Archive for Marzo, 2012

Mar 30 2012

Poemas (XXXVI): «Geografia», de Albano Martins

Published by under Poesía

Considero eu que a mellor maneira de realizarlle unha homenaxe a un poeta na plenitude da súa creatividade é o galano dun libro dos amigos. Podería ser ao xeito do noso Ramón Otero Pedrayo quen no seu O libro dos amigos (1952, reeditado en 1997 por Galaxia, ao coidado de Marcos Valcárcel) gabou a distintos persoeiros que lle eran afíns, entre eles o poeta Antón Zapata García, de Laxe, na Costa da Morte, ao que consagrei a miña Tese de Doutoramento. Ou podería ser dándolle voz aos amigos para falar da persoa que se homenaxea, como se fixo entre nós co volume colectivo O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos (Difusora de Letras, Artes e Ideas, Ourense: 2009), para o activista e historiador Marcos Valcárcel, na altura xa ferido de morte, a quen lembramos aquí nesta bitácora.

Nesta última estaría o seguinte volume. Trasantonte recibín un convite electrónico para un acto no que non vou poder facer presenza, trátase do lanzamento dunha antoloxía de homenaxe ao poeta Albano Martins, intitulada 100 Poemas para Albano Martins, con prefacio do profesor Eduardo Lourenço, que vai ser apresentada hoxe, día 30, polas 21 horas, no Auditório da Fundação Eng. António de Almeida (rua Tenente Valadim, 325, 4100 Porto). A presentación estará a cargo do escritor Fernando Guimarães e contará coa presenza do homenaxeado, a quen lle enviamos os nosos parabéns.

Albano Martins (de extensa bibliografía que tamén se pode ler na bitácora astormentas) é autor de máis de vinte libros de poemas; tradutor de moitos outros poetas (velaquí a listaxe), os máis deles da literatura española, como Juan Ramón Jiménez, Pedro Salinas, Jorge Gillén, Rafael Alberti, Manuel Altolaguirre, Gerardo Diego, Carmen Conde, Francisco Brines ou o catalán Pere Gimferrer. Porén, en 1987, foi galardoado co Prémio de Tradução instituído pola Sociedade de Língua Portuguesa, de Lisboa, polos volumes O Essencial de Alceu e Safo e Cantos, de Giacomo Leopardi. Tamén é autor de prosas e estudos literarios, nos que sobrancea a Antologia do poeta simbolista português Eugénio de Castro, antecedida de um prefácio, de sua autoria, que organizou para a Imprensa Nacional-Casa da Moeda (Lisboa, 1987).

Algúns dos seus centos de poemas pódense ler no Projecto Vercial. Para abrir apetito reproducimos un breve texto:

GEOGRAFIA

Pertenço a esta
geografia, ao lume branco
da resina, ao gume
do arado. A minha casa
é esta: um leito
de estevas e uma rosa
de caruma abrindo
no tecto do orvalho.

Albano Martins, O Mesmo Nome, Porto, Campo das Letras
(reprodução autorizada pelo autor)

E como sobremesa, dos 100 Poemas para Albano Martins, o texto de Victor Oliveira Mateus:

As Raízes Persistentes
para Albano Martins

Traça a nítida verticalidade do gesto.
O atento sentido da página, aquele
que, paralelo ao vento, se lança
sobre os eucaliptos, sobre as janelas
entreabertas ou na colina que aos lábios
se oferece. Desenha o voo das gaivotas

através de um oceânico azul, ali,
onde os hipocampos se perfilam e o desejo,
nos andaimes da espuma, é um murmúrio
de praias ensolaradas. Arranca da porta
as ervas daninhas, essa baba de palavras
mecânicas eivadas de vazio com rastos

de inércia à mistura. Observa, por fim,
o movimento das algas firmando-se
nas crateras das rochas, na inteireza
dos poros intraduzíveis, pois, como o poeta,
é assim o dizer que não vacila, as raízes
persistentes e são assim as algas.

