Archive for Xullo, 2012

Xul 31 2012

«Ruta Abentina por Muxía»: sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h.


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Xa falamos nesta bitácora do 1º Outlet de Libros de Muxía, que se celebrará os vindeiros días 3, 4 e 5 de agosto, na praza do Cabo da Vila. Os Editores de Compostela (agrupación conformada polas editoriais Alvarellos, Positivas, Sotelo Blanco e Urco), partillan desta volta a organización coa Fundación Gonzalo López Abente (da que fago parte) e co concello de Muxía.

O acto de inauguración deste 1º Outlet de Libros de Muxía terá lugar o venres, día 3 de agosto, ás 12.00 h., e estará aberto as tres xornadas dende esa hora até as 22.00 h. Ese primeiro día, ás 20.00 h., terá lugar un expréss literario, semellante a outro xa realizado en Compostela, onde autoras e autores con presenza nos catálogos das devanditas editoriais presentarán as súas obras en quendas de dez minutos. Pola miña banda hei presentar no devandito expréss literario a edición de Bretemada (Alvarellos, 2011), o poemario inédito de Gonzalo López Abente, e a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía da Costa da Morte) (Sotelo Blanco / Asociación Neria, 2009), da que son compilador xunto a Modesto Fraga.

Pola súa banda, a Fundación Gonzalo López Abente organizou unha «Ruta Abentina por Muxía», que se desenvolverá o sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h, para percorrer a vila guiados por Xan Fernández Carrera e con sete estacións ou paradas en lugares importantes para a biografía ou a obra do muxián Gonzalo López Abente, nelas serán lidos poemas da súa autoría aos que lle darán voz algúns poetas da Costa da Morte.

No monumento dedicado a López Abente (saída e parada I) X. H. Rivadulla Corcón le o soneto «Muxía»; na casa onde viviu López Abente (parada II) non hai lectura de poema; no cruceiro do Cabo da Grixa (parada III) Serxio Iglesias le «O cruceiro do Cabo da Grixa»; no santuario da Virxe da Barca (parada IV) Carmen Sambade le «Abalando»; nas pedras da punta da Barca (parada V) Dolores Canosa le «A pedra da Barca»; no monte Corpiño (parada VI) Rosalía Fernández Rial le «No monte Corpiño»; no camiño e fonte da Pel (parada VII) Xosé Manuel Varela le «Moxena» e no coído e na Camposa (parada VIII) Miguel Vázquez Freire le «O meu mar» e Xaime Trillo le «A Camposa».

Comentarios desactivados en «Ruta Abentina por Muxía»: sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h.

Xul 30 2012

Addio, Adeus ao profesor Filippo Bettini

Unha mensaxe de L’associazione culturale Allegorein, da que era presidente, comunícame a triste e dorida mala nova da morte na mañá do pasado sábado 28 de xullo do profesor Filippo Bettini, Ricercatore di Letteratura italiana moderna e contemporanea, cuxo funeral terá lugar mañá ás 11,00 h. no Tempietto Egizio del Verano (Roma).

Coñecín persoalmente ao profesor Filippo Bettini cando recibín o Premio Tívoli-Europa en 1997, por Abecedario da desolación. Varios textos deste poemario recolléronse despois no volume Il cammino di Santiago (1998), ao coidado do propio Filippo Bettini e Armando Gnisci, que escribiron na lapela:

«Il cammino di Santiago: il cammino compiuto dai pellegrini, in una pluralità di lingue e di culture, verso il santuario di Santiago di Compostela. Il titolo è allegoria di questa pluralità cui si rivolge la ricognizione condotta dagli autori sulla giovane poesia europea (russa e inglese, greca e tedesca, scozzese e spagnola, francese bosniaca e albanese) con l’obbiettivo di contribuire a vivere l’Europa Unita anche nel campo della parola e dell’arte. Questo libro – atto inaugurale della prima edizione del premio internazionale di poesia Tivoli Europa Giovani – è un omaggio al vincitore, Miro Villar, mirabile poeta in gallego, qui tradotto in nove lingue perché possa esser letto da tutti i cittadini di questo nostro vecchio vitalissimo continente. Un omaggio in cui lo spazio del religioso finis terrae viene a coincidere con la laica ricerca di nuovi cammini in questo tempo d’interazione e di globalità».

