Archive for Febreiro, 2013

Feb 28 2013

E o sábado na homenaxe a Rosalía de Castro da Fundación Gonzalo López Abente

Published by under Historia,Poesía



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Deseguida reproduzo a nota de convite para o acto de homenaxe a Rosalía de Castro que organiza este sábado en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente, da que me honra facer parte.

«A Fundación Gonzalo López Abente homenaxea á autora no ano da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Ademais, con estes actos quérese poñer en valor un feito importantísimo para Muxía, como é que Rosalía de Castro acudira á Romaría da Barca no ano 1853, acompañada de Eduarda Pondal, irmá do bardo pontecesán. Durante esta estancia, Rosalía e Eduarda enfermaron, feito que causou a morte de Eduarda e marcou profundamente a Rosalía que permaneceu un tempo en Muxía, convalecente da súa enfermidade. A casa na que se aloxou era a do médico Leandro Abente Chans, tío de Eduardo Pondal e avó de Gonzalo López Abente. Muxía inspirou a primeira novela de Rosalía, La hija del mar e tamén o poema de Cantares Gallegos, “Nosa Señora da Barca”.

O día 2 de marzo os actos comezarán ás 17:00 horas coa colocación dunha placa na Rúa A Marina, no lugar onde estivo ubicada a casa na que Rosalía se aloxou durante a súa estancia en Muxía, no ano 1853. No acto lerán poemas nenos e nenas dos centros educativos de Muxía.

A continuación, no Salón de Actos do Voluntariado, Manuel Vilar, patrón da Fundación Gonzalo López Abente e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, ofrecerán sendas conferencias sobre a figura da autora».

A fascinación do poeta muxián por Rosalía, alén das citas ou paráfrases dos seus versos, inspirou varios poemas de maneira explícita: «A devesa encantada», publicado en Alento da Raza (Madrid: Imprenta Xan López Torres, 1917?), onde cita a catro figuras emblemáticas do Rexurdimento (Curros, Añón, Pondal e Rosalía), o soneto «Rosalía», aparecido en D’Outono (A Coruña: Editorial Ronsel, 1924), e nomeadamente o tríptico «Ao noso reiseñor», que non foi recollido en ningún libro e que viu a luz en A Nosa Terra, 27, 10 de agosto de 1917. Velaquí todos estes poemas:

A DEVESA ENCANTADA

Noite de prata. Na devesa
colgan os velos arxentados
da lúa: velos de princesa
en testa de ouro pendurados.
Desfiáda trema a madeixa
que o alento da brisa enmaraña,
e corre antre os fíos a queixa
branda de seda que se laña.
O rego remexe o seu séo
de vidro, bicando as orelas,
y-adornáo ledo o alto céo
con rica diadema de estrelas.
Pol-os retorcidos sendeiros
que brilan cal brancas serpentes,
cruzan os pálidos viaxeiros
nouturnos dos bosques inxentes.
Sombras que van, sombras que veñen,
rumor de trafego que voya
c’o ardor de obreiros que sosteñen
rudo traballo de tramoya.
¡Tempro santo da maxestade
a quen se fan místicos votos!…
Entrade n-él, homes, entrade
se sodes ferventes devotos.
Penduran dos albres as sonoras
liras dos bardos inspirados,
e na noite chegan as horas
dos trasnos e dos namorados.
Do bosque o misteréo desperto
rebule no campo fragoso,
e preludéa grave concerto
no seu órgano prodixioso.
Coma un turbión, as musicales
volvoretas voyan garridas;
corren os líquidos raudales
das armonías bendecidas.
Pasan os xenios envolveitos
nos mantos das craras rayolas,
coma as noivas van para os leitos
arrastrando lucentes colas.
O Rey das devotas cantigas
chega de musas rodeädo;
e canta âs doces anamigas
o vello vate namorado.
Os inspirados reiseñores
debullan notas de cristal:
Sons os transparentes fulgores
de Curros, de Añón, de Pondal…
Luce antre todos unha aurora
que entóa meiga melodía;
mento unha divina cantora,
quixen falar de Rosalía.
………………………………………………
………………………………………………
Esta devesa e xaula d’ouro
que as aves cantoras encerra,
e na que se garda o tesouro
da inspiración da nosa terra.
¡Tempo santo da maxestade
a quen se fan místicos votos!…
Entrade n-él, homes, entrade
se sodes ferventes devotos.

