Archive for Xullo, 2014

Xul 17 2014

A pantasma da casa da Matanza nos catálogos de verán das Bibliotecas de Oleiros e de Muxía


(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

As bibliotecas públicas deveñen imprescindibles e necesarias, malia as retelladas orzamentarias, á hora de posibilitaren a lectura a calquera persoa e de visibilizaren a nosa literatura. Realizan un impagable labor de difusión da escrita de nós, presentando as nosas novidades nun andel, como puiden comprobar na Biblioteca Pública Municipal de Corcubión (moitas grazas Isabel), ou artellando catálogos na rede ou en papel. Así, o meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), con ilustracións de Xosé Cobas, fai parte de dúas guías que circulan na rede e en papel este verán.

A primeira é na sección «Libros para nenas e nenos de 8 a 10 anos» da guía Lecturas ao sol! editada polo excelente Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros, conformada por oito centros, que se pode ler completa no seu blogue bibloleiros ou descargando este pdf de 82 páxinas (Lecturas ao sol!).  Xa o fixera tamén na de Nadal intitulada Queres ler connosco?, (aquí en pdf Guía Queres ler connosco? Nadal 2013), como xa contamos nesta anotación.

A segunda fai parte do máis breve catálogo elaborado polo Concello de Muxía e as Bibliotecas de Muxía, na sección «A partir de 12 anos», o que revela algo que defendemos de motu proprio: non se trata dunha lectura cinguida ao ámbito infanto-xuvenil, senón a calquera lectora ou lector de álbumes ilustrados con coñecemento da obra e da vida da nosa poeta nacional Rosalía de Castro.

Alén de os parabenizar pola iniciativa, tamén moito a agradezo.

Comentarios desactivados en A pantasma da casa da Matanza nos catálogos de verán das Bibliotecas de Oleiros e de Muxía

Xul 15 2014

O papagaio: a pegada dos sentidos. Unha homenaxe a Luísa Villalta.


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Mañá, día da patroa dos mariñeiros, é a data escollida por un grupo de poetas amigos e vencellados á cidade coruñesa para conmemoraren o décimo cabodano do pasamento da escritora Luísa Villalta (que acontecera o 6 de marzo do 2004, efeméride sobre a que escribín esta anotación) e que tamén foi esquecida entre as propostas para o Día das Letras Galegas, nas que a RAG preferiu render homenaxe ao cheiro a rancio e a franquismo de Xosé Fernando Filgueira Valverde, do que algún día algo falaremos.

Non poderei estar en Atlántica Centro de Arte onde se vai inaugurar a exposición de fotografías sobre O Papagaio da autoría de Maribel Longueira e os poemas que Luísa Villalta escribira para esas imaxes, mais escoitarei ecoar as voces de Luz Pozo GarzaManuel Álvarez Torneiro, Ánxeles PenasOlga PatiñoMarica CampoCesáreo Sánchez IglesiasXulio López Valcárcel, Xavier Seoane, Francisco X. Fernández NavalMiguel Anxo Fernán-Vello, Eva Veiga, Marta Dacosta, e os músicos César MoránXosé Taboada.

Comentarios desactivados en O papagaio: a pegada dos sentidos. Unha homenaxe a Luísa Villalta.

Xul 10 2014

A Xanela. Revista Cultural das Mariñas reseña o conto A pantasma da casa da Matanza


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

A Xanela. Revista cultural das Mariñas, que edita a A. C. Eiravella de Betanzos e que coordina o noso caro amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, vén de presentar o seu número 37, Primavera do 2014, para lle dar gozosa continuidade a unha feraz traxectoria ininterrompida (desde 1994, xa fan vinte anos!!!).

Alén das súas habituais seccións de Creación (na que como adoito sobrancea a poesía galega actual, desta volta entre eles os amigos X. H. Rivadulla Corcón con «Noite de lúa en Betanzos con Uxío Novoneyra» e Miguel Mato con «Terra negra língua», mais tamén a irmá poesía contemporánea), Historia e Memoria Histórica, Arte, Patrimonio, Filoloxía, Música… e un completo especial «Festa das Letras» que inclúe unha breve antoloxía poética de Xosé María Díaz Castro antecedida pola reprodución dun poema autógrafo de Manuel María, un fermoso soneto dedicado ao guitiricense, datado no nadal de 1986, no centenario de Castelao, en Outeiro de Rei da Terra Chá. Canda os versos os artigos «Díaz Castro e Betanzos» de Armando Requeixo, «Entra no meu soneto, betanceira» de Xulio Xiz e «As cancións de Díaz Castro resoan dende Betanzos» de Alfonso Blanco Torrado.

No habitual apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda a aparición de varios libros. E máis unha vez dá conta do noso labor literario (e outra volta a nosa gratitude e estimanza). A breve recensión ocúpase do conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), con ilustracións de Xosé Cobas, con estas palabras:

«A pantasma da casa da Matanza é a nova aportación de Miro Villar á literatura infantil galega, coma sempre en verso, e desta volta cun motivo rosaliano. A Negra Sombra, “feliz pantasma na Matanza”, da que o poeta da costa da Morte traslada unha visión positiva. “Eu son a Negra Sombra, que os perversos / trabucaron coa dor da enfermidade“. Unha Negra Sombra que se dirixe ao leitor en primeira persoa e preséntase como unha compañeira, unha presenza que acompaña a Rosalía na creación da súa obra, na ledicia e na enfermidade. O libro-álbum, poeticamente ilustrado por Xosé cobas, está editado por Biblos Clube de Lectores».

E, finalmente, máis unha vez, reiteramos os nosos máis cálidos parabéns ás persoas que entregan o seu tempo na A. C. Eiravella de Betanzos polo seu vizoso labor, en tempos nos que se pechan tantas outras portas e xanelas para a cultura e a lingua da nosa milenaria Nazón de Breogán.

Comentarios desactivados en A Xanela. Revista Cultural das Mariñas reseña o conto A pantasma da casa da Matanza