Archive for Abril, 2015

Abr 29 2015

«Dereitos de autor? Non me fagas rir…», asisado artigo de Xerardo Méndez

XerardoMéndez
(Fotografía de Xerardo Méndez. Arquivo da AELG. Autoría: Santos-Díez. Ollo de Vidro-ACAB, 2009. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta anotación da bitácora, que intitulei «Os insondables misterios do mundo editorial galego (V): 23 de abril, Día Mundial dos Dereitos de Autor/a» e que máis tarde foi reproducida no dixital Letra en Obras (atención que moito lles agradezo, provocou unha pequena poeira nas redes sociais, máis en concreto no Twitter, e ao fío da controversia o narrador Xerardo Méndez vén de publicar na súa propia bitácora Abaneando un artigo intitulado «Dereitos de autor? Non me fagas rir…» que me honro reproducir, xa que son moitos os puntos en común coa miña propia opinión ao respecto. Velaí vai:

Dereitos de autor? Non me fagas rir…

28 ABRIL 2015. XERARDO MÉNDEZ

Unha pequena conversa no twitter de hoxe levoume, a través de Letra en obras, a un artigo de Miro Villar –un post no seu blog “As crebas”- sobre a relación económica entre os autores e os editores galegos, isto é: ao tema de que a lexislación sobre os dereitos de autor basicamente non se cumpre na maioría dos casos, e maioría non quere dicir todos.

Como no mesmo sitio dicía Xerardo Vidal, calar ás veces é afeccionarse a non errar –ou algo así ou todo o contrario– e como na discusión sobre o particular tamén se aludía ao papel da AELG como xestor dos dereitos colectivos, e un tivo a honra e o pracer de pertencer á directiva da Asociación, gustaríame botar a lingua a pacer.

O primeiro que teño que dicir é que acredito plenamente nas palabras de Miro, e na súa clasificación das editoras galegas. Con moita menos experiencia ca el, e moitísimo menos currículo, tampouco me parece oportuno falar de casos concretos ou persoais, senón das razóns de que isto sexa así.

A miña impresión sobre o particular é que non é posible agardar que o panorama mude de forma apreciable no futuro, por moitas reclamacións ou denuncias ou intervencións que se fagan, porque, como moi ben sostén Miro, o preito non sei se paga a pena, pero desde logo economicamente é absolutamente inviable. No que me gustaría entrar é nas razóns desta inviabilidade.

Para o meu pesar, e supoño que para o de todos os que escribimos nesta lingua, o primeiro que debemos facer é recoñecer que, nos últimos trinta anos, as vendas do sector editorial nutríronse principal e artificiosamente do sector educativo. Non creo equivocarme en exceso se afirmo que, mesmo a principal repercusión comercial dos premios literarios reside nese sector. E ese, creo eu, é o principio dos males, males aos que, debo confesalo, non lle encontro cura doada.

Dixen antes que esta concentración era artificiosa. E tal vez galbaneira, pero a realidade do funcionamento do negocio durante os últimos anos foi a seguinte. Fora das dúas grandes editoras, a rendibilidade económica dunha edición –mínima, pero rendibilidade ao cabo- estaba case garantida polas compras institucionais, con destino ás bibliotecas públicas e outros centros, ou onde queira que fosen parar os libros. Dado que na maioría dos casos estas editoras eran empresas individuais, e máis voluntaristas que comerciais, o método que empregaron para garantir o beneficio foi aumentar o número de edicións, en troques de procurar o aumento das vendas de cada título.

Na miña humilde opinión, o que falla no sector editorial galego é o mesmo que falla no resto do tecido económico: a pura actividade de promoción e venda. Esta actividade falla, creo eu, por varias causas, non sendo a menor a ideoloxización absurda do proceso mercantil. O absurdo da literatura galega é que nos últimos trinta anos non buscou o seu público entre os falantes do idioma, senón na creación dun público de lectores que teñen ao galego como segunda lingua, cando non como lingua de segunda. E para probar isto so hai que procurar literatura galega –que non sexan os títulos recomendados no instituto- en calquera das vilas do país. Algunha editora mesmo presentaba contratos nos que os primeiros cincocentos exemplares quedaban libres de pago de dereitos de autor, de maneira que se o libro non se movía alén das vendas institucionais a perda fose inexistente ou nula.

O papel da editora galega como empresa comercial é francamente decepcionante, por non dicir que sobradamente inútil, na xestión da promoción e diso que damos en chamar marketing, ata o punto de que, en case todas as ocasións, os actos de promoción dependen máis do autor –agás que este teña un “nome”, e cando digo nome quero dicir un premio- que do propio departamento comercial da empresa. É como se a promoción das latas de sardiñas correra a conta dos mariñeiros. A patria esixe sacrificios, xa se sabe, e mellor se ao matadoiro se vai con boa vontade.

Por outro lado, os premios literarios contribuíron a crear a ficción de que a profesionalización da literatura galega era posible, simplemente porque parecía que había cartos, cando menos nos premios. E habíaos, o problema é que os cartos non proviñan da rendibilidade do produto, senón dun afán político de creación de eventos propagandísticos, propaganda que non atendía ao obxectivo comercial – a venda do obxecto, sostendo a súa rendibilidade- senón a promoción da marca “x”, fose esta de partido, localidade ou persoal.

A partir de aquí poderase discutir o que se queira, pero con alicerces tan podres non se pode erguer casa ningunha. Así que un, na medida das súas modestas posibilidades, emigrou a Amazon. Que Deus é bo, pero o demo non é malo.

