Archive for Abril, 2013

Abr 30 2013

1º de maio: «La desmemoria/4» de Eduardo Galeano e dous affiches de Jules Grandjouan


(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Celebro o 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, nesta bitácora coa publicación de dous gravados (affiches) creados para a xornada de 1906 e 1907 por un dos precursores do cartelismo político, o anarquista Jules Grandjouan, cuxos contidos son aínda de plena vixencia a día de hoxe.

E reproduzo tamén o relato «La desmemoria/4» de Eduardo Galeano, tirado do seu marabilloso El libro de los abrazos (Editorial Siglo XXI), que se basea nos acontecementos de Haymarket (Chicago) en 1886, que o movemento obreiro converteu nun dos seus alicerces.

La desmemoria/4

El libro de los abrazos

Eduardo Galeano

Chicago está llena de fábricas. Hay fábricas hasta en pleno centro de la ciudad, en torno al edificio más alto del mundo. Chicago está llena de fábricas, Chicago está llena de obreros.

Al llegar al barrio de Haymarket, pido a mis amigos que me muestren el lugar donde fueron ahorcados, en 1886, aquellos obreros que el mundo entero saluda cada primero de mayo.

-Ha de ser por aquí-, me dicen. Pero nadie sabe.

Ninguna estatua se ha erigido en me moria de los mártires de Chicago en la ciudad de Chicago. Ni estatua, ni monolito, ni placa de bronce, ni nada.

El primero de mayo es el único día verdaderamente universal de la humanidad entera, el único día donde coinciden todas las historias y todas las geografías, todas las lenguas y las religiones y las culturas del mundo; pero en los Estados Unidos, el primero de mayo es un día cualquiera. Ese día, la gente trabaja normalmente, y nadie, o casi nadie, recuerda que los derechos de la clase obrera no han brotado de la oreja de una cabra, ni de la mano de Dios o del amo.

Tras la inútil exploración de Haymarket, mis amigos me llevan a conocer la mejor librería de la ciudad. Y allí, por pura casualidad, descubro un viejo cartel que está como esperándome, metido entre muchos otros carteles de cine y música rock.

El cartel reproduce un proverbio del África: Hasta que los leones tengan sus propios historiadores, las historias de cacería seguirán glorificando al cazador.

Comentarios desactivados en 1º de maio: «La desmemoria/4» de Eduardo Galeano e dous affiches de Jules Grandjouan

Abr 30 2013

Fin de semana de encontros literarios coa rapazada en Pontevedra e en Valga



(Dúas fotografías da contada no Auditorio Municipal de Cordeiro-Valga. Fonte: Beatriz Fernández Cajaraville, bibliotecaria. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

As tardes do venres, 26, na Biblioteca Nodal de Pontevedra, e do domingo, 29, no Auditorio Municipal de Cordeiro-Valga, acudín a senllas actividades de animación á lectura dentro do programa «Ler conta moito» artellado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Nun espazo dentro da propia Biblioteca Nodal de Pontevedra máis de trinta nenas e nenos asistiron á narración oral e lectura comentada con proxeccións dos debuxos de tres contos rimados da miña autoría: Rebelión na charca, narrado a través das ilustracións de Ana Santiso, unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e o abuso de poder; Carlota e a gaivota patiamarela, a través das ilustracións de Enjamio, sobre a solidariedade nunha catástrofe provocada por unha marea negra e, finalmente, A cobiza do verme Noel, a través das ilustracións realizadas por Marta Álvarez Miguéns, sobre a maldade de atesourar todo sen partillar nada cos demais.

A bibliotecaria Carmen Mata Cid, alén de me presentar, lembroulles que todos tres estaban no catálogo da Biblioteca Nodal de Pontevedra e, de feito, ao remate algún dos cativos levou os libros para ler na súa casa.