Mateus, Victor Oliveira en 100 Poemas para Albano Martins.
(org. Maria do Sameiro Barroso, prefº Eduardo Lourenço),
Fafe: Editora Labirinto, 2012, p 119.

One response so far

Mar 30 2012

Á Folga Xeral fomos máis de catro gatos…

Published by under Manifestos,Poesía


(Foto de Maribel Serantes. Premer na imaxe para agrandar o felino)

Á Folga Xeral fomos máis de catro gatos, pois esta última imaxe foi a que queren transmitir o goberno e a patronal e toda a súa inmensa maquinaria de propaganda. Tanto é así, que até os propios gatos foron á folga. Velaquí unha imaxe de onte de Veli Evil Agamenón Fiodor Byron, na casa, para abreviar, Veli Evil, un dos amados gatos da miña amiga Maribel Serantes, quen me conta «que foi abandonado na horta, “sinpa”, agora si, xa ten papeis». Pois ben, o felino non só non quixo traballar nada, senón que se deitou a descansar logo de ler o libro Mil cousas poden pasar. Libro II, de Jacobo Fernández Serrano (Xerais, 2011).
E falando de gatos a min sempre me acorda aquel espléndido poema intitulado «O Bicho» do celebrado Manuel Bandeira (1886-1968), un dos mellores autores brasileiros de todas as épocas. Os versos foron escritos hai moitos anos, mais aínda son acaídos para estes tempos de crise e desarmamento ideolóxico da clase traballadora.

O Bicho

Vi ontem um bicho
Na imundície do pátio
Catando comida entre os detritos.

Quando achava alguma coisa,
Não examinava nem cheirava:
Engolia com voracidade.

O bicho não era um cão,
Não era um gato,
não era um rato.

O bicho, meu Deus, era um homem.

Manuel Bandeira

E de remate un video da máis numerosa das manifestacións da CIG, en Vigo.

Comentarios desactivados en Á Folga Xeral fomos máis de catro gatos…

Mar 28 2012

Esta bitácora pecha por Folga Xeral mañá 29 de marzo

Published by under Manifestos

Mañá, 29 de marzo, esta miña bitácora decidiu en asemblea apoiar a Folga Xeral e pecha as súas fiestras. O divertido e reivindicativo video que ilustra esta anotación é da autoría do sindicato abertzale LAB. Velaquí os horarios das manifestacións que convoca a Confederación Intersindical Galega (CIG):
Vigo: ás 12.00 horas dende o cruce da Doblada
Lugo: ás 12.30 horas dende o parque de FRIGSA
A Coruña: ás 12.00 horas dende a Praza de Vigo
Vilagarcía: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar
Compostela: ás 12.30 horas dende a Praza Roxa
Ribeira: ás 11.45 horas na Praza do Peixe
Cee: ás 12.00 horas diante do Concello
Pontevedra: ás 12.00 horas dende a Praza da Ferrería
Foz: ás 19.00 horas na Casa do Concello
Ferrol: ás 13.00 horas dende a Avenida de Esteiro (local da CIG)
Xinzo de Limia: ás 11.30 horas na Praza do Concello
Ourense: ás 12.00 horas desde o pavillón dos Remedios
Verín: ás 11:30 horas na Praza do Concello
Silleda: Ás 12:00 horas, da Praza da Igrexa

Comentarios desactivados en Esta bitácora pecha por Folga Xeral mañá 29 de marzo

Mar 27 2012

Contra a censura ao cómico Leo Bassi en Santiago de Compostela

Published by under Humor,Teatro

(O actor e cómico italiano Leo Bassi presentou o seu novo espectáculo, The Best Of, no Auditorio Municipal de Ourense. Nesta nova proposta escénica, o actor repasa o mellor da súa carreira ao longo dunha hora e media de función)

O twitter persoal do cómico Leo Bassi felicitou a meu irmán Rafa Villar, que é concelleiro do BNG na cidade de Santiago de Compostela, por apresentar un escrito no que solicita explicacións pola censura do seu espectáculo The Best Of .

