Ago 20 2012

Avelino Pousa Antelo (1914-2012), in memoriam


(Rianxo 1985: con Avelino Pousa Antelo; Gustavo Santiago Valencia; Pepita Blanco, viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo; o alcalde, Xosé Bravo Frieiro e Francisco Fernández del Riego. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)


(Rianxo 1985: Ánxeles García Sumay (Anxos Sumai) en primeiro plano, con Avelino Pousa Antelo; Gustavo Santiago Valencia e Pepita Blanco, viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo)


(Rianxo 1985: Brinde con Avelino Pousa Antelo e Pepita Blanco, viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo) (Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Na miña persoal lembranza de homenaxe ao galeguista Avelino Pousa Antelo, que nos deixou hoxe, 20 de agosto, recupero as imaxes e boa parte do texto dunha anotación publicada nesta bitácora co título “Memoria Literaria (I): En Rianxo, case vinto e cinco anos atrás“, pois foi nese acto onde coñecín e tratei por vez primeira a don Avelino, que sempre estivo á miña beira nesa xornada de inmensa ledicia para min e que se unira con entusiasmo á proposta de facermos un brinde pola memoria de Castelao. Nesa anotación dicía eu:

Reproduzo unhas vellas fotos que atopou polo Concello de Rianxo o seu técnico de Cultura, e poeta amigo, Fernando R. Lavandeira, porque estas imaxes son unha excelente xustificación para lembrar o meu primeiro texto que deu en aparecer publicado nun libro, aínda que fose colectivo, pois o meu primeiro libro individual é o poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior: 1992).

Anos antes, en 1985, fun merecedor do XI Premio de Narracións Curtas «Modesto Rodríguez Figueiredo», convocado polo Patronato do Pedrón de Ouro, polo relato «Augas de silencio», que a xuízo de Basilio Losada, presidente do xurado, significaba «toda una revelación». Aquel xurado estivera composto ademais por Avelino Pousa Antelo, como secretario, Avelino Abuín de Tembra, Carmen García Rodríguez, Manuel Quintáns Suárez e Luís Alonso Girgado. Andando o tempo tiven trato con algunhas destas persoas e mesmo Carmen García Rodríguez foi unha das miñas docentes de Lingua Galega cando me reincorporei aos estudos para facer Filoloxía Galego-Portuguesa na USC.

Naquela convocatoria de 1985 resultaran accésits dúas persoas que hoxe considero amigas e un escritor xa desaparecido. O primeiro accésit fora para Ánxeles García Sumay (quen hoxe asina como Anxos Sumai) por «Relembranzas con Palmira e banana split»; o segundo foi para o finado Manuel Riveiro Loureiro por «Meirama» e o terceiro para Xosé Manuel Fernández Castro por «Segrel Charles o asombrador». Todos catro están publicados no volume colectivo Premios Pedrón de Ouro 1985 / 1986 (Sada: Edicións do Castro, 1987), con esa curiosa capa que semella a guía Vía Michelin.

O premio entregouse na noite do 28 de decembro do 1985 nun acto (ao que corresponden as fotografías) desenvolvido no Concello de Rianxo, entidade patrocinadora nesa edición, coa presenza de moitos persoeiros, entre os que estaban Pepita Blanco, a viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo; do alcalde naquela altura, Xosé Bravo Frieiro; o secretario do patronato, Avelino Pousa Antelo, quen leu a acta do xurado e do mantedor, tamén membro do Patronato, Francisco Fernández del Riego, quen fixo unha semblanza dos escritores rianxeiros desde Paio Gome Charinho até Rafael Dieste, salientando a Manuel Antonio, Castelao e Faustino Rey Romero“.

Os seguintes parágrafos da anotación pódense ler aquí, centrados xa no anecdotario que lembro daquela xornada. Alén diso, salientarei que no andar do tempo coincidín moitas veces co vello mozo galeguista, Avelino Pousa Antelo, en moitos actos, case sempre acompañado dos escritores David Otero e Xoán Xosé Fernández Abella, e sempre houbo tempo para un saúdo e para unhas palabras de agarimo. Son moitas as semblanzas que o recordan hoxe, mais vou salientar o excelente programa especial do Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe a poeta Ana Romaní, que incluíu unha das últimas entrevistas gravadas co vello mozo galeguista.

Que a terra che sexa leve, vello mestre!

Comentarios desactivados en Avelino Pousa Antelo (1914-2012), in memoriam

Comments are closed at this time.