Archive for Outubro, 2012

Out 30 2012

Gonzalo López Abente na revista Nós

Tal día coma hoxe, 30 de outubro, hai 92 anos produciuse a saída á rúa do primeiro número da revista Nós, creada en Ourense baixo a dirección literaria de Vicente Risco, con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como director artístico e Anxel Casal como xerente e impresor.

O poeta muxián Gonzalo López Abente participou de xeito habitual na revista, xa desde o primeiro número cando se publicou o seu poema «O carreteiro», do libro Alento da Raza, na versión ao francés de Philéas Lebesgue «Le carretier» (Nós, nº 1, 30/X/1920).

Reproducimos deseguida a versión francesa e o poema orixinal.

LE CHARRETIER

Les pins de la montagne livrent aux vents
de lentes chansons,
brodées de plaintes et de gémissements
par les soirs de brume.
Dans le reseau subtil de la rosée menue
un arc-en-ciel irise ses couleurs,
et, sur les rameaux dépouillés d’un chêne
un corbeau noir chante ses amours.
Les ajoncs sauvages bruissent en agitant
les dards aigus
de leurs sombres frocs, et les plaintes dolentes
s’envolent sur l’aile des échos.
Le liquide cristal émaillé de blanche écume
se precipite por bonds sonores
du haut de la cime géante,
et serpente comme une couleuvre d’argent.
Par le sentier qui fait briller la blancheur des pierres
un lourd chariot s’avance,
en faisant grincer ses essieux,
et voilà qui tout a coup s’embourbe dans la glaisse.
Comme une statue, le jeune charretier
se tient debout devant les boeufs:
ou dirait un guerrier
que les brumes enveloppent de leurs tissus:
D’un bras vigoreux et calme,
il fait jouer l’aiguillon de côté et d’autre;
à la façon d’un dieu du ciel
il part; les boeufs tirent et le chariot s’en va.

(Versión de Philéas Lebesgue)

O CARRETEIRO

Os pinos montañeses dan aos ventos
cantigas vagorosas,
bordadas con queixumes e lamentos
nas tardes bretemosas.
No texido sutil do miúdo orballo
luce o arco da vella as súas cores,
e nas despidas pólas dun carballo
un negro corvo canta os seus amores.
Fungan os toxos feros remexendo
os aguillóns firentes
dos seus hábitos pardos, e, correndo
nas aas dos ecos, marchan súas queixas doentes.
O líquido cristal que a branca escuma esmalta,
da doira resoante,
coma serpe de prata corre e salta
despedido do cume do petouto xigante.
Pola senda que brila coa brancura dos seixos,
vai un pesado carro
de cantadores eixos,
que se atasca de súpeto no barro.
Coma unha estatua, o mozo carreteiro
parado queda diante os bois marelos:
Asomella a un guerreiro
que as brétemas envolven cos seus velos.
Con brazo forte e ademán sereo
move a aguillada dunha noutra banda,
e o mesmo que se fora un dios do ceo
fala, tiran os bois, e o carro anda.

Alén das recensións dos seus libros nesa época ou de novas como o seu nomeamento como presidente da Asociación de Escritores Galegos en 1936, a revista Nós reproduciu os seguintes poemas de Gonzalo López Abente.

ALENTO DA RAZA

—A FURNA.- Publicado en Nós, suplemento, xaneiro 1929; na Escolma de Poesía Galega de Fernández del Riego; na Antoloxía de Poesía Galega. Do Dezanove aos continuadores, de Fernández del Riego e na Gran Enciclopedia Gallega: Poesía, volume II.
—LE CHARRETIER.- Versión ao francés de Philéas Lebesgue. Publicado en Nós, nº 1 (30/X/1920); Rexurdimento e Terra, nº 3 (Bos Aires 25/VIII/1923) que o recollen de Les Tablettes (Boletín mensual de Saint Raphaël-Vas).

DO OUTONO

—O CARBALLO.- Publicado en Nós, nº 4 (31/I/1921) e en Terra, nº 3 (Bos Aires, 25/VIII/­1923).

