Archive for Decembro, 2013

Dec 27 2013

«A Muxía de Rosalía (e II)», artigo do antropólogo Manuel Vilar


(Fotografía de Vidal, de Laxe)

E velaquí vai a segunda parte.

13-12-2013
Canta xente…

A Muxía de Rosalía (e II)

Manuel Vilar Álvarez

Quero rematar este ano a miña colaboración para o Terra e tempo dixital cunha pequena achega rosaliana. Sei que non son un experto na obra de Rosalía, tan só un rosaliano desde o primeiro momento que a lin, cando cheguei a un internado coruñés para estudar o bacharelato. Entón ou xogaba ao fútbol ou lía, eran as dúas alternativas para matar as horas mortas. Nunca me gustou moito xogar, así que lía todo o que caía nas miñas mans, tanto narrativa coma poesía, como calquera outro libro que atopaba naquela cativa biblioteca, pois entón, en plena ditadura, o acceso á información e a cultura era delito e o acceso á cultura propia máis aínda. Un día caeu nas miñas mans Cantares gallegos e para un neno vido dunha escola rural foi toda unha sorpresa, porque aquela poesía era entendible e falaba da realidade vivencial da que eu procedía.

Tense escrito moito ao longo deste ano sobre Cantares gallegos, quizais non o suficiente, pois estamos falando dunha obra clave do noso devir cultural, pero tamén como pobo e como pobo con conciencia de seu.

Na miña colaboración do pasado mes de marzo falei da Muxía de Rosalía, de cómo sería a vila que ela coñeceu en 1853 e de cales foron as razóns que a levaron até alí. Agora tan só quero determe brevemente no poema de Cantares que fai referencia a esa vila, o poema número 5 (na primeira edición e o 6 nas seguintes) do libro e que, como outros varios, está encabezado, e neste caso tamén rematado, por unha copla popular, algo que para min ten que ver non só co mergullamento pleno de Rosalía na, digamos, cultura popular (entón cultura de masas), senón tamén co concibir esta como algo que reflicte un saber acumulado pola experiencia histórica, como un xeito lóxico de razoar e entender o mundo no que se vive, como algo realmente normal e non episódico.

Nada novo vou achegar para entender a obra de Rosalía, non son esas as miñas pretensións, en todo caso dicir que aínda quedan temas que se poden seguir  investigando e reinterpretando, pois o contido e sentido desta obra ten plena actualidade. Tan só podo, e quero, invitar a que a sigamos lendo, xa que mentres fagamos isto estaremos reivindicando tamén a nosa presenza no mundo global.

Neste poema Rosalía fai un percorrido por como sería entón a romaría da Virxe da Barca, unha romaría que vivía momentos de éxito, seguramente de éxito aínda novo, pois non penso que a súa popularidade como festa vaia moito máis alá do século XVIII. A romaría, daquela como agora, era importante e a ela acudía moita xente: ”Canta xente… canta xente”. Era un fito clave para rachar a vida do día a día.

O poema non é unha descrición etnográfica plena de cómo sería a romaría da Barca. As referencias á contorna do santuario, as súas pedras e aos rituais, é dicir, ao espazo no que ten lugar a parte menos profana da festa, non son abundantes, tan só as necesarias para obxectivar os elementos singulares desta romaría e que determinaron as peculiaridades da mesma, a súa especificidade. O máis descritivo neste aspecto está nos versos que falan da imaxe, que está “na sua barca pequena” e “dond´ estan dous anxeliños / dous anxeliños que reman”, ou nas referencias lendarias a que a virxe “alí chegou milagrosa / nun-ha embarcaçon de pedra” e que a “pedra vala”, pero abala máis pola ledicia da xente que polo poder divino, tanto que ten sentimentos, “como si fose mociña”, e comparte a ledicia da xente que brinca enriba dela. Dos “anxeliños” que remaban xa non podemos falar en plural, cando menos algún xubilouse ou padeceu unha reconversión e xa non está no altar.

A romaría é unha desculpa para Rosalía para loar a xente que a ela acode, un pano de fondo diante do que vai pasando a xente corrente, labregos e mariñeiros, que era entón a masa social do país, pero especialmente as mozas “cura de tódalas penas”, pois a mocidade é o futuro e a ledicia do presente. Se hai mocidade tamén hai futuro.

O feito que Rosalía quer destacar é a moita xente que acode e de cómo a pequena vila de Muxía se transforma totalmente neses días coa presenza de miles de romeiros e romeiras, que acugulan (acugulaban, agora xa non é así, pois o epicentro romeiro trasladouse fóra dos límites da vila) as estreitas rúas muxiás xunto a todo tipo de vendedores ambulantes. Temos, así, o espazo transformado para que o acontecemento sexa especial, velaí unha das características das romarías: a transformación do espazo.

