Archive for Maio, 2012

Mai 29 2012

Gonzalo López Abente no volume Todas as letras do Día das Letras Galegas



(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

A Real Academia Galega (RAG) vén de dispoñibilizar en libre acceso na súa páxina web o volume intitulado Todas as letras do Día das Letras Galegas, co que se conmemoran os 50 anos desta celebración ou liturxia da literatura galega. Na publicación medio cento de académicos numerarios ou correspondentes repasan cadansúa figura das que teñen sido homenaxeadas neste día. Como xa se contou nesta bitácora os mesmos materiais serviron para elaborar aquel número especial do suplemento Culturas de La Voz de Galicia.

Novamente lembramos os artigos dedicados aos únicos autores da Costa da Morte que figuran na listaxe: Eduardo Pondal Abente, Día das Letras Galegas, 1965, nun texto escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG, e Gonzalo López Abente, Día das Letras Galegas, 1971, por Xosé María Lema Suárez, académico correspondente. Cabo deles tamén un autor de quen conmemoramos o seu centenario, Celso Emilio Ferreiro, Día das Letras Galegas, 1989, e cuxo texto está escrito por Alba Nogueira López, nada en Toba (Cee) en 1968 e profesora de Dereito Administrativo na USC e académica correspondente.

Todos tres están ao voso dispór tamén na citada anotación, hoxe reproducimos máis unha vez a breve semblanza do escritor muxián.

Gonzalo López Abente. Día das Letras Galegas, 1971
Por Xosé María Lema Suárez

Aínda que tamén foi narrador e dramaturgo, destacou sobre todo como poeta. É un dos nosos grandes poetas do mar, sendo o seu o mar bravo e inquedo da Costa da Morte. En 1909 casou coa súa curmá Balbina Abente, que lle morreu de parto ó ano seguinte e iso condicionaría a súa vida e obra. O seu primeiro poema (Un velorio na aldea) data de 1899, con apenas 21 anos. Na segunda década do século XX acadou sona como escritor e a Real Academia Galega farao académico correspondente. O seu compromiso co idioma propio sempre foi claro; en 1921 escribe: «Ao falar deste meu vello e querido pobo, coido que sería ridículo facelo noutra fala que non fose a mesma del, a que decote lle serviu para as súas necesidades». Participará nos movementos a prol do idioma e do galeguismo, uníndose ás Irmandades da Fala (1916), á Asemblea Nazonalista (1917) e á Irmandade Nazonalista Galega (1922). En 1926 entra no Seminario de Estudos Galegos. En 1936 participará na campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia. Polo seu compromiso galeguista e republicano será represaliado polos sublevados en 1936, que o deixarán sen emprego. En 1941 entrou como numerario na RAG, cun discurso sobre a poesía de Pondal. No 2011, por iniciativa do Concello muxián, créase en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para difundir a súa obra.

* Obra
Escumas da ribeira, 1911
D´Outono, 1924
Nemancos, 1929
Vaosilveiro, 1929

Gonzalo López Abente
*Muxía, 1878
*Muxía, 1963

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente no volume Todas as letras do Día das Letras Galegas

Mai 28 2012

Poemas (XLII): «Llegada al mar», de José Hierro

Published by under Antoloxías,Arte,Poesía

Nórdica é unha das editoriais españolas que máis me interesan pola escolla das súas publicacións. Entre as súas últimas novidades está o fermoso libro Hierro ilustrado. Antología gráfica y poética de José Hierro (1947-2002), cuxas primeiras páxinas son accesibles neste pdf). Nesta escolma de poemas e de debuxos ou ilustracións da man do propio poeta figura un dos seus textos que máis estimo: «Llegada al mar».

O primeiro video reproduce o booktrailer de Hierro ilustrado que publicitaron os de Nórdica e no segundo na canle youtube podemos escoitar o poema na voz do seu autor.

