Archive for Outubro, 2013

Out 28 2013

Poemas (LXVIII): «Evas», de Roxana Miranda Rupailaf

Published by under Historia,Lingua,Poesía


(A poeta mapuchilena Roxana Miranda Rupailaf le en Los Desconocidos de Siempre. 30 de xaneiro de 2009. Realización Audiovisual; Ignacio Muñoz. Movimiento Lúdico Films. Videolog: http://es.youtube.com/autonautica)

Nada sabía eu da poeta mapuche Roxana Miranda Rupailaf (Osorno, Chile en 1982) ata ler esta entrevista no dixital arxentino revistaenie na que fiquei enguedellado.

Profesora de Lingua Castelá e Comunicación na Universidad de Los Lagos. Actualmente cursa o Magíster de Literatura Hispanoamericana contemporánea na Universidad Austral. Publicou os libros Las Tentaciones de Eva (Gobierno Regional de la Décima Región de Chile, 2003), volume co que gañou o concurso de poesía Luis Oyarzún. Nos anos 2006 e 2008 obtivo a Beca para escritores do Consejo Nacional del Libro y la Lectura de Chile polos libros Seducción de los venenos e Invocación al Shumpall. En 2012 recibiu o Premio Municipal de Literatura de Santiago por Shumpall (Del Aire Editores, 2011). A súa obra fai parte de numerosas antoloxías.

O titular e a entradiña da entrevista que realiza a xornalista Victoria Reale foron determinantes para procurar textos na rede para chegar á lectura desta poeta. Velaquí:

«Me quitaron el lenguaje con educación y ahora me exigen que lo sepa»

«Invitada por el Filba 2013, la poeta mapuche Roxana Miranda Rupailaf visitó por primera vez Buenos Aires y contó que sus abuelos dejaron de hablar el mapudungún por miedo a la discriminación. ‘Al racismo que siempre existió, ahora se agrega que todos somos terroristas’, explica».

Do seu primeiro libro Las Tentaciones de Eva (2003) reproduzo este suxestivo poema:

Evas

Hágase la tierra.
Le pondremos viento en el ombligo
y mar entre las piernas.

Hágase la luz y las estrellas.
En sueños celestes trasnocharé para no ser vista.

Háganse los peces, los animales, las aves.
Multiplíquense y habiten el reino de mis caderas.

Háganse las flores y los frutos
para simular la fiesta.

Hágase el hombre del barro de mi garganta
que de la saliva salga a cantar.

Hágase la mujer a mi imagen
con la divina dulzura del lenguaje.

One response so far

Out 24 2013

Hugo Mujica gañador do XIII Premio Casa de América de Poesía Americana pola súa obra Cuando todo calla


Alégrame moitísimo a nova de que o escritor arxentino Hugo Mujica sexa o recente gañador do XIII Premio Casa de América de Poesía Americana pola súa obra intitulada Cuando todo calla.

Tiven o inmeso pracer de gozar da lectura comentada da súa magnífica poesía e tamén de o tratar un bocadiño durante a homenaxe que se lle fixo, e da que participei, no desenvolvemento do XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos en Salamanca que ocupou xa estas catro notas nesta bitácora:

Fotografías do XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos

Poemas (XV): Como el mar, de Hugo Mujica

Na homenaxe ao poeta Hugo Mujica en Salamanca

Programa do XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos en Salamanca

Na miña opinión, Hugo Mujica é unha persoa humilde e un poeta enorme. Velaquí o texto da nova na páxina de casamerica:

24/10/2013. El escritor argentino Hugo Mujica es el ganador del XIII Premio Casa de América de Poesía Americana por su obra ‘Cuando todo calla’. En la tarde de ayer, el jurado compuesto por José Mármol, Julia Escobar Moreno, Luis García Montero, Jesús García Sánchez, Juan Malpartida y Anna María Rodríguez Arias como secretaria, se reunió en Casa de América y decidió por mayoría otorgar el galardón al poeta argentino. De la obra presentada, el jurado destaca que se trata de una poesía “de muy hondo pensamiento y de una gran exquisitez estética, basada en una escritura de expresión madura, sopesada, pero, sin matar la espontaneidad luminosa del arte poético”. También ha celebrado su “lenguaje minimalista, preciso, de profundo calado conceptual y humano”, así como su “poesía de impecable factura expresiva”, una poesía que, asegura, “redescubre la vitalidad de lo natural y el silencio frente a un mundo y una sociedad atosigados, intoxicados por el ruido, lo superfluo, la irracionalidad tecnológica y el consumismo líquido y banal”.