A tarde dominical no impoñente Auditorio Municipal de Cordeiro-Valga, que me obrigou a esforzar moito a voz até case enrouquecer, xuntáronse perto de vinte rapazas e rapaces, acompañados dos seus maiores. Na sesión tamén se narraron os mesmos tres devanditos contos, despois da breve presentación da bibliotecaria Beatriz Fernández Cajaraville, a quen lle agradezo que me fixese chegar as fotografías que ilustran esta anotación. Non todos quixeron subir ao escenario nin participaren das historias, mais houbo nenas e nenos ben espilidos que seguiron os argumentos e deron resposta atinada a todas as miñas preguntas.

E mentres haxa lectoras e lectores de pequena idade que consigan fuxir por un momento dos xogos en dispositivos móbiles e queiran ler en calquera formato, sempre haberá esperanza para a nosa cultura e a nosa lingua. Acredito, teño fe niso!

Comentarios desactivados en Fin de semana de encontros literarios coa rapazada en Pontevedra e en Valga

Abr 30 2013

Breizh no blogue O Karrapucho de Héitor Picallo Fuentes

Published by under Poesía,Recensións


(Abaixo reprodución da portada do libro e aquí o meu retrato, da autoría de Héitor Picallo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O activista cultural, escritor e ilustrador, e aínda amigo Héitor Picallo realizou unha breve anotación na súa bitácora O Karrapucho sobre o poemario Breizh (Toxosoutos, 2012), para o que fixo una magnífica cuberta. Velaquí as súas palabras que se poden ler tamén nesta ligazón.

“As vellas fiestras
queren baixar á rúa,
cruzar a ponte”.

Dende o prelo de Toxosoutos (2012) tamén saen os haikus de Miro Villar (Cee 1965), ese poeta da bisbarra de Fisterra que encrista as augas atlánticas cando ergue o verso ou o discurso. Na colección Nume intégrase este Breizh, que achega un gorentoso limiar do prolingüista Xosé María Lema Suárez (Vimianzo 1950). Membro do Batallón Literario da Costa da Morte, Miro é un deses grandes mestres -ou vates- do verso contemporáneo galego, semellante un grande miniaturista do medievo, onde o traballo e a precisión poden rabuñar o feito perfecto.

Escritor en galego, as súas composicións poéticas foron traducidas a unha manchea de linguaxes: português, castelán, italiano, francés, inglés, alemán, ruso, albanés e serbo-croata.

“Golpes de mar
erosionan a lingua,
nas gorxas mor“.

Velaquí a portada que realicei desta obra, onde entre as brétemas do pasado e das tradicións vetustas enxergan unha figura entrelazada -tal se fixesen con vimbios- de aspecto celta, navegando sobre as ondas da bandeira da Bretaña (de Breizh).

Comentarios desactivados en Breizh no blogue O Karrapucho de Héitor Picallo Fuentes

Abr 29 2013

Breizh no «Taboleiro do libro galego» (VIII)

Published by under Poesía


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Confírmase a crise fonda na edición poética da que se falou nunha anterior anotación, pois outra volta case non se producen novidades significativas na listaxe dos libros de poesía máis vendidos. Así, malia entrar un novo título, repítense máis unha vez os outros dous na oitava entrega do «Taboleiro do libro galego» (VIII) que o profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura.

Desta volta Breizh (Toxosoutos, 2012) ocupa a segunda posición na quincena que vai do 14 ao 27 de abril, con datos fornecidos por 16 librarías galegas moi significativas, cuxos logos acompañan a anotación de Ramón Nicolás (ao que parabenizamos polo premio Losada Diéguez acadado pola súa monumental biografía Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro).

O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última quincena e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO, BANDA DESEÑADA e tamén LECER E OUTROS.

A listaxe de poesía está encabezada pola edición que o poeta Anxo Angueira fai do poemario Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Deseguida aparece o meu Breizh (Toxosoutos, 2012) e logo o último libro de Xosé Daniel Costas Currás.

1º-. Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, edición de Anxo Angueira, Xerais.

2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.

3º-. monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, Pen Club.

Comentarios desactivados en Breizh no «Taboleiro do libro galego» (VIII)

Abr 25 2013

QUE SE LIXE A TROIKA: «Grândola, Vila Morena» no Terreiro do Paço

O Povo Português canta «Grândola Vila Morena», do José «Zeca» Afonso, que foi fulcral no 25 de Abril, durante a manifestação de 2 de Março 2013.

