoñecidas nesta data.

E tamén estaría ben satisfeito de recoñeceren académicos e académicas a caudalosa obra de Manuel María (1929-2004), a quen tratei moito e que me honrou, como xa se contou nesta anotación, presentando en 1995 a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente. Sería, pois, a proposta da RAG máis próxima no terreo emocional, sen que iso desmereza a estima e o respecto que teño por moitos títulos da súa obra, onde hai poemas que endexamais esquecerei e que moito contribuíron á miña formación literaria.

Benvida sexa a persoa e a obra a homenaxear o Día das Letras Galegas 2016!

Velaquí a nota feita pública pola RAG:

Convocado o Pleno da Real Academia Galega que decidirá sobre as Letras Galegas 2016

O vindeiro 4 de xullo reunirase o pleno da Real Academia Galega que decidirá sobre a figura dedicataria do Día das Letras correspondente ao ano 2016. As candidaturas presentadas oficialmente, co aval requirido de membros da Academia, son as seguintes:

Xela Arias Castaño

Ricardo Carballo Calero

Manuel María Fernández Teixeiro

O mesmo día 4 de xullo, ao remate do Plenario, farase pública a decisión da Academia.

Comentarios desactivados en Xela Arias, Carvalho Calero ou Manuel María no Día das Letras Galegas 2016

Xuñ 08 2015

Recensión a Tempo de exilio, de Joseba Sarrionaindia, en Grial 205

camisa sarrionandia.fh11
Sarrionaindía

Nese mesmo último número, 205 (xaneiro, febreiro, marzo do 2015) de Grial, Revista Galega de Cultura, en papel nas librarías ou en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino nesa mesma sección intitulada «O espello das letras» aínda unha outra recensión intitulada «Antoloxía dunha odisea», desta volta para analizar máis polo miúdo a antoloxía Tempo de exilio (Faktoría K de Libros, 2014), de Joseba Sarrionaindia, en tradución do éuscaro de Isaac Xubín. Velaquí:

Antoloxía dunha odisea

Tempo de exilio

Joseba Sarrionaindia

(Tradución do éuscaro de Isaac Xubín)

Faktoría K de Libros, colección Tambo, 264 páxinas

O filólogo vasco Joseba Sarrionandia (Iurreta-Durango, 1958) é autor dunha prolífica obra nos eidos da poesía, do ensaio, da narrativa, da literatura infanto-xuvenil e tamén guionista de banda deseñada e recoñecido tradutor. Porén, parte da súa notoriedade debeuse en ocasións a un motivo extraliterario, pola súa sonada fuxida o 7 de xullo de 1985 do cárcere de Martunene, onde cumpría sentenza por pertenza a Euskadi Ta Askatasuna, oculto nos bafles do equipo de música do cantautor Imanol que dera un concerto para os presos. Moitos de nós coñecimos a peripecia pola popular canción «Sarri, Sarri» do mítico grupo do denominado «Rock radikal» vasco Kortatu. Nesta primavera, coa prescrición da súa condena, regresará por vez primeira ao País Vasco para pronunciar dúas conferencias literarias, convidado pola Universidade de Mondragón.

Na súa ampla obra está ben presente a nosa literatura. Así, o crítico Jon Kortázar salienta a influencia na súa narrativa, entre outros autores, de Cunqueiro e de Méndez Ferrín, nomeadamente dos seus relatos artúricos e o propio autor ten confesado tamén a lectura de Castelao ou de Ánxel Fole. Na súa poesía, alén do propio Ferrín, confirma o seu interese Poemas náufragos. Galegoz heldutako poemak (Poemas chegados en galego), editado por Susa o Día das Letras galegas de 1991, en colaboración coa A. C. Rosalía de Castro e o Fato Cultural Daniel Castelao de Trintxerpe, pola mediación de Xosé Éstevez. Neste volume Sarrionaindia, daquela no cárcere do Puerto de Santa María, traduciu ao éuscaro poemas de Manuel Antonio, Amado Carballo, Cunqueiro, Iglesias Alvariño, Pimentel, Seoane, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María. Tamén lle interesou a poesía portuguesa, sendo tradutor de Pessoa ou do brasileiro Manuel Bandeira.

