Archive for Xuño, 2013

Xuñ 27 2013

Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega nas «VIII Xornadas de Pesca do Pindo» (sábado 29 de xuño)


(Fotografía de Santi Llecha, tirada o pasado martes 25 de xuño na libraría Couceiro. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Continúa a xeira de presentacións do volume Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, editada por Toxosoutos, que tiven a honra e o pracer de coordinar cabo de Francisco “Chisco” Fernández Naval, por encomenda da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Este sábado, 29 de xuño, ás sete da tarde vaise facer dentro das «VIII Xornadas de Pesca do Pindo» que organiza a Confraría de Pescadores do Pindo, intituladas nesta ocasión «Outro ollar ao mar» e que se desenvolven desde mañá mesmo, venres, ata o domingo. Outro compromiso anterior vaime impedir desta volta acompañar aos camaradas poetas que participen neste acto aberto de presentación.

O pasado martes 25 de xuño, ás oito da tardiña, na compostelá libraría Couceiro presentouse perante un nutrido público, unhas trinta persoas que ateigaron o terceiro andar. Santi Llecha publicou na súa conta de flickr unha galería de imaxes da presentación,, que moito lle agradecemos, como a que reproducimos coa mesa. Nela estamos Francisco “Chisco” Fernández Naval, Merche Díaz Mayán (secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo, en calidade de tesoureira de Monte Pindo Parque Natural), o presidente da entidade conservacionista, Xilberto Caamaño Beiro, e eu propio. As fotos de Santi Llecha tamén recollen as intervencións das e dos poetas que nos acompañaron: Marilar Aleixandre, Xulio Cid Neira, Rosalía Fernández Rial, Lois Oreiro, Olga Patiño e Miguel Vázquez Freire.

(Premer na imaxe para agrandar o tamaño do cartaz das Xornadas)

Comentarios desactivados en Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega nas «VIII Xornadas de Pesca do Pindo» (sábado 29 de xuño)

Xuñ 22 2013

Presentación en Compostela de Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (martes, 25 de xuño)

(Fotografía da cuberta: Maribel Longueira)

Despois do lume novo, o martes 25 de xuño, ás oito da tardiña, na compostelá libraría Couceiro vaise presentar ao público o volume Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, editada por Toxosoutos, que tiven a honra e o pracer de coordinar cabo de Francisco “Chisco” Fernández Naval, por encomenda da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Nesta ligazón pódese ler a anotación que escribín para darmos a benvida a esta singular obra, e daquela reproducín o Limiar que asinamos no último mes do ano 2012 ambos e dous coordinadores.

Comentarios desactivados en Presentación en Compostela de Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (martes, 25 de xuño)

Xuñ 17 2013

Viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco, 2013) o novo poemario de Serxio Iglesias

Published by under Poesía,Premios


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Agardaba con interese a saída do poemario Viaxe ao interior da fenda, co que Serxio Iglesias (Buenos Aires, 1966, mais vencellado á Costa da Morte: a infancia a Muxía, despois A Coruña, e na actualidade a Corcubión) gañou o pasado ano o XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro, e cuxo xurado estivo formado polo alcalde Valentín Alfonsín Somoza (presidente), Mª Xesús Nogueira, Inma López Silva, Pura Prado e Bieito Iglesias, actuando como secretaria Cristina Codesido Fernández.

Viaxe ao interior da fenda vén de aparecer estes días nas principais librarías do País e eu merquei o meu exemplar en Á lus do candil, que rexentan en Arteixo o poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba. O poemario xunta trinta poemas, acompañados de varias fotografías de Pablo J. Damonte e precedidos dun interesante Limiar que asina o poeta Xabier Cordal, quen fixera parte con Serxio Iglesias e outros poetas do colectivo Ronseltz, de cuxa actividade hai editado un volume intitulado Unicornio de cenouras que cabalgas os sábados (Edicións Positivas, 1994).