Na seguinte edición, outro libro meu foi finalista do Premio Tívoli-Europa en 1998, Equinoccio de primavera, e de novo viaxei a Tívoli-Roma e coincidín co profesor Filippo Bettini. Desta volta un dos seus poemas apareceu versionado no volume Forse, questo è il confine (1999), tamén ao coidado de Filippo Bettini e Armando Gnisci. A lapela sinala desta volta:

«Nel 1998, le poesie dei dieci finalisti al Premio Tivoli Europa, sono state raccolte, in una pluralità di lingue europee, nel volume Il cammino di Santiago. Le poesie del vincitore, Miro Villar, con i suoi puri sonetti galleghi, ci condussero allora al finisterre atlantico. Il Premio del 1999, segnato dalle tragedie di una guerra che si consuma a metà strada tra Santiago e Mosca, ha come vincitrice Tat’iana Mìlova, una poetessa che ci conduce al confine opposto dell’Europa. La giovinezza che stilla dalla sua poesia forse è il sintomo di un’Europa che vuole avere un futuro e non vuole essere né il guardiano degli interessi dell’impero, né l’ammutolito museo del Nord del mondo. Come nel volume del premio precedente, anche in questa raccolta le poesie dei dieci finalisti verranno presentate in lingua originale e in traduzione italiana; mentre le poesie della vincitrice saranno offerte ai lettori in italiano, russo, inglese, greco, scozzese, tedesco, spagnolo, francese, bosniaco, albanese, ungherese».

O profesor Filippo Bettini era un atento estudoso da literatura italiana, autor de moitos libros alén dos xa citados, entre os que salientan nos últimos anos: Gruppo ’93 (con F. Muzzioli, 1990); Terza Ondata (con R. Di Marco, 1993); Poeti contro la Mafia (1994); L’Europa e l’altra Europa (1997); Il cammino di Santiago (con A. Gnisci, 1998); Quel dio che non avemmo (in collaborazione con C. Muto, 1999); Forse questo è il confine (con A. Gnisci, 1999); Dalle Ebridi a Malta (con A. Gnisci, 2000); Migrazioni (in collaborazione con C. Muto, 2000); Roma patria comune (in collaborazione con R. Piperno, 2000); Don Giovanni o della fine del mito, in A. Gianquinto, Don J (2002); Roma (2003, edizione in 5 lingue: italiano, inglese, spagnolo, francese e tedesco).

Addio, Adeus caro amigo profesor Filippo Bettini. Alla moglie e al figlio le mie sincere condoglianze.

One response so far

Xul 24 2012

Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo de Castelao

Published by under Historia,Política

Neste Día da Patria Galega esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo deseñado por Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.

Xosé Luís Méndez Ferrín, actual presidente da RAG, publicou o 16 de xuño do 2008, na súa colaboración dos luns en Faro de Vigo, un artigo intitulado «Da Fouce e da Estrela» no que fai unha historia da bandeira galega que reproduzo nos seus primeiros parágrafos:

