Archive for Novembro, 2013

Nov 24 2013

A pantasma da casa da Matanza (no prelo) no catálogo de novidades da Revista Galega de Información Literaria de Biblos Clube de Lectura


A ilustración, magnífica e suxestiva, que realizou Xosé Cobas para o meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza serve de pórtico ao número 65 da Revista Galega de Información Literaria (velaquí en pdf Biblos65) de Biblos Clube de Lectura, unha iniciativa de promoción e venda por catálogo ou na rede da literatura galega e portuguesa e da música e do cinema de nós que xurdiu da man de Carmela González, como directora, e do escritor Tucho Calvo, como director literario, que tamén posúen selo editorial de seu e que non hai moito, desde o pasado 15 de agosto, veñen de completar a súa oferta co acolledor espazo da súa libraría física na cidade vella de Betanzos.

A razón está no feito de que o selo editorial Biblos, como se informa na cuarta páxina da revista (nº 65, ano XI), vai acoller axiña unha edición singular, cartonada, e con ilustracións de Xosé Cobas do conto rimado A pantasma da casa da Matanza. Un texto agora revisado, que tivo unha primeira edición non venal da man da Fundación Rosalía de Castro nun volume colectivo intitulado Quen casa ten de seu, que se rematou de imprimir o 24 de febreiro do 2009, día do 172 aniversario do nacemento da Poeta, e que incluía os contos «A grila na casa da Matanza» de Marilar Aleixandre e ilustrado por David Pintor; «Atrapados no museo» de Fina Casalderrey, que debuxou Ramón Marcos; «A verdadeira historia dun dente de Rosalía de Castro» de Xosé Antonio Neira Cruz, que ilustrou Miguelanxo Prado, «O conto de Amara» de Helena Villar, debuxado por Iván Suárez e o meu conto rimado, daquela intitulado «A fantasma na casa da Matanza», ilustrado por Fausto Isorna, cuxas primeiras estrofas reproducín nesta anotación da bitácora.

Desta volta, a publicación en Biblos enriquece de maneira notable o conto, ao se converter nunha edición singular na que sobrancean as ilustracións de Xosé Cobas.

Deseguida reproduzo as palabras de presentación recollidas no catálogo en rede na seguinte entradiña, das que omito as características técnicas e o prezo, e na revista en papel (na imaxe superior):

Miro Villar e Xosé Cobas

A pantasma da casa da Matanza

Historia dunha vagamunda «Negra sombra » á que lle gusta moito ler e que un día chega á casa da Matanza, derradeira morada de Rosalía de Castro, onde se vai deixar engaiolar deseguida coa musicalidade e o ritmo dos seus poemas.

***

Miro Villar e Xosé Cobas ofrecen un delicado
traballo inspirado pola obra de Rosalía de Castro

A pantasma da casa da Matanza, poesía
e misterio arredor da Negra sombra

As fermosas e suxestivas ilustracións de Xosé Cobas acompañan o conto rimado A pantasma da casa da Matanza, unha nova entrega de Miro Villar no eido da literatura infantil que, ademais, permite demoradas lecturas para o público adulto e interesantes reflexións aos especialistas en Rosalía de Castro e a súa obra.

Desta volta Miro Villar narra a historia dunha vagamunda «Negra sombra» á que lle gusta moito ler e que un día chega á casa da Matanza, derradeira morada de Rosalía de Castro, onde se vai deixar engaiolar deseguida coa musicalidade e o ritmo dos seus poemas. Presa deste enfeitizamento, vai ficar agochada entre as demais sombras da casa, até se converter na fonte de inspiración dos versos rosaliáns adoito coñecidos con ese título e que aínda hoxe agachan moitos enigmas aos especialistas na biografía e na obra da autora.

O relato vai dirixido a calquera público, mais está especialmente recomendado para lectoras e lectores autónomos que coñezan un pouquiño a
obra de Rosalía de Castro.