E voume facer politeísta, agora que Google tamén me dá a oportunidade de enganarme. Cando menos, se teño que traballar de comercial, cobrarei desa parte en tanto que sexa capaz de facer o meu traballo.

Xerardo Méndez

One response so far

Abr 24 2015

Literatura e compromiso: poetas da Costa da Morte na lea electoral

AvilésdeTaramancos
(Antón Avilés de Taramancos na súa época de concelleiro en Noia)

A prensa estatal, e no ronsel dela tamén boa parte da galega, semella abraiarse coa presenza do poeta granadino Luís García Montero á cabeza da candidatura de Izquierda Unida nas vindeiras eleccións á comunidade de Madrid, salientando que se dan a man na súa persoa literatura e compromiso.

Na historia da nosa propia literatura temos exemplos ben coñecidos que trascenderon do simple apoio a un proxecto político á participación plena nas candidaturas electorais, poñamos por caso a autores que chegaron a deputados nas Cortes do Estado, como Antón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

E dentro da política local, o ámbito que arestora nos ocupa, quixera lembrar varios nomes:

O poeta e xornalista Johán Carballeira (pseudónimo de José Francisco Gomez de la Cueva) foi nomeado alcalde de Bueu en marzo de 1936, cando a vitoria da Frente Popular conlevou a disolución dos concellos. A súa breve estadía no cargo e a súa militancia no Partido Galeguista ocasionaron que fose executado polos franquistas o 17 de abril de 1937, despois dun consello de guerra e de estar preso até daquela na illa de San Simón.

O dramaturgo Xaime Quintanilla foi alcalde do Ferrol desde 1931, elixido por unha coalición entre o seu partido, PSOE, e o Partido Republicano radical). Foi destituído polas Dereitas en outubro de 1934 e retornou como concelleiro tamén en marzo de 1936. Co golpe de estado fascista foi fusilado o 18 de agosto de 1936.

O editor Ánxel Casal, militante do Partido Galeguista, foi alcalde de Compostela na xestora que presidiu a corporación entre febreiro e xullo de 1936. O seu destino tamén foi tráxico, sendo paseado en Cacheiras o 19 de agosto de 1936.

Da época contemporánea, despois do franquismo, tamén quixera salientar outros exemplos do binomio literatura e compromiso na política local, pois na nacional e na estatal aínda se podería nomear a moitos máis autores e autoras, aínda que mulleres moitas menos. En primeiro lugar, velaí están os finados, chorados e lembrados poetas Manuel María e Antón Avilés de Taramancos.

Manuel María foi elixido concelleiro en Monforte entre 1979 e 1983, facendo parte da candidatura do Bloque Nacional Popular Galego (BNPG).

E de Avilés de Taramancos, o tamén poeta noiés Martín Veiga afirma no seu excelente estudo Escribir na multitude. A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos (Toxosoutos, 2014):

«Como consecuencia da súa implicación na vida civil do país dentro do marco do nacionalismo de esquerdas, presentouse integrado nas listas do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para as eleccións municipais de 1987 ao Concello de Noia. A vitoria desta organización motivou que Avilés fose nomeado concelleiro de Cultura, cargo que desenvolveu ata 1991 e no que se caracterizou por levar a cabo unha xestión cultural extraordinaria».

En datas máis recentes sen dúbida o exemplo máis notorio é do poeta Xosé Manuel Millán Otero quen chegou a ser alcalde do concello de Moaña entre 2003 e 2011, sempre en coalición da súa candidatura do BNG co PSOE ou con partidos independentes de ámbito municipal.

E que poetas da Costa da Morte se involucran desta volta na lea electoral?

De ampliarmos o radio do noso estudo a todo o territorio galego habería un do número de escritores e escritoras a faceren parte das candidaturas, sendo de salientar pola súa trascendencia a presenza do poeta e narrador coruñés, mais moi vencellado a Muros, Luís Rei Núñez na cabeceira da denominada Marea de Pontevedra ou do poeta Xoán Carlos Domínguez Alberte como número dous na candidatura do BNG no concello ourensán de Ramirás, xa que ambos e dous teñen moitas opcións de seren elixidos.

Porén, é a Costa da Morte o territorio onde máis autores e autoras (a maioría vencellados ao extinto Batallón Literario da Costa da Morte) aparecen inseridos na lea electoral das municipais.

Rafa Vilar, que xa foi concelleiro na última e convulsa lexislatura na corporación de Compostela, vai agora no terceiro lugar da candidatura do BNG.

Tamén en Compostela, a escritora Marilar Aleixandre figura no afastado número 16 de Compostela Aberta.

Curioso é o caso de Malpica de Bergantiños, onde van confrontar entre as candidaturas dúas que levan poetas na cabeceira, quen ademais fan parte dun proxecto editorial común denominado Caldeirón: Paco Souto (que xa foi concelleiro nunha breve etapa) lidera a listaxe do BNG e Paco de Tano faino en Son Anova.

Completando candidaturas en postos de menos relevo tamén aparecen máis poetas que foron do Batallón Literario da Costa da Morte, así en Fisterra temos a Mónica Góñez Silva de cuarta na candidatura do BNG, polo que xa fora elexida concelleira hai dúas lexislaturas (cómpre lembrar que nas anteriores municipais o poeta Modesto Fraga foi tamén concelleiro ao liderar a listaxe do BNG, aínda que deixou o cargo no ecuador da lexislatura para se centrar no seu labor de libreiro en Á lus do candil, de Arteixo) e o poeta Suso Bahamonde ocupa o sexto lugar tamén na candidatura do BNG de Cee. Desta volta, desapareceu a candidatura nacionalista de Dumbría, na que en anteriores convocatorias figuraba o poeta Xaime Trillo e na actual listaxe do BNG en Corcubión tamén desapareceu Serxio Iglesias, que figuraba nas anteriores.