O importante para a autora nesta descrición é un feito social no que participa o pobo, así en xeral, algo que mostra a confianza social e perspectiva de futuro. Hai referencias ao contexto relixioso, á imaxe, que “sempre adoradores teña”, pero a festa é unha desculpa para xuntarse, unha paréntese no tempo ordinario, un tempo distinto que se aproveita para celebrar a vida e renovar as ganas de vivir, para activar a cohesión social, a pertenza. A romaría é un todo, pero onde a presenza da xente é clave: sen xente, e sen xente que queira celebrala, tampouco hai romaría.

Rosalía estaba na casa do médico Leandro Abente. Desde o balcón desta casa, situada entre a ribeira (daquela aínda non estaban de moda os paseos marítimos) e a rúa principal da vila (desde marzo pasado hai unha placa, colocada pola Fundación López Abente, que sinala este feito), vería como os romeiros ían entrando nesta pequena poboación mariñeira e ocupando o espazo urbano para celebrar a romaría. A única maneira de chegar era entón andando ou por mar, “por campiñas, e por veigas! / Canta pó lo mar abaixo”. E a xente chegaba andando, pero a Rosalía chámalle máis a atención a que viña por mar, “que lanchas tan ben portadas” que, nese día, tamén se engalanaban para a ocasión “con aparellos de festa!”, non eran as lanchas de todos os días. E viñan de todas as vilas do arredor, pero tamén de lonxe, quizais Ponteareas quedase algo lonxe, pero a sona da romaría era ampla e Rosalía quérea mostrar como un feito que afecta a unha boa parte do país. Hoxe pódenos parecer raro que viñera xente desde as rías baixas nas súas dornas, pero na década de 1950 os da Guarda acampaban en Touriñán mentres se dedicaban varias xornadas á pesca e as lagostas que pescaban ían estercar as hortas, pois non eran capaces de cambialas por patacas ou touciño. E un vello crego muxián, que exerceu de párroco nunha vila da ría de Pontevedra nos anos posteriores á guerra, contoume como, nos primeiros días da súa nova estadía, sorprendíase ao virarse cara aos fieis na misa e ver rostros que lle resultaban familiares, eran mariñeiros que tiña visto varias veces por Muxía de xolda.

Desde a súa atalaia Rosalía observa entrar a xente, xente que vén para celebrar colectivamente a súa pertenza social e ganas de vivir, xente que entra cantando e aturuxando (eran os whatsapps de entón) para marcar ritualmente a súa chegada, para mostrar aos outros que aquí estamos nós, e eses outros distinguíanos polo xeito de cantar, xente que viña agrupada polos lugares e parroquias de orixe. “Ai aqueles alalás de Morquintián!”, laiábase unha vez a un vello muxián falando da romaría, pero en Morquintián xa non hai xente para cantar.

A xente tamén se vestía para a ocasión, deixando na casa a roupa de todos os días e lucindo a máis vistosa, xente que quer que a miren, mirar e ser mirada. Seguramente a descrición das roupas das mulleres que fai Rosalía non sexa un documento exacto, pero debe ser bastante fiel. De todos xeitos, o que quer dicir Rosalía coa descrición de cómo vestían as mulleres non é tanto un retrato fiel como incidir na diversidade de vestir, da variedade, que non todas vestían igual e de xeito monótono, gris e sen gusto, que había interese en mostrar no vestir a ledicia de vivir, que a xente aínda que traballe duro e teña pouco poder adquisitivo pode ter elegancia, sentido da estética e, sobre todo, sentimentos, ganas de gozar e de vivir.

O vestir é máis que un complemento contra as inclemencias do tempo, dá unha imaxe visual de nós, é un sinal de identidade, algo que nos identifica e que fala de nós. Distinto é a utilización folclorista da vestimenta, que de elemento diferenciador pasa a ser elemento uniformizador, dando unha imaxe aceptable de nós, dunha cultura da diferenza pasamos a potenciar a unidade monocromática, a diversidade como algo politicamente non correcto, por non dicir “salvaxe”; cando non aniquiladora, como pasou en Escocia coa estandarización do kilt, que entre outras consecuencias significou a aniquilación da industria téxtil tradicional a man das teas procedentes da industria inglesa.

Neste poema, como en toda a súa obra, Rosalía mostra respecto e orgullo pola súa sociedade, unha sociedade que entende e coñece, pois sen coñecemento non se pode cambiar nin mellorar nada. Non son estudoso da literatura, e menos da literatura internacional, pero cando ando por aí falo do tema, pregunto e non se encontra outro caso dun autor ou dunha autora que entendera tan ben o carácter das xentes e do seu país, algo que só se pode comparar co escocés Robert Burns, pero aínda que toda a súa obra está colgada na rede, a súa lectura resulta difícil para un pouco familiarizado con esa segunda lingua que se fala no sur de Escocia.

