Archive for Agosto, 2013

Ago 21 2013

De viaxe a Éire, a República de Irlanda, co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom)



(Mapas da Irlanda Unida, que reivindican os nosos irmáns do Sinn Féin e outras organizacións. O primeiro é do século XVIII, aínda baixo dominio británico toda ela. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Véspera de principiarmos a nosa viaxe a Éire, a República de Irlanda, co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte. Vai ser entre os días 22 e 29 de agosto e nese tempo esta bitácora tamén descansará.

No entanto, xa estamos a ler a magnífica guía ilustrada, en formato pdf, coa que sempre nos agasalla o noso amigo O’Lema e que lle serve de alicerce para as súas sempre interesantes e documentadas anotacións durante a viaxe.

Velaquí o pdf coas cumpridas notas do noso caro presidente: guía Irlanda ilustrada

(A derradeira imaxe recolle as pegadas do itinerario de Leopold Bloom, o célebre protagonista do Ulysses de James Joyce, polas rúas do Dublín naquel 16 de xuño de 1904. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

 

Comentarios desactivados en De viaxe a Éire, a República de Irlanda, co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom)

Ago 21 2013

A Quenlla: «Silencios na memoria» (Día da Galiza Mártir)

Canción «Silencios na memoria». Letra e música do poeta Baldomero Iglesias Dobarrio, máis coñecido como Mero.

As iras rompen silencios cando os crimes non se acordan
cando no espantallo dormen paxaros da desmemoria.
Por iso voulles contar levando cousa con cousa
poñendo unha feble luz nun lugar de tanta sombra
Era o ano 36, ano de sangue e afrontas
mártires da libertade quedan tirados na foxa
E en agosto, o 17, disparan armas traidoras
contra de xente inocente…caeu Alexandre Bóveda
Na Caeira, Pontevedra, un mencer triste da Historia,
… se rescatamo-los feitos non deixaremos que volvan!

Popurri (A las barricadas, Himno de Riego, Himno Galego)

A Guerra Civil encheunos a memoria de foxas e o corazón de baleiros. Foi unha victoria que non trouxo a Paz, por que cómpre rompe-lo silencio, recuperando esa, … á súa voz necesaria de cantos alí a perderon. Eran da Frente Popular, anarquistas, republicanos, comunistas, galeguistas, sindicalistas, socialistas, nacionalistas, ou insubmisos á rebelión. Ou inocentes inculpados polo dedo revirado de delatores vingativos ou arribistas de novo mando… Militantes todos eles dun anceio común que exaltaba a dignidade humana e a dos pobos. Querían dar creto á esperanza, esa que aínda hoxe semella que non chega. Eran bos e xenerosos, defenderon o soño dun mundo mellor e máis feliz.
Mais, … espigaron inxustizas, glorificando os abusos, conformando a tiranía para deixar todo oculto, tentando que o tempo borre o que o tempo ó fin descobre. Ninguén a culpa asume. Os herdeiros da victoria van diante e van dicindo: “que é botar máis leña ó lume”.

Mataron, martirizaron, escurecendo as auroras
enchendo a terra de sangue, de medo, loito e derrota
Os vencedores procuran impunes pechar as portas
para negar a verdade para anular a memoria.
Venceron e aínda seguen administrando a victoria
aqueles que ainda hoxe queren facer a noite máis longa.
Perderon creto e razón pois na mentira se agochan.
Mártires son o guieiro e o pobo daralles gloria
A tantos que un día soñaron unha Galicia máis nosa.
Pioneiros da liberdade ¡serán lembrados con honra!
¡serán lembrados con honra!

Comentarios desactivados en A Quenlla: «Silencios na memoria» (Día da Galiza Mártir)

Ago 16 2013

Crónica da presentación do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, nas «Noites de Terraza Literaria» da Feira do Libro de Cee 2013

Published by under Poesía,Presentacións


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

A Asociación Monte Pindo Parque Natural publica na súa páxina web unha crónica da presentación na noite do martes 13, dentro das «Noites de Terraza Literaria» da Feira do Libro de Cee 2013, do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que coordinei xunto a Francisco «Chisco» Fernández Naval, editado por Toxosoutos, en coedición coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, e grazas ao crowdfunding ou microfinanciamento colaborativo de moitas persoas, como xa se contou aquí.

