Archive for Xullo, 2013

Xul 31 2013

II Praza dos Libros de Muxía: 2, 3 e 4 de agosto


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Os próximos días 2, 3 e4 de agosto vai ter lugar no paseo marítimo a II Praza dos Libros de Muxía (o ano pasado denominouse 1º Outlet de Libros de Muxía e desenvolveuse na praza do Cabo da Vila). Os Editores de Compostela (agrupación conformada polas editoriais Alvarellos, Contos Estraños, Positivas, Sotelo Blanco e Urco) partillan a organización destas xornadas coa Fundación Gonzalo López Abente e contan coa colaboración do concello de Muxía.

Desta volta, serán Contos Estraños e Urco editora quen se encarguen da organización en representación dos Editores de Compostela desta II Praza dos Libros de Muxía. No cartaz anuncian para o sábado 3 varias presentacións express:

Galiza Mutante: Poder NuclearTomás González Ahola

Contos de soños e sombras César Ariza

As crónicas de Bran: A revolta dos mestres – Xosé Duncan

O mundo secreto de Basilius Hoffman – Fernando M. Cimadevila

Comentarios desactivados en II Praza dos Libros de Muxía: 2, 3 e 4 de agosto

Xul 29 2013

Unha nova crónica da presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente

Published by under Poesía,Presentacións


(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño e facilitar a lectura)

Estando de viaxe por terras minhotas non puiden ler até hoxe o completo e interesante artigo da autoría do xornalista Juan Ventura Lado, publicado o venres 26 na edición en papel do xornal La Voz de Galicia, na súa edición comarcal de Carballo, sobre a presentación do volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que viu a luz na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente (en cuxa páxina tamén se pode ler unha crónica dos actos).

Resumindo o esencial da conversa que eu propio mantiven coa xornalista Mar Varela días atrás no programa de Radio Voz «Voces de Bergantiños» e engadindo opinións do editor e poeta Miguel Anxo Fernán-Vello e de X. H. Rivadulla Corcón, tamén poeta e vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, o artigo engade ademais a carta do académico Xosé Luís Méndez Ferrín que enviou para xustificar a súa ausencia e que se leu dentro do completo programa da segunda xornada dos actos do Cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente. Un fermoso texto que confesa o interese que lle suscitou desde moi novo a lectura dos versos do vate muxián ao poeta ourensán, tan vencellado a Vilanova dos Infantes.

One response so far

Xul 29 2013

Poemas (LXI): «Sotaque da terra», de Mia Couto

Published by under Lingua,Poesía

A estadía duns días por terras minhotas veu coincidir coa celebración da XXIII Feira do Livro en Arcos de Valdevez e alí, co 20% de desconto (que me sorprendeu pois as nosas feiras só andan no dez) merquei varios libros, entre eles Raiz de Orvalho e Outros Poemas (Caminho, 2009, col. outras margens, 4ª edição) do escritor mozambicano Mia Couto, a quen xa coñecía como narrador mais non coma poeta.

O volume é «uma recolha de poemas con datas diversas, com temas diversos, con um conjunto de novos poemas (todos da década de 80) e selecção de outros que faziam parte da ediçao moçambicana, publicada em Maputo, em 1983, com o título Raiz de Orvalho».

Deses Outros Poemas reproduzo un dos que máis me interesou. Velaquí.

Sotaque da terra

Estas pedras
sonham ser casa

sei
porque falo
a língua do chão

nascida
na véspera de mim
minha voz
ficou cativa do mundo,
pegada nas areias do Indico

agora
ouço em mim
o sotaque da terra

e choro
com as pedras
a demora de subirem ao sol

Junho 1986

Mia Couto

Comentarios desactivados en Poemas (LXI): «Sotaque da terra», de Mia Couto

Xul 24 2013

Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo de Castelao

Máis unha vez, este Día da Patria Galega esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo deseñado por Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950)

Desta volta, tamén reproduzo o poema «A groriosa bandeira» de Gonzalo López Abente, que pertence á terceira parte, intitulada «Guerreira» do libro que deixou inédito Bretemada (Alvarellos, 2011), escrito entre 1917 e 1922, e que nós recuperamos. Obviamente, tamén se recolle na Poesía Completa de Gonzalo López Abente que vén de publicar a colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente, e que se apresentou nos actos do cincuentenario do seu pasamento.