Algúns destes autores e autoras é evidente que figuran en lugares ornamentais, de recheo que se adoita dicir, como o fixen eu propio nas candidaturas nacionalistas en Cee na década dos noventa, mais unha parte significativa teñen moitas das «papeletas» para seren escollidos e deste xeito evidenciar máis unha vez esa ligazón entre compromiso explícito (porque implícito o temos todas e todos) e literatura.

Que os fados lles sexan propicios!

3 responses so far

Abr 22 2015

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2015 (Versión galega)

Published by under Efemérides,Manifestos

Díadolibro2015(1)
Díadolibro2015(2)
(Díptico elaborado polas Bibliotecas Escolares de Galicia, con texto de María Solar. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Para este 23 de abril do 2015, Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, declarado pola UNESCO en 1995, non atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. E como fixen o Día Mundial da poesía, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia e desculpade se houber algunha gralla), que na miña opinión resulta de lectura obrigada.

Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2015

O Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor ofrece a oportunidade de recoñecer o poder dos libros para mellorar as nosas vidas e de promover os libros e os que os producen.

Como símbolos do progreso social en todo o mundo, os libros –a aprendizaxe e a lectura– convertéronse no albo dos que denigran a cultura e a educación e rexeitan o diálogo e a tolerancia. Nos últimos meses, fomos testemuñas de ataques contra nenos en escolas e da queima pública de libros. Neste contexto, o noso deber é moi claro: debemos redobrar os esforzos para promover o libro, a pluma, o computador e todas as formas de lectura e de escritura, coa fin de loitar contra o analfabetismo e a pobreza, para construírmos sociedades sostibles e fortalecermos os alicerces da paz.

A UNESCO lidera a loita contra o analfabetismo, que se incluirá como compoñente esencial dos obxectivos de desenvolvemento sostible para despois de 2015. A alfabetización é a porta de entrada á aprendizaxe e é esencial para fomentar a autoestima e a autonomía das persoas. Os libros, en todas as súas formas, desempeñan unha función esencial a este respecto. Con 175 millóns de adolescentes no mundo –na súa maioría nenas e mulleres novas– incapaces de ler unha soa frase, a UNESCO comprometeuse a utilizar as tecnoloxías da información e da comunicación, en particular a tecnoloxía móbil, para fomentar a alfabetización e ofrecerlle aos marxinados unha aprendizaxe de calidade.

Os libros constitúen plataformas inestimables para a liberdade de expresión e a libre circulación da información, que hoxe en día son fundamentais para todas as sociedades. O futuro do libro como obxecto cultural é indisociable do papel da cultura na promoción de vías de desenvolvemento máis inclusivas e sostibles. Mediante a súa Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, cuxo décimo aniversario se celebra este ano, a UNESCO procura promover a lectura entre a mocidade e os grupos marxinados. Estamos a traballar coa Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas para apoiar as carreiras na industria editorial e nas librarías, bibliotecas e escolas.

Este é o espírito que guía a cidade de Incheon (República de Corea), designada Capital Mundial do Libro 2015 en recoñecemento do seu programa encamiñado a promover a lectura entre a mocidade e os sectores desfavorecidos da poboación. Esta designación será efectiva no Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor e celebrarase con participantes procedentes de Port Harcourt (Nixeria), a cidade que ostentaba o título con anterioridade.

Con Incheon e a comunidade internacional no seu conxunto, unámonos para celebrar o libro como encarnación da creatividade e do desexo de partillar ideas e coñecimentos e inspirar o entendemento, o diálogo e a tolerancia. Esta é a mensaxe da UNESCO no Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO co gallo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

Comentarios desactivados en Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2015 (Versión galega)

Abr 22 2015

Os insondables misterios do mundo editorial galego (V): 23 de abril, Día Mundial dos Dereitos de Autor/a

Published by under Efemérides

DiaMundialdoLibro
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Todo o mundo sabe que mañá, 23 de abril, por iniciativa da UNESCO, aprobada nesta resolución de 1995, é a data escollida para celebrar o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor/a. E todo o mundo fará mención da primeira parte do enunciado desta conmemoración, mais poucas e poucos han facer recordatorio da segunda parte: Día Mundial dos Dereitos de Autor/a.

A miña experiencia de publicación nunha ducia de editoriais diferentes (algunha xa desaparecida) faime coñecedor como autor de que o mundo editorial galego fai moitas veces escarnio de nós e da nosa obra, por non falar directamente de pirataría ou de roubo.

Co meu periplo editorial podo dar fé e testemuñar o que supoñemos as autoras e os autores para as empresas que nos publican a respecto dos Dereitos de Autor/a que asinamos nos nosos contratos. A casuística é variada. Velaquí.

1º) No lado positivo estarían as dúas editoras máis profesionalizadas do País: Galaxia e Xerais. Na miña relación con elas podo dicir que ambas e dúas liquidan de maneira escrupulosa a porcentaxe dos Dereitos de Autor/a, aínda que a cifra de vendas sexa mínima a autora ou o autor recibe sempre a correspondente liquidación (ese exigüo 10% de cada obra, que pode baixar até o 7% ou o 5% se a obra é ilustrada e hai que partillar os dereitos coa autora ou autor das ilustracións).

2º) Nun segundo grupo, e a partir de agora non citarei nomes para seguir a ter no futuro onde publicar o que escriba, estarían aquelas que ás veces liquidan unha cantidade, non sempre, ou que cando menos permiten que a liquidación sexa transferida a cambio exemplares da propia obra. Son empresas con problemas que aceptan este sistema co que a autora ou o autor cando menos pode obter algunha mínima recompensa do seu traballo.