Pola contra, até hoxe a obra de Sarrionaindia apenas foi traducida á nosa lingua. Lonxe está a versión de Atabala eta euria (Chuva e tamboril) que realizou Tareixa Hernández Adeba en 1986 e con escasa fortuna editorial. O poeta Isaac Xubín, tradutor do volume que nos ocupa, con subvención do Instituto Vasco Etxepare, xa versionara uns poemas seus na antoloxía Sete poetas vascos. Alén da fronteira (2012), tamén na mesma colección Tambo da Faktoría K de Libros, que recibira o Premio Luís Tobío da Asociación Galega de Editores.

Desta volta, dise na lapela que con Tempo de exilio «Joseba Sarrionaindia ofrécenos aos galegos a primeira escolma da súa poesía que vén a lume nunha lingua distinta do éuscaro orixinal». En edición bilingüe éuscaro-galego, os poemas aparecen estruturados en dez partes con cadanseu epígrafe, que non se corresponden na maioría con títulos da obra poética do autor.

Así, «Fillos da madrugada» correspóndese co título dunha canción de José Afonso, da que se reproducen os dous primeiros versos, e xunta media ducia de poemas que van desde a sinxeleza e o preciosismo formal de «Aves errantes» até a complexidade argumental de «Xogo», mais co fío en común da memoria sobre a infancia e sobre a terra natal, nun sentimento de saudade agrandado polo exilio. Sobrancean algunhas chiscadelas filosóficas, os diálogos coa poesía de Hölderlin ou a recreación de contos clásicos.

«Hnuy illa nyha majah yahoo» non se trata de vasco, «senón a frase que Gulliver, expulsado do país dos houyhnhnms, escoita mentres a chalupa abandona a costa», xa dera título a unha antoloxía en éuscaro que xuntaba a súa produción entre 1985 e 1995. Aquí xunta once poemas que teñen moito a ver coa cita de Vítor Hugo que os antecede Exilium vitam est (A vida é exilio). Ao lector/a halle sorprender a contundencia na descrición poética do exilio, co paso da muga ou fronteira, mais tamén dos xuízos previos, da prisión e da tortura. Nesta última cuestión é arrepiante a crueza do poema «Literatura e revolución» no que as numerosas referencias literarias explícitas (que lle importa ao mozo torturado se o poeta / é ou non um fingidor) dialogan coa sordidez de lugares como os calabouzos de Intxaurrondo ou dos métodos de personaxes como o comisario Ángel Martínez. Cabo deles, poemas que botan man máis unha vez da memoria, colectiva e individual, como os magníficos «Proxecto de comunidade» ou «Gústame escribir con zume de limón» con versos deste xorne: Gústanme eses carreiros feitos / por camiñantes / e por vellos carros de bois para camiñantes / e para vellos carros de bois…

«O mundo é largo e alleo», coincide co título dun libro sobranceiro do peruano Ciro Alegría a quen reivindica e reescribe nun poema co mesmo epígrafe, que se une a outros catorce poemas de moito oficio na elaboración, onde non faltan as homenaxes aos cantores que lle puxeron letras aos seus versos: Mikel Laboa e Ruper Ordorika. E tamén aquí atopamos un longo poema escrito por Sarrionaindía en portugués «Propostas para a definiçao do exílio». A cuestión nacional (velaí o poema «Sabedes o que é o noso País?») e as derivadas do desterro seguen a ser liñas dominantes.

Idénticos fíos entrelazan os oito poemas de «Os nosos devanceiros e os fillos dos fillos dos fillos», onde rende homenaxe a José Bergamín, dramaturgo e poeta da xeración española de 1927, quen nos seus últimos anos abrazou a causa dos abertzales. Nesta parte salientan os textos metapoéticos como «A causa perdida da poesía» ou «Linguae Vasconum Primitiae», cheos de ironía e de sarcasmos: Cando me preguntou pola poesía vasca / díxenlle que os vascos / non len poesía (…) semella que ven a ETB.

O lectorado galego non será indiferente aos sete poemas de «Nós mariñeiros» que se abre co verso de Manuel Antonio Encheremol-as velas c’a luz náufraga d’a madrugada. Unha excelente poética da épica mar e dos oficios do mar, con textos como «Construción naval» que moito nos recorda o poema «Na outra banda do mar constrúen o navío» do noso Avilés de Taramancos. E onde non podía faltar un poema sobre o mito de Ulises, que reconverte en heroe vasco, co nome do primeiro conde de Bizkaia: «Ulises? Ulises dis? Eu non son Ulises! Son Jaun Zuriano, que regresa a Elantxobe».

