Archive for Febreiro 25th, 2012

Feb 25 2012

Henrique Montegaudo ocupa desde hoxe a vella cadeira do poeta muxián Gonzalo López Abente na RAG


(Henrique Monteagudo, sociolingüista da Universidade de Santiago. Foto da AGN)

Esta mañá estivemos na solemne cerimonia que tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na vella Facultade de Xeografía e Historia, na que o filólogo Xosé Henrique Monteagudo Romero (Muros, 1959) leu o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega para ocupar desde xa a cadeira que pertencera a Manuel Lugrís Freire, de 1905 a 1940; a Gonzalo López Abente, dende 1941 ata 1963; e Antonio Gil Merino, de 1975 ao 2009; tal e como salientou a académica Rosario Álvarez Blanco no seu discurso de resposta á entrada do novo membro da institución, nun acto que contou coa presenza do seu presidente Xosé Luís Méndez Ferrín e unha boa parte dos académicos da RAG (con notorias ausencias, por certo).
Nos próximos días leremos con atención o libro co que nos agasallaron e que inclúe o discurso de ingreso de Henrique Monteagudo (de quen fun alumno na Facultade de Filoloxía) intitulado «Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística». Como era de agardar o tema foi abeirado desde unha perspectiva sociolingüística e non deparou sorpresas para quen coñecemos as teses que sostén o novo académico, abondo controvertidas desde outros sectores do galeguismo. As ideas principais do seu discurso están ben resumidas nesta entrevista que lle concedeu ao dixital prazapública. Alén diso, as primeiras crónicas de prensa salientan que Monteagudo rexeitou “a falacia da imposición do galego” e defendeu que “a normalización lingüística é un propósito inseparable da autonomía de Galicia”. Proferiu estas palabras para denunciar “a grave crise da lingua” e alertar das “ameazas que se cernen sobre o seu porvir”, e fixo estas aseveracións diante do conselleiro Jesús Vázquez, executor entusiasta dun modelo de trilingüismo moi contestado, e dos secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, co que mantén unha excelente relación persoal, e de Política Lingüística (?), Valentín García. A interrogante é nosa.
Foi na resposta da académica Rosario Álvarez Blanco onde escoitamos estas palabras: «Ocupará entre nosoutros a cadeira deixada vacante por don Antonio Gil Merino, ilustre polígrafo polifacético, que ademais foi o noso arquiveiro e bibliotecario. A mesma cadeira que ocupara noutrora don Gonzalo López Abente, o poeta da Costa da Morte, que tamén cultivou con éxito a narrativa, o teatro e o ensaio xornalístico, e ao que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas do ano 1971, por acaso van aló 40 anos. E, antes del, ab initio, sentou nela don Manuel Lugría Freire, un dos beneméritos fundadores, gramático, escritor, activista… presidente da Academia, ao que homenaxeamos no Día das Letras Galegas de 2006, no ano en que tamén conmemoramos o centenario da Academia».

Comentarios desactivados en Henrique Montegaudo ocupa desde hoxe a vella cadeira do poeta muxián Gonzalo López Abente na RAG

Feb 25 2012

Ditame da IX edición dos Premios “Rosalía de Castro”, organizados polo Centro PEN de Galicia


(Mª Esther Vázquez, gravación no programa da radio arxentina La Isla)

Fixen parte do xurado cualificador da IX edición dos Premios “Rosalía de Castro”, organizados polo Centro PEN de Galicia, coa colaboración da USC e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, malia non poder achegarme á última das sesións. Luís González Tosar (presidente do xurado), Xabier Castro Martínez (secretario do xurado), eu propio que fixen algunhas das propostas, Bieito Iglesias, Inma López SilvaManuel Guede e Manuel Outeiriño, decidimos outorgar os devanditos galardóns a:
Mª Esther Vázquez (Buenos Aires, 1937). Escritora arxentina de estirpe galega, comezou a súa actividade literaria en 1957 na Biblioteca Nacional, dirixida daquela por Jorge Luis Borges. A partir dese momento o seu nome estará ligado á revista Sur, Victoria Ocampo, Bioy Casares e todo o universo borgiano. Froito desta colaboración son dous ensaios: Introducción a la Literatura Inglesa e Literaturas germánicas medievales. Autora dunha importante obra narrativa (cómpre destacar: La memoria de los días e Crónicas del olvido), logrou grande éxito coas súas biografías Borges, esplendor y derrota (1996) e Victoria Ocampo, el mundo como destino (2002). Columnista de La Nación e premio Feria Internacional del Libro de Buenos Aires (1997).