Participei no acto (de costas na fotografía, feita con dispositivo móbil e pouca luz), cabo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente de Monte Pindo Parque Natural, e dos poetas Marilar Aleixandre (nun primeiro plano na foto), David Creus e Miguel Vázquez Freire.

Velaquí a crónica, que se pode ler tamén nesta ligazón.

16/08/13

Os Versos no Olimpo arribaron a Cee polo aire e o papel

Sección | Actividades

Calurosa benvida recibiu o poemario colaborativo “Versos no Olimpo” no marco da Feira do Libro de Cee, o pasado martes ás 22:30h, na rúa da Pena. Antes do recital poético a cargo de parte dos autores que prestaron as súas creacións para esta obra, Xilberto Caamaño e Miro Villar, presidente de Monte Pindo Parque Natural e coordinador da obra respectivamente, foron os mestres de cerimonias que participaron aos cidadáns de Cee e da bisbarra desta escolma poética do Olimpo Celta por autores tanto contemporáneos como dos 3 séculos pasados, e que é unha realidade grazas a un proxecto de subscrición popular que acadara o seu obxectivo de reservas nun tempo récord.

O Concello de Cee agasallounos cun detalle que compartimos con todos vós, obra do noso veciño Nacho Porto.

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural agradecemos tanto á Concellería de Cultura do Concello de Cee como a Manuel Alvariñas, da librería Trazos de Cee e organizador do evento, que contaran con nós nesta ocasión permitíndonos levar as poesías do noso monte sacro a novos horizontes, neste caso moi moi próximos na distancia e no sentimento.

Comentarios desactivados en Crónica da presentación do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, nas «Noites de Terraza Literaria» da Feira do Libro de Cee 2013

Ago 14 2013

Galería de fotografías na Feira do Libro de Cee 2013

Published by under Fotografía,Poesía





(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

A libraría Á lus do candil, do poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez, achégame unha galería de fotografías tiradas na súa caseta na Feira do Libro de Cee 2013 e que moito lles agradezo por me permitiren a súa reprodución nesta bitácora.

Na primeira, do luns 12, José Estévez López, autor de Fugaz coincidencia (Galebook, 2012), asíname un exemplar do seu libro mentres eu fago o propio asinándolle un exemplar do meu primeiro poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), no que foi un feliz intercambio e encontro, pois non nos coñeciamos persoalmente até esa tarde.

Na segunda, do martes 13, asino un exemplar do poemario As crebas (Espiral Maior, 2011) para Iván, a pedimento dos seus pais, Luz e o investigador literario e narrador Luís Lamela García.

E nas dúas últimas, do mércores 14, un exemplar de Breizh (Toxosoutos, 2012) para o filósofo e músico Javier Turnes García, profesor no IES Fernando Blanco de Cee e un dos activistas e fundadores da Universidade Cromática das Virtudes e da súa interesante revista Thaumazein (que se pode ler na rede) con sé en Corcubión, a quen tampouco coñecía persoalmente, malia termos referencias através de amigos comúns, como o poeta Serxio Iglesias.

Comentarios desactivados en Galería de fotografías na Feira do Libro de Cee 2013

Ago 14 2013

Feira do Libro de Cee: de 1945 ao 2013


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

A Feira do Libro de Cee 2013 está xa no seu ecuador e onte, alén de botar case todo o día na caseta da libraría Á lus do candil, do poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez, para asinar exemplares das miñas obras, tamén estiven de público nas presentacións da xornada: o poemario Viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco) de Serxio Iglesias, a quen introduciu o narrador Marcos Giralt Torrente, e a obra infantil Fadita Fosca! (Baía Edicións) de Miguel Vázquez Freire, a quen acompañou o ilustrador Xosé Tomás. Unha breve estadía no concerto de Xardín Desordenado e a noitiña estiven cabo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente de Monte Pindo Parque Natural, e dos poetas Marilar Aleixandre, David Creus e Miguel Vázquez Freire, para presentarmos o volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que coordinei xunto a Francisco «Chisco» Fernández Naval, editado por Toxosoutos, en coedición coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, e grazas ao crowfunding ou microfinanciamento colaborativo de moitas persoas, como xa se contou aquí.