Biblos edita este libro no ronsel das obras que conmemoran o 150 aniversario da publicación da primeira obra da poeta, Cantares Gallegos (1863).

One response so far

Nov 19 2013

Crónica da presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente nas Portas Ártabras (A Coruña), polo xornalista Rodri García


(Na fotografía de César Quian, de esquerda a dereita: Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; Miguel Anxo Fernán-Vello; X. H. Rivadulla Corcón e eu propio, na previa do acto de presentación)

O pasado venres, 15 de novembro, presentamos o volume Poesía Completa de Gonzalo López Abente no espazo cultural Portas Ártabras da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, na rúa Sinagoga 22, detrás da Colexiata de Santa María do Campo, na cidade vella d’A Coruña.
No acto participaron X. H. Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente; Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior e eu propio como editor literario da obra e velaquí a crónica que escribiu para o diario coruñés o xornalista Rodri García, que tamén reproduzo.

Un libro recolle a obra poética de López Abente, «a alma de Muxía»

Miro Villar recompilou a obra dun autor que xa Risco cualificou de clásico

Escrito por:
Rodri García
A Coruña / La Voz  16 de noviembre de 2013

«Imos empezar cun poema de López Abente, Muxía; este é un acto moi muxián». Isto dicía na noite de onte Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, na presentación do libro Poesía completa (Espiral Maior). O acto tivo lugar en Portas Ártabras, na Coruña, e Corcón apuntou que así como Luis Seoane dicía que «os galegos queremos coas nosas diferenzas enriquecer o mundo, os muxiáns queremos coas nosas diferenzas enriquecer Galicia». Para Corcón, todo o escrito neste volume «é a alma de Muxía», e lembrou como López Abente ingresou na Real Academia Galega en 1941 «cun discurso en galego sobre a obra de Pondal». Era algo moi pouco habitual que así se fixera, anotou antes de rematar cun poema sobre o monte Corpiño que «os nenos de Muxía o tiñamos como un himno».

Descuberto por Manuel María

Miguel Anxo Fernán Vello, editor deste libro de máis de 600 páxinas, recordou que foi Manuel María quen lle falou de López Abente e que fora precisamente o poeta da Terra Chá o que presentara a Antoloxía de López Abente publicada en 1995.

O editor salientou que a foto da portada do libro é de Ramón Caamaño Bentín, fotógrafo muxián, que «a obra do poeta é algo vivo, palpitante» e que tiña unha gran riqueza lingüística e «ese sabor a mar que recorre todos os seus libros». Para Fernán Vello, López Abente é «un clásico intemporal, con versos que son actuais, como se falara hoxe», sinalou antes de ler un poema que fala do corvo negro petando na alma. Era unha alusión, como xa antes fixera Corcón, á sentencia do Prestige e as manifestacións de Nunca Máis.

A fouce, un dos poemas de López Abente que pertence ao seu libro Escumas da ribeira, foi recitado, de memoria, por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia e quen relatou aos asistentes como aprendera de neno os versos dese libro, axudado pola súa nai, e por iso, «cando non había galego na escola», el lía e falaba en galego. Evocou como aquel libro foi o que lle descubriu a poesía e concluíu: «Gonzalo López Abente, para min, é o primeiro poeta; despois viñeron outros».

Miro Villar, autor da recolleita da obra de López Abente, dixo que foi «unha honra chegar a este punto, poder xuntar a súa poesía completa», e confesou que cando descubriu a súa lírica sentiuse deslumbrado. Apuntou que a tarefa non foi fácil, xa que o poeta empezou a escribir con só 21 anos, pero en ducias de revistas e xornais, sobre todo da emigración, de Bos Aires. Villar lembrou que Vicente Risco cualificaba a López Abente de clásico, e o chamaba «o poeta do mar», aínda que «non no mesmo sentido que Manuel Antonio».

