Archive for Febreiro 23rd, 2012

Feb 23 2012

Preséntase en Santiago ‘Bretemada’, o poemario inédito de López Abente


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

A presentación desta tarde, ás oito no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC (escenario que visitei por última vez o 25 de febreiro do 2008 para defender a miña Tese de Doutoramento, A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero) continúa a ser recollida na prensa. Foino hoxe na edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia (que non se pode consultar na rede agás que sexades subscritores) e en El Correo Gallego, aínda que na edición en papel a nova aparece máis ampla. Desta volta o artigo vén asinado por ese excelente xornalista cultural chamado Fran P. Lorenzo, que fixera un labor inesquecible no vello Galicia Hoxe (nada a ver co actual raquítico dixital) xunto ao escritor Antón Lopo. Velaquí o adianto que se pode ler na rede, nesta ligazón.

Preséntase en Santiago ‘Bretemada’, o poemario inédito de López Abente
Alvarellos publica a edición deste xoia bibliográfica, ao coidado de Miro Vilar

FRAN P. LORENZO SANTIAGO
Xa queda moi atrás aquel ano de 1971 no que a Real Academia Galega lle dedicaba o seu Día das Letras ao poeta, narrador e dramaturgo muxián Gonzalo López Abente (1878-1963). Precisamente na sede da RAG, na Coruña, foi onde se conservou durante décadas Bretemada, un poemario de López Abente, que fora escrito entre 1917 e 1922, inédito, e cuxo orixinal durmía esquecido no tesouro bibliográfico da rúa Tabernas.
A editorial Alvarellos publicou en setembro pasado, -na súa colección Rescate, dirixida por Olivia Rodríguez-, unha edición dese libro, ao coidado do filólogo e poeta Miro Vilar. O volume, que engade ademais fotografías inéditas do autor e a reprodución das primeiras páxinas do mecanoescrito, conta cun limiar do presidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín, que se refire a Bretemada como “un acontecemento literario de altísima importancia”.
Más información en El Correo Gallego (edición en papel)

Doutra banda, o repositorio poesiagalega.org ofrece a nova sobre o proxecto de edición da Poesía Galega Completa de Gonzalo López Abente na colección Omnia de Espiral Maior, do que xa informamos tamén na páxina da Fundación.

Comentarios desactivados en Preséntase en Santiago ‘Bretemada’, o poemario inédito de López Abente