Curiosamente só puiden ler a nova polo de agora no xornal conservador madrileño ABC. Onde estarán os medios críticos que seica hai neste noso País?

No video que ilustra esta nova podedes ollar un adianto do espectáculo que o Concello de Santiago de Compostela nos quixo furtar, aínda que no seu twitter Leo Bassi anuncia que está a confirmar un escenario alternativo. De podermos aló estaremos para facer rebentar de público a nosa solidariedade con este cómico crítico cos males da nosa contemporaneidade. Adiante, Leo!!!

Comentarios desactivados en Contra a censura ao cómico Leo Bassi en Santiago de Compostela

Mar 27 2012

Comunicado da Plataforma das Artes Escénicas no Día Mundial do Teatro

Published by under Manifestos,Teatro


(Ilustración vía lasartesescénicas)

Comunicado da Plataforma das Artes Escénicas

As ARTES ESCÉNICAS son unha forma superior de expresión social e de creación patrimonial dunha comunidade humana e, polo tanto, constitúen unha das formas de tecer o discurso explicativo da nosa existencia.
As ARTES ESCÉNICAS son unha pequena parte do mundo que conforman unha tradición humana feita de singularidades e de xestos comunitarios, unha tradición democrática única porque é sempre cualificada polos filtros do tempo, e que no revés da historia, nas cociñas e nas prazas públicas, nos palacios e nos teatros, se foi constituíndo como unha poderosa instancia crítica.
Desde as ARTES ESCÉNICAS estamos convencidos de que os organismos gobernamentais que administran “o Público”, teñen que velar polo dereito que a cidadanía ten a disfrutar da CULTURA, e somos un perfecto exemplo histórico dunha xestión óptima de recursos públicos no que á relación cantidade-calidade se refire.
Somos iniciativas privadas, xestionadas desde a sustentabilidade e, en moitas ocasións con boas doses de autoemprego (cando non autoexplotación), recibimos axudas públicas aínda sen querer ser empresarios e, por máis que o explicamos, parece que as autoridades non entenderon que as nosas entidades non pretenden ter unha rendibilidade económica e que o noso manexo industrial é un medio para formalizar o que no fondo demandamos: dignificar o noso traballo e garantir un dereito da cidadanía.
Tendo en conta os recortes económicos soportados nos últimos anos (de 2009 a 2011 arredor dun 40%), sumado ao parón na contratación de espectáculos, e as nefastas previsións para o 2012, atopámonos nunha situación de verdadeiro risco. Risco na perda do dereito dos cidadáns a disfrutar dunha cultura libre e democrática, como na perda de arredor de 2000 postos de traballo que na actualidade dependen do sector das ARTES ESCÉNICAS.

Por todo o exposto a Plataforma das Artes Escénicas convida a profesionais e cidadanía en xeral a manifestarse o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. A manifestación sairá da Alameda de Santiago de Compostela ás 19h. E ao seu remate arredor das 20,30h terá lugar no Salón Teatro un acto reivindicativo para conmemorar a data.
A PLATAFORMA DAS ARTES ESCÉNICAS está integrada por:
AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
ESCENA GALEGA (Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas)
DANESGA (Asociación de Danza Escénica Galega)
AFEARTE (Asociación de Festivais de Artes Escénicas)
ASILGA (Asociación de Ilusionistas Galegos)
SALAS DE TEATRO PRIVADAS
UNIMA GALICIA
APCG (Asociación de Profesionais do Circo de Galicia)
Asociación de alumnos/as da ESAD

Comentarios desactivados en Comunicado da Plataforma das Artes Escénicas no Día Mundial do Teatro

Mar 27 2012

Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2012, por John Malkovich

Published by under Manifestos,Teatro

(John Malkovich por Alejandro Muñoz, óleo sobre tela, 25 x 33 cms, 2006. Vía: loborojo)

Publico a versión galega da Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2012, escrita polo actor, director e productor John Malkovich, traducíndoa desde a revista de teatro Artezblai. Unha xornada festiva e reivindicativa, na que os profesionais galegos farán unha protesta contra a politíca cultural (case inexistente), en tempos de abafante para o sector e para o conxunto da sociedade, por parte do goberno da Xunta de Galicia.

Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2012

O Instituto Internacional do Teatro-ITI da UNESCO honroume coa súa petición de realizar esta mensaxe na conmemoración do 50 aniversario do Día Mundial do Teatro. Vou dirixir estas breves consideracións aos meus compañeiros do teatro, os meus pares e camaradas.
Que o voso traballo sexa convincente e orixinal. Que sexa profundo, conmovedor, reflexivo e único. Que nos axude a reflectir a cuestión do que significa ser humano e que o devandito reflexo sexa guiado polo corazón, a sinceridade, o candor e a gracia. Que superedes a adversidade, a censura, a pobreza e o nihilismo, algo ao que, de certo, moitos de vós estaredes na obriga de afrontar. Que sexades bendicidos co talento e o rigor necesarios para nos ensinar como latexa o corazón humano en toda a súa complexidade, así como coa humildade e curiosidade necesarias para facer diso a obra da vosa vida. E que sexa o mellor de vós – xa que será o mellor de vós, e aínda así, hase dar só nos momentos máis singulares e breves – o que consiga enmarcar esa que é a pregunta máis básica de todas: “Como vivimos?” Boa Sorte!

John Malkovich

2 responses so far

Mar 26 2012

«Passeio pelas rotinas de António Tabucchi»

Published by under Narrativa,Radio


(Antonio Tabucchi, por Vasco no diário português Público)

A morte do escritor italiano Antonio Tabucchi en Lisboa está a encher moitas páxinas, nomeadamente nos xornais portugueses (aínda moito máis do que nos italianos). E tamén espazos de radio e de televisión. Destes últimos chamounos poderosamente a atención o microespazo «Passeio pelas rotinas de António Tabucchi» emitido pola emisora TSF Rádio Notícias (Lisboa: 89.5 FM | Porto: 105.3 FM), ligada ao Diário de Notícias, pois tiveron a feliz idea de visitar en Lisboa o lugar onde vivía, a Rua do Monte Olivete, para seguir os pasos do escritor pola capital, falando cos seus veciños para tratar de descubrir as rotinas dun «homem distinto». A breve reportaxe da xornalista Cristina Lai Men pódese escoitar nesta ligazón.
E «Na Rua do Monte Olivete» é o título dun fermoso artigo de João Céu e Silva, que no Diário de Notícias fala da casa onde moraba Antonio Tabucchi. Velaquí:
«A casa onde o escritor Tabucchi morava em Lisboa fica numa rua a descer para o rio Tejo e das suas varandinhas lia-se um romance inteiro apenas com o olhar. Roupas a secar ao sol que só ilumina a rua por inteiro durante muito pouco tempo; janelas de madeira desde o rés-do-chão, de onde os mais sem vergonha podiam roubar um saco de batatas ao marçano só com o esticar do braço; portas emperradas a tapar a vida aos velhos que por ali ainda moram, de onde um pontapé certeiro amolga os carros que as entaipam; passeios tão apertados que só os lingrinhas e as misses ali cabem e uma inclinação que deixava qualquer um a arfar. Era uma casa apropriada para se escrever o romance que se via dessas varandinhas, com um número qualquer pendurado na ombreira de pedra cá em baixo, algo escura ainda no primeiro andar, cuja escadaria dava logo para a sala ampla. O chão de madeira coberto com tapetes rangia um pouco e havia que ter cuidado para não se tropeçar na decoração. O escritor Tabucchi gostava de se sentar num dos sofás e falar, sempre chegado à frente, com receio que a posição colada às costas do móvel interrompesse aquele fluxo de ideias que oferecia quando estava a gostar da conversa. De uma entrevista com ele era certo poder-se fazer duas ou três e guardar ainda umas belas frases para um dia como o de ontem em que foi anunciada a sua morte. Mas não vale a pena revolver a gaveta dos blocos para encontrar a última que me deu porque ainda está muito fresca na memória. Como o escritor Tabucchi falou! Do livro em causa, das traduções, dos outros já escritos e dos ainda por escrever; de pensar em português mas não lhe ser fácil escrever nesta língua; da cultura de Portugal, de Itália e de França; da política de cá e de lá, do processo na justiça com o primeiro-ministro cantor. A rua que agora perdeu um dos seus moradores chama-se Rua do Monte Olivete, onde morava o vizinho que ao abrir a janela lia um romance inteiro na vida que passava por aquela calçada de pedra negra».