(Foto de Viki Rivadulla, secretaria da Fundación López Abente, feita con dispositivo móvil e deseguida a nova no xornal. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño e para unha mellor lectura)


One response so far

Nov 14 2013

Non esquecemos! Non á impunidade! Mareas negras Nunca máis!

Published by under Historia,Manifestos



A Plataforma Cidadá Nunca Máis convoca concentracións en toda Galiza para esta sexta feira 15 DE NOVEMBRO. Esta mobilización quere expresar o maioritario rexeitamento social a unha sentenza que non depura as responsabilidades das e dos culpábeis da maior catástrofe natural da nosa historia.

HORARIOS E LUGARES:

ÁS 20:00h en:
-A Coruña, Obelisco.
-Ferrol, Praza de Armas.
-Compostela, Praza do Toural.
-Lugo, Praza da Soidade.
-Ourense, Praza de San Lázaro.
-Pontevedra, Praza da Peregrina.
-Vigo, MARCO.
-A Estrada, Praza do Concello
-Vilagarcía, Praza de Galiza
-Foz, diante do Concello
-Ribeira, Praza do Concello
-Cee, Praza 8 de marzo.
-Lalín, Praza da Igrexa

Ás 21:00h en:
-Monforte, Praza de España

NON ESQUECEMOS! NON Á IMPUNIDADE!
MAREAS NEGRAS NUNCA MÁIS!

Comentarios desactivados en Non esquecemos! Non á impunidade! Mareas negras Nunca máis!

Nov 13 2013

Incompetencia, nunca máis! Impunidade, nunca máis!

Malia que no banco dos encausados non estaba quen tiña que estar, malia a ausencia de depuración de responsabilidades políticas na catástrofe, sentimos esta mañá moita carraxe e indignación ao coñecermos a sentenza pronuciada no xuízo polo embarrancamento do Prestige, coa que por suposto non concordamos e discrepamos.

Reproduzo deseguida a anotación que publiquei nesta bitácora o 15 de novembro de 2011, co título E van nove anos daqueles «hilillos» de Mariano Rajoy. Velaquí:

(15 de novembro de 2011)

Nestes días fanse xa nove anos desde o embarrancamento do Prestige e da desoladora marea negra que provocou nas nosas costas. Está por facer un traballo que estude toda a “marea” artística e literaria que agromou neste negro episodio. Foron moitas autoras e moitos autores a escribiren textos ex-novo inspirados na traxedia. Non foi así no meu caso, incapaz de escribir por razóns emocionais neses momentos. A obra que máis relación ten con este tema foi o terceiro conto da serie de Carlota, a marmota, aquel que se chama Carlota e a gaivota patiamarela (2006). Porén, este conto rimado foi escrito antes (por desgraza de maneira case premonitoria) e publicado anos despois, ilustrado por Enjamio.

Por iniciativa da Federación de Libreiros de Galicia e as editoriais Espiral Maior e Xerais publicouse o volume Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, cuxos beneficios foron para a plataforma cívica Nunca Máis. O libro recolle os poemas de 120 autoras e autores.

E por iniciativa da asociación cultural Benito Soto e a plataforma artística Burla Negra editouse outro volume intitulado Sempremar. Desta volta ilustracións, ensaios, poemas, relatos e música de 18 ilustradoras e ilustradores, 117 escritoras e escritores e até 25 grupos musicais. Participei nos dous libros mais con ningunha creación ad hoc, senón con poemas do libro que viña de publicar, Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez. «Che» e «Xirolo» figuran na primeira antoloxía e «Dioni» na segunda. O feito de seren textos relacionados coa vida do mar animoume a cederllos para poder estar presente nas dúas propostas. Velaquí os textos:

CHE

No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.

XIROLO

¿E se a boca da nasa sempre fose un silencio?
¿E se no útero, dentro, non houbese placenta?
¿E se as noites e os días fillasen tempestades?
¿E se nunca amencese nin se vise a ardora?
Meu capitán, o inferno. Meu capitán, o inferno.