«Llegada al mar»

Cuando salí de ti, a mí mismo
me prometí que volvería.
Y he vuelto. Quiebro con mis piernas
tu serena cristalería.
Es como ahondar en los principios,
como embriagarse con la vida,
como sentir crecer muy hondo
un árbol de hojas amarillas
y enloquecer con el sabor
de sus frutas más encendidas.
Como sentirse con las manos
en flor, palpando la alegría.
Como escuchar el grave acorde
de la resaca y de la brisa.

Cuando salí de ti, a mí mismo
me prometí que volvería.
Era en otoño, y en otoño
llego, otra vez, a tus orillas.
(De entre tus ondas el otoño
nace más bello cada día.)

Y ahora que yo pensaba en ti
constantemente, que creía…

(Las montañas que te rodean
tienen hogueras encendidas.)

Y ahora que yo quería hablarte,
saturarme de tu alegría…

(Eres un pájaro de niebla
que picotea mis mejillas.)

Y ahora que yo quería darte
toda mi sangre, que quería…

(Qué bello, mar, morir en ti
cuando no pueda con mi vida.)

Comentarios desactivados en Poemas (XLII): «Llegada al mar», de José Hierro

Mai 28 2012

A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición de Suso Sambade). Outras crónicas da presentación


(Outra imaxe da presentación, na que fala Rivadulla Corcón, a quen acompañan de esquerda a dereita, Manuel Bragado, Ramón Nicolás e Suso Sambade. A fotografía tamén é de Viki Rivadulla, secretaria da Fundación. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Nunha anterior anotación xa fixen a miña crónica persoal do importante acto literario organizado pola Fundación López Abente o pasado sábado, día 26 de maio, na Biblioteca Municipal de Muxía, a presentación do volume A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición literaria do profesor muxián Xesús Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.

Deseguida compilamos outras crónicas sobre a xornada, principiando por dúas persoas que tamñen participaron na presentación do volume:

Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, faino na súa bitácora brétemas.

E o profesor e crítico literario Ramón Nicolás, no seu cadernodacrítica.

E a propia Edicións Xerais recolle estas dúas e a miña no seu blogue.

Na prensa de ámbito galego, Carme Vidal, directora do dixital sermosgaliza (que axiña sairá tamén en papel como semanario) escribe un artigo intitulado «Tras a pegada dun gran poeta do mar».

Na prensa comarcal, Eduardo Eiroa fai a crónica que reproducimos na imaxe (pois La Voz de Galicia restrinxe moitos contidos só aos seus subscritores) na edición de Carballo.

Alberto Pose fai unha ampla crónica para o dixital compásdacosta e Ubaldo Cerqueiro outra máis breve para o dixital quepasanacosta.

One response so far

Mai 27 2012

The angel’s share, de Ken Loach, Premio do Xuri no Festival de Cannes 2012

Published by under Cinema,Premios

Sabido é, e xa o comentei nesta bitácora, que son devoto do cinema comprometido socialmente do británico Ken Loach. Acaba de se dar a coñecer o palmarés oficial do Festival de Cannes 2012 (non tan coñecido como o noso de curtametraxes Festival de Cans) e a súa nova película The angel’s share vén de gañar o Premio do Xuri, coa que o director volta ás historias que teñen contido social e ambientadas en Escocia.

A fita que mereceu a Palma de Ouro foi Amour doutro magnífico cineasta, Michael Haneke (quen xa a conseguira antes por unha controvertida, polémica e fermosa película intitulada A fita branca). O palmarés completo pódese coñecer na páxina oficial do festival e todos os trailers das películas a competición nas páxinas culturais do dixital portugués O Sol.

Doutra banda, no Festival de Cans (que se celebra nesta aldea do concello pontevedrés d’O Porriño) outorgáronlle o premio á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros a Mr Bear, dirixida por Andrés Rosende, porque conxuga a técnica, a interpretación e o humor, nun exercicio de ironía pura e dura.

Comentarios desactivados en The angel’s share, de Ken Loach, Premio do Xuri no Festival de Cannes 2012

Mai 27 2012

E Bretemada, de Gonzalo López Abente, tivo presenza no Exprés Literario dos Editores de Compostela

Published by under Poesía,Presentacións

Hai uns días recibimos X. H. Rivadulla Corcón e mais eu un convite de Henrique Alvarellos para presentarmos o libro inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, no Exprés Literario que organizaron os Editores de Compostela (grupo do que fan parte Alvarellos Editora, Edicións Positivas, Sotelo Blanco Edicións e Urco Editora), en colaboración co Bar A Medusa.