Segue a me poñer a pel de galiña a escoita deste video coa voz do Povo Português!

Comentarios desactivados en QUE SE LIXE A TROIKA: «Grândola, Vila Morena» no Terreiro do Paço

Abr 24 2013

Memoria Literaria (VI): Aqueles -marabillosos- anos con Fran Alonso

(Fran Alonso e eu propio. Recital poético en Tui, 1990. Arquivo persoal de Fran)

Continúa o crítico e profesor Armando Requeixo coa súa foleana sección de entrevistas denominada «Parlamento das Letras», inserida dentro do seu blogue Criticalia e onde a miña obra tamén foi protagonista, como xa se contou nesta anotación.

A última entrega da serie é unha conversa con Fran Alonso, coma sempre acompañada de reproducións das portadas dalgúns dos seus libros e de fotografías do autor. A totalidade da entrevista pódese ler nesta ligazón, porén reproduzo deseguida unha das respostas, pois nela que Fran Alonso fala dos seus inicios na literatura e dos anos nos que cadrou coñecérmonos, así como daquel proxecto común, as Edicións do Dragón, que partillamos con Paco Souto e mesmo protagonizamos como autores, con poemas nosos, o segundo cartafol, intitulado A rota dos baleeiros, e os poemas manuscritos ían acompañados da reproducións de fotografías dos estouridos do Cason, embarcación embarrancada meses antes nas costas de Fisterra.

Velaquí a resposta:

Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Os meus primeiros textos publicáronse en revistas culturais ou fanzines. A partir de 1985 publiquei poemas en revistas como As follas de Sísifo (que editaba o Café Uf en Vigo) ou Congostra (1988), que editou a Asociación Cultural Zeca Afonso. En As follas de Sísifo incluíse por primeira vez un texto meu cando gañei o terceiro premio Sísifo de Poesía, que convocaba o propio café (que eu saiba, o único que sobrevive daquela época no Vigo de hoxe); ao ano seguinte gañei o segundo. O longo poema que dei á luz en 1985 pertencía a un libro inédito que, afortunadamente, nunca se chegou a publicar, pois era un libro de aprendizaxe.

Daquela, Xosé Ballesteros, Celia Durán, Xela Arias e mais eu, e algunha outra persoa que non lembro, formamos un grupo en Vigo para escribir unha novela colectiva, pero ao final o proxecto quedou atrancado. Eu chegara a escribir un capítulo. Tamén naqueles anos (1987) algúns estudantes organizámonos arredor dun recital poético na Casa da Cultura de Vigo, recital que xa ten relatado Marta Dacosta. Logo, en Compostela, publiquei e colaborei na revista Ólisbos, que se facía na Facultade de Filoloxía, con narrativa e poesía, e participei en diversos recitais que me conduciron á carpeta poética de carácter colectivo Ao mar de adentro e ás Edicións do Dragón, que levabamos Paco Souto, Miro Villar e mais eu (aínda que Paco Souto foi con diferenza a alma mater do proxecto e a persoa que máis creu e traballou a favor del). No 89 un poema meu tamén resultou premiado no concurso O Facho e editouse nun volume recompilatorio (1978-1989 ) de Ediciós do Castro.

Os meus primeiros artigos e reportaxes publiqueinos grazas ao interese do desaparecido xornalista Segundo Mariño, que dirixía Radiocadena Española cando eu realizaba os meus primeiros malabarismos literarios.

Máis tarde, chegou o meu primeiro libro individual, que foi a novela Tráiler, publicada en 1991 ao gañar o Premio Blanco Amor, cando eu xa pertencía á redacción do Diario 16 de Galicia. Como escritor, deime a coñecer na década dos 90.

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (VI): Aqueles -marabillosos- anos con Fran Alonso

Abr 24 2013

Exposición de cartografía «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego


Onte, 23 de abril, Día do Libro, despois de cumprirmos co ritual de mercar alomenos un libro (algo para o que non necesito efemérides, pois adoito facer varias mercas no mes, desta volta tocoulle á novidade da novela Faneca brava, Xerais, de Manuel Portas), ás 19.30 horas estivemos na inauguración da mostra «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego.