Con este poema, Rosalía abriu tamén a porta para que Muxía, e a súa romaría, sexan un referente literario. Faríano os poetas locais, os Abente e Paz Lestón, e outros galegos, como Antón Zapata, Ángel Valente ou Guerra da Cal, por citar só tres nomes, pero tamén poetas da talla dun García Lorca, e outros menos coñecidos pero que atoparon aquí material para o seu trabllo literario, como o canadiano John Reibetanz, que escribe en inglés.

Comentarios desactivados en «A Muxía de Rosalía (e II)», artigo do antropólogo Manuel Vilar

Dec 27 2013

«A Muxía de Rosalía», artigo do antropólogo Manuel Vilar


(Fotografía de Vidal, de Laxe)

Como excelente colofón á conmemoración este ano do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro, hónrame reproducir nesta bitácora os dous artigos que o noso amigo Manuel Vilar, antropólogo muxián, escribiu para o Terra e Tempo. Dixital galego de pensamento nacionalista cos títulos «A Muxía de Rosalía» e «A Muxía de Rosalía (e II)», publicados respectivamente en marzo e en decembro deste ano que nos deixa.

Velaquí, para aprendermos da relación da nosa Poeta Nacional coa Costa da Morte e con Muxía e a Virxe da Barca de maneira principal.

24-03-2013
En case toda a bibliografía de Rosalía que fala da súa estadía en Muxía

A Muxía de Rosalía

Manuel Vilar Álvarez

A muxiá Fundación López Abente tamén quixo sumarse á celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, e fíxoo, entre outros, colocando unha placa onde estaba a casa na que Rosalía pasou a romaría da Barca de 1853.

Cando Rosalía estivo en Muxía os tombos batían nas paredes da casa do médico Leandro Abente Chans. Hoxe o mar óllase ao lonxe. A Muxía que coñeceu Rosalía era unha pequena vila “brandamente deitada no medio da ribeira”, que se estendía entre a Camposa, “seca e árida”, e os “altos penedos” do Corpiño, monte este que dá abrigo á vila dos nortes xeados e reflectindo a luz e o calor ao medio día, por dicilo en palabras de Gonzalo López Abente.

Por entón Muxía tiña poucas casas. Eran casas pequenas, dun andar a maioría, cos tellados cubertos de pedras para que o vento non marchase coas tellas. As casas debuxarían unha traza urbana aparentemente complicada, pero intelixentemente adaptada ao terreo, traza de “tortuosos caminos que conducían a la playa”, como describe Rosalía en La hija del mar. A praia era o centro vital da vila. Hoxe a praia está baixo o entullo do mal entendido progreso. O peirao, proxectado en 1791 polo enxeñeiro Eustaquio Giannini, seguramente aproveitando a súa estadía na restauración da Torre de Hércules, non foi levado a cabo. O primeiro peirao foi o que constrúe Manuel Lastres sobre 1906. Manuel Lastres estaba casado cunha irmá do poeta Gonzalo López Abente e era unha persoa potentada. De feito cando casa, o crego anota da muller “Oficio: carece de él ni le hace falta”. Lastres foi, nun curto tempo, gobernador de Lugo, pero no verán de 1936 viu como os fascistas saqueaban a súa casa.

Cando no devalo do Prestige amplíase o “paseo marítimo” e os enxeñeiros e dirixentes locais do PP seica dixeron que esa rampla afeaba o moderno paseo e que había que desfacela. Non o fixeron completamente, pero case, deixando a metade e incomunicada desde terra. Non é esta unha visión esteticista do patrimonio cultural, é unha lectura política, como política foi a destrución das pequenas hortas que están ao carón do santuario da Virxe da Barca. Seguramente a imaxe da vila mariñeira de Muxía sería hoxe outra sen o afamado santuario, pero non existiría sen esas hortas, protexidas “por elevados muros” que malamente conservan “a duras penas plantas raquíticas y agostadas por los torbellinos de arena que se levantan con la tempestad y las aplastan bajo su peso”. Estas hortas foron vitais para a supervivencia dos “pescos”, máis hoxe non se consideran un patrimonio importante, porque están vinculadas coa dureza da vida.

Sempre se dixo que Rosalía veu a Muxía en compañía da súa amiga Eduarda Pondal e que aquí as dúas colleron o tifo. Como resultado morre Eduarda e Rosalía ten que pasar un tempo en Muxía, o que lle permite recoller información para a ambientación da súa primeira novela La hija del mar, que publicará en 1859, e material para a elaboración dun poema, que segundo Gonzalo López Abente, é “perfumada fror”, poema que formaría parte do seu libro Cantares gallegos.