Este premio, convocado por Casa de América con la aspiración de estimular la escritura poética en el ámbito de las Américas, está dotado con tres mil euros como anticipo de derechos de autor, e incluye la publicación de la obra por la Editorial Visor Libros.

A la convocatoria de este año se han presentado más de 216 obras de 27 países diferentes, en las que conviven modos muy diferentes de entender la poesía, con una amplia gama de formas, tonos y registros.


(Fotografía de grupo dalgúns dos poetas participantes no XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos o 6 de outubro do 2011, cando visitamos o Ayuntamiento de Salamanca onde Hugo Mujica foi nomeado «Huésped Distinguido de la Ciudad de Salamanca», de esquerda a dereita figuran Alfredo Pérez Alencart; Pedro Tarquis; Pilar; a cubana Milena Rodríguez; José Antonio Valle Alonso; eu propio detrás; Hugo Mujica; a venezolana Cristina Falcón Maldonado e o compañeiro da escritora cubana, do que non consigo lembrar o nome. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Comentarios desactivados en Hugo Mujica gañador do XIII Premio Casa de América de Poesía Americana pola súa obra Cuando todo calla

Out 24 2013

A parroquia de Toba na páxina patrimoniogalego.net e nos meus versos




(Fotografías tiradas do proxecto patrimoniogalego.net. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Esta anotación sobre a páxina patrimoniogalego.net era unha débeda desde hai tempo, pois moito me agradan e interesan os seus contidos, dos que hoxe reproducirei nesta bitácora as tres fichas elaboradas na miña parroquia de Toba (Cee), parte fundamental do paraíso propio da infancia.

O sitio preséntase como «Un proxecto colectivo: inventariar todo o patrimonio cultural galego. O patrimonio é dos cidadáns. Esta web quere facer o patrimonio para os cidadáns. Coñecer que é o que temos e en que estado se atopa».

Aquí explican o Proxecto e o Equipo, e a día hoxe tan só lles restan 526 fichas para chegar aos 5000 bens catalogados!, polo que merecen ben os nosos parabéns polo seu excelente labor de compilación, estudo e investigación.

Xosé Troiano asina as tres fichas de Toba, que recollen o Cabazo da reitoral de Toba (nós dicimos ‘cabaseira’); o Cruceiro do Campo de Toba e a Igrexa de San Adrián de Toba, todas tres datadas en xullo deste 2013. Deseguida reproduzo os textos completos das fichas e as fotografías que os acompañan, aos que na páxina patrimoniogalego.net aínda lle engaden unha xeolocalización dos bens catalogados.

Mais antes diso engado aquí uns versos da miña autoría onde se cita a igrexa de Toba. Pertencen ao meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), que rematei de escribir contra 1990. O soneto está na terceira parte do libro, intitulada «De ti e das palabras», que principia sempre cada poema co verso dun poeta moi coñecido, neste caso Fernando Pessoa do poema co mesmo título «Já ouvi doze vezes dar a hora», das súas Poesias Inéditas (1930-1935) e datado o 8-03-1931. Velaquí o soneto da miña autoría e a seguir as tres fichas:

VII

Já ouvi doze vezes dar a hora
no reloxo da igrexa que hai en Toba,
música de badalo que enche a alcoba
e que estará comigo nesta aurora.

Non entendo o porqué desta demora,
de non saber de ti nin unha nova
mais non hai deste cuarto quen me mova
nin quero espreguizar polo de agora.

Prefiro apodrentar de sede e fame,
só desexo e cobizo un apetito:
ter o teu corpo espido a carón miña.

Retornar de contado ao lento exame
escoitando o tremor máis inaudito,
trabexando con forza cada liña.

