Archive for Marzo, 2013

Mar 27 2013

Mensaxe de Darío Fo no Día Mundial do Teatro

Published by under Manifestos,Teatro

Hoxe, 27 de marzo, é o Día Mundial do Teatro. A mensaxe oficial deste ano foi escrita por Darío Fo, dramaturgo italiano e Premio Nobel de Literatura en 1997. Autor que é da miña estima desde as afastadas datas de 1989 cando a compañía Talía teatro (Cee), daquela afeccionada ou amadora, puxera en escena Aquí non paga ninguén (Non si paga, non si paga!), na que colaborei nos aspectos técnicos cabo de Víctor, o irmán de Artur Trillo Sendón, co-protagonista como actor na obra e tamén na dirección do espectáculo.

Porén na páxina da organización mundial pódese ler a mensaxe de Darío Fo en ducias de linguas, entre elas catalán, eúscaro, español, português, mais non en galego!!!

Grazas á redifusión que fixo desde a súa conta de twitter @redenasa soubemos que viña de ser publicada a versión da mensaxe de Darío Fo en galego, realizada pola Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia (do seu director Roberto Pascual talvez?), quen engade unha breve anotación previa para sinalar o esquecemento por parte da nosa administración cultural. Velaquí:

A MIT (Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia) ofrécevos, en exclusiva, a Mensaxe do Día Mundial do Teatro de 2013 na nosa lingua galega. Ante a inacción, a parálise, a desidia das nosas institucións públicas, que, ademais de nos atrasar débedas económicas e de estrangular ao sector, non cumpren cos seus mínimos deberes de xestión e divulgación cultural, velaquí unha mensaxe incómoda e ilumin…adora de Darío Fo. Quizais por iso o silencio, o pausado desmantelamento…

Instituto Internacional do Teatro ITI

Organización Mundial para as Artes Escénicas

Día Mundial do Teatro 2013

Mensaxe de Darío Fo

Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país.

Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.

Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.

Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.

Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell’Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.

Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos ‘nenos milaneses’, establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: “Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos. Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro!

Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables.”

Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación.

Darío Fo

A versión ao português, que se pode ler nesta ligazón, en Tradução de Margarida Saraiva, da Escola Superior de Teatro e Cinema, vai acompañada desta sucinta Biografia do autor:

Dario Fo nasceu a 24 de março de 1926. É um cómico italiano, autor, encenador, ator, compositor, e prémio Nobel da Literatura em 1997. O seu trabalho de dramaturgia utiliza os processos cómicos da ancestral Commedia dell’Arte italiana, um estilo teatral popular próximo das classes operárias. O trabalho de Fo carateriza-se pela crítica ao crime organizado, à corrupção na política, aos assassinatos políticos, à doutrina da igreja católica e aos conflitos no Médio Oriente. A primeira experiencia teatral de Fo foi a sua colaboração nas revistas satíricas de pequenos cabarets e teatros. Com a sua esposa, a atriz Franca Rame, fundam a Companhia Dario Fo-Franca Rame, em 1959, e os seus sketchs humorísticos, no programa televisivo «Canzonissima», rapidamente os levam a criar figuras públicas que se tornarammuito populares. Desenvolvem um teatro de intervenção política, muitas vezes blasfemo e escatológico, mas ancorado na tradição da Commedia dell’Arte mesclada com aquilo a que Fo chama de “esquerdismo não-oficial”.

Em 1968, Fo e Rame fundaram uma outra Companhia, Nuova Scena, com ligação ao Partido Comunista Italiano e em 1970 criaram o Colletivo Teatrale La Commune, e iniciando tournées nas fábricas, nos parques e nas escolas.

Fo escreveu cerca de 70 peças, por vezes em co-autoria com Rame. De entre as peças mais conhecidas, podemos citar: Morte Acidental de um Anarquista, 1974; Não Se Paga, Não Se Paga, 1974. A sua obra como autor é bastante vasta. Fo ficou conhecido por obras como Mistero Buffo, 1973, baseada em peças de mistério medieval mas cujas temáticas são alteradas consoante o público. Dos seus trabalhos, certamente escritos com Rame, destacam-se ainda: Tutta Casa, Bed and Church, tradução inglesa: Adult Orgasm Escapes from the Zoo, 1978; Clacson, Trombette e Pernacchi, 1981; Female Parts, 1981; Copia Apperta, 1983; L’uomo nudo e l’uomo in frak, 1985; e Il Papa e la Strega, 1989.