NEMANCOS

—UNHA ORACIÓN.- Publicado no Suplemento XLII de Nós (V/1932).
—A BUITRA.- Publicado en Nós, nº 29 (15/V/1926) e no Suplemento XLII de Nós (V/1932).

One response so far

Out 25 2012

Memoria Literaria (V): Unha lectura de poemas no café Rúa Nova (Compostela, 1998)

Outra volta regresa a esta bitácora ese imprescindible proxecto denominado poesiagalega.org, que xa dixemos é o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).

Xa narramos aquí mesmo como o seu inestimable labor de compilación estase a arrequentar neste últimos tempos cunha serie de gravacións de voces poéticas que proceden do arquivo persoal do meu irmán Rafa Vilar, quen durante un tempo levaba sempre a súa gravadora ás lecturas ou recitados. Era aló polos últimos anos da década dos noventa.

Nesta oportunidade reproducen a gravación dunha lectura o 14 de xullo de 1998.

Alén de se escoitar nesta ligazón, velaquí o arquivo de voz:

mvillar_1998_ruanova

No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada:

«Gravación realizada no pub Rúa Nova de Santiago de Compostela (rúa Nova, 36) o 14 de xullo de 1998. Recital organizado por Letras de Cal e presentado por Eduardo Estévez. Interviron tamén Carlos Negro e Marta Dacosta».

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Rafa Villar

Dixitalización de audio: Reverso CCL

Na miña intervención fago unha lectura comentada de nove sonetos do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), que viña de ser publicado naquela altura, aos que precedeu unha versión dun coñecido poema da poeta polaca Wislawa Szymborska, premio Nobel de Literatura en 1996.

De todos eles reproduzo aquí o soneto que bebeu duns versos de Maria-Mercè Marçal, que decidín ler porque a poeta catalá finara uns días antes. Velaquí:

DECLARACIÓN (I)

T’estimo: sóc la pluja que amara l’enderroc
MARIA-MERCÈ MARÇAL

Coma un hendecasílabo dos que escribiu Olavo
Bilac, de ritmo grácil e de amorosa man,
no teu recordo xorden os versos de sedán.
Ámote: son o acorde que se eleva do cravo.

Coma a luz de cor branca que esperta todo o cabo
desde os faros fisterra, vilán ou touriñán,
no teu leito alborecen os ollos de mañán.
Ámote: son a xerfa que encanece o mar bravo.

Coma a hedra perenne que sobe o muro antigo,
no teu corpo enraízan o polgar e o maimiño.
Ámote: son o lazo que abraza o envurullo.

Como o líquido fértil que molla o gran de trigo,
no teu rostro descenden o bico e o aloumiño.
Ámote: son a chuvia que embebe o cascabullo.

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (V): Unha lectura de poemas no café Rúa Nova (Compostela, 1998)

Out 23 2012

A Antoloxía Poética do Monte Pindo sobe o seu primeiro chanzo

Published by under Antoloxías,Poesía

A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de facer público un comunicado na súa páxina web para anunciar que xa se acadou a contía mínima que era precisa para editarmos a Antoloxía Poética do Monte Pindo, aínda que a iniciativa continúa aberta a aquelas achegas que se queiran sumar a este proxecto cultural na defensa do noso medio ambiente.

En momentos de desánimo político temos que coller azos facendo parte das iniciativas e proxectos que nacen no tecido asociativo. Por esta poderosa razón, reproduzo deseguida o devandito comunicado:

A Antoloxía Poética do Monte Pindo xa é unha realidade grazas a vós

Grazas!

A campaña para editar a Antoloxía Poética do Monte Pindo mediante a fórmula da subscrición popular só pode calificarse de completo e rotundísimo éxito, acadando en menos de dúas semanas os 1050 euros que aspirábamos a recadar en case dous meses.

Se non o conseguíamos nese prazo veríamonos na obriga de suspender o proxecto e reintegrar as achegas a todos os amigos e as amigas que colaboraran ata o momento. Pero nunca nos defraudastes, e esta vez non ía ser distinto.