Dese atractivo Limiar de Xabier Cordal reproduzo un longo parágrafo:

«Os poemas van e veñen, saltan do home ao cativo, de Bos Aires a Corcubión, navegan cidades que perderon o nome. Desaparecen as balizas e desaparece a orde cronolóxica co seu don de adxudicar sentido: presentación, clímax, desenlace. Toda épica chama a apropiarse do futuro partindo dun relato fundacional, unha ideoloxía , unha estirpe. A fundación que nos mostra Serxio Iglesias nace derramada. A casa abre na realidade as portas para fuxir da miseria e é parte constitutiva desa miseria a incapacidade para se concibir como suxeito histórico. A casa marcha entón sen fardel de exiliado (Seoane, outro fillo de emigrantes coma Serxio, viu aboiar a primeira luz polo río da Prata) e o destino desa aventura soñada fóra da clase e fóra da estirpe consistiu apenas en mudar pobreza por desarraigamento. Lonxe da cociña fumegante, ao outro lado das portas, un neno accede ao mundo e non herda cartogramas, non herda relatos. Só hai un espazo invernal e despois, ou antes, ou agora, breve diálogos de supervivencia que ocupan o lugar da xeneoloxía».

Os poemas de Viaxe ao interior da fenda cumpriron sobradamente coas miñas expectativas lectoras, alicerzadas no primeiro libro de Serxio Iglesias, Métodos para afogar un cisne (Edicións Positivas, 2002). Dos trinta que compoñen o libro, co permiso do autor, reproduzo o cuarto, un diálogo coa diáspora bonaerense que me lembra aqueloutro poema do meu irmán Rafa Vilar intitulado «Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos».

E velaí os evocadores versos de Serxio Iglesias, a quen tamén se pode seguir na súa propia bitácora cartografías ou nas súas Historias Nómades no dixital quepasanacosta.

[catro]

en avellaneda aos noventa anos
ela vivía de fames de migallas de pan branco
balbucía cousieiro vilastose muxía
e tiña o televisor aceso e a luz apagada
a fiestra espida enfocaba un exército
de buscadores de cartón restos de comida
era un exército de soldados bolivianos en avellaneda
aos noventa anos sentada no vello sofá
daquel departamento de cascudas
a vergoña chamou á porta e quedou na casa
sentada ao carón dela para sempre
dentro do placar a vergoña
no freezer baleiro a vergoña
na alcancía a vergoña
ah pero nos cincuenta e pico
a cidade era un frasco de dulce-de-leche
ela bailaba no abc de corcubión
e era verán en mar-del-plata
e eran fotos arredor dunha mesa en branco e negro
e cinzano con fernet e soda
e tango
e chiquilines que xogaban no patio emparrado
e o agoiro do trebón deitou un sorriso diabólico
e foi que a vergoña timbrou entón e para sempre
na negrura de avellaneda o exército do cartón avanza
derrúbanse as tanquetas do tacho do lixo
e comeza a invasión da carne podre
da froita magoada

escuadróns da miseria
exército de soldados altiplanos

Comentarios desactivados en Viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco, 2013) o novo poemario de Serxio Iglesias

Xuñ 13 2013

O mariñeiro-poeta Xosé Iglesias recita en alta mar o poema «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos

De Xosé Iglesias, mariñeiro-poeta, xa falei nesta anotación, despois de o coñecer persoalmente, malia que é natural da miña propia vila, na Homenaxe Nacional a Bernardino Graña (Cangas de Morrazo, 1932), celebrada n’A Coruña baixo o lema MEDRE O MAR! e organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e o Colectivo ArTeu, da que xa falamos aquí e acolá.

Naquela anotación xa se dixo que Xosé Iglesias escribe versos e mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, con poemas da súa autoría como «Transfusión oceánica», mais tamén con poemas que lle son queridos.

Este é o caso do video que achegamos hoxe, no que máis unha vez en alta mar recita un poema, deste volta ese magnífico texto de Antón Avilés de Taramancos (1935-1992) que principia co verso «Na outra banda do mar constrúen o navío» do libro As torres no ar (Sotelo Blanco).

Curiosamente este é un dos meus poemas de cabeceira e foi o que escollín para o proxecto da AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) que nos solicitaba a lectura de textos propios e dun poeta a reivindicar. O meu dicir de «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos é ben moito máis maino que a poderosa interpretación que realiza o amigo Xosé Iglesias en alta mar. Velaquí nesta ligazón a miña calma lectura.

Comentarios desactivados en O mariñeiro-poeta Xosé Iglesias recita en alta mar o poema «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos

Xuñ 11 2013

Breizh no programa «Zigzag Diario» da tvG2


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O programa «Zigzag Diario» da tvG2, que presenta María Solar (tamén ela autora infantil), adoito procura adicar aos libros a súa edición dos luns. No programa de onte luns, 10 de xuño, emitiu a entrevista gravada hai uns días na compostelá Granxa do Xesto e que me realizou o xornalista Francisco Novo (quen fora director do desaparecido programa cultural «Miraxes») para falarmos do meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012), na que tamén fago a lectura de tres haikus dos que compoñen o libro.