Estas peças, em particular Mistero Buffo, foram traduzidas em 30 línguas e, quando produzidas fora de Itália, foram modificadas por refletirem sobre os problemas, políticos e outros locais. Fo encoraja os encenadores e tradutores a modificarem as suas peças como entenderem, desde que ele considere que a adaptação não se afasta da tradição da Commedia dell’Arte e da improvisação.

Na entrega do Prémio Nobel, em 1997, o comité apresentou Fo como um autor “que imita os cómicos da Idade Média flagelando as autoridades e conservando a dignidade dos oprimidos”.

Comentarios desactivados en Mensaxe de Darío Fo no Día Mundial do Teatro

Mar 24 2013

Galician Books for Children and Young Adults 2013

Published by under Contos,Infantil,Poesía


(Recensión a Patente de corso. Pequeno dicionario pirata de meu irmán Rafa Vilar no Galician Books for Children and Young Adults 2013. Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Esta semana foi presentado o catálogo trilingüe Galician Books for Children and Young Adults 2013, editado por GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) co subsidio da Consellaría de Cultura.

Este catálogo, de elaboración anual, ten vocación de ser un escaparate mundial das publicacións infantís e xuvenís en galego. E tal e como sucedía na anterior edición, da que falamos aquí, as autoras e autores da Costa da Morte teñen moita presenza, o que demostra que continuamos a ser unha potencia en literatura infantil.

Entre as obras que recolle o catálogo (pódese ler completo nesta ligazón) temos:

Acuario (Edicións Embora), de María Canosa (Cee, 1978)

Xiana, a nena pirata (Everest Galicia), de María Canosa (Cee, 1978)

Patente de corso. Pequeno dicionario pirata (Edicións Embora), de Rafa Vilar (Cee, 1968)

Catuxa quere saber (Everest Galicia), de Concha Blanco (Lires-Cee, 1950)

Misterio resolto (Everest Galicia), de Concha Blanco (Lires-Cee, 1950)

E tamén unha autora fondamente vencellada a Toba-Cee, malia ser madrileña de berce:

A vaca caníbal (Galaxia), de Marilar Aleixandre (Madrid, 1947)

E por último o ilustrador Rubén Prieto Tomé (Cee, 1985) http://rubenson.eu/ autor dos debuxos en:

Carta urxente para Máximo Toxo (Galaxia), do moañés Diego Rey Núnez, que é actor na compañía ceense Talía teatro.

Comentarios desactivados en Galician Books for Children and Young Adults 2013

Mar 21 2013

No Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, no prelo o volume Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega




No Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, declarado pola UNESCO, éme grato anunciarvos que xa está no prelo o volume intitulado Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega, edición e coordinación de Francisco X. Fernández Naval e eu propio, con fotografías de Maribel Longueira, e que vai publicar a editorial noiesa Toxosoutos.

O proxecto para editarmos esta antoloxía de poemas éditos e inéditos en apoio da declaración do Monte Pindo como Parque Natural, do que xa falamos nesta bitácora aquí e acolá, puido facerse realidade porque a activa e dinámica asociación Monte Pindo Parque Natural decidiu promover na rede (através da plataforma Goteo.org) unha iniciativa de “crowdfunding” (termo que se podería traducir por financiamento colaborativo ou colectivo), isto viría sendo unha suscrición popular. A recadación acadou os mínimos previstos e iso posibilitou a edición.

Para abrirmos boca (de apetito literario) reproducimos as páxinas do Índice onde se poden ler os nomes das e dos poetas que fan parte do libro, así como os epígrafes dos textos que achegan.

Ha ser unha boa lectura poética para esta primavera que estamos a principiar. Saúde e Poesía!

Comentarios desactivados en No Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, no prelo o volume Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega

Mar 19 2013

Recensión do poemario Breizh no Diario Cultural da Radio Galega

Published by under Poesía,Radio,Recensións

Recupero o programa do Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe a poeta Ana Romaní, emitido o pasado martes 5 de marzo do 2013, onde o meu poemario Breizh (Toxosutos, 2012) foi obxecto da recensión da crítica e profesora María Xesús Nogueira (na foto).