DIONI

En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico,
con dous potentes brazos que nas extremidades
se bifurcan en oito tentáculos ventosas,
e cando no horizonte venta a voz do perigo
espertan oito brazos a apegarse na vida.

(Na páxina da AELG pódense escoitar na miña voz estes e outros poemas)

Comentarios desactivados en Incompetencia, nunca máis! Impunidade, nunca máis!

Nov 13 2013

Presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente o vindeiro venres, día 15 de novembro, na cidade d’A Coruña

Published by under Poesía,Presentacións


(Cartón de convite ao acto. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O volume Poesía Completa de Gonzalo López Abente vai ser presentado na cidade d’A Coruña o vindeiro venres, día 15 de novembro, as 20 horas, no espazo cultural Portas Ártabras da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, na rúa Sinagoga 22, detrás da Colexiata de Santa María do Campo, na cidade vella.

No acto participaran X. H. Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente; Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior e eu propio como editor literario da obra.

Será a segunda presentación despois da que fixemos o pasado sábado día 20 de xullo (esta anotación recolle dúas crónicas) dentro do completo programa da segunda xornada dos actos do Cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente.

O volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente viu a luz na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, que xa publicara a Antoloxía Poética (1995) e que eu propio dispuxen a pedimento do daquela alcalde nacionalista Xoán Bautista Pose Paz.

Desta volta a compilación foi unha encarga realizada pola Fundación Gonzalo López Abente e trátase dunha obra na que, como xa teño dito nalgunha ocación,  deitei moitas horas de traballo, para o que recibín axudas inestimables de moitas persoas a quen no Limiar lles agradecín moito a súa colaboración.

Comentarios desactivados en Presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente o vindeiro venres, día 15 de novembro, na cidade d’A Coruña

Nov 07 2013

Recensión do poemario Incivil (Toxosoutos, 2009), de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicada orixinalmente na revista A Trabe de Ouro: 81 (2010)



(Portada do libro e fotografía do poeta tirada do blogue cadernoarraiano. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Máis unha vez facemos referencia ao calado ou pouco publicitado, porén excelente e impagable labor do portal poesiagalega.org, rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).

Desta volta, entre as novidades, que agora son máis espazadas pola ausencia de axudas públicas á investigación literaria, reproducen outro traballo da miña autoría, co título «Xoán Carlos Domínguez Alberte: Incivil», recensión publicada orixinalmente na revista A Trabe de Ouro: 81 (xaneiro, febreiro, marzo de 2010) e que tamén estaba recollida na páxina de recursos da web da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) nesta ligazón en pdf.

No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada ao meu traballo:

«Recensión do libro Incivil, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, cuxa primeira parte, “De memoria”, xunta once poemas que teñen como fío a lembranza dos anos inmediatos da guerra e da posguerra, sobre todo a represión nas súas múltiples formas e a memoria dos desaparecidos, así como a resistencia antifranquista. Na segunda parte, “Eles”, e a terceira, “Elas”, individualízanse algúns dos represaliados na comarca natal do autor. “A loita continúa” xunta novos poemas que se pechan con “Incivil” e cunha paráfrase de “Onde o mundo se chama Celanova”. Un apéndice final ofrécenos información sobre os lugares da represión e os nomes dos represaliados, no ronsel dos últimos traballos de investigación da memoria histórica ou da memoria republicana».

Na ligazón antes citada pódese ler un pdf co artigo completo, que tamén agora reproduzo. Velaí:

Villar, Miro (2010). “Xoán Carlos Domínguez Alberte: Incivil”. A Trabe de Ouro, 81. Tomo I/Ano XXI/ Xaneiro. Febreiro. Marzo. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 121- 124.