ROSALÍA

(A Leonardo Coimbra)

As ondas d’un prefume meigo e soave
espállanse no chan da terra amada
c’os armoñosos sons da enfeitizada
liria d’ouro que inda hoxe non se sabe
se rî ou chora, coma a gaita grave
que salaía e relouca na ruáda.

Eres ti, poetisa inmaculada,
ti, que da Patria incensal-a outa nave,
a dona da emoción que dentro trema
do meu nervioso corporal sistema,
de tal xeito que en mística manía
coido, cando os teus versos estóu lêndo,
(e perdóeme Deus se así o ofendo)
que comulgo o manxar da Eucarestía.

AO NOSO REISEÑOR

OFRENDA

Paxaro das Follas Novas
e d’os Cantares Galegos;
paxariño enfeitizado
dos seus dôridos e tenros
que a miña probiña nai
ensinóume a enxerguelos,
c’os ollos chéos de bágoas
e fonda opresión no peito,
cando ela inda era moza
e cand’eu inda era neno.
Teño que amarche de cote,
paxaro do chan galego,
que escoito nos teus cantares
e sinto nos teus gorxéos
salayos da patria miña
e recordos d’outros tempos…
¡que a miña nai xa morrío
y-os teus cantos son eternos!
Salve, paxaro, ademite
a ofrenda d’istes meus versos.

NO TEMPRO

Eu sempre as portas da miñàlma teño
de par en par abertas,
e, pendurados, nun altar sosteño
os místicos ex-votos das ofertas.
De cote acesa a lámpara, o sagrario
de cote relucente
e, de cote tamén, eu, reverente,
de xionllos, constante aniversario
celebro, con foguetes o incensario,
da nosa dôce poetisa inxente.
Está o meu tempro n-un rincón perdido,
onde non se oi o mundanal ruído,
de xeito que n-é estrano
que teña un día sô pra min o ano.

PREGAREA

Miña santa, miña santa,
ti, que estás preto de Dios
y-óyel-a terrible vos
que os universos espanta;
así que a eterna xusticia
pernuncie a súa sentencia,
non pidas á Dios cremencia
pra os cativos de Galicia.
Deixa que baixe a xenreira
sobre a terra que ti amaches,
sobre a terra que cantaches
e premanece estranxeira;
non che doya o corazón,
miña santa, non che doya,
que é millor queimal-a xoya
que avandonarlla á unladrón.
Das cinzas un Fénix novo
disque sai; pois, d’ise xeito,
que arda a nosa terra á eito
para que rexurda o pobo.

Muxía, 1-VIII-1917.

Comentarios desactivados en E o sábado na homenaxe a Rosalía de Castro da Fundación Gonzalo López Abente

Feb 28 2013

Breizh, presentación na libraría Á lus do candil (Arteixo), mañá venres ás oito da tardiña

Published by under Poesía,Presentacións

Mañá venres, día 1 de marzo, ás oito da tardiña, a libraría Á lus do candil (Arteixo), do amigo poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba, vai acoller a segunda presentación ou lanzamento do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos).

Desta volta, no acto terán a palabra Xosé Mª Lema Suárez, presidente do Semescom (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte) e autor do Limiar.

Agardamos contar coa túa presenza. No entanto, podes achegarte ao libro nesta recensión do crítico e profesor Ramón Nicolás, publicada na súa bitácora cadernodacrítica ou nesta lectura persoal do crítico e escritor Xesús González Gómez.

Saúde, Poesía e unha aperta atlántica.

O adianto da presentación foi recollido en diversos xornais como La Opinión e La Voz de Galicia, na súa edición comarcal, esta última fai unha breve descrición do poemario. Velaquí:

«O escritor ceense Miro Villar achegarase este venres (20.00 horas) a Arteixo para presentar, na libraría Á Lus do Candil, do fisterrán Modesto Fraga, o seu último poemario, Breizh, editado por Toxosoutos.

A obra é unha das candidatas a recibir o premios Ánxel Casal, que entregará en Vigo o vindeiro 15 de marzo a Asociación Galega de Editores.