Sen dúbida, Rosalía veu a Muxía porque era amiga dos Pondal, a quen coñecía de Compostela e cos que partillaba inquedanzas diversas. Rosalía ven a Muxía cos Pondal porque estes tiñan nesta vila un tío e varios curmáns e curmás cos que mantiñan unha estreita e intensa relación familiar. Desta relación fala tamén o tempo que Eduardo Pondal estudou na casa dun parente en Nemiña. Esta estadía do Bardo quedou reflectida en varios dos seus poemas e mesmo hai quen pensa que o poema “E ti, campana d´Anllóns” estaba inspirado nunha historia que tería escoitado en Nemiña, e non nas campás de San Fiz de Anllóns, historia que escoitaría “ó abrigo do vento circio /sentada ó pé dos valados” do casal de Nemiña. A historia esta sería a dun nemiñán que, tempo atrás, estivera preso en Orán e alí sentiría morriña da súa terra e da liberdade, e esa morriña focalizábase no son das campás da pequeniña igrexa románica, a máis occidental do noso país.

Segundo Felipe Valdés Hansen os Abente proceden da freguesía de San Fiz de Anllóns e o apelido Abente pode ser a galeguización ou castelanización dun apelido do norte de Europa, de Abent. O primeiro Abente coñecido é Andrés Abente Costoia, e morre en 1748. Un fillo seu vai casar en Laxe, onde será o administrador das rendas reais. Un fillo deste segue co traballo do pai e coa administración do alfolín, o almacén de sal, e vai casar cunha cormelá da estirpe dos Mourelle. Este casal vai ter varios fillos, se non me equivoco serán once, aínda que tres van morrer ao pouco de nacer. Un destes fillos, Leandro, quen era médico, vai casar en Muxía con Manuela Lago Díaz. Casan no santuario Barca o 6 de xuño de 1840. O de casar na Barca, algo que agora é moi normal en Muxía, non se deu até ben andado o século XIX. Até entón a xente non casaba na Barca e casaban pola mañá, ao abrir do día. Por exemplo, o poeta Gonzalo López Abente, quen casa o 20 de setembro de 1909 cunha curmá, faino ás oito e media da mañá. Igualmente, hoxe é moi normal que as mulleres de Muxía leven o nome de Barca, pero nos tempos en que Rosalía estivo nesta vila as mulleres non se chamaban Barca, non era este un nome identificativo de Muxía.

A muller de Leandro Abente Chans, Manuela Lago Díaz era tamén filla do administrador do almacén do sal en Muxía e neta do que fora administrador das rendas do conde de Altamira na xurisdición de Corcubión. Ambos eran naturais da muxiá freguesía de Caberta, xa no val do Castro. A nai de Manuela procedía das terras da Mancha conquense, mais non sabemos ben como chegou até aquí, aínda que sospeitamos que chegou acompañando a un tío crego.

Nesta familia, os Lago, había varios cregos, teño localizado cinco, pero aquí interesa só un, Cristovo, quen exerce de párroco nas pequenas e máis occidentais freguesías de Nemiña e Touriñán e, case sempre, aparece acompañado doutro parente, Vicente. Non puiden comprobalo e non sei si estes dous cregos son irmáns entre si ou tío e sobriño.

Co primeiro crego, Cristovo, sería con quen Pondal estudou latín e a Quinto Curcio. Da estadía do Bardo aquí quedan numerosos testemuños na súa poesía, como no poema no que cita aos seus compañeiros de escola:

Lastres era de Mugía, A areosa, a seca a triste; Leis era de Suxo e Ocampo Da terra de Villarmide; Leis Busto, de Coucieiro, Barrentos, de Morpeguite; De Corcubión os outros.

Todos estes mozos estudarían na casa deste crego, sita en Vilela de Nemiña, hoxe coñecida como “a casa do Rexo”. Este lugar aparece en varios poemas como Os Casás que están “ó pé do monte da Croa”:

Os Casás están ben sós, Só de longe ven o mar.

Pero a pousada do Bardo non estaba en Vilela, senón en Queiroso, onde os seus parentes, os Abentes, tiñan un “lugar” e tivérono arrendado até a tardía data de 1971. En Queiroso aínda sinalan a casa na que se di estivo o Bardo, é “a casa de Pondal”. Supoñemos que esta propiedade era dos Lago e despois pasou a ser chamada dos Abente ao casaren; como aínda hai “o monte dos Abente” ou se lembran varias propiedades en Touriñán que “eran dos Abente”, pero non sempre dos Abente de Muxía, porque despois os Abente tamén se espallaron por outros lados, como Corcubión. Ademais, dúas irmás Abente Lago van casar con dous irmáns López García, polo que veremos por aí varios López Abente, pero non sempre son irmáns, senón tamén curmáns.

Empapouse en Nemiña o Bardo de nomes que irán saíndo despois nos seus versos, algúns como personaxes míticos e heroicos: a “engañosa Morpeguite”, “a fada Baltar” e “o roxo Porcar”, “a caterva d´Agar”; ou referencias a lugares como “Vasilveiro é verde e fresco”, “ouh brañas de Armear”. Topónimos todos muxiáns, agás Porcar, mais moi próximo a Nemiña. E, cando estaba na casa do seu tío, en Muxía, vería “a luz do cabo Ougal”, aínda que a primeira luz alumea en 1854.