Velaquí a ligazón:
http://www.crtvg.es/rg/a-carta/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-05-03-2013-543697

Ou o podcast do programa:

Breizh(5-03-2013)

Facendo uso da «radio á carta» tamén se pode escoitar aquí o programa através da rede, que eu non tivera ocasión no seu momento, coas palabras exactas sobre os poemas da miña autoría. A recensión vai, máis ou menos, do minuto 34:10 ao 41:30, e Chus Nogueira fala do haiku en xeral e do meu libro en particular en conversa coa directora do programa, Ana Romaní, e coa redactora Xiana Arias, ambas e dúas tamén poetas.

Así a todo, recomendo a escoita completa do programa, pois entre os seus interesantes e variados temas tamén se fala da publicación da obra poética de Ramón Otero Pedrayo, Xeórxicas do pan (Galaxia, 2013).

Comentarios desactivados en Recensión do poemario Breizh no Diario Cultural da Radio Galega

Mar 17 2013

Breizh no «Taboleiro do libro galego» (V)

Published by under Poesía

(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Hai quen afirma (mesmo algún editor) que as presentacións de libros a día de hoxe non teñen rendibilidade, opinión que non comparto en absoluto e que vén a confirmar o feito de que o meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012), logo da presentación na libraría Á lus do candil (Arteixo) volve a estar na cimeira na quinta entrega do «Taboleiro do libro galego» (V) que o profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura. Desta volta abrangue a quincena que vai do 1 ao 15 de marzo, con datos fornecidos por 15 librarías galegas moi significativas.

O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO e BANDA DESEÑADA.

A carón de Breizh (Toxosoutos, 2012), desta volta por detrás veñen o poemario erótico de Elvira Riveiro Tobío e a edición ilustrada de Cantares Gallegos, o libro de Rosalía de Castro do que se conmemora o 150 aniversaio. Completan a listaxe un poetas novo: Xosé Daniel Costas Currás, e un libro de poesía infanto-xuvenil sobre Celso Emilio Ferreiro, que asinan Xosé Lastra Muruais, Xiana Lastra Pernas e a ilustradora María Manuela Díaz Orjales. Beizóns!

1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.

2º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, Caldeirón.

3º-. Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, El Patito Editorial.

4º-. monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, Pen Club.

5º-. O meu primeiro Celso Emilio, X. Lastra e outros, Edicións Xerais.

Comentarios desactivados en Breizh no «Taboleiro do libro galego» (V)

Mar 14 2013

Sorteo de dous exemplares asinados do relato O nariz de Fiz para o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Published by under Infantil,Narrativa


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O día 2 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). A mensaxe deste ano é un poema de Pat Mora, versionado ao galego pola nosa amiga e veciña Concha Blanco (Cee, 1950) na páxina da OEPLI.

A mellor celebración é a lectura, polo que máis unha vez vou realizar outro sorteo de libros. O primeiro foi no nadal para celebrarmos que esta bitácora chegara até as 555 anotacións desde que naceu (xuño do 2011). Daquela entraron no sorteo de dous exemplares asinados do libro infantil Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012), ilustrado por Ana Santiso, as respostas a unha pregunta que eu cría sinxela e que só obtivo seis acertos, como xa se contou aquí.

Como promoción da lectura na nosa lingua e contra a crise (que o é tamén do libro), nesta ocasión vou realizar un sorteo de dous exemplares asinados da miña novela infanto-xuvenil O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008), que recibiu o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, convocado anualmente pola Deputación de Ourense, e que na súa publicación ilustrou a alacantina Lola Lorente. A pregunta vai ser aínda máis sinxela. Velaí:

BASES

O sorteo é internacional. Poderán participar persoas de todo o mundo que teñan interese pola literatura en lingua galega.

Pregunta

Para participar cómpre dar axeitada resposta á seguinte pregunta:
Fiz ten un can rabelo. Que vén sendo isto?
a) un can que ten un rabo longo e con moito pelo.
b) un can que ten a rabia e pode ser rabudo.
c) un can que non ten rabo ou o ten moi pequeno.
d) un can que move moito o seu rabo.
e) un can que toca un instrumento chamado rabel.