A día de hoxe podemos anunciar aos nosos amigos e visitantes, e moi nomeadamente aos nosos 59 subscritores populares ata o momento, que a Antoloxía Poetica xa é unha realidade. Se este éxito foi posíbel é unica e exclusivamente grazas ao voso inmenso apoio desde o primeiro momento, que nos levou a batir un récord na plataforma Goteo.org, o que mereceu unha mensaxe de felicitación de Enric Senabre, resposnábel de proxectos e comunidade da plataforma:

Ha sido una campaña muy rápida, de las más veloces en llegar al mínimo, felicidades por vuestra comunidad!
Enric Senabre Fidalgo, cofundador de Goteo.org

Esta mesma semana, a Asociación Monte Pindo Parque Natural e os coordenadores da Antoloxía Poética do Monte Pindo, Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, poranse en contacto con Edicións Toxosoutos, que é a que se vai facer cargo da edición, para darlle a boa noticia. Estimamos que a obra estará rematada e lista para entregar a todos os colaboradores en xaneiro ou febreiro de 2013, dado que o proceso editorial é bastante longo e aínda queda moito por facer.

Non obstante, a Asociación Monte Pindo Parque Natural vai manter habilitada a campaña en Goteo.org, dado que aínda que o obxectivo xa estea acadado, é unha excelente forma de facerse cun exemplar a un custe moito máis económico do que terá nas librarías. Ademais o nome da persoa subscritora (ou quen esta desexe) aparecerá recollido na páxina de Agradecementos da obra.

Lembramos que as subscricións pódense facer ata o 19 de novembro aboando 10 euros por exemplar por estes medios:

Por tarxeta de crédito ou PayPal no noso espazo en Goteo.org

Por transferencia á conta da Asociación Monte Pindo Parque Natural:

2080-0025-43-3040001120 (Novagalicia Banco)

Grazas a todos e todas por converter este soño nunha realidade. Sodes incríbeis!

Comentarios desactivados en A Antoloxía Poética do Monte Pindo sobe o seu primeiro chanzo

Out 22 2012

Sen comentarios: No meu País dos Ananos…

Fotografía sobre o drama da emigración en Galiza, realizada en 1957 por aquel fillo dun fareiro chamado Manuel Ferrol (Cabo Vilán,1923-A Coruña, 2003), de aí que o lugar de nacemento do autor sexa o faro camariñán. Pertence a unha serie feita para unha reportaxe encargada polo Instituto Español de Emigración. As dúas persoas que choran son un pai e seu fillo de Fisterra, seino ben porque non hai moito que lle dei aulas a un dos seus netos no IES Fin do Camiño.

Esta imaxe serve para ilustrar o meu estado de ánimo perante a resposta que o pobo galego expresou “libremente” nas urnas neste País dos Ananos.

E máis nada. Sen comentarios. Saúde!

(Premer na imaxe para agrandar o seu tamaño)

Comentarios desactivados en Sen comentarios: No meu País dos Ananos…

Out 18 2012

«O verme Noel» de Xosé Manuel Lobato, ou unha recensión que non o é

O meu caro amigo Xosé Manuel Lobato vén de publicar na súa columna quincenal «Lucerna da Portela» no xornal Galicia Hoxe un artigo intitulado «O verme Noel», no que reflexiona en forma de párabola sobre a próxima xornada do domingo 21 de outubro. O texto semella en aparencia unha serodia recensión do meu conto rimado infantil A cobiza do verme Noel, publicado por Galaxia o pasado ano, mais devén nunha caricatura da actualidade socio-política na nosa nación milenaria. Reproduzo deseguida a súa prosa:

LUCERNA DA PORTELA

O verme Noel

Como calquera outro líder da súa especie, Noel desprázase arrastrándose e con exasperante superioridade, mentres tanto argalla obsesivamente a forma de trepar e trepar ata acadar o que na súa escala de valores se considera o cumio.

O gran verme permanece sempre en campaña no país dos bechos, promete e promete, mais o seu é acaparar e acaparar, tenta disimular con gran esforzo, pero tanta avaricia transformada en gula termina por traizoalo e sempre queda en evidencia polos seus actos reflexos.

Os seus xa non o recoñecen… do prometido ao feito vai un treito, longos sendeiros libres que terminaban sendo a esencia da explotación, cobrando peaxe ou canon por servizos que non existían, mais ante tales atropelos esixía submisión e silencio.