1. Cabazo da reitoral de Toba

Tipo de ben: Hórreo
Concello: Cee
Parroquia: San Adrián de Toba
Lugar: Igrexario de Toba
Cronoloxía: Descoñecida
Descrición:
Cabazo de tipo “Costa da Morte” de trece pares de pés troncocónicos, con amplos tornarratos cilíndricos coa parte superior convexa, serven de soporte á cámara, formada por pezas horizontais que semellan que non teñen a calidade ou acabado doutros exemplos, tan típicos e tan abundantes nesta bisbarra. Ábrense dúas portas pola cara norte e a súa sensación de rusticidade no seu elaborado é maior que noutros tipos. Os remates, non moi airosos desta construcción, elévanse sobre unha soleira de cachotería á que se lle apega a escaleira de acceso. Unha cruz e un pináculo piramidal axudan, no cumio, a racha-la horizontalidade desta grande cabaceira, cuberta con tella curva do país.

Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Tradición oral:
Referencias bibliográficas:
Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación:: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

2. Cruceiro do Campo de Toba

Tipo de ben: Cruceiro
Concello: Cee
Parroquia: Toba (Santo Adrán)
Lugar: Adro
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII) ,
Descrición:
Cruceiro de tipo “De Crucifixo” con plataforma cuadrangular de tres chanzos e pedestal cuadrangular achafranado. Ten un varal circular, comezando en cadrado cos paramentos recadrados onde ten unha inscrición que nos indica o ano: “… 1756″. O capitel é cuadrangular con ábaco de lados rectos e con volutas. A súa cruz é circular cos brazos con estrías. Polo anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e unha cartela coas siglas INRI. O pano de pureza vai anoado á esquerda. Polo reverso da cruz fica a Virxe en actitude de orar cos dedos das mans entrelazadso e cun rosario. O cruceiro é todo de granito cun bo estado de conservación.

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Tradición oral:
Referencias bibliográficas:
-MARTIN RUIZ, L.: “Cruceiros da provincia da Coruña”. Vol.I; Deputación Provincial da Coruña, 1999.
-http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/CEE/documents/0118CA002.pdf
Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación:: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

3. Igrexa de San Adrián de Toba

Tipo de ben: Igrexa
Concello: Cee
Parroquia: Toba (Santo Adrán)
Lugar: Toba
Cronoloxía: Época Baixomedieval , Idade Moderna (XVI-XVIII) ,
Descrición:
Igrexa de planta de cruz latina cunha ábsida de reducidas dimensións. A nave presenta unha notable desproporción con respecto ó cruceiro, formado por dúas capelas moi pequenas. No lado norte ca capela maior atopámo-la sancristía e tamén neste mesmo muro existe unha pequena estancia, con acceso desde o exterior que serve para gardar obxectos litúrxicos. Ós pés está un coro ó que se accede por unha estreita escaleira de pedra. A capela maior cóbrese con bóveda de canón; o arco de ingreso que a comunica coa nave apóiase en dúas semicolumnas. A nave cóbrese actualmente con bóveda de canón de cemento, aínda que primitivamente tivo teitume de madeira a dúas augas. A fachada principal ó oeste componse dunha porta de luz rectangular sobre a que se abre un van tamén rectangular. Un baptisterio alóxase ós pés da nave cerrado por un arco de medio punto. As capelas do brazo do cruceiro cóbrense con bóvedas de canón de cantería. Ós pés do muro sur levántase unha torre, sobre un corpo cúbico de carácter pesado e macizo. A fachada segue un esquema pentagonal na súa disposición. Remátase cun acroterio en forma de cruz.