Resposta

As respostas deben enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.blogaliza.org, nun chío coa palabra-chave ou hashtag #cadelorabelo ou unha mensaxe directa dirixidos á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.

Premios

Dous exemplares de O nariz de Fiz sorteados entre todas as respostas que atinen. Cada exemplar levará a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale.

Prazo

Desde hoxe mesmo até as 23:59 do primeiro de abril do 2013, véspera do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Boa sorte!

Comentarios desactivados en Sorteo de dous exemplares asinados do relato O nariz de Fiz para o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Mar 14 2013

«Superposición de filtros», recensión de Antía Marante Arias a Breizh no portal culturagalega.org

Published by under Poesía,Recensións


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Antía Marante Arias asina unha nova recensión do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos, 2012) no suplemento Lg3 do portal culturagalega.org, que deseguida reproducimos e que tamén se pode ler en orixinal nesta ligazón.

Alén diso, podes achegarte ao libro nesta outra recensión asinada polo crítico e profesor Ramón Nicolás, publicada na súa bitácora cadernodacrítica ou na aparecida despois en criticalia, a bitácora do crítico e profesor Armando Requeixo, así como nesta lectura persoal do crítico e escritor Xesús González Gómez.

Superposición de filtros

» Título: Breizh
» Escritor/a:
Miro Villar
» Ed. Toxosoutos,
» Ano: 2013
» Xénero: Poesía
» Coleccion: Nume
» Pax: 71
» ISBN: 978-84-15400-73-8

A lectura de Breizh provoca unha inmediata apertura de fronteiras ao tratarse dun poemario que, formalmente, participa dunha tradición poética oriental e, tematicamente, nos transporta a xeografías bretoas. Así, situado nunha encrucillada de tradicións e xeografías, Villar acomoda experiencias, olladas e percepcións no breve espazo poético que os haikus lle ofrecen e fornece ao lectorado da posibilidade de percorrer xeografías distantes pero semellantes.

11 / 3 / 2013

Antía Marante Arias. A Coruña

Catro grandes viaxes emprendeu o gran poeta xaponés, e mestre do haiku, Matsuo Bashô ao longo da súa vida e un total de 156 días camiñou desde Edo, actual Tokio, ata o Monte Fuji e Kioto na primeira delas. Números e datos aparte, este pulo vital e literario do “poeta -viaxeiro” xaponés, que percorre e observa novos territorios para converter as descubertas e experiencias da viaxe en escrita, aparece en Breizh (Toxosoutos, 2013), novo poemario de Miro Villar onde o poeta ceense, tralas pegadas de Bashô –pero tamén do mestre Kobayasshi Issa ou do grande número de poetas non xaponeses que, fascinados polo haiku, nalgún momento das súas traxectorias literarias afondaron nesta literatura do detalle desde moi diferentes puntos de partida–, decide evocar(nos) a viaxe que o levou desde a Fisterra galega ata a Finistère bretoa.

A lectura de Breizh provoca unha inmediata apertura de fronteiras ao tratarse dun poemario que, formalmente, participa dunha tradición poética oriental e, tematicamente, nos transporta a xeografías bretoas. Así, situado nunha encrucillada de tradicións e xeografías, Villar acomoda experiencias, olladas e percepcións no breve espazo poético que os haikus lle ofrecen e fornece ao lectorado da posibilidade de percorrer xeografías distantes pero semellantes. Deste xeito, a escrita de Villar non só conecta territorios estremeiros senón que fai evidentes as concomitancias entre as paisaxes naturais e humanas das xeografías galegas e bretoas, –“Mans mariñeiras/escochando sardiñas/nun mar de séculos”–e reactiva a temática do diálogo literario con estas terras, tan produtivo no marco da literatura galega.

Breizh é, antes que nada, xeografía nomeada en lingua bretoa. A toponimia, presente na meirande parte dos títulos das composicións, non só ancora os haikus a coordenadas reais senón que advirte, tal e como se observa na presenza de pares de topónimos (bretón/francés), sobre a cuestión da lingua e a fenda lingüística existente.