Xoán Carlos Domínguez Alberte
Incivil
Noia: Toxosoutos / 2009 / 142 páxinas

[→ 121] A primeira vez que escoitei pronunciar o adxectivo incivil, relacionándoo coa guerra española, foi na voz do profesor Xesús Alonso Montero, que asina o prólogo «Palabras preliminares: O poeta da nosa memoria republicana» a este libro de poemas da autoría de Xoán Carlos Domínguez Alberte, intitulado tamén Incivil. Sucedeu no ano 1996, nun curso de doutoramento que o sabio profesor organizará co obxecto de lembrar os sesenta anos do inicio do levantamento franquista contra a democrática II República. Lembro moi ben as súas palabras ao explicármonos a unha ducia escasa de alumnas e alumnos de Filoloxía que aquel adxectivo “incivil” era o máis adecuado para nomear unha guerra que daría en desencadear unha represión tan forte e tan violenta, até converter a posguerra nun manto espeso de terror.

Lembro tamén cando nos explicou que ese adxectivo fora utilizado por vez primeira por Unamuno naquel coñecido episodio co que se abría o curso académico universitario en [→ 122] Salamanca, o 12 de outubro de 1936 (anos despois, xa no franquismo, “Fiesta de la Raza”). Narrounos o profesor, coa súa extraordinaria habelencia para a oratoria, como Unamuno arrenegou por vez primeira en público dunha sublevación á que apoiara nos seus albores. E reproduzo aquí un fragmento daquelas palabras que Alonso Montero nos recitou de memoria e case ao pé da letra:

«Se ha hablado aquí de guerra internacional en defensa de la civilización cristiana; yo mismo lo hice otras veces. Pero no, la nuestra es sólo una guerra incivil. (…) Vencer no es convencer, y hay que convencer, sobre todo, y no puede convencer el odio que no deja lugar para la compasión.

Deseguida relatounos os exabruptos do xeneral Millán-Astray (ese “coruñés de pro”, en palabras de Carlos Negreira Souto, presidente do Partido Popular de A Coruña), que interrompeu a berros a Unamuno mentres alguén ouveaba: «¡Viva la muerte!». E Millán-Astray bramou: «¡Cataluña y el País Vasco, el País Vasco y Cataluña, son dos cánceres en el cuerpo de la nación! ¡El fascismo, remedio de España, viene a exterminarlos, cortando en la carne viva y sana como un frío bisturí!».

Foi nesa altura cando Unamuno retrucou sabiamente as palabras do xeneral franquista, até que Millán-Astray o interrompeu co nefando: «¡Muera la inteligencia!».

Desde a intelixencia, esa que doe, nacen os versos de Xoán Carlos Domínguez Alberte neste intenso libro de poemas intitulado Incivil que se estrutura en catro partes. A primera, “De memoria”, xunta once poemas que teñen como fío a recordación dos anos inmediatos da guerra e da posguerra. A ollada dos vellos Benito e Cesáreo, que foron mobilizados demasiado novos para entenderen o conflito, sérvelle de revelación aínda non comprendida para un neno que os escoitaba e que talvez (el nolo dirá) sexa un trasunto do propio autor. A morte dun miliciano en “Bala perdida”, os amores interrompidos que se narran en “Luarca” ou en “Sempre estivo aí” (coa presenza da censura nos epistolarios, mesmo nas cartas de amor), mais sobre todo a represión nas súas múltiples formas, non só na crueldade das “claudieiras” ou dos “paseos”, que relatan os poemas “Pelotón” ou “As cruces de pedra na Galiza” (sobre as mortes de Roberto Blanco Torres, Camilo Díaz Baliño, Ánxel Casal e Alexandre Bóveda), tamén a memoria dos desaparecidos (que non foi só Federico García Lorca, que son centos e centos) nun neno que se fai preguntas incómodas, mais incluso tamén desde a represión do simbólico, como aqueles soldados “nacionales” que arrincan a placa da Rúa 14 de Abril, ou o canto mudo da Internacional obreira en “Desconcerto de Aranxuez”.