3º) Nun terceiro grupo, e aquí principia o peor do mundo editorial galego, están aquelas empresas que non contestan as reclamacións sobre esas contías e que nunca, absolutamente nunca, liquidan un céntimo de euro polos Dereitos de Autor/a.

4º) E, finalmente, as empresas máis piratonas que vou exemplificar cunha anécdota persoal, aínda sen revelar o nome da editorra. Hai uns anos fun convidado por un instituto a un encontro co seu alumnado de secundaria e desde a biblioteca ou do equipo de normalización lingüística, que para o caso é o mesmo, solicitam exemplares dunha obra da miña autoría a unha editorial. Pois ben, contestaron que non era posible porque o título en cuestión levaba tempo esgotado. Pasou o día e a súa romaría e de alí a unhas semanas empezaron a aparecer exemplares da obra en diferentes librarías. Que aconteceu? É obvio. Unha práctica que existe, por máis que sexa indemostrable, que a editorial fixera unha nova tiraxe sen llo comunicar ao autor, así de sinxelo.

Ata aquí a miña experiencia persoal que moitas e moitos autores do noso País poderían acrecentar, de feito teño escoitado historias semellantes ou aínda máis ruíns en boca de escritoras/es amigas/os.

Por esta razón, mañá, 23 de abril, eu sen deixar de conmemorar a primeira parte do enunciado desta data, Día Mundial do Libro, centrareime en reivindicar s segunda parte, Día Mundial dos Dereitos de Autor/a. E xa quixera para nós unha campaña como esta, que realizan conxuntamente a BBC e as escritoras e os escritores británicos.

3 responses so far

Abr 17 2015

Bolo de «Nata», unha receita da miña nai para Bolboretas no bandullo

Published by under Poesía

Bolboretas
(Imaxe que ilustra unha das receitas do blogue Bolboretas no bandullo)

Ao fío da anterior anotación, outra das moitas preguntas desa longa entrevista de Diana e David permitiume rescatar unha receita dunha sobremesa que facía nosa nai (na memoria sempre) e que nos resultaba gorentosa, porque era moi sabedeira e naquela altura tampouco é que se fixera a miúdo, o que a facía máis especial se cadra. Velaí.

Con que prato presentarías Cee e a Costa da Morte a nós, da Mariña Luguesa?

Sendo vós da Mariña non vos sorprendería, pois eu devezo polos froitos do mar, aínda que moito máis polos peixes que polos mariscos. Pensaría nuns longueiróns á prancha e olliño sen nada de nada, fóra o limón que lle mata o sabor. De feito, o poeta Alexandre Nerium, que foi mergullador do longueirón e agora é o guía do Museo da Pesca de Fisterra, sempre di que dereitiños do mar saben a gloria. Eu prefiro un toquiño, breve, na prancha ou na grella, aínda que en empanada tamén están deliciosos. E xa logo un bo peixe grellado, ao forno ou en caldeirada. Se queredes peixe de sona, pois un sanmartiño, unha robaliza, un sargo…, mais eu son feliz cun xurelo ou xurela (máis grande) á prancha ou á grella ou unhas xardas guisadas, aínda que o meu preferido é o cabracho ou escarapote en caldeirada. Xa sinto bolboretas no bandullo, coma vós.

E de sobremesa o Bolo de «Nata» que facía miña nai. Velaí vai a receita caseira segundo a tradición materna.

Faise collendo unha cunca das «natas» do leite (nós tiñamos leiteira, miña nai fervía o leite e ía sacándollo), se non as houber media tarrina de manteiga comercial. Tamén vale unha mestura de ambas as dúas. Pódese substituír tamén a manteiga por aceite de xirasol, mais miña nai nunca lle poñia aceite, seica.

Mestúrase con media ducia de ovos e tres cuartos de azucre, un sobre de lévedo “Royal” (miña nai usaba este) e un pouco de leite, así como toda a fariña que pida para que a masa non sexa nin moi branda nin moi dura. Engádese tamén a reladura dun limón, se se quere.

Esbarróase o recipiente cun chisco da manteiga ou aceite, botáselle a masa e ao forno, a ollo, que ela non che medía os tempos da cocedura. E ten que saír ben medrado e esponxoso. Que rico!!!

Ou dúas sobremesas tradicionais que se facían antigamente en Cee e que xa case desapareceron ou fanse de maneira industrial. Os follados, que así se lles chama en moitas localidades da Costa da Morte e era o nome que lles daba miña nai, que veñen sendo unhas filloas máis grosas, de medio centímetro ou así que se fan na tixola (hai algunha receita pola rede, mais se procuras a palabra xa podedes imaxinar o que sae). Ou o pan de ovo, pan de huevo dicía a xente máis presumida da vila, unha trenza semellante aos roscos de reis que se fan hoxe, mais moito máis compacto.

Comentarios desactivados en Bolo de «Nata», unha receita da miña nai para Bolboretas no bandullo

Abr 16 2015

Entrevista na bitácora cultural e gastronómica Bolboretas no bandullo

Bolboretasnobandullo
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Bolboretas no bandullo é unha ben interesante bitácora cultura e gastronómica desenvolvida na nosa lingua por dous filólogos mariñaos, Diana e David, un blogue que coñezo hai tempo e que moito me presta visitar, moi recomendable non só para persoas apaixonadas do «bo xantar» pois como subliñaban na entrada de presentación (30 de decembro do 2013):

«Nesta bitácora dixital tentarei plasmar a miña paixón pola cociña así como ofrecer a miña pequena contribución para a consolidación do galego na rede. Aínda que non son moitos, si coñecemos un pequeno número de magníficos cadernos dedicados a expor na nosa lingua unha serie de receitas tanto galegas como doutras partes do mundo. Procuraremos pois, contribuír ao seu apreciábel labor desde aquí. Con todo, este non será un blogue dedicado exclusivamente á cociña galega, aínda que si tentaremos achegarnos sempre a ela.