Asemade, a Breizh do poemario antóllase territorio escindido nunha sucesión de puntos xeográficos –Larmor, Gwenwed, Saint-Goustan, Gavriniz, Petit-Mont d’ Arzon, Karnag …–, todos eles paradas necesarias nesta pelegrinaxe á esencia dos lugares que remata nas orelas do Sena en París.

A lectura dos haiku, tal e como apunta António Jacinto Pascoal no Prefácio á obra, semella unha “deambulação geográfica, com uma orientação de sul para norte (fazendo o percurso circular costeiro, como é possível determinar num mapa)”, mais, alén desta cartografía real, Breizh ofrécenos unha, outra, cartografía persoal. Trátase do mapa que vai configurando o “poeta viaxeiro” ao descobrer, ou redescobrer, lugares cos que bate nun presente pero que xa foran coñecidos previamente a través de múltiples codificacións –arqueolóxicas, históricas, literarias, artísticas, fílmicas–.

O poemario en xeral, e cada haiku que Villar ofrece, é por tanto, un novo lugar de confluencia e convivencia: o pasado ecoa no presente do lugar –“Nos labirintos /que agochan as murallas/ doces conversas” (Gwenwed)–, as etapas históricas conviven e se superpoñen–“Frechas de caza/tornan canóns de guerra/ no búnker nazi” (Petit-Mont) –, o paso do tempo muda escenarios – “Mercado da arte, Paul Gauguin enche crêpes, rara atmosfera” [Pont -Aven (2007)], as artes dialogan –as memorias de Chateuabriand, o Nautilus de Verne, os tangos melancólicos de Astor Piazzola, o París de Bertolucci.

O avance na lectura de Breizh é tamén descuberta e asimilación das liñas sobre as cales se constrúe: por unha banda é pulo e percorrido, isto é, informe de movementos en territorios irmáns, pero por outra é parada e captura. Trátase pois dun “caderno de viaxe”, tal e como suxire no seu limiar Xosé María Lema Suárez, pero non só unha bitácora ao uso, en tanto que é rexistro do esencial e suma de notas reducidas á mínima expresión que visibilizan o efémero. E por iso, fronte ao avance, Breizh exemplifica o octavo mandamento do haikai según Masuada Goga –paratexto que completa o poemario–, polo cal “O haikaísta atento capta a instantaneidade, tal apretar o botón da cámara”, ao construírse desde a melancolía do cazador do inaprensible, “A baixamar/ revela desamparo. Fugaz imaxe” [Mont-Saint-Michel (I)].

En definitiva, Breizh é observación “sen areas nos ollos” –“Un mar de xente/ con areas nos ollos. Non hai perdón” [Mont-Saint-Michel (II)]– a través de filtros superpostos: a ollada de quen percorre xeografías bretoas e as contempla coas retinas inzadas das costas das paisaxes natais galegas, das palabras lidas, dos cadros contemplados, dos fotogramas retidos. A fin dunha viaxe sempre é comezo doutra, así o percorrido poético de Villar continuará e quizais estas imaxes bretoas serán filtro antigo desde o que observar novas paisaxes.

Comentarios desactivados en «Superposición de filtros», recensión de Antía Marante Arias a Breizh no portal culturagalega.org

Mar 13 2013

Programa da V Bienal «De pedra e de palabra», organizada polo Centro PEN Galicia

Na década dos noventa houbo quen quixo alimentar, desde dentro e desde fóra, unha suposta liorta ou enfrontamento entre poetas da denominada «promoción ou xeración dos oitenta» e poetas que viñamos detrás, a raíz da publicación deste manifesto que asinaba meu irmán Rafa Vilar, no que se facía referencia á necesidade de «matar o pai». A referencia está dispoñible nese magnífico proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas, poesiagalega.org, onde realizan esta entrada:

«Este texto en prosa foi lido no Encontro de Escrtitores/as Novos/as celebrado o 7 de decembro de 1996. Interpretado como unha sorte de manifesto da chamada “xeración poética dos 90”, levantou unha sonada polémica pois o epígrafe 24 foi visto como un ataque directo contra os antecesores dos 80, e contra as figuras que naquel intre ocupaban posicións canónicas na poesía galega».