Trátase dunha ampla selección da colección de mapas de Clodio González Pérez, mestre e etnógrafo, que ten como finalidade facer un percorrido pola historia da representación do territorio de Galicia, de maneira autónoma, na cartografía oficial. A mostra retrotráese ao mapa de Fernando de Ojea, Descripcion del Reyno de Galizia, que aparecera publicado no atlas Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelius a partir da edición de 1603.

E resulta, a todas luces, un exercicio de historia altamente recomendable, grazas tamén ao eficiente traballo do antropólogo muxián Manuel Vilar. As explicacións do propio Clodio González Pérez tamén nos acompañaron no noso percorrido visual por unha mostra que estará aberta até o próximo 26 de maio.

Velaquí o texto de presentación tirado da páxina web do Museo do Pobo Galego.

Exposicións
Galicia nos mapas antigos
23/04/2013 – 26/05/2013

Todos sabemos que un mapa é unha representación a escala dunha superficie terrestre que posibilita unha lectura global, e desde unha dimensión humana, do conxunto dos elementos que configuran ese territorio. O mapa convértese así nun gran colector de información e un elemento necesario na vida humana, tanto para os cidadáns, que podemos utilizalos cando queremos desprazarnos ou localizar algún lugar, como para a administración pública, que os precisa para unha mellor planificación e xestión do territorio, desde a creación de novas infraestruturas ata a conservación das mesmas, pasando pola ordenación do territorio ou fomento do turismo.

Mais a realización dos mapas foi cambiando xunto á evolución das técnicas de reprodución e o progreso social. Pasaron de ser unha arma secreta do poder, que permitía un mellor control dun territorio, a ser un elemento de información preciso para a cidadanía, un elemento cunha dimensión sociopolítica.

Pero os mapas deixan de ter a utilidade práctica para a que foron concibidos. Entón, podémolos contemplar atendendo aos intereses de cada quen, mais sempre nos atraerán pola súa imaxe visual, pola información que nos dan do pasado, pero tamén porque son unha expresión do sentimento de orgullo local.

O Museo do Pobo Galego garda nos seus fondos unha interesante colección de mapas antigos. Nesta exposición mostramos os mapas que de Galicia, como unidade diferenciada, pertencentes á colección de Clodio González Pérez, mestre, etnógrafo e patrón do Museo do Pobo Galego.

A exposición pretende facer un repaso pola historia da cartografía para ver como se vai representando Galicia e a evolución desta representación ata os comezos da cartografía oficial.

Abre a mostra o mapa de Fernando Ojea, Descripcion del Reyno de Galizia, que aparece publicado no atlas Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelius a partir da edición de 1603. É o primeiro no que aparece Galicia como espazo particular de representación, fixando unha imaxe da mesma. Ata entón só a costa galega fora representada nas cartas náuticas, como nas de Lucas Jansz Waghenaer.

Deste mapa fanse posteriormente varias edicións nas que se vai retocando o perfil da liña de costa, corríxese o percorrido do río Miño ou queda trazado o límite oriental de Galicia no río Navia. Na exposición pódense ver distintas edicións.

O percorrido continúa coa cartografía do italiano Giacomo Cantèlli da Vignola ou de Tomás López, entre outros, para rematar cos inicios da cartografía oficial e pasando tamén polos mapas que representan as vías de comunicación, desde os vellos camiños reais ata proxectos non realizados de vías férreas, ou mapas de estradas, algúns utilizados tamén como soportes de propaganda turística.

Comentarios desactivados en Exposición de cartografía «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego

Abr 23 2013

Poemas (LVIII): «Regresar», de Emily Dickinson

¡Qué bueno regresar a mis libros!
-término de los fatigados días-
Casi compensa la abstinencia,
y el dolor se olvida con el placer

Como aromas que confortan a los invitados
en el banquete, mientras esperan,
esta fragancia aligera el tiempo hasta que llego
a mi pequeña biblioteca.

Puede haber desolación afuera,
lejanos pasos de hombres que padecen,
pero la fiesta suprime la noche
y hay campanas, interiormente.