O compromiso co idioma estará sempre presente en Bolboretas no bandullo e apoiaremos todas aquelas medidas co obxectivo de elevar o galego ao posto correspondente, tratándomos neste caso unha disciplina en auxe como a cociña. Servirémonos tamén nalgunha ocasión das posibilidades gastronómicas da nosa rica literatura podéndomos traer aos nosos días algúns pratos mencionados polos nosos autores e autoras. Recordade por exemplo aqueles versos de Cantares gallegos: I aló no lar, ¡que fogo!, ¡que larada!, / ¡que rica e que ben feita frixolada!».

Pois ben, Diana e David convidáronme a participar na sección «Bolboroteando con…», pola que xa pasaron Helena Villar e Rosa Aneiros. Creo que nunca me fixeron unha entrevista con tantas preguntas. O caso é que fun contestando todas e saíu unha conversa moi longa, así que ocupa unha anotación enorme nesa magnífica bitácora.

Nesta ligazón pódese ler completa a entrevista, precedida dunha presentación biobibliográfica, e deseguida reproduzo a longa resposta á primeira da súa serie de preguntas ao tempo que testemuño aquí tamén a miña gratitude, xa que me serviu para remexer na memoria da infancia e iso xa é de agradecer. Velaquí:

Moitísimas grazas Miro Villar por nos dedicares un pouco do teu tempo para así te coñecermos mellor. Os teus libros, especialmente os narrativos e poéticos xa nos contan moito de quen podemos encontrar detrás, mais nós, ambiciosos, aínda queremos saber máis, especialmente en relación a un dos nosos grandes intereses, o da gastronomía. Agardamos que pases un bo bocadiño de tempo conversando no noso caderno dixital e dámosche de novo mil grazas pola túa colaboración.

Mergullándomonos entre algúns dos magníficos poemarios de Miro Villar, desfrutamos de palabras e versos cheos de expresividade mais tamén do arrecendo gastronómico de moitas das súas páxinas que nos fan pensar en como Miro Villar como un amante da cociña. Estamos errados?

Mellor que amante da cociña, habería que dicir que son amante da boa mesa, xa que son de bo dente, quen o diría cando me rifaba de continuo miña nai de cativo por deixar comida no prato, daquela non comía case ningunha verdura e outras cousas. A día de hoxe como de todo e cando viaxo arríscome a probar comidas orixinais do lugar e non os menús feitos para turistas e viaxeiros.

Porén, non me considero gran cociñeiro, aínda que cociño, e talvez un excelente pinche que tivo a sorte de convivir con parellas con moi boa man nos fogóns. Malfadadamente no tempo que viviu miña nai, que cociñaba moito e ben na súa cociña de ferro bilbaína, no forno e xa menos na cociña de gas, nunca lle botaba unha man (tampouco nos educou nesa angueira) e só botaba o ollo no que facía. Ese “masculino” distanciamento nunca mo perdoarei.
Do meu interese pola alimentación e pola cociña hai moitos testemuños na miña obra literaria, tanto na narrativa como na poética. Salientarei os máis evidentes.

Narrativa. Na novela infanto-xuvenil O nariz de Fiz (2008, premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez) hai algunhas referencias, mais a máis sobranceira é cando o neno Fiz convida a súa amiga Rosa e a seus pais a xantar un domingo na súa casa. Velaquí:

«A nena e os seus pais chegaron con puntualidade, na hora sinalada, e trouxeron unha botella de viño e uns doces para os rapaces. Despois do correspondente intercambio de saúdos sentaron todos, un pouco apretados, derredor da mesa de comedor. A casa non era moi espazosa.

Un caldo branco e un asado de año, sen faltar o pantrigo, a auga, os refescos e o viño para os maiores, encheron por completo a fame dos convidados e dos seus anfitrións. O xantar transcorreu entre risos e relatos de trasnadas ou anécdotas propias do colexio, incluso os maiores contaron algunha das súas de cando eles eran cativos.

Os doces que trouxeran os pais de Rosa e unha gorentosa torta de queixo feita por Mercedes alegraron a sobremesa.

Os pequenos repetiron o anaco e axiña chegou a hora do café, con máis achicoria ca tostado, mais co delicioso aroma do que se fai na pota».

Noutros contos infantís protagonizados por animais son estes os que procuran e cociñan herbas, en Carlota, a marmota que non podía durmir (2000) ten que viaxar lonxe para atopar valeriana coa que facer unha tisana, aínda que ao final durmirá polo cansazo da viaxe cando a estaba a ferver nunha pota, e en A cobiza do verme Noel (2011) os vermes cortadores andan á procura dunha herba de sabor con fino aroma, non se cita polo nome, que deben gardar da cobiza dun malvado verme para se alimentaren dela.

Poesía. Nos meus versos hai unha notoria presenza de alimentos e nalgúns casos do seu cociñado. Tamén saliento os que considero máis relevantes.

No libro Abecedario da desolación (1997), nun dos poemas xa se fala dunha sobremesa na cita que inclúe e logo aparecen varios pratos de cociña ou sobremesas (case sempre froitas), aínda que nada se di da maneira de os cociñar.