Se esta parte remata cun diálogo con Mallarmé, a seguinte «Mercado negro», dez longos poemas, ábrese con cita de Rimbaud, co que dialoga máis adiante noutro texto, e un abraiante e provocador poema «A poesía está morta pero eu non fun». Tamén debe repararse en «Malos tempos» na intertextualidade con Bertolt Brecht ou no acedo humor de «Lixoloxía».

As tres partes intituladas «Monógamos imperfectos», «Celas que non quedaron baleiras», en diálogo con Gramsci, e «Mortos» reiteran temáticas xa exploradas, aínda que mudando a perspectiva da voz poética e a escolla formal. Con todo, cómpre deterse no poema «Chega a vida e ten os teus ollos», inspirado polo célebre verso de Cesare Pavese. E resultan sobrecolledoras a descrición dun soño dunha presa no poema en prosa «Espertares» ou a do método de tortura malfadadamente coñecido como «Bañeira».

Mención á parte merecen as sete «Cancións imaxinarias», título tomado dun verso de Nicanor Parra, que pechan o libro, singulares desde o punto de vista formal, ao incorporaren biografías de personaxes. Fixeron parte todas elas como letras do disco Memoriaren mapan (2006) de Ruper Ordorika.

Estas cancións poñen ramo a un volume que se presenta como a antoloxía dunha odisea e que pretende resumir unha obra poética e unha biografía militante abondo incardinada nos versos escollidos. Poesía belixerante, que diría o noso Celso Emilio, mais tamén culturalista (sen excesos) e con forte preocupación estética.

Comentarios desactivados en Recensión a Tempo de exilio, de Joseba Sarrionaindia, en Grial 205

Xuñ 08 2015

Recensión a Detrás da néboa o felo, de Alexandre Nerium, en Grial 205

Grial205

No último número, 205 (xaneiro, febreiro, marzo do 2015) de Grial, Revista Galega de Cultura, que xa anda desde hai uns días polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Poesía para o entroido do Val de Maceda» para falar sobre a plaquette Detrás da néboa o felo, de Alexandre Nerium (Amastra-N-Gallar, 2014). Velaquí:

Poesía para o entroido do Val de Maceda

Detrás na néboa o felo

Alexandre Nerium

Amastra-N-Gallar, 2014, 32 páxs.

O poeta fisterrán Alexandre Nerium non publicaba un libro individual de versos desde 2008, cando publicou o seu segundo libro, intitulado Nocturnidade do sal (Sotelo Blanco), antes xa vira a luz Vogar de couse (Espiral Maior, 2003). E nestes últimos tempos só era posible seguir o seu estro poético en antoloxías, como por exemplo Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega (Toxosoutos, 2013) ou nalgunha revista especializada como Dorna.

Esa demorada pausa na creación literaria vén de romper augas nunha nova publicación, Detrás na néboa o felo, un libriño ou unha plaquette xa que o ISBN non considera libros a volumes coma este con capa e 32 páxinas. E aquí hai un libro de versos ben potente, aínda que sexa breve.

A obra foi publicada por ese escritor, tamén poeta, e editor singular que se chama Emilio Araúxo. Se callar nunca tera o recoñecemento dos editores polo seu labor outsider, mais Emilio Araúxo dinamizou varias experiencias editoriais dignas de loanza, como Noitarenga. En 2011 botou a andar a revista e a colección de cadernos Amastra-N-Gallar, na que xa leva publicadas ducias de obras de pequeno formato e todas elas en edición non venal e de reducida tiraxe. Entre elas está a longa serie de «Felotextos» na que xa convidou a case medio cento de poetas galegos (Lupe Gómez, Arturo Casas, Carlos Lema, María do Cebreiro, Santiago Prol, Daniel Salgado, Luís García Soto, Anxo Pastor, Bieito Iglesias, Séchu Sende, José Manuel Bouzo Limia e Miriam Sánchez Moreiras) e do mundo, nomeadamente franceses e ingleses, a escribiren os seus versos en diálogo co entroido tradicional do Val de Maceda, cadernos que tamén están dispoñibilizados na rede na páxina web felosdemaceda.com para descarga de balde.