XII

A GRORIOSA BANDEIRA

Entre os altos petoutos da soberba montana,
c’os fiaños de prata que espallan as auroras
e co-as brancas folerpas das neves voadoras,
unha tea impalpabre, cal hábil tecelana,
fabricóu a princesa mais garrida e galana
no calado apouvigo das madrugueiras horas;
e aquela tea foi, nas suas mans creadoras,
inmaculado símbolo da Terra soberana.
Estendéu a brancura d’aquel lenzo grorioso
baixo o doce agarimo do día lumioso,
estreitouno un instante contra o turxente seo,
ergueuno, douno ao vento, e fíxose a bandeira
da Patria, despois que houbo cruzádoa lixeira,
d’unha banda a outra banda, c’un anaco de ceo.

Comentarios desactivados en Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo de Castelao

Xul 23 2013

Dúas crónicas da presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño e facilitar a lectura)

Esta anotación recolle dúas crónicas da presentación o pasado sábado día 20 de xullo, dentro do completo programa da segunda xornada dos actos do Cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente, do volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que viu a luz na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, que xa publicara a Antoloxía Poética (1995) e que eu propio dispuxen a pedimento do daquela alcalde nacionalista Xoán Bautista Pose Paz.

A compilación é unha encarga realizada pola Fundación Gonzalo López Abente e trátase dunha obra na que deitei moitas horas de traballo, para o que recibín axudas inestimables de moitas persoas a quen agradezo a súa colaboración no Limiar.

A imaxe superior recolle a crónica da autoría do xornalista Juan Ventura Lado, publicada o domingo 21 na edición en papel do xornal La Voz de Galicia, dentro da sección «Ocio e Cultura».

A segunda fai parte dunha anotación intitulada «Onte 678: Do Irixo á Pedra de abalar» no coñecido e prestixioso blogue Brétemas de Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia, que ha publicar o poemario Dos tempos sombrizos (Diario) de Daniel Salgado, que recibiu nesa mesma xornada o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, do que eu propio fun xuri cabo dos poetas Marilar Aleixandre e Rivadulla Corcón.

Deseguida reproduzo a anotación de Bragado que se pode ler nesta ligazón:

Foi a de onte unha xornada de viaxe polos vieiros do país de noso, de Vigo ao Irixo pola mañá, do Irixo á Pedra da abalar pola tarde, de Muxía a Vigo pola noite. Acudimos á convocatoria da #Festadapalabra da Fundación Ínsua dos Poetas, na que se entregaron os premios Setecarballas e Salvador García Bodaño, Víctor Campio e Arcadio López Casanova homenaxearon aos poetas do Rexurdimento. Foi o do Irixo un convivio promovido con moito agarimo polo «Che» Tosar, movido polos ideais da colaboración e a irmandade, nun espazo natural privilexiado, un xeito de Brocelandia ourensá.

No serán apoiamos os actos organizados en Muxía pola Fundación Gonzalo López Abente (impulsada polos incansables irmáns Rivadulla) con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do escritor da Terra de Nemancos. Un serán histórico comezado coa presentación da edición da Poesía Completa de López Abente, unha proeza bibliográfica (de máis seiscentas páxinas) do editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e do editor literario Miro Villar destinada a poñer en valor, definitivamente, ao poeta muxián. Entusiasmo que continuou coa entrega a  Daniel Salgado do premio de poesía López Abente por Dos tempos sombrizos (Diario). O poeta de Monterroso nunha gran intervención definiu a obra gañadora como «poemas sobre o medo escritos nunha lingua desprezada, amarrado a unha esperanza desesperada, un libro dos vencidos». Peche magnífico para unha xornada na que abalamos polo país entre a memoria e o futuro da poesía galega. Pagou a pena.

2 responses so far

Xul 22 2013

Vídeo-poema para o «Canto Nono» do poeta italiano Tonino Guerra e elaborado por Cine Povero

A miña caixa de correo recibiu desde Portugal este fermoso Vídeo-poema feito para o «Canto Nono» do poeta italiano Tonino Guerra e elaborado por Cine Povero.

Do poema e do seu autor falamos hai agora un ano nesta anotación da bitácora.

Tonino Guerra (1920-2012) deixounos o 21 de marzo do 2012, na data que anualmente conmemora o Día Mundial da Poesía. «Canto Nono» fai parte do seu libro Il miele (O mel. Rimini: Editore Maggioli, 1981) e conta unha fermosa historia de frades e libros.

Reproduzo máis unha vez o texto orixinal en italiano e a versión ao português que eu teño en O Mel (Assírio e Alvim, 2004, tradução de Mário Rui de Oliveira) e que é a utilizada no Vídeo-poema.