Leandro Abente e Manuela Lago van ter uns doce fillos, entre eles está o poeta Vitorino Abente Lago, do que a madriña vai ser Eduarda Pondal. Este poeta, en galego e español, traducirá ao castelán, nunha das súas viaxes de regreso ao Paraguai, o poema “Adios ríos, adios fontes”. Eduarda Pondal vai ser madriña tamén doutros dous Abente Lago. Eduardo Pondal igualmente estivo en Muxía para ser padriño dunha curmá, que se chamaba, como non, Eduarda, nome que se repite máis dunha vez. Igualmente outros parentes de Pondal, como o tío e crego Eduardo Abente, foron padriños ou madriñas doutros fillos e fillas de Leandro e Manuela. Esta relación de compadreo pode ser unha mostra dos estreitos lazos entre os Abente de Ponteceso e os Abente de Muxía e para os Pondal era normal pasar un tempo na casa dos tíos muxiáns, como podía ser vir pasar a romaría da Barca. Polo tanto tamén sería normal que convidasen aos seus mellores amigos.

Tres destes Abente de Muxía, que saibamos, estudaron en Compostela: Victoriano, Victorino e Ezequiel (o seu nome lévao agora o antigo hospital militar d´A Coruña). O primeiro non se presenta a uns exames en setembro e como xustificante presenta un certificado médico asinado por Eduardo Pondal.

Chegar entón a Muxía non era fácil. Os camiños eran difíciles. Por exemplo, un pouco antes de que estivera Rosalía, o viaxeiro inglés Richard Ford, dinos que desde Carballo até Corcubión hai unha dura cabalgata de oito horas; que de Corcubión a Negreira hai outras sete horas a cabalo. En Negreira xa se podía coller un carruaxe para chegar a Santiago. Uns anos despois da visita de Rosalía, Victorino Abente, nun poema datado en 1881, pedía ao deputado a Cortes por este distrito, entre outras cousas, ”hacer una carretera /que con Santiago nos una”.

Outra maneira de chegar a Muxía era por mar. Rosalía, no poema mencionado, dinos que moita xente que vén á romaría da Barca faino en lanchas e botes con “feituquiñas velas”. No século XIX, como na antigüidade clásica ou no medievo, o mar era a mellor vía de comunicación.

Muxía era unha terra que mostraba “un aspecto desolado y salvaje de las comarcas estériles, en cuya tierra no brotan jamás ni arbustos ni verdura”, “un país desierto” ou “un país estéril”. Esta paisaxe tivo que impresionarlle fortemente a Rosalía, que viña dunhas terras máis “suaves, melancólicas, silenciosas e íntimas”, das terras de Iria “cargadas de perfumes de pinos y de prados, pero también de las glorias del pasado”, como nos di García Martí no prólogo a unha das edicións da súa obra nos tempos do franquismo. Aquí, en Muxía, “no se escucha más que el silbido del viento y de unas olas siempre en lucha”.

En case toda a bibliografía de Rosalía que fala da súa estadía en Muxía, por exemplo Carballo Calero, se nos di que aquí Rosalía e Eduarda colleron o tifo, morrendo a segunda. No prólogo a La hija del mar Rosalía dinos que o libro foi “concebido en un momento de tristeza”, tristeza debida en parte a esta situación de enfermidade e perda da amiga.

Se había unha pandemia de tifo debería haber algún morto máis que o habitual. Comprobei o número de falecidos dese ano e dos anos inmediatos e nada indica que 1853 fose un ano anormal, nin en Muxía nin en Cospindo. Si, en anos posteriores, hai constancia de pandemias. Así, en 1888, aparece a “viruela” e morren seis nenos, entre eles un irmán de Gonzalo López Abente con sete meses. Ao ano seguinte, 1889, morren vinte e catro nenos, entre eles outro irmán do noso poeta.

Moitos muxiáns morrían no mar. Sorprendente o número dos que morren na Armada española e, esta, nin sequera lles comunicaba o deceso ou desaparición aos familiares, senón que se enteraban por outros ou por “voz pública”. Por exemplo, entre 1781 e 1795 morren seis mariñeiros de Muxía en barcos da armada española. E, entre 1797 e 1886 afogaron trinta e cinco muxiáns.

Os muxiáns eran case todos mariñeiros e as muxiás panilleiras, como dicimos nós, e, de noite, ían panillar á “xunta”.

O ano despois de estar aquí Rosalía houbo un conflito político importante. Unha parte do goberno local non puido entrar en Muxía “pr haverselo impedido una fuerza armada a la entrada de la villa” e tiveron que xuntarse no lugar d´Os Muños (que non Muíños, como recolle o nomenclátor oficial). O goberno instálase temporalmente en Quintáns e piden a creación dunha milicia “compuesta de una o dos docenas de personas honradas a quienes se les provisionen carabinas” (Acta de 2/8/1854). Unha situación semellante repetiríase en 1905 tras unhas eleccións locais e a garda civil tardou varios días en “restablecer o orden”.