E houbo que desculparse e xustificar a nosa ausencia, pois a esas horas era obrigada a nosa presenza no importante acto literario organizado pola Fundación López Abente tamén onte, día 26 de maio, na Biblioteca Municipal de Muxía, para a presentación do volume A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición literaria do profesor muxián Xesús Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.

Na altura de principiarmos este acto en Muxía, pois tamén daba comezo na compostelá Praza Salvador Parga a morea de presentacións ou mellor dicir micropresentacións, moi rápidas todas, a toda mecha, cunha duración máxima, cada unha delas, de dez minutos, nas que as empresas agrupadas en Editores de Compostela daban conta das súas novidades literarias, acompañándoas de lecturas, música e tamén comida e bebida.

Bretemada, de Gonzalo López Abente, foi presentado polo editor Henrique Alvarellos. E así nolo conta a completa crónica do Exprés Literario que fai o crítico literario Armando Requeixo no seu blogue criticalia.

Comentarios desactivados en E Bretemada, de Gonzalo López Abente, tivo presenza no Exprés Literario dos Editores de Compostela

Mai 27 2012

A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición literaria de Xesús Sambade). Crónica da presentación




(Cuberta do libro e imaxes da presentación, coa Biblioteca Municipal ateigada e coa mesa, onde fala Suso Sambade, a quen acompañan de esquerda a dereita, Manuel Bragado, Ramón Nicolás e Rivadulla Corcón. As fotografías son de Viki Rivadulla, secretaria da entidade. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Estivo abondo concorrido o importante acto literario organizado pola Fundación López Abente onte, día 26 de maio, na Biblioteca Municipal de Muxía. Sucedeu na presentación do volume A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición literaria do profesor muxián Xesús Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.

Desculpada a asistencia por motivos familiares de Félix Porto, alcalde de Muxía e presidente da Fundación López Abente, foi o vicepresidente X. H. Rivadulla Corcón quen pronunciou as palabras de benvida e saúda. Repasou máis unha vez os obxectivos da Fundación (da que fago parte), entre os que sobrancea o de reeditarmos a obra de Gonzalo López Abente e lembrou o compromiso do escritor muxián coa nosa lingua (velaí o seu monolingüismo na práctica totalidade da súa obra, agás  o uso do castelán nalgúns, moi poucos, textos de menor entidade), coa paisaxe atlántica da Costa da Morte e coa muxiá en particular e tamén coa xente que habita este territorio. Tamén adiantou os próximos proxectos editoriais: unha guía didáctica para uso escolar, que está a ultimar Xan Fernández Carrera, e a obra poética completa na que eu ando enguedellado para bastante tempo.

Deseguida, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, sinalou como desde o seu proxecto editorial están a revalorizar a moitas autoras e autores que hoxe podemos considerar clásicos (nun excelente labor de recuperación, e este subliñado é noso) que é unha das varias liñas editoriais que conforman o catálogo deste selo xa histórico na literatura galega moderna. Ao tempo incardinou o labor editorial dentro dunha angueira que ten como norte a defensa da nosa lingua e da nosa cultura, coa mesma forza identitaria dos proxectos creados na época das Irmandades da Fala e logo de Nós, etapas nas que Gonzalo López Abente tivo moito protagonismo, malia vivir sempre en Muxía. Na bitácora brétemas, notas do traballo de edición do propio Manuel Bragado, xa se podía ler onte a súa crónica persoal.

Por parte, o profesor e crítico literario Ramón Nicolás, director da Biblioteca das Letras Galegas, lembrou a importancia desta colección, da que A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, fai o número 67, pois nela está publicada a obra case completa de autores fundamentais coma Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros, e ao tempo serve para recuperar a obra doutros menos coñecidos ou divulgados coma o poeta Manuel Luís Acuña ou o narrador Manuel Lueiro Rey. Eu propio podo dar testemuño deste último obxectivo porque nesa mesma colección xa preparei as edicións literarias de Orballo da media noite, de Roberto Blanco Torres (1998); Indo para máis perto. A señardade no puño, de Xosé Alexandre Cribeiro (2004) e Poesía galega completa e textos en prosa, de Emilio Álvarez Blázquez (2005).