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Tradición oral:
Referencias bibliográficas:
SORALUCE BLOND, J.R.; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía”. Vol.IV; Deputación Provincial da Coruña, 1997.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/CEE/documents/0118CA002.pdf
Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación:: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

One response so far

Out 22 2013

Folga no ensino galego contra a Lomce (24 de outubro)

Published by under Manifestos

(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Manifesto contra a Lomce, da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Comentarios desactivados en Folga no ensino galego contra a Lomce (24 de outubro)

Out 22 2013

O topónimo fisterrán (O) Rostro, por Fernando Cabeza Quiles

(Fotografía tirada das guías masmar. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

A curiosidade dun compañeiro no CPI Viaño Pequeno, de Trazo, e a miña propia e confesada ignorancia ao respecto levoume a lle procurar unha explicación ao topónimo fisterrán (O) Rostro, que dá nome a un dos areais máis coñecidos e máis bravos de toda a Costa da Morte.

A solución ás nosas dúbidas chegou da man do amigo escritor e especialista en toponimia, Fernando Cabeza Quiles, a quen coñezo desde a época do Batallón Literario da Costa da Morte. De feito colaborou en dous dos volumes colectivos que editamos:

AA. VV., Nós (1997). Corcubión: Concello de Corcubión. (Está recollido na rede no sitio de finisterrae.org)

AA. VV., Rumbo ás illas (1997). Ponteceso: Asociación Cultural Monte Branco, O Couto.

Alén de narrador, como especialista en toponimia Fernando Cabeza Quiles ten publicado ducias de artigos (velaí a súa entrada na galipedia) e tres volumes intitulados:

Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992). Vigo: Xerais. (Descatalogado)

Os nomes da terra: topónimos galegos (2000). Noia: Toxosoutos.

Toponimia de Galicia (2008). Vigo: Galaxia.

Este último está entre os materiais que adoito utilizar co meu alumnado. Figura como esgotado no catálogo da editorial e urxe unha reedición.

Fernando Cabeza Quiles deu resposta de maneira xenerosa, que moito lle agradezo, á cuestión que lle fixen chegar e velaquí o que nos dixo:

«Verbo do topónimo fisterrán (O) Rostro, naceu na punta litoral do mesmo apelativo, para despois dar tamén nome á praia contigua. Vén da voz latina Rostru(m), “pico de ave, morro, fuciño”, e, en xeral, “calquera cousa ou accidente xeográfico ou topográfico con forma de saínte”; valores semánticos idóneos para aplicar a cabos ou saíntes abruptos da costa, como a punta do Rostro fisterrá da parroquia de Sardiñeiro e outra así chamada que hai nas illas Sisargas. O Rostro sería así un topónimo similar ao do Morro, aplicado igualmente a saíntes costeiros, que proxectan ou alongan o seu “rostro” ou “morro” no mar. Tamén penso que os substantivos comunes “rostro” e “morro”, referidos a esas partes sobresaíntes do corpo humano ou dalgúns animais fociñentos, recollen a mesma idea significativa que os topónimos homónimos O Rostro e O Morro».

(Fotografía realizada por Ana García para La Voz de Galicia-Carballo)

One response so far

Out 21 2013

Na homenaxe da libraría Biblos de Betanzos ao escritor Manuel Álvarez Torneiro


(A imaxe que testemuña a nosa presenza procede deste video dos informativos da TVG. Premer para agrandar o tamaño)

E o sábado estivemos na homenaxe que desde a libraría Biblos de Betanzos (o novo e ilusionante proxecto de Tucho Calvo e Carmela González) quixeron renderlle ao escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932), quen vén de ser galardoado co mal chamado Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, da editorial Kalandraka, sendo a primeira vez que esta distinción que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recoñece a un autor por unha obra en galego. Os ángulos da brasa xa recibira o Premio da Crítica Española 2012, o Premio Ánxel Casal de Poesía 2012 que outorga a Asociación Galega de Editores e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) 2013.

O acto recóllese neste video dos informativos da TVG e decorreu coa lectura por Manuel Álvarez Torneiro dun texto a xeito de (auto)poética, a lectura de varios poemas e un animado coloquio.

Na pequena e ateigada sala da libraría habilitada para espazo de arte e presentacións fixemos parte do público, entre o que tamén estaban o poeta e profesor Arturo Casas, os poetas Isidro Novo, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane, o narrador Xabier López, as profesoras e especialistas en estudos literarios Concepción Delgado Corral, Mercedes Queixas Zas, Camiño Noia e o tamén profesor e tradutor Xulián Maure Rivas, entre outros, aos que se engadiu un serodio Francisco Fernández Naval.

