Archive for Agosto, 2014

Ago 19 2014

A desmemoria sobre a rúa Moncho Reboiras de Corcubión

Created with Nokia Smart Cam
Reboiras3
(Na primeira fotografía, realizada con dispositivo móbil, estado actual da placa da rúa adicada a Moncho Reboiras en Corcubión. Na segunda, arquivo ANT, Rafael Mouzo inaugura a mesma cando era alcalde do concello. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Andaba eu por Corcubión o pasado 12 de agosto, cando se facían 39 anos do asasinato no ano 1975 na ferrolá Rúa da Terra do nacionalista Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia, abatido polos disparos da policía española franquista. De feito, xa en 2009 o Ministerio de Xustiza do Goberno de España recoñeceu que Moncho Reboiras padecera ilexitimamente persecución e violencia, até lle daren morte, pola súa militancia política nacionalista e a súa implicación na loita sindical.

E andaba eu á procura da placa da súa rúa en Corcubión, que foi a primeira localidade galega en lle dedicar unha parte do seu rueiro cando tiña como alcalde ao nacionalista Rafael Mouzo Lago, tal e como xa contei nesta anotación de hai tres anos.

Nun chío da miña conta de twitter sinalaba que non dera localizado a placa e non é de estrañar. Porfiei na súa procura e onte atopeina no estado que testemuña a fotografía desta anotación. Sería ben que a Fundación Moncho Reboiras ou calquera outra entidade nacionalista, mesmo a UPG, o Partido no que militou, fíxesen algo por restaurar a memoria de Moncho Reboiras de cara ao ano vindeiro que conmemoramos o seu 40 cabodano.

E escribo esta nota cando se rememora hoxe outro fito histórico con actos en Compostela e tamén en Teo, o paseo do galeguista Ánxel Casal Gosenge, cuxo corpo aparece baleado nunha gabia, e que era alcalde en 1936 da capital galega, a día de hoxe xestionada por un ilexítimo goberno municipal con moitos concelleiros/as que non foron eleitos/as polo pobo nas urnas e que nada fan para lembrar e perpetuar a súa memoria.

3 responses so far

Ago 14 2014

Feira do Libro ou mercado de zapatos

FeiradoLibro13-08-2013

(Artigo publicado na edición comarcal de Carballo, dixital e en papel, do xornal La Voz de Galicia)

Feira do Libro ou mercado de zapatos

Calquera persoa con sentidiño non podería imaxinar unha foliada ou unha verbena sen un grupo musical ou sen unha orquestra ou organizar unha festa do berberecho ou do longueirón só coas cunchas, pois ben esta xeira asistimos abraiados a unha Feira do Libro de Cee no que non haberá presentacións de libros e as actividades literarias ficaron reducidas ao excelente pregón do crítico e profesor Armando Requeixo (quen lembrou a súa primeira estadía na vila e rematou falando do poeta Díaz Castro, a quen se homenaxeou nas Letras Galegas), á presentación dunha revista da Universidade Cromática de Corcubión e a unha rolda de sinaturas que argallou de motu proprio a libraría Á lus do candil.

Ben sabemos que a parroquia lectora é pequena, ben sabemos que con certeza o pregón festeiro do televisivo Gayoso xuntou moita máis xente que toda a que percorrerá as casetas, mais autoras e autores, libreiras e libreiros e lectoras e lectores ben merecían o esforzo dun programa completo como o organizado o ano pasado, que daquela non dubidamos en parabenizar.

E mira que o tiñan doado só con botar man da creación da comarca, pois teñen novidades literarias Concha Blanco, María Canosa, Suso Bahamonde e Xosé Iglesias (todos catro de Cee), Suso Lista (Corme), Rivadulla Corcón (Muxía), Ramón Vilar Lavandeira (Cerceda), entre outros, aos que se podería xuntar a presentación da antoloxía sobre Evaristo Martelo editada na Ponteceso ou o último libro de contos de Xurxo Souto no que hai moita Costa da Morte.

Esta mañá principiou tamén a Feira do Libro de Viveiro, unha vila de tamaño semellante á nosa, coa presenza do dobre de casetas e, sobre todo, cunha programación paralela que inclúe, alén do pregón de Xurxo Souto, oito presentacións de libros, unha táboa de debate sobre novela histórica e unha contacontos infantil, para deste xeito dinamizaren a lectura e a presenza de público. Algo moi necesario para unha cultura que padece de maneira especial os rigores da crise económica.

E aquí a velas vir. Nos últimos tempos semellou instalarse na Costa da Morte a desidia e a nugalla, museos pechados ou que abren coa luz eléctrica cortada por impagamento, feiras do libro onde autoras e autores non poden dialogar co seu lectorado nas presentacións.

Andamos para atrás comas os cangrexos, e se cadra dirán que avanzamos.

Comentarios desactivados en Feira do Libro ou mercado de zapatos

Ago 13 2014

O mariñeiro-poeta Xosé Iglesias presenta en alta mar o seu libro Transfusión oceánica

Published by under Poesía,Presentacións

Xosé Iglesias (Cee, 1974) o mariñeiro-poeta, autor de Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014), de quen xa falamos nesta bitácora aquí ou acolá, mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, con poemas de seu como «Transfusión oceánica», mais tamén con poemas que lle son queridos, como o meu «Dioni» do libro Gameleiros (Xerais, 2002, xa descatalogado pola editora), feito en colaboración co fotógrafo Manuel Álvarez.

No video que achego, no que máis unha vez en alta mar recita uns versos, deste volta realiza a presentación do seu primeiro poemario Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014). Debe ser a primeira vez (alomenos non coñezo eu outra) que se presenta un libro en alta mar.

Moitos parabéns. Sorte nesta singradura editorial. Saúde e medre o mar, compañeiro!

Comentarios desactivados en O mariñeiro-poeta Xosé Iglesias presenta en alta mar o seu libro Transfusión oceánica

Ago 13 2014

De sinaturas na Feira do Libro de Cee

PantasmaCasa

(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Máis unha estaremos de sinaturas vez na nova edición da Feira do Libro de Cee, que principia mañá xoves 14 e que se prolongará até o domingo 17 de agosto. Trátase dunha feira non oficial, organizada polo Concello de Cee, e desta volta sen un programa de presentacións definido. Porén, como o ano pasado, desde a libraría Á lus do candil, o poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez convidáronme a facer parte da listaxe de autoras e autores da Costa da Morte que asinaremos as nosas obras na súa caseta. Velaí o seu programa:

Xoves 14, ás 12:30 h.: Concha Blanco asinará exemplares do seu novo libro As noites de Xián, ilustrado por Dani Padrón (Xerais, 2014).

Venres 15, ás 13:00 h.: María Canosa asinará exemplares de Papá, que son os sorrisos? (Galebook, 2014) e Ana xa chegou! (Everest, 2014), ambos e dous tamén ilustrados por Dani Padrón.

Sábado 16, ás 13:00 h.: Miro Villar asinará ará exemplares do libro A pantasma da casa da Matanza, ilustrado por Xosé Cobas (Biblos, 2014).

Sábado 16, ás 19:00 h.: Xose Iglesias asinará o seu libro Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014) e Modesto Fraga asinará exemplares de Fisterra, a derradeira perla de occidente (Autoedición, 2014).

Libreiras e libreiros, autoras e autores moito agradeceremos estas xornadas de convivio coas lectoras e os lectores.

Comentarios desactivados en De sinaturas na Feira do Libro de Cee