Xa logo, Ramón Nicolás dixo falar como crítico literario (colaborador de varias publicacións especializadas, de xornais e cunha moi interesante bitácora denominada cadernodacrítica) para situar a narrativa breve de Gonzalo López Abente no contexto da literatura galega de preguerra e lembrar a anécdota persoal de que en 1995, nun traballo sobre o tempo das Irmandades da Fala, elaborado para Hércules Ediciones, non lle sería doado atopar os títulos abentianos (non o é para ninguén) se non existisen os fondos históricos da viguesa Biblioteca da Fundación Penzol, que garda moitas xoias da nosa literatura, e que nese mesmo ano tamén se achegou á súa poesía
através da Antoloxía poética que preparei e que editou Espiral Maior.

O profesor muxián Xesús Sambade, editor literario e autor da excelente Introdución que acompaña A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, explicou na fala dialectal muxiá as razóns de reeditar estas cinco inencontrables novelas curtas do autor muxián: O diputado por Veiramar (1918); O escándalo (1920); O novo xuez (1922); Buserana (1925) e Fuxidos (1926), xustificando a escolla do título para o conxunto (que recolle unha proposta miña) pola ligazón que todas as obras teñen co ambiente mariñeiro, non só na descrición da paisaxe senón tamén no deseño dos seus personaxes protagónicos. Fixo un breve percorrido polo nó argumental de cada un dos textos e rematou convidando á súa lectura, nomeadamente pola xente de Muxía e mesmo de toda a Costa da Morte, xa que os ambientes e os personaxes teñen moito a ver coa nosa idiosincrasia.

6 responses so far

Mai 24 2012

Paradoxo: maior presenza nalgunhas bibliotecas foráneas que na maioría das galegas



(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

O antropólogo muxián Manuel Vilar fíxose bo coñecedor dalgunhas bibliotecas (que en inglés reciben o nome de library) británicas ou norteamericanas nas súas estadías neses territorios. E fíxome saber uns datos que me abraian e que resultan paradoxais: resulta que a obra da miña autoría ten maior presenza nalgunhas bibliotecas foráneas que na maioría das galegas.

Tal e como reproduzo nas dúas imaxes anteriores, na londinense British Library hai até cinco volumes coa miña sinatura (imaxe 1), mesmo algún deles xa totalmente esgotado e imposible de atopar por estes lares, e na Library of Congress estadounidense (imaxe 2) figura a miña sinatura en seis volumes. Son cifras que sorprenden, pois unha procura aleatoria en varias bibliotecas galegas dá un número de rexistros menor, ás veces incluso moito menor, o que di moito das políticas culturais que padecemos a respecto da adquisición de fondos para as nosas bibliotecas públicas. Para que serviu pois a finiquitada Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas? Para que serve pois a creada Mesa do Libro? Por que as nosas bibliotecas, agás o mastodonte do Gaiás e algunhas poucas máis, non poden contar con exemplares de cada libro que se publica no noso País?

Moito temos que aprender aínda de fóra.

A British Library contaba (e segue a medrar) coa posibilidade de consultar 14 millóns de libros; 920.000 cabeceiras de xornais e revistas ou 3 millóns de gravacaións de artes, ciencias. Humanidades e outras moitas materias.

Máis grande aínda (e tamén as medrar) son as coleccións da Library of Congress que inclúe máis de 32 millóns de libros catalogados e outros materiais impresos en 470 linguas; máis de 61 millóns de manuscritos; 1 millón de exemplares de xornais de todo o mundo dos últimos tres séculos world newspapers spanning the past three centuries; 33.000 volumes de xornais encadernados; 500.000 microfilmes; máis de 6000 títulos de novelas gráficas ou cómics; filmes; 5,3 millóns de mapas; 6 millon work; 3 millóns de gravacións ou máis de 14,7 millóns de cartaces e imaxes fotográficas.