Comentarios desactivados en «Passeio pelas rotinas de António Tabucchi»

Mar 25 2012

Addio, adeus ao escritor Antonio Tabucchi (Pisa, 23 de setembro do 1943 – Lisboa, 25 de marzo do 2012)

Published by under Cinema,Narrativa

Addio, adeus ao escritor Antonio Tabucchi (Pisa, 23 de setembro do 1943 – Lisboa, 25 de marzo do 2012), que era tamén profesor de Língua e Literatura Portuguesas na Universidade de Siena. Autor de Afirma Pereira (1994), que se pode ler en galego no catálogo da Editoral Galaxia, en versión de Dolores Martínez Torres, aínda que no Telexornal da CRTVG non se deberon inteirar pois só o citaron como autor de Sostiene Pereira, novela premiada co premio Arcebispo San Clemente, o que trouxo ao autor até Compostela. Outras obras das que gocei moito na lectura foron Nocturno Hindú (1984, na versión de Onofre Sebaté que publicou Positivas en 1996), Requiem. Uma alucinação (1991), escrita directamente en português, novela que sucede en Lisboa e na que un escritor italiano, que ten moito de trasunto do propio autor, vai atoparse co espírito dun poeta português xa morto, que lembra a querencia de Antonio Tabucchi por Fernando Pessoa. E as últimas obras súas que lin foron Tristano morre, que tamén publicou Galaxia en 2004 e en castelán os relatos de El tiempo envejece de prisa.
O seu vínculo con Portugal era enorme. Velaí o cariño coa que a prensa portuguesa escribe os primeiros artigos sobre a morte do poeta, magnífico o traballo dos xornalistas do Diário de Notícias “O italiano que sonhava em português” e do Público. Entre as moitas páxinas que a nova está a ocupar nas cabeceiras italianas salientamos a achega do xornal La Repubblica do que era colaborador habitual, onde tamén se publica un fermoso video retrato.
Afirma Pereira, a súa novela de máis sona, foi adaptada ao cinema con Marcello Mastroianni no papel principal. As escenas que reproducimos tiradas da canle youtube están na lingua orixinal, con lendas ou subtítulos en português, e acompañadas do seguinte texto explicativo:
«Afirma Pereira, Filme Italiano (1995)
Com realização do italiano Roberto Faenza, Afirma Pereira é uma co-produção entre Portugal, França e Itália que adapta para cinema um dos romances de António Tabucchi.
Pereira é um jornalista português do “Lisboa”, nos anos ’30, que no cinema foi interpretado pelo famoso actor italiano Marcello Mastroianni.
Joaquim de Almeida intrepreta o prestável e informado criado de mesa do café Orquídea que servia a Pereira as suas açucaradas limonadas e as oleosas omoletas e lhe sugeria, ao mesmo tempo, notícias “impublicáveis”.
Pereira é um ex-jornalista de pequenas notícias que, um dia, é promovido a responsável pela página cultural do vespertino O Lisboa e que, confrontado com as ideias de liberdade de dois jovens, acaba por alterar completamente a sua vida.
Nicolau Breyner é o pároco confidente. Teresa Madruga é a porteira delatora. Nicoletta Braschi (conhecida por A Vida é Bela de Roberto Benigni) e Daniel Auteuil (Dr. Cardoso) são outros actores de renome internacional que participam no filme.
O filme foi rodado em Portugal em locais tão diferentes como o Pavilhão de Exposições da Faculdade de Agronomia (em Lisboa), o Museu Castro Guimarães (em Cascais), a Casa do Alentejo (em Lisboa), o Jardim de S. Pedro de Alcântara e a Estação do Rossio.
A acção decorre no Verão quente de 1938, onde um gasto jornalista se rendia ao “politicamente correcto” para assim evitar cair nas malhas da Polícia inquisidora.
Pereira consegue recuperar a alegria de viver ao põr o coração à frente da realidade, ao deixar prevalecer a verdade sobre os ditames da PIDE, da censura e da propaganda».