CANTO NONO

Avrà piovuto cento giorni e l’acqua che si è infiltrata
dietro le radici dell’erba
è arrivata in biblioteca e ha bagnato le parole sante
che stavano chiuse dentro il convento.
Quando è venuto fuori il bel tempo,
Saja-Novà che era il frate più giovane
ha portato con le scale tutti i libri sui tetti
aprendoli al sole perché l’aria calda
asciugasse la carta bagnata.
E’ passato un mese di bella stagione
e il frate stava in ginocchio nel cortile
ad aspettare che i libri dessero un segno di vita.
E finalmente una mattina le pagine hanno cominciato
a frusciare leggere nella brezza del vento,
pareva che fossero arrivate le api sui tetti
e lui si è messo a piangere perché i libri parlavano.

CANTO NONO

Terá chovido durante cem dias e a água infiltrada
pelas raízes das ervas
chegou à biblioteca banhando as palavras santas
guardadas no convento.
Quando tornou o bom tempo, Sajat-Novà o frade mais jovem
levou os livros todos por uma escada até ao telhado
e abriu-os ao sol para que o ar quente
enxugasse o papel molhado.
Um mês de boa estação passou
e o frade de joelhos no claustro
esperava dos livros um sinal de vida.
Uma manhã finalmente as páginas começaram
a ondular ligeiras no sopro do vento
parecia que tinha chegado um enxame aos telhados
e ele chorava porque os livros falavam.

Comentarios desactivados en Vídeo-poema para o «Canto Nono» do poeta italiano Tonino Guerra e elaborado por Cine Povero

Xul 17 2013

A inauguración da exposición de escultura e pintura «O meu mar» na voz da súa autora, Viki Rivadulla

Published by under Arte,Poesía,Presentacións



(Fotografías de Juanma Abelleira Ronquete nas que estamos as persoas que a acompañamos. Na primeira, de esquerda a dereita: Félix Porto Serantes, alcalde do concello de Muxía e presidente da Fundación Gonzalo López Abente; Antón Castro, crítico de arte; a artista; o poeta Rivadulla Corcón; eu propio; a poeta Rosalía Fernández Rial e o poeta Miguel Mato Fondo. E na segunda, tan só a artista e os catro poetas. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Viki Rivadulla explica na súa bitácora Sala do perello como viviu desde a súa pel a inauguración da exposición de escultura e pintura «O meu mar», da que xa se falou nesta anotación.

Alén de lel agradecer o convite, reproduzo deseguida a súa interesante reflexión.

O MEU MAR, en Muxía

«O pasado sábado, 13 de xullo, inauguramos a mostra O meu mar, en Muxía. Fixémolo dentro dos actos do 50 aniversario do pasamento de López Abente. O cal debo a gradecer á Fundación Gonzalo López Abente, organizadora dos actos, e ao seu presidente, Félix Porto que foi o encargado de inauguralos. A inauguración ten moito sentido dentro destes actos xa que o título está tomado do fermosísismo poema de López Abente que se chama O meu mar.

Na inauguración contei, coma sempre, coa colaboración de poetas amigos, aos que teño que agradecer a súa presenza sempre que os chamo para colaborar. Corcón, Rosalía Fernández, Miguel Mato e Miro Villar – Serxio Iglesias non puido vir, pero sei que está tamén sempre aí . Aí están sempre colaborando de forma totalmente desinteresada.

Grazas sempre aos poetas , non só por estar sempre que se lles chama, senón sobre todo por coidar e facer a nosa lingua ainda máis grande do que xa é. Elas e eles son do melloriño que temos neste país.

E grazas moi especiais a Antón Castro, un muxián que é toda unha autoridade no mundo da arte, como crítico, como profesor, divulgador e promotor de moitas iniciativas. Antón fixo unha presentación fermosísima que me conmoviu, pois non só mostrou o seu grande coñecemento e erudición , senón que sobre todo mostrou unha sensibilidade que só pode ter un dos nosos, un fillo de mariñeiros, dunha estirpe de xentes do mar que coñece de primeira man o traballo e vida dos homes e mulleres do mar.

O meu mar é o mar da lus e as cores da Costa da Morte, especialmente de Muxía, é o mar das xentes traballadoras que queren seguir vivindo do mar ,- como o meu Rolando- e é tamén o mar dos e das poetas , meus amigos, e das mulleres e homes como Antón Castro, que un día foron nenos en Muxía».