O poemario recrea en forma de haikus (poemas breves de orixe xaponesa) algunhas das lembranzas dunha viaxe que fixo á Bretaña francesa co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) e cada un dos haikus convértese en guía das distintas etapas do percorrido. Precisamente, na presentación que realizará en Arteixo, Miro Villar estará acompañado polo presidente da entidade, Xosé María Lema Suárez, responsable do limiar de Breizh».

Comentarios desactivados en Breizh, presentación na libraría Á lus do candil (Arteixo), mañá venres ás oito da tardiña

Feb 27 2013

«O meu mar», exposición de escultura e pintura de Viki Rivadulla

Published by under Arte,Poesía,Presentacións



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Moitas persoas adoitan coñecer a Viki Rivadulla polo seu incansable labor como Técnica de Cultura do Concello de Muxía, sen ir máis lonxe non hai moito tempo que falamos aquí dunha fermosa idea súa, o denominado «Proxecto Buserana», que leva como subtítulo «Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial». Angueiras culturais ás que cómpre engadir a secretaría da Fundación López Abente.

Haberá tamén que a coñeza de vello polo seu labor de artesanía, mais moita menos xente sabe do seu labor como escultora e pintora, xa que facía unha década que non presentaba unha mostra individual.

Baixo o título de «O meu mar», que “rouba” do que eu considero o mellor poema de Gonzalo López Abente, mañá, xoves, 28 de febreiro, ás 20:30 horas, vai inaugurar unha exposición na Sala do Andar 1 do Pazo da Cultura de Carballo. Alén do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, estará acompañada de poetas, nas voces de Suso Bahamonde, Rosalía Fernández Rial, X. H. Rivadulla Corcón, Paco de Tano e eu propio.

«O meu mar»

Unha nube de chumbo a tapar todo o ceu;
borraxeira e orballo que revoan no ar;
os inxentes penedos, xa tristeiros de seu,
espallando queixumes con dorido fungar;
os montes envolveitos na brétema sotil;
e as bocas desdentadas das furnas no cantil.

Escumas, ardentías,
atruxante balbor,
e, cal apocalípticas porfías
de cíclopes, vestiglos e xigantes
das vellas e varís mitoloxías,
os ecos trepidantes
do líquido elemento bruador.

¡O mar!
¡O meu mar!
¡O mar que eu vexo,
nestes días de inverno,
gris, abalante,
inquedo, forte e rexo,
a cólera a roubar do fondo do averno
e a bater nas orelas, escumante
de rabia e de furore, nun épico loitar!

Este mar que derruba coas paredes das hortas,
desfaise contra os cons e sobe polos cabos;
que corre polas rúas ribeiranas e tortas
antre as casas homildes dos mariñeiros bravos.
Este mar belicoso que a costa brava asedia,
que as ondas esnaquiza nunha branca fervenza
e en escumas de prata no cantil as destrenza…
é o gran creadore dunha eterna traxedia.

Comentarios desactivados en «O meu mar», exposición de escultura e pintura de Viki Rivadulla

Feb 25 2013

Xosé Luís Méndez Ferrín demite como presidente da Real Academia Galega (RAG)

Published by under Historia,Lingua

Velaquí o documento histórico da demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega (RAG) e como membro numerario, da que a día de hoxe aínda non se informa na súa páxina, e que está a xerar ríos e ríos de tinta (ou de sangue?) no ámbito da cultura galega polas acusacións que lanza, coma coitelos afiados, malia a súa brevidade.

Máis unha vez, outra vítima do cainismo na sociedade da Nación Galega.

(Premer na imaxe para unha mellor lectura ou na reprodución que segue)

Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega

Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución. Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta. De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.

Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.

Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.

Viva e floreza a Academia Galega!

Viva Galicia ceibe!

Comentarios desactivados en Xosé Luís Méndez Ferrín demite como presidente da Real Academia Galega (RAG)

Feb 25 2013

Entrevista no dixital O Compás da Costa

(Na tumba de François-René de Chateaubriand. Fotografía de Mar Iglesia Cabaneiro. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Manuel Rial (@man_rial), unha das persoas responsables do dixital O Compás da Costa (compasdacosta.com) realizoume unha longa entrevista na tarde do xoves, e que xa está pendurada na rede desde o venres, para falarmos sobre o meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012).

O contido orixinal da conversa pódese ler nesta ligazón, na que o autor da entrevista intercala algúns haikus do libro, así como imaxes da Bretaña da súa propia autoría. Así a todo, reproduzo deseguida o texto espido da entrevista, desprovisto da excelente montaxe que realizou Manuel Rial.

