Ago 06 2012

Hiroshima, 6 de agosto de 1945 (fanse 67 anos)

Published by at 19:41 under Cinema,Documental,Historia,Poesía

Hoxe fanse 67 anos da barbarie da bomba atómica sobre Hiroshima que sucedeu o 6 de agosto de 1945 (e en breve tamén será o aniversario da bomba sobre Nagasaki) e na súa memoria reproduzo o magnífico documentario da BBC que lembro ollar en La2. Completo dura 90 minutos.

Hai agora un ano nesta bitácora lembrei esta data da man do cineasta francés Alain Resnais que realizou en 1959 o filme Hiroshima, mon amour que tamén lembro ollar unha noite hai moito tempo en La2. Reproduzo o que escribín hai agora un ano sobre esta película:

Marabilloume a súa poesía. E pouco despois escribín un poema (unha décima) que se incluíu no libro 42 décimas de febre (Toxosoutos, 1994) e que moito lles debeu chamar a atención aos estudantes do IES Pintor Colmeiro de Silleda, pois o recollen na súa páxina logo dunha visita que fixemos ao centro varios poetas, convidados por esa magnífica lectora e profesora que se chama Gracia Santorum. Como acontece na película de Alain Resnais, utilizo nos meus versos Hiroshima como metáfora da devastación amorosa, nada a ver coa crúa realidade que sementou o bombardeiro B-29 de nome Enola Gay, naquel funesto día 6 de agosto do 1945, que nunca máis se debe esquecer.

Hiroshima, mon amour

Como a bomba de Hiroshima,
mon amour, o teu silencio
devastador evidencio
e abofé que teño grima
pois cobizo máis estima.
Non serei correspondente
dun olvido evanescente
porque o teu calar destrúe
o que o noso Amor constrúe
pouco a pouco , lentamente.

Comentarios desactivados

Comments are closed at this time.