Antes de gravar, lembrei con Francisco Novo que nos coñecemos cando era xornalista do Faro de Vigo hai ben anos, os dous mozos aínda, e daquela fíxome unha entrevista en Rianxo, cando eu estaba a recibir un premio importante para min, pois como contei aquí, en 1985, fun merecedor do XI Premio de Narracións Curtas «Modesto Rodríguez Figueiredo», convocado polo Patronato do Pedrón de Ouro, polo relato «Augas de silencio», que a xuízo de Basilio Losada, presidente do xurado, significaba «toda una revelación». Aquel xurado estivera composto ademais por Avelino Pousa Antelo, como secretario, Avelino Abuín de Tembra (os dous xa finados), Carmen García Rodríguez, Manuel Quintáns Suárez e Luís Alonso Girgado. Andando o tempo tiven trato con algunhas destas persoas e mesmo Carmen García Rodríguez foi unha das miñas docentes de Lingua Galega cando me reincorporei aos estudos para facer Filoloxía Galego-Portuguesa na USC.

Para as persoas que teñan interese e que non puideron ollar o programa na súa emisión ao vivo diremos que xa está na televisión á carta e o fragmento que se ocupa do libro vai desde o minuto 21:50 até o 25:00, máis ou menos, aínda que eu recomendaría, coma sempre fago, visionar a totalidade do programa que dura media hora e que nesta ocasión tamén entrevista a Xosé Carlos Caneiro, engade unha reportaxe sobre os trinta anos dos Premios Xerais ou fala da inauguración da excelente proposta de imaxes do proxecto Mil Ríos dos fotógrafos Fran Herbello e Manuel Sendón, alén doutros interesantes contidos.

Agardo que sexa do voso agrado.

Comentarios desactivados en Breizh no programa «Zigzag Diario» da tvG2

Xuñ 11 2013

Recensión de Xuvia revisitada (Esquío, 2008), de Vicente Araguas, publicada orixinalmente en Grial: 180 (2008)

Published by under Poesía,Recensións

Continúa, malia a mingua de subsidios para a investigación literaria, o excelente e impagable labor do portal poesiagalega.org, que é o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).

Entre as novidades, agora máis demoradas por esa ausencia de axudas públicas, desta volta reproducen outro traballo da miña autoría, co título «Un retorno perenne a Neda», que vén sendo a recensión do libro de Vicente Araguas intitulado Xuvia revisitada (Colección Esquío, 2008) publicada orixinalmente en Grial: 180, outubro-novembro-decembro, 2008 (pp. 106-108).

No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada ao meu traballo:

«Recensión do libro Xuvia revisitada, de Vicente Araguas, publicado vintecinco anos despois da edición de Xuvia na colección “Cuadernos da Guadaña de Poesía” do grupo Brais Pinto. Faise unha análise das coincidencias estruturais e dos fíos temáticos comúns, como a presenza da casa, as trasnadas e os xogos infantís, as tardes de cinema, as noites de jazz, a metaliteratura ou a represión franquista. Alén diso tamén se salienta a madureza estilística e unha ollada máis melancólica do erotismo e da contorna de Neda, lugar de nacenza do poeta».

Na ligazón antes citada pódese ler un pdf co artigo completo, que tamén agora reproduzo. Velaí:

UN RETORNO PERENNE A NEDA

XUVIA REVISITADA

Vicente Araguas

Vigo: Colección Esquío, 2008, 72 páxinas

“Así é como te vexo, despois de tantos anos / adorando o teu nome, / deixándome levar por ti”, son os tres primeiros versos de Xuvia revisitada, polo que non debe ser froito da casualidade que o poeta Vicente Araguas dese ao prelo este libro cando se fai un cuarto de século da publicación de Xuvia (1983), co que se inauguraba a colección “Cuaderno da Gadaña poesía” de Brais Pinto, a editora de raíz galega en Madrid. Tampouco o debe ser o feito de utilizar un título de ecos pessoanos nesta nova entrega, malia que a estética está moi lonxe do Lisbon revisited (1926) de Pessoa e o encabezamento só recolla a intención do autor de regresar a espazos do seu mundo persoal xa poetizados. De feito o propio Araguas ten dito estar moito máis próximo do Highway 61 Revisited de Bob Dylan, cantautor ao que entregou moitas horas de estudo e análise.

