Xuñ 08 2012

A poeta Marta Dacosta lembra o colectivo Un Medio

Published by at 19:36 under Entrevistas,Historia,Poesía

A poeta amiga Marta Dacosta (Vigo, 1966) fai referencia á nosa coincidencia cronolóxica na denominada promoción dos noventa da poesía galega nunha longa e moi interesante entrevista que lle realiza o portal dixital fervenzasliterarias e que tamén recolle na súa propia bitácora acuática.

Nunha das súas respostas fai memoria do momento en que coñeceu aos poetas da Costa da Morte, aínda que cómpre facer notar unha pequena imprecisión xa que o poeta fisterrán Modesto Fraga, que había ser secretario do Batallón Literario da Costa da Morte, non fixo parte daquel primeiro xermolo que formaba o colectivo Un Medio, do que algo xa se falou nesta bitácora.

Así foi. Por volta do ano 1986 un grupo de sete mozos “letraferidos” (ou amantes da literatura), todos de Cee e por iniciativa do daquela concelleiro de Cultura, o mestre nacionalista Xosé Cañizo, constituímos o colectivo de poesía Un Medio e publicamos nos anos seguintes dous cartapacios en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Artur Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo. A experiencia finou ao espallármonos en diferentes ocupacións estudantís e laborais. E pouco tempo despois, en sintonía co colectivo soneirán Arre Sentelha!, había cristalizar o Batallón Literario da Costa da Morte, que no seu mellor momento chegaría a xuntar a máis de trinta escritores e escritoras da zona.

Deseguida reproduzo as palabras de poeta viguesa Marta Dacosta, aínda que recomendo ler toda a entrevista completa nesta ligazón.

Encádrase na Xeración dos 90, á beira de autores como Fran Alonso, Rafa e Miro Villar, Paco Souto… Poderiamos atopar un fío que una e caracterice esa promoción poética?

Os nomes que acabas de citar traballamos con poéticas radicalmente distintas. É certo que cadramos nun tempo común e que entre nós hai pouca diferencia de idade.

Eu coincido primeiramente con Fran Alonso e outra xente no Colexio Universitario de Vigo. Nese escenario comezamos falar sobre a nosa preocupación por facer visíbel o que estabamos escribindo e dá lugar a un recital en Vigo no ano 1987 titulado A cidade espida, promovido por Xurxo Rodríguez de Radio Ecca, onde participamos cinco poetas. Ese recital hai que contextualizalo por unha banda na necesidade de visibilización e por outra banda como contestación ás últimas rabexadas da chamada Movida viguesa.

Logo chegamos a Compostela e na Faculdade de Filoloxía os estudantes publicaban a revista Ólisbos. Na Facultade de Filoloxía entro en contacto con Rafa Villar e co grupo de teatro. A través de Rafa coñezo a un grupo literario, procedente da Costa da Morte, que facían máis ou menos o mesmo que nós en Vigo. Era un grupo anterior ao Batallón Literario chamado Un e medio, creo, que sacaran un pequeno folleto de poesía. Velaí estaban, se lembro ben, Rafa e Miro Villar, Estevo Creus, Modesto Fraga e Artur Trillo, quen sempre foi o motor teatral.

Cos anos o grupo que xa formabamos entramos en relación con máis xente e iso deu lugar, no curso 87-88, ás Carpetas do Dragón e logo, máis tarde, a Letras de Cal.

Que cousas tiñamos en común esa xeración? Eu creo que a vontade de levar a poesía a todos os lugares, de feito facíamos moitísimos recitais polos bares de Santiago. Todos partillabamos a necesidade de facer pública a nosa poesía, de escribir en galego, de agrandar a expresión da nosa lingua. Houbo tamén unha diferenza coa poesía anterior -aínda que nisto non estou moi segura de que fora unha cousa consciente-, con textos menos culturalistas e apostando pola sinceridade. Simplificamos e espimos o texto, desbotando a barroquización das formas. Nós quitamos a carga retórica, sacamos as referencias, minguamos a extensión, todo en prol dunha (impresión de) sinceridade.

Outra característica desa xeración é a presenza das mulleres. Nótase a nosa presenza e será un elemento valorado nesta xeración.

2 responses so far

2 ResponsesA poeta Marta Dacosta lembra o colectivo Un Medio to “”

  1. Marta Dacostaon 11 Xuñ 2012 at 19:08

    Grazas Miro. De memoria lembrei o que lembrei, mais a memoria é traidora e, por veces, inventa máis que relata. Así que grazas pola puntualización que Nacho Alonso vai incluír en nota na entrevista, de xeito que quedará constancia do feito e das persoas, algo impresindíbel.

    Lembro que por algún lado gardo un folleto de Un medio, un folleto que recollín un día en Cee, nunha mostra de teatro, por iso sabía eu do tema. E matizo, se non lembro mal.

    Unha aperta.

  2. Miro Villaron 11 Xuñ 2012 at 19:58

    Abondo e grato é que lembrases un colectivo tan efémro como Un Medio, que só editou dous pequenos cadernos deseñados por Xoán Creus Andrade. Pasaron moitos anos. Moitas grazas e obrigado a ti por ese exercicio de memoria literaria. Unha aperta atlántica,