Pouco tempo queimado necesitou o verme para convencerse de ser o gran mesías do pobo, gobernou e mandou sen escoitar a voz famenta dos seus, cobizoso coma ninguén imbuía os votos dos seus paisanos de forma convulsiva e insaciable.

Agrandada a súa sombra de salvador, proclamou as súas promesas, mais na realidade só prometía para tentar saciar a súa fixación de egocéntrico rei, todo un soño proclamarse rei.

As súas accións e comunicados eran emitidos cunha caducidade prefixada no estralampo novenario. Hoxe, nas vésperas da reflexiva reflexión un ideal do gobernador Noel; non é posible unha política social sen política económica.

Un verme deste tamaño e coñecementos é necesario en calquera país, pode que tamén imprescindible, pois o poder xa non corrompe en terras de augas turbias.

Noel, o cobizoso, necesitou tempo vello e augas cristalinas para ver a súa verdadeira imaxe e fuxir de pavor…

A súa historia é dunha riqueza excelsa e moi oportuna, un persoeiro insaciable nunha historia para provocar profunda reflexión dende A cobiza do verme Noel, título dun conto do poeta Miro Villar para nenas e nenos, as galiñas azuis espalladas polos eirados de Galicia agardan ansiosas peteirar en verme tan apetecible.

Comentarios desactivados en «O verme Noel» de Xosé Manuel Lobato, ou unha recensión que non o é

Out 16 2012

Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega

Published by under Manifestos

Fago meu e difundo nesta bitácora o «Pronunciamento da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ante das eleccións ao Parlamento» elaborado polo Consello Directivo, que preside Cesáreo Sánchez Iglesias. Velaquí:

Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega

Pronunciamento da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ante das eleccións ao Parlamento

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer pública a súa demanda de implicación dos partidos e organizacións políticas que concorren a estas eleccións co obxecto de incluíren nos seus programas de goberno a defensa activa e efectiva dun sistema literario galego e en galego.

Demandamos, dos partidos e organizacións políticas que presentan candidaturas ao Parlamento, que inclúan nos seus programas as xustas reivindicacións do colectivo de escritoras e escritores en lingua galega no referente á irrenunciábel defensa e promoción da lingua e da cultura propias de Galiza en todos os ámbitos de actuación e responsabilidade gobernativa.

A literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural favorecedor do autocoñecemento como corresponde a Galiza, nación cunha das máis antigas culturas de Europa.

Concibimos a literatura e a lingua galega como creadoras de cidadanía con valores democráticos, como depositarias e defensoras da nosa identidade como pobo, como instrumentos necesarios e irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza dun maior status político e xurídico, único xeito de non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.

Entendemos que a literatura e a lingua consolidan os dereitos dos pobos e son a vacina protectora para a consecución dunha democracia coa suficiente calidade e eficacia como para que mereza ser así chamada, que nos converte en individuos dun pobo cunha cultura e un idioma senlleiros.

Defendémolo nun momento en que, de continuar a asfixia económica programada que está a padecer o tecido cultural da Galiza e tamén as industrias culturais, pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.

É por isto que demandamos dotación económica, verdadeiramente comprometida e en clave de aposta de futuro, nos orzamentos da administración galega, posto que a cultura tamén forma parte da economía produtiva do noso país. Asemade, requirimos da administración galega instrumentos de xestión para o achegamento da literatura e polo tanto tamén dos escritores e escritoras á sociedade galega e de xeito transversal, sexa a través do ensino do galego e en galego, así como da visibilización da literatura en galego, desde as actividades de goberno como son o turismo cultural, ou os servizos sociais, até aquelas actividades dirixidas á formación dunha xuventude crítica e educada para o respecto, a paz e a solidariedade.