O desespero / e o pudim de maçã. Uma comida / amarga como o amor. // José Alberto OLIVEIRA.

como algodón (o corpo) no contacto esponxoso, / como hedras (os cabelos) perenne enredadeira, / como ananás (os ollos) mollados en azucre, / como vimbio (o nariz) que trema no olfacto, / como hidras (as orellas) de tentáculos negros, // como tabaco (a boca) penetrante arrecendo, / como amoras (os labios) docísimo veneno, / como escarola (a lingua) de refinado prato, / como café (o pescozo) no sorbo delicado, / como xarxas (os brazos) de longo percorrido, // como aguacate (os dedos) de insípido xuízo, / como arroz (os mamilos) exquisito alimento, / como mazás (os peitos) reinetas grosas, duras, / como azafrán (o embigo) condimento escondido, / como sargazo (o pube) dos teus cálidos mares, // como níscalo (a vulva) de sabores estraños, / como acevros (as pernas) de brancos interiores, / como buxo (os xeonllos) de compacta dureza, / como rosas (as nádegas) de pálidas colores, / como vainilla (a pel) no beixo despacioso, / como amanita (a dor) phaloides da ausencia, / como cacto (o olvido) de espiñentas palabras, / como cizaña (as bágoas) da dor e da amargura, / como beladona (ti) de durmente memoria, / como saramago (eu) na desolación grave. //

E un froiteiro acugulado ocupa boa parte do penúltimo poema do libro, do que entresaco estes versos: teño diante un froiteiro de desamor na boca, / a zumosa laranxa para esquecer o gusto dos túrxidos peitos, un perucho marelo / para esquecer o azucre do pube nos meus dedos, / dous plátanos maduros para esquecer a polpa / carnosa dunhas pernas que me cravas en soños / nas costas do desvelo, dous acios de uvas claras / e de uvas moi vermellas e bagos desprendidos / para esquecer os ollos limpos, o nariz doce / e a sombra dos mamilos, pero nada é o mesmo (…)

No sonetario Equinoccio de primavera (1998, finalista do premio Esquío) aparece en varios poemas facendo parte do seu contido, sen ser o eixo temático, ás veces só nuns versos como sucede en «Dozor»:

Es doce como o pan que foi gramado, / doce de levedar, fariña muda, / doce como aromática herba ruda, / doce terra en labor, de pobo amado. (…)

Ou nestes dous sonetos que reproduzo por completo, no primeiro fálase dunha macedonia de froitas e no segundo dun mollo:

«Adán desexa morrer no paraíso de Eva»

Na laranxa que filtran os teus brazos / cando me fas entrar no teu dominio, / nos peros onde enauga o meu designio / oculto como o mar e os seus argazos, // nas mazás do pecado, nos abrazos, / degoiro ser Adán, sen raciocinio, / no pexego zugado en condominio, desexo ata morrer coma pedrazos, // no líquido azucrado que me dás, / que bebo pouco a pouco, con agrado / pois acórdame o odor dunha begonia, / na laranxa, nos peros, nas mazás, / no pexego e no líquido azucrado / degoiro o teu sabor de macedonia. //

«Receita para o amor»

As nosas vellas bágoas son o sal / co que hoxe cociñei o refinado / prato do amor, o prebe está salgado / coa velada común máis mineral, // o teu verdoso aceite vexetal / fixo o mollo onde estivo macerado, / impregnando o teu corpo iluminado / a substancia, o odor fundamental. // As miñas mans de tímida madeira / deron o movemento lento e breve / que precisan as carnes no seu prebe. // De allo, cebola e herba pementeira / amoleceron líquidos, sabores, / nos que se evaporaron os temores. //

No libro Gameleiros (2002), onde os meus versos acompañan as fotografías de mariñeiros guardeses realizadas por Manuel Álvarez, cítanse (mais non se cociñan) percebes, robalos, raias, polbos, xardas ou outros froitos do mar.

Velaquí a xeito de exemplo o poema «Pólvera»:

No mar medran froiteiras e as mans do mariñeiro, / mans de ferro, con fendas salgadas do traballo,/ collen xurelos de ollos cegos e escamas tona / de prata, que relocen en cestos de esperanza;/ mentres o home interroga xa o día de mañá. //

Do libro As crebas (2011, premio Concello de Carral) salientaría este poema intitulado «Un cerrado»:

E inmóbil no portelo aínda te preguntas a onde che levaría o carreiro que perdes entre o millo tardeiro e as froitas sabedoras que oculta o milleiral. // E o olfato descobre o arrecendo dos figos, das últimas reinetas e de laranxas verdes naquela horta lindante coas ruínas da casa. // Debrúzaste a cismar, recordando a infancia, cando ningún cerrado coutaba os teus desexos, inocente como eras á culpa da intrusión.

Finalmente, no libro Breizh (2012) catro dos seus haikus están influenciados pola excelente cociña bretoa. Eis:

PONT-AVENSon quince as casas / e catorce os muíños. / Mans de pantrigo.

PONT-AVEN (2007)Mercado da arte, / Paul Gauguin enche crêpes, / rara atmosfera.

KEMPER (I)Praza do pan / e praza da manteiga, / vellos sabores.

DOUARNENEZ (I)Mans mariñeiras / escochando sardiñas / nun mar de séculos.