Ora ben, este diálogo non se limita a andar camiños trillados senón que ilumina aspectos aínda antes non tratados. De feito, a pesar das evidentes coincidencias son moitas tamén as diverxencias entre un e outro libro. Con todo, algún día debería acometerse a tarefa de xuntar os versos nun mesmo volume para decatármonos do fío argumental que os atravesa e que os une de maneira sólida, a trabe da lectura sen pausa dun e doutro título é abondo reveladora desta simbiose poética.

As sinerxias veñen dadas por unha estrutura semellante, así Xuvia presentaba un esclarecedor prólogo do poeta Pepe Cáccamo e Xuvia revisitada faino tamén da man da xornalista Verónica Palomares e se o primeiro falaba da “reiteración obsesiva dos espacios da terra da nenez e dos tempos desa mesma inocencia”, a segunda fala “dunha mirada que outorga unha nova existencia a todo o pasado” e subliña que “o poeta compón a xeografía minuciosa da memoria”. Se Xuvia viña en tres partes, Xuvia revisitada faino agora en catro: «Portazgo», «Empedrón», «Toeleira» e a máis longa «Ponte de Xuvia, ponte de Neda», mais con íntima ligazón entre elas.

Outros elementos comúns veñen dados pola presenza da casa, nomeadamente nos poemas «1941» ou «Agora que aínda poido sentirme pai do meu pai»; as trasnadas e os xogos infantís ou da mocidade en «Rapazolos do Empedrón revisitados» (título que lembra a «Os rapazolos do Empedrón» de Xuvia) ou «Un golpe de mazá»; tamén as lecturas desa idade, neste caso os cómics Novaro que alternan con outras de máis corpo, como a mención de Malachi “Buck” Mulligan, o personaxe do Ulysses de Joyce que aparece no significativo «Como ler a pequena Lulú en mañá de domingo»; novamente as tardes cinematográficas en «Discordia ou oferenda do cine Principal» ou nas referencias a películas daquel tempo en «Niza: Promenade» como as míticas Hatari (1962) de Howard Hawks ou o menos coñecido musical infantil Os cinco mil dedos do doutor T.; tamén as tardes no salón de baile, agora en «Chove no verán e alguén, sombra de sombra, volve correndo do Hispano-Argentino» e a reiteración doutras temáticas como a música, pois de novo aparece o jazz en «Con rosas a John Coltrane na Illa da Repunta», que xa se citaba no poema «A illa da Repunta entón arela» de Xuvia. Concomitancias hai entre «Ara Iovis» de 1983 e «Ara Iovis de novo», no que ademais explica a relación da expresión latina co topónimo actual da vila ferrolá ou entre «Río Xuvia» de 1983 e a presenza do río en moitos dos poemas de Xuvia revisitada.

E aínda é común a presenza da represión franquista, desta volta nos magníficos «28 de setembro de 1936» e «Esa nena», este último en prosa, que lembran aquel «Agachado (Verán do 36)» de Xuvia. Como tamén o é a presenza dun poema final, a xeito de despedida, o longuísimo «Tango (pra ser soterrado en Santa María de Neda» na entrega de 1983 e nesta do 2008 o brevísimo «Epitafio (na tomba que me agarda en Santa María de Neda» co que se lle dá cabo ao libro.

Porén, Xuvia revisitada amosa unha meirande maduración, mesmo estilística, pois agora o ritmo e a musicalidade de toda a poesía de Araguas enriquécese cunha maior presenza de combinacións de heptasílabos e hendecasílabos brancos, con poemas en alexandrinos de excelente factura como en «Quero ciar no tempo: bolboretas de negro», «Este sabor acedo, estas cousas lonxanas» e «Gira, il mondo gira», ou prosas poéticas como a que recrea a memoria da posguerra en «Outra volta de tornelo» e no citado «Chove no verán e alguén, sombra de sombra, volve correndo do Hispano-Argentino».