Comentarios desactivados en «A Muxía de Rosalía», artigo do antropólogo Manuel Vilar

Dec 27 2013

O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente


(Retablo da Virxe da Barca, do escultor Miguel de Romay. Fotografía do antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez para o artigo «Especial Domingo Antonio de Andrade (IX): Mestre de mestres. A influencia da súa obra» do historiador ceense Víctor Manuel Castiñeira publicado en decembro do 2012 no dixital Que pasa na Costa)

Nas súas dúas versións, dixital e en papel, o xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, publican un artigo da miña autoría intitulado «O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente», que se pode ler nesta ligazón e que  tamén reproduzo deseguida. No xornal fanme figurar como vogal da Fundación Gonzalo López Abente, responsabilidade que agora non posúo, malia ser colaborador na excelente andaina desta entidade.

O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente

O incendio da igrexa santuario da Virxe da Barca en Muxía provocou a desfeita e a desaparición dun legado histórico e patrimonial, no que sobranceaba o retablo da autoría do escultor compostelán Miguel Romay.

O poeta Gonzalo López Abente, tal e como recollemos na súa Poesía Completa (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente), como muxián de nacenza tiña unha inmensa devoción polo santuario e pola súa Virxe. De feito, na década dos cincuenta publica varios poemas na revista Vida Gallega, que viña de iniciar unha segunda etapa en novembro de 1954 da man do editor Iglesias Presa, entre eles «No coroamento da Virxen da Barca».

Deixou sen publicar moitos versos que a honran. Será despois do seu pasamento (1963) cando vai ver a luz Monza de frores bravas para nosa señora da Barca. Trátase dun pequeno libro de poesías inéditas que publica a RAG no ano 1971, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas e do que salientamos o artigo «Presencia da obra de López Abente» que asina Salvador Lorenzana (seudónimo de Fernández del Riego) despois dos quince poemas, nun dos mellores e máis completos estudos sobre a biografía e a obra do poeta, que tamén inclúe un apartado para a súa obra en prosa.

Ademais leva unha introdución de Sebastián Risco, que xa prologara o libro Centileos nas ondas (1958) e que nesta altura era presidente da RAG, intitulado «No adral» do que tomamos estas palabras: «Gonzalo López Abente non tiña tocado deica entón en ningún dos seus libros príncipe de poesías, ao menos de xeito escrusivo e con unidade formal, o tema relixioso, nin adoitou poetizar a súa devoción á Virxen da Barca. Fai falla pescudar moito niles pra atopar composiciós dise tenor. Apenas unha, “A Pedra da Barca”, na que ise tema tócase tanxencialmente, en Escumas da Ribeira; outra, “O Santo Cristo de Fisterre”, en Nemancos. Ningunha máis poidemos alcontrar nin en Centileos nas ondas nin no seu libro póstumo Decrúa. Na súa obra, a paisaxe, enxergada dun xeito simbolista e cósmico que transparenta no poema “Nosa Señora a Terra”, é a verdadeira fonte de inspiración. E, sobor de todo, o mar, co que il se identificou en termos de posesión chamándolle “o meu mar”, foi o gran protagonista da súa obra poética».

Con todo, sen coñecermos a razón, os compiladores deste libro de quince poemas non inclúen a composición que Gonzalo López abente escribiu inspirándose no artístico retablo barroco construído en 1717 polo escultor compostelán Miguel Romay, poema que se publicou co título «Retabro da Barca», na revista Vida Gallega, 2ª Época, 46-47, xaneiro-febreiro de 1959. Velaquí:

RETABRO DA BARCA

A Miguel Romay, escultor santiagués
autor deste manífico retabro.

Lostregaron no souto escentileos
do aceirado sorrir da ferramenta.
Suspenso e trepezal o bosco alenta
e o xenio creador baixa dos ceos.

Renxer de serras, machadazos crúos,
toradas a rolar polas encostas,
as mans do artista a traballar dispostas
e os portentos en pé, ceibos e múos.

Castiñeiros do monte esnaquizados
en pezas ben miudas, ao Obradoiro
fóstedes polo boi marelo ou loiro
nos carros cantareiros carrexados.

E bebe a inspiración do seu poema
o poeta cantor en Compostela.
¡Pregaria a revoar na gran capela
en onde a Virxen nunha barca rema!

O sol, no lenzo azul, da a derradeira
pincelada de ensoño, e a pregar
cai de xoellos, devoto, na fogueira
onde se beixan o alto ceu e o mar.

As vagas de cristal rompen na orela
lixando o espazo nu de húmeda bruma,
e ao estreitaren de bruzos a capela
vese o milagre buligar na escuma.

Cantan os anxos arredor da Santa
que no seu camarín os abenzoa
e espertándose o eco tamén canta
e polas amplas bóvedas revoa.