BREIZH É UN DIÁLOGO ENTRE AS FISTERRAS ATLÁNTICAS” MIRO VILLAR

Escrito por manuelrial no Venres, Febreiro 22, 2013

O haikaísta atento capta a instantaneidade, tal apretar o botón da cámara.” O oitavo mandamento do haikai, de Masuda Goga, deixa ben claro en que consiste este poema. Unha pílula de literatura ben concentrada en tres versos, cunha estrutura de 5/7/5 sílabas. Estrutura que elixe Miro Villar (Cee, 1965) na súa última obra: Breizh (Ed. Toxosoutos, 2012). Nela trata de enlazar as fisterras atlánticas de Galicia e Bretaña cunhas inusuais notas de viaxe escritas ó xeito do haiku. A obra é unha das candidatas para recibir o galardón Ánxel Casal ao mellor libro de poesía, premio que entregará a Asociación Galega de Editores o 15 de marzo en Vigo.

– O haiku baséase na filosofía oriental e parece estar restrinxido para os occidentais. Como decides compaxinar esta arte do nacente para describir o poñente?

En realidade hai dúas razóns para usar o haiku ou haikai. Unha é para, como este libro é unha viaxe poética sobre unha terra estremeira occidental, poder vela dende outra terra estremeira, neste caso oriental. Ademais, como é un caderno de notas, e estas non poden ser moi detalladas, pois prestábase moi ben este formato. Como se fora unha fotografía, unha instantánea dos lugares, das persoas, das paisaxes, da arquitectura, de todo o que ves. Para iso vale perfectamente esta estrutura de condensar.

Pero despois hai outra razón. O autor do Prefácio, que é un autor portugués, António Jacinto Pascoal, que coñecera nun congreso de poetas en Coímbra, andaba a traballar daquela nunha antoloxía do haiku mundial para versionar ao portugués.  Entón pediume textos de poetas galegos, eu faleille da tradición do haiku de aquí: dos haikus heterodoxos de Uxío Novoneyra, dos máis formais de Ricardo Martínez Conde e do pouco que hai que en realidade non é moito. E seguindo esa conversa Pascoal animoume a escribir un libro de haikus.

De todas maneiras, hai quen sostén que os poetas occidentais non podemos escribir haikus, porque non estamos dotados da espiritualidade coa que afronta un oriental o haiku. Alí forma parte da tradición popular. Calquera persoa minimamente culta é escritora de haikus, escríbense centos e miles. Xa teñen cultura de haikus, algo do que nos afastamos os occidentais.

Breizh parte de varias viaxes á Bretaña francesa, pero despois segue unha “lóxica itinerante”. Cal foi a túa fonte de inspiración?

Foi a primeira viaxe. Este libro, aparte de todo o substrato sobre o haiku do que falei antes, ten unha viaxe física, que é cando por primeira vez coñezo a Bretaña nunha das viaxes organizadas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, tendo como guías excelentes ó presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, e tamén ó que fora Director Xeral de Patrimonio en Francia, un bretón que coñece perfectamente a zona. Isto abriunos moito a ollada sobre esta xente, a arquitectura, o megalítico… É dicir, embarcarnos  fóra dunha ollada turística, que non o é, senón como un diálogo con esa cultura. Calquera persoa galega, ten na súa imaxinación estas terras estremeiras como poden ser Bretaña ou Irlanda. Son fisterras atlánticas que están moi preto de nós. A obra trata de enlazar este diálogo entre terras que son próximas. Algo do que xa falaran Castelao ou Manuel María.

– Naquela viaxe, cando tomabas notas no teu caderno, xa tiñas na mente realizar un libro de haikus?

Non, pero os cadernos de viaxes normalmente non admiten notas longas, senón que son apuntamentos. A posteriori, reflexionando sobre esa suxestión de António Jacinto Pascoal percibín que o haiku podía ser a estrofa ideal para recoller todo iso. Pola concisión, polo inmediato, porque permitiría recoller moitas das cousas que puiden observar.

– Falabas antes do sentimento atlántico. Hai quen cuestiona historicamente as relacións entre os países atlánticos, pero ti, dende o teu punto de vista, cres que existen esas conexións, non?