Como primeiras medidas do novo goberno, solicitamos:

1. Reposición da desaparecida Consellaría de Cultura.
2. Creación dunha Dirección xeral do libro.
3. Creación dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior.
4. Participación das escritoras e escritores galegos e od sistema editorial que difunde e amplifica a súa creación nas feiras e mercados internacionais.
5. Apoio ao teatro galego.
6. Promoción para a recuperación da memoria histórica da literatura oral.
7. Recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega.
8. Elaboración dun plan da lectura.
9. Apoio efectivo aos medios de comunicación en galego.
10. Elaboración dun plan director da cultura galega, e en concreto do libro en galego, que desenvolva a lei do libro na súa condición de industria estratéxica.
11. Restitución do uso do galego no ensino de todas as áreas de coñecemento técnico ou científico (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), dada a importancia da escrita e da creación científica no desenvolvemento dunha cultura plena.
12. Expropiación da Igrexa de Bonaval e acceso libre ao espazo público e laico que para as galegas e galegos debe ser o Panteón de Galegos Ilustres.

Así mesmo, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua, polo que lles rogamos que, á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais.

O Consello Directivo da AELG
11 de outubro de 2012

Comentarios desactivados en Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega

Out 16 2012

Sen comentarios: Educación de 1936 a hoxe (Wert)

Published by under Historia


(Lexislación franquista de agosto do 1936. Vía: Séchu Sende)

Comentarios desactivados en Sen comentarios: Educación de 1936 a hoxe (Wert)

Out 15 2012

Na revista cultural brasileira Musa Rara. Literatura e Adjacèncias (São Paulo), versionado polo poeta e ensaísta João Rasteiro


(De esquerda a dereita, eu, o poeta brasileiro Márcio-André e o poeta portugués João Rasteiro. A fotografia propositadamente divertida é da poeta brasileira Karinna Alves Gulias tirada nun café de Coimbra en marzo do 2009)

Musa Rara. Literatura e Adjacèncias é unha revista cultural brasileira, de São Paulo, que se edita na rede, en formato on line aberto, cuxo Editor-geral é Edson Cruz.

Até onte mesmo nada sabía da súa existencia e o seu coñecemento vén da man do amigo poeta e ensaísta João Rasteiro (Coimbra, 1965), un autor da miña mesma anada, a quen coñecín na súa cidade nos Encontros Internacionais de Poetas e que “traduziu para o português vários poemas meus”, aínda que eu diría “adaptou” pola proximidade lingüística.

Neste último número de Musa Rara publica a súa versión ao português dunha pequena escolla de poemas da miña autoría, labor que xa fixera con anterioridade na súa propia bitácora nocentrodoarco, tal e como aquí se contou e que, coma daquela, agradecemos inmenso.

Desta volta, alén do poema «Negación de Ulises e Teseo», tamén versiona «Adán desexa morrer no paraíso de Eva» e «Os meus zapatos», todos tres do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998); «Dioni», «Che», «Cama de Piedra» e «Quiñón» de Gameleiros (Xerais, 2002) e «Pont-Aven», «Pont-Aven (1886-1894)» e «Pont-Aven (2007)» do aínda inédito Breizh, que axiña vai publicar Toxosoutos.

Deseguida reproduzo esas versións ao português do João Rasteiro, quen tamén traduciu a poetas como Harold Alvarado Tenorio, Juan Carlos Garcia Hoyuelos ou Juan Armando Rojas Joo.

ADÃO DESEJA MORRER NO PARAÍSO DE EVA

Na laranja que filtram os teus braços
quando me fazes entrar no teu domínio
nos peros onde desagua o meu desígnio
oculto como o mar e os seus sargaços,
nas maçãs do pecado, nos abraços,
anseio ser Adão, sem raciocínio,
no pêssego sugado em condomínio,
desejo até morrer granizo em pedaços.
no líquido açucarado que me dás,
que bebo pouco a pouco, com agrado
pois acorda-me o odor de uma begónia,
na laranja, nos peros, nas maçãs,
no pêssego e no líquido açucarado
anseio o teu sabor de macedónia.

OS MEUS SAPATOS

Aqueles meus sapatos que antigamente
foram lustrosos, húmidos um dia
de tanto andarem sós, sem alegria,
amolecendo bolhas continuamente,
aqueles meus sapatos, na aurora
molhados de amargura, da dor mais fria,
e gastos de insana melancolia,
já são sapatos novos agora,
deram em recuperar o brilho antigo
ao aquecerem no lume permanente
das mãos pequenas, frágeis, imensas,
poderosas no amor, no seu abrigo,
aqueles meus sapatos, de repente,
descobriram as coisas mais intensas.