Doy las gracias a estos Parientes del Estante.
Sus caras apergaminadas
nos enamoran mientras esperamos,
y nos satisfacen al alcanzarlas.

EMILY DICKINSON

Trad.: Enrique Goicolea

El viento comenzó a mecer la hierba, Nórdica Libros, 2012

ou Poesía Completa, Amargord Ediciones, 2012.

Comentarios desactivados en Poemas (LVIII): «Regresar», de Emily Dickinson

Abr 23 2013

Novelas de aventuras (As crebas, 2011)

A metaliteratura, a presenza dos libros como obxectos, é un dos motivos recorrentes nos meus versos desde o meu primeiro libro (Ausencias pretéritas, Espiral Maior, 1992). Hoxe, Día do Libro (tamén denominado Día Internacional do Libro ou Día Mundial do libro), recupero este texto publicado no poemario As crebas (Espiral Maior, 2011) e que fala de non concibir a existencia sen libros. Está inspirado no libro Las mujeres, que leen, son peligrosas (Maeva, 2006) do alemán Stefan Bollmann, con limiar de Esther Tusquets, e tamén nas novelas de aventuras que me converteron de por vida en lletraferit (fermoso termo do catalán).

Novelas de aventuras

As mulleres, que len, son perigosas, seica, e ti xa non concibes a existencia sen libros desde aquela nenez feliz na biblioteca cando a balea branca Moby Dick era un soño do capitán Akhab e ti tamén soñabas con chamarte Ismael na cuberta do Pequod.

Ou Huckleberry Finn, Tom Sawyer, Sandokán, Kim, Miguel Strogoff, Marco Polo, Lord Jim, novelas de aventuras con mulleres caladas, con ou sen amor, presas do dedal e da agulla.

As mulleres, que len, foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos.

Comentarios desactivados en Novelas de aventuras (As crebas, 2011)

Abr 22 2013

Chamamento da Asociación Galega de Editores a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia

Published by under Manifestos


(Debuxo de David Pintor)

E tamén concordamos con este Chamamento da Asociación Galega de Editores a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia.

Ás portas da celebración do 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a Asociación Galega de Editores fai un chamamento á cidadanía galega e aos poderes públicos para poñer en valor o libro e a lectura como canles primeiras de acceso ao coñecemento e ao gozo da creación literaria. Razóns polas que

RECLAMAMOS

1. O recoñecemento efectivo do sector do libro como sector da industria cultural de carácter estratéxico e prioritario para Galicia.
Segundo se recolle no Preámbulo e no artigo 2 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.

2. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías.
Desenvolvendo o establecido no artigo 11 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.

3. A creación do bono cultura por parte da Xunta de Galicia.
Instrumento de incentivación e apoio ao consumo cultural e á dinamización das canles de comercialización de produtos culturais.

4. A ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública. en colaboración
Desenvolvendo o establecido no artigo 22 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.

5. Apoio ao desenvolvemento da rede de bibliotecas escolares e de aula en todos os centros educativos non universitarios.
Desenvolvendo o establecido nos artigos 13, 16.3 da Lei 17/2006 do libro e da lectura.

6. Apoio á promoción e fomento da creación de bibliotecas familiares.
Desenvolvendo o establecido no artigo 24 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.

7. A adquisición de todas as novidades editoriais en lingua galega destinadas ás 465 bibliotecas públicas de Galicia.
Desenvolvendo o establecido nos artigos 7 e 16.3 da Lei 17/2006 do libro e da lectura

8. A posta en marcha dun plan de fomento da lectura, con especial atención a súa presenza en televisión, internet e nas redes sociais.
Desenvolvendo o establecido no artigo 4 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.

9. A posta en marcha dun plan cuatrienal de tradución para o galego.
Desenvolvendo o establecido no artigo 6 da da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.

10. A creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo.
Entidade encaragada da difusión das axudas á tradución de obras publicadas en galego a outras linguas, de organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e da información web sobre o libro e a literatura galega.

Galicia 23 de abril de 2013

Comentarios desactivados en Chamamento da Asociación Galega de Editores a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia

Next »