Na miña opinión houbo voces interesadas en non saber ler este texto, que varios poetas dos noventa subscribimos como propio. En resumo, o que alí se reivindicaba era o feito de termos voz propia, de deixar de sermos subalternos, ao tempo que se recoñecía o fundamental maxisterio dos poetas que nos antecedían, como demostraban as nosas lecturas e algo tan importante como os paratextos dos nosos poemas, nos que a citación de versos dos poetas dos oitenta era moi recorrente.

Non vou recordar aquí e agora a tinta desgastada de maneira inútil neste confronto. A realidade, teimuda coma sempre, encargouse de demostrar andando o tempo a comuñón que se deu entre todos nós (malia algún incial e forte desencontro persoal).

Vén este preámbulo a conto de que o vindeiro sábado 16 de marzo vou facer a presentación de sete poetas desa promoción dos que me enorgullo de ser lector desde os seus primeiros versos.

Será na segunda xornada da V Bienal «De pedra e de palabra», organizada polo Centro PEN Galicia e cuxo programa completo vai desguida.

V BIENAL LITERARIA INTERNACIONAL

“DE PEDRA E DE PALABRA”

15 e 16 de marzo 2013

Aula Seminario do Museo Centro Gaiás – Cidade da Cultura – Santiago de Compostela

PROGRAMA

Venres, 15 de marzo

11:30 hs.- Palabras de benvida

Xabier Castro Martínez (Director Centro PEN Galicia)

11:45 hs.- De pedras e poetas na literatura galega

Ramón Nicolás e Román Raña

12:30 hs.- Pausa-café

12:45 hs.- In cammino fra le pietre della letteratura italiana

Massimo Saltafuso

Presenta: Manuel Outeiriño

13:30 hs.- Percorrido pola exposición Gallaecia Petrea

17:00 hs.- Cando falan as pedras. Lecturas comentadas

Clara Usón

Bieito Iglesias

Diego Ameixeiras

Modera: Inma López Silva

18:15 hs.- Pausa-café

18:30 hs.- Acto inaugural

Luís González Tosar (Presidente Centro PEN)

Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura, Educación e Ord. Univ.)

19:00 hs.- Contar la vida

Luis Mateo Díez

Presenta: Alfredo Conde

Sábado, 16 de marzo

12:30 hs.- Versos con melodías

Presentación de Sinfonía Atlántica. Antología general de la poesía gallega

Ed. Bilingüe (Eneida, 2012)

Carlos Clementson

Miro Villar

Xosé Mª Álvarez Cáccamo

Marica Campo

Manuel Forcadela

Luís González Tosar

Xulio L. Valcárcel

Cesáreo Sánchez Iglesias

Xavier Seoane

(Grupo Tradicional da AGADIC)

Todas as actividades están abertas ao público

Comentarios desactivados en Programa da V Bienal «De pedra e de palabra», organizada polo Centro PEN Galicia

Mar 12 2013

«O Monte Facho (II)», artigo de Manuel Vilar

Published by under Historia


(Estación de radio Marconi no fisterrán Monte do Facho)

«O Monte Facho (II)» é un artigo que continúa outro anterior intitulado «Monte Facho: un patrimonio de recalada», da man do noso amigo Manuel Vilar Álvarez, antropólogo e recente comisario da exposición «Domingos de Andrade. Excelencia do barroco».

Así prosegue a súa nova serie de colaboracións no diario dixital quepasanacosta baixo o epígrafe «As aberturas» e polo seu innegable interese para as persoas que somos fisterráns de Nación, deseguida reproducimos este novo texto que se pode ler o orixinal nesta ligazón.

O Monte Facho (II)

Da importancia desde o mar do promontorio de Fisterra xa falamos un pouco, aínda que queda moito por dicir. Pero ese monte maxestoso, que semella deitado brandamente no medio do mar, tamén chama a atención desde terra firme, polo que desde vello é un lugar destacado na xeografía e mitoloxía deste occidente que habitamos.