NEGAÇÃO DE ULISSES E TESEO

Se alguma vez tivesses que aguardar entre fio
e tecidos, não sejas Penélope que tece
e destece os bordados assim que anoitece.
Ulisses não existe, foi verso fugidio.
Se alguma vez tivesses que aguardar entre fio
e tecidos, não sejas Ariadna que oferece
sair do labirinto mortal a quem a esquece.
Teseo não existe, só sobra o desafio.
Se alguma vez eu tiver de partir como Odiseo
prefiro voltar sempre vencido a Compostela.
Não me importa a derrota se tu me identificas.
Se alguma vez eu tiver de marchar como Teseo
não há-de ser Artemisa fluxo do meu Sarela.
Não me importa ser lama se tu me purificas.

“DIONI”

Em cada marinheiro dorme um ser mitológico,
com dois potentes braços que na extremidade
se bifurcam em oito tentáculos ventosos,
e quando no horizonte sopra a voz do perigo
despertam oito braços apegando-se à vida.

“CHE”

No deserto que somos qualquer pescador
é homem que multiplica peixe e pão para os seus,
em completo silêncio reinventa o evangelho
segundo São Mateus. Nunca haverá cronistas
para darem noticia do milagre quotidiano.

“CAMA de PEDRA”

Os astutos olhos águias do marinheiro nunca
leram livros de Stevenson, Melville, London, Verne,
mas os dedos buliram em páginas de tinta
onde estavam escritas as marcas do mar, cofres
ocultos abertos pela chave do aparelho da vida.

“QUINHÃO”

As nuvens da incerteza ferindo como o sol,
sempre sois Ulisses, há sempre uma Penélope
que aguarda com tecidos. E Ítaca está distante
mesmo que fosse apenas uma maré de horas,
e Ítaca está distante mesmo que sempre regresses.

PONT-AVEN

São quinze as casas
e catorze os moinhos.
Mãos de pão de trigo.

PONT-AVEN (1886-1894)

Nada perdura
selvagem e primitivo.
Foge Paul Gauguin.

PONT-AVEN (2007)

Mercado da arte,
Paul Gauguin enche crepes,
rara atmosfera.

(Trad. João Rasteiro)

One response so far

Out 11 2012

Aberta a suscrición popular ou “crowdfunding” para a antoloxía poética Monte Pindo Parque Natural

Published by under Antoloxías,Poesía


Nas primeiras semanas de setembro do pasado ano 2011 esta bitácora daba conta aquí e acolá do proxecto para editarmos unha antoloxía de poemas para apoiar a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, un volume que coordinamos os escritores Francisco “Chisco” Fernández Naval e eu propio e que podería publicar a editorial noiesa Toxosoutos.

Porén para facermos realidade a edición, a activa e dinámica asociación Monte Pindo Parque Natural decidiu promover na rede (através da plataforma Goteo.org) unha iniciativa de “crowdfunding” (termo que se podería traducir por financiamento colaborativo ou colectivo), isto viría sendo unha suscrición popular da que informan na súa páxina web oficial e que reproducimos deseguida:

Nace a subscrición popular Antoloxía poética do Monte Pindo

A Asociación Monte Pindo Parque Natural está traballar nunha ambiciosa iniciativa para reunir nun só volume a obra poética máis destacada sobre o Olimpo Celta creada durante séculos por ducias de diferentes estudosos, literatos e creadores de todos os tempos, xunto con novas poesías inéditas dos máis prestixiosos escritores do escenario literario galego. Todo este inmenso potencial creativo formará parte da Antoloxía poética do Monte Pindo que está a piques de nacer.

Porén a dura situación de crise que atravesamos dificulta que as editoriais asuman editar, publicar e distribuír a obra. Afortunadamente unha editorial galega comprometeuse a asumir a edición, sempre e cando garantamos a adquisión anticipada dun mínimo de exemplares. Isto esperamos conseguilo coa axuda de todas e todos vós e da plataforma Goteo.org.