A ollada amororosa e erótica, que paira sobre todos os libros do autor, adquire agora novos matices máis propios da contemplación, a xeito dun voyeur podemos ler versos como os de «A cloudy summer afternoon» e «Variacións sobre dun tema de Herman’s Hermits cantado por Los Mustang», neste último e en «Derradeiro guateque» volvendo a facer poesía daquelas festas de baile, música e outros praceres prohibidos para a mocidade dunha época aínda gris.

Tamén a contemplación da propia Neda é máis melancólica, aínda estando no libro de 1983 agora as subidas ao Coto de Ancos levan máis saudade, como sucede en «Procuro subir as tardes ao Coto», «No periquito do Coto a tarde semella un tapiz tan de lavancos como as chalanas no Puntal» ou en «Burning Mountain», cuxa paixón xa se intúe na parodia do título da oscarizada película Brokeback Mountain.

E son outros os personaxes individuais que se convocan na nova entrega, versos que nos falan do quiosque onde “Beba pide –no claroescuro– / que, por favor, non falemos de cousiñas tristes”; do tenente Torres da parella da garda civil; das peixeiras (“E o seu cantar: levo xaaaarda, faneeeca, / hai sardiiiiñas, xureeeles); da fruteira Visita (nun poema tamén moi cantareiro e musical); da casa de Isabel e Pepa (dos Foiras) coa reprodución do cadro das Meninas, de Fina Foira e Luís Torres Foira (a quen vai dedicado o conxunto do libro); de Vicente Álvarez Castelo, o fillo de Arsenio e Antoñita; de seu irmán Eduardo a preguntar polas voadoras; de tío Xosé que veu con diapositivas de Italia nos anos cincuenta; da visión dupla de alcohol delirio do Isidro; do piano de Rosalía Álvarez ou das pinturas de Maruxiña Pardo, textos que teñen a súa cimeira no desacougante suicidio narrado en «Para unha cativa que se chimpou da ponte do tren cal un lóstrego en Neda». Recordos persoais que se mesturan coa cor sepia dunha postal na que se poden ollar os «Milicianos na ponte de Xuvia (1940)», unha magnífica peza de artesanato lírico onde o autor amosa a mestría na contención.

Poesía do cotián, da experiencia, mais poesía fermosa para un feliz acontecemento persoal, pois segundo se di no colofón: “Rematou a impresión deste libro o día 17 de xullo de 2008, data na que o concello de Neda, nomea ao autor Fillo Predilecto”, unha maneira de (re)compensar o que Vicente Araguas leva escrito sobre estas terras e non só na materia lírica, senón tamén nas súas dúas novelas Agora xa foi (2000) e A canción do verán (2001), mais sempre trascendendo desde os ámbitos local e persoal para o universal literario, como xa fixera James Joyce, ao que cita nestes versos.

MIRO VILLAR

Comentarios desactivados en Recensión de Xuvia revisitada (Esquío, 2008), de Vicente Araguas, publicada orixinalmente en Grial: 180 (2008)

Xuñ 05 2013

Darío Fo recita unha peza inédita escrita por Franca Rame no seu funeral laico

O pasado 27 de marzo, na conmemoración do Día Mundial do Teatro, reproducimos nesta anotación a mensaxe oficial deste ano que foi escrita por Darío Fo, dramaturgo italiano e Premio Nobel de Literatura en 1997. Daquela xa contei que era un autor que é da miña estima desde as afastadas datas de 1989 cando a compañía Talía teatro (Cee), daquela afeccionada ou amadora, puxera en escena Aquí non paga ninguén (Non si paga, non si paga!), na que colaborei nos aspectos técnicos cabo de Víctor, o irmán de Artur Trillo Sendón, co-protagonista como actor na obra e tamén na dirección do espectáculo.

Porén, nese momento, e non o debía esquecer, non comentei que a obra de Darío Fo non tería a mesma dimensión sen a súa compañeira Franca Rame que nos deixou hai poucos días. E a lectura das páxinas culturais do xornal italiano Il Post permitiume atopar o emotivo e extraordinario documento do video da RaiNews24 que reproduzo, no que Darío Fo chora a súa amada e compañeira coa interpretación dun monólogo dela. A gravación, de trece espléndidos minutos, leva o seguinte pé, que non traduzo, porque é doado de entender:

Al funerale laico di Franca Rame, Dario Fo recita un racconto inedito scritto dalla moglie

«Dario Fo, durante i funerali laici di Franca Rame che si sono tenuti al Teatro Strehler di Milano, ha recitato un racconto inedito scritto dalla moglie. “C’è in particolare un lavoro o meglio, un monologo, che Franca ha recitato solo qualche volta quest’anno, e di cui bisogna che io vi parli perchè è fortemente pertinente alla situazione a dir poco drammatica che io sto in questi giorni vivendo con mio figlio e con la mia gente”, ha detto il premio Nobel».