Este monte é coñecido popularmente polos nomes de O Cabo ou O Facho. Respecto á denominación de “O Cabo” dixo a americana Georgiana Goddard King (1920) que “the folk there speak of El Cabo as we of the Nort Cape and that of Good Hope”.
Considerouse este monte como o lugar onde se divide o “mar de levante” do “mar de poniente”, o mar da civilización e da luz, do mar das tebras e do oscurantismo. Para outros era simplemente “onde a terra se acaba e o mar comeza”. E para o patriarca Otero Pedrayo “o Fisterra expresa un cheo, un ledo trocamento de signo xeográfico: dá o sinal das Rías”. Este autor di que o Océano determina a facies esencial e a historia física de Galicia, que o Atlántico chama por Galicia e que esta “faise” cara ao Atlántico. Si é así como dicía don Ramón, podemos entón dicir que o Cabo Fisterra é un imán dobre que atrae a Galicia continental cara ao Atlántico e, ao tempo, atrae a este para abrazar o noso territorio, cal cinta de prata, que diría López Abente. E desa loita, e da interacción humana, temos esta paisaxe universal, mítica e simbólica.

Pero quedamos coa imaxe do Padre Sarmiento, quen dixo simplemente que “el promontorio de Finisterre es majestuoso y muy alto”, é dicir, un lugar magnífico que nos impresiona e desde o que un pode sentir a angustia vital, ou sexa, un “verdadeiro impacto de finibusterrismo”, que diría o corcubionés Francisco de  Ramón Ballesteros.

Pero o Facho é, e foi, unha imaxe cotiá para os habitantes da súa contorna. Para uns era unha curiosa silueta ao lonxe por tras do cal desaparecía o sol todos os días; para outros, un lugar ao que subir co gando, buscar leña, valumada e, mesmo, cultivar algunhas parcelas. Para esta xente o Facho é tamén un lugar asociado ao traballo e á procura da subsistencia en tempos difíciles. Eles nomearon certos espazos en relación a estas actividades primarias. Así falan do Bravo, da Horta do Piloto, Horta da Marconi, Horta do Caseiro, Prado do Rial, Campo d´Arriva, Lomba do Campo d´Arriba e Campo d´Abaixo; falan de “ríos”, que non son máis que simples mananciais, como o Inquieiro, o Mixirica, o río do Monte, o Rego da Vela, pero para a xente que necesitaba desta auga eran verdadeiros ríos. Entón non é de estrañar que alguén, alguén maior, claro, nos diga que o monte estaba cheo de ríos, ríos que desapareceron ou minguaron cando a vila de Fisterra, necesitada de auga, empezou a canalizala desde o Facho.

Algúns outros topónimos teñen que ver coa navegación, foron e son marcas, pero tamén reciben ese nome pola forma que teñen ao seren vistos desde o mar: Petón Vixía, Pedra do Velador, A Pedra do Cabalo. Outros espazos teñen que ver co evolucionar das técnicas de axuda á navegación, ou teñen que ver con toda a simboloxía creada ao arredor deste punto final, como as Pedras Santas ou o Pé.

En relación coas técnicas de navegación temos O Facho e A Marconi ou “Marconio”. Hai xente en Fisterra que aínda lembra o alcume “facheiro” dunha familia. O facheiro sería a persoa encargada de acender o lume do facho antes da construción do moderno faro en 1853. A última vez que subín con dous vellos amigos fisterráns ao monte sinaláronme as pedras onde estaba o facho, as covas onde o facheiro collía a auga e o espazo onde tería a horta e onde cultivaba algunhas hortalizas.

Da vella estación de radio, da que neste ano celebramos o centenario da súa entrada en funcionamento, só quedan mínimos restos, realmente queda o sitio. A xente maior de Fisterra noméana porque “aínda a acordo a flote”, díxome un destes amigos. E lembran vir as mulleres a traballar aquí na limpeza e lavado da roupa dos encargados; tamén sinalan que o espazo que hai detrás, un espazo chan, era a horta. Despois este espazo foi pechado pola telefónica e, cando xa non cumpría a súa función orixinal, abandonado. Sempre desprezando o pasado que nos trouxo até aquí.

Esta estación foi un lugar importante nas comunicacións, un lugar importante para salvar vidas humanas. Desde o seu iate “Electra” Guglielmo Marconi fixo experimentos coa comunicación sen fíos. Deles dá noticia o xornal The New York Times en 1920, dicindo que coa axuda deste sistema será posible navegar o cabo Fisterra no medio dunha espesa néboa. Fala, pois, da importancia que tiña este punto para a navegación.