A Feira do Libro abriuse o domingo 11, co pregón de Xosé Neira Vilas, e ese mesmo día a edición comarcal de La Voz de Galicia, en Carballo, publicou o artigo da miña autoría que reproduzo deseguida:

Feira do Libro de Cee: de 1945 ao 2013

Unha licenza literaria permíteme imaxinar que houbo unha (inexistente) Feira do Libro de Cee no ano 1945. Non houbo tal, mais o concello, ou «ayuntamiento» naquela altura, fixo unha merca de libros en agosto de 1945. Así nolo lembra José Ramón Rey Senra, Licenciado en Xeografía e Historia e Técnico da Biblioteca Pública Municipal «Francisco Mayán» nesa excelente e interesante sección que publica anualmente no Programa das Festas baixo o título «Historia Anecdótica de Cee através dos libros de actas do pleno».

Na súa compilación deste ano recolle unha síntese dos acordos plenarios máis importantes desde o ano 1943 até o 1946. Pois ben, na sesión celebrada o 14 de agosto de 1945 recolle, entre outros acordos varios, o seguinte: «Por outra banda, a proposta da Presidencia, tómase o acordo de adquirir dous exemplares da obra Francisco Franco». O alcalde-presidente era Juan Lastres García e a anotación remata aí, polo que supoñemos que se trata dunha biografía do ditador franquista da que descoñecemos a autoría e a editorial. Pouco ou nada importa.

Por sorte moito mudaron as cousas, malia existiren alcaldes como o de Baralla (Lugo) que lle negan lexitimidade ás vítimas do franquismo. A día de hoxe a nosa vila acolle, máis unha vez, a súa tradicional Feira do Libro, cuxo pregón será lido por Xosé Neira Vilas e onde se presentarán varios libros de sobranceiros autores e autoras da vila e da comarca.

Desde aquí, e para enriquecer o Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal «Francisco Mayán» suxerimos mercar dous exemplares destes volumes publicados en 2012/2013 e que teñen moito a ver con Cee, quer pola súa autoría quer polo seu contido, aínda que é posible que esquezamos algún nome ou algunha obra. Non deberían faltar nesa adquisición os volumes colectivos Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega e Versus Cianuro, ambos e dous con numerosos poetas da zona; Luces, bicos e cores; Misterio Resolto e Catuxa quere saber, todos tres de Concha Blanco; Acuario; Xiana, a nena pirata e Viaxes de inverno, todos tres de María Canosa; Universo Pitágoras, de Rocío Leira; Patente de Corso, de Rafa Villar; Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez e Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte, do mesmo en coautoría con José María Laredo Cordonié; Viaxe ao interior da fenda, de Serxio Iglesias; Fadita Fosca!, de Miguel Vázquez Freire ou Poesía Completa de Gonzalo López Abente, Rebelión na charca ou Breizh, de quen isto asina, e aos que se poderían xuntar outras moitas obras relacionadas coa Costa da Morte.

Case setenta anos despois de que o «ayuntamiento» mercase dous devocionarios franquistas en 1945, hoxe temos unha longa listaxe de obras que se expresan na nosa lingua para falaren da nosa realidade e de nós propios. Saúde e Literatura!

Miro Villar

Comentarios desactivados en Feira do Libro de Cee: de 1945 ao 2013

Ago 09 2013

Poemas (LXII): «Destino», de Urbano Tavares Rodrigues

Published by under Poesía

Destino

I

Trago na fonte
e estrela do fogo
da minha revolta
Nunca aceitaria qualquer tirania
nem a do dinheiro
nem a do mais justo ditador
nem a própria vida eu aceito…
tal como ela é
com todas as promessas
do amor e da juventude
e a parda doença
de envelhecer
a morte em cada dia
antecipada

II

Na mais lebrega alfurja
ou na cama de folhas macias
da floresta
onde a chuva te adormeceu
há sempre um idamante de sol
cujos raios te penetram de
ventura
ao sonhares a palavra
liberdade

III

Quando a terra poluída
tiver sorvido
toda a água dos lagos e das
fontes
hei-de levar o meu fantasma
até ao porto sonoro
onde a esperança cai a pique
sobre o mar dos desejos sem limite

Horas de Vidro, Urbano Tavares Rodrigues

Nota bene: A exhaustiva entrada portuguesa na Wikipedia non recolle na súa obra o magnífico libro de poemas Horas de Vidro, ao que pertence «Destino».