«Farruco Sesto Novás titulou así, fillo como é da cultura política galeguista, un seu libro de poemas, non sei se o primeiro. El sabía, supoño que tamén Anxo Quintana e Mario López Rico, que Castelao ideara en pleno fragor bélico, 1937, o escudo republicano de Galicia (si: como Atila en Galicia). Neste escudo elimínase o elemento contrarreformista do copón e o Santísimo Sacramento, e o mesmo se fai coas sete cruces das sete provincias representativas do Antigo Réxime. Igualmente, a coroa real desaparece como é regra en réxime de República. No escudo de Castelao hai unha fouce de ouro, que acumula no seu simbolismo a herdanza céltica e a rebeldía dos agrarios e dos irmandiños. No chefe da fouce de ouro campa unha estrela vermella de cinco puntas (nada que ver coa de David). É a estrela da Liberdade e do Socialismo. O escudo é abrazado por un tenente que é serea de longa cabeleira que, polo baixo, ensina, atrevida e algo bulrista, o rabo de pixota. O escudo da serea, da fouce e da estrela leva, no deseño de Castelao, unha lexenda: DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS. Coido que algún día este será o escudo oficial de Galicia».

No artigo completo, que se pode ler aquí, continuaba a criticar a Mario López Rico polos seus deseños para as campañas nacionalistas. As voltas que dá a vida, e a política aínda máis: López Rico foise do BNG co denominado Encontro Irmandiño e hai pouco coincidía con Méndez Ferrín na constitución de Anova Irmandade Nacionalista. Neste proxecto participan seica as e os militantes da FPG, da que foi xermolo o PCLN, que se opuxera firmemente cando Xosé Manuel Beiras Torrado xurou a constitución española. Eu non entendo nada, mais xa hai tempo que non entendo nada neste País dos Ananos. Mais hei de estar nalgúns dos seis (si, dixen seis!!!) actos ou manifestacións da esquerda nacionalista neste Día da Patria Galega.

Comentarios desactivados en Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo de Castelao

Xul 23 2012

Novos poemas manuscritos de Gonzalo López Abente: «¡Orza!»


A xenerosidade de Arturo Suárez Varela (que coma min fai parte da Fundación Gonzalo López Abente, coa lexitimación que lle dá o parentesco que o une ao poeta muxián) faime coñecedor dalgúns manuscritos e mecanoscritos valiosos por se me fosen de utilidade no meu labor de compilar a Poesía Completa, na que estou a traballar xa que o vindeiro ano conmemoraremos os 50 anos do seu pasamento.

E hoxe como adianto ou primicia traio até esta bitácora dous manuscritos que revelan o proceso de escrita do poeta. Son ambos e dous do poema intitulado «¡Orza!» que foi publicado no libro Centileos nas ondas (Vigo: Editorial Galaxia, 1958), que foi o primeiro en ser publicado polo poeta despois da guerra, tras un longo silencio, e que en palabras de Méndez Ferrín no Limiar do inédito Bretemada (Alvarellos, 2011) puido deberse ao interese amosado por Illa Couto, finado no pasado mes de abril: «Nunca esquecerei o día no que Xaime Illa Couto (con contactos na familia) me amosou o orixinal mecanoscrito do libro de López Abente que axiña ía saír á luz en Vigo».

Nos dous manuscritos da man tremorosa dun poeta xa maior (un deles escrito no reverso dun envelope da Real Academia Galega (RAG), da que foi nomeado numerario o 8 de decembro de 1940 e tomou posesión o 27 de xullo de 1941) pódese ollar que hai algún verso que cambia a respecto da publicación definitiva, que reproduzo deseguida. Trátase en concreto do oitavo verso, no manuscrito di: “que está o porto a barlovento”.

¡ORZA!

Orza, que o vento é de proa,
cínguete ben, aproveita
para abranguer a coroa
riba daquel mastro ergueita.

Nos baixíos brúa a morte
á banda de sotavento;
rixe o leme con man forte
¡Ai, se o vento racha as velas!

Velame: miñas arelas,
e leme: meu corazón.
¡Ai, se o vento racha as velas
e o mar arrinca o timón!

Comentarios desactivados en Novos poemas manuscritos de Gonzalo López Abente: «¡Orza!»