2 responses so far

Mai 23 2012

A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición literaria de Xesús Sambade) preséntase o vindeiro sábado en Muxía


(Cartaz e convite. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

O mes das Letras Galegas remata en Muxía coa celebración dun importante acto literario organizado pola Fundación López Abente. Este sábado, día 26, ás 19,30 na Biblioteca Municipal da localidade costeira vai ter lugar a presentación do volume A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición literaria do profesor muxián Xesús Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.

As palabras de benvida e saúda de Félix Porto, alcalde de Muxía e presidente da Fundación López Abente, darán paso á intervención de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais (quen non hai moito xa visitou Muxía para presentar a novela O noso amor será eterno, de X. H. Rivadulla Corcón, baseada na lenda da Buserana); do profesor e crítico literario Ramón Nicolás, director da colección Biblioteca das Letras Galegas, e finalmente do profesor Xesús Sambade, editor literario e autor da excelente Introdución que acompaña á prosa abentiana e que xa puiden ler nas primeiras probas de maquetación do libro.

A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, reedita cinco inencontrables novelas curtas do autor muxián: O diputado por Veiramar (1918); O escándalo (1920); O novo xuez (1922); Buserana (1925) e Fuxidos (1926). A escolla do título para o conxunto obedece á ligazón que todas as obras teñen co ambiente mariñeiro, non só na descrición da paisaxe senón tamén no deseño dos seus personaxes protagónicos.

Tiven a gozosa oportunidade de reler todos estes textos na edición que preparou o amigo Suso Sambade, quen nos ha dar moitas sorpresas na explicación do seu traballo. A min xa me serviu para lembrar a potencia narradora dun autor que é moito máis coñecido polo seu estro.

One response so far

Mai 22 2012

Críticas á retirada da tradución ao córnico no Penn an Wlas / Land’s End


As entidades defensoras da lingua córnica están a realizar accións de protesta pola eliminación dunha tradución ao córnico ou cornish de “Fin da Terra” na parte de arriba da entrada ao recinto, e así nolo conta a BBC News.

A primeira das fotografías no Penn an Wlas / Land’s End fixémola na viaxe que realizamos do 22 ó 28 de agosto de 2011 ás terras de Cornualles (en córnico: Kernow [ˈkɛrnɔʊ]; en inglês: Cornwall, e en galego talvez habería que dicir coma en portugués Cornualha), que fora organizada polo Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), presidido por Xosé María Lema Suárez, e que fora planificada con rigorosidade polo noso amigo Manuel Vilar Álvarez, historiador e antropólogo, bo coñecedor do territorio córnico (e británico en xeral). Nesa imaxe da miña autoría pódese ollar aínda o topónimo en córnico, que agora foi eliminado.

Segundo a BBC, a entidade denominada Maga, the Cornish Language Partnership, subliñou que a retirada das palabras “Penn an Wlas” foi un acto de “limpeza lingüística”. E engadiu que tales movementos poden ser prexudiciais para a cultura córnica.

A BBC tamén sinala que o córnico deu en morrer como primeira lingua a finais do século XVIII e que en febreiro de 2009, as Nacións Unidas, certificaron que o córnico estaba extinguido. Porén, en decembro de 2010, a propia ONU aceptou que debería reclasificarse o córnico como lingua en perigo crítico.

Maga, the Cornish Language Partnership, sinala que habería preto de 300 falantes fluentes e moitas máis persoas que terían un coñecemento parcial da lingua. Para a entidade “A lingua está a medrar e cada vez se demanda máis sinalización en todo Cornwall”.

Pola contra, David Bryans, director xeral do Land’s End, sinalou que os cambios foron feitos durante unha remodelación que se realizou para acadar maior atracción e “levar o máximo de turismo posible turismo a Cornualles”, pois a “Fin da Terra é unha atracción turística internacional e temos un ethos multi-cultural”. E que a benvida en cornish aínda se vai mostrar de forma prominente e orgullosa na entrada, ao lado de linguas internacionais como o alemán, español e italiano.