O retabro de pé no Santuario
deixa o castaño, e de remate vai
orquestando os misterios do Rosario
o grorioso escultor Miguel Romay.

Comentarios desactivados en O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente

Dec 26 2013

A pantasma da casa da Matanza, recensión na bitácora de literatura infanto-xuvenil Brabádegos



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Brabádegos, de quen xa falamos nesta anotación, é unha bitácora especializada na nosa literatura infanto-xuvenil e que naceu na rede en marzo deste ano 2012. Lembro máis unha vez a súa propia presentación na primeira anotación do seu blogue:

«As folerpas caen de solás no souto con precisión milimétrica. Pingas de auga doce que esvaran entre os brabádegos, castiñeiros novos, que intentan abrirse paso con forza nun duro inverno.

Este blog pretende encher un oco non pequeno no mundo da literatura infantil e xuvenil en galego. Con humildade ser un lugar no que se dea conta das novidades dun sistema literario de vangarda e, por que non, unha fonte de máis de sete pichos da que poidan beber pais e nais. Queremos que os nenos da nosa terra soñen distinto, queremos que durman arrolados polo doce pronunciar das palabras autóctonas e acubillados co infinito maxín que provoca sorrisos».

Desta volta, Brabádegos ocúpase do meu máis recente conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013) con ilustracións de Xosé Cobas. Pódese ler nesta ligazón a recensión intiulada «Arte, poesía e Rosalía» e que deseguida reproduzo, non sen antes facerlles chegar os meus parabéns pola súa andaina e a miña inmensa gratitude por se ocuparen novamente da miña creación.

Arte, poesía e Rosalía

Como unha pluma negra que pousa docemente, unha folla de castiñeiro que se deixa ir, unha rosa vermella asilvestrada, como o son da poesía mesma, así chega ao souto na invernía unha obra de tapas duras que arrecende a tacto, que transmite amor e tenrura,  e que transporta deliciosamente no tempo e no espazo ata a Casa da Matanza, a casa de Rosalía de Castro.

Biblos Clube de Lectores presenta A pantasma da casa da Matanza e volve apostar polas marabillosas e suaves ilustracións de Xosé Cobas, todo un referente que atesoura a sabedoría da consagración como pintor cunha paleta chea de pasteis que se elevan a arte. A escolla de Xosé Cobas, máis que acertada, acompásase cos textos doutro grande, Miro Villar, labrador de versos marabillosos, que abre o abano do enxeño deseñando todo un conto en verso, recendo dos figos da figueira, arredor do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro.

Este volume á parte de pola súa fermosura discursiva é unha ferramenta máis que útil para introducírmonos no mundo da poesía e na figura da autora galega do Rexurdimento. No souto recomendámola especialmente para a docencia para, con estrema tenrura, introducir a vida e a obra da autora desde un punto de vista diferente, fuxindo dunha concepción fechada do facer nas aulas. Todo un aloumiño de libro:

Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
                                         Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
                                         Sonvos como a dozura da almofada.

Comentarios desactivados en A pantasma da casa da Matanza, recensión na bitácora de literatura infanto-xuvenil Brabádegos

Dec 25 2013

O nadal naceu en Palestina



(Imaxes tiradas de Free Palestine. Premer para agrandar o tamaño)

É bo lembrarmos tal día coma hoxe que o nadal naceu nunha Palestina libre e non ocupada.

One response so far

Dec 24 2013

Queres ler connosco?, guía de Nadal editada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros



(Dúas páxinas da Guía. Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

De sempre, e nestes tempos de crise económica aínda moitos máis, as bibliotecas públicas deveñen fundamentais á hora de posibilitar a lectura a calquera persoa.

Moitas delas realizan un impagable labor de difusión da nosa literatura. Hónrame que unha obra da miña autoría faga parte da guía de Nadal Queres ler connosco?, editada polo excelente Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros, conformada por oito centros, que se pode ler completa no seu blogue bibloleiros ou neste pdf de 96 páxinas: Guía -Queres ler connosco- (Nadal 2013).

Na súa páxina 34 recomendan o meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos), con ilustracións de Xosé Cobas, na sección «Libros para nenas e nenos de 12 a 14 anos». Tamén aparecen outras novidades de autoras e autores da Costa da Morte, como Acuario (Edicións Embora) de María Canosa, con ilustracións de Dani Padrón; Patente de corso. Pequeno dicionario pirata (Edicións Embora) de Rafa Vilar, con ilustracións de Gemma Capdevila, ambos e dous na sección «Poesía e Teatro Infantil e Xuvenil» ou 50 faros de Galicia (Biblos), de Javier Toba Blanco e 500 cogomelos do litoral atlántico e noroeste peninsular (Cumio) de J. M. Castro Marcote, M. Pose e J. M. Traba Velay, da asociación micolóxica Pan de Raposo, ambos e dous na sección «Libros de coñecemento para mozas/os e adultos/as».