Detrás da néboa o felo de Alexandre Nerium pode considerarse un único poema, pola unidade temática, ou unha breve serie que constaría de dez quintetos e un soneto, os primeiros cinco quintetos agrupados baixo o título «Ronsel doutra arribada» e os seguintes cinco co título «A máscara do mar» e o soneto final «Cinza», que é marca da casa e non podía faltar nun autor que é un excelente sonetista de factura clásica.

O caderno poético nace, pois, como unha proposta de diálogo formulada polo propio editor Emilio Araúxo que lle fornece ao autor dos versos once fotografías do entroido tradicional do Val de Maceda. As fotografías son da autoría de Marisa González Feijoo e recollen diversas imaxes do felo, esa carauta ou máscara tan característica do entroido do Alto do Arnoia.

Alexandre Nerium establece un diálogo entre o mar bravo, a atlántica Costa da Morte, e os seus oficios e as súas xentes co pobo que corre o entroido ourensán do Val de Maceda. Velai como mostraxe inequívoca e evocadora a intensidade dos versos que pechan o libro: O mar esculca o vendaval vizoso. / Co paraugas da man baila inconsciente. / Do chocallo a harmonía, o seu saloma. // Simplemente vivir, grisáceo aroma, / requente sabor doce, aínda se sente / disfrazarse en Maceda o mar vidroso.

Comentarios desactivados en Recensión a Detrás da néboa o felo, de Alexandre Nerium, en Grial 205

Xuñ 01 2015

Con versos de poetas chairegos, o Roteiro do Azúmara (PR-G 154) en Castro de Rei

Published by under Poesía,Roteiros

Created with Nokia Smart Cam
(Fotos realizadas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)

Onte, domingo, para desenferruxármonos do inverno principiamos a nosa tempada de andainas co curto e doado (se se fai en dirección descendente) Roteiro do Azúmara (PR-G 154) en Castro de Rei, de pouco máis de oito quilómetros e que nós fixemos en dúas horas, sen canseira ningunha e coa axuda dun tempo moi grato para facer unha camiñada.

O roteiro, creado e acondicionado en 1998 pola asociación Amigos da Feira de Castro de Rei, vai desde o Museo Arqueolóxico e Castro de Viladonga até a propia vila de Castro de Rei de o facermos en sentido descendente (é moito máis duro ao revés). Nós principiamos ás once da mañá, xa sen resto das primeiras néboas, deixando para outra ocasión unha nova visita ao museo e ao castro, onde xa estivemos noutras ocasións e que paga a ben visitar se non se coñece.

O camiño estaba en bo estado, non coma outros roteiros do País (mesmo homologados coma este, que están en abandono) e até deberon realizarlle non hai moito unha limpeza, porque en ningún momento o atopamos pechado por silveiras ou mato. A sinalización é boa, agás algún sinal que estaba deitado no chan, e ten o valor engadido de podermos ler algúns poemas de autores chairegos, como testemuñan as fotografías realizadas con dispositivo móbil, nas que non está o poema inicial, o emblemático «Terra Cha» de Manuel María. A cada pouco tamén nos vai aparecendo en sinais de madeira o topónimo Castro de Rei e un torques que identifica o roteiro.

Despois de deixarmos o Museo Arqueolóxico e Castro de Viladonga, principia a única e leve encosta que nos leva pola cima de Balmonte (seica é o Monte Cordal, segundo lemos despois) desde onde se pode ollar ao lonxe a serra de Meira ou os montes do Cadramón, e quen o saiba identificar tamén poderá enxergar o nacemento do río Miño, o Pedregal de Irimia (mais non o soubemos encadrar) e no horizonte, nomeadamente nos vales, algunhas das aldeas (ou barrios, como lle din por aquí) da contorna.

Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)
Antes da baixada aínda podemos ler o poema de Lois Diéguez “Mais pode haber outra cidade viva…”. Por certo, o propio Lois Diéguez ten escrito unha magnífica descrición do roteiro (velaquí o pdf). Deseguida o roteiro comeza o seu descenso que xa nos vai acompañar até o remate, sempre na procura do río Azúmara. Así e todo, os tramos que van á beira do río son moi escasos e moitas veces só pode adiviñarse polo seu gozoso son. Moitos outros roteiros que temos feito abeiran máis as correntes (poñamos por caso o Roteiro dos Tres Ríos, PRG 121, en Touro ou Roteiro da Ponte do Ramo, PRG-123, en Cuntis).