E contra ela, contra a represión, a resistencia, desde ámbitos tan inocuos ou inofensivos como no poema “Arma cargada de futuro”, no que o coñecido verso de Gabriel Celaya serve para enxalzar o labor dos mestres e o papel liberador da educación aprendida nos tempos da krausista Institución Libre de Enseñanza, mais tamén a resistencia armada antifranquista dos guerrilleiros, que como se nos di en “Derradeiro encontro” teñen que deixar os seus no camiño da loita clandestina.

A segunda parte, “Eles”, está conformada por dous poemas que van desde o colectivo até o individual, ao lembrar o paseo en agosto do 36 de Celso de Poulo, alcalde de Gomesende. E na terceira parte “Elas”, de novo outros dúas composicións para traeren a memoria do sufrimento das mulleres, como as de “A casa da Canle” ou como a Amparo do [→ 123] poema “Ano de memoria”, que vai mudar o seu nome en “Des… Amparo”. Retratos de mulleres que perderon os seus homes ou os seus pais ou os seus irmáns na guerra “incivil” ou na brutal represión que a continuou durante décadas. Tanta foi a orfandade que creou o fascismo.

Finalmente, “A loita continúa” é un encabezamento esperanzado para media ducia de poemas que principian con “Tricolor”, “Entre liñas” (con nova lembranza a Blanco Torres ou a Celso Pérez Rodríguez, Celso de Poulo, alcalde de Gomesende no 36), “O Reinos” que desta volta lembra a quen lle fixo fronte durante moitos anos ás torturas da barbarie fascista, César Álvarez, prendido en 1948, e que viviu ou sobreviviu até os 97 anos para lembrarlle aos novos todo o acontecido. Remata este volume de versos co poema “Incivil” que nos presenta a unha nena que ha medrar coas palabras da liberdade, con “Cantar as corenta” no que se reescribe a historia para que nas súas páxinas reveladoras aprenda a mocidade e con “Onde o mundo se chama Celanova” onde o verso de Celso Emilio Ferreiro, varias veces citado neste libro, serve de paráfrase que evoca outra volta a un mestre:

Nunca máis
se volveu ouvir
a voz limpa de mestre
de Manuel Paz, “O Chaneira”,
tamén evadido á sombra
vaporosa dunha madrugada do 36
e aínda procurado sen rastro
pola filla en 1967
sen máis contestación ca o silencio
administrativo do papel en branco.

Este Incivil, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, ofrece pois poemas sobrecolledores, os máis deles a rebordaren unha forte carga emocional. A poesía é aquí, de maneira ben evidente, unha arma ideolóxica contra o esquecemento. É poesía política, no mellor sentido da palabra, poesía necesaria que ás veces torna áspera polo seu cheiro a morte e a friaxe, como nos versos contemporáneos de Antonio Gamoneda ou como nos versos que o poeta comunista inglés Stephen Spender escribiu sobre a guerra “incivil” e que foron recompilados de maneira recente. Fálase do drama, da traxedia colectiva, mais desde a lembranza de nomes propios que retratan a dor individual das persoas. Velaí a meirande contribución deste libro de versos, que non lles é pouco, que non lles é pouco. Un apéndice final ofrécenos información básica sobre os lugares da represión e os nomes dos represaliados, no ronsel dos últimos traballos de investigación da memoria histórica ou da memoria republicana, denominación esta última moito máis acaída no dicir do profesor Alonso Montero. Nomes de paraxes xa case universalmente coñecidos, como A Caeira pontevedresa, mais tamén lugares moito menos evocados na historia e na literatura coma O Furriolo ou Saa. Do mesmo xeito, nos nomes dos represaliados a carón dos citados Bóveda, Blanco Torres, Casal ou Díaz Baliño, adoito lembrados por mor da súa condición de intelectuais, o poeta tamén nos fai acordantes de persoas do común, labregos e obreiros, case sempre esquecidos na longa nómina da represión.