Unha mención á parte é un pregón que pronunciei nunha das primeiras Festas do Longueirón de Fisterra (que se celebra a primeira fin de semana de agosto e que este ano chegará á XXV edición). Foi o meu único pregón, alén dos proferidos en Feiras do Libro, mais por desgraza non lembro o ano exacto (talvez 1992 ou 1993?) e tampouco localizo o texto, mais lembro que o meu pagamento era poder probar os longueiróns (“linqueiróns” pronuncian na fala fisterrá) de balde en todos os postos, á prancha, en empanada, con arroz… unha auténtica delicia.

One response so far

Abr 14 2015

Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República

Zapatabio

Na conmemoración dun novo aniversario da proclamación o día 14 de de abril de 1931 da II República española é interesante lembrar a contribución á súa defensa de moitos galeguistas e mesmo arredistas galegos antes e despois de se producir o golpe fascista de 1936.

Entre eles estiveron os dous poetas emigrados á Arxentina que estudei, o muxián Xervasio Paz Lestón e o laxense Antón Zapata García, como xa se dixo na anterior anotación. Este último tivo un compromiso moi activo coa causa republicana como tratei de demostrar no volume intitulado Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009), que se presentou o12 de agosto do 2009 na Feira do Libro de Cee, coa presenza do amigo e catedrático de Filoloxía Galega Xosé María Dobarro Paz.

Na contracapa do libro vai este texto do historiador Xesús Torres Regueiro:

A vida de Zapata entre a colonia galega non debeu ser fácil. Nacionalista galego e independentista, antifranquista e aliadófilo, a sua rexa personalidade tivo de aturar moitos sensabores e inxurias. “Poeta das sans rebeldías”, chamoulle o estudoso Alberto Vilanova na biografia que lle dedicou na sua voluminosa obra Los gallegos en la Argentina. E de corazón e espírito rebelde foi Zapata, loitador desde ben mozo da causa da liberdade. Liberdade da súa patria asoballada para a que arelou días máis ventureiros traballando a prol da sua cultura, como socio protector do Seminário de Estudos Galegos, e da sua conciencia nacional na Agrupazón Nazonalista Pondal, formada nos anos vinte polos mozos emigrantes galegos que albiscaban unha Galiza independente e dona de si. E liberdade da humanidade aferrollada pola ameaza do nazismo e do fascismo, que o levou a cantar un Hino a Stalingrado e dedicar un poema á destrución de Gernika.

Comentarios desactivados en Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República

Abr 14 2015

Manifesto e obxectivos da plataforma «Voltar á Terra»

VoltaráTerra

(Video de presentación da plataforma «Voltar á Terra»)

Máis unha vez teño o pracer de me facer eco nesta bitácora doutro proxecto que coñecín ao abrir a caixa de correo e que me pareceu excelente e digno de divulgar ao máximo. Desta volta trátase do nacemento da plataforma cidadá denominada «Voltar á Terra», cuxo Manifesto fundacional xa asinei e que tamén convido a calquera persoa a se engadir nesta ligazón.

Non podía por varias razóns ser eu alleo á plataforma «Voltar á Terra», onde «galegas e galegos de todo o mundo únense para defender os nosos dereitos e ser quen de voltar á terra se así o desexamos». De primeiras porque meu bisavó Ramón e meu avó José Jesús estiveron emigrados na Arxentina e pouco trouxeron no seu regreso á Terra. Así, meu bisavó trouxo de volta un bandoneón que podreceu na casa por culpa da traza, coa miña inconsciencia e a de meus irmáns (demasiado crianzas para entender e tomar a decisión de o conservarmos) e oficio, como o que lle permitiu ter de seu un banco de carpintaría. Porén tanto meu bisavó, que morreu aos 98 anos, coma seu fillo e meu avó pódese dicir que fracasaron na Arxentina, como ben relata meu irmán Rafa Villar nun magnífico poema sobre a súa persoa («Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos»).

E no ámbito dos estudos literarios aos que teñen dedicado centos e centos de horas de traballo o mundo da emigración tampouco non me é alleo, pois teño centrado unha parte deles na obra e na figura de dous poetas emigrados tamén á Arxentina. Velaí a miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, dirixida polo Dr. Xesús Alonso Montero; que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, obtendo o grao de Licenciado coa cualificación de Sobresaliente. Boa parte do texto foi publicado por Edicións do Castro (1998). E velaí tamén a miña Tese de Doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada intitulada A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, dirixida polo mesmo Dr. Xesús Alonso Montero; que foi lida e defendida o 25 de febreiro de 2008, obtendo o grao de Doutor coa cualificación de Sobresaliente Cum Laude. De acceso libre na rede en varios lugares, como poesiagalega.org, tamén deu pé ao libro Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009).

Deseguida reproduzo o texto do Manifesto que asinei:

Manifesto

Desde que temos lembranza emigramos. O raro é encontrar alguén no noso contorno máis achegado que cando menos unha vez non probase sorte fóra. Nunca deixamos de irnos, a un ou a outro ritmo, en algún momento máis paseniño e noutros xa en masa, cando se desbordan os intereses duns poucos. Este é un deses momentos.

Vimos dun país con recursos e capacidades como para xuntar ás que están e ás que queremos estar. Somos líderes mundiais na produción de novos materiais de aplicación industrial, o mar fíxonos potencia pesqueira, habitamos unha Terra cunha extraordinaria capacidade agrogandeira, xeramos máis recursos enerxéticos -electricidade- dos que precisamos, visítanos máis xente que habitantes somos e, xunto a potencialidades dabondo, temos unha lingua e cultura propias e ben diferenciadas, que nos permite comunicarnos con máis de 250 millóns de falantes de portugués.

