Mar 12 2012

“Indo para máis perto da poesía de Cribeiro”, artigo publicado na revista Dorna, 21 (USC: 1995)

Published by at 20:32 under Estudos literarios,Poesía

Máis unha vez recupérase un traballo literario da miña autoría nesta páxina de poesiagalega.org, que xa dixemos é o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). Desta volta reproducen o artigo “Indo pra máis perto da poesía de Cribeiro”, publicado na revista Dorna: 21 (USC: 1995. pp. 125-131) sobre a obra e a persoa de Xosé Alexandre Cribeiro.
No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada ao meu traballo:
«O artigo propón unha interpretación do conxunto da obra poética de Cribeiro no marco da Xeración das Festas Minervais e do grupo Brais Pinto. Para comezar, dáse información de tipo ecdótico sobre a xénese editorial das súas obras que logo se comentan estilística e tematicamente; ademais, sinálanse algúns dos autores principais cos que os textos dialogan e préstase notable atención aos poemas que foron antologados por Basilio Losada ou Fernández del Riego».
Na ligazón antes citada pódese ler un pdf co artigo completo. Agora reproduzo os tres primeiros parágrafos e tamén o derradeiro, porque neste último realizo unha chamada para reeditar a poesía deste autor. Curiosamente, andando o tempo, case unha década despois, tiven que ser eu mesmo quen, a pedido do director literario da colección, o crítico e profesor Ramón Nicolás, tivese que rescatar a obra poética de Xosé Alexandre Cribeiro, alén de preparar un estudo introdutorio para a reedición conxunta de Indo pra mais perto [1979] e A señardade no puño [1996], publicadas na Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais no ano 2004.

INDO PRA MAIS PERTO DA POESÍA DE CRIBEIRO
Miro Villar

«Non foi moi abondosa a obra poética que nos deixou o pontevedrés Xosé Alexandre Cribeiro (1936-1995), e esa escasa producción lírica tampouco mereceu a atención da crítica, mái ppreocupada por profundar noutros poetas sobranceiros da súa época, os poetas da Xeración das Festas Minervais na clasificación proposta por Méndez Ferrín (1984) para os escritores nados entre 1930 e 1940.
Aínda que estudiosos como Francisco Fernández del Riego ou Basilio Losada teñen escollido alguns textos para os incluíren nas súas antoloxías cando se ocupaban dos poetas de posguerra, polo Xeral a poética de Cribeiro é reducida a un parágrafo e tan só Méndez Ferrín (op. cit.) Xunta unha Nota biográfica e unha Nota critica que nos permiten un achegamento de urxencia.
Alexandre Cribeiro cumpre a maioría das características do grupo xeracional do que fala Ferrin. De feito foi premiado en 1959 nas Festas Minervais; (restauradas polo SEU seis anos antes), participou do compromiso revolucionario (nos anos sesenta militou no PCE) e foi parte activa do grupo “Brais Pinto”, xunto ao propio Méndez Ferrín, Bautista Alvarez, César Arias, Carlos Baliñas, Herminio Barreiro, Fernández Ferreiro, Fernández Oxea (Ben-Cho-Sey), Bernardino Graña, Ramón Lourenzo e Raimundo Patiño».
(…)

«E quizais, máis aquí, entre nós, a obra poética completa de Xosé Alexandre Cribeiro -pouco menos de setenta textos-, dezaseis anos despois da publicación do seu derradeiro libro, ben merecería unha nova edición (critica, se se quixer) para xuntar un corpus poético que permitise aos lectores de hoxe a posibilidade de termos unha visión máis completa da lírica e da sociedade de posguerra.
Compostela, outubro de l995».

Comentarios desactivados en “Indo para máis perto da poesía de Cribeiro”, artigo publicado na revista Dorna, 21 (USC: 1995)

Comments are closed at this time.