Nós, como é evidente, estamos e estaremos coas entidades defensoras da lingua e da cultura nacional córnicas. E iso por moito que a lingua córnica sexa tan minorizada, mais en proceso de revitalización como se amosa na páxina de Maga, onde podemos escoitar incluso sonetos de William Shakespeare recitados en córnico (Kernewek), nun Festival de Poesía celebrado o pasado mes de abril, como o 65 e o 109. Velaquí:


Comentarios desactivados en Críticas á retirada da tradución ao córnico no Penn an Wlas / Land’s End

Mai 21 2012

Marcos Valcárcel (1958-2010), nome sobranceiro para o IES A Carballeira (Ourense)


(Retrato de Marcos Valcárcel, da autoría de Antón Pulido para a capa do volume colectivo O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos, Difusora de Letras, Artes e Ideas, Ourense: 2009. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Sei que Marcos Valcárcel (1958-2010), de estar aínda hoxe connosco, estaría feliz e moi satisfeito de que o seu último lugar de traballo coma docente e no que foi profesor durante máis de vinte e cinco anos, o IES A Carballeira, de Ourense, vai levar de agora en diante o seu nome, coa aprobación da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta merecida homenaxe postreira ao historiador e intelectual ourensán (de cuxo cabodano falamos aquí) engádese a moitas outras como a Medalla Castelao 2009 ou o Premio Otero Pedrayo 2009.

De maneira moito máis humilde quero lembrar que o seu blogue As uvas na solaina foi un dos alicerces que inspirou o nacemento desta bitácora como recoñecín publicamente na recente Cea das Letras da AELG. Hoxe tamén vou lembrar a derradeira comunicación epistolar que mantivemos, logo de eu lle mandar unha serie de datos sobre a histórica coral ourensá De Ruada nos escritos do poeta Antón Zapata García, a quen consagrei a miña Tese de Doutoramento, petición que me fixera nun dos últimos actos nos que coincidimos antes de que a doenza tollese o seu activismo e a súa mobilidade.

De resultas dese acto compartido en Fisterra, na homenaxe ao alcalde republicano Cipriano Fernández, escribiu unha anotación na súa columna «Andoliña» na derradeira páxina do xornal Galicia Hoxe, cando aínda existía en papel. Publicouse o martes, 3 de abril do 2007, e Marcos enviounos aos seus amigos “fisterráns”, coma nos chamaba, o texto que agora reproduzo, que se pode ler tamén na ligazón do xornal.

ANDOLIÑA martes 3 abril

MEMORIA HISTÓRICA EN FISTERRA

Marcos Valcárcel

Estiven esta fin de semana en Fisterra participando nunhas xornadas dedicadas a Cipriano Fernández, alcalde da vila fisterrá durante case toda a Segunda República e militante de Izquierda Republicana, que ten o dubidoso honor de ser o único alcalde da Costa da Morte “paseado” naquela hora. Quizais non só por motivos políticos, senón tamén por vinganza persoal: de todo houbo naquel estoupido da barbarie. Falei alí do xigantesco esplendor cultural da Galicia de 1900 a 1936 en todos os campos: da literatura ás artes plásticas, da música ó teatro, do cine ó pensamento, da loita pola lingua ó labor cotián na emigración, arela consciente de construír un país.

Este encontro coa historia é útil, necesario e inevitable. En Fisterra estaban Luís Lamela, o mellor coñecedor da represión naquela comarca, e os amigos poetas Miro Villar, Alexandre Nerium e Modesto Fraga, que foi quen me convidou. Por alí andaban tamén concelleiros do PP e do BNG. Pero sorprendeu a ausencia dos edís socialistas: corría o ruxe-ruxe dunha consigna do PSOE local para boicotear o acto. Por un motivo, por certo, ben pueril: a presenza na inauguración do alcalde do PP, que goberna o concello que patrocina o propio encontro.

Comentarios desactivados en Marcos Valcárcel (1958-2010), nome sobranceiro para o IES A Carballeira (Ourense)

Next »