Na procura das fisterras atlánticas, que sempre buscan as viaxes do SEMESCOM, si que percibimos moitas das similitudes que hai entre estas terras atlánticas. Na literatura galega, dende a época Nós, sempre houbo esta fascinación por Irlanda, Bretaña ou Escocia. James Joyce chamara a atención a Otero Pedrayo só polo feito de ser irlandés. Creo que calquera galego que visite esas terras non se vai sentir alleo, fóra das sonoridades das linguas que vai escoitar. Moitas das paisaxes que visitamos na Bretaña eran como unha Costa da Morte máis coidada, máis posta en valor. Pero o substrato vén sendo o mesmo. Ademais son terras nos que o concepto do mar é moi importante. Hai toda unha serie de oficios que xiran ó redor do mar ou mesmo os faros…

– Como dis, as comparacións van ata a Costa da Morte. De feito no libro colocas a Duio na Bretaña.

Si, porque hai territorios nos que parece que estamos a vivir nun paralelo. Por exemplo, Bro Bagan vén sendo unha Costa da Morte. É unha zona moi rochosa na que tamén houbo moitos naufraxios. Tamén hai Museos do Mar, dos Faros… Pero alí teñen moita conciencia do que teñen, saben como poñelo en valor. Quizais esa é a lección que temos que aprender.

A outro nivel estamos mellor. Nalgún dos haikus fálase da lingua, do bretón, e aí si que estamos moito mellor ca eles. Alí a ensinanza do idioma está reducida á iniciativa privada, nas escolas Diwan. Son iniciativas saídas da sociedade, sen compromiso público.

– Na obra deixas entrever un continuo sentimento de melancolía. Quizais, tamén pola relación da fin da terra, do mar…?

Non sei, igual isto xa é defecto do animal. En toda a miña carreira hai unha serie de fíos comúns e un é a melancolía, pero iso ten que ver moito cos estados de ánimo que me motivan máis á hora de escribir.

– Malia que a túa obra se basea na Bretaña hai un epílogo na capital francesa. Por que decidiches incluír “Un último tango en París”?

Está incluído como un epílogo, no que trataba de des-sacralizar a imaxe de París como cidade universal, como cidade do amor, como cidade luminosa… Coincidiu que eses días que estiven alí, non vin esa cidade tan luminosa. Ademais, así tamén puiden introducir o cinema que me gusta. Precisamente nese filme París ten unha visión melancólica.

Breizh acaba de ser nominada nos Premios da Edición, algo que lle dá a túa obra un recoñecemento. Relacionado con isto, denunciabas unha vez no teu blog a pouca consideración dos libreiros da Costa da Morte coa literatura dos autores locais e a pouca relevancia que se lles dá, non?

O feito de ser finalista nos Premios da Edición non deixa de ser por unha parte unha satisfacción, pero por outra, a constancia de que hai moi bos libros de poesía. E calquera dos outros cinco nominados son libros que lin con pracer e dos que teño feito algunha recensión. Polo tanto, se algún deses libros sae premiado en certa maneira síntome premiado como lector.

Despois, en relación coas librerías da Costa da Morte, teñen unha estrutura industrial moi feble. Vou ser duro. Moitas veces creo que os libreiros se comportan como vendedores de zapatos, que non saben o xénero que teñen. Eu boto de menos que teñan unha implicación máis activa na defensa dos autores da Costa da Morte. Nestes momentos hai unha illa, que está xa nas estremas da Costa da Morte que é A Lus do Candil de Modesto Fraga, unha libraría moi activa, con presentacións todas as semanas. Pero por que neste caso é diferente? Porque detrás hai unha persoa que é un poeta, e entón dálle outro espírito non tan comercial. De feito a próxima presentación de Breizh será alí o venres 1 de marzo. Será o lugar escollido para darlle saída a ese territorio da Costa da Morte, se aceptamos que Arteixo é da Costa da Morte, que eu non o aceptaría.

Comentarios desactivados en Entrevista no dixital O Compás da Costa

Feb 20 2013

«Monte Facho: un patrimonio de recalada», artigo de Manuel Vilar

Published by under Historia


(Folla do atlas de Hendrick Doncker, de 1659. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O noso amigo Manuel Vilar Álvarez, antropólogo e recente comisario da exposición «Domingos de Andrade. Excelencia do barroco», prosegue a súa nova serie de colaboracións no diario dixital quepasanacosta baixo o epígrafe «As aberturas».