Xul 20 2012

Gonzalo López Abente nos anos da II República

Published by under Historia,Poesía,Política


(Na imaxe de pé, Sebastián González, Eladio Rodríguez, Enrique Peinador, López Abente, Celia Brañas Fernández, Pura González Varela, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Angel del Castillo e Fernando Cortés. E sentados, Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Vilar Ponte e Félix Estrada Catoyra)

Unha das lagoas que aínda temos na biografía do poeta muxián Gonzalo López Abente, debida sobre todo ao espolio dos seus papeis, é a constatación do seu compromiso político nos anos trinta, en concreto durante a II República que naceu o 14 de abril do 1931.

Temos constancia documental de que participou na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, encabezando a delegación de Muxía, segundo informa o xornal coruñés El Orzán (27-IV-1930) e meses máis tarde aparece entre os asinantes que apoiaron a creación en Pontevedra do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo do 1934, asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, acto que se celebrou no salón da Alcaldía do pazo Municipal da Coruña. No arquivo da Academia consérvase unha fotografía na que aparecen todos os participantes, entre eles figura Abente que daquela aínda non era académico de honra (desde o 20 decembro de 1918 era académico correspondente, foi elexido de honra o 8 de decembro de 1940 e tomou posesión o 27 de Xullo de 1941).

E o día 24 de xullo de 1935 organizouse na cidade coruñesa un mitin semellante ao coñecido “mitin das arengas” que acollera A Quintana compostelá un ano antes nesa data. Nesta ocasión consistiu nunha homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento. Glosaron a personalidade e a obra do poeta desde distintos ángulos, en palestras de dez minutos: Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

Na presentación do inédito Bretemada (Alvarellos, 2011), o actual presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, que escribiu o Limiar para a nosa edición, lanzou a hipótese de que tivese certo compromiso coa histórica Izquierda Republicana. E ben puidera ser así, xa que o seu poema «A Fouce» foi reproducido na portada do Faro Villabés. Órgano de la «Izquierda Republicana» de Villalba (Ano III, nº 49. Vilalba, 1º de maio do 1934). Este poema xa se publicara no seu primeiro libro, Escumas da ribeira (Madrid: Imprenta Juán Pérez Torres, 1911?) e fora reproducido noutras publicacións. Malia o título, o seu contido non trata de ningunha revolta agrarista, senón da morte da súa muller, súa curmá Balbina Abente Myszkovski, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910 ao ano de casaren. Daquela, acaso sería reproducido na publicación vilalbesa porque Gonzalo López Abente era un dos seus? Abofé que así puido ser.

A FOUCE

Fouce lucente en lóstregos bermellos,
bermellos com’o sangue das tuas víctimas,
¿qué segador xigante te manexa?
¿Qué segador de vidas
tenche de cote, amenazante e torva,
sobre as nosas cabezas suspendida?
……………………………………………………………

A carón do meu peito
refungando pasaches aquel día,
e do arbre en que frolecen meus amores
arrincáchel-a ponla máis querida,
a ponla n-a qu’as froles máis sinxelas
perfumaban de cote a y-alma miña.
¿Qué viñeches facer hoxe de novo,
fouce famenta das humanas ditas…?
Fungaches, como fungan
as pezoñentas víboras,
y-outra ponla arrincaches do meu peito…
Dime, fouce maldita,
¿qué segador funesto te manexa,
que as froles todas do meu peito arrincas?
Se te gozas co-as bágoas dos meus ollos,
fire sin compasión, fouce cativa;
d’un golpe fende o tronco do meu arbre,
y-o sangue que me salla da ferida
¡n-o aceiro relucente da tua folla
unha eterna blasfemia deix’escrita!


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente nos anos da II República

Xul 19 2012

No 1º Outlet de Libros de Muxía, os vindeiros días 3, 4 e 5 de agosto


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Fervenzas Literarias adianta o cartaz do 1º Outlet de Libros de Muxía, que se celebrará os vindeiros días 3, 4 e 5 de agosto, na praza do Cabo da Vila. Os Editores de Compostela (agrupación conformada polas editoriais Alvarellos, Positivas, Sotelo Blanco e Urco), que xa teñen organizado con anterioridade outro outlet na cidade de Compostela, partillan desta volta a organización das xornadas coa Fundación Gonzalo López Abente (da que fago parte) e co concello de Muxía.