José Viale Moutinho (Funchal, 1941). Poeta (cómpre salientar São Coisas tais Efeitos Só do Acaso? (2009), narrador (sete libros de contos) e novelista. Ten destacado polos seus traballos sobre a vida e as obras de Camilo Castelo Branco (2009), Joaquim de Araújo, Trinidade Coelho, Júlio César Machado e António Nobre. Membro de honra da Real Academia Galega, Viale Moutinho é quizáis o escritor portugués con máis vinculación a Galicia.

Enric Casasses (Barcelona, 1951). Poeta, narrador e dramaturgo, destacando tamén como tradutor, é considerado como un transgresor empeñado en tirar a poesía dos ámbitos formais. Destaca polos seus recitais, nos que prima a música e a sonoridade, o xogo cos fonemas. Considerado herdeiro de autores da categoría de Joan Salvat-Papasseit, Joan Brosse, Joan Vinyoli ou Gabriel Ferrater, a súa obra, orixinalísima, transita do medieval ao surrealismo, do renacemento ao barroco. Premio Crítica Serra d’Or (1992) por La cosa aquella, Sense trofeu e Text llest e Premio da Crítica, poesía catalana (1993), por No hi érem, ten participado en innumerables accións e proxectos culturais de avangarda.

Miren Agur Meabe (Lekeitio, Bizkaia, 1962). Licenciada en Filoloxía Vasca, foi profesora de ikastola e, desde 1990 desenvólvese no ámbito da xestión editorial. En 1986 publicou os relatos Uneka… Gaba (Por momentos… a noite) e a partir de aí, tres poemarios entre os que destaca Azalaren kodea (O código da pel, 2002), Premio da Crítica. Mais será no ámbito da literatura infantil e xuvenil onde esta autora aporte títulos fundamentais das letras vascas neste xénero: Itsaslabarreko etxea (A casa do cantil, 2001), Bisita (A visita, 2001), Joanes eta Bioletaren bihotza (O corazón de Joanes e Violeta, 2002), Etxe bitan bizi naiz (Vivo en dúas casas, 2003) e Amal (2003), entre outros.

Estes premios, únicos de carácter literario que levan o nome de Rosalía de Castro, a nosa escritora máis universal, foron instituídos polo PEN de Galicia en 1996, a iniciativa de Carlos Casares. O Centro PEN galego quere resaltar esta circunstancia cando se cumpren dez anos do pasamento de quen foi presidente desta institución.

Destinados a galardoar, desde a literatura galega, aos sistemas literarios da nosa veciñanza (autores e autoras relevantes en castelán de España e Hispanoamérica, en portugués de Portugal, Brasil e África, bascos e cataláns), están considerados na actualidade entre os de maior prestixio no ámbito Iberoamericano.

Obtiveron os “Rosalía de Castro”, de carácter bianual e sen dotación económica:

(1ª edición, 1996)
José Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, Joan Perucho e Bernardo Atxaga
(2ª edición, 1998)
António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, Miquel de Palol e Juan Mari Lekuona
(3ª edición, 2000)
Sophia de Mello, José Ángel Valente, Pere Gimferrer e Anjel Lertxundi
(4ª edición, 2002)
Ernesto Sabato, Nélida Piñón, Ricard Salvat e Felipe Juaristi
(5ª edición, 2004)
Rubem Fonseca, Francisco Brines, Carme Riera e Ramón Saizarbitoria
(6ª edición, 2006)
Isabel Allende, Agustina Bessa Luís, Josep Palau i Fabre e Arantxa Urretabizkaia
(7ª edición, 2008)
Álvaro Mutis, Joan Margarit, Mia Couto e Jon Kortazar
(8ª edición, 2010)
Antonio Gamoneda, Francesc Parcesisas, Lêdo Ivo e Itxaro Borda.