A vexetación é a propia destes espazos naturais, con abundancia de ameneiros e carballos (como a carballeira do Rei), mais para a nosa decepción con presenza cada vez máis ameazante de eucaliptos, novos en idade e que xa inzan algunhas partes do percorrido.

Created with Nokia Smart Cam
(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)

Pouco despois da metade da andaina e atravesadas xa algunhas pontellas chegamos até unha mina de arsénico abandonada que nos recibe con outro panel para explicar a súa historia e a súa importante contribución ao desenvolvemento da zona. A información é moi completa e ben interesante, aínda que tamén notamos a faltar algún comentario sobre a saúde laboral das persoas que aquí traballaron, dada a toxicidade e certa rudimentariedade nos métodos extractivos como alí se detalla.

A escasos metros está A Fieitosa, onde naceu o poeta Francisco Vega Ceide, que asinaba co seudónimo de Francisco de Fientosa. Velaí a razón que explica o poema que atopamos. Antes, noutra zona da baixada xa atopamos outro poema de Xesús Rábade Paredes, que é o texto de máis difícil lectura. Velaquí un e outro.

Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)

Axiña chegamos a Castro de Rei, logo de cruzarmos o Azúmara por dúas pontellas de madeira, nunha brevísima encosta que nos leva á praza do Concello, onde atopamos ao ser domingo unha pequena feira ou mellor dicir mercadiño, porque xa non existe a vella feira de comercio de animais (porcos, ovellas, bestas…) e xa só hai vendedores ambulantes de embutidos, queixos, froitas, calzado e roupa. Un mercado pequeneiro, escaso de xente, e onde nin sequera atopamos un panadeiro a quen lle mercar pan do día.

Antes de marcharmos soubemos que a poucos metros des mesmo lugar principia outro roteiro breve que haberemos facer outro día, denomínase «A rota da Escrita» e seica na camiñada poderemos atopar 24 poemas de poetas chairegos. Nós fotografamos con dispositivo móbil o primeiro da serie, que ten a particularidade de estar escrito no orixinal bretón por Anjela Duval, aquí grafada como Angela, e a súa versión na nosa lingua.

(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)
Created with Nokia Smart Cam

Comentarios desactivados en Con versos de poetas chairegos, o Roteiro do Azúmara (PR-G 154) en Castro de Rei

Xuñ 01 2015

Galería fotográfica da presentación de Elos de cinza de Xosé Manuel Lobato

Elosdecinza29-05-15(1)
Elosdecinza29-05-15(2)
Elosdecinza29-05-15(3)
Elosdecinza29-05-15(4)
Elosdecinza29-05-15(5)
(Fotografías de ©Alba Rodríguez. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Este último venres 29 de maio presentamos Elos de cinza (Ezaro edicións, 2015), a nova entrega narrativa do amigo Xosé Manuel Lobato, na libraría Á lus do candil de Arteixo, que gobernan o poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez. Precisamente da súa autoría son as imaxes que conforman a galería fotográfica que testemuña o acto literario, con selecta concorrencia, entre quen puidemos saudar ao poeta Alfredo Ferreiro.

Non fixemos unha presentación ao uso e optamos por unha modalidade máis dinámica, a entrevista, na que eu fun o xornalista incómodo que lle realizou un cuestionario de dez preguntas ao autor. E Xosé Manuel Lobato non eludiu ningunha das preguntas e saíu airoso coas súas respostas, nas que desvelou moitos das pulsións nas que se alicerzou a materia narrativa da súa última obra.

Falouse das lembranzas e do que hai de autobiografía nese avó que conversa co seu neto dende os pousos da memoria. Falouse tamén da dialéctica narrativa entre personaxes reais, personaxes históricos e personaxes de ficción que percorrer as páxinas do libro. Falouse, e moito, da paisaxe e da natureza como elemento identificador na prosa de Xosé Manuel Lobato. E falouse, entre outras cousas, tamén do herdo que deixamos aos que veñen detrás nosa.

E como non todo vai ser literatura, ao remate aínda lle fomos mollar a palleta coa cervexa e a escoitar a música ao vivo na taberna A Baíuca, onde o temoeiro (aínda que seica andaba de concerto) vén sendo o Bieito Romero (acordeón diatónico, gaitas e zanfona) de Luar na Lubre e onde fomos cadrar co poeta oceánico Xosé Iglesias.

One response so far