O acto de inauguración deste 1º Outlet de Libros de Muxía terá lugar o venres, día 3 de agosto, ás 12.00 h., e estará aberto as tres xornadas dende esa hora até as 22.00 h. Ese primeiro día, ás 20.00 h., terá lugar un expréss literario, semellante ao xa realizado en Compostela, onde autoras e autores con presenza nos catálogos das devanditas editoriais presentarán as súas obras en quendas de dez minutos.

Por parte da Fundación Gonzalo López Abente está a se organizar un roteiro abentiano que se desenvolverá o sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h, para percorrer a vila guiados por Xan Fernández Carrera e con sete estacións ou paradas en lugares importantes para a biografía ou a obra do muxián Gonzalo López Abente, nelas serán lidos poemas da súa autoría aos que lle darán voz algúns poetas da Costa da Morte.

Pola miña banda ofrecínme a presentar no devandito expréss literario a edición de Bretemada (Alvarellos, 2011), o poemario inédito de Gonzalo López Abente, e a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía da Costa da Morte) (Sotelo Blanco / Asociación Neria, 2009), da que son compilador xunto a Modesto Fraga.

2 responses so far

Xul 18 2012

Curtametraxe sobre o quecemento global da atmosfera


(Fonte: medioambiente.org)

A seca deste inverno e a abafante calor destes días (aquí entre nós aínda aturable, moito máis ardente na meseta ou no sur da península) sempre fai cavilar sobre o que se denomina “quecemento global da atmosfera”.

A asociación non gobernamental Green Thing realiza vídeos imaxinativos e intelixentes para concienciar a poboación mundial sobre o cambio climático e sobre a necesidade de artellarmos políticas medioambientais de sostenibilidade. Esta curtametraxe (de só 2’15) foi escrita por John Kelly e Jesper Varlen, producida por Irresistible Films, con música de Michael Mertens (www.escaperoute.de), fotografías de Iain Grant e a narración do actor, director e escritor Daniel Lapaine. Fermosura de mensaxe.

Comentarios desactivados en Curtametraxe sobre o quecemento global da atmosfera

Xul 17 2012

Á lus do candil abre as portas e as páxinas dos libros en Arteixo: venres, ás 20,00 horas


(Cartón de convite. Premer ma imaxe para unha mellor lectura)

Chegou o convite para o acto de inauguración da libraría Á lus do candil que terá lugar este venres 20, ás 20,00 horas en Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) e na que lerei algúns versos na compaña de poetas: Lucía Novás, Rivadulla Corcón, Marilar Aleixandre, cos cadros de Nolo Suárez e coa música de Sés, da que abaixo reproduzo un video onde canta o tema «Admirando a condición».

Non o sei de certo, mais talvez escolla estes dous poemas do libro As crebas (Espiral Maior, 2011) que falan de libros e de lecturas.

Notas manuscritas

Futuros palimpsestos as notas manuscritas que abandonas nos libros das poetas amadas, a perdérense incertas porque se anuncian tempos no que as bibliotecas serán Alexandría neste transo de oráculos que agoiran a derrota do libro como obxecto.

Dubidosa existencia. Impreciso o destino das notas manuscritas que descobren lecturas, moitas revisitadas, nas que os teus ollos limpos intimaron cos versos, nas que o pálpito suave do teu corpo delgado foi coma húmido xunco no limo da xunqueira, un tremor indomable na atonía das horas.

As notas manuscritas voan no inescrutable silencio que o refacho dun novo tacto creba.

Novelas de aventuras

As mulleres, que len, son perigosas, seica, e ti xa non concibes a existencia sen libros desde aquela nenez feliz na biblioteca cando a balea branca Moby Dick era un soño do capitán Akhab e ti tamén soñabas con chamarte Ismael na cuberta do Pequod.