Tan só nos resta parabenizar a Xoán Carlos Domínguez Alberte por esta contribución a restituír a nosa memoria desde o ámbito da lírica, nun discurso poético que, do punto de [→ 124] vista formal, escolle a economía expresiva, a sinxeleza formal e a precisión semántica, alén de procurar a musicalidade e o ritmo da poesía popular, con recorrencias, con aliteracións, con estruturas binarias e outros recursos que nos amosan o oficio do poeta. Uns versos necesarios, que se enriquecen coas ilustracións do poeta Baldo Ramos, e que en palabras do autor queren ser unha «obra aberta», que xa o é por reveladora, por abrir a nosa ollada para aprendermos contra os que desexarían a morte da intelixencia.

MIRO VILLAR

Comentarios desactivados en Recensión do poemario Incivil (Toxosoutos, 2009), de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicada orixinalmente na revista A Trabe de Ouro: 81 (2010)

Nov 04 2013

Na procura do megalitismo atlántico e das Fisterras: crónica da viaxe a Irlanda do Seminario de Estudos da Costa da Morte (22-29 de agosto de 2013), por Xosé Mª Lema Suárez


(O grupo da viaxe do Semescom en Poll na mBrón, 23 de agosto do 2013. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Xa se falou abondo nesta bitácora sobre a nosa estadía en Irlanda, facendo parte da nova «expedición» da serie Na procura do megalitismo atlántico e das Fisterras europeas do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside o historiador e escritor Xosé Mª Lema Suárez, quen vén de rematar días atrás a publicación da súa propia crónica na páxina da entidade e na súa bitácora costadosolpor. Toda unha compilación de erudición e saber e tamén de afabilidade e bonhomía coa que sempre nos agasalla. Ao tempo que parabenizamos ao noso caro Presidente, engadimos unha serie de ligazóns á súa crónica que se publicou en capítulos.

Este traballo xúntase ao laborioso labor de realizar un video-reportaxe do amigo Emilio Roca, mestre que leva o blogue e a biblioteca do IES Pedra da Aguia na Ponte do Porto, como antes fixera sobre a nosa viaxe a Cornualles, quen amosa unha gratificante e magnífica ollada através da súa cámara e a da súa compañeira Áurea.

E non podemos esquecer a crónica do xornalista Xosé Ameixeiras, co pseudónimo A. Lavandeira, quen asinou na edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia en papel o sábado 31 de agosto e tamén o luns 26 de agosto outra ampla crónica dos primeiros días da viaxe.

Desta volta, a crónica de Xosé Mª Lema Suárez artellouse nestes sete cumpridos e elaborados capítulos (ao premer éntrase na súa bitácora costadosolpor e no blogue do Semescom). Velaquí:

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS: CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE (22-29 de agosto de 2013)

Capítulo 1: Unha introdución histórica breve
(costadosolpor e Semescom)

Capítulo 2: Sur de Irlanda: Cobh – Cork – Killarney (día 23 de agosto)
(costadosolpor e Semescom)

Capítulo 3: Killarney – península de Dingle- Tralee – Adare – Limerick – Shannon (sábado 24 de agosto)
(costadosolpor e Semescom)

Capítulo 4: Shannon – cantís de Moher- rexión de Burren – anta de Pol na Brone – Galway – Athlone – Dublín (domingo 25 de agosto)
(costadosolpor e Semescom)

Capítulo 5: Dublín – Monasterboice – Brú na Bóinne – Hill of Tara – Trim – Dublín (luns 26 de agosto)
(costadosolpor e Semescom)

Capítulo 6: “In Dublin’s fair city…” (martes 27 de agosto)
(costadosolpor e Semescom)

Capítulo 7: Dublín – Calzada do Xigante e Belfast (Irlanda do Norte) (mércores 28 de agosto)
(costadosolpor e Semescom)

Comentarios desactivados en Na procura do megalitismo atlántico e das Fisterras: crónica da viaxe a Irlanda do Seminario de Estudos da Costa da Morte (22-29 de agosto de 2013), por Xosé Mª Lema Suárez