Velaquí as primeiras páxinas do poemario de Manuel Álvarez Torneiro na páxina de Kalandraka:

http://issuu.com/kalandraka.com/docs/os-angulos-da-brasa-g/15?e=0/1297576

Comentarios desactivados en Na homenaxe da libraría Biblos de Betanzos ao escritor Manuel Álvarez Torneiro

Out 21 2013

Breizh na «Xornada de Bretaña en Galicia»

A «Xornada de Bretaña en Galicia» («DevezhBreizh e Bro-Galissia», «Journée de la Bretagne en Galice») celebrada o pasado venres 18 de outubro no Conservatorio Profesional de Música de Compostela acolleu entre as súas numerosas e variadas actividades unha presentación do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos).

A xornada está inserida no marco dun proxecto educativo europeo, denominado Comenius Regio, que ten por título “Échangeons notre échange scolaire” e que ten por obxectivo fomentar os intercambios escolares entre Galiza e Breizh.

Os socios do proxecto educativo son na parte galega: a Unidade de Programas Europeos da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, a Asociación de Profesores de Francés de Galicia e dous centros educativos: o IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros e o IES Monte Neme de Carballo, e na contraparte bretoa: a Concello de Vannes, o Comité Bretagne-Galice e Collège Notre-Dame Le Ménimur de Vannes.

O programa (que se pode ollar completo neste pdf: Pre-programme Affiche journee bretagne 4-10-13

ou tamén neste blogue) desenvolveuse deste xeito:

– Powerpoint d’images d’élèves

– Présentation de la ville de Vannes / Vidéo

– Madame Annie Avril – Service Patrimoine – Ville de Vannes

– Table ronde : expériences d’échanges (Monsieur Vidal, Madame Leblay, Pablo Carpintero, Aymerick-Louis Bevan e 2 alumnosIESP Xosé Neira Vilas, de Oleiros / IES Monte Neme, de Carballo)

– La langue bretonne: Léna Marie Kerhoas, professeur de breton

– Conteur Breton: M. Antoine Peralta

– Presentación Breizh: Miro Villar

– Musique: Pablo Carpintero, música galega, e Bagdad, agrupación musical bretoa.

Malia a insistente e forte chuvia, acompañada de vento, o salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Compostela encheuse de público, a maioría profesorado de lingua francesa, mais non só.

Pola miña banda, dispuxen de vinte minutos para facer unha breve presentación de Breizh, que acompañei da lectura dunha ducia de haikus do libro, acompañados de fotografías fornecidas polo profesor e escritor Xosé María Lema Suarez, autor do limiar do libro, que tamén é presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), entidade que organizou a nosa viaxe a Breizh no verán do 2007.

Desde o público gocei tamén de todas as intervencións, de maneira especial das imaxes e das explicacións sobre a fermosa cidade medieval de Gwenwed / Vannes; da ilustrativa información sobre a situación actual da lingua bretoa e das músicas galega e bretoa.

Velaquí dous dos haikus que lin e as súas correspondentes imaxes de Lema Suárez (premer para agrandar o tamaño):

GAVRINIZ

Cruces, machados,
gravuras a saudaren
o adeus da morte.

PLEIBEN, GWIMILIO OU PLOUGASTELL-DAOULAZ

Libros de pedra
iluminan as sombras,
paixón de Cristo.

Comentarios desactivados en Breizh na «Xornada de Bretaña en Galicia»

Out 16 2013

Unha anécdota que contaba o poeta muxián Gonzalo López Abente no retruque parlamentar de Xosé Manuel Beiras

Hai tempo que me interesan ben pouco a maioría dos discursos políticos e por esa razón non seguín o debate parlamentar do Estado da Nación (que aquí descafeinan co nome de Estado da Autonomía). Porén, seguín as máis breves intervencións dos retruques parlamentares ao presidente electo do Goberno Galego por maioría absoluta da lei D’Hondt mais non polo número de votos, inferior ao que sumaban as organizacións políticas da oposición.

