Mar 22 2014

A pantasma da casa da Matanza, premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil ou Xuvenil 2013 na Noite da Edición



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Onte, 21 de marzo, alén de ser o Día Mundal da Poesía, tamén é o meu aniversario e un dos mellores agasallos foi a celebración de que o conto rimado da miña autoría A pantasma da casa da Matanza, con ilustracións de Xosé Cobas, que figuraba na listaxe de libros finalistas dos Premios da Edición 2014, obtivese o máximo recoñecemento na categoría Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil ou Xuvenil 2013.

Da propia páxina dos editoresgalegos.org reproduzo deseguida a totalidade dos libros premiados:

ENTREGADOS EN BETANZOS OS PREMIOS DA EDICIÓN

Venres, 21 Marzo 2014

O gremio editorial galego celebrou este serán en Betanzos a IX edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a diversos colectivos relacionados con mundo do libro e a cultura galega.

O acto tivo lugar no Liceo de Betanzos e nel participaron  autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia.  Estivo presidido polo Alcalde de Betanzos, José Ramón  García Vázquez; Manuel Bragado, presidente da AGE e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron ao acto o director de marketing de GADIS, Antonio Cortés;  Concelleiro de Cultura da cidade, a  Vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega,  o  presidente do Clúster Gráfico, a directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, a presidenta da Federación de Libreiros e outros integrantes do gremio de editores, escritores e representantes da vida cultural galega.

A actividade foi coorganizada pola AGE e o Concello de Betanzos e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Cultura e GADIS. O grupo vocal EntreElas, da Coruña, presentou e amenizou a velada.

PREMIADOS:

Premio ao  Libro de ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2013

O derradeiro libro de Enma Olsen, editado por Galaxia, de Berta Dávila

Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2013

Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, editado por Alvarellos Editora, de Pilar García Negro.

Premio ao Libro de poesia ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro de poesía ou teatro no ano 2013

Sobre ruínas, editado por Alvarellos Editora, de Xesús Rábade Paredes.

Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2013.

Pan de millo, editado por Kalandraka, de Dani Padrón.

Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2013.

A pantasma da casa da Matanza, editado por Biblos, de Miro Villar e Xosé Cobas.

Premio Lois Tobio o libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2013.

A tradución do Ulises, de Joyce, editado por Editorial Galaxia, e traducido por María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Valle.

Premio Xosefa Vilarelle ó libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2013.

Vento e chuvia, editado por Edicións Xerais, de Manuel Gago.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ó autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora durante o ano 2013.

Berta Dávila.

Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2013.

Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos, editado por  Edicións Xerais, de Antón Cortizas.

Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013 co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2013

Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro e Pepe Díaz.

One response so far

One ResponseA pantasma da casa da Matanza, premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil ou Xuvenil 2013 na Noite da Edición to “”

  1. Xarelaon 24 Mar 2014 at 20:46

    Parabéns!!! Un libro ben fermoso.