Xan 31 2013

Benvida e parabéns ao «Proxecto Buserana. Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial»


(Cabezallo do Proxecto Buserana de Muxía. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Nestes días vén de se presentar o denominado «Proxecto Buserana», que leva como subtítulo «Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial». É unha fermosa idea de Viki Rivadulla, artesán e Técnica de Cultura do Concello de Muxía, que vén de coller forma nunha coidada páxina web na que se atesouran centos de documentos e imaxes que trascenden a localidade costeira para se converteren en parte do noso patrimonio cultural nacional.

Ogallá nesta nosa Nación milenaria agrómanse moitas iniciativas coma esta, nun labor de investigación e recuperación que se iniciou co Seminario de Estudos Galegos (SEG) por volta de 1923 e que ten hoxe o seu máximo expoñente no Museo do Pobo Galego.

Moitos parabéns, pois, que personalizo en Viki Rivadulla, mais que se debe estender a todas as persoas que fan posible esta achega coa súa desinteresada colaboración.

O «Proxecto Buserana» está artellado, polo de agora, en diferentes seccións e premendo nos títulos hai unha ligazón aos seus contidos:

Xa tan só a posibilidade de ollarmos as numerosas e fermosas fotografías e os videos recollidos xa paga a pena. Porén, son moitos os capítulos de interese e agradezo de maneira persoal que reproduzan no apartado de literatura un dos poemas da miña autoría que atoparon inspiración nas paisaxes de Muxía. Trátase do poema H ou IX do meu Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997), no que se fala da «furna da Buserana».

H

Nadie me salvará de este naufragio
si no es tu amor, la tabla que procuro,
si no es tu voz, el norte que pretendo.

Miguel HERNÁNDEZ

IX

o mar, ben coñecido, non oculta segredos
na costa de muxía, despido polos brazos
de occidentais paisaxes lambe as súas contornas
ata bater coa lingua na erosión máis profunda,
mentres ollos pechados son martiños peixeiros.

o mar esperta cedo, debruzando nas rochas,
e un brazo tumultuoso penetra ben adentro
na esvaradiza furna de buserana, labios
pedregosos reciben o contacto salobre
das lúbricas areas como carnes abertas.

o mar desvergoñado rebenta en escabrosas
acometidas, ondas máis doridas salpican
as íntimas paredes con escorregadizos
aceites e na furna sonidos interiores
procuran a mestura cos xemidos das augas.

o mar decrece lento na breve retirada
da baixamar, en horas futuras novos azos
serán agradecidos pola furna con voces
de azucre e de melindres, namentres senllos corpos
dormen amalgamados e o amor se reinventa.

o mar, este mar mesmo, testemuña naufraxios
e ten na pel escritas enigmáticas lendas
ou certos episodios, fala dunha doncela
morta de amor, dun vate que mataron por ela.
como tamén son bardo pregunto o meu destino.

Comentarios desactivados en Benvida e parabéns ao «Proxecto Buserana. Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial»

Comments are closed at this time.