Nesa quenda dos retruques, malia non estar nada mal o rosario de cifras que empregou no debate Jorquera Caselas (BNG), na miña opinión ninguén chegou á altura intelectual e ao nivel de discurso de Xosé Manuel Beiras.

Confeso que non o votei nas últimas autonómicas, porque non acredito na alianza que representa a Alternativa Galega de Esquerda, mais puiden gozar unha outra vez da dialéctica do profesor. Podo estar lonxe da súa estratexia electoral, aínda que estou moito máis lonxe de discursos como o do profesor Francisco Rodríguez (a quen tamén teño votado para as Cortes Xerais do Estado) nun artigo como o que publicou no dixital Sermos Galiza, que cualifica a Beiras de «traidor». Aborrezo este discurso pseudocatólico dunha persoa que leva media vida a cualificar co pecado da «traizón» as persoas que discrepaban no máis mínimo. Por suposto, tamén eu debo ser un «traidor», xa que militei pouco tempo na UMG, as mocidades da UPG, e axiña me distanciei do Partido. Mais isto évos outra historia.

Volvendo ao rego, e deixándonos de pontífices, encantoume escoitar no remate do retruque parlamentar de Xosé Manuel Beiras unha anécdota que seica contaba o poeta muxián Gonzalo López Abente. No video da cabeceira pódese escoitar esta narración, moi acaída á nefasta política de Feijoo, do minuto 10:10 aproximadamente até o remate.

Chapeu, profesor!

Comentarios desactivados en Unha anécdota que contaba o poeta muxián Gonzalo López Abente no retruque parlamentar de Xosé Manuel Beiras

Out 15 2013

Manifesto da Cultura Galega contra a Lomce (sinaturas on-line)

Published by under Historia,Lingua,Manifestos


Está a circular este Manifesto da Cultura Galega contra a Lomce, impulsado desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, e desde esta bitácora chamamos á súa sinatura. Tamén se pode realizar on-line nesta ligazón:

A Cultura Galega contra a Lomce

MANIFESTO DA CULTURA GALEGA CONTRA A LOMCE

O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.

Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence e debe estar vehiculizado  na lingua propia para  formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.

Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.

O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se poidan educar na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para  así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Por iso, as e os que a seguir asinamos, persoas ligadas á cultura galega, reclamamos a retirada da LOMCE

NOME E APELIDOS / Documneto Identidade / ÁMBITO DA CULTURA NO QUE PARTICIPAS

Comentarios desactivados en Manifesto da Cultura Galega contra a Lomce (sinaturas on-line)

Out 13 2013

Parabéns ao pintor Nolo Suárez no seu sesenta aniversario


(Fotografía de 1999, da autoría de Manuel Vilar. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Unha viaxe a Portugal, para fuxirmos das parvadas da hispanidade, non nos permitiu asistir onte á tardiña ao acto de homenaxe ao pintor Nolo Suárez no seu sesenta aniversario, no que o acompañaron moitos amigos/as pintores e poetas e que tivo lugar no centro socio-cultural da Almáciga, o seu barrio compostelán.

Coñezo desde hai ben anos as súas creacións artísticas. De feito a imaxe que ilustra esta anotación lembra a inauguración dunha exposición pictórica de Nolo Suárez que se celebrou en Fisterra por volta do ano 1999 (descoñezo a data exacta). Na mesma, está Carrillo Ugarte, daquela Tenente alcalde e concelleiro de cultura de Fisterra, no centro o pintor Nolo Suárez e á esquerda eu propio a ler versos do que era nese momento o meu máis recente libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998).

A exposición trataba de temas do mar, de faros e tamén dalgunhas referencias ao camiño de Fisterra e foi nun local que naquela altura usaban como Centro Cultural. Non lembro tampouco o poema ou poemas que escollín para a lectura, mais pouco importa. Velaí o testemuño dunha das nosas colaboracións, que foron moitas e variadas nos últimos anos.

Moitos parabéns a Nolo Suárez no seu sesenta aniversario! E longa vida artística!

Comentarios desactivados en Parabéns ao pintor Nolo Suárez no seu sesenta aniversario

Next »