Polo seu innegable interese para as persoas que somos fisterráns de Nación, deseguida reproducimos o seu novo artigo intitulado «Monte Facho: un patrimonio de recalada», aínda que se pode ler o orixinal nesta ligazón.

Monte Facho: un patrimonio de recalada

Dada as características xeomorfolóxicas e a súa aparencia, o monte Facho de Fisterra é identificable no mar a gran distancia pola súa “silueta inconfundible”, como lemos en Costa do Solpor, a novela de Lema Suárez, “pois é coma unha man estendida no océano”. Por esa aparencia e situación estratéxica converteuse nun referente histórico para a navegación, e por iso foi colocado aquí, para mellor axudar á navegación, un dos primeiros faros do estado español, dos chamados de primeira orden ou de recalada, xunto ao das illas Sisargas e cabo Machichaco. O faro veu substituír ao facho, que deu nome ao monte, e ao facheiro que o acendía e tiña tino del.

Lembro, hai xa uns anos, unha mostra de cartografía na biblioteca pública de Nova York. Ao entrar nunha sala, mesmo en fronte da porta, había unha vitrina cunha folla do atlas de Hendrick Doncker, de 1659. Era a folla correspondente á península Ibérica, “Hispangiem”, pero a representación da mesma non era a usual, pois o Cantábrico non estaba arriba e Xibraltar abaixo. Abaixo estaba o Atlántico, Xibraltar á dereita e o Cantábrico á esquerda, é dicir, víase a península Ibérica como vindo polo mar desde o oeste e Fisterra era o lugar onde comezaba a terra firme e organizaba toda a folla; era o punto referencial. Entrando na sala alí estaba o punto de Fisterra como un imán que nos atraía e marcaba o rumbo a seguir na exposición. Ao igual que na inmensidade do mar, Fisterra era a referencia para orientarnos, para marcar o noso rumbo.

Hendrick Doncker traballa nun momento no que os holandeses buscan tamén navegar as augas do mar cos seus barcos. Ofrecerá mapas e libros para os navegantes, nun tempo no que se empezaban a ensanchar os camiños do mar e se reclamaba información para seguir eses camiños con máis seguridade e, dise, o mapa de Doncker era o que tiña a información máis completa, nuns momentos no que moitos deses mapas e cartas mariñas eran copias doutras, polo que a información era mala.

Neste sentido, Doncker quixo apartarse desta tradición “copista” e ofrecer información de primeira man, aínda que hoxe saibamos que non era correcta do todo.  Así, vemos que todo o norte da península Ibérica está ocupado só por “Biscaja” e “Galisse”, chegando esta desde o norte de Portugal até Santander, ou que a nosa costa está inzada de illas. Mais, nunha edición posterior, é Biscaia a que chega até a ría de Ribadeo. Pero o que si está moi ben definido é que Fisterra era un lugar clave, un punto referencial que, como tal, aparecerá sempre nas cartas destes primeiros momentos da cartografía moderna.

Case un século despois Sarmiento imaxina a Galicia como un cadrado onde dous dos seus lados están bañados polo Océano. O ángulo que divide eses dous lados mariños, occidental e setentrional, “no es menos que el famoso Promontorio o cabo de Finis terre”. Para o ilustrado bieito o cabo de Fisterra divide os portos en altos e baixos e defíneo como “peligroso cabo”. Conta que vindo por Ponteceso atopou un patache con mariñeiros de Pontevedra que viñan cargar cacharros de Buño. Sorprendeulle que viñeran de tan lonxe a buscar unha mercadoría tan pouca apreciada, e era lonxe porque este país está “quan a trasmano”, que para chegar a el mesmo era preciso dobrar o cabo de Fisterra.

O naturalista e explorador xermano Alexander von Humboldt cita nos seus textos varias veces o promontorio fisterrán. A primeira vez que pasou navegando fronte a Fisterra fíxoo de noite e non o viu. Cando espertou pola mañá  sorprendeuno un mar en calma e golfiños seguindo a estela do barco. Volvería pasar por diante de Fisterra e contemplar a silueta do monte Facho, pois dinos que en alta mar a montaña granítica que conforma o cabo Fisterra avístase desde unhas dezasete leguas. Como gran observador que era, compara o promontorio fisterrán co Teide ou co Pão de Açúcar, dos que di que son os maiores monumentos que a natureza erixiu para orientación dos navegantes.