Ou Huckleberry Finn, Tom Sawyer, Sandokán, Kim, Miguel Strogoff, Marco Polo, Lord Jim, novelas de aventuras con mulleres caladas, con ou sen amor, presas do dedal e da agulla.

As mulleres, que len, foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos.

One response so far

Xul 17 2012

Poemas (XLVI): «Canto nono», de Tonino Guerra


(Imaxe tirada da páxina da Associazione Culturale Tonino Guerra)

A surrealista historia da desaparición e roubo do Codex Calixtinus tamén serve para ilustrar o desprezo dos frades composteláns pola cultura material e inmaterial que deberían salvagardar (aínda que no meu ideal de sociedade laica iso acontecería ben lonxe dos santos lugares). Teñen unha concepción patrimonialista, mais só no senso de propiedade: O Codex Calixtinus é seu.

E veume á acordanza o fermosísimo poema intitulado «Canto Nono» do chorado poeta italiano Tonino Guerra (1920-2012), que precisamente nos deixou o pasado Día Mundial da Poesía, 21 de marzo. Tonino Guerra é se callar aínda máis coñecido por ser autor de máis de 120 guións. No suplemento Ípsilon, do xornal portugués Público lembraban:

«Nas décadas seguintes irá trabalhar com mais de cinquenta realizadores italianos e estrangeiros, incluindo Antonioni, Bolognini, Damiano, De Sica, Fellini, Marco Ferreri, Monicelli, os irmãos Taviani, Francesco Rosi, Angelopoulos e Tarkovski.

O número de argumentos que escreveu (mais de uma centena) é impressionante, tanto mais que uma considerável percentagem desses trabalhos resultou em reconhecidas obras-primas do cinema, como Amarcord (1973), de Fellini, A Aventura, de Antonioni (1960), ou Nostalgia (1983), de Andrei Tarkovski. Amarcord valeu-lhe, juntamente com Casanova ’70 (1965), de Mario Monicelli, e Blow-Up (1966), de Antonioni, uma das três nomeações que recebeu para os Óscares.

Com Fellini, colaborou ainda em O Navio (1983) e Ginger e Fred (1986), mas os realizadores com quem trabalhou mais regularmente foram Antonioni, para quem escreveu uma dezena de argumentos, Francesco Rosi e, mais recentemente, o cineasta grego Theodoros Angelopoulos, que morreu em Janeiro deste ano e com quem colaborou em sete filmes».

Este «Canto Nono» fai parte do seu libro Il miele (O mel. Rimini: Editore Maggioli, 1981) e conta unha fermosa historia de frades e libros. Reproduzo deseguida o texto orixinal en italiano, a versión ao português que eu teño en O Mel (Assírio e Alvim, 2004, tradução de Mário Rui de Oliveira) e aínda outra de Stefano Strazzabosco en español (que lle dedicou a Gabriel García Márquez, de quen fixera o guión de Crónica de una muerte anunciada para a película de Francesco Rosi).

CANTO NONO

Avrà piovuto cento giorni e l’acqua che si è infiltrata
dietro le radici dell’erba
è arrivata in biblioteca e ha bagnato le parole sante
che stavano chiuse dentro il convento.

Quando è venuto fuori il bel tempo,
Saja-Novà che era il frate più giovane
ha portato con le scale tutti i libri sui tetti
aprendoli al sole perché l’aria calda
asciugasse la carta bagnata.

E’ passato un mese di bella stagione
e il frate stava in ginocchio nel cortile
ad aspettare che i libri dessero un segno di vita.
E finalmente una mattina le pagine hanno cominciato
a frusciare leggere nella brezza del vento,
pareva che fossero arrivate le api sui tetti
e lui si è messo a piangere perché i libri parlavano.

