Ago 02 2012

A fisterrá Celia Rivas Casais protagoniza a nova novela de Fran Alonso

Published by at 13:09 under Fotografía,Narrativa

O amigo Fran Alonso vén de converter á fisterrá Celia Rivas Casais nun dos personaxes protagónicos da súa novela A punta de pistola, que está a publicar por entregas o xornal La Voz de Galicia, e que despois sairá completa en formato libro. O diario coruñés publica hoxe o segundo capítulo intitulado «Celia, a camioneira».

Coñecemos a historia desta muller no libro Celia Rivas Casais. Pioneiras da Costa da Morte, da autoría da súa sobriña Lili Díaz Rivas, que incorpora tamén abondo material fotográfico. Tamén, o pasado mes de marzo a Galería Mulleres, que artella o Concello de Muxía a través do Departamento de Servizos Sociais, converteuna na figura escollida para a súa exposición de memoria histórica, acompañando o seu retrato desta breve descrición:

«Celia Rivas Casais (Fisterra, 1912-1974) foi a primeira muller camioneira do Estado español. Muller traballadora e emprendedora, herdou o oficio do seu pai, conseguindo ademáis dar traballo a outras persoas de Fisterra. Celia Rivas Casais, pertencente á familia coñecida coma “As Lavancas” , representa ás mulleres traballadoras que souberon sair adiante nun mundo de homes e nunha época especialmente difícil polas condicións económicas e a guerra civil. Co seu esforzo conseguiu montar unha empresa de conservas e venta de peixe. Muller moi querida e lembrada en Fisterra».

A novela de Fran Alonso ficciona a súa vida de camioneira e haberá que seguirlle o fío, polo de agora aínda envolto no misterio. No entanto reproducimos aquí a súa aparición no segundo capítulo:

Celia, a camioneira

Escoitaches as palabras daquel individuo e entrouche un arreguizo. Tiñas incertezas, é verdade, pero ao tempo picouche o amor propio. Ti subiches ao camión, e quedaches alí, amarrada ao volante, mirando para o home que te tiña que examinar.

El non dubidaba. Tiña expresión de contrariedade, coma se alguén lle estivese facendo perder o tempo. Pero tampouco quería ser descortés, así que che dixo:
-Baixe do camión, señorita, e que suba a persoa que se vai examinar.

E ti contestaches asistida de razón:
-Son eu quen se vai examinar.

Aquel home mirou perplexo para ti, logo buscou o seu axudante coa ollada; entón intercambiaron unhas palabras, revisaron os papeis, e certificaron que, efectivamente, tiñan que examinar unha muller.

Ti eras perfectamente consciente de que aquela era unha situación estraña, de que nin ti nin ninguén próximo a ti, excepto teu pai, vira nunca unha muller conducindo un camión, pero tampouco sabías que, en realidade, te estabas a converter na primeira muller galega, na primeira muller de toda España, que estaba a sacar o carné de conducir camións. A primeira camioneira.

Entón aquel home que tiña que examinarte subiu onda ti, sentou, e daquela subiu tamén a túa irmá María, que sempre te acompañaba, que era a túa sombra, porque non lle gustaba deixarte soa. Ela era a maior e ti agradecíaslle esa fidelidade, moi especialmente naquel momento, cando aínda tiñas 18 anos, Celia, e resultaba unha circunstancia realmente excepcional, naquel 1932, ver unha muller ao volante dun camión.

Pero ti nunca te arredaches ante nada. Estabas afeita, porque o voso pai vos estimulaba a facelo, a negociar, a mercar e vender, a buscarvos a vida, a sobrevivir.

Así que agora, o de poñerte ao volante dun camión para examinarte non che parecía nada difícil. Todo o contrario, xa che resultaba familiar, practicaras moito, e tamén dominabas bastantes cuestións de mecánica que o examinador che ía pedir, como, efectivamente, logo fixo, quedando abraiado ante a túa destreza á hora de montar e desmontar as buxías.

Claro, sería ridículo que á filla dun mecánico se lle resistisen unhas buxías. Pero é que o teu pai, o voso pai, o pai das Lavancas, non era calquera. Era un home viaxado, con ideas avanzadas, un home que teimaba en que as súas fillas fosen independentes e soubesen saír adiante, que desexaba para vós o mellor, que vira moitas veces mulleres ao volante en América e que agora vos propuxera a vós, ou? ben, propuxéralle á túa irmá María, que sacase o carné de conducir para prescindir do chofer no transporte do peixe e que a vosa ganancia fose maior.

Tamén é certo que María, ante semellante proposta, quedou desconcertada, pois se ben ela sempre fora afouta, non o fora tanto coma ti, e converterse nunha muller ao volante dun camión producíalle un enorme desasosego. Se cadra por iso, por aliviala, tamén por compracer o teu pai e, sobre todo, porque ti sempre estabas disposta a abrires camiño, ofrecéchestelle ti como candidata a camioneira.

Se xa ías mercar peixe ás praias para vender, se xa tiñas valentía para rachar o universo, non ías renunciar agora a mellorar as condicións de vida da túa familia negándote, por prexuízos, a conducir un camión.

Era evidente que se aquela longa estrada de grava e lama que levaba de Fisterra á Coruña non se lle resistía a ningún home, tampouco se che podía resistir a ti. Ademais, sabías que aquel Chevrolet de chasis longo que mercara o teu pai estaba feito para as túas mans. Por iso, cando o examinador, con aquela voz atónita, pronunciou a frase de, está vostede aprobada, señorita, ti xa sabías que ía ser así.

2 responses so far

2 ResponsesA fisterrá Celia Rivas Casais protagoniza a nova novela de Fran Alonso to “”

  1. Ben Díazon 22 Ago 2012 at 10:26

    Moitas gracias Miro polas túas palabras. Déixoche aquí a páxina facebook que elaborei para a miña nai, Lily, onde están subidos moitos dos seus cadros e distinta información sobre o seu libro, que está desexando reeditar porque xa non se atopa por ningures. Moitísimas gracias, de verdade, por axudar a que a esta impresionante muller traballadora con tanto arte dentro sexa recoñecida. Unha aperta enorme!

    http://www.facebook.com/lilidiazrivas

  2. Miro Villaron 29 Ago 2012 at 17:02

    Obrigado, Moitas grazas a ti, grazas a vós. Foi o meu miúdo grao da area para axudar a lembrármonos da nosa historia. Estiven pola Normandía e até hoxe non dei lido as túas palabras e agora agardo poder pescudar con interese esa páxina de facebook se é pública, pois non fago parte desa rede social. Unha aperta atlántica,