Comentarios desactivados en Addio, adeus ao escritor Antonio Tabucchi (Pisa, 23 de setembro do 1943 – Lisboa, 25 de marzo do 2012)

Mar 25 2012

«O turismo como panacea. O Parador de Muxía: promesas e planificación apresurada», artigo de Manuel Vilar


(Foto da praia de Lourido, sen autoría, tirada das guias.masmar.net. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O antropólogo muxián, e vello amigo, Manuel Vilar publica no dixital terraetempo un interesante artigo sobre unha construción turística que anda estes días en boca de todos na Costa da Morte. Compartimos cento por cento a análise e por esta razón, mais tamén por contribuírmos á súa difusión e á súa lectura, reproducimos deseguida o texto ao completo:
«O turismo como panacea. O Parador de Muxía: promesas e planificación apresurada»
O inverno estaba sendo duro. O vendaval sopraba con forza e a Buitra levaba tempo roncando forte. Buserán estaba refuxiado no máis fondo da súa furna e o seu canto apagado pola violencia dos tombos que batían con forza contra os altos cantís nas ourelas do Cachelmo. Pero o inverno aínda ía ser máis duro, e negro, moi negro. Foi un dos invernos máis negros da nosa historia.

Como unha ave agoireira un barco deambulaba sobre as axitadas augas á vista de todos esparexendo incerteza, anunciando a desgraza. Desde as diversas administracións non sabían que facer con el ou non quixeron que lles escarallase a fin de semana de caza e pesca, que tiñan xa anotado nas súas axendas e entre inauguración e merenda. Así que dixeron que o levasen fóra, que o quitasen de diante dos seus ollos, pensando que ao non velo non había problema. Mais non tardou en esparexer a súa negra carga de morte e destrución por todo o litoral. Os máis vellos das aldeas volveron lembrar os tempos da segunda guerra mundial cando un barco alemán, coñecido na zona como “o barco do ghas”, deixou negra a ría de Camariñas e a xente ía co sacho coller piche para levar para as casas. Isto tamén mo lembrou Máximo Sar, criado na aldea de Berdoias onde súa nai era mestra. Eran os tempos da fame; agora os da ignominia.

Un día de temporal chegou Manuel Fraga, protexido polos seus émulos. Cando o increparon berrou alterado que traía os cartiños no peto, confundindo, como bo político da ditadura, o particular co social, o favor co servizo público. Despois chegou o ministro Arias Cañete, quen ao baixar do helicóptero atopouse coa protesta duns militantes do BNG levando unha pancarta e pedindo solucións. Entón berrou que as súas mensaxes non as escribía en teas de pancartas, senón no papel no que se imprimía o BOE. E foron chegando outros, cada un ao baixar do coche ou do helicóptero dicía que traía tal ou cal promesa: que o noso futuro estaba montando unha gran piscifactoría no cabo Touriñán, como si non tivésemos dúas xa na ría para mostrar os poucos e cativos postos de traballo que deron. E chegou Rodrigo Rato. Tamén tiña algo no peto: sacou un parador, podía ter sacado outra cousa calquera, pero saíulle a palabra “parador”, pois debía estar pensando nunha escapada de fin de semana.