Obrigado, moitas grazas ás Bibliotecas de Oleiros, adoito recoñecidas con premios senlleiros polo seu labor de difusión e promoción da lectura.

Comentarios desactivados en Queres ler connosco?, guía de Nadal editada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros

Dec 24 2013

A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña a Poesía Completa de Gonzalo López Abente

Published by under Poesía,Recensións


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

A Xanela. Revista cultural das Mariñas, que se edita a A. C. Eiravella de Betanzos e que coordina o noso benquerido amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, continúa a súa feraz traxectoria ininterrompida (desde 1994) e vén de presentar o seu número 36, do Outono do 2013.

Alén das súas habituais seccións de Creación (na que como sempre sobrancea a poesía contemporánea galega, mais publican a miúdo versos portugueses, desta volta até achamos novamente un poema do noso caro amigo João Rasteiro, poeta de Coimbra), Historia e Memoria Histórica, Arte, Patrimonio, Música, Viaxes…

No habitual apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda a aparición de varios libros. E, como adoito, tamén dá conta do noso labor literario (algo que agradecemos máis unha vez). Desta volta, a breve recensión ocúpase da Poesía Completa de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente) como se pode ler na reprodución.

E, máis unha vez, reiteramos os nosos máis efusivos parabéns á xente da A. C. Eiravella de Betanzos, por manteren esta vizosidade en tempos nos que se pechan tantas outras portas e xanelas para a nosa cultura e a nosa lingua.

Comentarios desactivados en A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña a Poesía Completa de Gonzalo López Abente

Dec 19 2013

Sorteo dun exemplar asinado do meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Se non vos tocou a lotaría do nadal, probade sorte coa nosa literatura.

Como promoción da lectura na nosa lingua, contra a crise (que o é tamén do libro) e para celebrarmos que esta bitácora chegou até as 770 anotacións desde que naceu (xuño do 2011), vou realizar un sorteo dun exemplar asinado do conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos), ilustrado por Xosé Cobas.

BASES

O sorteo é internacional. Poderán participar persoas de todo o mundo que teñan interese pola literatura en lingua galega.

Pregunta

Para participar cómpre dar axeitada resposta a esta sinxela pregunta:

O poema de Rosalía de Castro adoito coñecido como «Negra sombra» a que libro pertence?

a) Cantares Gallegos (1863)

b) Follas Novas (1880)

c) En las orillas del Sar (1884)

d) Queixumes dos pinos (1886)

e) Con pólvora e magnolias (1976)

Resposta

As respostas deben enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.blogaliza.org, nun chío coa palabra-chave ou hashtag #casadaMatanza ou nunha mensaxe directa dirixida á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.

Premios

Un exemplar do conto rimado A pantasma da casa da Matanza sorteado entre todas as respostas que atinen, que levará a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale.

Prazo

Desde hoxe mesmo até as 23:59 do primeiro de xaneiro do 2014. Boa sorte!

3 responses so far

Dec 19 2013

A pantasma da casa da Matanza, na campaña de nadal da Libraría Couceiro (na compostelá Praza do Pan)



(Fotografía dunha das adicatorias e sinaturas tirada con dispositivo móbil e antes unha captura de pantalla da publicidade realizada pola Libraría Couceiro. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Os amigos María e Pablo, da compostelá Libraría Couceiro (na vella Praza do Pan, agora de Cervantes) convidáronme a facer parte da súa campaña de nadal, na que convidaron a varios autores e autoras de nós con novidades literarias a asinar un feixe de exemplares para a súa venda nestas datas.

Pola miña banda deixei dez exemplares asinados do meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos), como o que se pode ollar na imaxe. Unha feliz iniciativa para promocionar a lingua e a literatura da nosa milenaria Nación.

Comentarios desactivados en A pantasma da casa da Matanza, na campaña de nadal da Libraría Couceiro (na compostelá Praza do Pan)

Dec 19 2013

A pantasma da casa da Matanza, nunha entrevista no Diario Cultural da Radio Galega


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Entre as tres e as catro da tarde emítese o Diario Cultural, que dirixe a poeta Ana Romaní na Radio Galega, que adoito escoitar moitas tardes aínda que por razóns laborais non o podo facer todos os días. Na edición de onte, mércores 18 de decembro, o programa incluíu na súa emisión unha entrevista que me realizou a redactora e poeta Xiana Arias para falarmos sobre a novidade do meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos).

De facerdes uso da «radio á carta» é posible escoitar os «podcast» de todos os programas aquí e o programa de onte nesta ligazón.

A entrevista, coa declamación previa das primeiras estrofas na voz dun actor (que non recoñezo), vai do minuto 37:15 ao 41:30, aproximadamente, aínda que, como fago sempre, recoméndovos a escoita da totalidade deste programa cultural, que é unha illa fermosa e necesario no océano das ondas.

Comentarios desactivados en A pantasma da casa da Matanza, nunha entrevista no Diario Cultural da Radio Galega

Next »