E podiamos seguir con máis apreciacións. Só queremos recalcar e universalidade deste lugar e o valor cultural na construción dun patrimonio común occidental, un valor en construción desde os tempos en que, parafraseando a Fernando Pessoa, podemos dicir que os navegadores antigos tinham uma frase gloriosa: “Navegar é preciso; viver não é preciso”, algo que, despois, cantaban Caetano Veloso e Chico Buarque. Pero este valor é construído desde o mar, mais o Facho ten tamén outros valores construídos desde o habitar do día a día.

Comentarios desactivados en «Monte Facho: un patrimonio de recalada», artigo de Manuel Vilar

Feb 19 2013

Defender o uso da lingua galega é de «papistas», segundo Manuel Baltar Blanco

Published by under Lingua


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Agora, para os «novos galeguistas» defender o uso da lingua galega en espazos públicos é de «papistas». Ollade os chíos do twitter que se produciron esta mañá entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, e quen isto escribe, a raíz da presentación hoxe do libro Chandrexa de Queixa, patrimonio artístico e tradición oral.

Manuel Baltar Blanco @ManuelBaltar
A las 11:30 presentare “Chandrexa de Queixa: patrimonio artístico e tradición oral”, nueva publicación de la Diputación de Ourense

Miro Villar ‏@MiroVillar
@ManuelBaltar A tradición oral de Chandrexa de Queixa, que eu saiba, non se expresa en castelán, señor!

Manuel Baltar Blanco ‏@ManuelBaltar
@MiroVillar Chandrexa universal. O libro en galego. A tradición oral depende de quen a transmita. Ao caron do Queixa non hai tanto papista!!

Comentarios desactivados en Defender o uso da lingua galega é de «papistas», segundo Manuel Baltar Blanco

Feb 19 2013

Breizh na listaxe de libros finalistas dos Premios da Edición 2012

David G. Couso, director literario da editorial Toxosoutos, vén de me comunicar que o poemario Breizh figura na listaxe de libros finalistas dos Premios da Edición 2012, en concreto na categoría Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro, xunto a outros cinco libros de poetas que leo e nalgún caso admiro –Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Kalandraka); O silencio, de Mario Regueira (Xerais); Tigres de ternura, de Claudio Rodríguez Fer (Toxosoutos); ruido de fondo, de Daniel Salgado (Xerais) e Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)- e mesmo un deles foi obxecto dunha recensión da miña autoría na revista Grial, Revista galega de cultura 195, como se dixo nesta anotación.

A nova publicouse en varios medios, como o dixital culturagalega.org, alén da propia páxina dos editoresgalegos.org, da que reproduzo deseguida a totalidade dos finalistas:

Libros finalistas dos Premios da Edición 2012

Martes, 19 Febreiro 2013

O vindeiro 15 de Marzo a cidade de Vigo acollerá a VIII Noite da Edición 2012, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo. Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia.

As distincións, sen dotación económica, distribúense en dez categorías diferenciadas, que premiarán distintos aspectos da produción literaria.

Candidaturas propostas polos editores

As candidaturas foron presentadas polos membros asociados da AGE, ata un máximo de tres por categoría, tralo que pasaron unha primeira fase de votación realizada polos socios, na que deberon votar a un máximo de dúas obras por categoría agás as obras editadas por eles.

Xurado

As obras finalistas están xa na fase do Xurado, composto por cinco profesionais do ámbito do libro e os medios. O fallo será dado a coñecer na mesma velada de entrega, o 15 de Marzo en Vigo.

FINALISTAS

Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2012

Outono aquí, de Mario Regueira (Sotelo Blanco)
Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais)

Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro

Ruido de Fondo, de Daniel Salgado (Xerais)
Tigres de Ternura, de Claudio Rodríguez Fer (Toxosoutos)
O Silencio, de Mario Regueira (Xerais)
Breizh, de Miro Villar (Toxosoutos)
Os Ángulos da Brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Kalandraka)
Fase de Trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)