Así naceu a idea do “Parador de Turismo” para Muxía, naceu entre falsas promesas e desprezo por unha sociedade que empezaba a revelarse e a perder o medo diante de tanta ineficacia e falta de respecto social. Unha promesa que sae dunha chistera sen afondar na realidade, nin tan sequera procurar coñecela.

Van alá dez anos e seguimos asistindo ao espectáculo da ignominia. Agora din en Madrid que non se pode facer, que estamos en tempos de crise. E o presidente da Xunta que pode facer de intermediario, nada máis, como si a cousa nada tivese que ver con el. Realmente, e despois de tres anos no goberno, nada que afecte a este país parece que ten que ver con el.
Mais quería levar o discurso por outro lado. Como se pode programar un centro importante para turistas sen ter en conta os recursos locais?

Hai moitas maneiras de definir o que é un turista, máis para o que me interesa quédome con esta: “un turista é unha persoa temporalmente ociosa que voluntariamente visita un lugar lonxe da casa co propósito de experimentar un cambio“. E ese cambio ten que darse co encontro coa cultura local, con outras realidades e formas de vida. Pero aquí a planificación faise de costas a esta realidade local ou mesmo contra esta, pensando que o turismo vai ser a galiña dos ovos de ouro.

Cando se empezou a falar do Parador pensei que era a oportunidade para recuperar Moraime, para mostrar non só a importancia artística deste lugar, senón tamén a súa importancia histórica na configuración da milenaria Terra de Nemancos, topónimo agora engulido dentro do máis turístico e mitificador “Costa da Morte”. Nemancos só é agora un topónimo que perdura na nomenclatura eclesiástica: arciprestado de Nemancos. Pero falarei de Moraime noutra ocasión, paga a pena.

Mais pasaron os anos e Moraime segue esquecido, acochado tras varias ringleiras de nichos ilegais.

Pero estamos acostumados ao agromar de contedores sen contidos. O importante é ter un edificio de deseño, aínda que logo non sirva para moito ou sirva para gastar boa parte dos orzamentos. Exemplos témolos desde a Cidade da (in)Cultura até Casas de Cultura, diría que especulativa.

Mais volvamos ao Parador. Despois de anos hai un sitio buscado para construílo e un proxecto arquitectónico, proxecto que merece todos os respectos. Pero até onde eu sei non hai ou non se fixo un estudo das peculiaridades da zona, de como vincular ese centro cos posibles recursos da zona para que axude ao desenvolvemento da mesma e a un futuro máis digno e de mellor calidade de vida, tamén para sentirse máis orgullosos do seu.

O Parador está proxectado para un anaco de costa de gran importancia paisaxística. Toda a costa entre Muxía e Fisterra caracterízase por ser unha liña de montes que camiñan en paralelo ao mar e caen sobre este, nalgúns casos, desde alturas que superan ben os 100 metros. Polo tanto estamos diante dunha xeografía que axudou a crear esa imaxe única da Costa da Morte: dunha costa alta, sinuosa, con poucos abrigos e perigosa para a navegación. Pero ao tempo que se promete o Parador, que terá que ser un espazo para o descanso e o lecer, tamén para coñecer o que somos e como somos, se prometen parques eólicos nestes montes e piscifactorías nesta paisaxe costeira. Xa vexo a un futuro inquilino do Parador dirixíndose ao mostrador de recepción para preguntar que pode facer. E a resposta pode ser algo así como que pode ver como lle dan de comer aos peixes nunha piscifactoría e despois escoitar o zumbar dos viraventos.