Comentarios desactivados en Poemas (LXII): «Destino», de Urbano Tavares Rodrigues

Ago 09 2013

Adeus (sentido) a Urbano Tavares Rodrigues


(Fonte: www.queselixeatroika.net)

Entre as miñas lecturas da literatura portuguesa hai anos que está a escrita de Urbano Tavares Rodrigues. Da súa inmensa obra tan só coñezo algún títulos de narrativa e de poesía, mais cultivou todos os xéneros e o seu primeiro título publicado foi un libriño de literatura de viaxes intitulado Santiago de Compostela (1949).

Sendo un dos meus autores portugueses de referencia, a nova do seu pasamento hoxe en Lisboa, aos 89 anos, déixame afectado. Nesta anotación de urxencia quero lembrar a súa persoa coa reprodución dun video gravado pola plataforma cidadá Que se lixe a troika, na que a súa voz (xa nesa altura moi feble) chamaba a participar na mobilización e manifestación contra troika e a austeridade que tivo lugar o pasado dia 2 de marzo nas principais cidades portuguesas.

Recollo de urxencia tamén ligazóns ás primeiras novas da súa norte (premer nos títulos):

Diário de Notícias

Público

RTP

Tamén o diário Público lembra un documentario de Possidónio Cachapa sobre Urbano Tavares Rodrigues. Alén diso, velaí as palabras do escritor José Luis Peixoto ou José Jorge Letria; a necrolóxica no dixital Esquerda.net, do Bloco de Esquerda, malia Tavares Rodrigues ser histórico militante do PCP, así como as palabras do director do voceiro deste Partido, José Casanavo, o Avante!

Son algúns dos primeiros testemuños na súa memoria. Que a Terra che sexa leve, meu camarada das palabras!!!

Comentarios desactivados en Adeus (sentido) a Urbano Tavares Rodrigues

Ago 09 2013

Fisterra na listaxe negra do informe «Destrución a toda Costa 2013» da organización Greenpeace

Published by under Manifestos



(premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

A organización ambientalista Greenpeace vén de facer público onte (8 de agosto) o seu informe anual «Destrucción a toda costa 2013. Análisis del litoral a escala municipal», no que as costas galegas non se salvan da desfeita, malia estarmos aínda lonxe dos niveis de deteriorización e ocupación do litoral das costas do mediterráneo.

Nesta publicación tamén hai unha chamada de atención para a Costa da Morte, en concreto para o Concello de Fisterra que aparece no segundo posto dos «Municipios con mayor aumento de ocupación (1987-2005)», polo tanto nos últimos anos, cunha porcentaxe do 34%, empatada con Rianxo tamén co 34% e por detrás de Cangas do Morrazo co 44%. Malia a desfeita, aínda continúa a estar na listaxe dos 155 concellos galegos menos urbanizados, polo que a racionalidade aínda é posible.

Greenpeace avoga por unha serie de medidas correctoras, sendo a primeira a inmediata derrogación da nova Lei de Costas. Velaquí o parágrafo de presentación do Informe, que se pode consultar nesta ligazón.

«En las últimas dos décadas, la costa española ha perdido una superficie equivalente a ocho campos de fútbol al día.

Durante más de 13 años, Greenpeace ha denunciado la destrucción de un recurso tan preciado e importante como es el litoral. Cada año, con la elaboración de su informe Destrucción a Toda Costa, la organización ha analizado las principales amenazas del litoral».

Comentarios desactivados en Fisterra na listaxe negra do informe «Destrución a toda Costa 2013» da organización Greenpeace

Ago 09 2013

A Costa da Morte, e tamén a lingua e a nación de Nós, na bitácora El meu estenedor

Published by under Lingua,Roteiros


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

El meu estendedor (O meu tendal, podería traducirse) é a bitácora de Marcel, estudante de Filologia Romànica a la Universitat de Barcelona, que nos últimos tempos está a se interesar pola nosa lingua. E tivo a «feliz» idea de tratar de facer uso do que xa sabe para se comunicar en galego na cidade coruñesa. Ben sabido é que A Coruña, no centro que non tanto nos barrios, é galegófoba.