(Cartaz da exposición)

Comentarios desactivados en A inauguración da exposición de escultura e pintura «O meu mar» na voz da súa autora, Viki Rivadulla

Xul 15 2013

«Tan petita», unha curtametraxe sobre a maternidade da poeta Maria-Mercè Marçal (1952-1998)


(Fotografía de Montserrat Manent)

«Tan petita» é unha fermosa curtametraxe da directora Laia Manresa que forma parte da película colectiva Ferida arrel: Maria-Mercè Marçal, na que vintedúas realizadoras/es renden homenaxe á chorada poeta catalá. Pódese ollar esta curta de cinco minutos, que narra a maternidade da poeta através dun álbum familiar anos despois e en presenza da súa filla, virtualmente nesta páxina:

http://documenta.fundaciontelefonica.com/proyectos-concurso/Tan_petita
Maria-Mercè Marçal (1952-1998) é unha poeta que sempre me interesou e unha citación abre e inspira o soneto intitulado «Declaración (I)», que se inclúe no Caderno II. Convocatorias do meu poemario Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), texto que tempo despois deu pé ao traballo crítico da profesora Fina Llorca Antolín en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, vol. 7 (2004), «A Bridge Between Two Languages: from the enderroc to cascabullo. Miro Villar Rewrites Maria-Merçè Marçal’s Work», cuxo pdf pode descargarse nesta ligazón.

E velaquí o soneto:

DECLARACIÓN (I)

T’estimo: sóc la pluja que amara l’enderroc
MARIA-MERCÈ MARÇAL

Coma un hendecasílabo dos que escribiu Olavo
Bilac, de ritmo grácil e de amorosa man,
no teu recordo xorden os versos de sedán.
Ámote: son o acorde que se eleva do cravo.

Coma a luz de cor branca que esperta todo o cabo
desde os faros fisterra, vilán ou touriñán,
no teu leito alborecen os ollos de mañán.
Ámote: son a xerfa que encanece o mar bravo.

Coma a hedra perenne que sobe o muro antigo,
no teu corpo enraízan o polgar e o maimiño.
Ámote: son o lazo que abraza o envurullo.

Como o líquido fértil que molla o gran de trigo,
no teu rostro descenden o bico e o aloumiño.
Ámote: son a chuvia que embebe o cascabullo.

Comentarios desactivados en «Tan petita», unha curtametraxe sobre a maternidade da poeta Maria-Mercè Marçal (1952-1998)

Xul 15 2013

A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña Breizh


(A Xanela, portada no número 35)

A Xanela. Revista cultural das Mariñas, que se edita Betanzos, presentou o seu número 35, da primavera do 2013. Nesta ligazón aparecen varios videos do acto de presentación.

Este numero da publicación da A. C. Eiravella de Betanzos, que coordina o noso benquerido amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, está adicado ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que ocupa seis páxinas. De resto, a revista complétase coas habituais colaboracións poéticas galegas e portuguesas (entre elas desta volta un poema de João Rasteiro, o noso poeta amigo de Coimbra) e artigos sobre etnografía, historia, música..

No apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda a aparición de varios libros. E, como adoito, tamén dá conta do noso labor literario (algo que agradecemos máis unha vez). Desta volta, a breve recensión ocúpase do meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012) como se pode ler na reproducción que vai ao remate.

E coma sempre, reiteramos os nosos parabéns á A. C. Eiravella de Betanzos, por manteren esta vitalidade en tempos tan duros para a nosa cultura e a nosa lingua.

(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Comentarios desactivados en A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña Breizh

Xul 15 2013

Encontro literario coa rapazada en Carnota



(Fotografía e cartaz da contada na Axencia de Lectura Municipal de Carnota. Fonte: Luísa Beiro Agulleiro, bibliotecaria. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

O dixital quepasanacosta fíxose eco da contada celebrada o pasado venres, 12 de xullo, ás 11,30 horas na Axencia de Lectura Municipal de Carnota, unha actividade de animación á lectura enmarcada dentro do programa «Ler conta moito» artellado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na que colaboran os concellos.

Nun espazo dentro da propia Axencia de Lectura Municipal de Carnota unha ducia de nenas e nenos e algúns dos seus maiores asistiron á narración oral e lectura comentada con proxeccións dos debuxos de tres contos rimados da miña autoría.

A primeira narración tiña moito a vez coa costa carnotá, pois Carlota e a gaivota patiamarela, a través das ilustracións de Enjamio, fala sobre a solidariedade nunha catástrofe provocada por unha marea negra semellante á do Prestige que tinxiu de galipote estas costas en novembro do 2002. Deseguida foi a quenda de Rebelión na charca, narrado a través das ilustracións de Ana Santiso, unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e o abuso de poder, e, finalmente, A cobiza do verme Noel, a través das ilustracións realizadas por Marta Álvarez Miguéns, sobre a maldade de atesourar todo sen partillar nada cos demais.

A bibliotecaria Luísa Beiro Agulleiro, alén de facer unha breve presentación, lembroulles que no catálogo da Axencia de Lectura Municipal de Carnota poden atopar o meu conto Carlota, a gaivota que non podía durmir, tamén ilustrado por Enjamio, e que os libros están para os levaren tamén para ler na súa casa.

Comentarios desactivados en Encontro literario coa rapazada en Carnota

Next »