Hai teóricos que din que o turismo é unha ferramenta estratéxica para a conservación medioambiental e a preservación das culturas locais. Gustaríame que esta premisa teórica se dese no caso do Parador de Muxía, máis para iso debe valorarse antes o local. Así, mesmo ao carón do lugar onde está proxectado o Parador, está a Furna da Buserana cunha lenda que nos narra o poeta local Gonzalo López Abente. Sobre o monte que acubilla a Furna deben estar os restos dun dos fachos que había nesta costa. E poderíamos seguir: o coído de Cuño, un dos puntos de interese xeolóxico desta costa; a “rebeira” de Viseo que tantas vidas segou; as Pedras da Forca; as Aberturas, topónimo que terá que ver coa abertura nos montes para ir cara ao mar e por onde unha liña de mámoas sinalaba os lindes históricos da xurisdición de Moraime: “… y de allí derecho a la mámoa de Magouco por el medio de lo alto de ella y de allí por el monte y alto de Aferroas arriba y de allí a la mamoiña de portela de Figueiroa y de allí afiando derecho por el monte arriba a la Lagoa da Cabra y de allí afiando por el monte abajo hasta llegar al medio a Lagoa da Serra y a una mámoa que está delante de ella y de allí….”, así até chegar ao mar e por onde está proxectado o Parador, agora parado, porque é no espazo onde a memoria está ancorada. Certo turismo e certo “progreso” borra as pegadas desta memoria de nós. O turismo non servirá mentres non teña en conta as peculiaridades locais.

Comentarios desactivados en «O turismo como panacea. O Parador de Muxía: promesas e planificación apresurada», artigo de Manuel Vilar

Mar 25 2012

Presenza no novo catálogo de Biblosclube


Nesta bitácora xa se falou de Biblos Clube de Lectura, unha iniciativa de promoción e venda por catálogo ou na rede da literatura galega e portuguesa e da música e do cinema de nós que xurdiu da man de Carmela González, como directora, e do escritor Tucho Calvo, como director literario.
Desta volta publican o nº 55 (ano X) da súa Revista Galega de Información Literaria (velaquí en pdf). Neste novo número que corresponde ao bimestre marzo-abril do 2012 dan conta das últimas novidades e entre elas figuran dous libros con presenza da miña obra: o conto para primeiros/as lectores/as Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2011), que ilustrou Ana Santiso e unha antoloxía que preparou Gonzalo Vázquez sobre os poetas que cantamos ás urbes e que se intitula A cidade na poesía galega do século XXI (Toxosoutos, 2011).
Na rede e acrecentadas no catálogo en papel levan as seguintes entradiñas, das que omito as características técnicas e o prezo:
«A historia acontece nunha charca onde ras, sapos e píntegas pasan o día a xogar. Porén, o sapo corredor, o fachendoso e presumido, e o sapo cunqueiro, o vaidoso, teñen moi mal perder. O conto é unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e os abusos do poder». (rede)
«A historia acontece nunha charca na fin da terra onde ras, sapos e píntegas pasan o día a xogar coma trasnos rebuldeiros. Porén, o sapo corredor ou corriqueiro, o máis fachendoso e presumido, e o sapo cunqueiro, o máis vaidoso, teñen moi mal perder. O conto é unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e os abusos do poder e, por suposto, procura ensinanza e ten final feliz. Con ilustracións de Ana Santiso». (papel)

«A cidade, que noutras literaturas ten unha fonda tradición poética, foi moi marxinal na literatura galega ata a segunda metade do século XX. Desde a pétrea Compostela ata a Vigo proletaria, desde a heterenomía da Berlín de María Lado ata as cidades da Coruña». (rede)
«A cidade, que noutras literaturas ten unha fonda tradición poética, foi moi marxinal na literatura galega ata a segunda metade do século XX. Desde a pétrea Compostela ata a Vigo proletaria, desde a heterenomía da Berlín de María Lado ata as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, desde a interioridade de Aleixandre ata a polifonía anónima de Cortegoso, este libro é unha viaxe polo corazón da cidade, polo pensamento de paseantes diferentes e visitantes que se afastan. Inclúe textos de 63 poetas». (papel, que relaciona tamén a nónima dos 63 poetas antologados).

Comentarios desactivados en Presenza no novo catálogo de Biblosclube

Next »