A pesar diso, 466.000 galegas e galegos viven hoxe por baixo do limiar da pobreza, máis de 200.000 marcharon desde o 2007, a metade das menores de 25 anos non teñen traballo. Perdemos cada día 70 habitantes formados e en idade laboral, que deixan atrás familias, amizades, e, en moitos casos, a posibilidade de desenvolver a súa vida onde queiran. Somos pouco máis que a vixésima parte da poboación do Estado, mais unha cuarta parte das emigradas.

O problema non é que marchemos, é que nos botan cando limitan e recortan as titulacións das nosas universidades, cando as opcións que nos dan son entre o desemprego, ou empregos cun salario miserento e traballos non remunerados –as tan manidas prácticas profesionais-, ou cando nos negan calquera tipo de axuda para desenvolver unha iniciativa económica.

Non queremos agasallos, mais tampouco que nos pechen as portas do noso país. A emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis e condenarnos a continuar no círculo da dependencia que nos ten nesta mesma situación.

A emigración non é inherente á condición humana: Só viven en países diferentes ao seu un 3.3% da poboación mundial. Iso é o que nos depara un mundo só para as elites, no que a nós nos cadrou no lado baixo da balanza.

Por iso nós non somos emigrantes, somos exiliadas, e exisimos:

Un plano de emprego xuvenil que promova novos espazos de actividade para a xeración de emprego e que potencie o emprendemento.

Un plano de apoio ao retornado que permita volver en condicións dignas e con acceso a un posto de traballo digno.

Reforzo dos servizos públicos e contratación de traballadoras no ensino, sanidade e servizos sociais.

Promoción da explotación sustentábel dos nosos sectores produtivos e fin das restricións europeas e españolas que non nos deixan producir.

Derogación do retraso na idade de xubilación e eliminación dos contratos precarios.

Queremos ser quen de vivir e traballar con dignidade no noso país, como fan tantos pobos no mundo, e que deixen de ser os de sempre os que elixan se temos dereito ou non a vivir na nosa terra.

Comentarios desactivados en Manifesto e obxectivos da plataforma «Voltar á Terra»

Abr 14 2015

Obra de López Abente no xornal madrileño «El Sol»

Voz14-04-2015
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Unha versión deste texto publicouse na edición dixital e tamén en papel no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, o 14 de abril de 2015, con este título: Obra de López Abente no xornal madrileño «El Sol». (Premer na cabeceira para acceder á versión dixital)

Comentarios desactivados en Obra de López Abente no xornal madrileño «El Sol»

Abr 13 2015

Poemas (LXXVI): «Normandie» e «Dreht euch nicht um» («Normandie» e «Non vos volvades») de Günter Grass

GünterGrass1
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Normandie

Die Bunker am Strand
können ihren Beton nicht loswerden.
Manchmal kommt ein halbtoter General
und streichelt Schießscharten.
Oder es wohnen Touristen
fur fünf verquälte Minuten –
Wind, Sand, Papier und Urin:
Immer ist Invasion.

Günter Grass. Do libro Gleisdreieck (Triángulo de vías, 1960)

Normandía

Os búnkeres na praia
non se poden librar do seu formigón.
Ás veces chega un xeneral medio morto
e aloumiña as troneiras.
Ou habítano os turistas
por cinco minutos apesarados.
Vento, area, papel e mexo:
sempre é invasión.

Versión galega de Úrsula Heinze e Ramón Lorenzo na antoloxía intitulada As galiñas de vento (Xerais, 2002) que compilaba textos dos seus tres primeiros poemarios As vantaxes das galiñas de vento (Die Vorzüge der Windhühner, 1956), Triángulo de vías (Gleisdreieck, 1960) e Interrogado (Ausgefragt, 1967).

Dreht euch nicht um

Geh nicht in den Wald,
im Wald ist der Wald.
Wer im Wald geht,
Bäume sucht,
wirt im Wald nicht mehr besucht.

Hab keine Angst,
die Angst riecht nach Angst.
Wer nach Angst riecht,
den riechen
Helden, die wie Helden riechen.

Trink nicht vom Meer,
das Meer schmeckt nach mehr.
Wer vom Meer trinkt,
hat fortan
nur noch Durtst auf Ozean.

Bau dir kein Haus,
sonst bist du zuhaus.
Wer zuhaus ist,
wartet auf
späten Besuch und macht auf.

Schreib keinen Brief,
Brief kommen ins Archiv.
Wer den Brief schreibt,
unteschreibt,
was von ihm einst überbleibt.

Günter Grass. Do libro Ausgefragt (Interrogado, 1967).

Non vos volvades

Non vaias á fraga,
na fraga está a fraga.
Quen vai á fraga,
busca árbores,
non o buscan logo na fraga.

Non teñas medo,
o medo cheira a medo.
Quen cheira a medo,
chéirano
heroes que cheiran coma heroes.

Non bebas do mar,
o mar sabe a máis.
Quen bebe do mar,
desde entón só ten
sede de océano.

Non constrúas unha casa,
senón estarás na casa.
Quen está na casa,
agarda
visitas tardías e abre.

Non escribas cartas,
as cartas van ó arquivo.
Quen escribe cartas,
subscribe
o que ha quedar del algún día.

Versión galega de Úrsula Heinze e Ramón Lorenzo na antoloxía intitulada As galiñas de vento (Xerais, 2002) que compilaba textos dos seus tres primeiros poemarios As vantaxes das galiñas de vento (Die Vorzüge der Windhühner, 1956), Triángulo de vías (Gleisdreieck, 1960) e Interrogado (Ausgefragt, 1967).

Comentarios desactivados en Poemas (LXXVI): «Normandie» e «Dreht euch nicht um» («Normandie» e «Non vos volvades») de Günter Grass

Next »