As súas peripecias ou incidentes poden lerse nesta anotación. Alén diso, Marcel fixo unha pequena viaxe á Costa da Morte e reproduzo deseguida as súas favorables impresións, tamén do Museo do Pobo Galego, que non traduzo por se entender sen grandes dificultades, e antes engado un parágrafo no que fai a súa presentación.

Persoas como Marcel, que saben que están a visitar unha nación milenaria con idioma de seu, malia as agresións que recibe acotío, son as que nos enchen de orgullo e de satisfacción. Nada a ver cos «guiris» ou «fodechinchos» (palabras que non recolle o Dicionario da RAG) que tamén visitan o noso territorio. Obrigado, moitas grazas Marcel.

QUI SÓC?

En Marcel, un noi de poble a mig camí entre Girona i Barcelona. Tot un home, diu la meva tieta-àvia. Estudio Filologia Romànica a la Universitat de Barcelona. Sóc un d’aquells frikis interessats per les llengües que “no serveixen per a res”: parlo aranès i ara em poso amb el gallec.

(…)
Amb el curs vam fer un parell d’excursions. Vam anar a la Costa da Morte (que es diu així, en teoria, per la quantitat de vaixells que s’hi han enfonsat), visitant Muros, Carnota, la cascada de l’Ézaro i Fisterra. A Carnota vaig veure un hórreo per primer cop a la vida, i em va fer molta gràcia perquè realment és l’adaptació al medi més pura. Són graners elevats perquè les rates no hi entressin, i n’hi ha per tota Galícia. Però el que més em va agradar va ser Fisterra. No pas pel que hi ha, sinó pel que no hi ha i és. Tot allò de la fi del món romana, de l’ara solis celta… i el mar allà és espectacular. Espectacular. També vam anar a Santiago, al Museo do Pobo Galego, realment un museu molt interessant per conèixer Galícia. Explica tradicions, cultura, llengua, arquitectura, música… val molt la pena.
(…)

Comentarios desactivados en A Costa da Morte, e tamén a lingua e a nación de Nós, na bitácora El meu estenedor

Ago 08 2013

A Poesía Completa de Gonzalo López Abente nas «Recomendacións» da libraría Á lus do candil

Published by under Poesía,Presentacións


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Á lus do candil é a activa libraría que rexentan en Arteixo o poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba, e alén de organizaren moitos actos e presentacións literarias e musicais, manteñen tamén unha forte presenza na rede, na súa páxina do facebook e nun blogue.

Nesa bitácora teñen unha sección fixa intitulada «Recomendacións» na que onte, mércores 7 de agosto, anunciaban o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que eu preparei como editor literario e que viu a luz na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente (en cuxa páxina tamén se pode ler unha crónica dos actos de presentación).

Obrigado, moitas grazas aos amigos Alba e Modesto, cos que estarei os próximos días na Feira do Libro de Cee.

Velaquí o texto que escriben:

Xa chegou á libraría «Á lus do candil» a «Poesía Completa» de Gonzalo López Abente (Muxía 1878- 1963), egrexio poeta da Costa da Morte e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Poeta, narrador, ensaísta ou dramaturgo son só algunhas das múltiples facetas creativas do autor do poemario «Alento da raza», unha das obras centrais da poética abentiana e tamén da poesía galega das primeiras décadas do século XX. A «Poesía Completa» de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 2013), da que se encargou o escritor e profesor Miro Villar, está chamada a se converter nun valioso tesouro para coñecermos, máis de preto e en profundidade, a vida e a obra dun autor pouco coñecido e, á vez, imprescindible da nosa literatura.

«Poesía Completa». Gonzalo López Abente. (Ed. Miro Villar)

Edita: Espiral Maior, 2013. PVP: 30 €

Comentarios desactivados en A Poesía Completa de Gonzalo López Abente nas «Recomendacións» da libraría Á lus do candil

Next »