Tamén a páxina web do dramaturgo recolle o video e un agradecemento polas mostras de pesar. E desde anotación tamén vai a nosa. Que a terra che sexa leve, Franca Rame!

Grazie a tutti

Abbiamo ricevuto centinaia di telegrammi, sms, messaggi su blog e Fb… veramente tanti.
E tante sciarpe, vesti e rose rosse, tante canzoni, tante lacrime ma anche tanti sorrisi che ci hanno accompagnato in questi giorni. E’ stato molto emozionante, come tutto nella vita di Franca.
Vogliamo ricordarvi uno a uno, e lo faremo presto. Per ora un grazie enorme, un abbraccio a tutti.
GRAZIE!

Dario, Jacopo, Eleonora, Mattea e Jaele.

Comentarios desactivados en Darío Fo recita unha peza inédita escrita por Franca Rame no seu funeral laico

Xuñ 02 2013

Salvador García-Bodaño, a nosa «Voz de liberdade» (2013)

Published by under Premios

Salvador García-Bodaño, ao que parabenizamos, é o autor galardoado na sexta edición do premio «Voz de liberdade» (2013) que outorga de maneira bienal o Centro PEN de Galicia, que preside o poeta Luís González Tosar. Hónrame facer parte do xurado que llo outorgou na tarde do pasado xoves na sé da entidade no último andar da Casa da Parra, cabo de Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva, sendo o presidente Luís G. Tosar e o secretario Xabier Castro Martínez.

Trátase da sexta edición e en anteriores convocatorias «Voz de liberdade» premiou os seguintes autores/as:

I Edición (2003): Bernardino Graña.

II Edición (2005): Úrsula Heinze.

III Edición (2007): Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo.

IV Edición (2009): Marcos Valcárcel.

V Edición (2011): María Xosé Queizán.

A nova foi recollida por Fran P. Lorenzo en El Correo Gallego e por Camilo Franco en La Voz de Galicia, do que reproduzo deseguida o texto, que inclúe as primeiras palabras do galardoado.

O premio Voz da Liberdade do Centro Pen Galicia recoñece as traxectorias de escritores galegos que destacan pola súa defensa da liberdade de expresión. O premio recoñeceu nesta ocasión a obra xornalística do poeta e académico Salvador García Bodaño, quen asegurou onte ao coñecer o premio que lle causaba especial satisfacción xusto por «recoñecer un traballo meu nos medios de comunicación que non sempre é tido en conta».

Este premio ten carácter bianual e, nesta ocasión, contou no seu xurado con Miro Villar, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva, sendo o presidente Luís González Tosar e o secretario Xabier Castro Martínez. O xurado, que concedeu o premio por unanimidade, salientou o «compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país».

Bodaño sinalou que a crítica e «a liberdade de expresión contribúen a mellorar a sociedade». «Agora non se pode «falar daquela censura do franquismo, pero sei que algunhas empresas xornalísticas establecen determinadas limitacións», apuntou o premiado. Para o escritor «co silencio mortal non se vai a ningunha parte» argumentando que a liberdade de expresión é a demostración «do espírito do noso tempo».

Comentarios desactivados en Salvador García-Bodaño, a nosa «Voz de liberdade» (2013)

Xuñ 01 2013

Galiza non é unha mina! Manifestación nacional contra a minaría salvaxe (Compostela, 2 de xuño, 12 h.)

Published by under Manifestos



(Convocatoria da manifestación e debuxo de Luís Davila “O Bichero”. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

ContraMINAcción (Rede contra a minaría destrutiva na Galiza) convoca unha manifestación nacional mañá, domingo 2 de xuño, para frear a minaría salvaxe promovida pola Xunta, que partirá ás 12:00 horas da Alameda.

Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas dunhas poucas empresas.

Velaquí nesta ligazón moitas razón para nos manifestar. E alí habemos andar!

Comentarios desactivados en Galiza non é unha mina! Manifestación nacional contra a minaría salvaxe (Compostela, 2 de xuño, 12 h.)