Cando por aquí pasa o hispanista Aubrey F. G. Bell, a comezos dos anos vinte da centuria pasada, dinos que está ao mando da estación o inglés Mr. Alfred Lewis. E a Marconi ten outra relación con Fisterra, pois Alejandro Finisterre naceu aquí pola vinculación do seu pai con esta estación. Tamén traballou na estación Cipriano Fernández Brage, o alcaldepaseado naquel tórrido verán de 1936.

Escríbeme unha xente que quer celebrar o centenario da Marconi, xente que quer salientar e recoñecer que esta estación era a máis importante da península Ibérica pola súa estratéxica posición.

Hoxe estamos nun mundo global onde a comunicación é fundamental. A Marconi estaría nas orixes desta comunicación moderna, polo tanto é un patrimonio noso que nos relaciona tamén con outros lugares claves neste avance das comunicacións, un patrimonio distinto. A estación de Fisterra estaba situada no que sempre se considerou o lugar máis occidental e apartado. En 1901 Guglielmo Marconi estaba noutro lugar remoto e considerado o lugar máis ao sur de Inglaterra, na península córnica de Lizard. Alí tiña outra estación que pasou por vicisitudes semellantes á de Fisterra, mesmo foi fanada por un temporal, pero en 2001, no seu centenario, eses barracóns foron reconstruídos e a memoria e importancia dese lugar para a comunicación quedou preservado. Ademais publicaron un libro sobre a historia da mesma.

O coñecemento é unha das razóns das sociedades democráticas. Coñecer o territorio é fundamental non só para futuros planos de desenvolvemento e de dinamización turística, senón tamén para unha vida de mellor calidade. Isto vale para Fisterra, pero tamén para Touriñán e para outros espazos do noso territorio. Como vamos a pór en valor se non o coñecemos e non o coñecemos porque non afondamos no seu estudo, e non afondamos no seu estudo porque os planificadores só ven o facilmente consumible e non o auténtico. Alguén dixo que vivimos na cultura do flash.

Comentarios desactivados en «O Monte Facho (II)», artigo de Manuel Vilar

Mar 12 2013

Guillerme Ignacio: «Un berro por Corcoesto»

Published by under Manifestos,Música

Guillerme Ignacio (Beluso-Bueu, 1970), fundador do grupo folk tradicional galego Quempallou, no que se ocupa de gaitas, frautas e voz, e mestre de música do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión, vén de publicar onte na súa canle de youtube unha peza musical intitulada «Un berro por Corcoesto» contra o proxecto de minaría tóxica (con cianuro) a ceo aberto na procura de ouro e que vai estragar a paisaxe de Pondal:

Meniña, rapaza nova,
ouh, rosa de Corcoesto,
que brandeas con gracia
ós doces sopros do vento:
se é certo que por ti vivo,
se é certo que por ti peno,
se tan doce e dadivosa,
como din que es, é certo;
cúrame, oh rapariga,
estas suidades que teño:
estas suidades da alma,
de non sei qué, que padezo;
ti tes dos meus males a doce menciña,
¡ouh, rosa de Corcoesto!

Eduardo Pondal

O delicioso traballo musical de Guillerme Ignacio vai acompañado da seguinte entrada, que reproduce a letra de autoría propia:

Publicado 11/03/2013

Texto propio sobre unha melodía recollida no lugar de Tufións, Sereixo (Vimianso, AC)

Por que non hei de berrar?
Un berro por Corcoesto

Por que non hei de berrar?
Se a terra era de meus pais
E meus fillos a han de herdar

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar
Con esa ghran mina
Que queren armar
Que queren armar
Que lle hai que facer?
Protesta, protesta
E protesta outra vez

I-o que queira traballar
Que busque traballo honrado
Que deixe esta terra en paz.

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

Moitos cartos ha de dar
Pr’aqueles catro empresarios
Ricachos de Canadá

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

E-aquí que nos han deixar?
vertedoiros e cianuro
Para nos envelenar.

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

Guillerme Ignacio 2013

Comentarios desactivados en Guillerme Ignacio: «Un berro por Corcoesto»

Next »