Este proxecto está impulsado e coordinado polos escritores Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, ambos afincados na Costa da Morte e membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural. O obxectivo do proxecto é enriquecer e estimular a produción literaria arredor do monte sacro dos nosos antergos, mais tamén xuntar os esforzos de conservación da imaxinación e da historia en torno aos recursos naturais do Monte Pindo e afortalar as actividades abertas, de lecer e de conciencia, que son realizadas regularmente neste espazo.

Para converterte en subscritor popular, simplemente deberás entrar na páxina do proxecto en Goteo.org e facer reserva dun ou varios exemplares da Antoloxía Poética do Monte Pindo a un prezo único de 10 euros (o que supón un aforro de ata 5 euros sobre o prezo final que terá a obra nas librarías). O ingreso pódese facer aquí usando a tarxeta de crédito ou ben mediante PayPal.

Ao acadar o número mínimo de 105 subscricións, o obxectivo darase por conseguido e a Asociación Monte Pindo Parque Natural activará a edición da obra, que incluirá nos seus agradecementos o listado dos nomes dos que nos axudaron a conseguilo.

Unha vez que a edición esté lista, porémonos en contacto con cada subscritor/a para concretar o xeito de entrega do/s exemplar/es da Antoloxía Poética do Monte Pindo.

Que pasa se acadamos o obxectivo?

A partir dos 105 subscricións dispoñemos de 45 exemplares adicionais para quen desexe adquirir a obra co mencionado desconto.

Que pasa se non acadamos o obxectivo?

En caso de que a data de 19 de novembro non se teña conseguido o número mínimo de 105 subscricións populares que fagan posíbel a edición, suspenderase o proxecto e reintegraranse todas as achegas efectuadas ata o momento.

Alén de todo isto, nós, os editores literarios, tan só temos que engadir que esta obra pretende recoller textos poéticos xa publicados e outros totalmente inéditos que as poetas e os poetas xa fixeron chegar ás nosas mans.

Gardamos estes textos sen desvelar até a presentación da antoloxía, mais como adianto velaquí vai un breve poema do meu irmán Rafa Villar que se publicou no seu libro A sotavento dunha singradura (Espiral Maior, col. Illa verde, 1995).

carabela de xeada somos
en enviso verso pimentel
de pedras pindas, eu digo,
e mar fisterra
ennobelando pasado e presente
co fío infindo
dun mañá incerto nos anais da terra.
a historia, fulxente espiral, agardará por nós

Rafa Villar

Comentarios desactivados en Aberta a suscrición popular ou “crowdfunding” para a antoloxía poética Monte Pindo Parque Natural

Out 06 2012

Héitor Picallo ilustrará a portada do poemario Breizh


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

En varios lugares desta bitácora, coma este, falouse do meu poemario aínda inédito Breizh, que tras un azaroso e desafortunado periplo editorial agora vai publicar a Editorial Toxosoutos nas próximas semanas. O seu director literario, o filólogo ourensán David G. Couso, fíxome chegar unha proposta de ilustración para a portada que asina Héitor Picallo.

E apráceme inmenso que sexa o amigo Héitor, escritor da vila de Cuntis (ou a Vila do Baño), a quen quixemos acompañar hai uns días (velaquí a crónica) no acto cultural no que se lle facía entrega do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela.

Alén do seu infatigable labor de investigación cultural, histórica ou literaria, o noso caro amigo Héitor Picallo tamén sobrancea na ilustración. Velaí a súa portada do suplemento cultural co que homenaxearon a Valentín Paz Andrade no Día das Letras Galegas os xornais El Correo Gallego e o dixital Galicia Hoxe. Ou tamén a longa serie de Tilirín, na que saliento a acaída e fermosa caricatura que me fixo para o volume Tilirín e a poesía de hoxe (Edicións da Fervenza, 2011). Con esta anotación reproduzo ese retrato da súa autoría e a posible portada de Breizh, ao tempo que testemuño a miña gratitude atlántica e os meus parabéns.

One response so far

Next »