CANTO NONO

Terá chovido durante cem dias e a água infiltrada
pelas raízes das ervas
chegou à biblioteca banhando as palavras santas
guardadas no convento.

Quando tornou o bom tempo, Sajat-Novà o frade mais jovem
levou os livros todos por uma escada até ao telhado
e abriu-os ao sol para que o ar quente
enxugasse o papel molhado.

Um mês de boa estação passou
e o frade de joelhos no claustro
esperava dos livros um sinal de vida.
Uma manhã finalmente as páginas começaram
a ondular ligeiras no sopro do vento
parecia que tinha chegado um enxame aos telhados
e ele chorava porque os livros falavam.

CANTO NOVENO
A Gabriel García Márquez

Habrá llovido unos cien días y el agua se metió
tras las raíces de la hierba
y llegó a la biblioteca y mojó las palabras santas
que estaban encerradas en el convento.

Cuando salió el sol,
Sajat-Novà quien era el fraile más joven
subió con la escalera todos los libros a los techos
y los abrió al sol para que el aire caliente
secara el papel mojado.

Pasó un mes de buen tiempo
y el fraile estaba de rodillas en el patio
a la espera de que los libros dieran una señal de vida.
Y por fin una mañana las páginas empezaron
a crujir ligeras en la brisa del viento,
parecía que habían llegado las abejas a los techos
y él se puso a llorar por que los libros hablaban.

Comentarios desactivados en Poemas (XLVI): «Canto nono», de Tonino Guerra

Xul 16 2012

«Rosalía», un soneto de Gonzalo López Abente

Ao fío da conmemoración onte do 127 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro que organizou a súa Fundación, reproduzo un soneto que leva o seu nome por título e que publicou o muxián Gonzalo López Abente no seu libro D’Outono (A Coruña: Editorial Ronsel, 1924).

Rosalía e a súa obra teñen moita presenza nos poetas clásicos da Costa da Morte (velaí o noso artigo sobre a súa pegada na poesía de Antón Zapata que se pode revisitar nesta anotación) e na obra de Gonzalo López Abente non vai ser a única vez que apareza, mais este soneto é a mellor mostra literaria, alomenos na miña opinión.

Como lembra Suso Sambade na súa Introdución ao volume A narrativa mariña (Xerais, 2012) de Gonzalo López Abente: «Na casa do avó estivera Rosalía de Castro invitada á romaría da Barca en 1853 cos Pondal Abente e a consecuencia dunha epidemia de cólera declarada naqueles días morrería a irmá do autor do Himno Galego, Eduarda. Rosalía, que pasaría a corentena decretada polas autoridades sanitarias, faría o famoso poema á romaría da Barca (Cantares gallegos, 1863), e en Muxía ambientaría a súa primeira novela: La hija del mar, 1858».

O soneto de Gonzalo López Abente está dedicado ao intelectual portugués Leonardo Coimbra (1883-1936), quen participou do movemento da Renascença Portuguesa e do seu órgano ou voceiro, a revista A Águia (que posúe edición dixitalizada), e que mantivo un forte relacionamento cos autores das Irmandades da Fala. É ben posible que incluso houbese relación epistolar entre ambos e dous, mais é algo que non podemos confirmar a día de hoxe pois non temos testemuños.

ROSALÍA

(A Leonardo Coimbra)

As ondas d’un prefume meigo e soave
espállanse no chan da terra amada
c’os armoñosos sons da enfeitizada
liria d’ouro que inda hoxe non se sabe
se rî ou chora, coma a gaita grave
que salaía e relouca na ruáda.

Eres ti, poetisa inmaculada,
ti, que da Patria incensal-a outa nave,
a dona da emoción que dentro trema
do meu nervioso corporal sistema,
de tal xeito que en mística manía
coido, cando os teus versos estóu lêndo,
(e perdóeme Deus se así o ofendo)
que comulgo o manxar da Eucarestía.

Comentarios desactivados en «Rosalía», un soneto de Gonzalo López Abente

Next »