A entrega dos premios terá lugar nun acto literario, organizado polo Centro PEN, no Salón Nobre de Fonseca (Reitoría da USC) no próximo setembro.

2 responses so far

Feb 25 2012

«A subversión do feminino», artigo da poeta Marta Dacosta no dixital Terra e Tempo

A poeta Marta Dacosta, que tamén posúe unha interesante bitácora de seu nomeada Acuática, vén de publicar no dixital Terra e Tempo un artigo intitulado «A subversión do feminino» no que exemplifica con versos do meu poemario As crebas o diálogo das voces masculinas coa devandita subversión. O artigo completo pódese ler nesta ligazón, mais velaquí os primeiros parágrafos:
«A subversión do feminino»
Hai tempo xa escribín un artigo titulado “Literatura sen xénero”. Nel comezaba recollendo unha idea de Luísa Villalta que sostiña que unha das evidencias da homologación definitiva de escritores e escritoras sería a da irrelevancia do sexo do autor/autora á hora de abordar a súa obra, escribir sobre un determinado tema, tratalo dun determinado xeito … Naquel artigo no que tamén sinalaba que unha das características atribuídas á denominada Promoción dos 90 foi a importancia dun número crecente de escritoras, pretendía poñer os focos sobre o feito de que a incorporación de novos temas e novos tratamentos por parte das escritoras influíran na obra dos nosos coetáneos, como cando Rafa Villar dixera que se identificaba plenamente coas voces femininas do seu tempo.

Volvo ao artigo de entón, con motivo da lectura de As crebas, de Miro Villar, un fermoso libro sobre a incomunicación e a dor que o desamor nos deixa.

Neste poemario, Miro Villar utiliza con habelencia os recursos que as poetas trouxeron á poesía, imaxes e palabras que proceden dun ámbito marcadamente feminino, como é o doméstico, convertido agora en ferramenta para a construción de imaxes. Foi o que María Reimóndez chamou os materiais indignos, como o corpo feminino ou o fogar, e que ten un claro exemplo no poema “As sabas ao clareo”: “Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos…”.

Villar recolle no seu libro a subversión do feminino. En “Novelas de aventuras” fala das mulleres que len, das nenas que se entregaron ás novelas de aventuras e, malia non ser mulleres as súas protagonistas, imaxináronse sendo as heroínas das historias e na súa imaxinación levedou o desexo de afirmarse: “as mulleres que len foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos.”

As crebas son os restos que deixou o amor ao rematar, anacos de madeira ou redes, plásticos descoloridos e inútiles, contaminantes, corpos esbrancuxados e fráxiles de equinodermos, cunchas gastadas pola erosión dos golpes que xa non servirán de acubillo e no medio dese caos sempre hai un obxecto que chama a nosa atención, ese que gardamos e que levamos canda nós.

Lin As crebas como unha longa elexía ao amor esquecido, un diálogo cun suxeito feminino ao redor do cal se constrúen os poemas. Un suxeito feminino que é unha muller perdida, illada, “A resposta está na illa do insomnio que te acosa até deixarte seca, tal outono sen chuvia”, á que a voz poética convida á rebelión: “Ergue indomable, libre, contra a farsa dos hábitos, o consuetudinario costume da obediencia.”, e á que lle reclama “non te chames Penélope”, “non agardes o barco que leva nas adegas outra inmobilidade.”

É un paso adiante na dirección correcta podermos falar hoxe de que as achegas das escritoras perténcenlle á literatura e son ferramenta que tamén os autores empregan na construción do texto literario, que xa non son exemplos illados e singulares os de autores que puxeron no centro do texto literario a realidade con nome de muller. (…)

Comentarios desactivados en «A subversión do feminino», artigo da poeta Marta Dacosta no dixital Terra e Tempo