Premio Ánxel Casal ao Libro de non Ficción

Os Señores da Mentira, de José C. Bermejo (Lóstrego)
Herdeiros pola Forza, de Manuel Gago e Xurxo Ayán (2.0 Editora)
Compendio de Herbas Máxicas, de Montse Rubio (Baía)
O Carballo, de Calros Silvar (Baía)
Cómo Falar e Escribir en Galego Correctamente e con Fluidez, de Carlos Callón (Xerais)
O Rastro que Deixamos, de Agustín Fernández Paz (Xerais)

Premio Lois Tobío á Tradución no Ano 2012

Diario de Inverno, traductora Eva Almazán (Galaxia)
Miguel Strogoff, Ánxela Gracián (Baía)
Alén da Fronteira: Sete poetas vascos, Isaac Xuvín (Kalandraka)

Premio Neira Vilas ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil

Paxaro de Mar e Vento, Xosé Cobas (Biblos)
Compendium de Herbas Máxicas, Montse Rubio (Baía);
O Carballo, Calros Silvar (Baía)
Oso Atrapabolboretas, Susanna Isern e Marjorie Pourchet (OQO)
Almanaque Musical, David Pintor (Kalandraka)
Verdedades, Xosé Tomás (Biblos)
Cartas de Inverno, Antonio Seijas (Xerais).

Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Mellor Libro Educativo

Peixes. Cociña Infantil, VVAA(Ouvirmos)
Inventario ilustrado de animais, Virginie Aladjidi (Kalandraka)
Rosa Caramelo, de Adela Turín (Kalandraka)
O Carballo, de Calros Silvar (Baía).

Mellor Proxecto ou Iniciativa Editorial

Colección Xornalistas (2.0 Editora)
OQO Filmes (OQO Editora)
Galaxia Tales (Editorial Galaxia)
John Balan, un yanqui en la corte de Breogán (Teófilo Edicións).

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao Autor ou Colectivo de Autores en Lingua Galega

Fina Casalderrey
Manuel Gago
Xornalistas de Galicia (varios autores)
Marcos Calveiro

Comentarios desactivados en Breizh na listaxe de libros finalistas dos Premios da Edición 2012

Feb 16 2013

Breizh no «Taboleiro do libro galego» (III)

Published by under Poesía


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica a terceira entrega do «Taboleiro do libro galego» (III) para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura. Desta volta abrangue a quincena que vai do 1 ao 15 de febreiro, con datos fornecidos por 15 librarías galegas moi significativas.

E vén acompañada da boa nova de que na listaxe dos libros de poesía figura o meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012) á cabeza os libros que interesan a lectoras e lectores, aínda séndomonos conscientes da cativa tribo, mais fiel, que isto significa.

Velaquí a anotación previa á listaxe de vendas que realiza Ramón Nicolás:

«Continúa a entrega destas listaxes dos libros galegos máis vendidos que, desde agora, recollerá quincenalmente as modificacións que se produzan en todos os xéneros, de as houber. Desde esta entrega incorpórase á listaxe a libraría moañesa «O Pontillón». Tanto a esta última como ás librarías restantes, cuxos logos se reproducen á dereita, o meu agradecemento pola súa colaboración».

O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO e BANDA DESEÑADA.

E velaquí a listaxe nos títulos de poesía, na que me acompañan os amigos Elvira Riveiro Tobío e Fran Alonso, con dous magníficos libros que recomendo vivamente, aínda que o segundo sexa unha reedición, moi especial porque leva ilustracións do propio autor. Beizóns!

1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.

2º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, Caldeirón.

3º-. Cidades, de Fran Alonso, Edicións Xerais.

Comentarios desactivados en Breizh no «Taboleiro do libro galego» (III)

Feb 16 2013

Passos Coelho interrompido por «Grândola Vila Morena»

Esquerda.net, do Bloco de Esquerda, vén de editar na canle youtube a escena que se viviu no parlamento português, cando a canción «Grândola Vila Morena», do José “Zeca” Afonso, foi interpretada polo público para interromper ao primeiro ministro Passos Coelho, como protesta contra as políticas ao ditado do FMI e da Troika comunitaria. Resulta emotiva a escoita.

Velaquí a nota a rodapé que acompaña o video:

O primeiro-ministro falava no debate quinzenal com os deputados quando foi interrompido pelo público das galerias a cantar «Grândola Vila Morena». Foi uma ação do grupo Que se Lixe a Troika.

Comentarios desactivados en Passos Coelho interrompido por «Grândola Vila Morena»

Next »